Xoves, 15 Maio de 2025

Tui permitirá ampliar as terrazas e anula a taxa de ocupación

0

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, anunciou no día de hoxe ao sector hostaleiro e de restauración do municipio “a exención das taxas das terrazas a todos os establecementos desde o inicio da declaración do Estado de Alarma e durante o tempo que se manteña esta situación extraordinaria”. Esta decisión foi acadada no seo da corporación municipal. Esta medida acompañarase ademais, da posibilidade de ampliar os espazos ocupados polas terrazas para facilitar así o cumprimento das recomendacións de distancias entre mesas e evitar a redución da capacidade na medida do posible.

Coa finalidade de facilitar ao máximo o procedemento de adhesión a esta medida por parte dos hostaleiros interesados, o Concello simplificará os trámites administrativos e só se deberán tramitar as peticións mediante instancia xenérica (cuxo modelo se pode descargar na sede electrónica ou en tui.gal) . Poderá presentarse a través da sede electrónica; de maneira telemática ([email protected]) ou por rexistro de entrada, indicando localización do local, proposta de ampliación e datos de contacto dos propietarios ou responsables. A partir dese momento, serán os servizos técnicos os que de forma individualizada estudiarán e resolverán caso a caso, atendendo ás características hostaleiras, urbanísticas e ambientais das instalacións e á súa relación coa contorna.

Por outra banda e coa finalidade de habilitar o maior espazo público posible o Goberno Municipal está axilizando a peonalización de diferentes rúas que permitan a convivencia da actividade comercial da cidade e un maior espazo público para o goce dos veciños e visitantes. En canto as condicións meteorolóxicas o permita comezarase polo Paseo da Corredoira.

A partir do próximo luns 11 de maio, no caso de entrar na Fase 1 da desescalada, os establecementos hostaleiros poderán atender aos seus clientes unicamente nas terrazas e co 50 % da súa capacidade habitual, para garantir o distanciamento entre mesas. Neste senso o alcalde facía un chamamento á “responsabilidade de todos” en canto a que “un retroceso ocasionaría un importante prexuízo na imaxe de seguridade que hoxe ofrece a nosa cidade”.

O goberno municipal entende que a hostalaría, xunto co comercio, serán os sectores máis golpeados tras case dous meses de paralización da actividade económica. Coa exención da taxa das terrazas e a ampliación do espazo das mesmas preténdese facilitar a recuperación da actividade no sector hostaleiro.

Esta medida únese as xa adoptadas e enmárcase dentro Plan de Reactivación local no que está a traballar o Equipo de Goberno e que incluirá novas medidas que contribuirán a paliar os efectos da crise económica e sanitaria no tecido empresarial local.

O Corpus de Ponteareas reinvéntase para celebrarse a través dunha ‘recreación virtual’

A imposibilidade de celebrar a Festa do Corpus Christi como tradicionalmente se viña facendo polas restricións provocadas pola pandemia da COVID-19, non impedirá que Ponteareas teña a súa festa grande. Así que a máis emblemática festa ponteareá se reinventará para, tal e como anunciou o alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, converterse nunha recreación virtual na que ” as novas tecnoloxías e canles de comunicación serán a ferramenta para continuar co legado herdado dos e das nosas maiores”.

Xosé Represas salientou que a proposta é tamén “un xeito de render homenaxe as e os alfombristas portadores desta tradición que lograron que Ponteareas sexa uha referencia mundial en Patrimonio Inmaterial”.

Nunha reunión mantida cos e coas representantes das rúas alfombristas e cos portavoces de tódolos grupos da Corporación, acordouse realizar unha campaña de difusión do Corpus Christi ponteareán utilizando as redes sociais para continuar coa difusión “desta seña de identidade e chegar a tódolos rincóns do mundo con imaxes, documentos e vídeos que deixen constancia da riqueza da nosa arte efémera”. “As nosas festas non pasarán desapercibidas, prolongaremos a tradición e será tamén o primeiro acto de promoción do Corpus 2021”, asegurou o alcalde ponteareán.

Os e as presentes na reunión foron unánimes na decisión de que tódolos tramos alfombristas volverán ser protagonistas na fin de semana de Corpus, dun xeito diferente que será definido ao longo destas semanas.

Xosé Represas adiantou que o Concello “asumirá íntegramente a edición dunha publicación que non será igual á tradicional revista Pregón pero que recollerá e promoverá esta fonda tradición cun enfoque distinto adaptado ás novas circunstancias”.

“Volveremos ter unha reunión quince días antes de Corpus para avaliar todas as posibilidades de difusión da festa e coñecer tamén as previsións da crise sanitaria. –engadiu o alcalde de Ponteareas– De momento seguiremos traballando para deseñar unha programación virtual que será consensuada coas persoas que fan posible o Corpus de Ponteareas”.

Tui modifica a Ordenanza de Emerxencia Social para poder pagar axudas económicas directas

0

Debido a necesidade detectada durante o estado de alarma de poder axudar ás familias cunha achega económica directa para a compra de alimentos, o Concello de Tui procedeu á modificación da Ordenanza Municipal de Axudas de Emerxencia Social. Tras ser aprobada no pleno extraordinario celebrado o pasado 16 de abril, onte publicábase no BOPPO a modificación desta ordenanza.

O obxectivo desta modificación dos artigos 13, 14, 16 e 17 é ampliar e mellorar o pagamento das axudas ás familias. Con este cambio posibilítase o pagamento das axudas concedidas de formas directa mediante transferencia bancaria. Deste xeito as familias poderán mercar os seus alimentos directamente. Están xa en trámite inicial un total de dez solicitudes presentadas até o de agora.

Dende onte están accesibles na web municipal os impresos de solicitude xunto coa documentación requirida, que poden ser consultados e desgargados nesta ligazón.

Estas axudas darán cobertura de necesidades básicas de carácter xeral: alimentos, vestido, … e gastos sanitarios e sociosantarios de carácter urxente. Tamén poden ser destinadas á fianza e aluguer de vivenda, subministros, equipamento básico ou aloxamento urxente.

Durante o Estado de Alarma dende o Concello de Tui tense atendido a 50 familias en situación de vulnerabilidade coa achega de alimentos básicos e produtos de limpeza e hixiene persoal. Segundo as estimacións realizadas esta cifra podería nas próximas meses ás 200 familias.

Servizo de compra de alimentos e entrega de comida preparada a persoas vulnerables

Debido á crise da COVID19 dende o inicio do Estado de Alarma púxose en marcha un servizo de compra de alimentos para persoas maiores que viven soas. Este servizo comezou a prestarse a cinco persoas, continuando na actualidade con catro, xa que unha delas se incorporou ao Servizo de Axuda no Fogar. Cómpre salientar que dende os Servizos Sociais contactouse con outras persoas que viven soas para ofrecerlles a axuda, pero non a non a precisaron xa que familiares ou veciños se encargan de realizarlles a compra.

Tamén dende o primeiro momento estableceuse contacto cun restaurante de Tui para que prestara o servizo de preparación de comida e entrega a domicilio. Esta opción foi prestada tanto ás persoas maiores que xa habitualmente acudían a este establecemento, coma a aquelas outras que a raíz da crise sanitaria o demandaron.

Nos primeiros días prestouse o servizo de adquisición da medicación que as persoas que viven soas puideran precisar, para que non saísen da casa, pero en pouco días as oito farmacias de Tui organizaron un sistema de reparto do medicamentos a domicilio ás persoas maiores que así o precisaban.

Para levar a cabo este labor os Servizos Sociais Comunitarios contan co apoio continuado da Policía Local e de Protección Civil.

Salceda creará unha exposición permanente sobre o Rancho de Reis

O Concello de Salceda de Caselas destinará un total de 11.770 € á creación da exposición permanente que levará por título ‘O rancho de Reis de Salceda de Caselas’, que estará ubicada no recibidor do Auditorio Municipal. A mostra estará financiada pola Deputación de Pontevedra dentro do Plan Concellos 2020 e contará con dúas zonas diferenciadas pero gardando concordancia entre sí. Por un lado instalaranse tres obras pictóricas de Xose Ramón Paz Antón que ilustran distintos momentos do Rancho de Reis de Santa María de Salceda. Na outra zona estarán ubicados tres expositores nos que se exporán os traxes representativos das figuras do rancho de reis de Salceda: os danzantes e a dama. Estes traxes son propiedade do Concello, e véñense cedendo anualmente para o seu uso ao rancho da Feira, estando a disposición das asociacións que os precisen.

Ademais haberá a posibilidade de ir ampliando a mostra coa exhibición de outros elementos representativos como as roupas de cabalos e cabaleiros ou imaxes actuais e antigas. Estas instalacións acompañaranse dunha nova decoración e iluminación do espazo acorde á temática e co obxectivo de por en valor a obra.

O concelleiro de Cultura, Alex Rodríguez, destacou a importancia da recuperación das nosas tradicións máis propias, “que conseguen diferenciar a Salceda do resto das manifestacións, por tratarse neste caso dunha composición única, distinta do resto de rancho de reis existentes”.

A danza de reis de Salceda, co seu canto, a súa música, a coreografía, a vestimenta e os usos sociais que rodean a súa representación, é a mellor mostra que se conserva de entre todas as danzas de reis que existiron na antiga provincia de Tui. Hai douscentos anos había ranchos en case todas as parroquias do sur da provincia de Pontevedra e daquel tempo quedaron só á celebración dos Reis de Salceda, de Río Frío, de Guláns e pouco máis. Esta manifestación é como un fósil cultural que nos ilustra sobre as celebracións profanas e relixiosas que se perden no río do tempo. O Rancho de Reis de Salceda xunto á súa curiosa transformación parcial no Rancho de Entroido, forma parte dun corpus máis amplo que son as danzas gremiais ou tamén denominadas ultimamente Danzas Brancas.

No caso de Salceda, o rancho desaparecera alá pola década dos 50. Na década dos 80 houbo un intento de recuperación por parte do Centro Cultural de Castro Barreiro que durou uns poucos anos pero que non conseguiu manterse. Sen embargo, no ano 2004 a asociación cultural o Serán recuperou o rancho de reis, que se mantén na actualidade, ao que se lle sumou a asociación cultural A Feira no ano 2018 coa recuperación do rancho de entroido e a continuación do rancho de reis.

Loli Castiñeira, alcaldesa de Salceda, agradeceu a implicación das diferentes asociacións na recuperación desta tradición, inicialmente o centro cultural de Castro barreiro, e na actualidade o Serán e a asociación cultural A Feira. “Estamos a falar de tradicións do pobo que non terían sentido sen a implicación directa do pobo. Unha vez máis a sociedade salcedense dá mostra do seu apego ás tradicións propias, e dende o Concello poremos todo da nosa parte para seguir a apoiar este tipo de iniciativas”.

O Concello da Guarda facilitará a ampliación de terrazas e o espazo do ‘mercadillo’ dos sábados

0

No pleno extraordinario do pasado martes día 5, aprobouse inicialmente a exención da taxa de terrazas do exercicio 2020 para todas aquelas que sexan competencia municipal. O alcalde trasladará unha solicitude a Portos de Galicia e Costas do Estado para que adopten as mesmas medidas nas terrazas da súa competencia, apelando a que todas as administracións deben poñer o seu gran de area para facilitar a recuperación económica.

Na mesma liña, diante da inminente apertura das terrazas ao 50 % da súa ocupación, que se producirá o luns día 11 coa entrada da fase 1 da desescalada, o equipo de Goberno iniciou o estudo das zonas nas que é posible permitir a ampliación do espazo adicado as terrazas, ben porque están situadas en zonas sen tráfico ou valorando a posibilidade de restrinxir a circulación. Neste sentido e para manter as medidas excepcionais de distanciamento social vaise a ampliar o espazo adicado ao mercado dos sábados. Así preténdese garantir a distancia entre os postos do mercado e unha correcta circulación dos veciños que acudan ao mesmo.

Continuando coa adopción de medidas cara a desescalada, esta mesma semana iniciáronse os contactos para contar coa implicación do sector empresarial da localidade, sobre todo daqueles sectores máis castigados pola situación de alarma, comercios e hostalería.

No pleno tamén se aprobou un recoñecemento de facturas por importe de 26.000 €  coa finalidade de trasladar a máxima liquidez as  empresas e autónomos. A corporación municipal, fora da orde do día, acordou manter reunións de portavoces para estudiar  medidas económicas cara á dinamización do sector comercial e hostaleiro da localidade.

O Rosal ‘saca a lingua’ polo Día das Letras Galegas

0

O Rosal continúa coas actividades para conmemorar o Día das Letras Galegas, este ano de xeito diferente, divertido e buscando implicar a toda a veciñanza. Xa está en marcha a iniciativa ‘Esta é a miña lingua’, unha mostra fotográfica que ten como obxectivo establecer un paralelismo entre a lingua galega e a lingua que teñen todos os galegos e galegas e a través da que se anima a todos os veciños e veciñas a participar enviando as súas imaxes botando a lingua.

Todas as persoas interesadas en participar poderán enviar fotografías de xente de forma individual ou en grupo sacando a lingua. Deberán ter formato horizontal e poderán remitirse por correo electrónico a [email protected] dende hoxe mesmo ata o vindeiro mércores 13 de maio. No asunto do correo debe aparecer ‘A imaxe da lingua’ e no corpo ten que incluírse o nome e apelidos das persoas que aparezan na fotografía.

As imaxes publicaranse na web do Concello e nos seus perfís nas redes sociais co hashtag #estaéamiñalingua e non se descarta a posibilidade de facer un cartel cun mosaico no que aparezan todas as fotos enviadas polos rosaleiros e rosaleiras. No caso de haxa menores de idade na imaxe, darase por feito que os adultos responsables deles dan o seu consentimento expreso para a utilización da imaxe tanto na web como nas redes sociais.

O envío da fotografía suporá a aceptación das bases da mostra e a cesión dos dereitos da imaxe ao Concello do Rosal para a súa publicación ou para o seu arquivo na base de datos.

Todos e todas a sacar a lingua!

O mundo local pide paso para ter presenza na toma de decisións no proceso de saída da crise

Instar a todas as administracións competentes para que as entidades locais teñan presenza e sexan tidas en conta no proceso de desescalada e de saída da crise sanitaria, foi hoxe a reivindicación principal que compartiron a Deputación de Pontevedra e os sete concellos da provincia de entre 20.000 e 50.000 habitantes. O encontro telemático que mantivo a presidenta Carmela Silva cos alcaldes e alcaldesas de Vilagarcía, Redondela, Ponteareas, Cangas, Lalín, Marín e A Estrada desenvolveuse nun clima de cordialidade, lealdade e vocación de acordos, e concluiu coa vontade de traballo conxunto e de consensos para delimitar liñas claras de actuación dos entes locais.

“Estamos nun momento no que hai que conseguir respostas unánimes e acordadas para dar saídas claras á cidadanía”, dixo a presidenta provincial, que agradeceu o esforzo dos concellos por asumir competencias impropias para dar solucións ás necesidades urxentes da súa veciñanza. Silva mostrou o seu compromiso de trasladar ao Estado e á Xunta de Galicia a esixencia de que se conte co mundo local, “que está a demostrar que é o que mellor sabe traballar na proximidade, e iso nos enche de razóns para que entendan que necesitamos recursos”. Do mesmo xeito explicou que “moitas decisións teñen que ser cautelosas porque aínda nos coñecemos o escenario das axudas que deben chegar da Unión Europea, do Estado e da Xunta de Galicia”

De feito, a coordinación entre todas as administracións e a definición dun marco de actuación con liñas claras do que poden facer os concellos, foi unha reivindicación común dos sete alcaldes e alcaldesas, unha ferramenta fundamental que compartiu a presidenta, “para ter seguridade e non entrar nunha tolería que fai que todas e todos tentemos facer o mesmo de xeito ineficaz. Debemos ter un plan coordinado para que cada administración faga o seu e que as accións das demais sexan complementarias”. Nesa liña, Carmela Silva ofreceu a posta en marcha “deste plan de acción local, consensuado con todos os concellos de menos de 50.000 habitantes, co que adquiramos o compromiso de funcionar con ese modelo”.

Carmela Silva apelou á flexibilidade, á cautela, á prudencia, á valentía e á solidariedade “como as claves para tomar decisións serias e rigorosas”

A presidenta provincial, que apelou á flexibilidade, á cautela, á prudencia, á valentía e á solidariedade “como as claves para tomar decisións serias e rigorosas”, confirmou que a institución está a avanzar na modificación do Plan Concellos para que se poda destinar unha porcentaxe da Liña 1 de investimentos tanto á Liña 2 como á Liña 3 de Emprego, así como a outras urxencias que teñan os municipios sempre que estean dentro das súas competencias. Esta modificación, que se levaría a aprobación do pleno de maio, levaría engadida a ampliación dos prazos e que os concellos puidesen modificar peticións de obras que xa foran realizadas. Segundo explicou, tamén se está a estudar abrir unha vía de modificación do orzamento xa que se están a avaliar todos os programas da Deputación que, polas súas características, supoñan afluencia de persoas e relacións interpersoais, “a fin de tomar decisións prudentes sobre a conveniencia da súa celebración e do posible destino deses recursos aos concellos da provincia”

No encontro, a presidenta da Deputación comprometeuse cos alcaldes e alcaldesas dos sete concellos á maior axilización na medida do que permiten os procedementos; recolleu as propostas feitas polos concellos como unha maior aposta polo mundo rural “que agora recobra unha forza extraordinaria”; e comprometeuse a trasladar aos concellos iniciativas de asesoramento técnico que axuden a dar resposta a moitas demandas cidadás e do tecido socio económico dos municipios. Do mesmo xeito, explicou que seguirá insistindo ante a Xunta para “que sente tamén ás entidades locais nunha mesa para a reconstrución de Galicia e para poñer en marcha un Plan de Desinfección que será obrigado a corto, medio e longo prazo”.

Pola súa banda, os alcaldes e alcaldesas expresaron demandas como instrucións claras das administracións para saber como actuar; maior flexibilidade na Lei de Contratación ou das Facendas Locais; que se permita a utilización dos superávit e remanentes como está pedindo a FEMP; asesoramento para facer a desescalada; que a Consellería de Sanidade lles faga chegar os datos sanitarios dos seus concellos; e procedementos menos encorsetados, máis rápidos e claros.

Carmela Silva tamén detallou a situación das axudas, medidas, e programas que a Deputación activou ao fío da crise, con especial fincapé no turismo e nos sectores produtivos. Confirmou que a Deputación xa ten o primeiro avance de datos do estudo de impacto do COVID no turismo, que será a folla de ruta para o Plan de Reactivación. De igual forma, xa están calendarizadas as reunións cos concellos con festas de interese turístico, e con aqueles que son emprazamentos dos festivais de cine e dos Rías Baixas Fest. Tamén se falou de promoción coas dúas novas iniciativas que xa están en marcha: a campaña de apoio ao consumo de produtos de proximidade e a campaña orientada á dinamización do comercio local diferenciada por comarcas que comezará a próxima semana. A presidenta tamén puxo en valor a excelente resposta a todas as medidas implementadas cara aos sectores produtivos como a axilización de pagos para inxectar liquidez e as actuacións de Smartpeme con plans de continxencia destinados a persoas autónomas, emprendedoras e pemes. Amais, nos próximos días activarase un novo programa de asesoramento personalizado ás empresas, a fin de facilitarlles o proceso de acceso a axudas, ERTES e ferramentas activadas no estado.

Nigrán reabre o Punto Limpo en horario provisional matinal

0

O Concello de Nigrán, coincidindo co inicio da desescalada ante o Covid-19, reabríu esta semana o Punto Limpo da rúa Gándara en horario provisional matinal, de 9:00 a 14:00 horas, de luns a sábados. Este horario se manterá durante todo o periodo de desconfinamento (en todo caso o Concello anunciará calquera posible cambio ata recuperar o horario definitivo, que inclúe algunha tarde).

As achegas deberán realizarse seguindo todas as medidas de seguridade, acudindo con mascara e mans convintemente desinfectadas. Neste lugar se deben depositar todos aqueles residuos urbanos que non teñen cabida nos contedores convencionais de reciclaxe polo seu tamaño ou a súa composición (a perigosidade que leva aparellada), como electrodomésticos, produtos químicos, pilas, baterías…

Redondela pon en marcha un servizo específico de información e consultas relacionadas coa COVID-19 para Pemes e autónomos

0

A partir do 11 de maio, Pemes, autónomos e autónomas e persoas traballadoras de Redondela, poderán contar cun servizo de atención persoalizada, apoiado por expertos nos distintos ámbitos temáticos, no que se resolverán as dúbidas que se lle poidan presentar e se lles informará das axudas de carácter fiscal, laboral e económico postas en marcha pola emerxencia sanitaria da COVID-19.

Trátase, segundo a alcaldesa Digna Rivas, de poñer ao alcance do sector produtivo do municipio “todas as ferramentas precisas que lle axuden, á maior brevidade posible, a unha volta á normalidade”.

A páxina web do Concello de Redondela conta cunha sección específica COVID-19, na que se recollerá información para Pemes, autónomos e autónomas e persoas traballadoras. Para unha maior funcionalidade, a páxina conta cun apartado de ‘Consultas frecuentes’ na que se irán rexistrando as preguntas recibidas polo servizo de asesoramento e as respostas que poidan ser de interese para outras empresas ou persoas con problemáticas similares.

Cómpre salientar que, dende o primeiro momento, a web do Concello de Redondela puxo a disposición tanto das empresas como da veciñanza, unha sección cun apartado específico no que se detallan as medidas postas en marcha, tanto polo Goberno da nación como pola Xunta de Galicia, Deputación de Pontevedra e Goberno local para paliar os efectos que, esta crise sanitaria sen precedentes, está a provocar no tecido empresarial local.

Esta sección de información sobre a COVID-19, “amplíase agora con este servizo específico para o sector produtivo de cara a resolver as dúbidas que se lle poidan presentar e a darlles conta das líneas de axuda habilitadas polas distintas administracións”

A alcaldesa subliñou que tanto esta sección web COVID-19 coma o servizo de consulta específico para Pemes, persoas autónomas e persoas traballadoras, forman parte “dun amplo plan de reactivación local no que traballa do Equipo de Goberno” e que, adiantou a rexedora local “incluirá un amplo abano de medidas de contención dos efectos que, a crise sanitaria, está a provocar no municipio”.

Nesa liña, concluíu Digna Rivas “o Goberno está elaborando un ‘Plan de choque’, para o que se contará coa participación da Asociación de Empresarios e persoas autónomas do municipio no que se inclúan unha serie de medidas concretas que axuden a contrarrestar o impacto que, para a nosa economía local, supón esta crise tanto económica como sanitaria”.

Salceda destina máis de 43.000 € a axudar ás familias máis desfavorecidas pola COVID-19

O Concello de Salceda de Caselas destinará un total de 43.137,79 € á atención ás familias máis desfavorecidas dentro da crise orixinada polo coronavirus a través do Programa de alimentos. A financiación será sufragada dentro de dúas liñas de subvención da Diputación de Pontevedra, unha delas específica para paliar os efectos da crise do coronavirus, e a outra dentro do Plan Concellos 2020. Esta aportación ven a unirse aos 5.000 € que o futbolista salcedense Denis Suárez destinara xa a este mesmo concepto no inicio da crise.

As familias que precisan atención a través do programa de alimentos do Concello de Salceda duplicáronse dende o inicio da crise do coronavirus, situándose nestes momentos nas 54 familias atendidas, con especial seguemento naqueles casos nos que teñan menores a cargo.

Loli Castiñeira, alcaldesa de Salceda

A maioría dos casos son unidades de convivencia que non tiñan historia social no departamento de servizos sociais porque tiñan unha situación, en maior ou menor medida, normalizada de ingresos. Neste momento resulta fundamental que todas as administracións se volquen na axuda aos colectivos mais vulnerables, e os servizos sociais de atención comunitaria básicos son a porta de entrada destas demandas e deben dar resposta áxil a estas necesidades básicas, polo que dende o Concello de Salceda tomouse a decisión de destinar estas dúas subvencións ao Programa de Alimentos.

Este investimento suporá ademais un importante apoio para os supermercados da vila, pois toda a xestión realizarase a través deles, con entrega de vales de compra a través do departamento de servizos sociais para consumir nos supermercados locais, válidos para adquisición de alimentación de primeira necesidade e produtos básicos de limpeza.

A concelleira de Benestar Social, Gela Ledo, asegurou que, dende o Concello, “non imos escatimar esforzos en axudar ás persoas que o están a pasar peor nestes momentos” e quixo agradecer “as numerosas mostras de solidariedade e achegas recibidas nestas últimas semanas para o Programa de Alimentos”.

A responsable de Benestar social subliñou o traballo que, dende o inicio desta crise, está a facer o departamento de Servizos sociais “para atender as numerosas demandas que se lles presentan, polo que queremos trasladarlle todo o noso agradecemento ás traballadoras do departamento pola gran laboura realizada”

Pola súa banda, Loli Castiñeira, alcaldesa de Salceda, lembraba que “as administracións públicas temos a obriga de apoiar ás familias máis desfavorecidas, máis que nunca en tempos complexos como o que estamos a vivir”.

Castiñeira cualificou de “imprescindible” o apoio do resto das administracións “para a atención a estas persoas, pois doutro xeito sería imposible para os Concellos pequenos asumir estas aportacións, polo que apelamos a que Xunta e Goberno Central ofrezan tamén este tipo de liñas de axuda”.

O Condado incorporará dúas novas mestras e mestres composteiros para atender os centros de compostaxe comunitaria

O Condado contará con dúas novas mestras e mestres composteiros para atender os centros de compostaxe comunitaria na comarca a partires do vindeiro día 15 de maio. Segundo explicou o deputado Uxío Benítez, este persoal pasará a ser laboral interino nos concellos de Mondariz, As Neves e Ponteareas, se ben será a propia institución provincial a que, por medio dunha subvención ao abeiro do Plan Revitaliza, fará fronte ao salario íntegro dos oito meses que quedan este ano, e a parte nos dous exercicios seguintes (50% no 2021 e 30% no 2022).

Así, a partir de mediados de mes, o novo persoal sumarase ao persoal técnico da institución provincial e aos outros mestres composteiros que xa estaban incorporados nos municipios de Mondariz e As Nevese grazas á anterior liña de axudas da Deputación. No caso de Ponteareas producirase unha substitución do mestre composteiro, que causou baixa. Nos primeiros días a previsión é que as e os mestres (MECOS) realicen tarefas de ‘achegamento’, para despois realizar un labor moito máis exhaustivo de control ‘in situ’, así como de seguimento tamén dos composteiros individuais e promoción da compostaxe en xeral.

Dado que o tratamento de lixo está considerado un servizo esencial, nestes momentos de crise sanitaria están activos todos os centros de compostaxe da provincia dependentes do Revitaliza. Estes son atendidos por un servizo básico de mestras e mestres composteiros da Deputación que realiza os labores de control do proceso así como de mantemento das garantías sanitarias. Durante as semanas do estado de alarma a equipa do Revitaliza ten constatado un aumento moi significativo das achegas de residuos orgánicos nos composteiros. De feito, o nivel de enchido tense duplicado como media e case cuatriplicado nalgúns centros de compostaxe comunitaria.

Segundo lembrou o deputado responsable do Revitaliza Uxío Benítez, para a concesión das subvencións da Deputación aos concellos tivéronse en conta diferentes parámetros. Principalmente, a experiencia acumulada no tratamento dos residuos orgánicos a través da compostaxe tanto nos centros de compostaxe comunitaria (CCC) como a través de composteiros individuais de exterior (COIN), ademais da realización doutras accións destinadas a fomentar a separación en orixe da FORM e a reciclaxe do resto das fraccións. Tamén se valorou a posibilidade de que os concellos teñan posibilidade de acadar o tratamento progresivo da totalidade da fracción orgánica de residuos municipais por medio de composteiros.

No día de hoxe celebrouse a selección de destino dos mestres e mestras baixo a supervisión do deputado, do asesor Carlos Pérez, así como doutro persoal técnico provincial. Os MECOS irán tamén a outros concellos: Illa de Arousa, O Grove e Valga na zona do Salnés; Bueu, Cangas, Vilaboa e a Mancomunidade no Morrazo; A Guarda e Tui no Baixo Miño; Gondomar no Val Miñor; e Poio e Ponte Caldelas na comarca de Pontevedra. Finalmente, aínda que non estaba previsto, foi preciso seleccionar outra persoa máis para cubrir a baixa do mestre composteiro do Concello de Ponteareas, concedido na anterior subvención da Deputación.

Hai que lembrar que na primeira axuda á contratación de persoal aos concellos adheridos ao plan de compostaxe provincial puxéronse en marcha trece postos técnicos para os concellos de Tomiño (2), Soutomaior, Moaña, O Grove, Illa de Arousa, Cambados, Baiona, Mondariz, Sanxenxo, Ponteareas, As Neves e O Rosal. Todos eles están sufragados económicamente en parte aínda agora pola Deputación.

O Concello de Ponteareas reúnese cos sindicatos para dar a coñecer as medidas para a progresiva reincorporación do persoal

O concelleiro de Persoal do Concello de Ponteareas Ponteareas, o socialista Benito Márquez, mantivo unha reunión informativa coas seccións sindicais con representación nas mesas de negociación, co obxectivo de dar a coñecer as novas medidas que o Concello ten previsto adoptar para a progresiva reincorporación do persoal municipal.

A reunión, á estaban invitados tódolos sindicatos con representación no Concello, –UGT, CCOO, CSIF (que non puideron asistir) e CIG– tivo lugar de maneira telemática onte luns 4 de maio e estivo limitada a dous membros por cada unha das forzas sindicais.

Do mesmo xeito, á reunión tamén foron invitados a concelleira de Emprego, Vanesa Fernández; os membros da Comisión de Seguimento do Covid-19 do Concello, –da cal asistiron o alcalde, Xosé Represas; a concelleira de Vías e Obras, Chus Garrote, e a concelleira de Sanidade, Cristina Fernández– así como tamén o técnico de prevención da empresa de Riscos Laborais do Concello (Taprega), Carlos Fole.

CCOO remitira, o pasado 27 de abril, un escrito dirixido ao concelleiro de Persoal no que solicitaban esta reunión para establecer de que maneira se tería que realizar a desescalada. Nese escrito sinalaban as medidas de protección mínimas que, ao seu criterio, deben garantirse durante este proceso, e solicitaban “realizar el diseño de un proceso de retorno al trabajo escalonado en función de lo que las autoridades sanitarias vayan recomendando y teniendo en cuenta aspectos tanto de salud como de conciliación de la vida laboral y familiar”.

O sindicato UGT, pola súa parte, noutro escrito remitido ao Concello o 28 de abril solicitaba ao concelleiro Benito Márquez “a elaboración dun Plan de Continxencia ou dun Protocolo de Saúde e Seguridade para cada un dos e das traballadoras de cada un dos departamentos deste concello”.

Benito Márquez trasladoulles, no decurso da reunión, que dende a Concellería de Persoal xa se tiña contratada dende o 24 de maio á empresa de Prevención de Riscos Laborais do Concello, Taprega, para a elaboración dun plan de continxencia para todo o Concello, e ademais, un específico para a residencia da terceira idade Santa Ana.

O Ministerio de Traballo fai referencia na súa guía ‘Medidas para la prevención de contagios de la COVID-19’ a elaboración de Plans de Continxencia Específicos onde se establezan as pautas de actuación que permitan a continuidade da actividade produtiva garantindo a seguridade e a saúde persoal fronte a exposición a COVID-19. “O obxectivo dos plans de continxencia –indicou o concelleiro de Persoal Benito Márquez– é identificar o risco de exposición ao virus das diferentes actividades que se desenvolven, para adoptar medidas de protección en cada caso de acordo coa normativa aplicable en cada momento”.

Do mesmo xeito o concelleiro explicou que se encargou tamén un Plan de Continxencia específico para a Residencia Santa Ana, en tanto a guía do Ministerio de Sanidade ‘Guía de prevención y control frente al COVID-19 en residencias de mayores y otros centros de servizos sociais de carácter residencial’ establece que os centros “deben de dispoñer de plans de continxencia adaptados ás características de cada centro e dirixidos á prevención e a resposta ante a aparición de casos e brotes de COVID-19”, indicou o concelleiro.

Benito Márquez comprometeuse en dita reunión a trasladar o Plan de Continxencia aos sindicatos unha vez este sexa remitido pola empresa encargada da súa redacción e a ter unha reunión para valoralo conxuntamente, e sinalou asemade que “aínda que a desescalada vira marcada polas directrices do Goberno central e autonómico, o Concello non deixou de traballar nun futuro escenario para que a saúde dos empregados municipais non corra ningún risco, e, ademais, conten con toda a información relativa as medidas de actuación nos seus postos e traballo”.

Por ultimo, Benito Márquez quixo destacar e agradecer publicamente “a labor realizada durante esta crise sanitaria polos traballadores municipais”, que permitiron que o Concello “seguise funcionando e seguise ofrecendo o apoio necesario nestes duros momentos”.

Baiona distribúe pantallas de protección entre o comercio do municipio

0

Persoal de Protección Civil do Val Miñor e persoas voluntarias de Baiona distribuíron, ao longo da mañá de onte, pantallas de protección entre os establecementos comerciais do municipio que, durante o estado de alerta, seguen a desenvolver a súa actividade ao estar estas incluídas nas consideradas como servizos esenciais no decreto do Goberno de España.

Trátase, segundo Carlos Gómez, alcalde de Baiona, de contribuír “a que os nosos veciños e veciñas que teñen que manter os seus negocios abertos, poidan desenvolver a súa actividade coas maiores garantías sanitarias posibles”.

A maiores do reparto que se fixo onte, se algún establecemento precisara de algunha máscara máis, non ten máis que poñerse en contacto co Concello de Baiona, que lle fará chegar ese material de protección.

O Concello, pola súa banda, distribuíu tamén estas pantallas “entre o persoal municipal que, pola natureza do seu traballo, está máis exposto e que, polo tanto precisa dunha maior protección” apuntou Carlos Gómez.

A distribución de material desta mañá, engádese a outras medidas de protección adoptadas polo Concello de Baiona dende as primeiras fases da crise da COVID-19, como pode ser a desinfección de lugares sensibles ou de maior afluencia de persoas; ou medidas encamiñadas a facilitar que a veciñanza puidera cumprir coas normas de confinamento achegándolles produtos de primeira necesidade ás familias máis vulnerables ou mesmo o material de estudo aos nenos e nenas seguindo as recomendacións dos propios centros escolares.

Nigrán inicia o reparto de máscaras de protección, pantallas e abreportas para os establecementos que abren ao público

0

O Concello de Nigrán iniciou onte luns a entrega de paquetes de autoprotección entre 30 establecementos de todo o municipio que retomaron a súa actividade. Os paquetes entregados constan de 5 máscaras homologadas, 5 solidarias (confeccionadas artesanalmente), 5 pantallas autoprotectoras realizadas con impresoras 3D e 2 abreportas lu-touch doados pola empresa Akwel Spain a través dun dos seus empregados, veciño de Nigrán.

Todos os interesados deben escribir un mail de solicitude a [email protected] e nese mesmo día lle serán entregadas no respectivo local polo servizo municipal de axuda ante a COVID-19, do que forma parte todo o goberno local. O Concello investíu 15.000 € na compra de 22.000 máscaras homologadas e o primeiro obxectivo do Goberno local é que os negocios abran as súas portas con total seguridade para traballadores e clientes (peluquerías, clínicas de fisioterapia, tendas de moda…).

[su_image_carousel source=”media: 14866,14864,14863,14862,14867″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

Este primeiro reparto forma parte da compra de 22.000 unidades realizado por parte do Concello de Nigrán para subministrar entre toda a veciñanza (a poboación total do municipio non chega aos 18.000 habitantes). A primeira remesa de 4.000 unidades homologadas xa está dispoñible e é esta na que se dá prioridade aos establecementos comerciais. A previsión é que ao longo da semana cheguen as 18.000 mascarillas restantes, que se distribuirán entre os veciños (informarase convintemente de como obtelas).

“Ao longo deste tempo estivemos repartindo todas as mascarillas que recibimos entre os colectivos que máis expostos ao Covid-19 e os que traballaban cos sectores máis vulnerables, como residencias de maiores, coidadoras a domicilio, centros de saúde, taxistas, tendas de alimentación… Agora que ao fin conseguimos facer unha compra masiva, estamos en disposición de repartir entre toda a veciñanza e, nun primeiro paso, entre os establecementos comerciais que abren o luns e que precisan dispoñer de medios para iniciar a súa actividade con seguridade” , indica o alcalde, Juan González.

O BNG de Redondela propón a “humanización integral” con carril bici da Avenida Mendiño

0

O portavoz do BNG de Redondela, Xoán Carlos González, asegurou hoxe que as obras que se van a realizar na Avenida Mendiño, supoñen “unha oportunidade única para convertela nun espazo urbanbo para a veciñanza” e lamenta que o proxecto da Xunta de Galicia “cree zonas de primera e de segunda”.

Apunta igualmente o edil nacionalista a proposta de crear “un carril bici ao longo de toda a estrada para convertela nunha verdadeira estrada humanizada, por onde a veciñanza poida moverse cómodamente dende o centro de Redondela, ata un espazo de lecer como o Peirao, a Praia de Cesantes, e o futuro Paseo. Ademáis unha vez feita a obra, podería pasar perfectamente a titularidade municipal”, apunta.

O BNG redondelán analizou polo polo miúdo o proxecto remitido pola Xunta de Galicia para a renovación desta avenida, unha obra para a que o Concello de Redondela deberá achegar 433.000 euros dun total de 1,6 millóns de euros de investimento.

O Proxecto contempla a construcción dunha rotonda no acceso a Redondela dende a N-552, e a partir de aí ata a que xa existe no acceso a pavillóns e institutos, aumentan a beirarúas empedradas, “a costa de eliminar o arborado actualmente existente” explica o BNG. A partir desa rotonda ata o Centro de Saúde, as beirarúas actuauis cambianse por firme feito en cemento. “Dende aquí ao Peirao de Cesantes, prácticamente só se renova o asfalto, sen que melloren os espazos polos que se moven os peóns e persoas”.

Para os nacionalistas, no seu treito inicial desenvólvese unha actuación “fastuosa”, mesmo renovando todo o aparcadoiro da explanada con beirarúas empedradas na marxe do río, e ata diante de Aqualia. Paseniñamente o proxecto perde “categoría”, –afirma Xoán Carlos González– “para quedar a zona da avenida Mendiño, onde se concentran vivendas, varios negocios de hostalaría e o Centro de Día, prácticamente igual que na actualidade”.

Chaman a atención os nacionalistas sobre o feito de que “tálanse os plataneros, para gañar espazo ao aparcadoiro, e malia que prantan árbores de baixo porte, o acceso escolar, e esparexemento vai quedar claramente afogado en contradición coa concepción de cidade amable, roteiros accesíbeis, e cidade da infancia polas que cómpre apostar realmente”, manifestan.

González xustifica a decisión de non votar a favor do Convenio de Colaboración como si fixeron PP, PSOE, AER, “ademáis de porque non podemos apoiar que se cren zonas de primeira e segunda división. A veciñanza de Cesantes, tamén ten dereito a non ten que convivir con coches na porta da casa”.

Finalmente dende o BNG consideran como “única posibilidade” de modificar substancialmente o Proxecto da Avenida Mendiño nun cambio de Goberno na Xunta que priorice a movilidade peonil e en bicicleta, sobre o coche particular.

Uxío Benítez critica a “inacción de Feijóo” ante o peche dos pasos na fronteira entre Pontevedra e Portugal mentres abren noutros lugares de España

O deputado de Cooperación Transfronteiriza e director do AECT Río Miño, Uxío Benítez, criticou hoxe a “inacción” do presidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo ante o mantemento do peche dos pasos na fronteira entre Pontevedra e Portugal mentres, ao mesmo tempo, están a abrir outros puntos de acceso ao longo da ‘raia’ noutras comunidades autónomas do Estado, como hoxe aconteceu en Villanueva del Fresno, en Extremadura, grazas ás peticións do seu xefe do executivo rexional, Guillermo Fernández Vara.

Benítez destaca que existe unha clara “diferenza de trato” entre localidades a pesares de que o único paso que existe entre Pontevedra e Portugal, o paso de Tui-Valença, é con diferencia o de maior número de tránsitos na fronteira de todo o Estado. O deputado nacionalista subliña que a actividade económica e a circulación de persoas no punto fronteirizo pontevedrés chega a cuadriplicar -con 44.000 persoas- a outros como os de Vilar Formoso – Fuentes de Oñoro (Salamanca), con 11.400 persoas diarias ; o de Elvas- Caya (Badaxoz), con 9.800 personas; ou o de Vila Real de Santo António e Ayamonte, con 5.400 persoas diarias.

A día de hoxe só hai un paso aberto autorizado para todos e todas as traballadoras que deben moverse entre un lado e outro. Mentres, en Extremadura hai abertos xa tres (Cilleros, Valencia de Alcántara e Caya)

“O territorio transfronteirizo do Miño é dos máis dinámicos de toda Europa. É a fronteira máis poboada pola centralidade entre Vigo e Porto. Temos o maior fluxo de relacións comerciais, industriais, económicas, sociais, lingüísticas e culturais…. Tendo só 70 quilómetros dos 1.200 de toda a fronteira con Portugal temos o paso do 49% dos vehículos… E a día de hoxe só hai un paso aberto autorizado para todos e todas as traballadoras que deben moverse entre un lado e outro. Mentres, en Extremadura hai abertos xa tres (Cilleros, Valencia de Alcántara e Caya)”, subliñou o deputado.

O responsable nacionalista destacou que é preocupante a “inacción” da Xunta de Galicia. Subliñou que o goberno galego é coñecedor de todos os datos de actividade económica do territorio transfronteirizo do Miño, xa que o propio Núñez Feijóo alterna na presidencia e vicepresidencia da Comunidade de Traballo de Galiza-Norte de Portugal que agora dirixe o país luso. “Dende esa posición, que reclamou Feijóo na reunión de onte entre Sánchez e os presidentes autonómicos? Parece que nada relativo á nosa fronteira. Temos un presidente ausente, que non nos defende”, cuestionou Benítez, para explicar que, pola contra, o presidente Extremeño Fernández Vara fixo especial fincapé na reclamación da normalización de todos os pasos de fronteira do seu territorio -varios abertos xa dende o 17 de marzo de maneira ‘xustificada’ pola importancia da actividade ecoonómica-, sobre todo para as persoas traballadoras.

Benítez reclamou a Feijóo que exerza de presidente tamén para as galegas e galegos do sur de Galiza, e se una á primeira liña na reclamación da apertura inmediata de novos pasos na fronteira galego-portuguesa. Lembrou que a semana pasada o AECT Rio Minho xa trasladou aos respectivos gobernos centrais de España e Portugal unha declaración conxunta asinada polos representantes das câmaras municipais e dos concellos do territorio transfronteirizo do río Miño neste sentido. Ademais, no escrito enviado tamén se solicitou coordinación entre os Estados español e portugués na posta en marcha das medidas de desescalada, “evitando partir en dous as eurocidades existentes e os territorios transfronteirizos en xeral”.

Hai que lembrar que as dificultades, contratempos e gastos para os traballadores transfronteirizos téñense multiplicado co peche da fronteira. Como exemplo, unha traballadora de Arbo que teña que trasladarse a Melgaço, nunha viaxe que antes era de apenas uns seis quilómetros –apenas cruzar a ponte- agora convértese nun traxecto duns 120 quilómetros ao ter que ir ata Tui para cruzar a fronteira e despois volver dende Valença pola parte portuguesa á vila de Melgaço. No caso de ter que facer unha viaxe de ida e o regreso ao domicilio cada día, serían uns 240 quilómetros diarios, co que iso supón en tempo de desprazamento, tempo no control da fronteira e, gastos de combustible, entre outras problemáticas.

Antes do peche de fronteiras, na provincia de Pontevedra había seis puntos de acceso e saída a través de pontes sobre o Miño: A Guarda, Tomiño, Tui (dous), Salvaterra e Arbo. Agora só permanece aberto un en Tui.

A Guarda informa sobre as subvencións que concede o INEGA para aforro enerxético

0

O concello da Guarda vén de poñer en coñecemento de todos os interesados e interesadas que o Instituto Enerxético de Galicia fixo público o mapa de apoios ‘Enerxía 2020’ con axudas e subvencións para Entidades sen ánimo de lucro, Empresas, Autónomos e familias en xeral.

Este catálogo de axudas e subvencións están xa dispoñibles con apoios para proxectos ao longo do ano 2020 sobre aforro e eficiencia enerxética, mobilidade eficiente, aforro nas familias, enerxías renovables, axudas complementarias ao bono social e fomento da minería.

Entre os proxectos subvencionables atópanse actuacións en materia de auditorías enerxéticas, domótica eficiente, renove de electrodomésticos, biomasa, enerxía solar térmica e fotovoltaica, implantación de sistemas de xestión, entre outros.

As persoas ou entidades interesadas poden ampliar máis información na web do inega www.inega.gal

Luz verde á reapertura da tempada de pesca tradicional no treito internacional do Miño

0

Na tarde onte domingo, o Concello de Arbo recibiu unha comunicación da Comandancia Naval do Miño na que se informaba aos concellos de Arbo, Crecente, As Neves e Salvaterra de Miño que, logo das pertinentes consultas á Delegación do Goberno en Galicia, procedíase a reapertura da pesca tradicional no río miño dende as este luns 4 de maio.

A decisión adóptase despois da reunión mantida o pasado sábado entre a alcaldesa de Salvaterra, Marta Valcárcel e os alcaldes de Crecente, Arbo e As Neves, –Julio César García-Luengo, Horacio Gil e Xosé Manuel Rodríguez Méndez– na que os rexedores locais falaban de “agravio comparativo” que no treito portugués do río Miño o Goberno luso decidira autorizar a pesca tradicional, mentres que no mesmo río, pero na beira galega, estivera prohibida.

No seu escrito, do que demos conta neste xornal, dirixido á Delegación do Goberno en Galicia solicitaban a reapertura da tempada de pesca tradicional nas ‘Pesqueiras’ do treito internacional do Miño, “tendo en conta que este tipo de actividade esta considerada como pesca tradicional con destino autoconsumo”.

O alcalde de Arbo, Horacio Gil, agradeceu hoxe “a sensibilidade amosada cos catro concellos e cos pescadores de lamprea de estes municipios”. O rexedor recorda que tal e como informa a Comandancia Naval do Miño, para o desenvolvemento desta actividade, “os pescadores con licenza en vigor de pesca tradicional desde pesqueiras, deberán cumprir as medidas establecidas polo Goberno para previr o contaxio, así como a obrigación do emprego de chaleco salvavidas”.

O BNG de Mondariz Balneario denuncia que “o exceso de gasto en ano electoral” obriga a un reaxuste orzamentario

O BNG de Mondariz Balneario deu conta que “despois de varios anos nos que os investimentos en obra municipal do concello de Mondariz Balneario se mantiveron nunha media de 200.000 €, no pasado ano 2019 este gasto acadou o récord histórico, cun importe total de 786.587,10 €”. O Bloque, a través do seu portavoz municipal, César Gil, indocou que para facerse unha idea da magnitude deste investimento, “cómpre saber que as previsións iniciais de ingresos anuais contemplados nos orzamentos dos últimos catro anos son de 900.000 €, cantidade coa que o Concello ordinariamente cubre os gastos de persoal, as obras e a totalidade dos servizos que presta”

A intervención municipal informou o pasado 24 de xaneiro, segundo indica a formación nacionalista, que o incremento no gasto xerado provocou que o concello incumprise a ‘regra de gasto’, cun desfase estimado en 335.393 €. O BNG sinala que “este desfase obrigou ao goberno municipal a elaborar un Plan Económico Financeiro, que logo de superar a aprobación plenaria deberá ser aprobado por Facenda”.

O Plan, que foi rexeitado polo BNG, tratouse este xoves nun Pleno celebrado presencialmente con dous meses de atraso sobre o prazo previsto pola Lei 2/2012 de Estabilidade Orzamentaria e Sostenibilidade Finaceira, que marca un mes desde o informe da intervención.

O BNG argumentou o seu rexeitamento a dito plan, acusando ao goberno de José Antonio Lorenzo pola “indefinición das medidas incluídas nel, pola falla de criterio na planificación dos investimentos e sobre todo pola realización dos investimentos en ano de eleccións municipais, guiados exclusivamente por criterios electoralista sen importarlle provocar a desestabilización orzamentaria”.

O Portavoz Municipal do BNG, César Gil, destacou tamén “o atraso na execución das obras que motivaron o desaxuste, xa que estas terían que estar rematadas xa en 2019”. Gil fixo referencia ás obras da propia casa do concello e, de modo especial, ás de recuperación dos Xardíns do Gran Hotel, “que se atopan paralizadas xusto desde o dia seguinte ás eleccións municipais, logo de que a empresa adxudicataria incumprise o contrato”. O BNG atribúe este feito a unha pésima xestión no trámite de adxudicación realizado polo goberno municipal do PP.

‘Na túa cesta’, campaña da Deputación para promover o consumo de produtos da provincia

Co obxectivo de promover que as veciñas e veciños da provincia de Pontevedra, e tamén do conxunto de Galicia, consuman produtos locais e de proximidade a Deputación de Pontevedra lanzará este martes, 5 de maio, a campaña ‘Pontevedra Provincia na túa cesta’. A través desta iniciativa, que a presidenta Carmela Silva definiu como “un compromiso co consumo do local que facemos extensivo á veciñanza”, preténdese impulsar o produto de proximidade e revalorizar a materia prima da provincia, “segura e saudable”, así como apoiar ás persoas produtoras. “Pontevedra provincia na túa cesta” complementarase a mediados de mes con outra acción promocional para impulsar o comercio local e contribuír á súa reconstrución.

Silva asegurou que con esta campaña “queremos impulsar o consumo e comercio local, facendo fincapé na excelencia da nosa materia prima para axudar a saír da crise económica xerada pola pandemia”. Deste xeito, a presidenta enxalzou que os produtos da provincia teñen “unha grande calidade, son saborosos, saudables e seguros” e dan cumprimento aos requirimentos das persoas consumidoras para acadar a súa confianza. Estas cuestións materializaranse tanto no vídeo promocional da campaña, “moi emotivo”, como nas creatividades que amosarán “o mellor da horta, do mar, dos viños e do campo” cos hasthags “#Saboreaonosomar, #Saboreanosahorta, #Saboreaosnososviños e #Saboreaonosocampo”.

A campaña poderá seguirse a través da páxina web da Deputación e de Turismo Rías Baixas, con contidos especiais, imaxes, vídeos e galerías fotográficas. Tamén a través da participación de bloggerse e influencers, así como en diferentes plataformas e nas redes sociais da institución onde se promoverá un produto a diario, dando equilibrio territorial a toda a provincia e etiquetando a Denominacións de Orixe e asociacións de referencia. Ademais, a iniciativa completarase coa convocatoria dun concurso para que as persoas participantes envíen imaxes cos produtos da provincia de Pontevedra e pratos listos para degustar.

[su_image_carousel source=”media: 14827,14826,14825,14824″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

A campaña “Pontevedra provincia na túa cesta” tamén servirá para poñer en valor ás persoas produtoras e ás comerciantes “que nos serven este excelente produto, son parte imprescindible da cadea e están aí, xogándose a saúde por un ben común, dándonos a enerxía que precisamos nun momento moi difícil” asegurou Carmela Silva quen aproveitou a ocasión para “darlles as grazas”. Neste eido tamén adiantou a presidenta que a mediados de mes de maio lanzarase unha nova campaña específica para a promoción do comercio local porque “debemos concienciar á cidadanía de que todas e todos nos temos que comprometer para apoiar ao tecido produtivo da nosa provincia, para manter o emprego con políticas de proximidade e promoción dos nosos produtos e comercio”.

A presidenta da Deputación recordou que “a aposta polos produtos de proximidade é prioritaria para nós” e que “xa foi o ano pasado protagonista da campaña “Fame de experiencias”, unha campaña que recibiu premios como mellor iniciativa en Madrid, Berlín e New York”. Con “Pontevedra provincia na túa cesta”, tal e como asegurou Silva, estamos “novamente a situar ás persoas produtoras e aos nosos produtos no centro da nosa acción política, animando a saborear a nosa horta, viño, mar e campo e situando á gastronomía como sinal principal da provincia, con mercados e prazas de abastos que funcionan como vixías dos tesouros gastronómicos que temos”.

A Agrupación Musical do Rosal porá banda sonora a maio, mes das Letras Galegas

0

Nunha situación estraña como a que estamos a vivir, cómpre reinventarse e buscar solucións adaptadas á nova realidade en todos os eidos. A cultura e as letras, as nosas letras, non son unha excepción e por iso este ano, O Rosal celebrará o Día das Letras Galegas dun xeito diferente, máis virtual que nunca e coa colaboración da Agrupación Musical do Rosal.

Será unha iniciativa coa que a agrupación quere seguir homenaxeando o galego, xa que por mor da actual crise sanitaria non poderá realizar a súa tradicional xornada de convivencia do 17 de maio, unha actividade que se viña organizando dende 2006 e na que preparaban diferentes actividades musicais, culturais, gastronómicas… para todos os gustos e todas as idades coas que destacar a importancia da lingua galega e achegar o idioma a toda a veciñanza.

Adaptándose á situación actual que se está a vivir, este ano Concello e Agrupación traballarán xuntos para render homenaxe a Ricardo Carvalho Calero a través das redes sociais.

Dende o pasado venres 1 de maio e ata o vindeiro 17 de maio, Día das Letras Galegas, o Concello publicará nas súas páxinas de Facebook e Twitter vídeos interpretados por distintos membros da Agrupación Musical do Rosal. Diferentes instrumentos e melodías cos que entreter a todos os rosaleiros e rosaleiras, dende pequenas pezas clásicas a bandas sonoras ou cancións coñecidas como Frozen, a ‘Marcha do emperador’ de J.Clarke, ‘Imagine’ de John Lennon, ‘Eternal flames’ de The Bangles ou ‘Angels’ de Robbie Williams, entre outras.

Desde o Concello do Rosal agradeceron a “disposición e a colaboración da Agrupación Musical”, formando parte de iniciativas como esta, que “non só fan máis levadíos os días de confinamento polo estado de alarma, senón que permite seguir celebrando dun xeito diferentes datas tan importantes como o Día das Letras Galegas”, asegura o Goberno local.

Homenaxe a Ricardo Carvalho Calero

Este 2020 o Día das Letras Galegas dedícase ao filólogo, escritor e mestre Ricardo Carvalho Calero coincidindo cos 110 anos do seu nacemento e os 30 do seu pasamento. Ferrolán de nacemento, estudou Dereito e Filosofía e Letras en Santiago de Compostela, onde se adentrou tanto no galeguismo como nos movementos culturais da época. Membro da Real Academia Galega desde 1958, Carvalho Calero foi impulsor da Gramática galega e en 1963 publica a ‘Historia da literatura galega contemporánea’, un labor que outros escritores intentaran antes de xeito importante pero sen éxito.

Primeiro catedrático de Lingüística e Literatura Galega da Universidade de Santiago de Compostela, o escritor dedicou os seus estudos á lingua galega, centrándose na coherencia histórico-lingüística do idioma. Carvalho Calero conta cunha extensísima obra literaria, tanto no campo da novela, como da poesía, do teatro ou do ensaio.

‘Nigrán coa infancia’, campaña de visibilización de todas as familias responsables que saen a pasear cos seus fillos e fillas

O Concello de Nigrán lanza novamente unha campaña propia centrada nas crianzas do municipio baixo o lema ‘Nigran Coa Infancia’ para visibilizar entre toda a sociedade os paseos responsables que se están a realizar desde o sábado pasado no municipio. Deste xeito, pide as familias que envíen imaxes das súas saídas con menores de 14 anos a [email protected] ou por privado ao Facebook do Concello ou que as etiqueten en redes baixo o hashtag #NigranCoaInfancia. O obxectivo é trasmitir optimismo, dar exemplo a todos, e defender ao mesmo tempo os dereitos dos nenos e nenas.

“Os paseos están a ser exemplares desde o primeiro día, a realidade é que as familias de Nigrán sempre cumpriron, eso é o que queremos trasladar unha vez máis: Paciencia, cariño e calma”, sinala o alcalde de Nigán, quen tomou a decisión de abrir areais e espazos verdes desde o día un para que, precisamente, estas saídas se poidan realizar gardando a distancia social requirida. “O certo é que o sábado pasado circularon por toda España 3 ou 4 imaxes lamentables dalgún lugar costeiro de non se sabe onde e enseguida se contaxiou o pesimismo e a división, xeralizandose unha idea que, polo menos no caso de Nigán, é falsa: aquí as familias están a cumprir escrupulosamente, cinguíndose a 1 km da súa casa e seguindo todas as recomendacións, e queremos que se vexa e que se recoñeza o ben que o están a facer todos. É necesario reforzar o bo comportamento, dá confianza e seguridade”.

[su_image_carousel source=”media: 14808,14813,14809,14812,14810″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

O Concello de Nigrán conta con 2.675 menores de idade e, deles, 2.186 teñen menos de 14 anos ou 14, colectivo infantil ao que se dirixe novamente esta campaña por seren os que contempla a lei para realizar paseos dunha hora (ao inicio do confinamento o Concello lanzou o lema ‘Paciencia, Cariño e Calma’ pedindo as crianzas que o escribiran xunto ao debuxo dun corazón para pegalo despois no balcón ou xanelas).

“Os nenos e nenas desapareceron por completo das rúas 40 días, non saíron a comprar, traballar, ou pasear ao can, foron os máis castigados do confinamento e seguen a ser o mellor exemplo para os adultos, por iso queremos que agora sexan visibles nos seus paseos”, sinala o alcalde, Juan González, quen fai un especial chamamento ao respecto, “non pre-xulguemos nada desde o balcón e sexamos os adultos un exemplo positivo para todos os nenos”

Paralelamente, o Concello de Nigrán manterá para os pequenos e ancianos a celebración dos ‘aniversarios de balcón’ ata o día 11 de maio, “a partir desta data recuperamos un chisco da normalidade e os nenos, se todo vai ben, xa se poderán reunir con familiares”. Ademais, segue en activo a canle de Youtube do Concello de Nigrán adicada a ofrecer contido de entretemento a cargo de animadores e artistas do municipio.

Mos pon en marcha un Estudo do Impacto Económico da COVID-19

0

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, vén de anunciar a realización dun Estudo do Impacto Económico do COVID-19 en Mos, traballo que se fará a través do contacto directo con todas as empresas do municipio. No estudo, confeccionado polo Concello de Mos, están a traballar cinco técnicos e técnicas a Axencia de Colocación e conta, sinala o Concello “coa implicación de todo o equipo de Goberno local”.

O contacto coas preto de 2.000 unidades empresariais existentes no termo municipal estase a facer vía telefónica a través de chamadas que comezaron no día de hoxe luns, e alongaránse durante toda a semana. Tras a ronda de chamadas para a recompilación de datos, elaborarase o documento do estudo do impacto económico, que se estima estea finalizado, para poder facelo público, durante o presente mes de maio.

No Concello de Mos existen unhas 2.000 unidades empresariais, habendo autónomos e PEMES (Pequenas e Medianas Empresas) nas 10 parroquias, se ben as grandes empresas concéntranse maioritariamente nas parroquias de Tameiga, Petelos, Sanguiñeda e Louredo debido, principalmente, a que nestas catro parroquias atópanse os principais polígonos e zonas industriais do municipio: os polígonos do Rebullón e Monte Faquiña en Tameiga, o PEMOS-Veigadaña e parte do SUDI Cebral en Petelos, a zona urbana da Avenida de Sanguiñeda e a zona de Amieirolongo na parroquia de Sanguiñeda, e o polígono de Arrufana-Santiaguiño en Louredo.

En total, recibirán a chamada do Concello de Mos para a elaboración deste estudo as 2.000 unidades empresarias mosenses, comezando polos autónomos e establecementos que permaneceron ou permanecen aínda totalmente pechados ao público pola crise da COVID-19 tales como: perruquerías, centros de estética, comercios ao pormenor de moda e deporte, bares e cafeterías, restaurantes, etc.

Continuarase por todas as demais ata completar as 2.000 e dispoñer de todos os datos necesarios para elaborar o estudo “que permita ter unha fotografía real da situación económica empresarial do municipio, e, a partir dela, buscar as vías necesarias para emprender as medidas oportunas ao respecto”, apunta o Concello de Mos.

O Porriño entrega 250 routers e tarxetas para que os e as escolares poidan acceder ás clases por internet

O Concello do Porriño fixo entrega, hoxe luns, dos routers e tarxetas destinados aos alumnos e alumnas que carezan de conexión a internet para que, deses xeito, poidan seguir as clases a distancia en igualdade de condicións que o resto dos seus compañeiros e compañeiras. Os dispositivos foron entregados, hoxe luns aos directores e directoras dos centros docentes pola concelleira de Educación do concello porriñés, Lourdes Moure.

Unha vez dimensionadas as necesidades por cada centro de ensino, o Concello tivo que adquirir 250 routers e outras tantas tarxetas de conexión (pinchos ou pen drive) de 60 GB.

A partir de mañá, serán citados as nais e pais de alumnos en cada centro docente. Co apoio da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil, realizarase a entrega que será en depósito.

O reparto por centros farase con segundo o seguinte calendario: mañá martes, 5 de maio, corresponderá a Aceesca, 7; CEIP Xosé Fernández López, 42; CPR Hermanos Quiroga, 8; CEIP Atios, 23 e CEIP Cruz Budiño, 15.

[su_image_carousel source=”media: 14791,14789,14788″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

O mércores, 6 de maio, entregaranse os 38 necesarios para lumnos do CEIP Antonio Palacios; 30 para o CEIP da Ribeira; no Santo Tomás, 11 e 60 routers e tarxetas para alumnos do IES Ribeira do Louro.

Finalmente, o xoves 7 de maio serán citados os pais e nais de 15 alumnos do IES Pino Manso que recibirán routers e tarxetas para conectarse ás clases por internet.

As tarxetas só terán vixencia durante tres meses. Os routers deberán ser devoltos ao Concello onde permanecerán en depósito en previsión de que por un rebrote fose necesario un novo préstamo.

O custe final desta actuación para reducir a brecha dixital é aproximadamente de 20.000 euros. A adquisición dos routers supón máis de 11.700 máis IVE namentres as tarxetas implicaron un gasto de 6.800 (IVE incluído) cunha operadora de telefonía que doa a metade das mesmas.

Do “avance de materia” no terceiro trimestre e as instrucións contraditorias da Consellería de Educación

As instrucións ditadas pola Dirección Xeral de Educación da Xunta de Galicia que, en teoría, deixaban claros os pasos a seguir no ‘terceiro trimestre’ atípico pola crise sanitaria da COVID-19, veñen de converterse agora nun documento confuso logo de que aos centros escolares chegase un documento de “instrucións internas” –presuntamente procedente da Consellería–, en clara contradición coas anteriores instrucións. Este documento vén de espertar indignación e incertidume, a partes iguais, tanto ás ANPAS como ás familias.

O presidente da Confederación ANPAS Galegas, Fernando Lacaci Batres, dirixiu, por este motivo, unha máis que aclaradora carta á conselleira de Educación, Carmen Pomar Tojo, texto que reproducimos na súa integridade por considerar que é máis que explicativo sobre a situación actual e a incertidume que existe sobre o desenvolvemento do terceiro trimestre do curso escolar.

O pasado 28 de abril, a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa publicou unhas instrucións para o desenvolvemento do terceiro trimestre do curso académico 2019-2020 nos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia.

Esas instrucións están neste momento publicadas na páxina web da consellaría, e difundidas a toda a comunidade educativa galega dende o mesmo día 28 de abril.

Esas instrucións están organizadas baixo o establecemento dunhas directrices xerais, aplicábeis a todos os supostos, e unhas especificacións por tipoloxía de ensino nas que se indican instrucións específicas.

Dentro das directrices xerais, concretamente no parágrafo 6.2 establécese que durante o terceiro trimestre desenvolveranse actividades de recuperación, repaso, reforzo e, no seu caso, ampliación das aprendizaxes anterioresque resulten necesarias para todo ou parte do alumnado

Máis adiante, no parágrafo 7.3 incídese máis aínda neste aspecto, dicindo:A avaliación final… realizarase sobre as aprendizaxes desenvolvidas nos dous primeiros trimestres así como as actividades de recuperación, repaso, reforzo e, no seu caso, ampliación das aprendizaxes anteriores que se desenvolvan durante o terceiro trimestre sempre e cando se beneficie ao alumnado”.

Para nós, e para as ducias de miles de familias que representamos, a interpretación destes dous parágrafos, e do espírito xeral das instrucións ditadas está claro: NON se pode avanzar materia, e aínda moito menos podería avaliarse sobre ese irregular avance.

A nosa sorpresa ven de que estes días está difundíndose un documento, presuntamente procedente desa mesma consellaría, como instrucións “internas” enviadas ás direccións dos centros educativos nas que se di:

“Entra materia nova no terceiro trimestre?

Pode entrar. Pero sempre para favorecer o progreso na aprendizaxe e no desenvolvemento das competencias clave. Esta materia non se avaliará de xeito independente para facer “media” coas cualificacións anteriores. Servirá para mellorar a cualificación obtida na primeira e na segunda avaliación”

E tamén:

Avalíanse os reforzos e a materia que se avanza?

Si. Pero unicamente para favorecer a cualificación final do alumnado. Nunca se poderá minorar a cualificación obtida polo alumnado na primeira e na segunda avaliación

En que quedamos, señora conselleira?, a nós infórmanos publicamente de que este terceiro trimestre é só de recuperación, repaso, reforzo ou ampliación de aprendizaxes anteriores e logo, en silencio e sen publicidade, envía outras instrucións contraditorias ?, ás familias dinos que non se vai avaliar sobre materia nova, e logo tenta introducir criterios diferentes permitindo “mellorar a cualificación obtida” ?

A realidade indícanos que hai unha ampla porcentaxe de alumnado que non pode seguir o ritmo das clases a distancia, alumnado que terá que verse apoiado na recuperación posterior dese tempo, pero tamén que terá que ter a certeza de que neste momento non se está avanzando materia ás súas costas, para beneficiar a unhas poucas, que é nin máis nin menos que do que se trata esta permisividade.

O principio fundamental das súas propias instrucións establece moi rotundamente que todos os responsables das tarefas educativas, incluída vostede, “extremarán o seu coidado para apoiar os estudantes e as súas familias… en condicións que promovan o seu benestar”.

Pois a primeira desas o condicións debe ser a clarificación das regras do xogo, a honestidade nas comunicacións, e a seguridade dada dende a propia consellaría. Para nós estaba clarísimo o que se fixera, e mesmo estabamos dispostas a aplaudir esa claridade, pero agora esiximos algo máis:

De acordo coas súas propias instrucións, sen variar nin unha coma do que alí se di: esiximos que se transmita con toda urxencia a todos os centros educativos galegos que NON se pode avanzar materia neste terceiro trimestre, que NON se pode avaliar, nin sequera para mellorar cualificacións, sobre materia avanzada; e que as programacións do próximo curso terán que comezar, necesariamente, onde se deixaron o 13 de marzo pasado.

Nesa esixencia xogámonos non deixar a ninguén atrás, xogámonos ser honestas con todo o alumnado que hoxe está na súa casa, ou pretender favorecer ao sector xa máis favorecido; xogámonos apoiar, ou non apoiar, ao estudantado. Vostede verá.

Tui traballa na posta en marcha un Plan de Reactivación Económica Local

0

O Concello de Tui traballa na posta en marcha dun Plan de Reactivación Económica Local co que busca facer fronte as consecuencias económicas derivadas da crise provocada polo COVID-19. Consensuado por toda a corporación municipal, esta actuación terá coma principal destinatarios ás empresas e as persoas autónomas do municipio.

Co inicio da desescalada o tecido empresarial e comercial terá que facer fronte a novos retos derivados da nova situación que estamos a vivir.

A primeira medida deste Plan de Reactivación está xa en marcha dende esta semana. Trátase da Oficina COVID-19 que de xeito telemático funciona xa a través da web municipal, tui.gal. Na mesma expertos de distintos ámbitos contestan as consultas e dúbidas que as empresas e autónomos plantexen en relación coa crise do COVID-19 e as axudas de carácter fiscal, laboral e económico dispoñibles. Trátase dun servizo de atención personalizada a través de medios telemáticos, no que está tamén dispoñible toda a información de carácter normativo relacionado co COVID-19 de interese para empresas e autónomos.

Por outra parte dende o Concello de Tui traballase na elaboración dun Plan de Choque de apoio empresarial a nivel municipal. Toda a corporación municipal está participando na súa elaboración e incorporará unha serie de medidas concretas para axudar a contrarrestar os efectos negativos da crise do COVID-19 no tecido empresarial local.

De forma paralela púxose en marcha a Mesa de Reactivación Local de Tui formada por representantes municipais e das empresas, asociacións empresariais e de autónomos. Trátase dun foro de participación no que coñecer directamente as necesidades concretas e propostas do sector para a activación económica do municipio.

Na primeira reunión telemática –celebrada o venres 24 de abril– participaron 13 representantes de asociacións comerciais, empresariais e autónomos, xunto ao alcalde, a concelleira de Comercio, e o concelleiro de Turismo. Amais de escoitar de primeira man as necesidades do tecido económico local; os participantes presentaron las primeiras propostas con medidas administrativas, económicas, tributarias, de prevención de riscos laborais,… Estas propostas están sendo analizadas para poder implementalas no Plan de Reactivación Económica de Tui.

Redondela asesórase con persoas expertas para unha ‘desescalada’ “segura e coordinada”

0

Redondela celebrou ao mediodía de onte, a primeira reunión de persoas expertas coas que quere contar o Goberno que preside Digna Rivas, para que as distintas fases da ‘desescalada’ no municipio realícese dun xeito “seguro e coordinado”.

Preténdese que expertos e expertas en distintos campos tales como a sanidade, o ensino, a prevención de riscos laborais e a Policía Local, aporten a súa experiencia para que o “camiño cara a normalización que agora comezamos, sexa seguro e que poidamos contar coa opinión de persoas de experiencia e valía contrastada nos distintos campos”, asegura a alcaldesa de Redondela.

Nesta primeira xuntanza de traballo participaron José Emilio Santiago Niego, especialista en Medicina Familiar e comunitaria do Centro de Saúde de Redondela e exdirector provincial do SERGAS; Miguel Ángel Vázquez Vázquez, especialista en xeriatría e presidente da Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría; Domingo Docampo Amoedo, exreitor da Universidade de Vigo e catedrático da Área de Teoría do Sinal e Comunicación; Ana Ruíz del Olmo Pérez, xefa de estudos do CEIP Laredo e mestra de 5º de primaria; Ignacio Sánchez Sánchez, enxeñeiro industrial e técnico en Riscos laborais da empresa ASPY; José Delmiro Pampillón López, xefe accidental da Policía Local de Redondela; a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, e representantes do Equipo de Goberno local.

Trátase de persoas, todas elas de Redondela, “con experiencia contrastada nas súas distintas áreas que serán dunha axuda extraordinaria para que o proceso de ‘desescalada’ prodúzase con todas as garantías”.

A alcaldesa Digna Rivas, que matizou que a de hoxe “é a primeira reunión a primeira de outras que realizacán e cuxa periodicidade dependerá das necesidades do momento e da evolución do COVID-19”, salientou a importancia de poder contar con expertos en sanidade, “logo de que o SERGAS se negase a facilitar ao Concello de Redondela, datos sobre a evolución do COVID-19 no municipio”.

Os concellos, lembrou unha vez máis a rexedora local, “somos a primeira liña nesta batalla contra o coronarivus e na protección das nosas veciñas e veciños e, precisamente por iso, precisamos contar co asesoramento de voces autorizadas en distintas materias”.

Un dos primeiros temas que se puxo sobre a mesa, nesta primeira reunión, foi a celebración das probas para a Selectividade, ao contar coa proposta que a Consellería de Educación lle fixo aos centros para que as probas de acceso á Universidade poidan en Redondela “polo que hai que buscar o lugar máis idóneo e seguro para que preto de 100 rapaces e rapazas de Redondela e Soutomaior, poidan realizar ditas probas con todas as garantías sanitarias e de seguridade”.

“Ninguén mellor que os expertos e expertas que reunimos en torno a esta ‘mesa virtual’, para que aporten as súas ideas avaliadas pola súa experiencia profesional” afirmou Digna Rivas “persoas ás que “agradezo que aceptasen de inmediato participar nesta iniciativa sen ningún tipo de reservas”.

Salvaterra de Miño, Arbo, As Neves e Crecente piden que se autorice a pesca tradicional no treito internacional do Miño

A alcaldesa de Salvaterra de Miño, Marta Valcárcel, e os alcaldes de Arbo, Horacio Gil; As Neves, Xosé Manuel Rodríguez Méndez e Crecente, Julio César García-Luengo mantiveron unha xuntanza de traballo para solicitar das autoridades competentes a “reapertura da tempada de pesca tradicional do treito internacional dos ríos Miño e Tea en «pesqueiras» e «estacadas»”.

No seu escrito, os catro rexedores municipais sinalan que a normativa que regula o exercicio de actividades nas augas e marxes do treito internacional do Río Miño, xérase “de maneira conxunta por ámbolos dous países no seo da Comisión Internacional Permanente do Río Miño, por ser as súas augas de uso común”.

No seu escrito, a alcaldesa e alcaldes asinantes, chaman a atención sobre o feito que logo da decisión adoptada polo Consello de Ministros de Portugal, o capitán do Porto de Caminha autoriza, a partir do día 4 de maio “a reapertura da tempada de pesca tradicional nas ‘pesqueiras’, na marxe esquerda do Miño” decisión que, sinalan os rexedores locais coñeceron “polos medios de comunicación” ao igual que tamén os pescadores enteráronse por estes medios.

Chaman a atención sobre o feito de que a actividade pesqueira que se realiza no treito internacional do Miño “está considerada como pesca tradicional con destino ao autoconsumo” e curiosamente, mentres non se autoriza a pesca, si se autoriza o desprazamento persoal e demáis actividades en horas e fincas, así como o coidado e cría de animais con destino ao autoconsumo.

A situación vólvese máis preocupanse cando se ten en conta, como sinala o escrito de Valcárcel, Rodríguez, Gil e García-Luengo, que “o 21 de maio está prevista a finalización da tempada de pesca de lamprea no miño e o 10 de maio nas estacada do Tea ao decretarse o inicio da veda de esta especie”.

Con estes argumentos, tan contundentes coma lóxicos, piden que se proceda “de inmediato” a autorización da actividade de pesca tradicional de lamprea no treito internacional do Miño e do río Tea “ao tratarse dunha actividade de autoconsumo”. Amais, no caso de non autorizarse dita pesca, estaríase producindo unha situación “de agravio comparativo” entre ambas as dúas márxes do río.

O Goberno pontearerán peonaliza o centro urbano en sábados e festivos para garantir unha mobilidade segura

O Concello de Ponteareas prepara diferentes medidas para garantir a mobilidade segura das persoas durante a crise sanitaria. Segundo explicou o concelleiro de Mobilidade e Tráfico, Roberto Mera, “Ponteareas ten unha rede peonil raquítica. O espazo público para as persoas representa o 28 % fronte ao 72 % que ocupan os vehículos. A maioría das beirarrúas, onde existen, son moi estreitas e non permiten cumprir as normas de distanciamento social e seguridade nos desprazamentos”.

Para adaptarse á nova situación, a concelleria de Mobilidade e Tráfico está deseñando un conxunto de medidas que se implementarán gradualmente nos vindeiros días e semanas e que buscan dar seguridade ás persoas que agora en maior número poderán sair á rúa. A primeira consistirá na peonalización do centro urbano os sábados, domingos e festivos, entre as 9:00 e as 23:00 horas, permitindo o acceso en vehículo a residentes e servizos.

Para o resto dos días o goberno estuda converter todo o centro urbano en zona limitada a 20 Km/h con prioridade na calzada para os peóns que poderán usala e atravesala en calquera lugar. Deste xeito valórase establecer o sentido único de circulación nas beirarrúas inferiores aos tres metros de anchura. Os peóns, ao ter preferencia na calzada, poderían cruzar á beirarrúa oposta en calquera punto sen necesidade de dar rodeos cambiando así o sentido de circulación ou acceder a portais ou establecementos.

Ademais Mera explicou que o goberno vai crear espazos seguros nos establecementos públicos e privados con afluencia de xente que agarda quenda no exterior. Para iso habilitaranse zonas de estancia peonil nos espazos de aparcamento.

Peregrinos xacobeos na cidade de Tui (IV)

Na anterior entrega desta serie apuntabamos a estreita relación que se establece entre a monarquía lusitana, dende os seus inicios, coa devoción xacobea. Citabamos a Alexandre dos Santos Ratos que comentaba como antes de iniciar a reconquista de Coimbra, no ano 1064, o rei Fernando I de León, o Magno, fue en peregrinación a Santiago de Compostela, pidiendo la intercesión del Apóstol, antes de comenzar el asedio de la ciudad a 20 de enero de 1064 acompañado por su esposa Sancha, los obispos de Santiago, Lugo y Mondoñedo y Sesnando, de Oporto, los abades de Celanova y Guimarães, así como muchas otras personas importantes. Después de seis meses, Coimbra, rendida por el hambre, se entregó el 9 de julio y poco después de la conquista, Fernando Magno y Sesnando, gobernador de la ciudad y de la región, volvieron a Compostela para agradecer al Apóstol la victoria. Es la primera noticia de una verdadera peregrinación desde tierras portuguesa.

Fernando I de León, o Magno

A devoción xacobea tivera sempre gran predicamento en terras lusitanas, así a primeira igrexa dedicada á memoria do apostolo Santiago, logo da “inventio” do seu sepulcro na segunda ou terceira década do século IX, foi o templo de Castelo de Neiva (perto de Viana do Castelo) onde se conserva o epígrafe desta consagración no ano 862. Dende aquela serán innumerbles as igrexas e capelas que no norte do actual Portugal teñen como padroeiro ao apostolo Santiago, evidenciando a amplitude do movemento devocional xacobeo neste territorio e nas súas xentes.

Inscrición na igrexa de Santiago de Castelo de Neiva

O proceso da reconquista do territorio luso afondará a tradición que liga a protección de Santiago o Maior aos avances deste proceso, especialmente na cidade de Coimbra como xa apuntamos, que abre unha intensa devoción santiaguista da monarquía lusitana e tamén no pobo portugués que se expresará, ao longo dos séculos, nun intenso fluxo de peregrinos portugueses ata a Catedral compostelá.

No ano 1097 os condes de Portugal, Enrique de Chalóns e Tereixa de León, peregrinan á tumba do apóstolo Santiago como figura no documento de doazón do couto de Correlhã (Ponte de Lima) á Igrexa de Santiago. Non coñecemos o seu itinerario, fose por vía terrestre ou marítima, pero a esta peregrinación, logo da independencia do reino de Portugal, seguirán as de outros monarcas.

En 1219 ou 1220 o rei Afonso II acudiu a Santiago a implorar a curación dunha doenza, estaba enfermo de lepra, pola intercesión do apóstolo a quen lle tiña grande devoción. Foi o primeiro rei portugués en achegarse ata a tumba apostólica, deixando o legado dunha doazón anual a Santiago. O seu fillo, Sancho II, mantivo esta devoción santiaguista peregrinando no ano 1243.

A mais afamada das peregrinacións portuguesas ao longo do tempo foi a efectuada pola Rainha Santa Isabel (1270-1336). Filla do monarca de Aragón, Pedro III, casou co rei portugués Don Dinís, con quen tivo dous fillos, Afonso, futuro rei de Portugal, e Constanza, futura raíña de Castela polo seu matrimonio con Fernando IV.

Isabel tivo un moi relevante papel como raíña, especialmente no enfrontamento entre D. Dinís e o seu fillo Afonso, no que actuou como mediadora así como noutros conflitos internacionais. Destacou a súa xenerosidade cos desfavorecidos o que incrementou a súa sona e lenda. Ao enviuvar, o 7 de xaneiro de 1325, retirouse ao convento de Santa Clara de Coimbra que ela mesma tiña fundado. Aos poucos meses realizou unha peregrinación a Santiago de Compostela para pedir pola alma do seu esposo D. Dinís, que, movido pola súa devoción xacobea, tíñalle doado ao Cabido compostelá 300 marabedís para os seus aniversarios.

Peregrinación da Rainha Santa en Genealogía dos Reis de Portugal (1530-1534)

Descoñecemos con certeza o itinerario realizado pola Rainha Santa na súa peregrinación. Cabe que dende Coimbra se desprazase ata Montemor-o-Velho e alí tomase un barco cara o Norte, xa fose ata Porto ou incluso ata Padrón, e dende alí proseguiría a cabalo –como era habitual entre as elites medievais– e finalmente, como recollen as crónicas, a pé dende O Milladoiro ata a Catedral. A outra posibilidade é que o cortexo rexio realizase a peregrinación por vía terrestre, a cabalo claro está, dende Coimbra entrando en Galicia por Tui.

Na catedral de Santiago asiste á celebración do 25 de xullo, doándolle ao Apóstolo a súa coroa e o seu manto rexio, bordado con fíos de ouro e prata, así como outros presentes de gran valor. A súa vez o arcebispo Berenguel de Landoira entregoulle varios agasallos, entre eles, unha escarcela, adornada con vieiras, e un bordón ou báculo rematada en forma de ‘tau’. Con ambos obxectos xacobeos foi soterrada Santa Isabel e apareceron, en 1612, no interior do sepulcro ao realizar un recoñecemento do corpo da Rainha Santa.

A Rainha Santa Isabel deposita a sua coroa aos pés do Arcebispo de Santiago de Compostela en Genealogía dos Reis de Portugal (1530-1534)

Existe a tradición, non confirmada, dunha segunda peregrinación en 1335. Figura na crónica de Ruy de Pina (1440-1522) que manifesta que foi unha peregrinación a pé, realizada de xeito anónimo acompañada por un séquito moi reducido. A falta doutros testemuños documentais e a avanzada idade de Santa Isabel, morrerá ao ano seguinte, reducen a verosimilitude desta segunda peregrinación.

A presenza da Rainha Santa no Camiño de Santiago ten deixado unha forte pegada na tradición popular, testemuñada por medio de numerosas lendas do paso de Santa Isabel camiño de Compostela. Unha destas tradicións fala do seu paso pola freguesía de Fontoura, en Valença. Esta lenda de natureza etimolóxica fala que a raíña tería pernoitado neste lugar e nesa noite na fonte, que aínda hoxe podemos ver na Quinta do Alto, as augas brotaron canas de ouro. Paralelamente esta tradición ratifica como o camiño entre Ponte de Lima e Valença e Tui era a ruta tradicional da peregrinación e a memoria popular sitúa neste itinerario á Rainha Santa.

Vai romera a Sant-Iago
Dona Isabel de Aragón
Raiña de Portugal.
En vez de vestos reaes,
Traia un habito de freira
Os ollos cheos e humilde
Pedindo smolla na estrada.

Tomiño impulsa a campaña ‘Estamos contigo’ para agradeder a atención sanitaria do centro de saúde local

0

Agradecer o traballo de todo o persoal do Centro de Saúde de Tomiño, durante estas longas e difíciles semanas de corentena, é a finalidade da campaña ‘Estamos Contigo’, organizada polo Concello de Tomiño, a través das concellerías de Participación Cidadá e Benestar Social.

Coa colaboración co Centro de Saúde de Tomiño, “iniciamos esta campaña de apoio ao seu persoal sanitario, administrativo e de limpeza, que nesta pandemia está a traballar arreo para coidar de todos e todas nós”, explica Sandra González, alcaldesa da vila.

[su_image_carousel source=”media: 14751,14750,14748″ crop=”5:4″ captions=”yes” link=”lightbox” autoplay=”0″]

A idea é que todas as persoas que o desexen, sin límite de idade, poidan facelo, expresándose a través do medio que elixan: debuxos, textos, cartas… “Queremos animar a toda a poboación de Tomiño a participar enviando cartas, debuxos, notas… ao enderezo de correo electrónico [email protected]”, aclara a rexidora local.

Para respectar as medidas de seguridade, non se expoñerá en ningures o material recibido e tampouco poderán achegarse mensaxes de apoio por ningunha outra vía que non sexa a electrónica.

A Policía Local de Tui denuncia a unha entidade bancaria polas colas que se forman no exterior ao abrir ao público só dous días

0

A Policía Local de Tui remitiu á Subdelegación do Goberno unha denuncia contra unha entidade bancaria situada na rúa Colón de Tui. Dende hai varias semanas, axentes da Policía Local teñen observado na entrada da antedita sucursal longas colas dos clientes á espera de realizar xestións nesa entidade bancaria que só abre o público dous días a semana.

Ao entender da Policía Local tudense, “tendo en conta o actual Estado de Alarma no que nos atopamos os clientes quedan expostos no exterior, non podendo estar confinados nos seus fogares”.

Indican ademais desde a Policía Local de Tui que coa a apertura a diario da oficina, ou da outra sucursal que a mesma entidade ten na cidade, “permitiría axilizar a atención ao público e deste xeito evitar as colas e esperas dos clientes no exterior, esperas que poden prolongarse ata dúas horas”. 

Por este motivo puxeron estes feitos, en coñecemento da  dirección da sucursal sen que polo momento se apreciara ningún cambio no horario da oficina bancaria nin tampouco a apertura da outra existente.

¡Día del Trabajador!

Esta semana fue el 1 de Mayo, el día Internacional de Trabajador, así que hoy no voy a criticar ni a la clase política, ni a la banca, ni a todos los que se mueven alrededor de esos mundos, de los que mucho hay que decir pero, como decíamos, vamos a esperar por momentos mejores.

Así que el comentario de hoy va en agradecimiento a todos los trabajadores del mundo, sea cual sea la actividad a la que se dediquen, pero que con su esfuerzo están haciendo que el mundo siga rodando para la humanidad (aunque algunos se empeñen en lo contrario, !Cállate, que has dicho que no ibas a criticar a nadie, pero es que esa vena me puede, pero lo prometido es deuda…). Como íbamos diciendo, pues a todos que día tras día, consiguen mantener a flote éste barco y también para todos aquellos que debido a esta situación han pérdido sus trabajos, así que con todos mis mejores deseos y esperando que esto vaya mejorando poco a poco para volver algo a la normalidad.

Pues esta semana vamos a recomendar, por un lado, a una toledana llamada Ana Alcaide, un trabajo dentro de la world music y que muy bien se podría recomendar para todas las mujeres trabajadoras del mundo, una estupenda fusión de culturas musicales y por otro lado el proyecto de Eric Levi conocido como ERA, todo un clásico de la llamada música new age. Espero que los disfruteis.


Ana Alcaide

Leyenda

2016

Ana Alcaide, para aquellos que todavía no la conozcan, es una artista española, en concreto de Toledo y ‘Leyenda’ supone su cuarto trabajo musical.

Se podría decir que el estilo musical de ésta mujer es la world music, porque ha sabido convinar a la perfeción la cultura de su tierra natal, una tierra donde las diversas culturas que han dominado nuestro país se sienten muy reflejadas, principalmente, por un lado la cristiana y por otro lado la musulmana.

En ‘Leyenda’, Ana recrea un trabajo que recoge a su forma y el estilo doce leyendas sobre mujeres a lo largo de la geografia Europea, un disco, donde musicalmente hablando, nos encontramos con su voz y con esos intrumentos medievales que tanto nos sorprendieron en sus anteriores trabajos con esa maravillosa mezcla de culturas, donde se demuetra que todos podemos convivir.

Este es un trabajo dedicado a esas mujeres que han luchado por su supervivencia, pero al mismo tiempo, un trabajo donde nos recuerda que cómo las culturas pueden convivir, las personas también lo tienen que hacer, porque todos aportamos nuestro grano de arena.

Estamos ante un bello disco, para los amantes de las músicas del mundo, pero principalmente, para los amantes de la buena música.


Era

Era

1996

Era es un proyecto musical del compositor francés Eric Levi, se hizo muy conocido principalmente a su primer disco publicado en el año 1996.

Era es el acrónimo de Enminential Ryhthm of the Ancestors y viene a consistir en cantos gragorianos en latín macarrónico mezclado con ritmos modernos como el rock, el pop y el dance, aunque se acabó clasificando cómo música de la Nueva Era. El propio compositor comentó que las letras no tenían significado, simplemente que buscaba la mejor combinación de sonido para que le gustar al público y sin lugar a dudas que con éste primer trabajo lo consiguió a la perfección, ya que se vendieron más de seis millones de copias en todo el mundo.

Es un disco con ritmos muy pegadizos, muy bien producido y que engancha facilmente, algunos de sus temas cómo “Ameno”, “Mother” o “Enae Volare Mezzo” resultaran reconocidos cuando se vuelvan a escuchar después de tanto tiempo.

Rocío Leira, «Tres catorce dezaseis»

A autora ceerense Rocío Leira presenta esta nova novela que, en realidade, é un xogo de intriga, coa que chegou a ser finalista na última edición dos premios Jules Verne de Literatura Xuvenil. E digo que é un xogo de intriga porque ao longo das súas páxinas non só asistiremos á investigación e resolución dunha enigmática serie de asasinatos que teñen como escenario a Facultade de Matemáticas da Universidade de Compostela, senón que por mediación do executor dos crimes e do vello profesor Benavides, teremos a posibilidade de resolver unha serie de enigmas que son os que agochan as pistas que nos conducirán á devandita resolución do caso.

Isto entenderase un pouco mellor se primeiro falamos do argumento. No Campus Sur da universidade compostelá aparece asasinado un alumno. De seguido, o profesor Benavides comeza a recibir unha serie de correos electrónicos nos que lle propón participar nun xogo de adiviñas coa promesa de que os problemas poderán levalo á resolución do crime. Os correos virán en ocasións acompañados de fotografías que testemuñan que só o autor material do crime pode estar do outro lado da liña, polo que o profesor decide aceptar a proposta e tratar de resolver o misterio. Para iso, contará coa colaboración dunha das súas alumnas, avezada nos xogos de lóxica, que semella asumir o papel de Dr. Watson no relato, o perfecto compañeiro no que se apoiar para desenvolver a investigación. A ese primeiro asasinato non tardan en seguirlle outros e, consecuentemente, novos xogos de lóxica que agochan novas pistas, polo que a resolución do caso semella apremante.

Non vou desvelar, loxicamente, o final da historia, pero si direi que xoga con moitos dos elementos clásicos das novelas de detectives máis tradicionais, aderezados con algunhas pingas de contemporaneidade e, sobre todo, con esas adiviñas sobre as que proxectar os nosos coñecementos de lóxica matemática para acadar a resolución do caso. E quizais sexa este, aínda a pesar de que algúns dos problemas que se nos presentan xa son coñecidos, o punto forte da narración pois, ademais de disfrutar dunha escrita clara e dunha boa dosificación da intriga, o que se nos propón e que formemos parte da investigación resolvendo esas cuestións para axudar ao profesor Benavides que, pese á súa eminente posición académica, semella bastante perdido no xogo no que anda metido.

Falamos, xa que logo, dunha proposta narrativa moi acaída para os mozos, pois resulta amena e, a maiores e sen que nos decatemos, fai que nos mergullemos no mundo das matemáticas e aprendamos algúns dos seus segredos. Un terreo que a autora coñece á perfección, pois ela mesma é licenciada nesta especialidade pola propia USC.

Rocío Leira

Tres catorce dezaseis

Xerais

Ponteareas reafirmase no seu apoio ás familias máis vulnerables dotando de máis medios á área de Benestar Social

O Concello de Ponteareas reforzou os Servizos Sociais municipais para atender a quen máis o necesita como consecuencia da crise sanitaria provocada polo COVID-19. A concelleira de Benestar Social, a nacionalista Verónica Carrera, explicou que o Centro de Reparto de Alimentos municipal xa repartíu máis de 9.000 quilos de alimentos non perecedoiros entre as familias vulnerabeis. O reparto de alimentos faise durante todo o ano pero agora a demanda que atende o Concello incrementouse en máis do 50 %.

Carrera fixo fincapé na modificación da normativa de concesión de axudas de emerxencia social “para poder atender novas situacións de necesidade provocadas pola crise sanitaria”. Con ditas axudas o Concello atende necesidades das familias como gastos de aluguer de vivenda, de luz, calefacción, previa valoración polas traballadoras sociais de cada caso.

Ademais, a responsable de Servizos Sociais deu conta da convocatoria dun proceso de selección para contratar unha nova traballadora social. Deste xeito, afirmou Verónica Carrera, “o Goberno local adiántase ao previsíbel incremento de solicitudes de axudas nos vindeiros meses e reforza o cadro de traballadoras sociais, que pasará de tres a catro”. Doutra banda, o Goberno que preside Xosé Represas, reforzou o cadro de persoal da residencia de maiores coa contratación de dúas auxiliares de clínica e unha conserxe que se suman ao cadro habitual.

A concelleira nacionalista foi clara ao sinalar que “desde o Concello a nosa prioridade é atender a quén máis o necesita nesta grave situación e para iso estamos facendo todos os esforzos necesarios. Con estas medidas pretendemos garantir que ninguén quede desasistido”. Carrera salientou tamén que “todos estes esforzos estanse facendo con recursos económicos propios do Concello”.

Finalmente, Verónica Carrera fixo un recoñecemento especial “ao labor que está a realizar todo o persoal dos servizos sociais coas persoas vulnerabeis e da residencia cos maiores dando unha atención imprescindíbel neste intre crítico”.

Atención telefónica ou vía email

Nestas semanas, e como medida de contención do COVID-19, a atención non é presencial, senón vía correo electrónico [email protected], [email protected] ou [email protected] e telefónicamente no 986 641 747. Os trámites presentaranse telemáticamente ou vía whatsapp ao 687 209 960 ou 687 035 523 (documentación requirida) situación que se manterá ata novo aviso, tendo en conta as condicións sanitarias e as decisións que tomen tanto o goberno do Estado como a Xunta de Galicia.

Redondela protexe ás súas mariscadoras coa entrega de máscaras de protección tanto cirúrxicas como FFP2

0

O Concello de Redondela entregou, na mañá de hoxe, máscaras de protección homologadas –tanto cirúrxicas como FFP2– ás mariscadoras do municipio “para que poidan desenvolver o seu traballo coas máximas garantías”, explicou a alcaldesa Digna Rivas que fixo entrega do material ao presidente da Confraría de Pescadores, Xoel López é a presidenta das mariscadora, Esmeralda Otero.

Dende o primeiro momento da emerxencia sanitaria, o Concello de Redondela púxose a disposición das e dos traballadores do mar de cara a que puideran seguir coa súa actividade laboral “con garantías”.

Digna Rivas lembrou que esta é a segunda entrega que se fai de material de protección xa que, con anterioridade, o Concello xa tiña entregado máis de 100 unidades de máscaras cirúrxicas, “ás que agora engadimos máscaras FFP2 e tamén unha nova achega de cirúrxicas”.

A rexedora local manifestoulles a Xoel López e Esmeralda Otero, o “compromiso de colaboración” do seu Goberno “en todo o que lle poida facer máis doado o seu traballo cotiá” e nese sentido, recolleu as demandas, tanto do presidente da confraría como da presidenta das mariscadoras, “da necesidade dunha maior presenza da Policía Autonómica nas labores de vixiancia”. Digna Rivas comprometeuse a xestionar, nas vindeiras datas, unha reunión con responsables da Policía Autonómica e a Xunta de Galicia “para buscar unha solución rápida e eficaz a unhas demandas máis que xustificadas dun sector que, agora máis que nunca, cobra unha extraordinaria importancia”.

Doutra banda, a alcaldesa subliñou que o Concello de Redondela, nesta crise sanitaria, “está asumindo competencias que terían que ser responsabilidade da Xunta de Galicia” e puxo como exemplo a entrega de máscaras de protección ao sector do mar “competencia do Goberno autónomo e que, porén, está a asumir o Concello”.

Volveu a insistir a rexedora local que, en circunstancias extraordinarias como esta “é cando as administracións teñen que colaborar para beneficio da cidadanía” e lamenta que esa colaboración “non se estea dando na realidade” poñendo como mostra “a negativa da Xunta de Galicia a que os concellos poidamos mercar material de protección na plataforma de ventas habilitada polo Goberno autonómico e que está reservado, única exclusivamente, a autónomos e empresas”.

A colaboración, insiste Digna Rivas, “ten que ser unha vía de dobre dirección e non se pode cargar todo sobre os concellos que están facendo, como Redondela dende o primeiro día, un traballo que vai máis aló das súas posibilidades e incluso das súas competencias porque, a nosa única prioridade é o benestar e a saúde dos nosos veciños e veciñas”.

A ‘Sociedad pro-Monte Santa Tecla’ disólvese por sentenza xudicial

0

O xulgado número 1 de Tui vén de ditar sentencia, en primeira instancia, favorable a demanda interposta polo concello da Guarda na que declara “a disolución da “Sociedad pro-Monte” e a apertura da fase de liquidación da mesma, previa a súa extinción, recoñecendo o dereito do concello da Guarda a que se lle entreguen en calidade de depositario, os bens propiedade da citada entidade”.

O proceso de extinción da ‘Sociedad pro-Monte Santa Tecla’ comezou no ano 2017 cando os membros vivos da última xunta directiva do ano 1979 foron convocados polo presidente en funcións, Antonio Martínez, a unha reunión extraordinaria con un único punto na orde do día: a disolución da ‘Sociedad pro-Monte’. Nesta reunión, que se prorrogou en dúas sesións máis en días diferentes, non se chegou a un acordo sobre a extinción.

A intención última de parte dos membros da xunta directiva era aplicar o artigo 34 do seu regulamento que dispón que no caso de disolución, “los fondos que hubiere se destinarán a beneficencia pública local, y el Museo, Biblioteca y demás enseres se entregarán, previo inventario y en calidad de depósito, al Ayuntamiento u otra entidad de solvencia de la localidad.”

Dada a situación de bloqueo da extinción da ‘Sociedade pro-Monte’, a necesidade de protexer e garantir o carácter público das súas propiedades, a necesidade de mantemento dalgunhas destas propiedades con fondos municipais, e seguindo as recomendacións dos servizos xurídicos da Xunta de Galicia e do propio Concello da Guarda, a entidade local interpuxo unha demanda xudicial como última saída.

Entre os bens da ‘Sociedad pro-Monte’, que pasarán ao concello da Guarda en depósito cando remate o proceso, están: o Parque do Cancelón, o Centro Cultural, a Casa da Cultura, o arquivo da Sociedade e os fondos do Museo Arqueolóxico.

Con este proceso reverten no Concello “por dereito” un bens que xa o eran de feito, “dado que a entidade local é quen está xestionando, dando uso e mantendo os bens inmobles da ‘Sociedad pro-Monte’ para beneficio de todos os veciños e veciñas da vila”, aclara o Concello da Guarda.

Un motor social e cultural

A ‘Sociedad pro-Monte Santa Tecla’ fundouse en 1912 coa finalidade de fomentar o turismo e poñer en valor o monte Santa Trega, impulsando sobre todo a súa paisaxe e o patrimonio arqueolóxico do xacemento castrexo. Esta Sociedade foi, sen dúbida, “verdadeiro motor social e cultural da Guarda durante boa parte do século XX, ata que no ano 1979 os seus socios se reúnen por última vez en Asamblea Xeral”, apunta o Concello guardés.

Con posterioridade creouse o Padroado do Monte Santa Trega, un órgano que, xunto co Concello, asumiu os mesmos fins que tivera durante o seu funcionamento a ‘Sociedad por-Monte’. Nesta situación, a histórica Sociedade perdeu a súa razón de ser e deixou de ter actividade.

Os anos foron pasando e dada esta falta de actividade e as nulas posibilidades de reactivación, algúns membros da última xunta directiva consideraron que a mellor saída era a súa extinción. Entregando ao concello da Guarda os seus bens a fin de garantir que os mesmos seguisen sendo de desfrute de todos os veciños e veciñas da localidade.

A Deputación ofrecese aos concellos para asesoramento sobre como recuperar os espazos públicos de maneira urxente

A Deputación de Pontevedra vén de ofrecerse aos concellos da provincia para asesorar como recuperar espazos públicos de maneira urxente e efémera co fin de dar garantías de distanciamento físico á cidadanía nestes momentos da crise da COVID-19. O deputado de Mobilidade Uxío Benítez lembra que o seu departamento defende a necesidade de recuperar o espazo público de maneira estable e a longo prazo, mais subliña que a día de hoxe son necesarias algunhas actuacións inmediatas para que as persoas dispoñan de máis amplitude nos lugares e vías polas que transitan, motivo polo que pon a disposición dos municipios todo o persoal técnico provincial experto neste ámbito.

Segundo explica o deputado de Mobilidade, a situación de emerxencia sanitaria fixo que a cidadanía e os gobernos locais se decatasen da importancia de que as rúas, as prazas, e en xeral todo o espazo público teñan ás persoas como prioridade fronte á circulación rodada, con elementos e dimensións correctos para o tránsito peonil seguro e confortable. “O espazo público forma parte substancial da vida das persoas como escenario natural da vida colectiva. Cando o perdemos… e hoxe que comezamos a recuperalo na ‘desescalada’, é cando o valoramos”, subliña.

Benítez sinalou que é preciso considerar e valorizar o espazo público como un dereito fundamental da cidadanía, con relación directa coa súa calidade de vida, á cohesión social ou á percepción da felicidade. Por iso, ademais de poñer a disposición o persoal técnico para realizar actuacións inmediatas e de carácter transitorio e puntual (como peonalizar rúas, redirixir tráficos ou recuperar áreas…), vaise poñer en marcha un plan provincial para o resto do mandato co obxectivo de que os concellos potencien políticas de recuperación do espazo público de maneira estable e definitiva.

Este proxecto, que estaba plantexado xa moito antes da crise sanitaria, segundo recoñece o deputado nacionalista, agora cobra aínda máis valor. A intención é que os concellos se comprometan na realización de infraestruturas públicas que incentiven as mobilidades naturais alternativas ás de motor, deixando así a prioridade de uso para as persoas nos ámbitos urbanos e nos núcleos de centralidade.

O deputado Uxío Benítez vai remitir unha carta esta semana citando a todas as alcaldesas e alcaldes da provincia a un encontro virtual co fin de presentar todas estas iniciativas do departamento de Mobilidade: tanto a disposición para asesorar as actuacións efémeras como, principalmente, para desenvolver proxectos a medio e longo prazo no que a recuperación do espazo público sexa a esencia.

Co fin de potenciar a idea do espazo público como un dereito da cidadanía, e da súa necesidade de calidade para o disfrute da veciñanza, sobre todo en crises como a actual, o departamento de Mobilidade vén de lanzar no día de hoxe un vídeo explicativo. Trátase dunha peza (difundida tanto na web –www.depo.gal-) como nas redes sociais da institución) na que o propio ‘espazo público’ se dirixe á cidadanía explicando canto a bota en falta ao estar baleiro.

‘Corre X Salceda’ reinvéntase e celebra a súa primeira edición virtual

Este domingo, 3 de maio, Salceda de Caselas debería acoller a celebración dun dos seus eventos deportivos de máis soa: a oitava edición da ‘Corre X Salceda’, unha carreira que cada ano congrega no municipio a máis de 800 deportistas de tódalas idades convertendo a proba, nunha auténtica festa do deporte. Porén, nesta ocasión, pese a que o confinamento manda, o Concello non está disposto a ‘tirar a toalla’ e renunciar á súa proba deportiva máis destacada. Non queda outra que reinventarse e lanzar unha innovadora iniciativa que deron en chamar ‘Corre X Salceda, edición virtual contra o coronavirus‘. E é que a carreira tiña cada ano un fin solidario, fin que precísase agora máis que nunca.

Así pois, dende o Concello e dende as Escolas Deportivas, coa colaboración de diversos clubes deportivos do municipio organízase unha proba virtual deportivo-solidaria para recadar fondos para o Programa de Alimentos do Concello de Salceda de Caselas destinados integramente a mitigar os efectos da pandemia do covid-19. O reto é que as persoas que queiran participar suban imaxes (fotos ou vídeos) ás redes sociais facendo deporte (calquera deporte), mencionando a Corre X Salceda edición virtual e usando o hastag #DeporteNacasa. O prazo para facelo vai dende o domingo 3 ata o domingo 10 de maio ás 14:00 horas.

Pero o importante da proba é tamén o seu fin solidario, para o que tódalas persoas que desexen participar deberán inscribirse en championchip.com, facendo unha aportación solidaria dun mínimo de 2 euros, coa que participarán tamén o día 10 no sorteo de diferentes agasallos: dorsais para carreiras, camisetas, etc.

Salceda pon en marcha deste xeito unha iniciativa pioneira en tempos de confinamento, co convencemento de que servirá ademais para darlle un importante pulo ao programa de alimentos municipal, que dende o inicio da pandemia case viu duplicadas as familias ás que presta atención.

Rubén González, Concelleiro de Deportes, quixo agradecer “de xeito especial” a implicación e colaboración dos diferentes clubes e deportistas de Salceda, que dende o primeiro momento amosaron a súa boa disposición e as súas ganas de colaborar nesta novedosa proba.

Pola súa banda, a alcaldesa de Salceda lembraba que o municipio “sempre destacou polo seu dinamismo social, e esta proba é unha boa mostra”, polo que non dubidou en animar “a salcedenses e a veciñanza doutros municipios a que se sumen e se animen a participar nesta iniciativa solidaria, moi importante nos complicados momentos que estamos a vivir”.

Baiona modificará a ordenanza de Emerxencia Social para “axilizar o proceso e ampliar a súa cobertura”

0

Axilizar o proceso de tramitación das axudas de Emerxencia Social e ampliar o período de tempo de prestación das mesmas, é o obxectivo que persegue a modificación da correspondente Ordenanza na que traballa o Goberno local de Baiona xa que, o regulamento en vigor, limitaba as axudas de emerxencia social a dúas linas ao ano cunha duración de dous meses.

A existencia de circunstancias “excepcionais” como a crise sanitaria sen precedentes que se está a vivir e que ninguén sabe a ciencia certa cando comezará a remitir, “obriga ao Concello a modificar determinadas ordenanzas de cara a que sexan máis efectivas coas persoas beneficiarias, que constitúen o sector social máis vulnerable, é ao que hai que darlle respostas tan efectivas como áxiles”, afirma o alcalde de Baiona, Carlos Gómez.

A modificación da Ordenanza de Emerxencia Social, levará aparellada unha modificación orzamentaria xa que, explica o alcalde de Baiona, “os fondos precisos para ampliar este servizo, imprescindible nestes tempos para as persoas e familias máis necesitadas, terán que sacarse de outras partidas –como Deportes, Turismo e outras concellerías– actualmente infrautilizadas debido á situación de confinamento, e polo tanto temporalmente prescindibles”.

En todo caso, Carlos Gómez lembra que a prestación de axudas de Emerxencia Social é un servizo cofinanciado pola Xunta de Galicia e polo tanto “pedímoslle á Xunta de Galicia que se implique á hora de asumir parte do gasto que a ampliación das prestacións leva aparellado”.

Para o rexedor local, ese custe “non pode recaer única e exclusivamente sobre os Concellos que, neste estado de emerxencia, están facendo un extraordinario esforzo económico, de material e persoal, para garantir a saúde da súa veciñanza”.

Pide polo tanto o rexedor local, que a axuda da Xunta de Galicia, vaia máis aló do remate do estado de alerta “e que se manteña ata que se volva a dar unha situación de normalidade social que, sen dúbida, irá moito máis lonxe no tempo”.