11.5 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaDeputación e CSIC asinan un convenio para impulsar un estudo sobre a...

    Deputación e CSIC asinan un convenio para impulsar un estudo sobre a biodiversidade e os produtos locais da provincia

    Carmela Silva: “O CSIC sempre foi imprescindible para tomar decisións intelixentes pero agora, coa COVID19, a sociedade por fin tomou conciencia diso. É fundamental que o discurso da Ciencia chegue á cidadanía”

    A posta en valor da investigación e da ciencia e a necesidade de coidar a biodiversidade para evitar problemas presentes e futuros, foron hoxe dúas das conclusións compartidas pola presidenta da Deputación, Carmela Silva, e a vicepresidenta de Organización e Relacións Institucionais do CSIC, Rosina López-Alonso, na firma dun convenio entre as dúas institucións para impulsar un estudo sobre os produtos tradicionais locais da provincia. Na sinatura, na que tamén participou a deputada de Transición Ecolóxica e Medio Ambiente Iria Lamas, ambas dirixentes destacaron a necesidade de impulsar investigacións científicas para solucionar problemas que están a incidir e incidirán na vida humana e que sirvan de ferramenta para tomar “decisións intelixentes”.

    Carmela Silva quixo facer un recoñecemento ao CSIC. “Sempre foi unha institución imprescindible e orgullo de país pero, agora nestes tempos de COVID, a sociedade xa tomou conciencia diso. É fundamental que o discurso da ciencia chegue á cidadanía”. A presidenta provincial lembrou que “levades moito tempo alertando de que a perda de biodiversidade estaba a afectar moito á sociedade, e que podía a crear problemas como o que temos. Hai que tomar conciencia, engadiu, de que a biodiversidade é un elemento fundamental para loitar contra pandemias presentes ou futuras”.

    A presidenta da Deputación tamén enxalzou a importancia do convenio asinado, “moi relacionado ademais co cumprimento dos obxectivos da Axenda 2030 que para nós é unha prioridade de goberno, e por outro lado nos vai permitir investigar sobre produtos galegos propios da nosa provincia, saudables e de proximidade”.

    Pola súa banda a vicepresidenta de Organización e Relacións Institucionais do CSIC Rosina López-Alonso destacou o importante papel da investigación para facer fronte á novas necesidades e crisis que van vir provocadas pola atención que prestemos ao medio ambiente e á biodiversidade. “Se non atopamos unha solución desde a investigación aos problemas que nós temos creado na nosa contorna natural, imos ter unha situación moi difícil”. “A imaxe da investigación revalorizouse coa pandemia terrible que vivimos pero non ten que ser por moda, ten que quedar para sempre”. Respecto ao convenio asinado coa Deputación de Pontevedra, López Alonso fixo fincapé na necesidade de revalorizar as especies autóctonas galegas, e sinalou que este estudo terá unha aplicación directa en temas como a agricultura, a gastronomía e tamén nas tradicións e cultura de Galicia.

    En liñas xerais o convenio asinado entre a Deputación e o CSIC, a través da Misión Biolóxica, que ten un importe de 50.000 euros, permitirá impulsar unha investigación sobre produtos autóctonos e tradicionais galegos como as coles, brécol, nabicol, millo corvo, leguminosas, vide e oliveira, para manter o seu aproveitamento tendo en conta a súa importancia na prevención de pragas e enfermidades. O convenio permitirá xestionar, manter e multiplicar as coleccións de variedades locais galegas; estudios de viabilidade de sementes; planificación de ensaios en campo, invernadoiro e cámaras de crecemento; xestión e control das cámaras de xermoplasma e climáticas de crecemento; multiplicación en campo e invernadoiro de variedades con pouco poder xerminativo; conservación e caracterización da biodiversidade mediante a toma de datos vexetativos e reprodutivos de ensaios en campo e invernadoiro; optimización da colección eliminando duplicados e informatización e documentación de datos.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.