12.3 C
Pontevedra
Venres, 19 de Abril de 2024
Máis
    HomeColaboraciónsO Meu AndelLuz Darriba, «Abril»

    Luz Darriba, «Abril»

    Logo de tantos anos asentada entre nós, a artista e escritora arxentina Luz Darriba escolle, por fin, o galego para darlle forma á súa nova novela, «Abril», un relato que, segundo a súa propia confesión, levaba 40 esperando agromar e que se nos antolla de fondo contido autobiográfico, malia que a autora o disfrace de ficción.

    «Abril» relata a historia de Andrea Neumann, psicóloga asentada na Costa da Morte logo de fuxir de Bos Aires por mor da represión desatada a raíz do golpe militar de 1976. Dende Muxía, trata de deixar atrás tantas décadas de silencio, de dor e de amargor provocado polo xenocidio, ata que a chegada dunha nova paciente é quen de abrir a espita das lembranzas. O pasado volve a facerse presente e entretécese deste xeito un relato que ten dous escenarios principais, Galicia e Arxentina. Luz Darriba analiza algunhas das consecuencias da represión desatada facéndonos viaxar constantemente no tempo para ser testemuñas dun pasado ominoso e dun presente quebradizo.

    Un dos acertos da narración é, ao meu entender, a imaxe que presenta da xuventude loitadora contra a barbarie represiva arxentina. Luz Darriba debuxa a figura dun grupo de mozos e mozas que idealizan a súa achega na procura dunha sociedade máis xusta, pero que parecen non ser conscientes do tamaño descomunal do inimigo que teñen fronte a eles. O aparato cívico-militar represivo lánzase con todas as súas forzas a combater a pequenos grupos non moi ben organizados que, desta maneira, sofren as consecuencias máis duras de tan terrible episodio: ameazas, torturas, secuestros, asasinatos… A ilusión fronte á imposición.

    Alén desta descripción, a novela enfróntanos tamén a nós como lectores a unha situación parecida, levándonos a reflexionar sobre o papel dun estado sobredimensionado en canto a capacidade represiva e ao papel que a propia sociedade xoga respecto da elección do seu propio futuro, elemento este presente ao longo de todo o relato na figura da súa protagonista e das dificultades que atopa para encauzar a súa vida. E tamén nos leva a pensar nas consecuencias de tanta barbarie e en como inflúe esa actitude agresiva nas pequenas historias das persoas anónimas que se ven acosadas e perseguidas, mesmo nas dos seus achegados que, en ocasións, resultan zarrapicados por tanta violencia desmedida.

    Como complemento á narración, a autora vai inserindo ao longo do relato diversos fragmentos de partes e comunicados gubernamentais, publicacións en prensa, declaracións, etcétera. Con este recurso consegue que en ningún momento nos prantexemos o seu relato como unha historia de ficción e ancora ao lector a unha realidade que queda perfectamente exposta ao longo das súas páxinas. Con todo, resulta especialmente atractiva a viaxe que faremos ao interior da protagonista, aos seus temores e ás súas inquedanzas, verdadeiro alicerce da narración.

    Luz Darriba

    Abril

    Belagua