20.4 C
Pontevedra
Luns, 14 de Outubro de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaCarlos Font exprésalle ao director do centro da UNED o compromiso da...

    Carlos Font exprésalle ao director do centro da UNED o compromiso da Deputación coa universidade a distancia

    Víctor González destacou a oportunidade que se abre co nomeamento de Pontevedra como cabeceira do campus Noroeste e ofertou a colaboración académica para actividades de formación tanto para a propia Deputación como para os concellos da provincia

    A Deputación de Pontevedra e a Universidade Nacional de Educación a Distancia reiteraron hoxe a súa vontade de “leal cooperación” durante a visita institucional na que o deputado Carlos López Font recibiu ao novo director do centro asociado provincial, Víctor González. “A relación entre a Deputación e a UNED sempre foi magnífica e así queremos que continúe sendo”, destacou o deputado.

    López Font deu a benvida ao director, que provén do centro asociado de Segovia, e que, co seu traslado, trae tamén a Pontevedra a sede central do campus Noroeste, o que significará a coordinación dos 14 centros asociados de Galicia, Asturias, Castela-León e Extremadura e un maior rango para o que xa, de facto, é o centro de maior tamaño do campus. Font desexoulle “os maiores éxitos” en nome da presidenta, Carmela Silva, e transmitiulle todo o seu apoio nesta andaina que comeza.

    O deputado subliñou que a Deputación cre no “gran potencial da UNED, que coa súa actividade, impregna a toda a provincia” e recalcou que a Deputación non está “só de xeito nominal na UNED, senón por convencemento no modelo que ofrece”. O deputado engadiu que xa antes da pandemia a Universidade Nacional de Educación a Distancia tiña demostrado ser “un instrumento moi válido e, agora, aínda máis”.

    Víctor González agradeceu o apoio e recalcou que a Deputación “non é que colabore, senón que é parte da UNED porque está no seu Consorcio”. Ao mesmo tempo destacou a oportunidade que se abre co nomeamento de Pontevedra como cabeceira do campus Noroeste. Neste eido ofertou a colaboración académica para actividades de formación tanto para a propia Deputación como para os concellos da provincia. “Estamos aquí para colaborar no que se nos demande”. O ofrecemento foi moi ben acollido con López Font, quen puxo o exemplo da recente implantación da Administración Electrónica nos concellos na provincia gracias ao soporte técnico achegado dende a Deputación.

    O novo director anunciou que en canto remate a rolda de presentacións e contactos tanto dentro como fóra do centro asociado convocará unha xuntanza da Xunta Reitora do Consorcio do Centro Asociado para expoñer as liñas de actuación que vai desenvolver neste curso e no futuro.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.