10.4 C
Pontevedra
Martes, 16 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaA Deputación lanza a súa campaña polo xoguete igualitario e non sexista...

    A Deputación lanza a súa campaña polo xoguete igualitario e non sexista como “ferramenta para cambiar o mundo”

    Carmela Silva: “A educación de fillos e fillas comeza pola elección dos seus xogos porque o que aprendemos de nenas e nenos marca a posición que imos ter ante a vida”

    ‘Xogando aprendemos a vivir. O xogo é unha ferramenta para mudar o mundo’ é o lema da nova campaña, a sexta, coa que a Deputación de Pontevedra quere fomentar a adquisición de xogos e xoguetes non sexistas durante este vindeiro Nadal. Unha campaña “dinámica, atrevida e fermosa” coa que, como sinalou a presidenta Carmela Silva, a institución quere incidir no feito de que “o que aprendemos de nenos e nenas marca a posición que imos ter ante a vida” e, polo tanto, busca promover “que as nenas e os nenos xoguen con todo, e xoguen tamén a coidar porque os coidados, que sempre estiveron en mans das mulleres, son este ano de pandemia o centro de todo”.

    A campaña está deseñada pola ilustradora Luz Beloso mentres a escritora Isabel Blanco é a autora do concepto e dos textos. A imaxe amosa a unha nena lendo, outra cun xogo de construción e a un neno que lle da de comer a un osiño de peluche. Deste xeito, a campaña tamén está centrada na idea de que as tarefas sexan compartidas de xeito igualitario. “Desde o nacemento comezamos a dicirlle ás nenas que elas son as que van coidar ao regalarlles xoguetes e xogos dedicados ao coidado: cociñas, vasoiras, fregonas, ou traxes de enfermeiras, reflectiu Carmela Silva, mentres que a eles lles agasallamos con bicicletas, motos, superheroes ou xogos de construción. Esta campaña quere rachar con iso. Queremos que as nenas xoguen con todo e os nenos xoguen con todo, e xoguen tamén a coidar. Porque coidar é fundamental”. A presidenta lembrou que nesta pandemia “fomos as mulleres as que seguimos teletraballando, pero tamén no 75% coidando a nenos e a nenas, a maiores, e a persoas dependentes”.

    “O xogo, o xoguete non só é un instrumento de lecer –engadiu-. É un instrumento de educación e crea pensamento. Se educamos ás nenas e aos nenos con xogos, xoguetes e cores diferentes, uns e outras entenderán que o seu papel na vida é un determinado, non aprenderán poden ser todo aquelo que desexen ser”. Neste senso, Carmela Silva citou a María Montessori ao sinalar que “non existe ningún home ou muller que non se formase a partir do neno ou da nena que foi algunha vez”. “Así que para ser mulleres e homes igualitarios e igualitarias e que apostemos porque todos teñamos o mesmo dereito, temos que ser ese neno e esa nena que aprende dende a igualdade –sinalou-. Esta campaña quere cambiar o modelo no que vivimos porque como xoguemos e como sexan os nosos xoguetes marcará como imos ser na vida e o noso comportamento”.

    Amais dos carteis, que se van repartir nos concellos para colocalos nos comercios, a campaña conta cun audiovisual elaborado por Regalamúsica, cuxos representantes Javier Abreu e An Táboas, estiveron presentes no acto celebrado hoxe na sede da Deputación en Vigo. Este vídeo vaise proxectar nas pantallas dos autobuses da empresa Vitrasa, e en dous dos vehículos tamén se colocarán vinilos da iniciativa ata o 7 de xaneiro. A campaña complétase con cuñas de radio e publicidade nos medios on e off line, co fin de “chegar a todas as familias da provincia”, como sinalou Carmela Silva. “É unha campaña moi potente, coa que queremos que as nais e os pais saiban que hai que pensar moi ben unha decisión que vai marcar como van ser as túas fillas e os teus fillos. Temos unha responsabilidade social coa educación das fillas e fillos e esa educación comeza pola elección que fagamos de a que xogan. Tomémolo moi en serio. Esta é unha campaña feita por moita xente que cre nun mundo mellor, onde nenas e nenos se desenvolven para ser adultos que defenden outra sociedade”.

    Isabel Blanco, pola súa banda, destacou a campaña como “imprescindible, porque mirar o mundo desde a perspectiva de xénero é miralo dende a igualdade para crear un mundo mellor”. A escritora exemplificou a mensaxe da iniciativa cun conto da súa autoría sobre a historia de dous irmás xemelgos, Margarida e Xoán, que ven como as mochilas do futuro da súa vida están cargadas de moi diferente maneira, a dela sempre con moito máis peso. Finalmente, An Táboas, de Regalamúsica, fixo fincapé en que o audiovisual quere reflectir a idea principal de “xogar, e ao mesmo tempo, non perder de vista a mensaxe tan necesaria da igualdade, que os nenos e nenas aprendan desde pequenos e teñan claro que son iguais”. “Entre todos poderemos conseguir un mundo mellor con campañas como esta”, afirmou.

    Apoio á deportista Paula Dapena

    A presidenta da Deputación, Carmela Silva, amosou hoxe o seu “total e absoluto apoio á futbolista pontevedresa Paula Dapena” ante as ameazas, incluso de morte, que está a recibir despois de que declinara, en consonancia coas súas ideas feministas, participar no minuto de silencio polo falecemento de Diego Maradona. “Que saiban todos os energúmenos que están atacando a Paula Dapena que ela non está soa –manifestou Carmela Silva–. Paula Dapena conta con todas as mulleres que cremos na igualdade ao seu carón. E quen a dane, dánanos a todas. E todas imos estar ao seu lado. A apoiamos, aplaudimos e cremos que é unha muller moi valente”.

    Carmela Silva chamou persoalmente á deportista esta mesma mañá para facerlle chegar este apoio. “Ela sabía o que ía significar, pero o fixo, e eses xestos cambian o mundo –subliñou a presidenta–. Todas somos Paula Dapena. Que quede claro que está moi acompañada. Se eses que hoxe lle atacan xogaran de pequenos con xoguetes igualitarios estarían ao carón de Paula. Porque é o único decente. A ver se seguimos camiñando cara a unha educación igualitaria para ter moitas Paulas e poucos homes que ameazan cando unha muller se empodera e di o que opina abertamente”

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.