Sábado, 12 Xullo de 2025

Nigrán estrea en Panxón o maior mural da artista Lula Goce na comarca do Val Miñor

0

A artista de Baiona Lula Goce, internacionalmente recoñecida polos seus impactantes murais, ven de rematar en Panxón a súa maior obra na comarca grazas á iniciativa do Concello de Nigrán. O goberno local contratou este verán a Goce a ilustración dun muro de algo máis de 200 metros cadrados de superficie ubicado na subida da rúa Gondomar (ao carón do cemiterio, pavillón e Escola Infantil Dunas). Aínda que o municipio xa conta con intervencións súas na fachada do CEIP Carlos Casares ou a recente no Campo Municipal de Condomínguez (ambas tamén contratadas desde o Concello) esta é a súa maior obra e a única a pé de rúa, polo que Nigrán entra de pleno a formar parte do seu circuíto de murais internacionais, xa auténticos emblemas en países como EEUU, México, Israel, Portugal, Italia, Bélxica, Francia…  

“É un punto neurálxico de Nigrán, ao carón da praia, o Pavillón Municipal e o centro educativo Dunas de Gaifar; o resultado é espectacular, será un referente máis do noso municipio como xa o son os seus murais no mundo enteiro”, sinala o alcalde, Juan González.

Unha vez máis, como é característico na súa obra, as imaxes de crianzas e natureza mesturaranse nun trazo hiper-realista para trasladar á cidadanía unha mensaxe de respecto pola diversidade e amor polo noso medio e as oríxes de cada un de nos. “Cada un de nos é único, ese é o noso tesouro, e aprender a coñecernos e respectarnos entre nos é unha das cousas mais marabillosas da vida”, explica Lula, quen deseñou ex-profeso este mural tendo en conta a súa ubicación, “ten unha mensaxe educativa porque está ao carón dunha escola infantil, e tamén ten un significado de ciclo da vida porque está pegado ao cemiterio”. Así, nel retrata cinco rostros de nenos e nenas onde destaca a súa diversidade étnica e cultural e rodeados de vexetación, tema reiterado na súa obra. “O feito de ser un mural totalmente horizontal e con dúas pezas o complicou  moito o deseño e o traballo”, admite Lula, quen empregou como técnicas a pintura plástica e o spray.

Lula Goce, nacida en Baiona, licenciouse en Belas Artes en Salamanca na especialidade de Pintura. En Barcelona realizou un Máster de creación artística e o DEA na Facultade de Belas Artes da  UB de Barcelona. Estudou Deseño Gráfico na BAU e Ilustración na  Escola de Dóaa, ademais de traballar en centros de produción artística como Hangar, en  Poblenou, e formar parte do espazos artísticos como  Caminal ou A Escocesa. O seu traballo como muralista é recoñecido no mundo enteiro.

[su_image_carousel source=”media: 23497,23494,23498,23496,23495″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

Arden fornos e cámaras frigoríficas no interior dun supermercado na Guarda

0

Os equipos de extinción dan por finalizado un incendio declarado esta madrugada no interior dun supermercado na Guarda.

Arderon fornos e cámaras frigoríficas dentro dun centro de transformación de subministro sen causar danos persoais.

A alerta saltou ás seis desta mañá mediante as sereas de aviso do establecemento, que foron percibidas por unha patrulla da Garda Civil. Inmediantamente, os axentes das forzas da orde contactaron co 112 Galicia para solicitar medios para a extinción dun incendio do que aínda descoñecían a orixe.

Deseguido, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia avisaron aos membros do GES de A Guarda e aos Bombeiros do Baixo Miño para extinguir o lume unhas dúas horas despois sen que se produciran danos persoais. Segundo explicaron os equipos de intervención, o incendio orixinouse nun centro de transformación de subministro, o que afectou directamente a cámaras frigoríficas e fornos.

Malia ter rematado, os equipos seguirán un tempo no lugar para ventilar o establecemento, situado na Rúa Diego Antonio González.

Sanidade establece o Nivel 2 en toda Galicia e limita as reunións a un máximo de 5 persoas

A Consellería de Sanidade vén de anunciar o establecemento do nivel 2 de restricións en toda Galicia, onde ademais se limitarán as xuntanzas a grupos dun máximo de 5 persoas.

Neste senso, a totalidade do territorio da Comunidade Autónoma fica no nivel 2 de restricións, unha circunstancia que incidirá nos aforos e na ocupación dos espazos dos diferentes ámbitos sociais.

Entre as decisións adoptadas polo Comité clínico que fai o seguimento da evolución da covid-19 na nosa comunidade, e tras constatar o aumento de contaxios, tamén decidiu incrementar até o nivel 3 de restricións no concello de Santiago e na localidade do Milladoiro, onde ademais as xuntanzas ficarán restrinxidas a persoas conviventes.

Os bares e cafeterías da capital de Galicia e desta localidade amiense, tamén verán restrinxido o seus servizos no interior dos locais, quedando limitada a súa actividade ao 50% do número de mesas das súas terrazas.

A pesar da mellora que presenta a evolución epidemiolóxica nos concellos de Ourense e Barbadás, ambos continuarán a manterse no nivel 3 de restricións, xunto coa limitación de xuntanzas exclusivas entre conviventes e o peche da mobilidade perimetral entre os dous concellos, xa en vigor desde o pasado 7 de outubro.

Unha das novidades introducidas no día de onte polo Comité clínico, foi elevar ao nivel 3 de restricións aos concellos de Verín, Oímbra e Vilardevós, onde se establecerá un peche de mobilidade perimetral que só permitirá desprazamentos entre os mesmos. Ademais as xuntanzas entre persoas nestes concellos ficará limitada só a persoas conviventes.

Seguindo na provincia de Ourense, o Comité de expertos decicíu restrinxir todas as actividades non esenciais nos concellos de Carballiño, O Irixo e Boborás, ao considerar preciso reforzar as medidas de prevención co obxecto de evitar a propagación do virus nestes municipios. Así mesmo, continuarán coa restrición de mobilidade perimentral xa establecida e coa limitación de xuntanzas entre de grupos de persoas conviventes.

Todas estas medidas, que se publicarán hoxe no Diario Oficial de Galicia, entrarán en vigor dende as 00:00 horas do xoves.

A Casa do Concello iluminouse de rosa pola Día Mundial contra o Cancro de mama

0

A Casa do Concello de Tui iluminouse de rosa esta pasada noite con motivo do Día Mundial contra o Cancro de mama que tivo lugar o luns. Deste xeito o Concello de Tui súmase ás iniciativas que cada 19 de outubro buscan concienciar á sociedade da importancia da investigación e o diagnóstico precoz desta enfermidade.  Cómpre lembrar que o cancro de mama é o tipo de tumor máis frecuente en mulleres, e que en España diagnostícanse cada cano 33.307 novos cancros de mama.

O físico Jorge Mira abordará este xoves a controversia sobre o cambio de hora na nova conferencia do Ciclo Aida Fernández Ríos

A controversia sobre o cambio de hora centra a nova charla do I Ciclo de Conferencias Científicas Aida Fernández Ríos, que se desenvolverá este xoves 22 de outubro ás 19 horas e estará impartida polo catedrático de Electromagnetismo do Departamento de Física Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela Jorge Mira Pérez. Ao igual que as anteriores conferencias deste ciclo, que a Deputación de Pontevedra organiza en colaboración coa Real Academia de Ciencias, a charla, que leva por título “Cambio estacional de hora e fuso horario en España”, desenvolverase en formato webinar e abrirase un coloquio para que as persoas asistentes poidan formular as súas preguntas. As inscricións poden realizarse a través do formulario habilitado na web da Deputación (www.depo.gal).

Jorge Mira Pérez é licenciado en Física pola Universidade de Santiago (1991)  e doutorouse nesta especialidade en 1995. A súa actividade investigadora está centrada no estudo do comportamento magnético e eléctrico de materiais e a nanotecnoloxía e ten publicado máis dun cento de artigos de investigación en revistas internacionais. Outro dos seus campos de actividade son a mellora de sistemas de imaxe médica para enfermidades reumáticas e o estudo de sistemas sociais (dinámicas lingüísticas producidas en áreas con presencia de dous idiomas ou modelado en epidemioloxía).  É membro da Real Academia Galega desde 2016 e no ano 2018 foi nomeado membro da comisión de expertos do Goberno de España para a reforma da hora oficial. Amais da súa labor científica e académica, desde finais dos anos 90 é un activo divulgador científico, colaborador en diversos medios de comunicación e autor de dous libros: “La ciencia en el punto de mira” (2010) e “¿A qué altura está el cielo?” (2016).

Na súa extensa traxectoria profesional tamén acumula numerosos galardóns, entre eles o Premio do Colexio de Físicos de España (2010) ou o Premio da Real Academia Galega de Ciencias ao proxecto “Predico” impulsado este ano polo Instituto de Saúde Carlos III e que Mira liderou, sobre a predición de expansión do coronavirus. Tamén neste 2020 foi galardoado co Premio de Divulgación Científica da Real Academia de Ciencias e da Xunta de Galicia, en recoñecemento a súa labor durante máis de vinte anos en todos os campos do coñecemento e o seu esforzo continuado por acercarlle a ciencia á sociedade a través de múltiples canais. Entre os premios que atesora figura tamén o Premio de Investigación en Ciencia e Tecnoloxía da Deputación de Pontevedra (2001).

O I Ciclo de Conferencias Aida Fernández Ríos ten por obxectivo achegar a ciencia á sociedade, así como estimular futuras  vocacións científicas. Ademais, con este ciclo, que leva nome de muller, tamén se está a visibilizar ás mulleres científicas, que imparten varias das charlas programadas. A intelixencia artificial, a tecnoloxía das cadeas de bloques, a incerteza do ciclo económico, as microalgas e os beneficios do consumo dos produtos da pesca e acuicultura son os temas sobre os que versarán as seguintes conferencias deste ciclo.

Mos vólcase na formación e o fomento do emprego en tempos de crise económica pola Covid-19

0

A alcaldesa de Mos e a concelleira de Promoción Empresarial, Economía e Emprego mosense, Julia Loureiro, anunciaron hoxe dúas boas novas en materia de formación e fomento do emprego, tales como a prórroga concedida pola Xunta de Galicia de dous meses máis para o Programa Integrado de Emprego e o inicio do curso AFD de soldadura, con subvención autonómica tamén.

O V Programa Integrado de Emprego de Mos que remataría hoxe pasará a finalizar o 20 de decembro de 2020. Esta nova data implica tamén un aumento da subvención, por un importe total de 29.246,58 euros que, sumados á contía do proxecto inicial, 250.000 euros, computan unha axuda con importe total de 279.246,58 euros da Consellería de Emprego e Igualdade.

O actual Programa Integrado de Emprego do Concello de Mos 3.0 (V Edición), subvencionado pola Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia foi iniciado no pasado mes de decembro de 2019 con 100 persoas usuarias de diferentes perfís profesionais, grupos de idade entre os 17 e os 61 anos, e conta con 59 mulleres e 41 homes en busca activa de emprego. 

Destas 100 persoas, e a pesar da crise sanitaria da COVID-19, actualmente están traballando 54 e outras 18 máis traballaron nalgún momento desde o inicio do programa, o que fai un total de 72 insercións laborais.

Debido ó establecemento do estado de alarma provocado pola crise da COVID19, produciuse unha paralización das accións presencias do Programa integrado desde o 13 de marzo ata o 1 de xullo de 2020.

Por outra banda a semana pasada comezaron as clases os/as 10 alumnos/as do curso AFD de Soldadura Oxigás e Soldadura MIG/MAG tamén subvencionado pola consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia.

Trátase de formación práctica de calidade e con futuro xa que, ao terminar, ós alumnos entregaráselles un diploma acreditativo do  Certificado de Profesionalidade, da familia profesional de Fabricación Mecánica, área profesional da construción metálica: “Soldadura Oxigás e Soldadura MIG/MAG”.

A subvención autonómica concedida para a realización deste curso AFD (Acción Formativa para Desempregados) ascende a 76.733,10 euros.

Trátase dunha acción formativa cunha duración total de 670 horas que está a ser impartida por parte da Axencia de Colocación do Concello de Mos, que continúa a priorizar as políticas de formación, emprego e inserción laboral nestes duros momentos de crise económica derivada da COVID-19. As competencias a adquirir polo alumnado durante a acción formativa son a realización de soldaduras e proxeccións térmicas por oxigás, soldaduras con arco baixo gas protector con eléctrodo consumible (MIG, MAG) e proxeccións térmicas con arco, de acordo coas especificacións dos procedementos de soldeo (WPS).  As materias que se imparten son prevención de riscos laborais, interpretación de planos, procesos de corte e preparación de bordos, Soldadura Oxigás, Soldadura MAG de chapas e estruturas de aceiro ao carbono e Soldadura MIG de aceiro inoxidable e aluminio. Tras o curso os/as alumnos/as terán 40 horas de prácticas non laborais  en empresas cuxo obxectivo é que poidan por en práctica os coñecementos adquiridos nun ambiente real de traballo.  Ademais, estes alumnos formaranse para acceder ao mercado laboral como soldadores e serán inscritos na bolsa de emprego “https://mos.portalemp.com/”, dende onde se realizará unha intermediación laboral con empresa do sector para conseguir a súa inserción laboral.

O novo servizo de SmartPeme para o Terceiro Sector toma impulso coa celebración dunha webinar da directora de change.org en Europa

O novo servizo do programa de asesoramento tecnolóxico SmartPeme  da Deputación de Pontevedra dirixido ás entidades do Terceiro Sector toma impulso coa celebración da webinar que ofrecerá este mércores 21 de outubro a directora xerente da Fundación Change.org para Europa, a pontevedresa Irene Milleiro. Esta charla emitirase vía telemática a través de Zoom ás 19 horas e nela, Milleiro falará sobre a importancia da transformación dixital no ámbito do Terceiro Sector.

Este novo servizo de SmartPeme dedicado ao Terceiro Sector, que se puxo en marcha este verán, está dirixido a entidades da provincia que desenvolvan as súas actividades no ámbito dos dereitos, a participación cidadá e/ou as necesidades sociais, ás que lles ofrece asesoramento personalizado gratuíto en materia de competitividade e tecnoloxía, a fin de axudarlles a mellorar a súa eficiencia e o seu impacto na sociedade.

A relatora da webinar, Irene Milleiro, é licenciada en Dereito, máster en Dereitos Humanos e Democracia e experta no uso da comunicación e a tecnoloxía para o impulso de cambios sociais. Antes da súa vinculación á plataforma Fundación Change.org, traballou coma directora de Campañas e Estudos de Intermón Oxfam e na Unidade de Dereitos Humanos da Comisión Europea en Bruxelas. Persoa integrante das Top100 mulleres líderes en España, obtivo o Premio Mulleres a Seguir na Categoría de Comunicación en 2017. Na súa intervención, a pontevedresa abordará a importancia da dixitalización nas entidades do Terceiro Sector, non só no ámbito do márketing e a captación de novas persoas usuarias, se non tamén para a mellora da xestión.

A charla divulgarase a través da ferramenta Zoom, previa inscrición nun formulario dispoñible na páxina web de Smartpeme (con ligazón directa a través do enderezo https://acorta.depo.gal/tercersector). En caso de dúbida, as persoas interesadas poden dirixirse a Smartpeme a través do enderezo electrónico [email protected] ou no teléfono 886 202 202.

Baiona conmemora o Día Mundial do Cancro de Mama tinguindo de rosa a Casa do Concello

0


Baiona iluminou de cor rosa a Casa do Concello na noite deste luns ao amparo da conmemoración do Día Mundial do Cancro de Mama, que se celebra cada 19 de outubro. Deste xeito a institución únese á demanda de ADICAM, a Asociación de Diagnosticad@s de Cancro de Mama e xinecolóxico, para visibilizar ás persoas afectadas pola enfermidade. O edificio municipal estará iluminado desta cor durante toda esta semana tamén para tratar de dar maior visibilidade a esta enfermidade e aos colectivos que traballan na loita da mesma e con persoas afectadas.

Cada ano diagnostícanse en España máis de 33.000 novos casos de cancro de mama e xinecolóxico en España e por iso fai falta visibilizar esta doenza para concienciar á sociedade da importancia da investigación e diagnóstico precoz.

O cancro de mama trátase do tumor máis frecuente nas mulleres occidentais. De feito una de cada oito mulleres terá cancro de mama ao longo da súa vida e entre o 2012 e o 2019 detectouse un incremento da enfermidade do 7,5%. Para un gran número de mulleres en idade laboral o cancro supón un serio agravante á súa situación socioeconómica, ao ter que asumir elevados custes derivados da enfermidade, ademais de ter un importante impacto emocional, físico, persoal, familiar, laboral e económico entre as mulleres que padecen a enfermidade.

O Concello de Tui aproba novas axudas para vivendas da ARI de Tui

0

O Concello de Tui aprobou a semana pasada novas axudas para vivendas da Área de Rehabilitación Integral de Tui, correspondentes á fase décimo terceira do convenio de axudas entre Concello, Fomento e IGVS.

Segundo explica Laureano Alonso, Concelleiro de Patrimonio, aprobáronse inicialmente as axudas para a totalidade das solicitudes recibidas. Foron 6 as familias beneficiarias correspondentes á fase décima terceira do convenio entre o Ministerio de Fomento, o IGVS e o Concello de Tui, con cargo á anualidade 2019. O importe total é de 83.933,29 euros, cofinanciados polo Ministerio de Fomento (67.852,88 €) e o IGVS (16.080,41 €).

Todas as solicitudes presentadas foron aceptadas, cumprindo os obxectivos fixados pola Oficina da ARI para o ano 2019 e 2020. Prevese que nos vindeiros meses se inicien as diferentes obras nas rúas do conxunto histórico.

Os beneficiarios finais dos fondos repartidos serán as persoas propietarias de vivendas emprazadas no ámbito da Área de Rehabilitación Integral, que recibirán axudas a fondo perdido para as actuacións de rehabilitación que realicen.

As actuacións solicitadas abarcan obras de mellora de eficiencia enerxética con illamentos de cubertas e cambios de carpinterías, tamén a restauración das fachadas e obras de accesibilidade no interior das vivendas.

Segundo explica Laureano Alonso, a principal finalidade das axudas é a de dotar de condicións dignas de habitabilidade e accesibilidade as vivendas do conxunto histórico favorecendo así que se siga habitando esta zona e atraer a novos residentes. Ademais, con estas axudas mellórase a imaxe do conxunto histórico. Na actualidade a concellería de Patrimonio ten en marcha as fases 12 e 13 das axudas da ARI. Dende o departamento xa enviaron a documentación ao Ministerio de Fomento solicitando fondos para a Fase 14. En canto o Ministerio aprobe a solicitude, dende a Oficina de Rehabilitación abrirán un novo prazo de solicitude de axudas.

Carlos Font exprésalle ao director do centro da UNED o compromiso da Deputación coa universidade a distancia

A Deputación de Pontevedra e a Universidade Nacional de Educación a Distancia reiteraron hoxe a súa vontade de “leal cooperación” durante a visita institucional na que o deputado Carlos López Font recibiu ao novo director do centro asociado provincial, Víctor González. “A relación entre a Deputación e a UNED sempre foi magnífica e así queremos que continúe sendo”, destacou o deputado.

López Font deu a benvida ao director, que provén do centro asociado de Segovia, e que, co seu traslado, trae tamén a Pontevedra a sede central do campus Noroeste, o que significará a coordinación dos 14 centros asociados de Galicia, Asturias, Castela-León e Extremadura e un maior rango para o que xa, de facto, é o centro de maior tamaño do campus. Font desexoulle “os maiores éxitos” en nome da presidenta, Carmela Silva, e transmitiulle todo o seu apoio nesta andaina que comeza.

O deputado subliñou que a Deputación cre no “gran potencial da UNED, que coa súa actividade, impregna a toda a provincia” e recalcou que a Deputación non está “só de xeito nominal na UNED, senón por convencemento no modelo que ofrece”. O deputado engadiu que xa antes da pandemia a Universidade Nacional de Educación a Distancia tiña demostrado ser “un instrumento moi válido e, agora, aínda máis”.

Víctor González agradeceu o apoio e recalcou que a Deputación “non é que colabore, senón que é parte da UNED porque está no seu Consorcio”. Ao mesmo tempo destacou a oportunidade que se abre co nomeamento de Pontevedra como cabeceira do campus Noroeste. Neste eido ofertou a colaboración académica para actividades de formación tanto para a propia Deputación como para os concellos da provincia. “Estamos aquí para colaborar no que se nos demande”. O ofrecemento foi moi ben acollido con López Font, quen puxo o exemplo da recente implantación da Administración Electrónica nos concellos na provincia gracias ao soporte técnico achegado dende a Deputación.

O novo director anunciou que en canto remate a rolda de presentacións e contactos tanto dentro como fóra do centro asociado convocará unha xuntanza da Xunta Reitora do Consorcio do Centro Asociado para expoñer as liñas de actuación que vai desenvolver neste curso e no futuro.

Arranca ‘Claqueta Violeta’, un proxecto para loitar contra a desigualdade de xénero e previr a violencia contra as mulleres

0

O Rosal é un concello comprometido coa igualdade que leva anos traballando en colaboración cos centros educativos para acabar coas desigualdades de xénero e tratar de educar a nenos e nenas para que rachen con roles e estereotipos. Con este obxectivo o Concello acaba de poñer en marcha ‘Claqueta Violeta’, un proxecto que se leva ás aulas esta temática para facer unha chamada á acción á mocidade; axudalos a reflexionar sobre a igualdade a mozos e mozas e á súa contorna familiar; amosarlles que existen outros tipos de masculinidade alternativos aos tradicionais máis positivos, respectuosos, igualitarios e libres; apelar á necesidade de que o home se implique como acto na loita feminista e promocionar o uso responsable das novas tecnoloxías.

Para acadalo, alumnado de 3º da ESO do CPI Manuel Suárez Marquier xa traballa por grupos nas primeira actividade do proxecto, un obradoiro de creación de curtametraxes no que ademais de proporcionar ás e aos participantes coñecementos sobre a creación e edición audiovisual, traballarase na promoción da igualdade e na prevención da violencia de xénero. “O obxectivo é estimular a participación do alumnado e a súa implicación, non só como espectadores e espectadoras, senón como actores e actrices no eido da igualdade. Buscamos axudar a desenvolver persoas adultas que defendan a equidade, a liberdade, a autonomía, a solidariedade e, sobre todo, a xustiza”, salienta Sara Vicente, concelleira das áreas de Xuventude, Igualdade e Muller.

Buscando a participación do equipo docente para acadar o éxito das actividades, as 10 sesións de traballo terán lugar en horas lectivas coa colaboración dos profesores e profesoras das materias de Tecnoloxía, Educación Plástica, Visual e Audiovisual. O alumnado traballará empregando os seus propios dispositivos móbiles e apoiándose en programas informáticos de edición e montaxe audiovisual cos equipos informáticos da aula de Novas Tecnoloxías do centro.

O proxecto complementarase cunha conferencia sobre “Novas masculinidades: o papel do home na loita contra a violencia de xénero’, na que participarán representantes de AHIGE Euskadi, unha asociación destacada polo seu traballo a prol da construción de novas masculinidades que forma parte da rede da Asociación de Hombres por la Igualdad, presente en numerosas comunidades autónomas. Por último, co fin de achegar o traballo realizado á poboación xeral, iranse publicando nas redes sociais do Concello todas as curtas creadas polo alumnado. O proxecto conta cunha subvención ao abeiro do Programa de sensibilización, información e difusión sobre igualdade e prevención da violencia contra as mulleres, co que se busca promover actividades dirixidas á poboación infantil e xuvenil para favorecer a coeducación e a promoción da igualdade de oportunidades que fomenten a desaparición de roles e estereotipos de xénero, a violencia sexual ou o uso axeitado e crítico de internet e das novas tecnoloxías, especialmente na protección da privacidade e sobre os ciberdelitos tanto no ámbito educativo en colaboración cos centros como coas ANPAS e coas familias. A actividade está cofinanciada polo Fondo Social Europeo (FSE) con cargo ao programa operativo FSE Galicia 2014-2020.

O Concello do Porriño aprobou a Conta Xeral de 2019

A corporación municipal aprobou por maioría a Conta Xeral do Concello do Porriño do exercicio de 2019, nunha sesión extraordinaria telemática celebrada esta onte pola tarde.

A aprobación acadouse cos 9 votos que sumaron PSOE, BNG, EU Son e Manuel Carrera (UDDL). Previamente desestimáronse as alegacións presentadas polo Partido Popular e por un particular.

A aprobación da Conta Xeral é un trámite de obrigado cumprimento ao remate de cada exercicio por parte das administracións municipais cun informe sobre a súa situación patrimonial; gastos e ingresos , e grao de execución orzamentaria.

Na mesma sesión aprobouse definitivamente cos nove votos favorables de PSOE, BNG, EU Son e UDDL e as abstencións dos concelleiros do PP, o suplemento de crédito 2/2020 por importe de 326.000 € para diversos pagamentos xa recoñecidos.

Tomiño ilumínase de rosa para visibilizar o cancro de mama

0

Con motivo da celebración do Día Mundial contra o Cancro de Mama o día 19 de outubro, a Asociación de Diagnosticad@s de Cáncer de Mama (ADICAM) decidiu reinventarse para poder seguir visibilizando a doenza atendendo ao cumprimento das normas derivadas da Covid-19, polo que este ano decidiu convocar ás institucións públicas para iluminar algunha estrutura arquitectónica de cor rosa.

O Concello de Tomiño decidiu sumarse a esta iniciativa iluminando a fachada da sede municipal, contribuíndo así a visibilizar unha doenza que cada ano diagnostica máis de 30.000 novos casos no conxunto do Estado, uns 4.500 deles en Galicia.

Á iniciativa sumáronse tamén concellos como Pontevedra, Baiona, Vigo, Cangas, Moaña, Bueu e Vilagarcía de Arousa. Anualmente ADICAM celebra numerosas actividades durante o mes de outubro, labor que se viu dificultado este ano debido á pandemia. Non obstante, a organización traballa nunha ampla programación atendendo a todas as medidas de seguridade precisas.

Galicia rexistra un total de 5.215 casos activos por coronavirus

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 5.215, deles 876 son da área da Coruña, 497 da de Lugo, 1.479 da de Ourense, 481 da de Pontevedra, 831 da área de Vigo, 813 da de Santiago, e 238 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 47 están en UCI, 277 en unidades de hospitalización e 4.891 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 23.812 persoas curadas, rexistrándose 831 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 596.335.

A Xunta continúa a traballar desde a máxima coordinación interdepartamental e co Ministerio de Sanidade, tamén mantendo o contacto con todos os axentes socioeconómicos de Galicia. Neste senso, Sanidade reitera que segue alerta actualizando todas as medidas e recomendacións e en vixilancia permanente.

Os datos de centros residenciais de servizos sociais corresponden aos que achegan con carácter diario os propios centros.

Os datos de escolas infantís e centros de ensino non universitario corresponden aos rexistrados diariamente a través da Central de Seguimento de Casos, os propios centros e as xefaturas territoriais.

Uso do 061 para casos graves e emerxencias e o 900 400 116 para dúbidas

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

Sinalar, ademais, que o Sergas ten a disposición da cidadanía a páxina web https://coronavirus.sergas.gal/ na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.

Así mesmo, o departamento sanitario galego ten a disposición da poboación o teléfono 900 400 116, para dar información xeral sobre o coronavirus. Neste número pódense resolver todas as dúbidas da cidadanía ao respecto e tamén consultar sintomatoloxía leve.

Rexistro de viaxeiros no 881 00 20 21 e obrigatoriedade do uso da máscara

Lémbrase que as persoas que visiten Galicia nas vindeiras datas e procedan ou estivesen, durante os 14 días previos á súa chegada, nalgún dos territorios con alta incidencia epidemiolóxica incluídos na listaxe publicada Diario Oficial de Galicia, deberán facilitar os seus datos de contacto ao Servizo Galego de Saúde, ben a través do teléfono 881 00 20 21 ou ben a través do formulario da web do Sergas.

Ademais, reitérase o carácter obrigatorio do uso da máscara tanto en espazos abertos como pechados, poñendo especial énfase na súa utilización nos locais e establecementos comerciais e de hostalería.

Recomendacións

Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade volven  reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe. Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.

É importante tamén procurar unha axeitada ventilación dos espazos interiores optando preferentemente por espazos abertos e tratando de evitar aglomeracións.

Non se debe esquecer o mantemento da distancia de seguridade, o uso axeitado da máscara e atender ás restricións específicas que se poidan establecer en cada comarca ou concello.

O Concello de Salvaterra de Miño está elaborando o seu Plan de Acción polo Clima e Enerxía Sostible (PACES)

A alcaldesa de Salvaterra de Miño, Marta Valcárcel Gómez, e o primeiro tenente de alcalde e concelleiro de Medio Ambiente, Ernesto Groba González, reuníronse coa empresa INOVA LABS que está elaborando o Plan de Acción polo Clima e Enerxía Sostible (PACES) para o Concello.

Este Plan está financiado pola Consellería de Medio Ambiente a través da orde do 5 de maio, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a entidades locais asinantes do Pacto de Alcaldías para o clima e a enerxía sostible, cofinanciadas polo Fondo Europeo do Desenvolvemento Rexional, con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

Un dos compromisos que adquiren os Concellos que se incorporan oficialmente ao Pacto de Alcaldías é a elaborar o seu Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sostible nun prazo de dous anos. Este plan de acción describe os pasos que deben darse cara os seus obxectivos do 2020 ao 2030, e que ten como fin reducir un 40% as emisións, e que o Concello aprobará antes do 30 de novembro deste ano.

Este Plan incluirá por un lado un Inventario de emisións, tomando como referencia o ano 2018, e as accións de mitigación. Por outro lado unha análise de riscos e vulnerabilidade e as accións de adaptación. Unha vez aprobado, e para avaliar os resultados o Concello terá que presentar un Informe de Seguimento cada dous anos. Cada catro anos actualizarase o inventario de emisións para ver o progreso en relación coa mitigación das emisións e o consumo de enerxía.

A Delegada Territorial da Xunta en Pontevedra, realizou unha visita institucional a Arbo

0

O pasado venres, 16 de outubro o Concello de Arbo, Horacio Gil, alcalde do Concello de Arbo, recibía na súa primeira visita institucional da nova Delegada Territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luisa Piñeiro.

A delegada territorial mantivo un encontro co alcalde do Concello de Arbo, donde analizaron as principais demandas do Concello de Arbo. 

Entre os temas tratados entre o alcalde e a delegada, para ser atendidas pola adminstración autonómica, están os  proxectos de saneamento e melloras en viais,  como a mellora do antigo trazado da PO-400 en Cequeliños, a situación dos polígonos agroforestais de Sande- Cequeliños e Abelenda-Paravedra, o despegue da fibra óptica nos núcleos de Estación, Pedreira, Vilanova, Hermida, Regadas, a Humanización Nova Rúa entre Rúa Vázquez Estévez (Antiga PO-400) e PO-400 dentro das lineas de axudas do programa Hurbe, entre outros temas.

O alcalde do Concello de Arbo, agradece o interese mostrado pola Delegada Territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luisa Piñeiro, polos temas exposto polo rexedor. Horacio Gil, manifesta o compromiso que sempre mantivo a Xunta de Galicia  cos intereses do municipio.

Adiadas as actividades da Semana da Biblioteca

0

O Concello de Tui comunica que as actividades programadas para esta semana pola Biblioteca Municipal de Tui para conmemorar o 50 aniversario da súa creación son adiadas, para unha nova data que se comunicará oportunamente.

A limitación de reunións a 10 persoas fixadas pola Orde do 14 de Outubro de 2020 pola que se establece unha medida de prevención específica como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, levou a tomar esta decisión.  En concreto o aprazamento afecta ás actividades programadas pola Biblioteca Municipal ente o 20 e o 24 de outubro, que estaban dirixidas ao público infantil e outros segmentos de idade. Realizaranse nunha nova data na que poidan asistir un maior número de persoas.

Esta decisión non afecta á apertura da biblioteca que continúa funcionando co aforo e as regulacións establecidas polas normativas sanitarias no seu horario habitual,  de 9 a 14 h de luns a sábado de 9 a 14 h e de 15.30 h a 21.30 h de luns a venres. A concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, indica que “debemos ser prudentes ante a evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 e tomar as medidas de prevención pertinentes aínda que lamentemos adoptar una decisión como adiar estas actividades conmemorativas do 50 aniversario da Biblioteca Municipal de Tui”.

A Concellería de Igualdade de Baiona pon en marcha o concurso de debuxo e slogan contra a violencia de xénero

0

O concurso ten como obxectivo promover, dentro do ámbito educativo a reflexión ao redor da promoción da igualdade entre mulleres e homes así como a loita contra a violencia de xénero, e sensibilizar sobre a importancia de valores como a igualdade entre mulleres e homes e o respecto.

Poderá participar calquera alumno ou alumna que curse educación secundaria obrigatoria ou formación profesional básica (ESO e FP básica) nun centro educativo de Baiona.

O contido das obras deberá enviar unha mensaxe que incida na reflexión ao redor da promoción da igualdade entre mulleres e homes e/ou a loita contra a violencia de xénero.

As obras presentadas elaboraranse de maneira individual polas persoas participantes. O debuxo e slogan deberá ser orixinal e inédito, non premiado noutros concursos ou certames. As obras realizaranse en formato vertical en cartolina DIN A4 de cor branca. A técnica será libre, quedando prohibidos os debuxos e slogans en computador ou con novas tecnoloxías. O debuxo deberá incluír obrigatoriamente un slogan en legua galega.

Outorgaranse tres premios aos a gañadores. O primeiro premio será unha tablet, o segundo un reloxo intelixente, e o terceiro uns auriculares bluetooth.

O “Concurso de debuxo e slogan contra a violencia de xénero” forma parte do proxecto ”Igualdade todo o ano”, promovido polo Concello de Baiona a través da Concellería de Igualdade, Mocidade e Novas Tecnoloxías e o Centro Municipal de Información á Muller, e cofinanciado pola Deputación de Pontevedra, no marco da Liña dúas do Plan Concellos 2020.

A Deputación rinde tributo e homenaxe “ás escritoras invisibilizadas que nos ensinaron o camiño da igualdade na cultura”

Ao abeiro do Día das Escritoras, a Deputación de Pontevedra rendeu esta onte homenaxe e tributo, “case un desagravio”, ás grandes mulleres da literatura que ao longo da historia, e a pesar de ser esquecidas nas antoloxías literarias, contribuíron coa súas obras á loita pola igualdade. Escritoras, mestras, xornalistas e mulleres e homes do mundo da cultura prestaron as súas voces para que fragmentos de obras inesquecibles de creadoras como Rosalía de Castro, Pardo Bazán, Carmen Baroja, Elena Fortún, Concha Méndez, Teresa de Jesús, Mercé Rodoreda, Josefina Carabias, Gloria Fuertes, Ana María Matute o Circe Maia, entre outras, soaran con forza na sede da Deputación en Vigo. Nun escenario coidado coas medidas de seguridade anti Covid, ambientado con luz violeta e adornado con camelias na sala Rosalía de Castro, a vintena de representantes das distintas disciplinas culturais protagonizaron esta lectura colectiva, que foi tamén retransmitida por streaming.

A presidenta provincial, Carmela Silva, que leu un fragmento de “La Hija del Mar” de Rosalía de Castro, aproveitou a ocasión para facer fincapé no papel que están a desenvolver as mulleres na cultura e na escrita: “estades a ser protagonistas dun movemento cultural potentísimo en Galicia que ten nome de muller”.  Neste eido, a presidenta resaltou que “esta sede acolle hoxe a mulleres que representan o mellor da literatura, con mulleres de hoxe, de onte, de mañá, que son voz clara e das que dende a Deputación nos sentimos orgullosísimas”. Tamén quixo recordar que ao longo da historia as mulleres “fomos silenciadas, esquecidas, enterradas, negadas, pero somos unha forza potentísima disposta a ocupar todos os espazos, a metade de todo, porque a metade de todo é noso”. Por iso, e pese a pandemia, Silva destacou que debemos “celebrar como se merece o Día das Escritoras” e amosou a vontade de “montar unha para o ano que vén que vai valer por mil”.

Xunto a Carmela Silva, interveu a editora e socia de Clásicas e Modernas, Teresa Zataraín, que destacou que as escritoras “simbolizan, amais do noso acceso pleno á cultura, un camiño que foi lento, laborioso e cheo de obstáculos”. Neste senso, apuntou que o seu legado “permaneceu en moitos casos deliberadamente oculto” e subliñou a labor realizada por estudosas para “recuperar esas voces precedentes e reconstruír a nosa valiosa xenealoxía literaria”. “Aínda queda moito por facer en materia de divulgación, pero a difusión é importante e esta xornada contribúe a romper esa brecha de silencio en torno ás nosas escritoras e lles brinda un recoñecemento xusto e necesario”, asegurou.

A lectura dos textos desenvolveuse atendendo ao ano de nacemento das escritoras homenaxeadas, cuxas imaxes foron sucedéndose nunha pantalla. Deste xeito, a autora Isabel Blanco foi a encargada de iniciar o acto coa recitación dun poema de Teresa de Jesús, e as intervencións continuaron nun primeiro bloque con Ledicia Costas que leu a Sor Juana Inés de la Cruz; a presidenta Carmela Silva, que deu voz a Rosalía de Castro; Silvia Penas, cun texto de Emilia Pardo Bazán; o director do MARCO Miguel Fernández-Cid, que leu a Carmen Baroja y Ness; a deputada provincial de Cultura Victoria Alonso coa lectura dun fragmento da obra de Elena Fortún; a escritora María Lado cun texto de Concha Méndez; a autora An Alfaya, que leu a Errose Bustintza; María Xosé Queizán, que puxo voz á obra de Victoria Durán e Inma López Silva, que recitou un poema de Dulce María Loynaz.

Na segunda quenda interviñeron Teresa Zataraín, coa lectura dun texto de Luisa Carnés; Esteban Valverde, director do Conservatorio Superior de Música de Vigo, que leu a Josefina Carabias; a xornalista Sandra Penelas, que puxo voz á obra de Mercé Rodoreda; a escritora Mar Nieto, que leu a Gloria Fuertes; a xornalista Ana Fuentes, que recitou un poema de Pura Vázquez; a autora Lara DoPazo, cun poema de Idea Vilariño; a profesora María Jesús Pérez, cun texto de Ida Vitale; a profesional das artes escénicas María Costa, que leu a Ana María Matute; a doutora en Filosofía Raquel Vázquez, que recitou a Blanca Varela e, por último, o libreiro Xurxo Patiño, que deu voz a Circe Maia. A actividade do Día das Escritoras enmarcouse na Alianza Local pola Axenda 2030 que impulsa a Deputación, e os 17 Días Mundiais relacionados co cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible neste mes de outubro. Esta celebración toma como referencia o gran acto do Día das Escritoras da Biblioteca Nacional en colaboración con (FEDEPE) e coa Asociación Clásicas e Modernas.

A Xunta de Galicia apoia ás Comunidades de Augas de Mos con preto de 52.000 euros

0

A Xunta de Galicia destina este ano 51.700 euros a subvencionar melloras en Comunidades de Usuarios de Augas de Mos. As 5 beneficiarias son a Comunidade de Usuarios de Augas para Usos Domésticos do Barrio de Castro-Mos, a Comunidade de Usuarios Mina do Ferreiro, a Comunidade de Augas de Torroso, a Comunidade de Augas Fonte do Pobo, e a Comunidade de Usuarios de Fonteliña.

Grazas ás subvencións autonómicas recibidas, estas Comunidades de Augas puideron acometer melloras en depósitos, acondicionamento de instalacións e reposicións de tubaxe, entre outras melloras.

Ademais de a estes colectivos, a Xunta axudou económicamente no que vai de 2020 a varias asociacións veciñais, sumando no que vai de 2020, 110.000 euros concedidos pola Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e xustiza, a través do Plan Específico de Acción Comunitaria, repartidos entre Comunidades de Usuarios de Augas e Asociacións de Veciños.

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo; visitou onte, acompañada da concelleira da Parroquia de Sanguiñeda, Begoña Toucedo, as dependencias da Asociación de Veciños Chan do Bosque que grazas á axuda da Xunta puido acometer unha obra de acondicionamento e mellora da planta baixa do seu local social, entre outros traballos, nos que se fixo unha inversión total de máis de 13.000 euros.

As diferentes subvencións están a ser invertidas en varias asociacións destinadas a obras, tales como acondicionamento de instalacións, reforma de fiestras,  obras de acondicionamento da accesibilidade, melloras eléctricas, compra de mobiliario, etc…

Ademais de Chan do Bosque e as 5 Comunidades de Augas antes citadas, as outras 4 Asociacións de Veciños mosenses que recibiron axudas da Xunta son as de Celado de Cela, San Rafael de Pereiras, San Mamede de Torroso e Santa Baia de Mos. En total 10 colectivos mosenses entre os que se reparten 110.000 euros en subvencións.

Os voluntarios de Nigrán retiran 50 kilos de plástico das calas de Lourido na xornada de limpeza simultánea de praias de ADEGA

0

O Concello de Nigrán participou este domingo por cuarto  ano consecutivo na décima xornada de limpeza simultánea de praias en toda Galicia capitaneada pola asociación ecoloxista Adega. Así, unha trintena de persoas (divididas en grupos de 10, ou de convivintes, por protocolo sanitario) retiraron preto de 50 kilos de lixo das calas que rodean Lourido, fundamentalmente pequenos anacos de plástico. Maioritariamente recolléronse cachos de botellas de auga, de aparellos de pesca, latas… Aínda que maioría eran plásticos tan pequenos e deteriorados que non se recoñecía a súa orixe. Esta foi a primeira ocasión na que se intervíu nestas calas accesibles con marea baixa e nas que, precisamente, a limpeza mecánica é imposible.

As limpezas de praias son actos simbólicos, nos que non se debe ver ao voluntariado como man de obra barata para deixar limpos os areais. Son actividades de concienciación e educación ambiental que permiten que a cidadanía coñeza a problemática dos residuos mariños, a súa procedencia e os impactos que causan, así como avaliar cales son as medidas que cada un de nós pode desenvolver para minimizar este problema. Tapóns, bolsas, anacos de redes ou de cordas de nailon, son exemplos de restos de orixe plástico que alén do seu impacto visual supoñen un perigo para a fauna e a flora mariña e mesmo representarían, pola súa transferencia trófica, un risco para os seres humanos.

O Concello de Nigrán, como xa ven facendo co ‘Proxecto Ríos’ de Adega, quere concienciar tamén sobre a importancia dos valores da nosa costa, a problemática da contaminación mariña e das algas invasoras ou a alteración do ecosistema, así como promover as medidas que cada cidadán pode levar a cabo para minimizar estes impactos.

[su_image_carousel source=”media: 23412,23414,23413″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

Iníciase en Mos a programación do Xacobeo 2021

0

Onte pola tarde celebrouse nos exteriores do Pazo de Mos o primeiro concerto da serie Cantando á Nosa Terra, subvencionada pola Xunta de Galicia, concretamente pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, e organizada pola Banda de Música Xuvenil de Torroso, que nesta ocasión actuou acompañada dos cantantes Andrea Pousa e Antonio Barros interpretando, entre outros coñecidos temas da música galega, os famosos ‘Negra Sombra’, ‘Semente dun Home Sabio’ ou ‘Lela’.

O evento contou coa colaboración do Centro Recreativo e Cultural de Torroso, a Fundación Pazo de Mos e o Concello de Mos.

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, asistiu e este concerto inaugural xunto co Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, e a concelleira de Cultura mosense, Sara Cebreiro.

O Secretario Xeral Valentín García declaraba na súa intervención ao inicio do acto que “con este concerto iníciase en Mos a programación do Xacobeo 2021”, o que supón unha gran honra e orgullo para o Concello e a súa veciñanza.

Ademais dos artistas que onte acompañaron á Banda de Música Xuvenil de Torroso, a Banda contará coa colaboración nesta serie de concertos, das Pandereteiras Sobreira de Torroso. Todos os concertos desta serie están enmarcados no programa Xacobeo 2021, e este primeiro espectáculo desenvolveuse no espectacular enclave do Pazo de Mos.

Lucía Rodríguez, xove promesa do bádminton, é recibida no Concello de Salvaterra de Miño

A alcaldesa de Salvaterra de Miño, Marta Valcárcel Gómez, e o concelleiro de Deporte e Xuventude, Edgar Martínez Philippon, veñen de recibir no Concello a xove promesa do bádminton Lucía Rodríguez García, a poucos días do Campionato de Europa Junior que se disputará en Finlandia entre o 29 de outubro ao 7 de novembro.

Unha mańá onde compartiron diversas impresións sobre os distintos logros da deportista, hábitos de entrenamentos e alimentación, sacrificios propios dun talento aproveitado, etc. “Lucía é un orgullo para todos nós, xa que leva o nome de Salvaterra por todo o mundo logrando sempre os mellores postos en todas as competicións”, asegura a Alcaldesa.

Hai que dicir que no que vai de ano Lucía acadou numerosos éxitos de gran relevancia, como as victorias no Internacional Espańa sub 19 ou o Aberto de Bulgaria Junior 2020. Ademais tamén logrou unha dobre prata(individual e equipos) no TEM de Eslovenia e no RSL de Lituania 2020. Tamén alcanzou un tercer posto no Internacional de Hungría 2020.

Con todo este potencial, Lucía asegura que entrena cada día porque goza do bádminton, non se pon outra meta que non sexa seguir entrenando e mellorando porque queda moito por aprender, facendo latente outra das súas virtudes como é a humildade, tan importante para chegar ao éxito en calquera ámbito da vida.

En definitiva, a xove Salvaterrense é xa unha realidade que sen dúbida dará moito que falar no mundo do bádminton.

O Concello continuará esa línea de apoio a Lucía e outr@s deportistas, ademais de desexarlle moita sorte para o Europeo de Finlandia no que fará con toda seguridade un torneo maxistral.

O Concello de Tomiño inicia un estudo para atraer novos clientes ao mercado

0

O Concello de Tomiño porá en marcha un estudo de campo co que detectar os factores que permitan achegar novos clientes ao seu mercado municipal, o único que conta actualmente co selo de excelencia concedido pola Xunta de Galicia. A realización do estudo comezará mañá 20 de outubro e consistirá na realización de enquisas a pé de rúa entre a veciñanza de Tomiño.

Malia que o período de confinamento conseguiu atraer novos clientes ao mercado, moitos destes non continuaron optando por este espazo para realizar as súas compras unha vez finalizado o estado de alarma. Ante esta situación, desde a xerencia do Mercado de Tomiño decidiu, logo de contactar e visitar de maneira periódica aos praceiros, realizar un estudo que permita coñecer os motivos da non continuidade nos hábitos de compra por parte de moitos clientes, ademais de indagar na oportunidade de atraer novos consumidores.

Espérase que o estudo sirva dea as claves que permitan orientar a formación e o asesoramento dos praceiros, así como para explorar a posibilidade de ofrecer novos servizos que permitan a compra a aqueles clientes que non poden comprar no mercado por unha incompatibilidade de horarios ou outros motivos. O estudo será realizado pola empresa Coto Consulting S.L. e será financiado nun 50% a través da subvención concedida pola Consellería de Economía, Emprego e Industria para o proxecto “Impulso Mercados Excelentes”, aportando o Concello de Tomiño o outro 50%.

Nigrán suspende ou apraza as actividades programadas ante a alerta vermella por Covid

0

O Concello de Nigrán cancela as actividades programadas no Auditorio Municipal e de voluntariado nas dunas de Panxón e  apraza o inicio dos obradoiros para maiores mentres dure o estado de alerta vermella por Covid-19 no municipio. O goberno local, tal e como fixo suspendendo a gala dos Premios Nigrán este sábado 17 de outubro, toma esta decisión por responsabilidade ante o aumento do número de contaxios. Deste xeito, aprázase ata novo aviso a sesión de cineclub do xoves e a representación de ‘Lume!’ de Teatro do Ar do sábado do sábado, ambos no Auditorio, e igualmente, adíase o teatro do xoves en IES Proval e a actividade de voluntariado do GALP na contorna das dunas de Panxón, finalmente, retrásase o inicio dos obradoiros de memoria para maiores no Centro da Terceira Idade e as probas do circuito galego de Surf en Patos  aprázanse, mínimo, ata o día 24 de outubro.  Todo será reprogramado unha vez que a situación sanitaria mellore.

“Só sabemos que desde hoxe estamos en alerta vermella, o que quere dicir que se detectaron máis de 21 casos positivos nunha semana, pero non temos cifras concretas nin áreas. O importante agora é seguir cumprindo estritamente as indicacións sanitarias, tal e como a veciñanza ven facendo con exemplaridade desde o inicio da pandemia. Como repetimos desde marzo: paciencia, cariño e calma”, indica Juan González, alcalde de Nigrán.

Desde o Consistorio faise un chamamento ao cumprimento estrito de todas as indicacións das autoridades sanitarias, facendo fincapé nas últimas restricións da Xunta de non congregarse  máis de dez persoas. “Desde o Concello cumprimos escrupulosamente con este mandato nas actividades que organizamos pero coidamos que, con alerta vermella,  é convinte suspendelas”, reflexiona González.

O Concello de Nigrán realiza mediante a súa mutua cribados periódicos voluntarios do seu persoal, o derradeiro deles a semana pasada a dez persoas que estiveron en contacto cun edil contaxiado (todos eles tiveron un resultado negativo). “Tivemos un caso a semana pasada e nos mesmos nos encargamos de rastrexar os contactos no Concello e de efectuar os tests”, engade González, quen subliña que os profesores de actividades municipais tamén se somentes a tests.

Iniciadas as obras de cubrición da zona de comunicación no Campo de Fútbol de Cototorrón

0

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, o tenente alcalde e concelleiro de Vías e Obras, Camilo Augusto, e a edil mosense de Deportes, Begoña Toucedo, visitaron o venres pola tarde o Campo de Fútbol de Cototorrón, acompañados polo presidente do Club Louro Tameiga, Patricio Farrapeira, con motivo do inicio das obras con cargo ao Plan Concellos 2020 polas que se está a acometer un proxecto de cerramento, aproveitamento, e cubrición da zona común de Cototorrón.

Con estes traballos de cubrición da zona de comunicación entre as diferentes infraestruturas do campo preténdese seguir mellorando as instalacións, coa construcción dunha cuberta metálica que comunique o ximnasio, as oficinas, os aseos e o acceso ao campo para o público.

As obras no complexo deportivo do Clube Deportivo Louro consisten en cubrir un espazo de zona de descanso e comunicación, mediante unha estrutura metálica acabada con panel nervado. En concreto, a construción dunha cuberta entre a edificación de oficinas, bar, aseo e a cuberta que cubre o acceso ao campo mediante unha estrutura metálica.

Realízase previamente unha cimentación de 8 zapatas de formigón armado para soporte de 8 piares metálicos cadrados tubo ocos de 100.100.5 mm e estrutura de aceiro galvanizado de vigas perfil cadrado tubo oco 200.100.5 mm e correas tubo 100.50.4 mm totalmente soldada e pintada.

Por último realizarase a cuberta mediante panel nervado formado por dúas chapas lacadas, sendo a cara exterior de cor verde e a interior branca, ambas unidas por illante térmico de poliuretano de espesor 30 mm. O panel instalarase sobre estrutura previamente colocada con todos os medios de fixación necesarios.

Asúmese dende un punto de vista estrutural e construtivo así como dende o punto normativo en canto ás esixencias de seguridade estrutural, de incendio, utilización, accesibilidade, salubridade, aforro de enerxía, ruído con carácter xeral e en relación á integración da edificación no marco urbanístico de actuación establecido na Lei de Ordenación Urbanística de Galicia (LOUGA) e no Plan Xeral de Ordenación Municipal de Mos (PXOM).

O acceso á edificación proposta, realizarase a traves da marquesina que protexe o o acceso dende o espazo exterior, entrada ao conxunto formado polas edificacións anexas existentes polo vento noroeste da parcela.

O prazo de execución destes traballos estímase nun prazo aproximado para execución das obras de 4 semanas. O proxecto finánciase con cargo ao Plan Concellos 2020 Liña 1 “Obras en instalaciones deportivas muncipais”.

Os comerciantes de Tui e Milladoiro únense na promoción do Camiño Portugués

0

A asociación de comerciantes de Tui, ACITUI, e de Milladoiro, Palmira Bulevar, suman sinerxías para promocionar o Camiño Portugués a Santiago ao ser a primeira localidade en Galicia desta ruta xacobea, e a derradeira antes de chegar a Santiago, respectivamente.

Coa sinatura dun convenio entre ambos colectivos quedaron plasmados tres anos de contactos e traballo en prol do Camiño Portugués. O acto tivo lugar na casa do concello de Tui coa presenza do alcalde, Enrique Cabaleiro, da concelleira de Comercio, Ana Mª Núñez, o presidente de ACITUI, Juan Carlos Blanco, e da Asociación de Pequenos Comerciantes Palmira Bulebar de Milladoiro, José Manuel Fernández.

O alcalde, Enrique Cabaleiro, felicitou a estes colectivo por esta “magnífica iniciativa” destacando o feito de que sexan “dúas entidades privadas as que apostan e colaboran para potenciar, pór en valor e difundir os valores do camiño”. Indicaba coma feito notorio que tamén “o sector privado se implique na promoción e difusión do Camiño”.  Destacaba coma o ano pasado pasaron por Tui máis de 83 mil peregrinos, pero este ano debido a pandemia son 8000, e indicaba que “o camiño vai volver emerxer con potencia e temos que estar preparados”.

O presidente de ACITUI, Juan Carlos Blanco, explicou que as dúas asociacións traballarán conxuntamente no fomento de eventos vinculados ao Camiño Portugués, e na súa promoción tanto a través das súas redes sociais, coma nas distintas campañas comerciais que leven a cabo pondo as dúas localidades no mapa desta vía xacobea. Tamén buscarán informar tanto ao peregrinos coma do turista dos servizos dispoñibles nestas localidades, e fomentar a cultura galega , a gastronomía e o comercio. Entre os obxectivos tamén está impulsar esta ruta de peregrinación de cara ao Ano Santo 2021. O presidente da Asociación de Pequenos Comerciantes Palmira Bulebar de Milladoiro, José Manuel Fernández, explicou coma na xornada de hoxe frutifica o traballo que iniciaron hai tres anos e no que Tui e Milladoiro sumarán sinerxías.

O Museo organiza a súa ‘semana lorquiana’ con contacontos, unha mesa redonda e unha ruta

O Museo vai desenvolver dende o 20 ata o 24 de outubro a súa unha ‘semana lorquiana’. Trátase das segundas xornadas organizadas arredor do 25 de outubro, denominado ‘Día de García Lorca en Galiza’, e estarán dirixidas tanto a público infantil como adulto, sendo desenvolvidas por Polo Correo do Vento.

Esta segunda edición que afianza esta data no almanaque cultural ampliando e axeitando a oferta lorquiana no Museo de Pontevedra saíu adiante tralo éxito da primeira edición. Neste caso, terase en conta a realidade da situación actual da pandemia provocada pola Covid-19, e as actividades realizaranse tendo en conta as medidas recomendadas para protexer a saúde de todas as persoas participantes (hixiene, menor aforo, actividades ao aire libre, alternativas de presentacións en vídeo…).

As actividades comezarán o martes 20 con contacontos ilustrados para os colexios de Pontevedra. Nestas sesións de 60 minutos aproximadamente realizarase unha narración dirixida ao público infantil e ao tempo que se desenvolve un debuxo, ambas actividades vencelladas á presenza de Lorca en Galicia e aos fondos do Museo de Pontevedra. Na parte final, a rapazada asistente ilustrará ao poeta granadino nun obradoiro de debuxo.

Xa para público adulto, celebrarase a mesa redonda ‘Federico García Lorca en Pontevedra. As iniciativas pedagóxicas e a revista Cristal’. Será o xoves 22 ás sete e media da tarde, e proporá unha nova achega da visita de Lorca á cidade de Pontevedra e vinculada á exploración de iniciativas pedagóxicas da época tan ligadas á visita da Barraca como as Misións Pedagóxicas e á revista Cristal.

Na mesa estará a libreira e escritora Mercedes Corbillón como moderadora e participarán como relatores o historiador e crítico de arte Ramón Rozas, o editor e escritor Henrique Alvarellos e o escritor Xosé María Álvarez Cáccamo. Finalmente, o sábado 24 realizarase un roteiro titulado ‘Lorca e a revista Cristal’, que partirá  á unha da tarde dende a Praza de San Xosé. Consistirá nun roteiro explicativo pola cidade de Pontevedra en relación á publicación da revista ‘Cristal’, que se iniciará na Praza de San Xosé e rematará no Museo de Pontevedra.  O roteiro precisará de inscrición previa en [email protected].

Baiona pon en marcha unha liña de axudas municipais para apoiar ás familias en situación de vulnerabilidade cos gastos escolares

0

O Concello de Baiona puxo en marcha un programa de atención urxente e prioritaria dirixido a paliar as situacións de emerxencia social de persoas e familias en situación de vulnerabilidade ante a Covid-19. A liña de axudas centrarase en cubrir as necesidades escolares das familias do municipio.

O proxecto permitirá axudar ás familias que teñen dificultades para afrontar os gastos de adquisición do libros de texto e material escolar, así como os gastos de transporte, asegurando que en Baiona todos os nenos e nenas poidan desenvolver o curso de forma adecuada, sexa cal for a súa situación económica.

“O obxectivo destas axudas é rebaixar a carga económica das familias derivada dos gastos escolares. Con todo iso, queremos continuar colaborando coas familias, canto máis en orde ao seu enfraquecemento económico tras a crise do coronavirus, e traballar sempre para reforzar unha educación pública de calidade. Desde o Concello, como administración máis próxima, debemos poñer o noso gran de area para que a situación que están a vivir sexa o menos gravosa posible e poidan saír adiante”, concluiu o Alcalde.

Desde o departamento de Servizos Sociais municipal redactáronse as bases que se outorgarán seguindo criterios sociais. As persoas interesadas poderán consultalas na web municipal (www.baiona.org). O prazo de presentación de solicitudes será de 20 días naturais a contar desde o 17 de outubro. As solicitudes deberán presentarse no rexistro do Concello de Baiona para o que é necesario solicitar cita previa na web municipal ou chamando ao 986356779. Do mesmo xeito, tamén se pode facer a tramitación electrónica da solicitude a través da sede electrónica da páxina web do Concello de Baiona.

Supéranse os 5.100 casos activos por coronavirus en Galicia

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 5.101, deles 852 son da área da Coruña, 483 da de Lugo, 1.516 da de Ourense, 475 da de Pontevedra, 791 da área de Vigo, 762 da de Santiago, e 222 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 46 están en UCI, 266 en unidades de hospitalización e 4.789 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 23.578 persoas curadas, rexistrándose 822 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 592.162.

A Xunta continúa a traballar desde a máxima coordinación interdepartamental e co Ministerio de Sanidade, tamén mantendo o contacto con todos os axentes socioeconómicos de Galicia. Neste senso, Sanidade reitera que segue alerta actualizando todas as medidas e recomendacións e en vixilancia permanente.

Os datos de centros residenciais de servizos sociais corresponden aos que achegan con carácter diario os propios centros.

Uso do 061 para casos graves e emerxencias e o 900 400 116 para dúbidas

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

Sinalar, ademais, que o Sergas ten a disposición da cidadanía a páxina web https://coronavirus.sergas.gal/ na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.

Así mesmo, o departamento sanitario galego ten a disposición da poboación o teléfono 900 400 116, para dar información xeral sobre o coronavirus. Neste número pódense resolver todas as dúbidas da cidadanía ao respecto e tamén consultar sintomatoloxía leve.

Rexistro de viaxeiros no 881 00 20 21 e obrigatoriedade do uso da máscara

Lémbrase que as persoas que visiten Galicia nas vindeiras datas e procedan ou estivesen, durante os 14 días previos á súa chegada, nalgún dos territorios con alta incidencia epidemiolóxica incluídos na listaxe publicada Diario Oficial de Galicia, deberán facilitar os seus datos de contacto ao Servizo Galego de Saúde, ben a través do teléfono 881 00 20 21 ou ben a través do formulario da web do Sergas.

Ademais, reitérase o carácter obrigatorio do uso da máscara tanto en espazos abertos como pechados, poñendo especial énfase na súa utilización nos locais e establecementos comerciais e de hostalería.

Recomendacións

Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade volven  reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe. Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.

É importante tamén procurar unha axeitada ventilación dos espazos interiores optando preferentemente por espazos abertos e tratando de evitar aglomeracións. Non se debe esquecer o mantemento da distancia de seguridade, o uso axeitado da máscara e atender ás restricións específicas que se poidan establecer en cada comarca ou concello.

Rematan as obras de reposición do pavimento no Barrio do Reguengo, na parroquia nevense de Tortoreos

0

A Concellería de Vías e Obras, que dirixe o primeiro tenente de alcalde das Neves, Marcelino Couto, vén de rematar a reposición do pavimento do camiño no barrio do Reguengo, na parroquia de Tortoreos, unha actuación moi demandada polos veciños.

En total, acometeuse a mellora do firme nun treito de 250 metros de longo, cun ancho medio de 4,20 metros, e un ramal de 30 metros de longo cun ancho medio de 3. Instalouse, ademáis, un colector principal de 225 metros e un colector secundario no ramal de 30 metros por gravidade para a rede de saneamento, empregando tubos de PVC compacto tipo SN4 de 250 mm de diámetro. A obra abrangueu 11 pozos con as acometidas domiciliarias. Tamén se executou un pequeno muro de contención para asegurar o valado inestable no último tramo do camiño.

As obras, realizadas pola empresa Servicios Medioambientales del Miño, contaron cun orzamento de 48.929,30 € financiados polo ‘Plan Concellos 2020’ da Deputación de Pontevedra.

A Deputación conmemora este luns o Día Mundial do Cancro de Mama tinguindo de rosa o Pazo Provincial en Pontevedra

A Deputación de Pontevedra iluminará de rosa o seu Pazo Provincial na tarde deste luns ao abeiro da conmemoración do Día Mundial do Cancro de Mama, que se celebra cada 19 de outubro. Deste xeito a institución únese á demanda de ADICAM, a Asociación de Diagnosticad@s de Cancro de Mama e xinecolóxico, para visibilizar ás persoas afectadas pola enfermidade.

Cada ano diagnostícanse en España máis de 33.000 novos casos de cancro de mama e xinecolóxico en España e por iso cómpre visibilizar esta doenza para concienciar á sociedade da importancia da investigación e diagnóstico precoz. Deste xeito, a Deputación de Pontevedra únese ás demandas de ADICAM, entidade que leva case vinte anos traballando neste ámbito na provincia, para mellorar a calidade de vida das persoas diagnosticadas, sensibilizar á poboación sobre a enfermidade, dinamizar á comunidade e promover hábitos saudables entre a cidadanía.

O cancro de mama trátase do tumor máis frecuente nas mulleres occidentais. De feito unha de cada oito mulleres terá cancro de mama ao longo da súa vida e entre o 2012 e o 2019 detectouse un incremento da enfermidade do 7,5%. Para un gran número de mulleres en idade laboral o cancro supón un serio agravante á súa situación socioeconómica, ao ter que asumir elevados custes derivados da enfermidade, amais de ter un importante impacto emocional, físico, persoal, familiar, laboral e económico entre as mulleres que padecen a enfermidade.

Mos conclúe a campaña intensiva estival contra incendios tras ter actuado en 112.000 metros cadrados de terreo

0

O venres concluiu a campaña intensiva de prevención contra incendios en Mos coa finalización do contrato dos últimos brigadistas contratados durante o verán.

A campaña remata tras ter intervido nun total de 111.900 metros cadrados, preto de 12 hectáreas, e realizado 66 actuacións entre talas, desbroces, execucións subsidiarias de limpeza de fincas, prevención e mantemento de zonas forestais e incendios forestais. No caso de extinción de lumes tratáronse de focos comprendidos entre os concellos de Mos, O Porriño, Tomiño, Gondomar, Pazos de Borbén, Redondela e Vigo.

Todos estes traballos foron executados por 14 brigadistas contratados polo Concello de Mos durante os meses de verán, de xullo a outubro, grazas a 2 axudas autonómicas da Xunta de Galicia.

Con cargo ao Convenio interadministrativo subscrito entre a Consellería de Medio Rural e o Concello de Mos para a participación na prevención e defensa contra incendios forestais, contratáronse a 12 traballadores nos postos de Oficial 1ª conductor motobomba (7), Xefe de brigada (1) e Peóns (4).

Tamén a través doutra subvención da Xunta de Galicia traballaron neste ámbito 2 persoas na brigada contra incendios a través do programa de fomento do emprego no medio rural (Aprol Rural) da Consellería de Economía, Emprego e Industria, en postos de peón forestal.

Todos eles coordinados polo axente responsable do Servizo Municipal de Emerxencias de Mos, Rodrigo Iglesias, que depende da concellería de Medio Ambiente Sostible mosense, dirixida polo edil Leo Costas.

Foto de arquivo

No total de actuacións realizadas o pasado verán dentro da campaña intensiva de prevención contra incendios inclúense actuacións en tarefas de prevención tales como 27 intervencións nun total de 38 parcelas, cunha superficie de 60.000 metros cadrados, de expedientes de execución subsidiaria de limpeza e tala. E as zonas de titularidade pública nas que se acometeron traballos foron o polígono da Veigadaña, Penacova e Alfacuca, que sumaron unha superficie traballada 25.000 metros cadrados. A superficie estimada total dos traballos acometidos é 85.000 metros cadrados. Mentres que as actuacións en tarefas de intervención en lumes forestais producíronse nun total de 28 incendios entre Mos e os outros 6 municipios arriba mencionados.

E ademais realizouse por primeira vez en Mos de xeito subsidiario a tala de parcelas grandes que se contratou cun madeireiro. Por parroquias, en Dornelas taláronse 5.700 metros cadrados, en Louredo 10.500 metros cadrados, en Cela 8.700 metros cadrados, en Pereiras foron os propios propietarios os que realizaron as tala e e foron 2.000 metros cadrados. En total 26.900 metros cadrados de terreo pegado a vivendas onde se retiraron eucaliptos, piñeiros, acacias mimosas e outras especies prohibidas dentro do Plan Municipal contra Incendios. En todas estas parcelas despois de talar desbrozouse e triturouse o sobrante.

Á súa vez moitos veciños procederon a realizar voluntariamente talas e limpezas pero a concellería de Medio Ambiente sostible continuará coa realización de talas e desbroces durante o outono e o invierno para chegar á vindeira primavera ao día.

O Concello de Tui organiza un taller de gastronomía “Sabores de Sefarad” a cargo do cociñeiro Javier Zafra

0

O Concello de Tui coa integración da Red de Juderías de España está traballando na promoción turística da nosa cidade ao abeiro do importante conxunto patrimonial relacionado coa presenza xudía na nosa cidade ao longo dos séculos. Pero este labor precisa complementarse con outras medidas que consigan incrementar o atractivo da nosa cidade en torno aos recursos xudeus ou sefardís.

Neste sentido, un elemento clave é a gastronomía, pois é o complemento idóneo a unha visita á nosa cidade. Pero cómpre que esta oferta gastronómica contribúa a incrementar o valor da nosa oferta turística, cunhas propostas dos nosos restaurantes relacionadas con este patrimonio xudeu.

O Concello de Tui a través da Red de Juderías para afondar nesta liña organiza un obradoiro práctico denominado “Sabores de Sefarad” a cargo do cociñeiro Javier Zafra que estará en Tui o luns, 26 de outubro de 2020. Está dirixido exclusivamente a profesionais da hostalaría e restauración tudense. Javier Zafra é autor do libro “Sabores de Sefarad”, que recolle unha escolma de receitas ou komidikas  facilmente realizables, e xestiona o blog do mesmo nome que pretende ser un lugar onde compartir os pratos cociñados, experiencias culinarias e vivencias dos profesionais que traballan arredor da gastronomía sefardí.

Javier Zafra a través deste taller, dirixido a cociñeiros e chefs, pretende incentivar o mantemento desta forma de guisar que forma parte da nosa tradición culinaria e integrar estes pratos na oferta gastronómica das cidades integradas na Red de Juderias mellorando os recursos que ofrecen aos seus visitantes. Será un actividade eminentemente práctica coa mostra de materiais, condimentos, receitas en vivo, etc.

O concelleiro de Turismo e Camiño de Santiago, Laureano Alonso, convida aos establecementos de restauración abertos na cidade a este taller que considera de gran interese para coñecer esta proposta gastronómica que ten como finalidade mellorar a oferta gastronómica e turística de Tui. Unha aspiración que nestes momentos de incerteza resulta imprescindible de acometer conxuntamente. O taller terá lugar na Aula Uned de Tui o luns 26 de outubro de 17,00 a 20,00 horas. Os interesados deben inscribirse previamente na Oficina Municipal de Turismo ou a través do correo electrónico: [email protected].

Rescatado en helicóptero un varón tras caer nunha zona de difícil acceso en Panxón

0

O home foi rescatado a bordo do helicóptero do Servizo de Gardacostas de Galicia tras caer nas rochas, nunha zona de difícil acceso en Panxón, no termo municipal pontevedrés de Nigrán.

Segundo a información facilitada aos xestores do 112 Galicia polos equipos de intervención que acudiron ao lugar dos feitos, o varón foi evacuado ao Hospital Álvaro Cunqueiro.

Todo ocorreu preto da unha da tarde de onte, cando o 112 Galicia tivo coñecemento do suceso a través da chamada de alerta dun familiar. De acordo co seu relato, a irregularidade do terreo dificultaba o acceso ao home ferido.

De inmediato, desde o 112 activouse un operativo que, ademais dos membros de Gardacostas de Galicia, tamén contou coa participación dos profesionais sanitarios, dos membros de Salvamento Marítimo, do GES de Val Miñor e dos axentes da Garda Civil e da Policía Local.

Ademais, pasouse aviso aos efectivos de Protección Civil da localidade por se fose necesaria a súa colaboración.

Falece un motorista ao saírse da vía en Salvaterra de Miño

Un motorista faleceu a tarde de onte no concello pontevedrés de Salvaterra de Miño tras saírse da vía cando circulaba pola PO-403, á altura da parroquia de Pesqueiras.

O 112 Galicia tivo constancia do accidente ao recibir a chamada de alerta de varias persoas particulares ás 18:15 horas. Segundo a información facilitada polas testemuñas do suceso, o motorista atopábase liberado e accesible pero estaba inconsciente.

De inmediato, os xestores do 112 pasaron aviso aos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros do Porriño e ao GES-SPEIS Ponteareas.

Desafortunadamente, unha vez no lugar dos feitos, os equipos de emerxencias tan só puideron confirmar o seu falecemento.

Para garantir as condicións de seguridade na vía, tamén solicitouse a intervención dos axentes da Garda Civil de Tráfico e do servizo de mantemento das estradas.

O Concello de Nigrán instala paneis informativos nos roteiros por Chandebrito, Os Matos e Monteferro

0

O Concello de Nigrán renovou este verán toda a sinalización da rede de sendeiros municipal e, recentemente, instalou paneis informativos adicionais nos tres únicos que carecían deles: Chandebrito, Os Matos (Camos-Chandebrito) e Monteferro, estes só tiñan sinalización de percorrido mediante postes. O traballo correu a cargo da cooperativa ‘Árbore Arqueoloxía e Restauración’ (a mesma que se encargou da escavación do Castro de Chandebrito). Estes novos recursos inclúen información cos puntos de interese respectivos, mapa xeorreferenciado, explicación do significado das sinais nos postes e un código QR que enlaza con cadansúa ruta en Wikiloc (a aplicación de sendeirismo máis popular grazas á cartografía GPS).

“Xa no verán optamos por promover a nosa rede de sendeiros e por multiplicar os roteiros guiados porque sabemos que temos un potencial inmenso que, nestas circunstancias sanitarias, é ideal para desenvolver con todas as garantías”, xustifica o alcalde, Juan González, quen incide na importancia de sumar as novas tecnoloxías ao contar co perfil do ‘Concello de Nigrán’ en wikiloc con todas as rutas actualizadas.

Panel Monteferro. Nigrán

A rede de sendeiros municipal está integrada por un total de 8 roteiros que suman 51,5 km e percorren as 7 parroquias do municipio ofrecendo ao seu paso miradoiros, natureza, patrimonio… Son o sendeiro litoral que se inicia na Ramallosa e remata en Monteferro; o sendeiro circular das Medoñas (único con dificultade alta) que discorre por Priegue; o sendeiro do Camiño Portugués pola Costa desde A Ramallosa a Saiáns; o sendeiro circular de Camos desde a Capela de San Roque; o sendeiro circular do Castro por Chandebrito; o sendeiro circular dos Matos entre Camos e Chandebrito; o sendeiro circular dos Mouros por Parada e o sendeiro circular polo río Muíños na contorna de Praia América e Porto do Molle.

Novos obradoiros online da SmartPeme da Deputación para esta semana

A Deputación de Pontevedra, a través de SmartPeme, oferta esta próxima semana sete novas accións formativas impartidas de xeito online, enmarcadas na carteira de obradoiros que se imparten de forma telemática. As accións versan sobre o negocio en liña, fotografía, debuxo con Onshape, Facebook Ads, Google Analytics, Google Adwords e a marca turística.

En concreto, o luns Adrián Fernández, licenciado en Comunicación Audiovisual, impartirá o obradoiro Estratexia de palabras clave para posicionar o teu negocio en liña. Ao día seguinte, 20 de outubro, será a quenda de dúas novas accións: Cámara réflex: aprende a utilizar o modo manual en fotografía, a cargo de Lara Taboada, titulada superior en Ensinos Artísticos de Deseño Gráfico, e Debuxo con Onshape, PartStudio IV, impartida polo experto universitario en robótica Manuel Freire.

O mércores, Fátima Faílde, licenciada en Publicidade e Relacións Públicas e posgraduada en Comunicación e Industrias Creativas, falará sobre Facebook Ads. Na xornada do xoves están previstos dous obradoiros: a diplomada en Ciencias Empresarias Esther Garciñuno desenvolverá Informes personalizados en Google Analytics e María Aller, licenciada en Publicidade e Relacións Públicas e posgraduada en Comunicación Corporativa, impartirá a acción Introdución a Google Adwords. Por último, o venres 23 levarase a cabo Creación e difusión dunha marca turística, a cargo de Mariana Rosa, graduada en Turismo e técnica superior en Axencia de viaxes e xestión de eventos.

Gonzalo Caballero pide estratexias para mobilizar 20.000 millóns de euros para “remontar a cris máis profunda do noso país”

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, mantivo onte unha xuntanza cos dez coordinadores dos grupos de traballo constituídos polos socialistas para “nutrir” a comisión parlamentaria para a reconstrución de Galicia e cifrou en 20.000 millóns de euros as inversións en iniciativas públicas e público-privadas que fan falta, no horizonte 2021-2027, para “remontar a crise máis profunda do noso país”.

“Temos que establecer estratexias e sinerxias para mobilizar 20.000 millóns de euros de inversións en iniciativas públicas e público-privadas incorporando fondos europeos e de todas as administracións”, defendeu Gonzalo Caballero.

Ao fío disto, o líder do PSdeG recordou que esta semana Feijóo presentou distintos proxectos ao amparo dos fondos comunitarios “con moita parafernalia pero pouco contido” sobre o efecto deses proxectos no desenvolvemento de Galicia. “Falta”, dixo, “unha definición das liñas de acción estratéxicas”.

A ese respecto, subliñou que “é fundamental aproveitar as posibilidades que dá a UE”, pero puntualizou que esa formulación é “a medio prazo”. “Pero no corto prazo, á vez que se formulan as propostas europeas, Galicia necesita un goberno que tome decisións cada día”, recalcou Gonzalo Caballero.

“No corto prazo hai que protexer á xente, pero á Xunta está ausente en moitos eidos”, recalcou o dirixente socialista, quen reprobou que o goberno galego “quere converter á atención primaria nun servizo telefónico”, non responde ás necesidades dunha hostalería que está “paralizada”, “non fortalece a educación ante os riscos da pandemia” nin atende aos retrocesos en igualdade como consecuencia da crise.

“Unha Galicia con futuro”

Neste contexto, Gonzalo Caballero comprometeu que o PSdeG traballará “con firmeza, con propostas e con solvencia” na comisión de reconstrución do Parlamento galego, “por unha Galicia de progreso, con futuro e que protexa á cidadanía” ante esta crise.

En vésperas da aprobación das normas de funcionamento dese órgano parlamentario, o secretario xeral defendeu que “non pode ser un paripé” senón que ten que servir para “orientar as medidas fundamentais” para que “Galicia e os galegos e galegas non quedemos atrás”. “Esta ten que ser a lexislatura da protección das persoas”, subliñou.

Sobre todo, como indicou, porque “Galicia careceu de orientación estratéxica” na última década nos eidos económico, industrial e dos sectores produtivos. “Por iso é necesario formular agora as liñas básicas de reactivación do país”, incidiu.

“Queremos pedir a PP e BNG que entendan que esta comisión é moi relevante, e que hai que dar tempo ás comparecencias e avaliar con madurez o ditame, para dar a Galicia as propostas que merece para remontar esta crise”, reivindicou Gonzalo Caballero, e asegurou que esa será a postura do PSdeG.

Grupos de traballo

Canto aos grupos de traballo, nunha xornada na que tamén participou Guillermo Meijón como coordinador dos deputados socialistas galegos no Congreso e o eurodeputado do PSdeG, Nicolás González Casares, Gonzalo Caballero explicou que servirán para reunir expertos en cada eido e para recibir tamén propostas da militancia e da sociedade en xeral.

O primeiro dos grupos é o centrado na ‘Reconstrución económica e reactivación industrial’, que dirixirá Xoaquín Fernández Leiceaga; mentres que o de Sanidade recae en Julio Torrado, o de Política Social coordinarao Marina Ortega, Luis Álvarez estará a cargo do de Educación e Noa Díaz asumirá Cultura.

Pola súa banda, o vicesecretario xeral do PSdeG, Pablo Arangüena, coordinará os traballos de ‘Medio ambiente e transición ecolóxica’, Icía García dirixirá os de Igualdade, do Medio Rural encargarase Martín Seco, Paloma Castro traballará no eido de ‘Xustiza, dereitos, liberdades e memoria democrática’ e Patricia Otero estará a fronte do grupo de Pesca.

Concello de Nigrán, Comunidade de Montes e AVCD ‘O Castro’ de Chandebrito recoñecen a colaboración da Xunta tralos lumes de 2017

0

O Concello de Nigrán, a Comunidade de Montes e a AVCD “O Castro” de Chandebrito quixeron onte recoñecer a labor da Xunta de Galicia tras a vaga de lumes de 2017 coincidindo cos actos de celebración do terceiro aniversario daquel 15 de outubro. A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, recolleu na noite deste sábado, nun acto organizado na Igrexa de San Xosé de Chandebrito, o agasallo que acredita a implicación do Executivo autonómico na recuperación da zona así como nas medidas adoptadas e executadas para previr futuros lumes.

Neste senso, o presidente da Comunidade de Montes de Chandebrito, Víctor Vidal, puxo en valor, entre outras actuacións, as obras realizadas na contorna do castro, ás que a Consellería de Medio Rural destinou 64.432,46 euros co obxectivo de protexer este xacemento e preservar as edificacións da zona de posibles desprendementos.

Asemade, no marco da política forestal de mellora da prevención contra os lumes deseñada polo Executivo autonómico, Vidal recordou que se construíron dos novos depósitos de auga de alta capacidade para medios aéreos na parroquia de Chandebrito. Obras todas elas polas que Fernández-Tapias agradeceu o recoñecemento que recolleu de mans do alcalde da localidade nigranesa, Juan González.