Bolama, unha rexión administrativa no oeste de Guinea- Bisáu –capital da Guinea portuguesa ata 1941–, cunha superficie de 2.624 km² e unha población duns 35.000 habitantes, vaise converter no seguinte lugar en replicar o Plan Revitaliza de compostaxe da Deputación como xa o fixo a illa africana de Príncipe. Así o confirmou hoxe o investigador e xestor da Cátedra UNESCO en Biodiversidade e Conservación para o Desenvolvemento Sostible e membro da equipa Small Islands Organisation (SMILO), Antonio Abreu, na súa participación no seminario ‘Revitaliza no mundo’ organizado pola Deputación e o CEIDA.
Neste encontro, celebrado de maneira telemática e no que participaron preto dun cento de persoas, recolléronse as experiencias de diferentes entidades e administracións inspiradas polo modelo pontevedrés. Entre elas destacaron a de Illa de Príncipe e tamén as do Cabildo de La Palma e do Consorcio Provincial de Medio Ambiente da Diputación de Segovia, que puxeron sobre a mesa a importancia, as grandes oportunidades e os retos que supón a compostaxe descentralizada para os seus territorios.
Na súa intervención, Antonio Abreu explicou que unha vez coñecida a experiencia de Illa do Príncipe co modelo Revitaliza, os gobernantes da rexión de Bolama (formada por un arquipélago de illas situadas no océano Atlántico fronte á costa da rexión de Quinara) decidiron apostar pola compostaxe en proximidade. En breve, de feito, implantarán o modelo servíndose tanto do asesoramento do persoal técnico da Deputación como do propio persoal de Príncipe que recentemente estivo formándose en Pontevedra e que, por cercanía xeográfica, é máis facilmente accesible.
Segundo Abreu “foi unha felicidade atopar un proxecto como o Revitaliza que é aplicable ás pequenas illas” e que permite garantir o seu desenvolvemento ambiental de maneira sustentable grazas á súa simplicidade e posiblidade de trasnmisión de coñecemento nun contexto de dificultades económicas e de ultraperiferia insular para os lugares de destino.

No mesmo sentido, a secretaria rexional do Ambiente e Desenvolvemento Sustentable de Illa de Príncipe, Ana Alice Prazeres da Mata, subliñou que para Príncipe foi fundamental o Revitaliza á hora de desenvolver o seu propio plan de residuos. Destacou que grazas á Deputación elevouse o nivel do traballo e catro persoas foron formadas en xestión de residuos orgánicos (o 70% do lixo da illa). “A nosa intención é continuar coa relación, continuar a parcería con Pontevedra para desenvolver o traballo de campo e acadar un equilibrio entre o home e a natureza no campo dos residuos”, afirmou.
Pola súa parte, a conselleira de Medio Ambiente de La Palma, Nieves Rosa Arroyo, explicou que o cabildo insular vén dende 2015 traballando na compostaxe. Lembrou que no mes de marzo deste ano unha delegación canaria estivo en Pontevedra coñecendo in situ o Revitaliza para ‘beber’ dos seus coñecementos e destacou que “a compostaxe local é viable sempre se se aplica de xeito axeitado, sendo os mestres composteiros a base da súa eficiencia”. Subliñou que nestes momentos en La Palma hai un plan de actuación ‘La Palma orgánica’, baseado na autocompostaxe doméstica e na recollida selectiva para localidades de máis de 5.000 habitantes, que ten como obxectivo que “os residuos sexan responsabilidade de quen os xera”, coa vista posta nunha redución do lixo municipal e na actualización de taxas.
A técnica do Consorcio de Residuos de Segovia, Mate Herrero, subliñou pola súa parte, que o Revitaliza presenta grandes oportunidades para o desenvolvemento do seu plan provincial, tales como que é un modelo descentralizado que permite facer o tratamento dos biorresiduos preto de onde se producen; que se adapta ás contornas e persoas usuarias con versatilidade; que permite a xeración de emprego cualificado nun territorio disperso, de poboación envellecida e de escasa dinámica de creación de traballo como é Segovia; e que precisa a implicación da cidadanía na xestión dos seus propios recursos.
O futuro pasa pola compostaxe
Por parte da Deputación participaron no encontro ‘Revitaliza no mundo’ a presidenta Carmela Silva, o vicepresidente César Mosquera, así como o deputado Uxío Benítez e o asesor Carlos Pérez. Tamén o director do CEIDA Carlos Vales.
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, puntualizou na súa intervención que “o futuro do tratamento de residuos pasa pola compostaxe e neste ámbito non hai un proxecto máis potente e serio que Revitaliza”. Silva destacou a necesidade de construír un mundo mellor pero isto “non se vai a conseguir se o ser humano non é consciente de que ten que tomar posición”. A presidenta provincial puntualizou que “debemos cambiar os nosos hábitos destrutores do planeta e o tratamento de residuos, que aumentan de forma exponencial, posto que non son a mellor mostra dunha civilización que quere coidar o que máis valor ten: o medio ambiente e a terra”.
Carmela Silva lembrou que Revitaliza “naceu nunha provincia que ten 900.000 habitantes e agora hai moita xente de urbes moito máis poboadas que as nosas que están atendendo a este proxecto. Trátase dunha iniciativa que está a ser unha referencia na Unión Europea e cuxo modelo está a seguir o Ministerio para a Transición Ecolóxica”. A presidenta do ente provincial deixou claro que “esta suma de alianzas pode ter algo moi positivo, ademais de dar a coñecer un proxecto moi potente tamén o podemos facer chegar a quen ten que tomar decisións”.
Pola súa banda, o vicepresidente Mosquera subliñou que a acollida do Revitaliza tanto na provincia como no exterior está a ser “espectacular”, xa que a participación da veciñanza na compostaxe é moi alta e con moita implicación. “Apenas hai impropios, só cifras insignificantes imposibles na literatura, o que demostra que a cidadanía está por diante da administración, que tende a ser conservadora por unha cuestión de timoratismo e non impulsa medidas que leven a unha xestión de residuos responsable co planeta e o medio ambiente, cumprindo as determinacións legais”, subliñou.
Mosquera fixo fincapé en que dende o inicio o Revitaliza tivo obxectivos claros, para o que se puxo en marcha un programa baseado no coñecemento e na formación de xente experta, “facendo simple o complexo”: “O que comezou como unha aventura colleu unha velocidade vertixinosa e hoxe estamos máis avanzados do que soñabamos hai cinco anos, con resultados palpables”.
Pola súa parte, Uxío Benítez manifestou que o Revitaliza vén a demostrar que “é posible outra forma de xestionar os recursos de maneira máis sustentable e máis económica”. Indicou que existen oito concellos na provincia (As Neves, Mondariz, Mondariz Balneario, Vilaboa, O Grove, Tomiño, Valga e Illa de Arousa) que son exemplo de como facelo: “van por diante dunha maneira valente”, subliñou.