Xoves, 27 Marzo de 2025

Os pequenos e pequenas de Gondomar recibirán unha videochamada persoal dos Reis Magos este Nadal

O goberno sustitúe así a recepción tradicional que as súas Maxestades facían aos pequenos do municipio e garante que todos poidan pedir os seus agasallos aos Reis

Ante a mensaxe que se transmite constantemente e que se converteu xa en lema sobre que “este ano o Nadal será diferente”, o goberno de Gondomar deseñou un programa de actividades e accións “co que pretendemos salvala para todas e todos, e axudar a que sexa igual de máxica e chea de ilusión que en anteriores edicións”, asegurou o rexedor Paco Ferreira.

O aceso oficial será o próximo día 5 de decembro na Praza da Paradela. Precedido dun espectáculo de animación e maxia a cargo de Sarao Animación limitarase o aforo de asistentes na rúa, pero a conta atrás e o aceso poderase seguir por streaming en todo o municipio.

Outro dos puntos álxidos destas festas márcao a presenza dos Reis Magos de Oriente. Os pequenos e pequenas de Gondomar terán a oportunidade de falar con eles e facelo en primeira persoa a través dunha videochamada que recibirán nos seus teléfonos.

Os interesados en participar deben acceder á plataforma www.nadal2020.es, onde os pais, titores ou familiares maiores de idade poderán inscribirse seguindo os pasos que se van indicando. Desta forma concretarán unha data e hora na que queiran que os seus pequenos/as reciban a chamada dos Reis Magos.

O alcalde, Paco Ferreira, xa confirmou que se celebrará a Cabalgata o día 05 de xaneiro, “adaptándoa ás novas circunstancias que estamos a vivir e por tanto será estática, situándose na carpa da Praza Paradela” para evitar grandes aglomeracións.