A alianza da Deputación coa Culturgal volveu quedar patente no Pazo da Cultura de Pontevedra. A feira da cultura galega abriuse a piares da acción política da Deputación, como a cultura, a memoria e a igualdade, contando coa presencia da presidenta Carmela Silva e das deputadas de Memoria Histórica e Cultura, María Ortega e Victoria Alonso. A Deputación uniu na súa presentación ‘Re-Acciona coa Cultura!’, o programa que converte a cultura nunha ferramenta activa; a estrea do proxecto ‘Acorda’, a última iniciativa do programa ‘O Pasado do Porvir’, que chegou da man da deputada de Memoria Histórica e a coordinadora Uxía Senlle; e a acción artística a prol da igualdade coa performance de María Roja ‘Can, Cancela, Calafrío’.
Re-Acciona coa Cultura
“Este é o momento de reivindicar o poder da cultura e que haxa recursos das Administracións públicas para apoiala, porque é un elemento fundamental da actividade humana“. “Que sociedade tan triste seriamos sen actividade cultural!”, afirmou Carmela Silva, quen definiu ás mulleres e homes que crean, imaxinan ou interpretan como “construtoras e construtores de valores neste momento tan duro“. Defendeu a necesidade de transmitir unha mensaxe de optimismo en liña co “grande pulo creativo que está a demostrar Galicia” e agradeceu ao mundo da cultura que lograra “abrir as portas e ventás, cando estabamos pechados nas nosas casas”. Silva, acompañada da deputada de Cultura, Victoria Alonso, e a directora da área, Paula Cabaleiro, presentou Re-Acciona coa Cultura!, un amplo abano de actividades que van desenvolverse no que queda de ano e ao longo de 2021. “Un proxecto global e multidisciplinar e que leva o prefixo re, que é o de reacción, pero tamén o de revolución dende a cultura, porque somos un país cultural”. Así destacou que o primeiro obxectivo é recuperar a cultura ao vivo. “Queremos levantar telóns, iluminar escenarios, visitar librarías, seguir ocupando as rúas accións, empoderar ás mulleres e vencellarnos co noso patrimonio“. Cultura descentralizada e programada para chegar a tódalas persoas, “vivan onde vivan”.
Re-Acción na Música chega coa aposta polo Musigal, con 17 grupos que percorrerán 33 concellos e Pontegal, co compromiso absoluto coa música tradicional, “a nosa música”. Con máis de 300 actuacións este ano, crecerá en 2021. A maiores, a Deputación continuará do lado dos Rías Baixas Fest “sete dos nove principais festivais de Galicia, que están na provincia”. Sen esquecer o programa de apoio ás Escolas de Música, para incentivar a formación musical dende o territorio. Re-Acción no Patrimonio “mantén Música no Ar, o programa de actuacións de música clásica en castelos, pazos, castros e espazos patrimoniais, con 13 actuacións e 10 grupos, 50 artistas e 750 participantes. A Deputación aposta tamén pola posta en valor dos Camiños Xacobeos, “como símbolo do que nos une e enlaza” e promoverá Rutas de Arquitectura cun novo programa Nas Pedras da Memoria, con música a carón de xacementos arqueolóxicos. Re-Acción nas Artes Escénicas é a vertente teatral, que ten en Prendendo Butacas na Casa o seu referente. O programa adáptase ás circunstancias actuais e durante este Nadal ofrecerá 8 representacións, coas principais compañías galegas, gravadas e dispoñibles en streaming, a través da web da Deputación. Un formato que Carmela Silva comparou co histórico programa Estudio 1 de Televisión Española, que, destacou, é produto da necesidade de “reinventar”.
Re-Acción na produción audiovisual e no Cinema chega con Pontevedra Plató de Cinema, co patrocinio de cinco películas rodadas na provincia que cobrará aínda máis folgos en 2021. “Esta é a unha provincia con moito talento e queremos que aquí se fagan películas, series…” destacou. Ademais haberá axudas para os Festivais do Audiovisual e continuarase coa marca de calidade Rías Baixas Film Fest. Re-Acción na Escrita é a liña que demostra o “apoio sen límites á escrita e á literatura, porque a palabra crea o pensamento do mundo”. Seguirán tamén os Roteiros Literarios, o apoio a publicacións (en galego) e editoriais, e continuarase a senda de iniciativas como Caramomia, o proxecto colaborativo para o público xuvenil que significou o nacemento dunha historia dende Instagram. Igualmente, A presidenta amosouse orgullosa da Escola de Letras, “a única de Galicia e unha das poucas do estado que chegou para quedar”
Re-Acción contra as Violencias de Xénero un ano máis con Violencia Zero de referencia, con mulleres artistas e 25 accións para berrar dende a arte. A Emerxencia Cultural da Deputación deixará a arte mural e envorcarase na intervención en elementos de protección como as máscaras. Ademais, este ano está a facer posible exposicións como ‘8M. A palabra empoderada das mulleres’ ou ‘Materiais para pensar, gozar e profanar’. Amais da novidade das xornadas Fóra de Plano: As mulleres do audiovisual.
A presidenta lembrou tamén o resto das liñas todas elas con novidades para 2021 como “Re-Acción para espallar cultura”, para estreitar a colaboración co tecido asociativo; Re-Acción para celebrar a cultura co compromiso institucional cos días mundiais do Teatro, Poesía, do Libro, da Danza, da Música, das Letras Galegas ou o Día de Rosalía. Finalmente, enmarcado na Re-Acción Cultural e os #17ODS, Carmela Silvaesixiu das administracións “accións e compromisos reais e non só palabrería” para desenvolver políticas que contribúan “a un progreso económico onde importen as persoas, que se respecte o novo paradigma para deixar de agredir ao planeta, que a igualdade sexa o piar central e que a cultura estea no epicentro da actividade humana”. Obxectivos todos eles recollidos nos 17 grandes epígrafes da Axenda 2030.
A estrea de “Acorda” (O Pasado do Porvir)
A presentación de ‘Acorda. Cartografía Musical da Memoria Histórica de Pontevedra’ foi unha das protagonistas da mañá no Culturgal. A deputada de Memoria Histórica María Ortega foi a encargada de expoñelo, explicando que se trata dun proxecto para dar a coñecer lugares e feitos singulares da memoria histórica da provincia “a través dunha expresión artística marabillosa que é a música”. Agradeceu o traballo na dirección artística de Uxía, a colaboración das asociacións de memoria e tamén a asesoría de Montse Fajardo.
A propia Uxía explicou que no proxecto, “moi necesario e urxente, cun ton reivindicativo”, participan voces moi diversas como as de Emilio Rúa e Silvia Penide, Ugia Pedreira e Marina Oural, Sheila Patricia, Eladio Santos, Tanxugueiras e Isaac Palacín, Ezetaerre e a propia Uxía e Su Garrido, que dan voz ás vítimas a través de cancións que evocan a represión, recreando situacións moi concretas en lugares moi simbólicos. “Escollemos ás e aos artistas porque eran os máis apropiados, pola súa sensibilidade. Tiña que ser xente con moita implicación e incluso ligado a situacións de represión na súa familia”, apuntou.
“Está ben revisar o pasado para situarnos no presente e previr ese avance do fascismo” dixo Uxía, para subliñar a súa esperanza de que as temáticas que aparecen no traballo cheguen á xente nova dun xeito didáctico e ameno. Insistiu no obxectivo de destacar o papel das mulleres na resistencia, “porque moitas veces son esquecidas inxustamente e son directa e indirectamente represaliadas duramente”. “Agardemos que o por vir que virá sexa esperanzador, que poidamos rexeitar este fascismo que ás veces está presente na sociedade”, insistiu. Uxía deu paso ao primeiro tráiler do proxecto, explicando que a iniciativa foi medrando e non só deu lugar á interpretación dunha canción nun espazo, senón tamén a un guión para introducir e contextualizar cada peza e o que tivera acontecido en cada un dos escenarios elixidos, chegando a facer unha creación documental.
Os espazos escollidos para a grabación de ‘Acorda’ foron a Deputación e a antiga ‘Escola Normal’, dous lugares chave para a memoria na provincia xa que foi no edificio provincial, antigo Goberno Civil, onde se organizou a resistencia ao golpe de Estado e logo da vitoria dos golpistas foi onde se condenou a morte a moitas persoas. Desta ubicación pásase a Ponte Regueiro, en A Estrada, onde asasinaron a veciños da comarca do Deza-Tabeirós e do Salnés; para seguir ata o Pozo da Revolta, en Marín, onde se fala da represión contra as mulleres; á praia de Massó en Cangas onde foron arroxados os mártires de Anguieiro, e onde se representa o trauma que para as familias supuxo non poder chorar ás vítimas; á praia de Alcabre (Vigo), onde se fala do sufrimento das mulleres que quedaron e a súa loita porque se lles faga xustiza, para que se loite contra a impunidade; á Bombardeira ou Volta dos nove, onde están as nove cruces que durante décadas apareceron pintadas na curva de Baredo, onde foron asasinados nove homes, como acenos de resistencia; á Volta da Moura, onde se pon de manifesto a necesidade que ten a xeración neta e bisneta de rachar co silencio, para que non se dea un paso atrás na loita contra os fascismos; e finalmente á Illa de San Simón, o grande símbolo da memoria e a solidariedade na Galiza, nunha reclamación para que sexa denominada ‘Illa da Memoria’.
A axenda da Deputación en Culturgal pola mañá rematou coa “performance” de Violencia Zero, o programa que clama contra as violencia machistas que chega a toda a provincia dende unha visión artística multidisciplinar. Nesta ocasión, a peza estivo a cargo da artista luguesa María Roja e levou por título “Can Cancela Calafrío”.
Xa pola tarde, ás 17,45 horas, no Teatro Principal tivo a presentación do libro O castelo de Soutomaior. Un lugar cheo de historias, de Diego Piay, editado por Alvarellos en colaboración coa Deputación. O traballo presenta documentos, planos, fotos e imaxes inéditas e descoñecidas ata a data, e inclúe na contraportada un gravado de Carmen Babiano Méndez-Núñez. Aínda quen non é o primeiro libro sobre a historia do castelo, porque o primeiro foi escrito pola propia María Vinyals en 1904, si se trata do único que recolle a evolución do castelo ata hoxe e emprega todas as fontes de investigación dispoñibles na súa elaboración.