9.6 C
Pontevedra
Xoves, 28 de Marzo de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaA Deputación senta as bases dunha estratexia de acción coa Organización Mundial...

    A Deputación senta as bases dunha estratexia de acción coa Organización Mundial do Turismo centrada na formación, innovación e emprendemento

    Carmela Silva mantivo esta mañá o encontro telemático coa directora de Innovación da OMT, Natalia Bayona, no que se abriron novas liñas de traballo cara á construción dun destino turístico intelixente e innovador na provincia

    Na liña de avanzar nun novo modelo de turismo intelixente e innovador para a provincia de Pontevedra, a presidenta da Deputación Carmela Silva vén de pechar as bases dunha estratexia de acción conxunta coa Organización Mundial do Turismo (OMT) centrada na innovación, no emprendemento e na formación. A presidenta provincial mantivo esta mañá o encontro telemático con Natalia Bayona, directora de Innovación, Educación e Inversións da OMT, que o mércores vai participar na III xornada Turistic, no que ambas as dúas dirixentes amosaron a súa satisfacción con esta nova alianza.

    Carmela Silva xa adiantou a posta en marcha dun calendario de accións, entre elas, un novo programa de formación impulsado xunto á Academia Online de Turismo do organismo internacional. A presidenta da Deputación amosou a vontade de “crear alianzas” para que a institución provincial se converta en patrocinadora dun programa formativo. “Debemos facer un enorme esforzo e apostar pola formación”, asegurou Carmela Silva, porque “temos que poñer en marcha todos os instrumentos que nos permitan dar un salto cualitativo,  ter a intelixencia de formar á xente naquilo que vai permitir abrir portas nun sector que precisa cada vez de máis coñecemento e capacidade, cuestións que están vinculadas ademais con ter un traballo máis estable e con máis dereitos”. Ao respecto, a presidenta provincial fixo fincapé na necesidade de “afondar en todo o que está acontecendo no ámbito do turismo e os camiños polos que este sector vai transitar, moi centrados en innovación, sustentabilidade, dixitalización, tecnoloxías e na intelixencia, que é xa o presente e non podemos esperar”.

    Sen saír do ámbito formativo, a presidenta da Deputación informou que se proporá poñer en marcha un programa de bolsas para que persoas da provincia de Pontevedra poidan beneficiarse do programa formativo da Academia Online de Turismo da OMT. Amais, tamén se pechará un acordo para conectar á provincia con universidades que participan na Academia para traducir contidos e garantir así a posibilidade de adquirir formación punteira en materia turística. Tamén se acordou colaborar coa OMT en canto á aceleradora de turismo, para “mellorar o sector a través dun proceso de seguimento e apoio”. Neste eido Carmela Silva fixo fincapé no programa SmartPeme, “dirixido á capacitación TIC das persoas emprendedoras e pemes”, que ten un programa específico centrado no turismo que conta xa cunha aceleradora de empresas. “Cómpre estar moi ao día de todo o que vai xurdindo, porque este novo mundo transfórmase a un ritmo vertixinoso e as empresas precisan ter ferramentas para poder adaptarse”, asegurou a presidenta. Ao respecto, Silva recordou tamén os pasos que a institución provincial está a levar a cabo para transformar o modelo turístico, como o novo Plan Estratéxico de Turismo 2021-2023, a creación de experiencias dixitais, a modernización da xestión do destino, a recollida de datos intelixentes, a participación na Rede de Destinos Turísticos Intelixentes de España ou proxectos como Tourism Inside. A directora de Innovación, Educación e Inversións da OMT, Natalia Bayona, amosou a vontade de traballar “cóbado con cóbado” coa Deputación de Pontevedra para “sacar adiante todo o que ten que ver coa formación e co desenvolvemento do ecosistema de innovación e emprendemento” na provincia. Bayona, que recordou iniciativas que se puxeron en marcha noutros destinos do Estado como Canarias, Valencia, Sevilla, o País Vasco ou Madrid subliñou a necesidade de lanzar iniciativas coordinadas para converter aos destinos en espazos “máis intelixentes”. Tamén remarcou a importancia de apostar pola formación, poñendo en valor a Academia da OMT, de cuxo programa formativo xa se beneficiaron 10.000 persoas e que “está a asinar alianzas coas mellores universidades do mundo, como o MIT ou Harvard,  para xerar contido de alto nivel”. En canto ao emprendemento, Bayona tendeu tamén pontes á Deputación de Pontevedra á seguir dando pasos para “fortalecer o ecosistema emprendedor e innovador a través da aceleradora de empresas, dun proceso de escalabilidade ou do desenvolvemento de programas co sector privado”, poñendo como exemplo ao programa SmartPeme.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.