Martes, 18 Marzo de 2025

Tras a aprobación do novo orzamento, Mos chegará a 2023 con débeda cero

A partida orzamentaria adicada á amortización de débeda pública ascende a 1.315.381,08 euros

O Pleno do Concello de Mos aprobou onte coa maioría dos votos da Corporación Municipal o orzamento para 2021. O documento foi aprobado cos votos a favor do goberno local, a abstención da concelleira non adscrita Verónica Costas e os votos en contra de PSOE, GañaMos e BNG.

Unha vez máis o orzamento municipal mosense foi aprobado en tempo e forma, e antes do inicio do novo exercicio económico. E unha vez máis destínase unha área de gasto para reducir a débeda bancaria. Nesta ocasión a partida orzamentaria adicada á amortización de débeda pública ascende a 1.315.381,08 euros e, segundo informou a alcaldesa, Nidia Arévalo, “continuaremos nesta liña e en 2 orzamentos máis, no ano 2023, acadaremos a débeda cero no Concello de Mos”.

Trátase o de 2021 dun orzamento que ascende a 10.998.777,43 euros no seu estado de gastos. É o duodécimo presuposto que Nidia Arévalo elabora como rexedora municipal e se repite, por duodécima vez consecutiva, o feito de presentalo en tempo e forma antes do inicio do novo exercicio. Tamén se repite o feito de non ter pedido ningunha operación de préstamo bancario.

Sen embargo, non se repiten as circunstancias que marcaron a elaboración dos orzamentos anteriores, senón que neste novo documento o principal condicionante, con máis peso e influencia, foi a Covid-19.

A crise sanitaria da Covid-19 está a deixar a súa pegada en todos os aspectos e por elo o novo orzamento mosense de 2021 está moi marcado e condicionado pola pandemia que afecta en xeral a todas as partidas, tanto á alza como á baixa, co obxectivo de poder dar cobertura ás novas necesidades municipais surxidas á raíz da Covid-19.

Sí se manteñen nos doce orzamentos elaborados por este Concello con Arévalo na Alcaldía constantes como a súa presentación antes do inicio do exercicio económico correspondente, e que se trata dun documento que se axusta á realidade.

A gran novidade deste orzamento que é a creación dunha nova partida específica destinada a gastos derivados da Covid-19, que sumada ás subidas noutras partidas tamén por diversos gastos directos derivados da pandemia, ascende aproximadamente a uns 200.000 euros, que lle permitirán ao Concello adaptarse e afrontar os novos gastos que se xeraron coas novas circunstancias da nova normalidade.

A devandita partida inclúe, entre outros gastos municipais surxidos coa crise sanitaria, desde un reforzo de dotacións para a Policía Local e o Servizo Municipal de Emerxencias que implican unha mellora do equipamento específico para realizar labores relacionadas coa COVID-19, ata un aumento da dotación económica da partida de Educación, etc.

Ademais desta nova partida, o máis importante e destacable do orzamento 2021 é o importante incremento de Benestar Social, que crece debido ao incremento de horas de servizo á dependencia (SAF), entre outras políticas sociais e programas que demandan máis servizo, sendo a partida máis elevada, un ano máis, a destinada a gasto social, que acada o 1.632.914 euros.

A Policía Local de Mos, dotada de 422.337,46 euros, e o Servizo Municipal de Emerxencias, con 66.997,38 euros son dous departamentos que se ven reforzados no novo orzamento. A Policía continuando na liña de cubir as prazas vacantes, e o Servizo Municipal de Emerxencias co novo GES para Mos, xa que cómpre lembrar que o peso dos servizos a domicilio e desinfeccións para os afectados pola COVID-19 lévano desde Emerxencias.

No que respecta ás prazas da Policía Local, no presente ano 2020 xa se incorporaron 2 novos axentes locais e o vindeiro 2021 farano outros 2, co que a plantilla da Policía de Mos increméntase en 4 novos axentes. A dotación económica para os soldos dos 2 axentes que se incorporarán en 2021 ascende a 65.500 euros.

Educación crece ata chegar aos 108.500 euros ao dotarse con 16.000 euros ao protocolo específico de desinfección fronte á Covid-19 que se realiza en todos os centros educativos do municipio.

Tamén crece a dotación do Plan Cultural. Trátase dun reforzo económico para respaldar ás agrupacións do municipio nuns momentos nos que a súa actividade atópase prácticamente a cero por mor da crise sanitaria da Covid-19. Deste xeito increméntase a partida destinada a financiar o Plan Cultural do Concello de Mos pasando de 25.000 euros en 2020 a 40.000 en 2021 cunha subida porcentual do 60%.

Así, as bases do Plan Cultural modifícanse tamén, de xeito que se adapten á nova realidade e poidan contabilizarse como actuacións as colaboracións que realicen para dinamizar as redes sociais do Concello, sen necesidade de que se produza o espectáculo e/ou concerto físicamente.

En Deportes prodúcese un aforro do gasto en mantemento de instalacións deportivas como a Piscina Municipal, Pavillóns Municipais e Multiusos debido á reducción de actividades presenciais e aforo con motivo da crise sanitaria. Pero destaca a pesares disto, no capítulo de Deportes, a partida destinada a subvencións a deportistas e clubes mosenses aos que xa este 2020 se lles subira o importe da axuda municipal e, no 2021, ademais de manter a suba xeral, o equipo da U.D. Mos Feminino que ascendeu a Primeira Nacional verá incrementada a súa subvención crecendo ata chegar aos 40.000 euros, converténdose deste xeito o Concello de Mos no seu principal patrocinador, xa que dos 60.000 euros do orzamento total que ten o equipo, a administración local asume dous tercios.

Ademais do U.D.Mos Feminino, as entidades beneficiarias destas axudas son a Unión Deportiva Mos, o Club de Fútbol Alerta, o C.D. Louro Tameiga, o Club Xadrez Mos, o Club Natación Mos, as Escolas de Patinaxe de Mos, o Club de Patinaxe Rosaleira, o Club de Patinaxe Xiramos, a bailarina Patricia Martínez, a ciclista Susana Alonso, Juan Rivera, e o Clube de Tiro con Arco ‘Archer’s Team’.

Ademais das deportivas, mantéñense tamén todas as subvencións sociais que son un total de 3 destinadas a 3 colectivos sociais do municipio (AOMAMOS, AECC Mos e Solidariedade Galega co Pobo Saharaui) que suman 4.000 euros.

Desde o goberno local mosense séguense a priorizar os servizos e continúase a apostar polos labores de limpeza viaria, desinfeccións exteriores, mantemento de parques e xardíns e acometida de obras de saneamento, asfaltado e mellora da seguridade viaria.

Para elo deseñouse unha folla de ruta para levar a cabo o plan de inversións municipais, baseado no estudo previo de todas as necesidades existentes no Concello:

  • Un Plan de Parques para manter os parques infantís, biosaudables e zonas verdes en perfecto estado de revista aínda que non se vaian acometer novas áreas de lecer.
  • Avanzar na acometida da rede de saneamento municipal, aproximándose cada vez máis o remate do 100% da mesma.
  • Conservar e mellorar o patrimonio e edificios municipais.
  • Plan Anual de Asfaltados para a mellora da seguridade viaria no municipio.
  • Grandes obras. Obras de moita importancia que marcarán a presente lexislatura como por exemplo:

O Plan HURBE de Humanización da Contorna Parroqouial de San Mamede en Torroso cun orzamento total de 437.500 euros dos que a Xunta achegará o 70% e o Concello de Mos, o 30% restante (131.251,39 euros).

O Saneamento de Pereiras íntegramente financiado pola Xunta de Galicia cun orzamento total de 430.026,10 euros que acometerá Augas de Galicia e consistirá na execución de varios colectores que permitan completar o saneamento ao núcleo de Pereiras. A actuación dividirase en dúas zonas: Rede Norte e Rede Sur.

Rematar a nova senda fluvial do Río Louro cun orzamento total de 210.000 euros cofinanciado entre o Ministerio de Medio Ambiente e o Concello de Mos, que realizará unha aportación municipal de 105.000 euros.

Ademais o orzamento de 2021 trátase dun orzamento marcado pola contratación de todos os servizos municipais que foron sacados a concurso público e que xa se atopan adxudicados, entre os que están o material de oficina, alarmas, mantemento de parques e xardíns, soporte informático, climatización e calefacción… e un longo etcétera.

“Por suposto seguimos a impulsar medidas de aforro entre as que se atopan mater o esforzo desde esta Alcaldía para acadar axudas en forma de achegas económicas doutras administración” explicou a rexedora local mosense, “como veño facendo dende que son alcaldesa de Mos”.

Quen rematou a súa intevención de hoxe no Pleno “salientando que o orzamento de 2021 é un orzamento realista, dirixido a inversión real e servizos básicos, no que se contemplan os ingresos que corresponden, non se gasta por riba das posibilidades reais, e destaca sobre todo o orde e a austeridade en cumprimento do establecido pola lei”.

No estado de ingresos o orzamento municipal para 2021 continúa as liñas da liquidación do ano 2019. Todos os ingresos están axustados ao Padrón do ano 2019.

“En definitiva”, concluiu finalmente Arévalo “en xeral o orzamento de 2021 caracterízase pola influencia da crise sanitaria da Covid-19 que fai fluctuar, tanto á alza como á baixa, en xeral case todas as partidas. Pero, a pesar do seu incremento destinado a políticas sociais, é un presuposto baseado na austeridade e na eliminación de gasto superfluo ademais de ser presentado, como cada ano desde que son alcaldesa, en tempo e forma, antes do remate do exercizo en vigor e do inicio do novo exercizo, e cumprindo coa porcentaxe necesaria da área de gasto destinada á amortización de débeda pública e sen facturas pendentes de recoñecer de anos anteriores; o que fará que en 2023 Mos teña débeda cero”.