9.6 C
Pontevedra
Sábado, 27 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoO RosalArranca ‘Claqueta Violeta’, un proxecto para loitar contra a desigualdade de xénero...

    Arranca ‘Claqueta Violeta’, un proxecto para loitar contra a desigualdade de xénero e previr a violencia contra as mulleres

    Alumnado de 3º da ESO do CPI Manuel Suárez Marquier xa traballa nas primeiras actividades do programa

    O Rosal é un concello comprometido coa igualdade que leva anos traballando en colaboración cos centros educativos para acabar coas desigualdades de xénero e tratar de educar a nenos e nenas para que rachen con roles e estereotipos. Con este obxectivo o Concello acaba de poñer en marcha ‘Claqueta Violeta’, un proxecto que se leva ás aulas esta temática para facer unha chamada á acción á mocidade; axudalos a reflexionar sobre a igualdade a mozos e mozas e á súa contorna familiar; amosarlles que existen outros tipos de masculinidade alternativos aos tradicionais máis positivos, respectuosos, igualitarios e libres; apelar á necesidade de que o home se implique como acto na loita feminista e promocionar o uso responsable das novas tecnoloxías.

    Para acadalo, alumnado de 3º da ESO do CPI Manuel Suárez Marquier xa traballa por grupos nas primeira actividade do proxecto, un obradoiro de creación de curtametraxes no que ademais de proporcionar ás e aos participantes coñecementos sobre a creación e edición audiovisual, traballarase na promoción da igualdade e na prevención da violencia de xénero. “O obxectivo é estimular a participación do alumnado e a súa implicación, non só como espectadores e espectadoras, senón como actores e actrices no eido da igualdade. Buscamos axudar a desenvolver persoas adultas que defendan a equidade, a liberdade, a autonomía, a solidariedade e, sobre todo, a xustiza”, salienta Sara Vicente, concelleira das áreas de Xuventude, Igualdade e Muller.

    Buscando a participación do equipo docente para acadar o éxito das actividades, as 10 sesións de traballo terán lugar en horas lectivas coa colaboración dos profesores e profesoras das materias de Tecnoloxía, Educación Plástica, Visual e Audiovisual. O alumnado traballará empregando os seus propios dispositivos móbiles e apoiándose en programas informáticos de edición e montaxe audiovisual cos equipos informáticos da aula de Novas Tecnoloxías do centro.

    O proxecto complementarase cunha conferencia sobre “Novas masculinidades: o papel do home na loita contra a violencia de xénero’, na que participarán representantes de AHIGE Euskadi, unha asociación destacada polo seu traballo a prol da construción de novas masculinidades que forma parte da rede da Asociación de Hombres por la Igualdad, presente en numerosas comunidades autónomas. Por último, co fin de achegar o traballo realizado á poboación xeral, iranse publicando nas redes sociais do Concello todas as curtas creadas polo alumnado. O proxecto conta cunha subvención ao abeiro do Programa de sensibilización, información e difusión sobre igualdade e prevención da violencia contra as mulleres, co que se busca promover actividades dirixidas á poboación infantil e xuvenil para favorecer a coeducación e a promoción da igualdade de oportunidades que fomenten a desaparición de roles e estereotipos de xénero, a violencia sexual ou o uso axeitado e crítico de internet e das novas tecnoloxías, especialmente na protección da privacidade e sobre os ciberdelitos tanto no ámbito educativo en colaboración cos centros como coas ANPAS e coas familias. A actividade está cofinanciada polo Fondo Social Europeo (FSE) con cargo ao programa operativo FSE Galicia 2014-2020.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.