12.4 C
Pontevedra
Sábado, 20 de Abril de 2024
Máis
    HomeVal MiñorNigránNigrán estrea en Panxón o maior mural da artista Lula Goce na...

    Nigrán estrea en Panxón o maior mural da artista Lula Goce na comarca do Val Miñor

    O muro de 200 metros cadrados de superficie ao carón do Pavillón e a Escola Infantil Dunas está ilustrado con diferentes rostros infantís como mensaxe de respecto á diversidade e a propia natureza

    A artista de Baiona Lula Goce, internacionalmente recoñecida polos seus impactantes murais, ven de rematar en Panxón a súa maior obra na comarca grazas á iniciativa do Concello de Nigrán. O goberno local contratou este verán a Goce a ilustración dun muro de algo máis de 200 metros cadrados de superficie ubicado na subida da rúa Gondomar (ao carón do cemiterio, pavillón e Escola Infantil Dunas). Aínda que o municipio xa conta con intervencións súas na fachada do CEIP Carlos Casares ou a recente no Campo Municipal de Condomínguez (ambas tamén contratadas desde o Concello) esta é a súa maior obra e a única a pé de rúa, polo que Nigrán entra de pleno a formar parte do seu circuíto de murais internacionais, xa auténticos emblemas en países como EEUU, México, Israel, Portugal, Italia, Bélxica, Francia…  

    “É un punto neurálxico de Nigrán, ao carón da praia, o Pavillón Municipal e o centro educativo Dunas de Gaifar; o resultado é espectacular, será un referente máis do noso municipio como xa o son os seus murais no mundo enteiro”, sinala o alcalde, Juan González.

    Unha vez máis, como é característico na súa obra, as imaxes de crianzas e natureza mesturaranse nun trazo hiper-realista para trasladar á cidadanía unha mensaxe de respecto pola diversidade e amor polo noso medio e as oríxes de cada un de nos. “Cada un de nos é único, ese é o noso tesouro, e aprender a coñecernos e respectarnos entre nos é unha das cousas mais marabillosas da vida”, explica Lula, quen deseñou ex-profeso este mural tendo en conta a súa ubicación, “ten unha mensaxe educativa porque está ao carón dunha escola infantil, e tamén ten un significado de ciclo da vida porque está pegado ao cemiterio”. Así, nel retrata cinco rostros de nenos e nenas onde destaca a súa diversidade étnica e cultural e rodeados de vexetación, tema reiterado na súa obra. “O feito de ser un mural totalmente horizontal e con dúas pezas o complicou  moito o deseño e o traballo”, admite Lula, quen empregou como técnicas a pintura plástica e o spray.

    Lula Goce, nacida en Baiona, licenciouse en Belas Artes en Salamanca na especialidade de Pintura. En Barcelona realizou un Máster de creación artística e o DEA na Facultade de Belas Artes da  UB de Barcelona. Estudou Deseño Gráfico na BAU e Ilustración na  Escola de Dóaa, ademais de traballar en centros de produción artística como Hangar, en  Poblenou, e formar parte do espazos artísticos como  Caminal ou A Escocesa. O seu traballo como muralista é recoñecido no mundo enteiro.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.