O Concello de Nigrán iniciou onte luns a entrega de paquetes de autoprotección entre 30 establecementos de todo o municipio que retomaron a súa actividade. Os paquetes entregados constan de 5 máscaras homologadas, 5 solidarias (confeccionadas artesanalmente), 5 pantallas autoprotectoras realizadas con impresoras 3D e 2 abreportas lu-touch doados pola empresa Akwel Spain a través dun dos seus empregados, veciño de Nigrán.
Todos os interesados deben escribir un mail de solicitude a secretariap@nigran.org e nese mesmo día lle serán entregadas no respectivo local polo servizo municipal de axuda ante a COVID-19, do que forma parte todo o goberno local. O Concello investíu 15.000 € na compra de 22.000 máscaras homologadas e o primeiro obxectivo do Goberno local é que os negocios abran as súas portas con total seguridade para traballadores e clientes (peluquerías, clínicas de fisioterapia, tendas de moda…).
Este primeiro reparto forma parte da compra de 22.000 unidades realizado por parte do Concello de Nigrán para subministrar entre toda a veciñanza (a poboación total do municipio non chega aos 18.000 habitantes). A primeira remesa de 4.000 unidades homologadas xa está dispoñible e é esta na que se dá prioridade aos establecementos comerciais. A previsión é que ao longo da semana cheguen as 18.000 mascarillas restantes, que se distribuirán entre os veciños (informarase convintemente de como obtelas).
“Ao longo deste tempo estivemos repartindo todas as mascarillas que recibimos entre os colectivos que máis expostos ao Covid-19 e os que traballaban cos sectores máis vulnerables, como residencias de maiores, coidadoras a domicilio, centros de saúde, taxistas, tendas de alimentación… Agora que ao fin conseguimos facer unha compra masiva, estamos en disposición de repartir entre toda a veciñanza e, nun primeiro paso, entre os establecementos comerciais que abren o luns e que precisan dispoñer de medios para iniciar a súa actividade con seguridade” , indica o alcalde, Juan González.