Varias persoas que practicaban surf a tarde de onte en Praia América rescataron a un home que se atopaba en apuros na auga a quince metros da beiramar.
Sucedeu ao fío das 17:25 horas e foron varias as persoas particulares que contactaron co 112 Galicia para dar conta da situación do nadador.
Axiña, os xestores de Emerxencias 112 Galicia pasaron o aviso a Salvamento Marítimo, ao Servizo de Gardacostas e a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, por se fose necesaria a súa intervención.
Ademais, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia informouse dos feitos á Policía Local e á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da localidade.
Segundo a información recollida no 112 Galicia, unha vez en terra, o home rexeitou ser asistido polos servizos sanitarios.