8.1 C
Pontevedra
Sábado, 27 de Abril de 2024
Máis
    HomeO CondadoPonteareasHumanizacións, unha cuestión de vontade e de valentía política

    Humanizacións, unha cuestión de vontade e de valentía política

    Humanizar unha cidade ou unha vila, é dicir, facela máis ‘humana’, menos fría e máis vivible, foi e e será sempre unha cuestión de visión de futuro e, para calquera Goberno local e nos tempos nos que andamos, de valentía política. Trátase de ter claro un concepto de vila ou cidade na que as persoas primen sobre os automóbiles e onde os nenos e nenas poidan xogar ou desprazarse aos colexios sen risco algún. Non convén esquecer que, a día de hoxe, as palabras infancia, tráfico e seguridade, non teñen cabida na mesma frase.

    Non lembro que houbera obra máis contestada que a da transformación –góstame máis que humanización– de Pontevedra. O enorme malestar cidadá daqueles que “a querían como sempre fora” esfumouse cando, unha vez rematados os traballos, a cidade converteuse nunha das urbes ‘idóneas para vivir’ segundo un recente informe europeo sobre mobilidade e habitabilidade. O comercio local, prexudicado durante as obras, é agora testemuña da revalorización do seu negocio.

    As obras de transformación de Ponteareas –transformación no máis amplo sentido da palabra dito sexa de paso– teñen, unha complexidade engadida; a complexidade dunha vila que polas presas de crecer a costa do que fora, esqueceuse das persoas. Ese crecemento desmedido e descontrolado, esa obsesión por “Puenteareas camino de ser ciudad”, deixou de lado os espazos verdes, as zonas de esparexemento e de convivencia, para converterse nunha loa ao formigón, ás rúas estreitas e, de paso, contemplar impotente á desaparición de todos aqueles elementos que formaban parte da súa propia identidade.

    Lembro que nos anos nos que se acometía a monstruosidade da Praza da Música co seu auditorio soterrado, pregunteille ao entón alcalde se Ponteareas non se estaba quedando sen zonas verdes. “Para que queremos zonas verdes –contestoume–, si sale usted 100 metros y tiene todo el verde que quiera”, frase tan chea de gracia como de falta de visión de futuro.

    Non cabe dúbida que obras deste calibre provocan inconvenientes durante un tempo e de dous tipos. Dunha banda están as veciños e veciñas que as sofren moi directamente por realizarse nas súas rúas. É, neste caso, un malestar pasaxeiro que se esquece ao poder gozar, unha vez rematadas, de espazos ‘máis amables’, con circulación controlada e no que as persoas son o realmente importante. En resumidas contas, un lugar agradable para vivir.

    Doutra banda están os que, non vivindo na zona, prefiren a súa vila “como fue siempre”, independentemente que nese “siempre”, inclúase un tráfico caótico, as dobres filas permanentes, a falta de espazos de espallamento cidadá céntricos e a inseguridade de que os nenos e nenas non poidan gozar das rúas como espazo común de convivencia. Un “como fue siempre” que abrangue unha desfeita que faría chorar a máis dun arquitecto ou arquitecta urbanista.

    Logo temos un estraño e renacido “fervor medioambientalista” dividido en dous grupos claramente diferenciados. Por un lado están aquelas persoas ou colectivos que sempre tiveron conciencia ambiental e que así o amosaron coas súas accións ao longo de anos. Son, neste caso, voces cuxas protestas, acertadas ou non, son tan lexítimas coma coherentes. Doutra banda está a preocupante e incongruente paixón polo medio ambiente que, da noite á mañá, espértase nun sector da veciñanza que, curiosamente, é o mesmo que no seu momento aplaudiu entusiasmado a desaparición das centenarias árbores da Feira Vella.

    Vistas así as cousas, a transformación dunha vila como Ponteareas, é unha cuestión de valentía política, de ter moi claro o proxecto de vila que se quere, os pasos a dar para conseguilo e, sobre todo, o convencemento de estar facendo as cousas para o ben das futuras xeracións. O telólogo estadounidense James Freeman Clarke o resumiu, salvando as distancias evidentemente e traducíndoas ao ámbito local, nunha maravillosa frase: “Un político pensa nas próximas eleccións; un estadista, nas vindeiras xeracións”.

    En base a iso, un goberno que só teña posta a mirada na vindeira cita electoral –exemplos sobran en Ponteareas–, estará sempre incapacitado para desenvolver calquera actuación que poida supoñer o máis mínimo roce coa veciñanza, independentemente que, a posteriori, sexan iniciativas beneficiosas para o conxunto da cidadanía.

    A experiencia demostra que en política, como en case que todas as facetas da vida, non se pode contentar a todo o mundo –“nunca chove a gusto de todos” afirma o dito–. Os gobernos polo tanto, independentemente do seu ámbito de actuación, deberían cumprir a encomenda da cidadanía que os puxo no lugar no que están e que non é outra que desenvolver e dar forma aos proxectos, ideas e iniciativas que ‘venderon’ na campaña electoral.

    Non deixa de ser curioso polo tanto, que as veciñas e veciños que habitualmente claman ao ceo indignados polos incumprimentos electorais, sexan agora os mesmos que se rachen as vestiduras cando un Goberno tenta desenvolver un anunciado proxecto de futuro.

    A transformación dun pobo é, como diciamos, unha simple cuestión de valentía política.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.