A Subdelegación do Goberno vén de pór en marcha un novo reparto de 192.000 máscaras na provincia. A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, visitou o dispositivo de distribución situado no Parque Móbil do Estado. Con este novo reparto acadase case un millón de máscaras que o Goberno español repartiu na provincia desde o inicio da pandemia.
A subdelegada do Goberno lembrou que este é “o quinto operativo de distribución de máscaras posto en marcha polo Executivo na nosa provincia dende o pasado mes de abril”. Desde abril, subliñou Maica Larriba, “repartíronse xa 800.000 mil máscaras entre concellos, usuarios de transporte, residencias de anciáns e colectivos sociais e empresariais. Con esta nova remesa, de 192.000 unidades, acádase case o millón de máscaras de protección repartidas polo Estado entre a veciñanza de Pontevedra”.
Destas 192 mil máscaras, 58.000 serán repartidas pola Deputación de Pontevedra aos concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes. Dos municipios cun censo superior a esta cifra, A Estrada e Lalín teñen asignadas 3.000 –cada localidade-, Marín e Ponteareas 3.500, Cangas 4.000, Redondela, 4.500, Vilagarcía de Arousa 6.000, Pontevedra 13.000 e Vigo 45.500. En total, estes concellos repartirán 86.000 máscaras entre a súa poboación máis vulnerable.
Ademais, outras 48.000 máscaras serán entregadas a Cruz Vermella, Cáritas e o Cermi (Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade) para distribuir entre a poboación máis vulnerable da provincia.
Larriba quixo lembrar a importancia do uso deste elemento protector, que se debe “empregar sempre e empregar ben, xunto ás outras cinco «emes»: lavar as mans, manter un metro e medio de distancia física, maximizar a ventilación e minimizar o número de contactos”. Así mesmo, a subdelegada recordou que recentemente o Consello de Ministros aprobou unha redución do IVE das máscaras ao 4 % e estableceu un prezo máximo para este produto de 0,62 céntimos de euro, “materializando así obxectivo de garantir o compromiso deste Goberno de non deixar a ninguén atrás”.