Venres, 18 Xullo de 2025

Sanidade conmemora o Día Mundial da Sida salientando a importancia da prevención por ser o muro de contención da infección

O Edificio Administrativo do Sergas en San Lázaro, acolleu hoxe o acto de conmemoración do Día Mundial da Sida organizado pola Consellería de Sanidade, e que contou coa presenza do titular desta carteira do Executivo galego, Julio García Comesaña. Neste acto, ao que tamén asistiu a directora xeral de Saúde Pública Pública, Carmen Durán Parrondo, entregáronse os premios de investigación sobre o VIH e outras infeccións de transmisión sexual, que recaeron en Luis Margusino-Framiñán; Carla Freijomil-Vázquez, Ana Borrajo López e María Jesús Purriños Hermida, a quenes o conselleiro agradeceu o seu esforzo e traballo de divulgación.

Con motivo do Día Mundial da Sida, García Comesaña dixo que trátase dunha xornada para concienciar da magnitude da doenza e das súas consecuencias e, tamén, para impulsar un cambio na súa percepción social. “Temos que borrar o estigma e a discriminación que aínda sofren estas persoas”, –remarcou o conselleiro–.

Trátase, –proseguiu o conselleiro–, de sacar esta doenza do círculo que forman pacientes, familias e persoal sanitario, para facer partícipe a toda a poboación. “É a toda a sociedade á que hai que involucrar, porque sen ela a loita sería moito máis difícil, de aí o compromiso do responsable sanitario galego, en seguir incidindo en darlle visibilidade ao VIH e á sida e continuar a traballar na prevención, por ser o muro de contención da infección e da posterior enfermidade”.

Medidas de control da infección

García Comesaña remarcou que, ainda que a incidencia da infección é cada vez menor, temos que lamentar que, a pesar do esforzo feito con campañas preventivas, os datos seguen a advertir que continúan a existir prácticas e comportamentos de risco na poboación, o que amosa que aínda queda traballo e melloras por conseguir. Destacou, tamén que, grazas á terapia antirretroviral, as persoas infectadas poden vivir coa infección de maneira crónica e cunha calidade e prognóstico de vida moi similar ao de calquera persoa non infectada.

No camiño de incrementar as medidas de control da infección, o conselleiro destacou que o Plan galego anti VIH/Sida e outras infeccións de transmisión sexual puxo en marcha un programa de profilaxe preexposición que consiste nun tratamento preventivo con fármacos antirretrovirais para aquelas persoas infectadas que teñen un elevado risco de exposición ao virus.

Tamén incidiu o conselleiro en intensificar o traballo dende todos os ámbitos, dun xeito especial dende o divulgativo e o comunicativo.

Para rematar a súa intervención, agradeceu o traballo do persoal do Plan galego anti VIH; do persoal asistencial sanitario que atende aos pacientes e das entidades sen ánimo de lucro.

Posta en valor do traballo asistencial e de investigación

Pola súa banda, a directora xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, Carmen Durán Parrondo, remarcou que o acto de hoxe por mor do día mundial é unha oportunidade para poñer en valor o traballo asistencial e de investigación dos profesionais que están comprometidos co VIH e outras Infecións de transmisión sexual.

Neste día, -referiu a directora xeral-, debemos felicitar e agradecer o traballo que se leva a cabo nos diferentes ámbitos da ciencia e da asistencia, tanto sanitaria como social e cidadán. Toda esta estrutura fai posible unha resposta eficaz que incide no control da infección na poboación e na mellora do prognóstico e calidade de vida das persoas afectadas.

Dende Saúde Pública, -subliñou Carmen Durán-, estamos comprometidos cos pacientes e seguimos marcándonos obxectivos de mellora na loita contra o VIH así como na atención e os dereitos das persoas afectadas por esta enfermidade.

Bolama, en Guinea Bisseau, nova rexión que se suma a replicar o Plan Revitaliza de compostaxe

Bolama, unha rexión administrativa no oeste de Guinea- Bisáu –capital da Guinea portuguesa ata 1941–, cunha superficie de 2.624 km² e unha población duns 35.000 habitantes, vaise converter no seguinte lugar en replicar o Plan Revitaliza de compostaxe da Deputación como xa o fixo a illa africana de Príncipe. Así o confirmou hoxe o investigador e xestor da Cátedra UNESCO en Biodiversidade e Conservación para o Desenvolvemento Sostible e membro da equipa Small Islands Organisation (SMILO), Antonio Abreu, na súa participación no seminario ‘Revitaliza no mundo’ organizado pola Deputación e o CEIDA.

Neste encontro, celebrado de maneira telemática e no que participaron preto dun cento de persoas, recolléronse as experiencias de diferentes entidades e administracións inspiradas polo modelo pontevedrés. Entre elas destacaron a de Illa de Príncipe e tamén as do Cabildo de La Palma e do Consorcio Provincial de Medio Ambiente da Diputación de Segovia, que puxeron sobre a mesa a importancia, as grandes oportunidades e os retos que supón a compostaxe descentralizada para os seus territorios.

Na súa intervención, Antonio Abreu explicou que unha vez coñecida a experiencia de Illa do Príncipe co modelo Revitaliza, os gobernantes da rexión de Bolama (formada por un arquipélago de illas situadas no océano Atlántico fronte á costa da rexión de Quinara) decidiron apostar pola compostaxe en proximidade. En breve, de feito, implantarán o modelo servíndose tanto do asesoramento do persoal técnico da Deputación como do propio persoal de Príncipe que recentemente estivo formándose en Pontevedra e que, por cercanía xeográfica, é máis facilmente accesible.

Segundo Abreu “foi unha felicidade atopar un proxecto como o Revitaliza que é aplicable ás pequenas illas” e que permite garantir o seu desenvolvemento ambiental de maneira sustentable grazas á súa simplicidade e posiblidade de trasnmisión de coñecemento nun contexto de dificultades económicas e de ultraperiferia insular para os lugares de destino.

No mesmo sentido, a secretaria rexional do Ambiente e Desenvolvemento Sustentable de Illa de Príncipe, Ana Alice Prazeres da Mata, subliñou que para Príncipe foi fundamental o Revitaliza á hora de desenvolver o seu propio plan de residuos. Destacou que grazas á Deputación elevouse o nivel do traballo e catro persoas foron formadas en xestión de residuos orgánicos (o 70% do lixo da illa). “A nosa intención é continuar coa relación, continuar a parcería con Pontevedra para desenvolver o traballo de campo e acadar un equilibrio entre o home e a natureza no campo dos residuos”, afirmou.

Pola súa parte, a conselleira de Medio Ambiente de La Palma, Nieves Rosa Arroyo, explicou que o cabildo insular vén dende 2015 traballando na compostaxe. Lembrou que no mes de marzo deste ano unha delegación canaria estivo en Pontevedra coñecendo in situ o Revitaliza para ‘beber’ dos seus coñecementos e destacou que “a compostaxe local é viable sempre se se aplica de xeito axeitado, sendo os mestres composteiros a base da súa eficiencia”. Subliñou que nestes momentos en La Palma hai un plan de actuación ‘La Palma orgánica’, baseado na autocompostaxe doméstica e na recollida selectiva para localidades de máis de 5.000 habitantes, que ten como obxectivo que “os residuos sexan responsabilidade de quen os xera”, coa vista posta nunha redución do lixo municipal e na actualización de taxas.

A técnica do Consorcio de Residuos de Segovia, Mate Herrero, subliñou pola súa parte, que o Revitaliza presenta grandes oportunidades para o desenvolvemento do seu plan provincial, tales como que é un modelo descentralizado que permite facer o tratamento dos biorresiduos preto de onde se producen; que se adapta ás contornas e persoas usuarias con versatilidade; que permite a xeración de emprego cualificado nun territorio disperso, de poboación envellecida e de escasa dinámica de creación de traballo como é Segovia; e que precisa a implicación da cidadanía na xestión dos seus propios recursos.

O futuro pasa pola compostaxe

Por parte da Deputación participaron no encontro ‘Revitaliza no mundo’ a presidenta Carmela Silva, o vicepresidente César Mosquera, así como o deputado Uxío Benítez e o asesor Carlos Pérez. Tamén o director do CEIDA Carlos Vales.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, puntualizou na súa intervención que “o futuro do tratamento de residuos pasa pola compostaxe e neste ámbito non hai un proxecto máis potente e serio que Revitaliza”. Silva destacou a necesidade de construír un mundo mellor pero isto “non se vai a conseguir se o ser humano non é consciente de que ten que tomar posición”. A presidenta provincial puntualizou que “debemos cambiar os nosos hábitos destrutores do planeta e o tratamento de residuos, que aumentan de forma exponencial, posto que non son a mellor mostra dunha civilización que quere coidar o que máis valor ten: o medio ambiente e a terra”.

Carmela Silva lembrou que Revitaliza “naceu nunha provincia que ten 900.000 habitantes e agora hai moita xente de urbes moito máis poboadas que as nosas que están atendendo a este proxecto. Trátase dunha iniciativa que está a ser unha referencia na Unión Europea e cuxo modelo está a seguir o Ministerio para a Transición Ecolóxica”. A presidenta do ente provincial deixou claro que “esta suma de alianzas pode ter algo moi positivo, ademais de dar a coñecer un proxecto moi potente tamén o podemos facer chegar a quen ten que tomar decisións”.

Pola súa banda, o vicepresidente Mosquera subliñou que a acollida do Revitaliza tanto na provincia como no exterior está a ser “espectacular”, xa que a participación da veciñanza na compostaxe é moi alta e con moita implicación. “Apenas hai impropios, só cifras insignificantes imposibles na literatura, o que demostra que a cidadanía está por diante da administración, que tende a ser conservadora por unha cuestión de timoratismo e non impulsa medidas que leven a unha xestión de residuos responsable co planeta e o medio ambiente, cumprindo as determinacións legais”, subliñou.

Mosquera fixo fincapé en que dende o inicio o Revitaliza tivo obxectivos claros, para o que se puxo en marcha un programa baseado no coñecemento e na formación de xente experta, “facendo simple o complexo”: “O que comezou como unha aventura colleu unha velocidade vertixinosa e hoxe estamos máis avanzados do que soñabamos hai cinco anos, con resultados palpables”.

Pola súa parte, Uxío Benítez manifestou que o Revitaliza vén a demostrar que “é posible outra forma de xestionar os recursos de maneira máis sustentable e máis económica”. Indicou que existen oito concellos na provincia (As Neves, Mondariz, Mondariz Balneario, Vilaboa, O Grove, Tomiño, Valga e Illa de Arousa) que son exemplo de como facelo: “van por diante dunha maneira valente”, subliñou.

Baiona inicia as obras de acondicionamento do Camiño dos Eidos, en Baíña

0

O Concello de Baiona vén de iniciar as obras do de acondicionamento do deteriorado Camiño dos Eidos, na parroquia de Baíña, traballos que contan cun investimento de 93,170,93 euros e que se financiarán con cargo ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.

A actuación principal que se vai a realizar neste camiño é rehabilitar o firme existente ao mesmo tempo que se mellorarán diferentes tramos de drenaxe. Tamén se prevé levar a cabo o cajeo e pavimentación nos diferentes sobreanchos non pavimentados coa finalidade de ampliar lixeiramente a sección transversal existente.

A isto sumaráselle unha zona de esparexemento situada nunha marxe da vía, na que está prevista a protección das marxes do regacho próximo e a mellora nas condicións estéticas da devandita área. Estará dotada de elementos biosaudables, pavimentada en lastra de pedra, con xardineiras a nivel da rasante, estará delimitada con varandas, e instalaranse bancos, papeleiras e unha fonte para o esparexemento e goce de todos os seus veciños e veciñas.

“Este equipo de Goberno considera prioritario ir mellorando e dotando de proxectos como este a as diferentes parroquias, con este obxectivo se ha decido investir no rural a maioría do montante do capítulo de investimentos recollidos no Orzamento aprobado inicialmente o xoves”, destacada o alcalde, Carlos Gómez. O rexedor local salienta que do total de 928.789,58 euros destinados a investimentos, “ao redor de 600.000 euros, (gran parte do Plan Concellos), irá destinado á mellora das nosas parroquias”. Para Carlos Gómez, facer importantes investimentos no rural “é unha da grandes aposta deste equipo de Goberno por iso contémplase para elas un plan de mellora de camiños municipais, melloras na iluminación con cambios de luminarias por tecnoloxía led, proxectos de saneamento, pavimentación de vías públicas ou rehabilitación do patrimonio”.

O Grupo Socialista critica uns orzamentos da Xunta “sen políticas de discriminación positiva cara ao rural”

O responsable de Medio Rural do Grupo Socialista, Martín Seco, vén de criticar uns Orzamentos da Xunta “sen políticas de discriminación positiva cara o rural”. Fíxoo trala comparecencia da conselleiro do Medio Rural para dar conta das partidas destinadas a esta área nos Orzamentos do goberno galego cara a 2021.

“Despois de 12 anos de falla de políticas de discriminación positiva cara o rural, este atópase, cada día, en maior desvantaxe con respecto ao medio urbano á hora de fixar poboación e desenvolver as súas potencialidades económicas”, aseverou. Seco lamentou que o medio rural se atope nunha situación “moi preocupante” ante a inacción do goberno galego.

O responsable socialista sinalou que, pese a dispor dun Orzamento do Estado “netamente expansivo” que “fai posible que aumente o Orzamento da Xunta en 1.500 millóns de euros”, as contas da Consellería de Medio Rural perden “valor relativo” nos orzamentos da Xunta, o que supón que “o Medio Rural pesa menos en 2021 que en 2020”.

Nesta liña, criticou que “mentres os orzamentos de 2009 eran de 640 millóns de euros para Medio Rural, agora estamos en 583 millóns”, o que supón 57 millóns de euros menos que hai 12 anos nesta área. Ademais, lamentou a redución de partidas importantes como o programa de fixación de poboación no medio rural ou o de modernización e diversificación do tecido produtivo rural.

Seco sinalou que os orzamentos “non apostan por incrementar servizos públicos no rural nin as infraestruturas viarias necesarias”, así como tampouco impulsan os polígonos industriais “nin a implantación da banda ancha”. Así, lamentou que os concellos rurais “cada día teñen que soportar máis competencias, cunha Xunta que lexisla pero non achega fondos para uns municipios que se afogan economicamente”.

O responsable socialista lamentou a falla dunha política activa de ordenación do territorio “que apoie o aumento da base territorial das explotacións con respecto ao abandono de terras e limite as plantacións de eucaliptos en terras agrarias”, así como unha carencia no desenvolvemento dos instrumentos que acompañan á Lei de cadea alimentaria “para asegurar que os produtores cobren por enriba dos costes de produción”.

Seco criticou unha “política errática na loita contra os incendios” que dispón dun alto orzamento en extinción, pero “non aposta pola prevención e investigación”.

Grao de execución dos Orzamentos 2019

O responsable socialista criticou o grao de execución dos Orzamentos de Medio Rural doutros anos. Así, sinalou que “resulta grave” que “só se executase o 54% do inicialmente orzamentado” na partida de infraestruturas e equipamentos o ano pasado, ou “só se executase o 14%” da partida destinada a fomento do asociacionismo e divulgación da tecnoloxía agraria”.

Por último, Seco contrastou o “desleixo da Xunta” cos Orzamentos Xerais do Estado e o “aumento substancial” dos fondos que recibirá España da Unión Europea, “logo dunha dura negociación do goberno español”. Nesta liña, criticou o “intento continuado do PP por bloquear uns fondos completamente esenciais para nosa economía”, o que revela “a esencia do seu patriotismo que mide o compromiso polo país en metros de bandeira, e non nas cuestións que dan de comer á nosa cidadanía”.

A Deputación lanza a súa campaña polo xoguete igualitario e non sexista como “ferramenta para cambiar o mundo”

‘Xogando aprendemos a vivir. O xogo é unha ferramenta para mudar o mundo’ é o lema da nova campaña, a sexta, coa que a Deputación de Pontevedra quere fomentar a adquisición de xogos e xoguetes non sexistas durante este vindeiro Nadal. Unha campaña “dinámica, atrevida e fermosa” coa que, como sinalou a presidenta Carmela Silva, a institución quere incidir no feito de que “o que aprendemos de nenos e nenas marca a posición que imos ter ante a vida” e, polo tanto, busca promover “que as nenas e os nenos xoguen con todo, e xoguen tamén a coidar porque os coidados, que sempre estiveron en mans das mulleres, son este ano de pandemia o centro de todo”.

A campaña está deseñada pola ilustradora Luz Beloso mentres a escritora Isabel Blanco é a autora do concepto e dos textos. A imaxe amosa a unha nena lendo, outra cun xogo de construción e a un neno que lle da de comer a un osiño de peluche. Deste xeito, a campaña tamén está centrada na idea de que as tarefas sexan compartidas de xeito igualitario. “Desde o nacemento comezamos a dicirlle ás nenas que elas son as que van coidar ao regalarlles xoguetes e xogos dedicados ao coidado: cociñas, vasoiras, fregonas, ou traxes de enfermeiras, reflectiu Carmela Silva, mentres que a eles lles agasallamos con bicicletas, motos, superheroes ou xogos de construción. Esta campaña quere rachar con iso. Queremos que as nenas xoguen con todo e os nenos xoguen con todo, e xoguen tamén a coidar. Porque coidar é fundamental”. A presidenta lembrou que nesta pandemia “fomos as mulleres as que seguimos teletraballando, pero tamén no 75% coidando a nenos e a nenas, a maiores, e a persoas dependentes”.

“O xogo, o xoguete non só é un instrumento de lecer –engadiu-. É un instrumento de educación e crea pensamento. Se educamos ás nenas e aos nenos con xogos, xoguetes e cores diferentes, uns e outras entenderán que o seu papel na vida é un determinado, non aprenderán poden ser todo aquelo que desexen ser”. Neste senso, Carmela Silva citou a María Montessori ao sinalar que “non existe ningún home ou muller que non se formase a partir do neno ou da nena que foi algunha vez”. “Así que para ser mulleres e homes igualitarios e igualitarias e que apostemos porque todos teñamos o mesmo dereito, temos que ser ese neno e esa nena que aprende dende a igualdade –sinalou-. Esta campaña quere cambiar o modelo no que vivimos porque como xoguemos e como sexan os nosos xoguetes marcará como imos ser na vida e o noso comportamento”.

Amais dos carteis, que se van repartir nos concellos para colocalos nos comercios, a campaña conta cun audiovisual elaborado por Regalamúsica, cuxos representantes Javier Abreu e An Táboas, estiveron presentes no acto celebrado hoxe na sede da Deputación en Vigo. Este vídeo vaise proxectar nas pantallas dos autobuses da empresa Vitrasa, e en dous dos vehículos tamén se colocarán vinilos da iniciativa ata o 7 de xaneiro. A campaña complétase con cuñas de radio e publicidade nos medios on e off line, co fin de “chegar a todas as familias da provincia”, como sinalou Carmela Silva. “É unha campaña moi potente, coa que queremos que as nais e os pais saiban que hai que pensar moi ben unha decisión que vai marcar como van ser as túas fillas e os teus fillos. Temos unha responsabilidade social coa educación das fillas e fillos e esa educación comeza pola elección que fagamos de a que xogan. Tomémolo moi en serio. Esta é unha campaña feita por moita xente que cre nun mundo mellor, onde nenas e nenos se desenvolven para ser adultos que defenden outra sociedade”.

Isabel Blanco, pola súa banda, destacou a campaña como “imprescindible, porque mirar o mundo desde a perspectiva de xénero é miralo dende a igualdade para crear un mundo mellor”. A escritora exemplificou a mensaxe da iniciativa cun conto da súa autoría sobre a historia de dous irmás xemelgos, Margarida e Xoán, que ven como as mochilas do futuro da súa vida están cargadas de moi diferente maneira, a dela sempre con moito máis peso. Finalmente, An Táboas, de Regalamúsica, fixo fincapé en que o audiovisual quere reflectir a idea principal de “xogar, e ao mesmo tempo, non perder de vista a mensaxe tan necesaria da igualdade, que os nenos e nenas aprendan desde pequenos e teñan claro que son iguais”. “Entre todos poderemos conseguir un mundo mellor con campañas como esta”, afirmou.

Apoio á deportista Paula Dapena

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, amosou hoxe o seu “total e absoluto apoio á futbolista pontevedresa Paula Dapena” ante as ameazas, incluso de morte, que está a recibir despois de que declinara, en consonancia coas súas ideas feministas, participar no minuto de silencio polo falecemento de Diego Maradona. “Que saiban todos os energúmenos que están atacando a Paula Dapena que ela non está soa –manifestou Carmela Silva–. Paula Dapena conta con todas as mulleres que cremos na igualdade ao seu carón. E quen a dane, dánanos a todas. E todas imos estar ao seu lado. A apoiamos, aplaudimos e cremos que é unha muller moi valente”.

Carmela Silva chamou persoalmente á deportista esta mesma mañá para facerlle chegar este apoio. “Ela sabía o que ía significar, pero o fixo, e eses xestos cambian o mundo –subliñou a presidenta–. Todas somos Paula Dapena. Que quede claro que está moi acompañada. Se eses que hoxe lle atacan xogaran de pequenos con xoguetes igualitarios estarían ao carón de Paula. Porque é o único decente. A ver se seguimos camiñando cara a unha educación igualitaria para ter moitas Paulas e poucos homes que ameazan cando unha muller se empodera e di o que opina abertamente”

Os centros escolares do Porriño centralizan a recollida solidaria do #GivingTuesday

Os centros educativos do Porriño centralizan a recollida solidario de alimentos e produtos de hixiene infantil coa ocasión de celebrarse este martes 1 de decembro o “Giving Tuesday” ou “Martes de dar”, un movemento internacional que quere incentivar e multiplicar as boas accións das persoas.

Este ano 2020, por iniciativa dos nenos e nenas do Porriño e segundo acordouse no último pleno infantil celebrado, está a realizarse unha recollida específica de alimentos, leite e produtos de hixiene para bebés para a súa posterior distribución entre as familias do concello con menores recursos. Recomendase doar cremas, toalliñas, purés, leites e alimentos infantís de todo tipo.

A alcaldesa Eva Garcia e a concelleira de Educación, Lourdes Moure acudiron este mediodía ao CEIP “Fernández López” a entregar o seu donativo e a comprobar co director do colexio, Benito Rodríguez como vai a campaña. A recollida aínda continuará mañá mércores. O “Giving Tuesday” ou “Martes de dar” naceu como alternativa ao Black Friday e Cyber Monday, que promoven o consumismo.

Baixa o número de casos activos por coronavirus en Galicia, hoxe rexístranse 7.646

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 7.646 deles 1.606 son da área da Coruña, 935 da de Lugo, 449 da de Ourense, 1.137 da de Pontevedra, 1.993 da área de Vigo, 845 da de Santiago, e 681 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 69 están en UCI, 392 en unidades de hospitalización e 7.185 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 43.618 persoas curadas, rexistrándose 1.211 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 904.528.

A Xunta continúa a traballar desde a máxima coordinación interdepartamental e co Ministerio de Sanidade, tamén mantendo o contacto con todos os axentes socioeconómicos de Galicia. Neste senso, Sanidade reitera que segue alerta actualizando todas as medidas e recomendacións e en vixilancia permanente.

Os datos de centros residenciais de servizos sociais corresponden aos que achegan con carácter diario os propios centros.

Os datos de escolas infantís e centros de ensino non universitario corresponden aos rexistrados diariamente a través da Central de Seguimento de Casos, os propios centros e as xefaturas territoriais.

Uso do 061 para casos graves e emerxencias e o 900 400 116 para dúbidas

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

Sinalar, ademais, que o Sergas ten a disposición da cidadanía a páxina web https://coronavirus.sergas.gal/ na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.

Así mesmo, o departamento sanitario galego ten a disposición da poboación o teléfono 900 400 116, para dar información xeral sobre o coronavirus. Neste número pódense resolver todas as dúbidas da cidadanía ao respecto e tamén consultar sintomatoloxía leve.

Rexistro de viaxeiros no 881 00 20 21 e obrigatoriedade do uso da máscara

Lémbrase que as persoas que visiten Galicia nas vindeiras datas e procedan ou estivesen, durante os 14 días previos á súa chegada, nalgún dos territorios con alta incidencia epidemiolóxica incluídos na listaxe publicada no Diario Oficial de Galicia, deberán facilitar os seus datos de contacto ao Servizo Galego de Saúde, ben a través do teléfono 881 00 20 21 ou ben a través do formulario da web do Sergas.

Ademais, reitérase o carácter obrigatorio do uso da máscara tanto en espazos abertos como pechados, poñendo especial énfase na súa utilización nos locais e establecementos comerciais e de hostalería.

Recomendacións

Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade volven  reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe. Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.

É importante tamén procurar unha axeitada ventilación dos espazos interiores optando preferentemente por espazos abertos e tratando de evitar aglomeracións.

Non se debe esquecer o mantemento da distancia de seguridade, o uso axeitado da máscara e atender ás restricións específicas que se poidan establecer en cada comarca ou concello.

A Xunta amplía en 1.500 prazas a oferta pública de emprego en educación

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, anunciou hoxe unha nova Oferta Pública de Emprego (OPE) no eido educativo de 1.500 prazas que, sumadas ás 3.600 xa convocadas, suman máis de 5.000 prazas xa comprometidas para os anos 2021 e 2022. Así o avanzou hoxe na súa comparecencia na Comisión 3ª de Economía, Facenda e Orzamentos do Parlamento, onde presentou os orzamentos e liñas de actuación do seu departamento, que nesta lexislatura reunifica ás areas educativas e culturais. “Son os maiores da historia para a Consellería de Cultura, Educación e Universidade para abordar o urxente e planificar os retos e obxectivos desta década”, salientou.

Os presupostos da Consellería que dirixe Román Rodríguez son os segundos maiores do Goberno autonómico, co preto de 2698M€, un 6,60% máis que o pasado ano, polo que disporá de 167M€ adicionais para as súas políticas públicas cun dobre obxectivo: dar un novo impulso ao ensino galego, referente en calidade e equidade ao longo da última década, e contribuír á reactivación do sector cultural, un dos máis afectados pola pandemia e que contará cun 27,4% máis de fondos como estímulo e apoio. De feito, o apartado inversor é o máis reforzado da Consellería, cunha suba do 62,6%.

“Se a cultura forxa a nosa identidade e ser como país, e nos serve para afirmarnos como unha comunidade histórica, integradora e modelo de convivencia, o ensino repercute no presente, pero sobre todo no futuro, ao dotar aos galegos de mañá de competencias, valores, destrezas e habilidades para ser bos profesionais e boas persoas”, resumiu o representante autonómico na súa exposición no Hórreo.

O apartado de persoal ocupa unhas das principais partidas da Consellería, que neste exercicio aumenta un 5,6% como consecuencia das contratacións derivadas da covid-19 e as necesidades ordinarias. Para dar cumprimento aos principios de estabilidade no emprego, Román Rodríguez explicou que no 2021 celebrarase a OPE convocada no ano 2020, que oferta máis de 3.600 prazas e que tivo que ser adiada pola pandemia. A maiores, avanzou que no primeiro trimestre se aprobará o decreto de oferta de emprego público para o novo ano, que ofertará o número máximo de prazas que permita a normativa básica do Estado, polo que estimou en 1.500 a convocatoria entre a taxa de reposición e a promoción interna, “unha gran oportunidade para a consolidación de plantillas e para integrarse na carreira docente”, con tres convocatorias en dous anos.

Igualmente, garantiu o cumprimento do acordo de homologación salarial asinado cos sindicatos que, como afirmou, permite que as retribucións dos docentes galegos estean por riba de media dos seus compañeiros noutras comunidades autonónomas.  

Calidade e igualdade de oportunidades

As transferencias aos centros educativos para gastos de funcionamento tamén se ven incrementadas debido á necesidade de reforzar as medidas sanitarias. En concreto, contarán cun 31,4% máis de investimento ata os 84M€, máis de 20M€ de subida.

Duplicaranse así mesmo os recursos para mudar os libros do fondo solidario, coa premisa de que ninguén quede atrás, ao igual que as axudas de material escolar (5,5M€), unha partida que non existe noutras comunidades. Suben igualmente as partidas de transporte (+10,7%), clave no rural, ou ás anpas con comedores (+36%).

Para seguir avanzando nun modelo educativo próximo, baseado na igualdade de oportunidades e en valores como o esforzo, a tolerancia, a liberdade ou a inclusión, a Xunta blindará as principais partidas en marcha e desenvolverá novos proxectos que permitan que o ensino “dea o salto de calidade que merece tras unha década na que fomos quen de reducir o abandono escolar á metade e levar ao alumnado galego aos niveis dos mellores de Europa, segundo acreditan os últimos informes PISA.

Ampliación e modernización dos centros

Entre os anuncios realizados, puxo sobre a mesa un ambicioso plan de investimentos en creación, mellora e rehabilitación de centros educativos por importe de 55,4M€ “para que os nosos nenos e nenas medren e aprendan en colexios e institutos acordes aos tempos”, ademais dun plan de adecuación de espazos ao contexto covid de 7M€.

Compatibilizarase a apertura de colexios e institutos coa ampliación, reforma e as actuacións de eficiencia enerxética, ademais de rehabilitación de centros históricos nalgunhas das principais cidades galegas como o IES Valle Inclán de Pontevedra.

Pero é o eido tecnolóxico o que capitaliza boa parte das actuacións previstas por Educación, cun numerosos programas e apostas. Entre eles, un plan de transformación dixital da educación, de 43,5M€, para a posta ao día en dispositivos, equipamentos e infraestruturas e para seguir adaptando os centros ao entorno dixital. Así mesmo, o esforzo inversor en infraestruturas será de 61,4M€ en total, orientado a favorecer que os centros educativos afonden na excelencia, a modernización e a sustentabilidade.

Innovación e Formación Profesional

Programas como Edixgal, de dotación para material didáctico, aumentan un 64,5% e mantéñense todos os investimentos que dan cobertura aos proxectos claves en innovación, ensinanza de idiomas, STEM ou formación de profesorado, que con 7,8M€ volve supoñer un récord para investir no activo máis importante”. Para consolidar estas boas prácticas, crearase un Centro para a Investigación e Innovación Educativa que deseñe estratexias docentes e a introdución de novas técnicas pedagóxicas.

Tamén a Formación Profesional sae reforzada dos orzamentos o vindeiro ano, tanto a través de programas de excelencia como do novo Centro Galego de Innovación de Formación Profesional, en Ourense, con 1,7M€. Todo co obxectivo de seguir liderando desde Galicia un ámbito no que na última década se deron avances sobresaíntes.

I+D+i, atracción de talento e taxas conxeladas

O sistema universitario tamén vese mellorado nas contas da Xunta de 2021 e acada cifras récord. O orzamento de 451M€ supón un máximo histórico que blindará o seu financiamento coa prórroga do actual plan. Ademais, por décimo ano consecutivo, Galicia volve a conxelar as taxas universitarias en grao e posgrao, o que facilita o acceso ao estudantado e democratiza a posibilidade de realizar estudos superiores. Galicia é así a única Comunidade onde cursar unha carreira costa o mesmo que hai unha década e representa un aforro para as familias de 21M€ anuais. Así mesmo, apoiarase ao alumnado que, por causas sobrevividas derivadas da pandemia, poida ver comprometida economicamente a continuidade da súa formación universitaria.

Román Rodríguez anunciou unha nova partida de 10M€ -a maiores do Plan de Financiamento das Universidades- para a dixitalización e innovación do sistema universitario, co que as transferencias ás universidades chegan aos 86,8M€, unha alza do 13,2%. A isto engádese a suba do crédito asociado a resultados de investigación e transferencia de coñecemento, que medra un 8,8%, e unha mellora do 6,2% (ata 67,8M€) das partidas dedicadas ao fomento da I+D+i e a aposta en marcha dos programadas de retención e atracción de talento consolidado. Tamén o financiamento dos campus de excelencia internacional ou o inicio da acreditación dos campus de especialización do Sistema Universitario Galego.

Apoio decidido á cultura e ao tecido propio

A cultura como antídoto fronte á actual situación sanitaria foi outras das propostas da Román Rodríguez, quen comprometeu o reforzo dos fondos para a cultura galega de máis de 20M€ que atenderán todas as frontes, tanto a cultura de base a o acceso a cultura a través dos museos, bibliotecas e arquivos, como o reforzo das industrias creativas, un eido que emprega a 30.000 persoas na Comunidade e cuxo tecido é imprescindible apoiar tras o labor profesional desenvolvido nos últimos anos. A isto sumaranse, ademais, novas partidas para a programación cultural do Xacobeo 2021, procedentes da coordinación coa Vicepresidencia Primeira da Xunta.

Todos os sectores (editorial, audiovisual, música, artes escénicas, plásticas, etc) beneficiaranse das políticas da Xunta, con reforzos en aspectos como a promoción da lectura e do libro, unha nova liña para cines, adquisición pública de obra de arte ou un 27% máis de fondos para asociacións, fundacións e outras entidades sen ánimo de lucro e o reforzo das unidades de produción e as redes propias e municipais.

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) duplicará o seu orzamento para apoiar as estruturas empresariais máis afectadas pola covid e poñer en marcha iniciativas de reactivación e fortalecemento das puxantes industrias culturais. Isto permitirá impulsar un dos grandes proxectos da lexislatura que anunciou o conselleiro, a creación dun hub das industrias creativas e culturais galegas. “Esta iniciativa, que se financiará a través dos fondos REACT-UE, se desenvolverá en plena colaboración e coa participación do sector cultural galego, establecendo xuntos prioridades co fin -dixo- de potenciar e incrementar a competitividade do noso talento de xeito profesional”.

Igualmente, anuncio os proxectos para apertura de dúas sede do CGAC (Centro Galego de Arte Contemporánea), actualmente en Santiago, nas cidades de Vigo e Lugo. Do mesmo xeito, finalizarase a Cidade da Cultura, coa culminación do esperado Edificio Fontán, que entrará en funcionamento no propio 2021, incorporando ao Gaias ás universidades e ao Centro de Investigaciones Científicas (CSIC). “Polo tanto, non só se pecha o proxecto construtivo, senón que se consolida como proxecto de vangarda do coñecemento vinculado ás ciencias sociais e o patrimonio cultural”, remarcou.

Compromiso co patrimonio e a lingua

O conselleiro detallou tamén as contas alcistas en materia de política lingüística e de protección do patrimonio cultural. No primeiro caso, o orzamento increméntase un 53%, con melloras en campañas de normalización (+11%), programas de promoción (+35,7%), actividades de formación (+77%) ou apoio a empresas editoras para proxectos en lingua galega, que experimentarán un incremento do 50%. Do mesmo xeito, créase unha nova partida de 3,5M€ para reactivación cultural en galego. Pola súa parte, a conservación e rehabilitación verase reforzada en todos as frontes cun 19% máis de investimento que abrangue bens senlleiros como as catedrais de Lugo, Ourense, Mondoñedo e Tui, xacementos arqueolóxicos, a Ribeira Sacra no ano da súa posible declaración como Patrimonio Mundial ou o Plan PIBC dos Camiños.

Asociacións da Guarda reciben formación sobre liderazgo

0

O pasado sábado día 28 de novembro o Salón de Actos do Centro Cultural da Guarda acolleu unha xornada de formación adicada especialmente aos colectivos e asociacións existentes no municipio.

Esta xornada de formación, que se estendeu dende as 10:00h ata ás 14:30h, estivo guiada por Susana Rodríguez, psicóloga social, que desenvolveu ferramentas para traballar e desenvolver un liderazgo participativo, positivo, dinámico e comunitario. Estratexias esencias para acadar os obxectivos que perseguen día a día estas asociacións.

Esta sesión formativa tamén serviu para dar a coñecer ás asociacións da Guarda o recentemente aprobado Regulamento do Rexistro Municipal de Asociacións municipal e que ten coma finalidade establecer o marco xurídico regulador do Rexistro Municipal de Asociacións, como instrumento que permita recoller documentalmente a realidade do tecido asociativo e de participación colectiva, dentro do marco territorial do Concello da Guarda. Na sesión adiantouse tamén a posta en marcha da campaña do concello para a posta en marcha do Banco de voluntariado municipal, que pretende ser tamén un recurso que teñan en conta as asociacións e colectivos municipais.

Nigrán aproba en solitario adherirse ao programa ‘Xantar na Casa’ de comida a domicilio para persoas maiores, dependentes ou en risco de exclusión

0

O goberno de Nigrán aprobou esta mañá en Pleno Ordinario e coa abstención do PP a adhesión ao programa ‘Xantar na Casa’ de servizo de comida a domicilio para persoas maiores, dependentes ou en risco de exclusión. Deste xeito, o municipio será o primeiro da comarca do Val Miñor  en participar neste programa do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e   Benestar que consiste en enviar ao propio domicilio unha vez á semana 7 bandexas cos menús correspondentes para cada día listos para quecer no microondas e con todas as garantías sanitarias (inclúen pan, primeiro  plato, segundo e postre). O obxectivo final desta iniciativa enmarcada no programa municipal ‘Un Nigrán para todos’ é aumentar a calidade de vida das persoas con problemas de automomía, tendo un custe simbólico para o beneficiario de 1,76 € por menú (Concello e Xunta aportan o resto ata 6,60 €).  “En definitiva, damos un paso máis no noso proxecto ‘Un Nigrán para todos’ , neste caso dirixido á facilitar a automonía persoal ao tempo que garantimos unha alimentación saudable”, resume o rexedor, quen incide que a aprobación da moción será enviada inmediatamente ao Consorcio para que  comece a funcionar antes de fin de ano.

Por outro lado, o goberno de Nigrán aprobou coa unanimidade da corporación unha moción elaborada desde a plataforma SOS Sanidade Pública e que expuxo o propio portavoz, Jesús Araujo Nores, pedindo ao Sergas a necesidade de reforzar a Atención Primaria e de retomar a asistencia presencial cun protocolo anti-covid en cada centro. Aínda que inicialmente o portavoz do PP responsabilizou a facultativos e administrativos dos problemas derivados da atención telefónica, finalmente e tras consultalo cos seus concelleiros decidíu votar a favor. “Se eu fose vostede pediría que non conste en acta todo o que acaba de dicir sobre os médicos e os administrativos da sanidade pública porque é unha vergoña”, chegou a reprocharlle o alcalde, Juan González. Tal e como sinalou Araujo, a situación sanitaria é insostible nos centros de saúde, sen consultas presenciais e só con citas telefónicas que acumulan demoras de 10-12 días. “Temos moitas queixas dos veciños ao respecto, especialmente de persoas maiores. Non se pode manter por máis tempo a consulta exclusiva telefónica, estase a adiar o diagnóstico de patoloxías non covid graves que, precisamente, requiren de celeridade no tratamento”, sinalou González.

Igualmente, e como moción de urxencia ante a necesidade de telo aprobado antes do día 15 de decembro, aprobouse por unanimidade a adhesión entre Xunta e Fegamp para que desde o organismo autonómico se tramiten as sancións  impostas en Nigrán derivadas do inclumplimento da normativa Covid-19 (por exemplo, o non uso da máscara).

Finalmente, o goberno de Nigrán votou en contra das mocións do PP relativas a instar á Deputación a que mellore as estradas PO-2102 entre Camos e Chandebrito e a PO-2106 entre Parada e San Pedro pola razón de que, precisamente, o organismo provincial adxudicou hai un mes sendos proxectos ao respecto. “Non ten sentido porque saben perfectamente que a Deputación xa adxudicou a dúas empresas os proxectos, non entendo o sentido destas mocións”, reiterou González.

Igualmente, o goberno local votou en contra da moción do PP para destinar 40.000 € a Cáritas para contribuír a súa labor en Nigrán. “Afortunadamente en Nigrán contamos cun servizo público municipal que funciona de xeito excelente e para o que hai orzamento e sen necesidade de recurrir á caridade. Temos moi boa relación con Cáritas e respetamos e admiramos moito o seu traballo, como non podería ser doutro xeito, pero tamén nos parece desorbitado que o PP pida 40.000 € para unha entidade non pública”, explicou o rexedor. Nesta liña, subliñou tamén que o goberno local xa deu o seu compromiso para crear unha liña de axudas para hostaleiros e artistas do municipio, “polo que a moción do PP ao respecto tamén está fora de lugar”.

Tras a aprobación do novo orzamento, Mos chegará a 2023 con débeda cero

0

O Pleno do Concello de Mos aprobou onte coa maioría dos votos da Corporación Municipal o orzamento para 2021. O documento foi aprobado cos votos a favor do goberno local, a abstención da concelleira non adscrita Verónica Costas e os votos en contra de PSOE, GañaMos e BNG.

Unha vez máis o orzamento municipal mosense foi aprobado en tempo e forma, e antes do inicio do novo exercicio económico. E unha vez máis destínase unha área de gasto para reducir a débeda bancaria. Nesta ocasión a partida orzamentaria adicada á amortización de débeda pública ascende a 1.315.381,08 euros e, segundo informou a alcaldesa, Nidia Arévalo, “continuaremos nesta liña e en 2 orzamentos máis, no ano 2023, acadaremos a débeda cero no Concello de Mos”.

Trátase o de 2021 dun orzamento que ascende a 10.998.777,43 euros no seu estado de gastos. É o duodécimo presuposto que Nidia Arévalo elabora como rexedora municipal e se repite, por duodécima vez consecutiva, o feito de presentalo en tempo e forma antes do inicio do novo exercicio. Tamén se repite o feito de non ter pedido ningunha operación de préstamo bancario.

Sen embargo, non se repiten as circunstancias que marcaron a elaboración dos orzamentos anteriores, senón que neste novo documento o principal condicionante, con máis peso e influencia, foi a Covid-19.

A crise sanitaria da Covid-19 está a deixar a súa pegada en todos os aspectos e por elo o novo orzamento mosense de 2021 está moi marcado e condicionado pola pandemia que afecta en xeral a todas as partidas, tanto á alza como á baixa, co obxectivo de poder dar cobertura ás novas necesidades municipais surxidas á raíz da Covid-19.

Sí se manteñen nos doce orzamentos elaborados por este Concello con Arévalo na Alcaldía constantes como a súa presentación antes do inicio do exercicio económico correspondente, e que se trata dun documento que se axusta á realidade.

A gran novidade deste orzamento que é a creación dunha nova partida específica destinada a gastos derivados da Covid-19, que sumada ás subidas noutras partidas tamén por diversos gastos directos derivados da pandemia, ascende aproximadamente a uns 200.000 euros, que lle permitirán ao Concello adaptarse e afrontar os novos gastos que se xeraron coas novas circunstancias da nova normalidade.

A devandita partida inclúe, entre outros gastos municipais surxidos coa crise sanitaria, desde un reforzo de dotacións para a Policía Local e o Servizo Municipal de Emerxencias que implican unha mellora do equipamento específico para realizar labores relacionadas coa COVID-19, ata un aumento da dotación económica da partida de Educación, etc.

Ademais desta nova partida, o máis importante e destacable do orzamento 2021 é o importante incremento de Benestar Social, que crece debido ao incremento de horas de servizo á dependencia (SAF), entre outras políticas sociais e programas que demandan máis servizo, sendo a partida máis elevada, un ano máis, a destinada a gasto social, que acada o 1.632.914 euros.

A Policía Local de Mos, dotada de 422.337,46 euros, e o Servizo Municipal de Emerxencias, con 66.997,38 euros son dous departamentos que se ven reforzados no novo orzamento. A Policía continuando na liña de cubir as prazas vacantes, e o Servizo Municipal de Emerxencias co novo GES para Mos, xa que cómpre lembrar que o peso dos servizos a domicilio e desinfeccións para os afectados pola COVID-19 lévano desde Emerxencias.

No que respecta ás prazas da Policía Local, no presente ano 2020 xa se incorporaron 2 novos axentes locais e o vindeiro 2021 farano outros 2, co que a plantilla da Policía de Mos increméntase en 4 novos axentes. A dotación económica para os soldos dos 2 axentes que se incorporarán en 2021 ascende a 65.500 euros.

Educación crece ata chegar aos 108.500 euros ao dotarse con 16.000 euros ao protocolo específico de desinfección fronte á Covid-19 que se realiza en todos os centros educativos do municipio.

Tamén crece a dotación do Plan Cultural. Trátase dun reforzo económico para respaldar ás agrupacións do municipio nuns momentos nos que a súa actividade atópase prácticamente a cero por mor da crise sanitaria da Covid-19. Deste xeito increméntase a partida destinada a financiar o Plan Cultural do Concello de Mos pasando de 25.000 euros en 2020 a 40.000 en 2021 cunha subida porcentual do 60%.

Así, as bases do Plan Cultural modifícanse tamén, de xeito que se adapten á nova realidade e poidan contabilizarse como actuacións as colaboracións que realicen para dinamizar as redes sociais do Concello, sen necesidade de que se produza o espectáculo e/ou concerto físicamente.

En Deportes prodúcese un aforro do gasto en mantemento de instalacións deportivas como a Piscina Municipal, Pavillóns Municipais e Multiusos debido á reducción de actividades presenciais e aforo con motivo da crise sanitaria. Pero destaca a pesares disto, no capítulo de Deportes, a partida destinada a subvencións a deportistas e clubes mosenses aos que xa este 2020 se lles subira o importe da axuda municipal e, no 2021, ademais de manter a suba xeral, o equipo da U.D. Mos Feminino que ascendeu a Primeira Nacional verá incrementada a súa subvención crecendo ata chegar aos 40.000 euros, converténdose deste xeito o Concello de Mos no seu principal patrocinador, xa que dos 60.000 euros do orzamento total que ten o equipo, a administración local asume dous tercios.

Ademais do U.D.Mos Feminino, as entidades beneficiarias destas axudas son a Unión Deportiva Mos, o Club de Fútbol Alerta, o C.D. Louro Tameiga, o Club Xadrez Mos, o Club Natación Mos, as Escolas de Patinaxe de Mos, o Club de Patinaxe Rosaleira, o Club de Patinaxe Xiramos, a bailarina Patricia Martínez, a ciclista Susana Alonso, Juan Rivera, e o Clube de Tiro con Arco ‘Archer’s Team’.

Ademais das deportivas, mantéñense tamén todas as subvencións sociais que son un total de 3 destinadas a 3 colectivos sociais do municipio (AOMAMOS, AECC Mos e Solidariedade Galega co Pobo Saharaui) que suman 4.000 euros.

Desde o goberno local mosense séguense a priorizar os servizos e continúase a apostar polos labores de limpeza viaria, desinfeccións exteriores, mantemento de parques e xardíns e acometida de obras de saneamento, asfaltado e mellora da seguridade viaria.

Para elo deseñouse unha folla de ruta para levar a cabo o plan de inversións municipais, baseado no estudo previo de todas as necesidades existentes no Concello:

  • Un Plan de Parques para manter os parques infantís, biosaudables e zonas verdes en perfecto estado de revista aínda que non se vaian acometer novas áreas de lecer.
  • Avanzar na acometida da rede de saneamento municipal, aproximándose cada vez máis o remate do 100% da mesma.
  • Conservar e mellorar o patrimonio e edificios municipais.
  • Plan Anual de Asfaltados para a mellora da seguridade viaria no municipio.
  • Grandes obras. Obras de moita importancia que marcarán a presente lexislatura como por exemplo:

O Plan HURBE de Humanización da Contorna Parroqouial de San Mamede en Torroso cun orzamento total de 437.500 euros dos que a Xunta achegará o 70% e o Concello de Mos, o 30% restante (131.251,39 euros).

O Saneamento de Pereiras íntegramente financiado pola Xunta de Galicia cun orzamento total de 430.026,10 euros que acometerá Augas de Galicia e consistirá na execución de varios colectores que permitan completar o saneamento ao núcleo de Pereiras. A actuación dividirase en dúas zonas: Rede Norte e Rede Sur.

Rematar a nova senda fluvial do Río Louro cun orzamento total de 210.000 euros cofinanciado entre o Ministerio de Medio Ambiente e o Concello de Mos, que realizará unha aportación municipal de 105.000 euros.

Ademais o orzamento de 2021 trátase dun orzamento marcado pola contratación de todos os servizos municipais que foron sacados a concurso público e que xa se atopan adxudicados, entre os que están o material de oficina, alarmas, mantemento de parques e xardíns, soporte informático, climatización e calefacción… e un longo etcétera.

“Por suposto seguimos a impulsar medidas de aforro entre as que se atopan mater o esforzo desde esta Alcaldía para acadar axudas en forma de achegas económicas doutras administración” explicou a rexedora local mosense, “como veño facendo dende que son alcaldesa de Mos”.

Quen rematou a súa intevención de hoxe no Pleno “salientando que o orzamento de 2021 é un orzamento realista, dirixido a inversión real e servizos básicos, no que se contemplan os ingresos que corresponden, non se gasta por riba das posibilidades reais, e destaca sobre todo o orde e a austeridade en cumprimento do establecido pola lei”.

No estado de ingresos o orzamento municipal para 2021 continúa as liñas da liquidación do ano 2019. Todos os ingresos están axustados ao Padrón do ano 2019.

“En definitiva”, concluiu finalmente Arévalo “en xeral o orzamento de 2021 caracterízase pola influencia da crise sanitaria da Covid-19 que fai fluctuar, tanto á alza como á baixa, en xeral case todas as partidas. Pero, a pesar do seu incremento destinado a políticas sociais, é un presuposto baseado na austeridade e na eliminación de gasto superfluo ademais de ser presentado, como cada ano desde que son alcaldesa, en tempo e forma, antes do remate do exercizo en vigor e do inicio do novo exercizo, e cumprindo coa porcentaxe necesaria da área de gasto destinada á amortización de débeda pública e sen facturas pendentes de recoñecer de anos anteriores; o que fará que en 2023 Mos teña débeda cero”.

“Baiona. A mellor música en directo!”, unha serie de concertos que chearán a vila de música

0

“Baiona. A mellor música en directo!” comezará o vindeiro venres 4 de decembro ás 19:00 h co concerto de “A Patrulla”. O Concello de Baiona, a través da Concellería de Cultura, organiza unha serie de concertos co obxectivo fundamental de dinamizar e desestacionalizar a oferta cultural e de lecer baionesa. Os concertos terán lugar o 4, 5, 6, 7, 8, 11, 12 e 13 de decembro e traerán consigo uns días repletos de música en directo na que participarán un total de 16 grupos musicais con diferentes estilos como o jazz, blues, funk, flamenco, rock, pop, etc. que buscarán encher de música a Vila.

As actuacións celebraranse nesta edición nun único escenario, o instalado na praza do concello, debido ás medidas de seguridade que hai que seguir pola crise sanitaria da Covid-19. O obxectivo é proporcionar actividades de lecer aos veciños e veciñas nunha contorna segura e, para iso, o acceso e o aforo á carpa estará controlado e tomaranse todas as medidas de seguridade pertinentes.

“Con iniciativas como estas queremos participar na reactivación económica do municipio. Queremos que non se perda o emprego, que non se perdan negocios. Queremos axudar á hostalería e aos comerciantes baioneses.”, destaca o alcalde, Carlos Gómez Prado.

Pola súa banda, a Concelleira de Cultura, Miriam Costas, fai unha chamamento á responsabilidade nos eventos lembrando que o aforo será dun máximo de 75 persoas, cumprindo a normativa marcada pola Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia. Tamén aproveita a ocasión para “mandar unha mensaxe de tranquilidade á veciñanza e aos que se acheguen a gozar dos concertos xa que se van a poñer todas as medidas de seguridade e preventivas necesarias. O obxectivo é combinar o lecer coa redución ao máximo o risco de contaxio e transmisión da pandemia. Baiona é seguro pero sempre apelamos á responsabilidade individual”, comenta a concelleira.

Venres 4 decembro

  • 19:00 – 20:00 La Patrulla

Sábado 5 decembro

  • 12:30 – 13:30 Desconcerto
  • 17:00 – 18:00 The Hurt Fingers
  • 19:00 – 20:00 The Mirror

Domingo 6 decembro

  • 12:30 – 13:30 Los del barro
  • 18:00 – 19:00 Groovin folks

Luns 7 decembro

  • 19:00 – 20:00 The Manueles

Martes 8 decembro

  • 12:30 – 13:30 Beathos
  • 17:00 – 18:00 Valentín Dacoba
  • 19:00 – 20:00 BROKE Acoustic Covers

Venres 11 decembro

  • 19:00 – 20:00 Swing du Monde

Sábado 12 decembro

  • 12:30 – 13:30 Javi Pacheco
  • 17:00 – 18:00 Adriams Timms
  • 19:00 – 20:00 Pacheco Bros

Domingo 13 decembro

  • 12:30 – 13:30 Orquestra Pantasma
  • 18:00 – 19:00 The Goonies

Ponteareas pon en marcha unha nova liña de axudas á hostalaría

O Concello de Ponteareas pon en marcha unha nova liña de apoio ao sector da hostalaría local para tentar rebaixar o impacto do peche decretado polo goberno da Xunta de Galicia coa finalidade de combatir a expansión da pandemia. Estas novas axudas poderán tramitarse a partir da vindeira semana e están dirixidas únicamente para os negocios da hostalaría que están pechados nestas semanas. Trátase dunha axuda complementaria á anunciada polo goberno galego e tamén complementaria doutras do propio Concello.

Recentemente a concelleira de promoción Económica, Eva Gil e o alcalde, Xosé Represas, mantiveron reunións telemáticas cos directivos do sector na que presentaron esta nova liña de axudas á que o Concello destina inicialmente 25.000 euros “pero que poderá incrementarse para atender todas as solicitudes cómo é a nosa intención” afirmou a concelleira nacionalista.

As axudas serán todas de 300 euros, poderán beneficiarse autónomos e empresarios con negocios abertos en Ponteareas e que tiveron que pechar o pasado 7 de novembro pola pandemia da COVID. As solicitudes serán adxudicadas por orde de presentación, “deste xeito axilizamos a tramitación e facilitamos que chegue a todos e todas”. Poderán acollerse tamén os negocios que sirven “para levar”.

Outra das medidas que xa está vixente para apoiar á hostalaría é a bonificación do 95% das taxas das terrazas ata ó 31 de decembro de 2021, ademáis das axudas directas, postas en marcha polo Concello, con motivo do estado de alarma do mes de marzo, axudas que foron pagadas a todos os que cumprían as condicións da convocatoria, que no caso da hostalaría foron un total de 70 negocios.

Eva Gil, tamén lembrou os cambios realizados para facilitar a ampliación das terrazas en novas zonas, ao tempo que se gañou espazos para os peóns, “o que queren os hostalairos é poder traballar”

O Concello de Ponteareas, dentro das súas competencias, tamén contempla eximir do pago ou compensar, os recibos municipais do lixo e da auga a todos os negocios durante o período que tiveron que pechar pola pandemia, tanto nestas semanas decretadas pola Xunta para a hostaleria cómo durante o estado de alarma que afectou a todo tipo de negocios.

Represas tamén se referíu ao “anuncio” das axudas da Xunta de Galicia, “agardo que se concreten as axudas e que cheguen realmente aos hostaleiros, pois é a Xunta quen ten a obriga de dar apoio á hostalería, ademáis é a administración que ten as competencias en hostalería e é o goberno galego quen pode garantir que todos os negocios teñan os mesmos apoios, estén no concello que estén” afirmou o alcalde de Ponteareas.

“Dende o concello consideramos que temos o deber de axudar a un sector que está a sufrir unhas elevadas perdas nesta crise. Queremos por todas as facilidades para que cando poidan reabrir recuperen a actividade e os postos de traballo” declarou Represas.

Esta nova liña de axudas á hostalería ven a sumarse a que xa está aberta dende a pasada semana para todo tipo de negocios por 230.000 euros, “É un momento excepcional por iso son imprecindíbles estas medidas tamén excepcionais para axudar a traballadores, autónomos e pequenas empresas de Ponteareas”

“Pídolle a todos os veciños e veciñas que sexamos conscientes do gran esforzo que están realizando os hostaleiros, a nosa obriga é contribuir coas medidas que todos coñecemos para cortar a cadea de contaxios e así a situción mellore e poidan reabrir pronto para recuperar o emprego, debemos facelo pola saúde de todos e tamén por solidariedade” manifestou o alcalde de Ponteareas.

Desde o Concello de Ponteareas imos a seguir traballando para por en marcha novas liñas de apoio, non só para a hostalería, para reactivar a actividade económica en xeral de todos os negocios e servizos, dentro dos límites económicos do concello. No vindeiro ano 2021 contemplamos medidas que incentiven as compras e o consumo no comercio e hostalería local

O Concello do Porriño autoriza unha celebración parcial do mercado ambulante a partir do 8 de decembro

A melloría no Porriño segue a confirmarse como acreditan os 62 casos activos de infectados, segundo comunicou hoxe o SERGAS. Supoñen unha notable rebaixa dos que tiñamos hai unha e dúas semanas atrás, segundo valorou hoxe a Comisión Municipal de Seguimento da Covid que celebrou reunión telemática, presidida pola alcaldesa Eva García.

Á vista da contrastada melloría que reflicten os datos, o goberno municipal tomou a decisión de autorizar a celebración do mercado dos martes, a partir do vindeiro 8 de decembro aínda que con certas restricións. A decisión trasladouse hoxe aos representantes dos demais grupos políticos da Corporación na reunión de comisión de seguimento.

O concelleiro responsable Sergio Casal explicou que acordou hoxe cos representantes dos vendedores ambulantes que tan só autorizarán instalar en cada quenda a un 50% dos ambulantes, é dicir  uns 70 postos. O postos con número impar asignado, montarán o día 8 e os postos con número par, o farán o día 15. Esa cadencia manterase á expensas da evolución dos datos da pandemia. O mercado ambulante dos martes, non se celebra no Porriño dende o 27 de outubro por decisión municipal cando se adoptaron a primeira batería de medidas de prevención contra a Covid.

A Asociación Xabriña de Mondariz, pon en marcha unha campaña de recollida de alimentos en colaboración cos establecementos da vila

0

A Asociación Xabriña de Mondariz mantén aberta, ata o día 15 de decembro, a campaña de recollida de alimentos que iniciaba o pasado día 24 de novembro e que desenvolve en colaboración cos establecementos de alimentación da vila onde, veciñas e veciños, poden doar produtos non perecedoiros.

O certo é, que nestes momentos en que as necesidades das familias máis desfarovecidas agrávanse aínda máis pola pandemia da COVID-19, pouco custe ten adquirir algún produto de máis á hora de facer a nosas compra, para doala no propio establecemento e axudar a aqueles que o máis o precisan.

Os produtos recomendados pola asociación son aceite, pasta, conservas de vexetais ou peixe, arroz, legumes, leite ou produtos de Nadal. Amáis, aquelas persoas que queira facer achegas en efectivo, poderán realizalas na conta corrente da Asociación de Veciños Xabriña, na conta ES40 2080 0512 1030 0003 1553 poñendo no concepto da transferencia ‘Alimentos Mondariz.

A Asociación de Veciños Xabriña é unha asociación de carácter altruista e conta cun voluntariado implicado nas necesidades dos veciños e veciña e, precisamente por iso, apelan “a solidariedade da xente para poder conseguir una boa cantidade de donacións para esta campaña de alimentos de Nadal”.

“Queremos –asegura a Asociación– que non quede ningunha familia necesitada de Mondariz sen alimentos, neste ano tan malo marcado pola COVID19, e no que as familias en risco de exclusión social tanto nos necesitan”.

A Asociacion de vecinos Xabriña, consciente desta situación, pon todo da súa parte para que todos os veciños e veciñas poidan ter na súa mesa os alimentos necesarios neste Nadal.

Salceda ronda o centenar de denuncias por incumprimentos relacionados coa Covid-19

Cerca dun centenar de denuncias se levan realizado no municipio de Salceda de Caselas por incumprimentos derivados das restricións vinculadas á Covid-19, denuncias interpostas polos diferentes corpos de seguridade do Estado. As infraccións detectadas e denunciadas refírense fundamentalmente á obrigatoriedade de usar máscara protectora, á prohibición de consumir tabaco se non se pode garantir unha distancia de seguridade de 2 metros, ao cumprimento do toque de recoller e ás limitacións de mobilidade derivadas dos confinamentos perimetrais existentes en numerosos municipios da contorna.

A vixianza policial tense reforzado nas últimas semanas, para evitar o efecto chamada que se ten detectado no municipio de Salceda por ser o único, xunto con Salvaterra, sen restricións perimetrais na zona, e polo tanto por ser o único que mantén a hostalería en funcionamento. 

A alcaldesa de Salceda, Loli Castiñeira, manifestou esta inquietude na Xunta de seguridade local celebrada fai uns días de xeito telemático, e as diferentes forzas de seguridade coincidiron na necesidade de incrementar a vixianza na zona, conscientes de que se cabe é aínda máis importante a vixianza nos municipios sen restricións que naqueles que si as teñen.

Con este incremento da vixianza preténdese protexer a veciñanza de Salceda e que a vila poida seguir sen restricións o máximo tempo posible. Por este motivo se están a realizar controles habituais nas diferentes entradas da vila, onde se teñen detectado numerosos incumprimentos, pois son moitas as persoas que intentan achegarse a Salceda dende municipios confinados. Outra das infraccións máis habituais está a ser a de non empregar máscara protectora nos vehículos cando se comparten con persoas non conviventes.

Lucía Pereira, Concelleira de Seguridade, agradeceu a implicación das diferentes forzas de seguridade, así como a boa relación que se mantén dende o Concello co cuartel da garda Civil de Porriño, e que permite un traballo coordinado coa policía local e un intercambio continuo de información para unha maior seguridade da poboación.

Loli Castiñeira apelou á responsabilidade da veciñanza: “Estamos nunha situación privilexiada que nos permite seguir a manter os nosos principais sectores económicos en funcionamento e queremos que siga a ser así, polo que nos toca extremar as precaucións e realizar un esforzo entre todos e todas”.

Tomiño conta xa con WIFI de balde na praza do Seixo

0

Os veciños e veciñas de Tomiño que visiten a praza do Seixo ou o campo da Feira xa poden conectarse de balde á rede WIFI de alta velocidade “WIFI4EU”, que vén de ser activada.

A instalación deste servizo foi posible grazas a que Tomiño foi un dos 510 municipios do Estado (só unha ducia deles galegos) que se beneficiou da axuda concedida pola Unión Europea para financiar  a instalación de wifi gratis de alta velocidade en espazos públicos (parques, edificios municipais, etc.). Na convocatoria da axuda participaron case 10.000 concellos, sendo Tomiño o único concello da comarca en contar con esta axuda.

A instalación da rede foi feita pola empresa Fibralar, e proximamente estará dispoñible tamén noutros espazos públicos do núcleo de Goián como o auditorio, a praza Pintor Antonio Fernández ou o mercado.

A Deputación senta as bases dunha estratexia de acción coa Organización Mundial do Turismo centrada na formación, innovación e emprendemento

Na liña de avanzar nun novo modelo de turismo intelixente e innovador para a provincia de Pontevedra, a presidenta da Deputación Carmela Silva vén de pechar as bases dunha estratexia de acción conxunta coa Organización Mundial do Turismo (OMT) centrada na innovación, no emprendemento e na formación. A presidenta provincial mantivo esta mañá o encontro telemático con Natalia Bayona, directora de Innovación, Educación e Inversións da OMT, que o mércores vai participar na III xornada Turistic, no que ambas as dúas dirixentes amosaron a súa satisfacción con esta nova alianza.

Carmela Silva xa adiantou a posta en marcha dun calendario de accións, entre elas, un novo programa de formación impulsado xunto á Academia Online de Turismo do organismo internacional. A presidenta da Deputación amosou a vontade de “crear alianzas” para que a institución provincial se converta en patrocinadora dun programa formativo. “Debemos facer un enorme esforzo e apostar pola formación”, asegurou Carmela Silva, porque “temos que poñer en marcha todos os instrumentos que nos permitan dar un salto cualitativo,  ter a intelixencia de formar á xente naquilo que vai permitir abrir portas nun sector que precisa cada vez de máis coñecemento e capacidade, cuestións que están vinculadas ademais con ter un traballo máis estable e con máis dereitos”. Ao respecto, a presidenta provincial fixo fincapé na necesidade de “afondar en todo o que está acontecendo no ámbito do turismo e os camiños polos que este sector vai transitar, moi centrados en innovación, sustentabilidade, dixitalización, tecnoloxías e na intelixencia, que é xa o presente e non podemos esperar”.

Sen saír do ámbito formativo, a presidenta da Deputación informou que se proporá poñer en marcha un programa de bolsas para que persoas da provincia de Pontevedra poidan beneficiarse do programa formativo da Academia Online de Turismo da OMT. Amais, tamén se pechará un acordo para conectar á provincia con universidades que participan na Academia para traducir contidos e garantir así a posibilidade de adquirir formación punteira en materia turística. Tamén se acordou colaborar coa OMT en canto á aceleradora de turismo, para “mellorar o sector a través dun proceso de seguimento e apoio”. Neste eido Carmela Silva fixo fincapé no programa SmartPeme, “dirixido á capacitación TIC das persoas emprendedoras e pemes”, que ten un programa específico centrado no turismo que conta xa cunha aceleradora de empresas. “Cómpre estar moi ao día de todo o que vai xurdindo, porque este novo mundo transfórmase a un ritmo vertixinoso e as empresas precisan ter ferramentas para poder adaptarse”, asegurou a presidenta. Ao respecto, Silva recordou tamén os pasos que a institución provincial está a levar a cabo para transformar o modelo turístico, como o novo Plan Estratéxico de Turismo 2021-2023, a creación de experiencias dixitais, a modernización da xestión do destino, a recollida de datos intelixentes, a participación na Rede de Destinos Turísticos Intelixentes de España ou proxectos como Tourism Inside. A directora de Innovación, Educación e Inversións da OMT, Natalia Bayona, amosou a vontade de traballar “cóbado con cóbado” coa Deputación de Pontevedra para “sacar adiante todo o que ten que ver coa formación e co desenvolvemento do ecosistema de innovación e emprendemento” na provincia. Bayona, que recordou iniciativas que se puxeron en marcha noutros destinos do Estado como Canarias, Valencia, Sevilla, o País Vasco ou Madrid subliñou a necesidade de lanzar iniciativas coordinadas para converter aos destinos en espazos “máis intelixentes”. Tamén remarcou a importancia de apostar pola formación, poñendo en valor a Academia da OMT, de cuxo programa formativo xa se beneficiaron 10.000 persoas e que “está a asinar alianzas coas mellores universidades do mundo, como o MIT ou Harvard,  para xerar contido de alto nivel”. En canto ao emprendemento, Bayona tendeu tamén pontes á Deputación de Pontevedra á seguir dando pasos para “fortalecer o ecosistema emprendedor e innovador a través da aceleradora de empresas, dun proceso de escalabilidade ou do desenvolvemento de programas co sector privado”, poñendo como exemplo ao programa SmartPeme.

Gondomar abre o prazo para a inscrición das Escolas Deportivas 2020-2021

0

As Escolas Deportivas de Gondomar arrincarán a súa actividade o próximo mes de xaneiro, se as condicións sanitarias permíteno. A partir deste martes 01 de decembro ábrese o prazo de inscrición que se poderá formalizar nas oficinas do pavillón Municipal Bernabé Costas entre as 10.00 e as 12.00 do mediodía, e as 17.00 e 19.00. Os interesados poderán presentar a súa solicitude ata o día 23 de decembro, abríndose en xaneiro a inscrición das actividades dependentes da Deputación Provincial de Pontevedra.

Debido ás condicións sanitarias nas que nos atopamos este ano se desarrollarán as actividades con normas suxeitas ao protocolo covid19, que establece o máximo de 25 alumnos, dependendo dos metros cadrados da instalación, así como a entrada exclusiva de alumnos e monitores a ela. As actividades realizaranse a porta pechada e os vestiarios no poderán empregarse. En todo momento haberá que manter a distancia de seguridade de 1,5 m e utilizar sempre a máscara.

As escolas desenvolveranse de luns a venres e rexeranse polo calendario escolar. Calquera das actividades programadas terá un prezo de 50,95 euros por curso de 5 meses, e de 59,17 euros no caso daquelas que duran seis meses – ximnasia de mantemento e GAP-, incluído en ambos casos o seguro obrigatorio. Establecerase un desconto de 25% para o segundo membro da familia, e de 50% para terceiros ou seguintes.

Para solicitar máis información poden dirixirse aos teléfono 986 360305 ou 608 748 393 ou a través do correo [email protected].

O Concello do Porriño súmase un ano máis á iniciativa solidaria #GivingTuesday

Mañá 1 de decembro é o “Giving Tuesday” ou “Martes de dar”, un movemento internacional que quere incentivar e multiplicar as boas accións das persoas. Este ano 2020, por iniciativa dos nenos e nenas do Porriño e segundo acordouse no último pleno infantil celebrado, realizaráse unha recollida específica de alimentos, leite e produtos de hixiene para bebés para a súa posterior distribución entre as familias do concello con menores recursos. Recomendase doar cremas, toalliñas, purés, leites e alimentos infantís de todo tipo.

A actividade central de recollida terá lugar o martes 1 de decembro, e realizarase fundamentalmente en colaboración cos centros escolares, nos que se instalarán os puntos de recollida.

A alcaldesa Eva Garcia e a concelleira de Educación, Lourdes Moure acudirán ás 12,30 horas ao CEIP “Fernández López” a comprobar como vai a campaña de recollida.

O “Giving Tuesday” ou “Martes de dar” naceu como alternativa ao Black Friday e Cyber Monday, que promoven o consumismo.

A Subdelegación do Goberno entrega 48.000 máscaras a Cermi, Cruz Vermella e Cáritas para a súa distribución entre a poboación máis vulnerable

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, participou hoxe no dispositivo de entrega de 48.000 máscaras ás entidades sociais da provincia para o seu reparto entre a poboación máis vulnerable.

En concreto, entregáronse 48.000 máscaras a Cruz Vermella, Cáritas e Cermi (Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade) coa finalidade de ser distribuídas entre os colectivos máis desfavorecidos da provincia. Asistiu tamén a este dispositivo de entrega o responsable do Banco de Alimentos de Pontevedra, José Luis Doval, xa que a súa asociación recibirá parte das máscaras da partida de Cruz Vermella. Larriba agradeceu aos representantes das entidades sociais esta nova colaboración co Goberno de España para a distribución deste material de protección individual. A subdelegada destacou que con esta entrega “materialízase unha vez máis o compromiso e colaboración deste Goberno cos axentes sociais para non deixar a ninguén atrás”. Ademais, quixo subliñar o labor exemplar destas institucións desde o inicio da crise sanitaria. “O voso traballo é absolutamente imprescindible para superar a pandemia e para mellorar a vida dos pontevedreses e pontevedresas que máis o necesitan”, concluíu a subdelegada.

Pola súa banda, os responsables destas organizacións agradeceron esta nova entrega de material, destacando a importancia deste tipo de contribucións xa que supoñen unha importante axuda para moitas familias en situación de vulnerabilidade.

Ademais, os 61 concellos da provincia de Pontevedra contarán con 144.000 máscaras para a súa distribución a través dos servizos sociais coincidindo co inicio das festas de Nadal e de cara a atender as necesidades das familias máis vulnerables.

Case un millón de máscaras repartidas na provincia desde o inicio da pandemia

Con este novo dispositivo de distribución que a Subdelegación do Goberno vén de pór en marcha, repartiranse 192.000 máscaras en toda a provincia. Este é o quinto operativo de distribución de máscaras levado a cabo polo Executivo en Pontevedra desde o inicio da pandemia. En total, o Goberno de España repartiu xa entre a veciñanza máis vulnerable do noso territorio case un millón de máscaras.

Das 192 mil máscaras que se distribuirán a partir desta semana, 48.000 serán repartidas polas ONGs e 58.000 pola Deputación de Pontevedra aos concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes. Dos municipios cun censo superior a esta cifra, A Estrada e Lalín teñen asignadas 3.000 –cada localidade, Marín e Ponteareas 3.500, Cangas 4.000, Redondela, 4.500, Vilagarcía de Arousa 6.000, Pontevedra 13.000 e Vigo 45.500. En total, estes concellos repartirán 86.000 máscaras entre a súa poboación.

Remata con éxito o obradoiro de Emprego Manuel B. Portela VI na Guarda

0

No mes de novembro de 2019 arrancaba na Guarda o obradoiro de emprego “Manuel B. Portela VI” de “Atención sanitaria a persoas dependentes no domicilio”, un programa mixto de emprego e formación no que participaron un total de 20 persoas que veñen de acadar un certificado de profesionalidade.

A finalidade do obradoiro foi a de mellorar a ocupabilidade das persoas desempregadas posibilitando ao alumnado a realización dun traballo efectivo que, xunto coa formación para o emprego recibida, busque a súa cualificación profesional e inserción laboral nun sector, o asistencial, con unha importante demanda, sobre todo coa situación sanitaria actual.

Na xornada do pasado venres día 27 de novembro remataba este obradoiro, despois dun ano de formación, unha formación que se viu astendida pola pandemia da covid-19. Este obradoiro axudou aos participantes a adquirir todos os coñecementos para prestar servizos de asistencia sanitaria a persoas dependentes.

O sábado 28 de novembro tiña lugar a entrega de diplomas que puña o broche final a esta formación, contando coa presenza da Delegada Territorial da Xunta en Pontevedra, María Luísa Piñeiro; o Alcalde da Guarda, Antonio Lomba e a Concelleira de Desenvolvemento Local, Fátima Rodríguez.

 Antonio Lomba agradeceu na súa intervención a visita da  Delegada Territorial da Xunta en Pontevedra á clausura do obradoiro, aproveitando a ocasión para recordar que este tipo de formacións son esenciais para concellos do rural, nos que outras posibilidades de mellora da cualificación profesional supoñen desprazamentos non asumibles para moita xente.

Pola súa banda Fátima Rodríguez fixo especial fincapé na necesidade de repetir este tipo de experiencias na Guarda, un concello que levaba máis de 10 anos sen impartir un obradoiro ao que lle foi denegado pola Xunta o que tiña solicitado para o exercicio 2020-21.

O programa de axuda no fogar é un recurso que ten por obxecto prestarlles ós cidadáns no seu domicilio un conxunto de atencións dende unha perspectiva integral e normalizadora naquelas situacións nas que teñan limitada a súa autonomía persoal ou nos casos de desintegración familiar, facilitando a permanencia no seu propio entorno de convivencia e evitando a súa posible institucionalización.

Tal e como manifestou o Alcalde da Guarda, este é o primeiro obradoiro que se realiza na vila dende o ano 2008, motivo de satisfacción para o Concello, posto que permitíu formar a persoas da Guarda nun sector cunha alta demanda na actualidade, promovendo o emprego e a calidade da atención ás persoas dependentes, o que repercutirá na calidade de vida dos nosos veciños.

Hoxe rexístranse un total de 7.806 casos activos por coronavirus en Galicia

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 7.806 deles 1.659 son da área da Coruña, 951 da de Lugo, 458 da de Ourense, 1.156 da de Pontevedra, 2.021 da área de Vigo, 860 da de Santiago, e 701 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 78 están en UCI, 406 en unidades de hospitalización e 7.322 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 43.193 persoas curadas, rexistrándose 1.205 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 900.062. A Xunta continúa a traballar desde a máxima coordinación interdepartamental e co Ministerio de Sanidade, tamén mantendo o contacto con todos os axentes socioeconómicos de Galicia. Neste senso, Sanidade reitera que segue alerta actualizando todas as medidas e recomendacións e en vixilancia permanente.

Os datos de centros residenciais de servizos sociais corresponden aos que achegan con carácter diario os propios centros.

Uso do 061 para casos graves e emerxencias e o 900 400 116 para dúbidas

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

Sinalar, ademais, que o Sergas ten a disposición da cidadanía a páxina web https://coronavirus.sergas.gal/ na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.

Así mesmo, o departamento sanitario galego ten a disposición da poboación o teléfono 900 400 116, para dar información xeral sobre o coronavirus. Neste número pódense resolver todas as dúbidas da cidadanía ao respecto e tamén consultar sintomatoloxía leve.

Rexistro de viaxeiros no 881 00 20 21 e obrigatoriedade do uso da máscara

Lémbrase que as persoas que visiten Galicia nas vindeiras datas e procedan ou estivesen, durante os 14 días previos á súa chegada, nalgún dos territorios con alta incidencia epidemiolóxica incluídos na listaxe publicada no Diario Oficial de Galicia, deberán facilitar os seus datos de contacto ao Servizo Galego de Saúde, ben a través do teléfono 881 00 20 21 ou ben a través do formulario da web do Sergas.

Ademais, reitérase o carácter obrigatorio do uso da máscara tanto en espazos abertos como pechados, poñendo especial énfase na súa utilización nos locais e establecementos comerciais e de hostalería.

Recomendacións

Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade volven  reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe. Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.

É importante tamén procurar unha axeitada ventilación dos espazos interiores optando preferentemente por espazos abertos e tratando de evitar aglomeracións. Non se debe esquecer o mantemento da distancia de seguridade, o uso axeitado da máscara e atender ás restricións específicas que se poidan establecer en cada comarca ou concello.

Nigrán arranca unha campaña de promoción do comercio local no Nadal que inclúe máis de mil euros en vales para consumir na hostalería

0

O alcalde de Nigrán presentou, xunto a Asociación de Empresarios Ovalmi, a campaña de promoción do comercio local ‘Agora máis que nunca este Nadal merca en Nigrán’  e o hashtag ‘#VivoEnNigránComproEnNigrán’. A iniciativa  municipal inclúe diferentes aspectos, entre os que destaca o sorteo de 1.300 € en vales de 50 € entre os clientes dos establecementos adheridos a Ovalmi para consumir en 26 locais hostaleiros do municipio durante todo o 2021. O Concello de Nigrán continúa así co seu esforzo para promover o comercio de proximidade entre a veciñanza, tal e como xa o fixo durante o confinamento coas pequenas tendas de alimentación, as panaderías en Pascua ou o Día da Nai.

“Faremos a campaña municipal máis potente ata o momento porque somos conscientes de que a situación é especialmente dura non só para os hostaleiros, se non para todos os que resisten cun pequeno comercio. Queremos apelar de novo á responsabilidade individual para consumir precisamente nos establecementos dos nosos veciños para, xuntos, saír adiante e volver a encher as rúas de vida cando a crise sanitaria pase”, resume o alcalde, Juan González, quen agradece a Ovalmi a súa total disposición a colaborar con esta campaña que inclúe difusión publicitaria e en redes, regalo de 8.000 bolsas e carteis entre o pequeno comercio, pintado de escaparates, ou a próxima estrea dun vídeo no que os protagonistas son os propios comerciantes de Nigrán. Todo será baixo o mesmo lema e coa cara dun Papá Noel sorrinte como ilustración (obra precisamente da deseñadora gráfica de Nigrán Olalla Fernández).

Precisamente, xunto a Asociación de Empresarios Ovalmi, distribuiranse a partir de decembro máis de 12.000 rifas entre os seus establecementos asociados para que os clientes participen no sorteo de vales por valor de 50 € para consumir entre os 26 locais hostaleiros do municipio que desexaron sumarse (cada vale correspondería a un determinado negocio). Os premios sairán dun sorteo público que se celebrará o 8 de xaneiro no Salón de Plenos do Concello e terán validez durante todo o 2021. “A iniciativa busca promover o consumo nos negocios locais e, ao mesmo tempo, beneficiar cos premios aos hostaleiros, xa que o Concello abonará previamente esa cantidade”, resume González.  A estes establecementos asociados a Ovalmi tamén se lle ofrecerá a posibilidade de decorar o seu escaparate co pintado artístico do hashtag #VivoEnNigranComproEnNigrán por parte dunt profesional do lettering co obxectivo de difundilo tamén en redes.

“Coa campaña queremos motivar ao consumo local e, a maiores, o Concello incluirá actividades de Nadal que dinamicen as rúas e, por suposto, tamén alumeado porque é algo que tamén da vida ao comercio”, resume o alcalde, quen avanza que o acendido será o día 4 de decembro e virá con sorpresas. 

O CAAN da Deputación de Pontevedra segue a batir récords e supera xa as 500 adopcións neste 2020

O Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN) da Deputación de Pontevedra segue a ter un 2020 de récord. Se a finais do pasado outubro lograba bater a súa marca histórica de adopcións anuais, que estaba en 466 animais, esta mesma semana as instalacións da Armenteira xa lograron superar os 500 cans e cadelas adoptados que a institución se marcara como novo obxectivo para todo o ano. Concretamente, son xa 514 os animais que desde xaneiro atoparon un novo fogar.

As espectaculares cifras que amosa o centro de Meis cobran aínda máis relevancia tendo en conta que os procesos de adopción estiveron suspendidos entre o 14 de marzo e o 11 de maio polo confinamento derivado da pandemia da Covid. A presidenta da Deputación, Carmela Silva, quixo destacar estes datos cando aínda queda un mes para que remate o 2020 e subliñou que “a maior concienciación da sociedade sobre benestar animal e as continuas campañas para a adopción e contra o abandono, e de visibilización dos animais explican este aumento. Desde 2015 levamos xa preto de 2.500 animais adoptados non só na provincia, senón noutros lugares de Galicia, do Estado e incluso do estranxeiro, especialmente Portugal”.

Esta boa nova únese tamén ao menor número de recollidas nos concellos adheridos ao servizo no que vai deste 2020 e que se sitúan en 1.052, cando o ano pasado foron un total de 1.332. Hai que matizar, amais, que da citada cifra a metade dos animais foron recuperados polos seus propietarios e propietarias, concretamente 308 cans e cadelas foron recollidos no mesmo lugar do aviso da súa aparición, e outros 205 nas propias instalacións do CAAN. O centro de acollida presta servizo a 50 concellos da provincia. Hai que lembrar que as adopcións son gratuítas e o persoal sempre asesora ás persoas interesadas sobre o can ou cadela que pode adaptarse mellor ás súas necesidades. Tanto para visitar o centro como para formalizar as adopcións hai que solicitar cita previa no teléfono 986 140 360.

Un grupo de surfeiros rescata a un home en apuros no mar en Nigrán

0

Varias persoas que practicaban surf a tarde de onte en Praia América rescataron a un home que se atopaba en apuros na auga a quince metros da beiramar.

Sucedeu ao fío das 17:25 horas e foron varias as persoas particulares que contactaron co 112 Galicia para dar conta da situación do nadador.

Axiña, os xestores de Emerxencias 112 Galicia pasaron o aviso a Salvamento Marítimo, ao Servizo de Gardacostas e a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, por se fose necesaria a súa intervención.

Ademais, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia informouse dos feitos á Policía Local e á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da localidade.

Segundo a información recollida no 112 Galicia, unha vez en terra, o home rexeitou ser asistido polos servizos sanitarios.

Os pequenos e pequenas de Gondomar recibirán unha videochamada persoal dos Reis Magos este Nadal

0

Ante a mensaxe que se transmite constantemente e que se converteu xa en lema sobre que “este ano o Nadal será diferente”, o goberno de Gondomar deseñou un programa de actividades e accións “co que pretendemos salvala para todas e todos, e axudar a que sexa igual de máxica e chea de ilusión que en anteriores edicións”, asegurou o rexedor Paco Ferreira.

O aceso oficial será o próximo día 5 de decembro na Praza da Paradela. Precedido dun espectáculo de animación e maxia a cargo de Sarao Animación limitarase o aforo de asistentes na rúa, pero a conta atrás e o aceso poderase seguir por streaming en todo o municipio.

Outro dos puntos álxidos destas festas márcao a presenza dos Reis Magos de Oriente. Os pequenos e pequenas de Gondomar terán a oportunidade de falar con eles e facelo en primeira persoa a través dunha videochamada que recibirán nos seus teléfonos.

Os interesados en participar deben acceder á plataforma www.nadal2020.es, onde os pais, titores ou familiares maiores de idade poderán inscribirse seguindo os pasos que se van indicando. Desta forma concretarán unha data e hora na que queiran que os seus pequenos/as reciban a chamada dos Reis Magos.

O alcalde, Paco Ferreira, xa confirmou que se celebrará a Cabalgata o día 05 de xaneiro, “adaptándoa ás novas circunstancias que estamos a vivir e por tanto será estática, situándose na carpa da Praza Paradela” para evitar grandes aglomeracións.

O Concello de Ponteareas actualiza as limitacións de tráfico polas obras da rede de calor

O Concello de Ponteareas vén de dar conta que este vindeiro luns luns comezarán os traballos de soterramento da rede de calos municipal na rúa Vidales Tomé o que obrigará ao seu corte ao tráfico rodado. A Concellaría de Mobilidade xa informou aos residentes de Vidales Tomé e de Santa Ana sobre os itinerarios a utilizar para acceder as súas garaxes. Así, accederase a Santa Ana por rúa de Oriente e San Xoaquín mentres que a saída se realizará pola Praza Maior. No caso de Vidales Tomé os usuarios de garaxes poderán acceder en sentido contrario ao habitual de circulación coas debidas precaucións.

Por último, na vindeira semana remataranse as actuacións na rúa Carballos e Castañal, por onde se poderá circular con normalidade ao habilitar como carrís as zonas de estacionamento. Para acometer o soterrado das tubaxes diante da Estación de Autobuses, entre o luns as 12:00 e o martes ás 23:00 a Estación estará pechada e a zona de parada de autobuses será a rúa Castañal, fronte á propia estación e a carón dos soportais existentes na zona.

Durante esta semana executouse o soterramento da rede nos Xardíns da Xiralda, Rogelio Groba, o cruce da Avenida de Galicia con Benavides e a rúa Santa Ana. Ademais iniciáronse os traballos na rúa Carballos, no tramo desde a Avenida de Galicia até a Estación de Autobuses. Na Avenida de Galicia aproveitouse o traballo para mellorar canalizacións soterradas eléctricas evitando así futuras obras nesa zona.

A Avenida de Galicia, reaberta ao tráfico

O venres a Avenida de Galicia abría ao tráfico e así se manterá até finais da semana cando se inicien as obras no tramo que vai desde Vidales Tomé a Carballos. Nese intre a circulación pola Avenida de Galicia reducirase a un único carril con dirección ao centro urbano. Para circular en sentido inverso, cara a N120 manterase aberto o itinerario polo Paseo Matutino e Castañal tal e como aconteceu durante esta semana.

O goberno municipal agradece a comprensión veciñal diante dos inconvintes e incomodidades que todas as obras en espazos públicos inevitabelmente sempre xeneran. Ademais, salientan a importancia desta obra que abastecerá de calor con biomasa á Casa do Concello, Escola Infantil, Estación de Autobuses e Edificios do Centro de Día, Centro de Maiores e Centro de Servizos Sociais, o que suporá unha enorme redución das emisións de CO2, mellorando a calidade do aire na vila, así coma un considerábel aforro económico.

O Concello desenvolve obras de mellora no parque de Turbela e outros espazos públicos

0

O Concello de Arbo desenvolveu, nestes días, diversos traballos de mellora e adecentamento do parque da Turbela e de outros espazos públicos do municipio, traballos que foron posibles a unha subvención da Axencia de Turismo de Galicia de 16.680,38 €.

A través desa subvención e dentro do plan de melloras de parques, areas recreativas e espazos publicos, o Concello realizou traballos en distintas infraestruturas turística, como é o acondicionamento do asador do parque de Turbela, a retirada dun almacén no mesmo parque –que permite gozar do entorno cunha maior seguridade– e a instalación de cubre colectores no casco urbano.

As melloras neste entorno da Turbela súmanse a xa acometidas no mesmo parque hai uns anos. Este espazo público conta cunha área infantil, iluminación, palco de música e mesas e diferente mobiliario urbano. Trátase dun lugar moi concorrido polas veciñas e veciños e onde ten lugar a festividade de San Roque, patrón de Arbo, unha romaría con moita tradición e que cada ano atrae a máis visitantes.

Arbo,, sinala o alcalde Horacio Gil, “estase convertendo en referente turístico a nivel nacional e internacional, pola súa beleza e singularidade, e por todos os recursos que ofrece a pesar de ser unha vila pequena”.

“É unha realidade –engade o rexedor local– que Arbo converteuse nos últimos anos, dada as melloras e a promoción realizada, no lugar escollido polos turistas polo que con estas melloras en diversos puntos do municipio queren seguir ofrecendo a imaxe de ‘Vila Fermosa”, conclúe Horacio Gil.

A Deputación enche de contido Culturagal coa presentación de ‘Re-Acción Cultural’, a estrea de ‘Acorda’ e a performance de ‘Violencia Zero’

A alianza da Deputación coa Culturgal volveu quedar patente no Pazo da Cultura de Pontevedra. A feira da cultura galega abriuse a piares da acción política da Deputación, como a cultura, a memoria e a igualdade, contando coa presencia da presidenta Carmela Silva e das deputadas de Memoria Histórica e Cultura, María Ortega e Victoria Alonso. A Deputación uniu na súa presentación ‘Re-Acciona coa Cultura!’, o programa que converte a cultura nunha ferramenta activa; a estrea do proxecto ‘Acorda’, a última iniciativa do programa ‘O Pasado do Porvir’, que chegou da man da deputada de Memoria Histórica e a coordinadora Uxía Senlle; e a acción artística a prol da igualdade coa performance de María Roja Can, Cancela, Calafrío’.

Re-Acciona coa Cultura

“Este é o momento de reivindicar o poder da cultura e que haxa recursos das Administracións públicas para apoiala, porque é un elemento fundamental da actividade humana“. “Que sociedade tan triste seriamos sen actividade cultural!”, afirmou Carmela Silva, quen definiu ás mulleres e homes que crean, imaxinan ou interpretan como “construtoras e construtores de valores neste momento tan duro“. Defendeu a necesidade de transmitir unha mensaxe de optimismo en liña co “grande pulo creativo que está a demostrar Galicia” e agradeceu ao mundo da cultura que lograra “abrir as portas e ventás, cando estabamos pechados nas nosas casas”. Silva, acompañada da deputada de Cultura, Victoria Alonso, e a directora da área, Paula Cabaleiro, presentou Re-Acciona coa Cultura!, un amplo abano de actividades que van desenvolverse no que queda de ano e ao longo de 2021. “Un proxecto global e multidisciplinar e que leva o prefixo re, que é o de reacción, pero tamén o de revolución dende a cultura, porque somos un país cultural”. Así destacou que o primeiro obxectivo é recuperar a cultura ao vivo. “Queremos levantar telóns, iluminar escenarios, visitar librarías, seguir ocupando as rúas accións, empoderar ás mulleres e vencellarnos co noso patrimonio“. Cultura descentralizada e programada para chegar a tódalas persoas, “vivan onde vivan”.

Re-Acción Cultural

Re-Acción na Música chega coa aposta polo Musigal, con 17 grupos que percorrerán 33 concellos e Pontegal, co compromiso absoluto coa música tradicional, “a nosa música”. Con máis de 300 actuacións este ano, crecerá en 2021. A maiores, a Deputación continuará do lado dos Rías Baixas Fest “sete dos nove principais festivais de Galicia, que están na provincia”. Sen esquecer o programa de apoio ás Escolas de Música, para incentivar a formación musical dende o territorio. Re-Acción no Patrimonio “mantén Música no Ar, o programa de actuacións de música clásica en castelos, pazos, castros e espazos patrimoniais, con 13 actuacións e 10 grupos, 50 artistas e 750 participantes. A Deputación aposta tamén pola posta en valor dos Camiños Xacobeos, “como símbolo do que nos une e enlaza” e promoverá Rutas de Arquitectura cun novo programa Nas Pedras da Memoria, con música a carón de xacementos arqueolóxicos. Re-Acción nas Artes Escénicas é a vertente teatral, que ten en Prendendo Butacas na Casa o seu referente. O programa adáptase ás circunstancias actuais e durante este Nadal ofrecerá 8 representacións, coas principais compañías galegas, gravadas e dispoñibles en streaming, a través da web da Deputación. Un formato que Carmela Silva comparou co histórico programa Estudio 1 de Televisión Española, que, destacou, é produto da necesidade de “reinventar”.

Re-Acción na produción audiovisual e no Cinema chega con Pontevedra Plató de Cinema, co patrocinio de cinco películas rodadas na provincia que cobrará aínda máis folgos en 2021. “Esta é a unha provincia con moito talento e queremos que aquí se fagan películas, series…” destacou. Ademais haberá axudas para os Festivais do Audiovisual e continuarase coa marca de calidade Rías Baixas Film Fest. Re-Acción na Escrita é a liña que demostra o “apoio sen límites á escrita e á literatura, porque a palabra crea o pensamento do mundo”. Seguirán tamén os Roteiros Literarios, o apoio a publicacións (en galego) e editoriais, e continuarase a senda de iniciativas como Caramomia, o proxecto colaborativo para o público xuvenil que significou o nacemento dunha historia dende Instagram. Igualmente, A presidenta amosouse orgullosa da Escola de Letras, “a única de Galicia e unha das poucas do estado que chegou para quedar”

Violencia Zero en Culturgal

Re-Acción contra as Violencias de Xénero un ano máis con Violencia Zero de referencia, con mulleres artistas e 25 accións para berrar dende a arte. A Emerxencia Cultural da Deputación deixará a arte mural e envorcarase na intervención en elementos de protección como as máscaras. Ademais, este ano está a facer posible exposicións como ‘8M. A palabra empoderada das mulleres’ ou ‘Materiais para pensar, gozar e profanar’. Amais da novidade das xornadas Fóra de Plano: As mulleres do audiovisual.

A presidenta lembrou tamén o resto das liñas todas elas con novidades para 2021 como “Re-Acción para espallar cultura”, para estreitar a colaboración co tecido asociativo; Re-Acción para celebrar a cultura co compromiso institucional cos días mundiais do Teatro, Poesía, do Libro, da Danza, da Música, das Letras Galegas ou o Día de Rosalía. Finalmente, enmarcado na Re-Acción Cultural e os #17ODS, Carmela Silvaesixiu das administracións “accións e compromisos reais e non só palabrería” para desenvolver políticas que contribúan “a un progreso económico onde importen as persoas, que se respecte o novo paradigma para deixar de agredir ao planeta, que a igualdade sexa o piar central e que a cultura estea no epicentro da actividade humana”. Obxectivos todos eles recollidos nos 17 grandes epígrafes da Axenda 2030.

A estrea de “Acorda” (O Pasado do Porvir)

A presentación de ‘Acorda. Cartografía Musical da Memoria Histórica de Pontevedra’ foi unha das protagonistas da mañá no Culturgal. A deputada de Memoria Histórica María Ortega foi a encargada de expoñelo, explicando que se trata dun proxecto para dar a coñecer lugares e feitos singulares da memoria histórica da provincia “a través dunha expresión artística marabillosa que é a música”. Agradeceu o traballo na dirección artística de Uxía, a colaboración das asociacións de memoria e tamén a asesoría de Montse Fajardo.

Acorda

A propia Uxía explicou que no proxecto, “moi necesario e urxente, cun ton reivindicativo”, participan voces moi diversas como as de Emilio Rúa e Silvia Penide, Ugia Pedreira e Marina Oural, Sheila Patricia, Eladio Santos, Tanxugueiras e Isaac Palacín, Ezetaerre e a propia Uxía e Su Garrido, que dan voz ás vítimas a través de cancións que evocan a represión, recreando situacións moi concretas en lugares moi simbólicos. “Escollemos ás e aos artistas porque eran os máis apropiados, pola súa sensibilidade. Tiña que ser xente con moita implicación e incluso ligado a situacións de represión na súa familia”, apuntou.

“Está ben revisar o pasado para situarnos no presente e previr ese avance do fascismo” dixo Uxía, para subliñar a súa esperanza de que as temáticas que aparecen no traballo cheguen á xente nova dun xeito didáctico e ameno. Insistiu no obxectivo de destacar o papel das mulleres na resistencia, “porque moitas veces son esquecidas inxustamente e son directa e indirectamente represaliadas duramente”. “Agardemos que o por vir que virá sexa esperanzador, que poidamos rexeitar este fascismo que ás veces está presente na sociedade”, insistiu. Uxía deu paso ao primeiro tráiler do proxecto, explicando que a iniciativa foi medrando e non só deu lugar á interpretación dunha canción nun espazo, senón tamén a un guión para introducir e contextualizar cada peza e o que tivera acontecido en cada un dos escenarios elixidos, chegando a facer unha creación documental.

Os espazos escollidos para a grabación de ‘Acorda’ foron a Deputación e a antiga ‘Escola Normal’, dous lugares chave para a memoria na provincia xa que foi no edificio provincial, antigo Goberno Civil, onde se organizou a resistencia ao golpe de Estado e logo da vitoria dos golpistas foi onde se condenou a morte a moitas persoas. Desta ubicación pásase a Ponte Regueiro, en A Estrada, onde asasinaron a veciños da comarca do Deza-Tabeirós e do Salnés; para seguir ata o Pozo da Revolta, en Marín, onde se fala da represión contra as mulleres; á praia de Massó en Cangas onde foron arroxados os mártires de Anguieiro, e onde se representa o trauma que para as familias supuxo non poder chorar ás vítimas; á praia de Alcabre (Vigo), onde se fala do sufrimento das mulleres que quedaron e a súa loita porque se lles faga xustiza, para que se loite contra a impunidade; á Bombardeira ou Volta dos nove, onde están as nove cruces que durante décadas apareceron pintadas na curva de Baredo, onde foron asasinados nove homes, como acenos de resistencia; á Volta da Moura, onde se pon de manifesto a necesidade que ten a xeración neta e bisneta de rachar co silencio, para que non se dea un paso atrás na loita contra os fascismos; e finalmente á Illa de San Simón, o grande símbolo da memoria e a solidariedade na Galiza, nunha reclamación para que sexa denominada ‘Illa da Memoria’.

A axenda da Deputación en Culturgal pola mañá rematou coa “performance” de Violencia Zero, o programa que clama contra as violencia machistas que chega a toda a provincia dende unha visión artística multidisciplinar. Nesta ocasión, a peza estivo a cargo da artista luguesa María Roja e levou por título “Can Cancela Calafrío”.

Xa pola tarde, ás 17,45 horas, no Teatro Principal tivo a presentación do libro O castelo de Soutomaior. Un lugar cheo de historias, de Diego Piay, editado por Alvarellos en colaboración coa Deputación. O traballo presenta documentos, planos, fotos e imaxes inéditas e descoñecidas ata a data, e inclúe na contraportada un gravado de Carmen Babiano Méndez-Núñez. Aínda quen non é o primeiro libro sobre a historia do castelo, porque o primeiro foi escrito pola propia María Vinyals en 1904, si se trata do único que recolle a evolución do castelo ata hoxe e emprega todas as fontes de investigación dispoñibles na súa elaboración.

A Subdelegación do Goberno inicia un novo reparto de 192 mil máscaras de protección na provincia

A Subdelegación do Goberno vén de pór en marcha un novo reparto de 192.000 máscaras na provincia. A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, visitou o dispositivo de distribución situado no Parque Móbil do Estado. Con este novo reparto acadase case un millón de máscaras que o Goberno español repartiu na provincia desde o inicio da pandemia.

A subdelegada do Goberno lembrou que este é “o quinto operativo de distribución de máscaras posto en marcha polo Executivo na nosa provincia dende o pasado mes de abril”. Desde abril, subliñou Maica Larriba, “repartíronse xa 800.000 mil máscaras entre concellos, usuarios de transporte, residencias de anciáns e colectivos sociais e empresariais. Con esta nova remesa, de 192.000 unidades, acádase case o millón de máscaras de protección repartidas polo Estado entre a veciñanza de Pontevedra”.

Destas 192 mil máscaras, 58.000 serán repartidas pola Deputación de Pontevedra aos concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes. Dos municipios cun censo superior a esta cifra, A Estrada e Lalín teñen asignadas 3.000 –cada localidade-, Marín e Ponteareas 3.500, Cangas 4.000, Redondela, 4.500, Vilagarcía de Arousa 6.000, Pontevedra 13.000 e Vigo 45.500. En total, estes concellos repartirán 86.000 máscaras entre a súa poboación máis vulnerable.

Ademais, outras 48.000 máscaras serán entregadas a Cruz Vermella, Cáritas e o Cermi (Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade) para distribuir entre a poboación máis vulnerable da provincia.

Larriba quixo lembrar a importancia do uso deste elemento protector, que se debe “empregar sempre e empregar ben, xunto ás outras cinco «emes»: lavar as mans, manter un metro e medio de distancia física, maximizar a ventilación e minimizar o número de contactos”. Así mesmo, a subdelegada recordou que recentemente o Consello de Ministros aprobou unha redución do IVE das máscaras ao 4 % e estableceu un prezo máximo para este produto de 0,62 céntimos de euro, “materializando así obxectivo de garantir o compromiso deste Goberno de non deixar a ninguén atrás”.

Luz Darriba, «Abril»

Logo de tantos anos asentada entre nós, a artista e escritora arxentina Luz Darriba escolle, por fin, o galego para darlle forma á súa nova novela, «Abril», un relato que, segundo a súa propia confesión, levaba 40 esperando agromar e que se nos antolla de fondo contido autobiográfico, malia que a autora o disfrace de ficción.

«Abril» relata a historia de Andrea Neumann, psicóloga asentada na Costa da Morte logo de fuxir de Bos Aires por mor da represión desatada a raíz do golpe militar de 1976. Dende Muxía, trata de deixar atrás tantas décadas de silencio, de dor e de amargor provocado polo xenocidio, ata que a chegada dunha nova paciente é quen de abrir a espita das lembranzas. O pasado volve a facerse presente e entretécese deste xeito un relato que ten dous escenarios principais, Galicia e Arxentina. Luz Darriba analiza algunhas das consecuencias da represión desatada facéndonos viaxar constantemente no tempo para ser testemuñas dun pasado ominoso e dun presente quebradizo.

Un dos acertos da narración é, ao meu entender, a imaxe que presenta da xuventude loitadora contra a barbarie represiva arxentina. Luz Darriba debuxa a figura dun grupo de mozos e mozas que idealizan a súa achega na procura dunha sociedade máis xusta, pero que parecen non ser conscientes do tamaño descomunal do inimigo que teñen fronte a eles. O aparato cívico-militar represivo lánzase con todas as súas forzas a combater a pequenos grupos non moi ben organizados que, desta maneira, sofren as consecuencias máis duras de tan terrible episodio: ameazas, torturas, secuestros, asasinatos… A ilusión fronte á imposición.

Alén desta descripción, a novela enfróntanos tamén a nós como lectores a unha situación parecida, levándonos a reflexionar sobre o papel dun estado sobredimensionado en canto a capacidade represiva e ao papel que a propia sociedade xoga respecto da elección do seu propio futuro, elemento este presente ao longo de todo o relato na figura da súa protagonista e das dificultades que atopa para encauzar a súa vida. E tamén nos leva a pensar nas consecuencias de tanta barbarie e en como inflúe esa actitude agresiva nas pequenas historias das persoas anónimas que se ven acosadas e perseguidas, mesmo nas dos seus achegados que, en ocasións, resultan zarrapicados por tanta violencia desmedida.

Como complemento á narración, a autora vai inserindo ao longo do relato diversos fragmentos de partes e comunicados gubernamentais, publicacións en prensa, declaracións, etcétera. Con este recurso consegue que en ningún momento nos prantexemos o seu relato como unha historia de ficción e ancora ao lector a unha realidade que queda perfectamente exposta ao longo das súas páxinas. Con todo, resulta especialmente atractiva a viaxe que faremos ao interior da protagonista, aos seus temores e ás súas inquedanzas, verdadeiro alicerce da narración.

Luz Darriba

Abril

Belagua

Galicia por debaixo dos 8.000 casos activos de coronavirus, sitúase en números similares aos de finais de outubro

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 7.904 deles 1.675 son da área da Coruña, 967 da de Lugo, 473 da de Ourense, 1.136 da de Pontevedra, 2.099 da área de Vigo, 866 da de Santiago, e 688 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 81 están en UCI, 388 en unidades de hospitalización e 7.435 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 42.856 persoas curadas, rexistrándose 1.193 falecementos. O número de PCR realizadas é de 894.592.

Os datos de centros residenciais de servizos sociais corresponden aos que achegan con carácter diario os propios centros.

Humanizacións, unha cuestión de vontade e de valentía política

Humanizar unha cidade ou unha vila, é dicir, facela máis ‘humana’, menos fría e máis vivible, foi e e será sempre unha cuestión de visión de futuro e, para calquera Goberno local e nos tempos nos que andamos, de valentía política. Trátase de ter claro un concepto de vila ou cidade na que as persoas primen sobre os automóbiles e onde os nenos e nenas poidan xogar ou desprazarse aos colexios sen risco algún. Non convén esquecer que, a día de hoxe, as palabras infancia, tráfico e seguridade, non teñen cabida na mesma frase.

Non lembro que houbera obra máis contestada que a da transformación –góstame máis que humanización– de Pontevedra. O enorme malestar cidadá daqueles que “a querían como sempre fora” esfumouse cando, unha vez rematados os traballos, a cidade converteuse nunha das urbes ‘idóneas para vivir’ segundo un recente informe europeo sobre mobilidade e habitabilidade. O comercio local, prexudicado durante as obras, é agora testemuña da revalorización do seu negocio.

As obras de transformación de Ponteareas –transformación no máis amplo sentido da palabra dito sexa de paso– teñen, unha complexidade engadida; a complexidade dunha vila que polas presas de crecer a costa do que fora, esqueceuse das persoas. Ese crecemento desmedido e descontrolado, esa obsesión por “Puenteareas camino de ser ciudad”, deixou de lado os espazos verdes, as zonas de esparexemento e de convivencia, para converterse nunha loa ao formigón, ás rúas estreitas e, de paso, contemplar impotente á desaparición de todos aqueles elementos que formaban parte da súa propia identidade.

Lembro que nos anos nos que se acometía a monstruosidade da Praza da Música co seu auditorio soterrado, pregunteille ao entón alcalde se Ponteareas non se estaba quedando sen zonas verdes. “Para que queremos zonas verdes –contestoume–, si sale usted 100 metros y tiene todo el verde que quiera”, frase tan chea de gracia como de falta de visión de futuro.

Non cabe dúbida que obras deste calibre provocan inconvenientes durante un tempo e de dous tipos. Dunha banda están as veciños e veciñas que as sofren moi directamente por realizarse nas súas rúas. É, neste caso, un malestar pasaxeiro que se esquece ao poder gozar, unha vez rematadas, de espazos ‘máis amables’, con circulación controlada e no que as persoas son o realmente importante. En resumidas contas, un lugar agradable para vivir.

Doutra banda están os que, non vivindo na zona, prefiren a súa vila “como fue siempre”, independentemente que nese “siempre”, inclúase un tráfico caótico, as dobres filas permanentes, a falta de espazos de espallamento cidadá céntricos e a inseguridade de que os nenos e nenas non poidan gozar das rúas como espazo común de convivencia. Un “como fue siempre” que abrangue unha desfeita que faría chorar a máis dun arquitecto ou arquitecta urbanista.

Logo temos un estraño e renacido “fervor medioambientalista” dividido en dous grupos claramente diferenciados. Por un lado están aquelas persoas ou colectivos que sempre tiveron conciencia ambiental e que así o amosaron coas súas accións ao longo de anos. Son, neste caso, voces cuxas protestas, acertadas ou non, son tan lexítimas coma coherentes. Doutra banda está a preocupante e incongruente paixón polo medio ambiente que, da noite á mañá, espértase nun sector da veciñanza que, curiosamente, é o mesmo que no seu momento aplaudiu entusiasmado a desaparición das centenarias árbores da Feira Vella.

Vistas así as cousas, a transformación dunha vila como Ponteareas, é unha cuestión de valentía política, de ter moi claro o proxecto de vila que se quere, os pasos a dar para conseguilo e, sobre todo, o convencemento de estar facendo as cousas para o ben das futuras xeracións. O telólogo estadounidense James Freeman Clarke o resumiu, salvando as distancias evidentemente e traducíndoas ao ámbito local, nunha maravillosa frase: “Un político pensa nas próximas eleccións; un estadista, nas vindeiras xeracións”.

En base a iso, un goberno que só teña posta a mirada na vindeira cita electoral –exemplos sobran en Ponteareas–, estará sempre incapacitado para desenvolver calquera actuación que poida supoñer o máis mínimo roce coa veciñanza, independentemente que, a posteriori, sexan iniciativas beneficiosas para o conxunto da cidadanía.

A experiencia demostra que en política, como en case que todas as facetas da vida, non se pode contentar a todo o mundo –“nunca chove a gusto de todos” afirma o dito–. Os gobernos polo tanto, independentemente do seu ámbito de actuación, deberían cumprir a encomenda da cidadanía que os puxo no lugar no que están e que non é outra que desenvolver e dar forma aos proxectos, ideas e iniciativas que ‘venderon’ na campaña electoral.

Non deixa de ser curioso polo tanto, que as veciñas e veciños que habitualmente claman ao ceo indignados polos incumprimentos electorais, sexan agora os mesmos que se rachen as vestiduras cando un Goberno tenta desenvolver un anunciado proxecto de futuro.

A transformación dun pobo é, como diciamos, unha simple cuestión de valentía política.

Guillermo Meijón visibiliza en Redondela o compromiso do Goberno de Pedro Sánchez coa gratuidade da peaxe Vigo-Redondela

0

“A liberalización da peaxe do treito Vigo-Redondela é unha realidade, ten partida comprometida nos Orzamentos Xerais do Estado e, por tanto é un compromiso firme do Goberno de Pedro Sanchez para dar cumprimento a unha reivindicación histórica das veciñas e veciños”, afirmou esta mañá a deputada socialista Ángeles Marra na rotonda de Cabanas e coa cabina da peaxe da AP-9 de fondo, instalación que, polo que parece, xa ten data de caducidade.

Marra, que visitaba a zona de enlace da AP-9 coa N-552 xunto ao tamén deputado Guillermo Meijón, a senadora Marica Adrio e a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, asegurou sentirse “feliz” de estar anunciando unha medida como a liberalización da peaxe Vigo-Redondela “que permitirá a mobilidade da veciñanza” e que non é un anuncio baleiro “senón un compromiso en firme do Goberno socialista de Pedro Sánchez”.

A deputada socialista pediu “responsabilidade” tanto ao PP como ao BNG, que pese a “terse reunido neste mesmo sitio reclamando a gratuidade deste treito da AP-9, agora anuncian que votarán en contra dos orzamentos”. Ángeles Marra pediu a ámbalas dúas forzas políticas “responsabilidade e sentido de estado”.

Pola súa banda, Guillermo Meijón, quería en primeiro lugar felicitar á alcaldesa Digna Rivas “pola súa persistencia” porque, dixo, “durante os últimos anos incluso co Partido Popular no Goberno insistiu todos os días para conseguir a dobre R, é dicir, que unha reivindicación sexa unha realidade”.

Que os Orzamentos Xerais do Estado contemplen un compromiso firme para que poida desaparecer esta peaxe “é unha boa mostra da insistencia da alcaldesa de Redondela”.

Meijón, que cualificou á peaxe de Rande como “un agravio comparativo con cidades ás que se lle facían circunvalacións para o desprazamento gratuíto da cidadanía”, lembrou que “por pouco” estivo a piques de non poder ser realidade “pola oposición a estes orzamentos tanto do PP e coma do BNG”.

O deputado socialista asegurou “non entender” especialmente a postura do BNG “que ten a frivolidade de dicir que non a uns orzamentos tan necesarios neste momento”. Guillermo Meijón asegurou “non entender” a postura dunha formación política “que está dicindo non á Comisión de Recuperación deste país, está dicindo que non á ley de educación progresista, está dicindo que non a estes orzamentos”. “Non entendemos esta postura –concluiu– que os está a converter nun partido inútil para conseguir cousas para Galicia”.

Digna Rivas, que estaba acompañada pola concelleira Olga García e o concelleiro Alberto Álvarez, agradeceu a visita de Meijón, Marra e Adrio que viñan a “confirmar que a gratuidade de Rande, que a veciñanza de Redondela leva pedindo dende anos e anos, sexa agora unha realidade grazas ao goberno socialista”.

Lembrou a rexedora local que, dende a súa chegada á alcaldía, “estiven insistindo neste tema” e nese sentido lembrou a reunión que mantiveron en Madrid ela mesma e o concelleiro Roberto Villar “na que puxemos sobre a mesa os temas máis importantes para Redondela de xeito que quedasen, como neste caso, reflectidos los Orzamentos”.

“Gobernar non son palabras, son feitos e o único medio de facelos realidade é que figuren nos Orzamentos Xerais do Estado”, afirmou contundente Digna Rivas quen lembrou que o anterior alcalde “so se lembraba da liberalización da peaxe cando chegaban as eleccións” e lembrou que á chegada do novo Goberno, as carpetas coas sinaturas dunha “recollida de firmas para pedir a supresión da peaxe” non foran remitidas a Madrid “senón que estaban agochadas na Casa do Concello e esquecidas ata que nós as enviamos”.

Finalmente dixo a alcaldesa de Redondela que estará “moi pendente do voto do sr. Bas, que é deputado en Madrid, nestes orzamentos que inclúen a supresión desta peaxe”.

O Concello de Redondela reafírmase “na solidariedade inequívoca co pobo saharauí” e responsabiliza a Marrocos da ruptura do Alto o Fogo do ano 1991

0

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas deu lectura onte, no Pleno da Corporación, a unha declaración institucional sobre a situación que se vive no Sáhara provocada pola ruptura do Alto o Fogo de 1991 por parte de Marrocos a quen a declaración apunta “como único responsable da inestabilidade que se xerou e que se pode estender a toda a rexión do Magreb”.

Na declaración o Concello de Redondela, amais de expresar a súa “solidariedade inequívoca coa loita do pobo saharauí e a Fronte Polisario, o seu representante lexítimo”, insta ás Nacións Unidas e ao MINURSO (a Misión das Nacións Unidas para o Referendo do Sahara Occidental) a que garantan a seguridade na zona “a vixilancia dos Dereitos Humanos da poboación saharauí e promova sen máis dilación a solución xusta e definitiva do conflito do Sahara Occidental, mediante a celebración do referendo de autodeterminación”.

Do mesmo xeito, na declaración instituconal exhórtase ao Comité Internacional da Cruz Vermella a que “asuma as súas responsabilidades por todo o que acontece no Sahara Occidental” e lembra que é un Territorio Non Autónomo, “ilegalmente ocupado por Marrocos, baixo mandato da ONU e porque as dúas partes en conflito son asinantes das Convencións de Xenebra”.

Finalmente a declaración pide ao Goberno español “que incremente a acción humanitaria e a cooperación coa poboación saharauí” e suliña o feito que dito pobo “resiste en condicións infrahumanas nos campamentos de refuxiados”, polo que é preciso incrementar esa axuda para “aliviar así as extremas condicións de vida dos seus habitantes e cubrir as necesidades alimentarias, educativas e de aloxamento da súa poboación”.

A alcaldesa Digna Rivas sinalou que a situación na que vive o pobo saharauí “no que é o episodio máis vergoñento da nosa historia recente” supón “unha vulneración flagrante dos dereitos humanos e das liberdades fundamentais das persoas”.

A situación que se está a dar agora, supón “unha violación deliberada do acordo de Cesamento de Fogo vixente dende 1991 asinado polo reino de Marrocos e a Fronte Polisario”. Non podemos esquecer –recalcou a alcaldesa– que Redondela foi un do primeiros concellos en establecer unha irmandade co pobo saharauí de Tinduf e tamén está entre os primeiros na colaboración con vacacións en paz”.

Digna Rivas concluía sinalando que “hai máis de corenta anos, este país mirou para outro lado deixando ao pobo saharauí abandonado á súa sorte. Por dignidade, non podemos facelo por segunda vez”.

O Concello da Guarda advirte da presenza da Procesionaria do piñeiro e chama a extremar as precaucións coas crianzas

0

O Concello da Guarda vén de avisar á cidadanía sobre a proliferación da procesionaria do piñeiro e chama a extremar as precaucións tanto cos nenos e nenas coma cos animais domésticos xa que pode provocar fortes reaccións alérxicas.

A procesionaria do piñeiro (Thaumetopoea pityocampa) é unha especie cuxa oruga pode provocar irritación en ouvidos, nariz e gorxa nos seres humanos así como intensas reaccións alérxicas.

Trátase dunha especie que dependendo da época do ano vive nas ramas das árbores ou no solo. Aínda que adoitan aparecer no comezo da primavera, cando as temperaturas xa non son tan baixas, esta semana visualizáronse varias na zona do Castelo de Santa Cruz e no piñeiral da praia do Muíño.

A Deputación reclama da Xunta “un auténtico plan de rescate para a hostalería e sectores afectados pola pandemia”

A Deputación de Pontevedra celebrou hoxe unha sesión plenaria na que se aprobou unha modificación de crédito, por importe de 150.000 euros, que vai permitir que os concellos da provincia de Pontevedra poidan usar as baixas na adxudicación das obras Plan de Reequilibrio do ano 2017, no marco do operativo provincial do Plan Concellos. “Os concellos poderán utilizar estes recursos en investimentos adicionais”, subliñou o voceiro, Carlos Font, que lembrou que “unha vez máis, a Deputación toma decisións para favorecer aos concellos da provincia”.

A orde do día incluíu, ademais, o debate e resolución de tres mocións, das que tan só saíu adiante a presentada polo grupo provincial socialista para esixir da Xunta de Galicia un plan de rescate integral da hostalería e os sectores máis afectados polas medidas sanitarias adoptadas en relación á COVID-19. A moción foi aprobada con 16 votos a favor dos grupos do PSdeG-PSOE e 12 en contra do PP. Durante o debate subliñouse que é competencia exclusiva da Administración autonómica atender a este sector, que o Goberno galego recibiu recursos extraordinarios do Goberno do Estado que lle permiten facer fronte ás consecuencias da pandemia e que, pola contra, os concellos tiveron que asumir numerosos gastos imprevistos sen contar con ningún tipo de financiamento adicional da Xunta de Galicia ou do Goberno do Estado.

“O Goberno da Deputación entende que debe ser a Xunta a Administración que habilite os recursos para facer fronte a súa decisión de pechar a hostalería, baseada en cuestións sanitarias, ao tratarse da Administración competente e dispoñer de recursos suficientes para cubrir tódalas axudas necesarias”, indicou Carlos Font. “Non se pode seguir derivando competencias á Administración local, cando non se deriva con elas ningún recurso adicional. A Xunta debe reverter na economía real as consecuencias das decisións que adopta”, afirmou.

Por outra banda, debatéronse outras dúas mocións coa sinatura do Partido Popular, que foron rexeitadas pola maioría do Goberno provincial. Na primeira pedíase que a Deputación achegara 10 millóns de euros en axudas directas á hostalería. Durante o debate explicouse claramente que a Deputación leva cinco anos prestando unha atención moi especial a todos os sectores económicos da provincia. “Temos moi claro que non vamos permitir que a Xunta continúe eludindo as súas competencias e descargándoas no mundo local, restando aos concellos recursos que teñen que dedicar aos servizos que si son da súa competencia”, dixo o vicepresidente César Mosquera, o que tamén foi referendado por Font, “e ademais, engadiu, non enviando nin un só euro para que os concellos poidan atender á veciñanza ou aos sectores económicos afectados pola pandemia”.

Ademais, votouse en contra dunha segunda moción “popular” pola que se solicitaba a creación dunha Plataforma provincial de comercio online. O deputado Carlos Font lembrou que esta iniciativa iría en contra dos “market places”, creados polos emprendedores do sector privado, e podería incorrer en inseguridade xurídica por ir en liña contraria á libre competencia. Ademais, lembrouse que durante o anterior Goberno provincial, presidido por Rafael Louzán, creouse xa unha iniciativa destas características, financiada con fondos europeos. Font recordou que “aquela plataforma tivo que ser retirada despois de gastar un despilfarro de 1,2 millóns de euros de diñeiro público e, incluso, a Unión Europea abriu unha investigación polo uso dos fondos comunitarios”. Na mesma liña, o vicepresidente Mosquera sinalou que, en todo caso, tería sentido que este tipo de iniciativas as promovera a Xunta de Galicia.

Conservación de Firmes e Período Medio de Pago

Polo demais, o pleno deu tamén o visto bo ao investimento de 4.431.000 euros no mantemento dos 1.700 Km da rede provincial de estradas. O Acordo de conservación de firmes é un fito na preservación da rede e, por tanto, da seguridade viaria ao longo de toda a provincia. Baséase na división do territorio provincial en seis zonas equilibradas que recibirán investimentos de entre 640.000 e 880.000 euros ao longo do ano próximo, harmonizando así o gasto e garantindo unha calidade de prestacións equivalente. O Acordo marco foi posto en marcha por primeira vez en 2017 polo actual Goberno provincial. Aínda que inicialmente non contou co apoio do Partido Popular, no Pleno de hoxe saíu adiante por unanimidade.

Finalmente, a corporación foi informada do período medio de pagamento a provedores, que se situou no pasado mes de outubro en 10,6 días de media, case tres días menos que o anterior rexistro, un dato que sitúa a Deputación entre as administracións máis áxiles de todo o Estado.

O Concello de Ponteareas apela a seguir respectando as medidas de seguridade ante a pandemia tras superar os 100 casos activos

O alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, e a tenenta de alcalde e concelleira de Saúde, Cristina Fernández Davila, mantiveron nestas semanas encontros virtuais coa Xerencia da Área Sanitaria de Vigo e a Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade para analizar a evolución da pandemia na localidade. “Agora que coñecemos os datos da evolución por parte da Xunta, facilitámolos á veciñanza para que sexamos conscientes da situación na que nos atopamos”, indicaron.

O Goberno local sinala que “tras superar nos pasados días os 100 casos activos, é necesario que a poboación continúe extremando as precaucións e respectando as medidas estipuladas para que descenda a incidencia da Covid-19 na localidade”.

Dende o executivo ponteareán sinalan que durante a última semana a cifra de casos activos ronda a centena, situándose neste xoves nas 93 persoas. Segundo indican, “o alarmante da situación é o aumento significativo de casos semanais, que se incrementan nun 26 % a pesar de ser Ponteareas un dos ámbitos territoriais coas maiores restricións dentro da comunidade”.

“Segundo nos comunicaron na xuntanza mantida este xoves, o 80 % dos contaxios proceden de encontros no ámbito privado, tanto familiares como non familiares, entre persoas non conviventes, polo que unha vez máis pedimos á veciñanza que eviten na medida do posible a permanencia de grupos de persoas non conviventes en espazos públicos e privados”, sinalan dende o Goberno, incidindo na necesidade de respectar as medidas restritivas adoptadas para frear o avance da pandemia.

O Goberno ponteareán lembra que, mentres se manteña en vigor o decreto da Xunta para conter a pandemia, “están suspendidas todas as actividades e eventos socioculturais en instalacións públicas e centros socioculturais. Así mesmo, seguen pechadas as instalacións deportivas e continúa o reforzo na desinfección de espazos públicos como os parques infantís”.

O Pleno da Deputación reivindica a importancia da educación en igualdade para un futuro sen violencias machistas

O pleno da Deputación de Pontevedra reivindicou hoxe a importancia da educación en igualdade para un futuro sen violencias machistas, no marco da celebración do 25N. Fíxoo ao través dun acto previo á sesión ordinaria da corporación provincial, no que se deu lectura ao manifesto elaborado pola mestra Teresa Domínguez, directora do CRA de Tui que vén de ser gañador este 2020 do Premio Escola do Ano da Fundación Princesa de Girona. O texto, que foi lido pola tamén docente Conchita Pérez, directora do CRA Plurilingüe de Vilaboa por enfermidade da autora, incidiu na importancia do ámbito educativo como estimulador para os cambios que poñan fin á lacra da violencia contra as mulleres.

Amais, na sesión repartíronse as postais cunha reprodución da ilustración que a artista Nana deseñou no Pavillón de Tui dentro do programa ‘Mulleres en Acción. Violencia Zero’, e que pon imaxe a situación que viviron e viven as mulleres e nenas maltratadas durante o confinamento. Baixo o título ‘Queda na casa’, a obra amosa a unha muller coas mans tapándose os ollos mentres ás súas costas arde a súa casa e, como destacou a presidenta Carmela Silva, reflicte o “terror das mulleres, nenas e nenos confinados cos seus maltratadores”. O proceso de elaboración do devandito mural foi proxectado así mesmo nun audiovisual no salón de plenos.

A presidenta provincial destacou que a educación “sen dúbida é un elemento fundamental para un futuro en igualdade, para que as nenas e os nenos teñan a capacidade para poder ter criterio propio e ter pensamento crítico que permita que poidamos loitar contra a inxustiza máis execrable que se da no mundo”. Lembrou que no último ano 243 millóns de mulleres teñen sido vítimas de violencia sexual e física no mundo segundo a ONU, “datos máis que relevantes para que dende a educación, a igualdade e a loita contra as violencias machistas sexa un eixo transversal”.

No día en que, amais, se celebra o Día das Mestras e Mestres, Conchita Pérez deu lectura ao texto de Teresa Domínguez na que a docente urxiu “a construción e vivenciación de valores de respecto mutuo, tolerancia e igualdade posibilitando o empoderamento de mulleres e nenas” e reivindicou o “papel activo” e transformador que debe ter a educación “para promover relacións sociais igualitarias e a construción dunha cultura que poida mudar pensamentos, valores ou sinerxías coa participación activa de cada persoa que conforma esa comunidade educativa”.

“Debemos –sinala– impulsar o cambio dos valores non igualitarios aínda imperantes como as actitudes, os roles e os estereotipos que sustentan a desigualdade de xénero e que mulleres e homes gocen de diferentes dereitos e oportunidades. Pero o certo é que a construción cultural que historicamente se foi conformando en torno ao xénero e que atribúe a homes e mulleres unha serie de características a partir das súas diferenzas biolóxicas, foron configurando unha orde social desigual e inxusta fixando un modelo ‘de ser muller’ e ‘de ser home’ validados socialmente e, polo tanto, establecendo un sistema desigual de relacións”.

Domínguez, que se referiu ás vítimas da violencia machista como “heroínas dunha historia inacabada”, reclamou unha loita “en comunidade e xuntas e xuntos cada día, sen descanso e non soamente cada 25 de novembro” en prol da igualdade. E insistiu en que o ámbito educativo é “privilexiado” para estimular as transformacións. “As nosas forzas –indicou– deben estar na liña de propoñer retos de presente e de futuro na educación e afondar sobre a importancia de que a educación para a igualdade debe ser un contido fundamental e transversal para o enriquecemento persoal e social de todos e cada un dos seres humanos”. “Coeducar –engadiu– consiste en educar en igualdade dende a diferenza, tendo en conta a visibilización dos aspectos positivos e necesarios que se precisan para ser persoa, para sentir, amar, actuar e convivir”.