O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, mantivo onte unha xuntanza cos dez coordinadores dos grupos de traballo constituídos polos socialistas para “nutrir” a comisión parlamentaria para a reconstrución de Galicia e cifrou en 20.000 millóns de euros as inversións en iniciativas públicas e público-privadas que fan falta, no horizonte 2021-2027, para “remontar a crise máis profunda do noso país”.
“Temos que establecer estratexias e sinerxias para mobilizar 20.000 millóns de euros de inversións en iniciativas públicas e público-privadas incorporando fondos europeos e de todas as administracións”, defendeu Gonzalo Caballero.
Ao fío disto, o líder do PSdeG recordou que esta semana Feijóo presentou distintos proxectos ao amparo dos fondos comunitarios “con moita parafernalia pero pouco contido” sobre o efecto deses proxectos no desenvolvemento de Galicia. “Falta”, dixo, “unha definición das liñas de acción estratéxicas”.
A ese respecto, subliñou que “é fundamental aproveitar as posibilidades que dá a UE”, pero puntualizou que esa formulación é “a medio prazo”. “Pero no corto prazo, á vez que se formulan as propostas europeas, Galicia necesita un goberno que tome decisións cada día”, recalcou Gonzalo Caballero.
“No corto prazo hai que protexer á xente, pero á Xunta está ausente en moitos eidos”, recalcou o dirixente socialista, quen reprobou que o goberno galego “quere converter á atención primaria nun servizo telefónico”, non responde ás necesidades dunha hostalería que está “paralizada”, “non fortalece a educación ante os riscos da pandemia” nin atende aos retrocesos en igualdade como consecuencia da crise.
“Unha Galicia con futuro”
Neste contexto, Gonzalo Caballero comprometeu que o PSdeG traballará “con firmeza, con propostas e con solvencia” na comisión de reconstrución do Parlamento galego, “por unha Galicia de progreso, con futuro e que protexa á cidadanía” ante esta crise.
En vésperas da aprobación das normas de funcionamento dese órgano parlamentario, o secretario xeral defendeu que “non pode ser un paripé” senón que ten que servir para “orientar as medidas fundamentais” para que “Galicia e os galegos e galegas non quedemos atrás”. “Esta ten que ser a lexislatura da protección das persoas”, subliñou.
Sobre todo, como indicou, porque “Galicia careceu de orientación estratéxica” na última década nos eidos económico, industrial e dos sectores produtivos. “Por iso é necesario formular agora as liñas básicas de reactivación do país”, incidiu.
“Queremos pedir a PP e BNG que entendan que esta comisión é moi relevante, e que hai que dar tempo ás comparecencias e avaliar con madurez o ditame, para dar a Galicia as propostas que merece para remontar esta crise”, reivindicou Gonzalo Caballero, e asegurou que esa será a postura do PSdeG.
Grupos de traballo
Canto aos grupos de traballo, nunha xornada na que tamén participou Guillermo Meijón como coordinador dos deputados socialistas galegos no Congreso e o eurodeputado do PSdeG, Nicolás González Casares, Gonzalo Caballero explicou que servirán para reunir expertos en cada eido e para recibir tamén propostas da militancia e da sociedade en xeral.
O primeiro dos grupos é o centrado na ‘Reconstrución económica e reactivación industrial’, que dirixirá Xoaquín Fernández Leiceaga; mentres que o de Sanidade recae en Julio Torrado, o de Política Social coordinarao Marina Ortega, Luis Álvarez estará a cargo do de Educación e Noa Díaz asumirá Cultura.
Pola súa banda, o vicesecretario xeral do PSdeG, Pablo Arangüena, coordinará os traballos de ‘Medio ambiente e transición ecolóxica’, Icía García dirixirá os de Igualdade, do Medio Rural encargarase Martín Seco, Paloma Castro traballará no eido de ‘Xustiza, dereitos, liberdades e memoria democrática’ e Patricia Otero estará a fronte do grupo de Pesca.