Mércores, 30 Xullo de 2025

A Deputación súmase ao Día Mundial do Enoturismo cunha cata no Castelo de Soutomaior

A Deputación de Pontevedra sumarase este domingo 12 de novembro xunto á Ruta do Viño Rías Baixas ás celebracións do Día Mundial do Enoturismo coa novena edición da Cata Amateur no Castelo de Soutomaior, aberta ao público e para a que xa están á venda as entradas na web do castelo (www.castelodesoutomaior.com). A institución provincial programa este evento, que se desenvolverá de 11:00 a 14:00 horas e contará coa presenza do presidente Luis López, co obxectivo de promocionar os viños e o produto turístico relacionado co sector vitivinícola na provincia.

Na cata, que estará amenizada con música en directo de Dani Barreiro & Friends e será conducida polo prestixioso sumiller Nacho Costoya, daranse a coñecer cinco viños da D. O. Rías Baixas, harmonizados con conservas galegas. A degustación terá lugar entre as 11:00 e as 14:00 euros e as persoas asistentes poderán visitar libremente o castelo a partir das 13:00 horas. Hai un total de cen prazas para o evento, que contará ademais cun concurso dirixido ao público asistente, que deberá acertar a combinación de viños na fase de cata a cegas. As entradas custan 8 euros e pódense adquirir ata un máximo de 9 por persoa.

O Día Mundial do Enoturismo está promovido pola Rede Europea de Cidades do Viño (RECEVIN), co obxectivo de potenciar o turismo relacionado co viño e a promoción das zonas vinícolas como vertebradoras de territorios rurais e xeradores de riqueza económica, cultural e patrimonial. Celébrase todos os anos o segundo domingo de novembro e durante esta xornada teñen lugar diferentes actividades festivas e culturais en toda Europa.

A traxectoria vital de Francisco Sánchez recollida nunha exposición en Tui

0

A Sala Municipal de Exposición do Concello de Tui acolle unha exposición dedicada á figura do egrexio médico e filósofo tudense Francisco Sánchez, coincidindo co cuarto centenario do seu falecemento, o 16 de novembro de 1623, na cidade francesa de Tolosa.

Esta mostra presenta a traxectoria vital de Francisco Sánchez, nado en Tui no ano 1550, cidade na que reside co seu pai, o médico Antonio Sánchez, ata como mínimo o ano 1564. Posteriormente, debido a súa condición de “cristiáns novos”, antigos xudeus convertidos ao cristianismo, deben migrar a terras francesas de Bórdeos.  Inicia a súa formación nesta cidade que completa en Roma e Montepellier onde se gradúa en Medicina. Nun autógrafo seu na inscrición na Universidade asina o 21 de outubro de 1573 como “Ego, Francisco Sanctius, Hispanus, natus in civitate Tudensi…” proba definitiva e irrefutable sobre o berce do pensador na cidade tudense. Posteriormente se instala en Tolosa, como médico e docente, ata a súa morte.

A figura de Francisco Sánchez salienta pola súa obra filosófica “Quod nihil scitur” (Que nada se sabe) que supón un precedente do pensamento de René Descartes ou do método científico de Francis Bacon. Resulta un autor moi salientable do pensamento europeo da segunda metade do século XVI, do renacemento europeo.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e a concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, acompañados por Laureano Alonso, que cedeu algún material vinculado a Francisco Sánchez que se expón na mostra, e polo ilustrador Andrés Lamas,  realizaron esta mañá un percorrido pola mostra que pode ser visitada polo público até o 22 novembro de luns a venres de 9 a 14 h e de 15.30 a 20.30 h e os sábados de 9 a 13 h.

Para a concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente Solla, esta exposición permite un achegamento á figura deste pensador tudense, un dos principais representantes da filosofía europea do século XVI. Engade que con motivo deste centenario dende o Concello de Tui búscase divulgar a súa obra e traxectoria.

Pola súa banda o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, salienta a importancia desta exposición, ao igual que dos actos previstos nos próximos días, para dar a coñecer a figura deste tudense universal.

Exposición “Debuxando o Tui xudeu”

Paralelamente, a mesma Sala Municipal de Exposicións acolle unha escolma dos debuxos realizados, o pasado mes de setembro, no encontro realizado en Tui polos grupos de urban sketchers co lema “Debuxando o Tui xudeu”. Un total de 42 debuxos, realizados por algúns dos participantes neste evento, recollen diversos lugares do conxunto histórico tudense realizado in situ ao longo daquela xornada cunha multiplicidade de técnicas.

O Porriño acomete a reparación das pontes de madeira da senda do Louro

O Concello do Porriño acometerá a reparación das pontes de madeira do Louro para garantir a seguridade dos viandantes. Estas pontes, instaladas no ano 2010, presentan serios danos fundamentalmente nas partes de madeira que serven de base e que sofren a degradación producida pola humidade ao estar en contacto permanente co terreo. Isto provoca o fallo dalgunha das pezas da base que resta estabilidade na plataforma coa conseguinte rotura de táboas, ademais de presentar risco na estrutura principal.

“Trátase de 3 pontes de gran tamaño que permiten cruzar o Louro e unha cuarta pasarela de menor tamaño que cruza un pequeño cauce afluente e que forma parte da senda peonil que percorre a marxe do río”, explicou o concelleiro, Marcos Martínez.  

Para solucionar esta situación levantaranse as pontes para a sustitución da estrutura de base dos mesmos con novos elementos de madeira ou con outra solución constructiva que poida ser autorizada pola Confederación Hidrográfica do Miño-Sil. Repararase a plataforma de paso renovando as pezas en mal estado e aplicando ao conxunto un tratamento para reducir a resbaladicidade

“Asemade, na ponte metálica que cruza o río augas abaixo paralela ao vial de acceso a Pontellas, as taboas que forman o pavimento están deterioradas e levarase a cabo a súa reposición con taboas que polo seu deseño raiado e o seu tratamento superficial eviten a resbalabilidade”, engadiu o edil.  

Así, serán 5 as estruturas sobre as que se actúe de maneira urxente, o que requerirá unha inversión de 72.000 euros que xa foi consignada polo goberno municipal.

“A senda do louro é un lugar moi concurrido ao que acoden a diario moitos porriñeses e o estado destas pontes supón un risco, non só porque se atopa resbaladizo senón porque as taboas levantadas poden provocar caídas”, concluíu o alcalde, Alejandro Lorenzo, “Por iso, urxe acometer estas melloras. Queremos poñer en valor esta contorna natural e para iso, ademais dos proxectos que temos en marcha para o parque do río, hai que manter en boas condicións a senda peonil, tanto de limpeza como a nivel estrutural. Queremos que a veciñanza siga vivindo e disfrutando do noso río”.

Presentación do libro de Porto Cabeiro, escrito a través do alumnado

0

O vindeiro martes, 7 de novembro ás 17:30 h, haberá unha actividade especial no salón de actos do colexio de Porto Cabeiro. Trátase da presentación do libro “O alumnado de Porto Cabeiro escribe sobre as súas parroquias”. Un libro editado polo Concello de Redondela e preparado dende o SNL coa colaboración do equipo de normalización do citado centro.

O libro reproduce traballos que o alumnado fixo ao longo de moitos anos sobre toponimia local, lendas e costumes da zona, patrimonio da parroquia etc. Unha colección de traballos que acollen unha descrición do patrimonio material e inmaterial de Vilar de Infesta e Cabeiro. A escolma pretendeu ser o máis representativa posible dando entrada a todo tipo de manifestacións culturais como son o entroido ou os oficios tradicionais.

O acto está aberto á participación do público pero, en especial, á comunidade educativa e familias das parroquias de Vilar e Cabeiro. Os libros pódense levar de agasallo.

No acto participarán a directora do centro Sonia Montenegro, a mestra Susana Crespo, o responsable do SNL Xurxo Martínez González e a alcaldesa Digna Rivas.

Xornada de portas abertas no Museo do Viño

O vindeiro domingo celébrase o Día Mundial do Enoturismo e con motivo de tal celebración o Concello de Salvaterra de Miño quere promover un dos seus maiores expoñentes cunha xornada de portas abertas.

De xeito gratuíto e por grupos os visitantes descubrirán o Museo da Ciencia do Viño, un espazo de divulgación da viticultura e enoloxía de España. Un museo altamente interactivo, didáctico, idóneo para o desfrute de toda a familia.

O horario de visita será de 11:00 a 13:00 e de 17:00 a 19:00 horas e para inscribirse é
preciso porse en contacto co museom ben por correo electró[email protected], ou ben nos teléfonos 617148866 e 629770177. As prazas son limitadas.

Preto de 200 persoas da provincia participan esta semana no programa Depotermal

Un total de 183 persoas maiores de 50 anos de 19 concellos da provincia gozarán ata o 10 de novembro do programa “Depotermal” da Deputación de Pontevedra, con estadías no Gran Talaso Hotel Sanxenxo, no Hotel Novo Astur de Vilalonga, no Hotel Carlos I Silgar de Sanxenxo e no Balneario de Mondariz, sendo o último o fixado para a estadía diúrna. Durante a súa estancia poderán facer uso das instalacións de termalismo dos establecementos, así como participar noutras actividades artísticas, deportivas, formativas, sociais ou turísticas.

Deste xeito, este domingo comezan as estadías con pernoita de tres grupos. A primeira destas expedicións, que conta con 51 persoas inscritas dos concellos Fornelos de Montes, Moraña, Valga e Vigo partirá rumbo ao Gran Talaso Hotel Sanxenxo. O segundo grupo, que irá ao Hotel Novo Astur de Vilalonga, está composto por 56 persoas da Estrada, Baiona, Cangas, Gondomar, Moaña, Mos, Pontevedra, O Rosal, Redondela, Salvaterra de Miño, Soutomaior, Vigo e Vilaboa. Por último, 44 persoas dos concellos de Baiona, Cangas, Moaña, Poio, Redondela e Vigo desfrutarán dunha estadía no Hotel Carlos I de Silgar, en Sanxenxo.

No que atinxe ás saídas diúrnas, serán 32 persoas as que desfrutarán dos tratamentos termais do Balneario de Mondariz dende o luns 6 de novembro ata o venres 10. Todos eles proveñen dos concellos de Fornelos de Montes, O Porriño, Pazos de Borbén, Redondela e Soutomaior.

O programa de termalismo e saúde da Deputación de Pontevedra, dirixido ás persoas maiores de 50 anos, xubiladas, pensionistas, persoas cun recoñecemento do grao de diversidade igual ou superior ao 65% ou que teñan acreditado un respiro familiar, ten como finalidade facilitarlles aos veciños da provincia o acceso a actividades de ocio saudable e envellecemento activo en establecementos hostaleiros. Ademais, ao mesmo tempo, pretende ser un programa dinamizador da economía da provincia, impulsando a creación e o mantemento de postos de traballo no sector turístico durante os períodos de menor actividade ao desestacionalizar a demanda.

“Depotermal” conta con dúas modalidades: unha diúrna, mediante a que as persoas beneficiarias asisten aos establecementos termais durante cinco días consecutivos, e outra con pernoita, a través da que se ofrece unha estancia de seis días e cinco noites. En total, son 2.447 as persoas beneficiarias, das que 664 aproveitarán a asistencia diúrna e 1.783 persoas a asistencia con aloxamento.

Nigrán reestablece o coeficiente do IBI nun 0,6 %

0

O goberno de Nigrán aprobou no Pleno extraordinario de onte restablecer o 0,6 % de coeficiente do IBI urbano que rexeu ata 2016 co fin de manter o equilibrio orzamentario. Foi precisamente este mesmo goberno quen decidiu no 2016 baixar o coeficiente ao 0,5 % (o mínimo legal é do 0,4 % e o máximo dun 1,5 %) ao ser posible nese intre esa rebaixa e manter ao mesmo tempo o balance económico.

“A situación nestes últimos 7 anos cambiou moito: de 260.000 € que investíamos en ‘Axuda a Domicilio’ a 1 millón de euros que terá o vindeiro contrato, ou de ter que abonar 0 euros á Xunta en concepto da depuradora a preto 400.000 €; así como 650.000 € a Sogama, 80.000 € polo transporte metropolitano, 70.000 € á Escola Infantil ‘A Galiña Azul’… Todo elo sumado á suba da electricidade de 540.000 € a 900.000 €, polo tanto, se queremos seguir gobernando de xeito responsable e atendendo á veciñanza como merece, debemos regresar ao coeficiente de 2016”, explica o alcalde, Juan González, quen incide en que rexerá no exercicio 2024 manténdose as mesmas bonificacións que existían (familia numerosa, entidades de interese social, centros de ensino…). “Esta situación non é única en Nigrán porque a todos nos afectan as mesmas medidas da Xunta, por iso moitos concellos xa actualizaron o coeficiente, como poden ser O Rosal, A Guarda, Sanxenxo, Vilanova de Arousa, Marín, Pontecaldelas ou Meaño; outros moitos o irán facendo nos vindeiros meses”, adianta.

O resultado de pasar do 0,5 % ao 0,6 % traducirase en que un recibo de 168,98€ por un piso de 120 m2 no centro urbano de Nigrán pasará a 202,78 € (igual cantidade que pagaba antes de 2016). “É un incremento que o común dos veciños non notará porque son 30 € máis ao ano nun piso medio, nas grandes propiedades o aumento será de 60 € aproximadamente; é dicir, pagarán no 2024 o mesmo importe que viñeron abonando ata 2016, polo que consideramos que é unha suba moi pequena que só notarán os patrimonios grandes”, explica o rexedor, quen incide en que o goberno local nunca aceptou actualizar os valores catastrais, que datan no municipio de 1994, “porque o prezo das vivendas nestes últimos 30 anos subiu moitísimo, especialmente en Nigrán, e esa revisión si sería realmente prexudicial para o peto de toda a veciñanza” e tampouco aproximarse ao máximo legal permito de coeficiente, que é un 1,5% (case o triplo).

“A alternativa a manter o coeficiente no 0,5 % traduciríase de xeito directo en que non se podería contratar o próximo Servizo de Axuda a Domicilio co orzamento de 1 millón de euros necesario para atender de verdade a toda a veciñanza que ten dereito a esta prestación. Sabemos que é unha medida impopular pero resulta imprescindible se queremos gobernar de xeito responsable e sen esquecernos de quen máis o precisa”, resume o alcalde, quen engade que, “precisamente a boa xestión económica do Concello permite que manteñamos a Contribución moi baixa, lonxe do 0,91% de Vigo e igual que na Guarda (0,6 %)”.

O programa SmartPeme da Deputación oferta esta semana catro novos obradoiros

A Deputación de Pontevedra, a través do programa SmartPeme de asesoramento tecnolóxico para pemes e persoas autónomas, oferta esta semana catro novas accións formativas telemáticas enmarcadas na súa carteira de obradoiros. Trátanse de obradoiros de ciberseguridade, posicionamento SEO, comercialización en liña, chat GPT e Stable Diffusion.

As accións formativas inícianse hoxe luns,6 de novembro, ás 10:30 horas, con “Ciberseguridade, copias de seguridade”. Trátase dun obradoiro para dar a coñecer a importancia de ter os datos apoiados nunha copia de seguridade fronte a calquera tipo de incidencia. Será impartido polo experto universitario en robótica, programación e impresión 3D Manuel Freire.

O martes 7, de 17:00 a 18:00 horas, terá lugar o taller “SEO para redes sociais”, onde Laura Carrera, graduada en Publicidade e Relacións Públicas e con experiencia en comunicación e márketing dixital, explicará a importancia das redes sociais para o posicionamento nos resultados de busca de Google.

O mércores 8, entre as 11:00 e as 12:00 horas, impartirase o obradoiro “Comercialización en liña de experiencias gastronómicas”. O obxectivo deste taller é dar a coñecer e dominar as múltiples canles que ofrece internet para comercializar experiencias gastronómicas para permanecer na mente dos consumidores fronte á competencia. Sonia Torres, Técnica de Empresas e Actividades Turísticas, será a encargada de impartir este obradoiro.

Finalmente o xoves 9, ás 12:00,  terá lugar o curso “Chat GPT e Stable Diffusion, aprende o seu funcionamento VI”, onde continúa o itinerario dedicado aos modelos de Intelixencia Artificial, que neste sexto taller abordará as novas IA que veñen.

A Cañiza actualiza impostos para ataxar a débeda que o Concello adquiriu en mandatos anteriores

0

O pleno da Cañiza desta semana acordou a actualización de 3 impostos e 3 taxas de servizos públicos, marcada pola actual situación económica do Concello que arrastra unha débeda (antes ante os proveedores e agora co Ministerio de Facenda) que todos os cañicenses teñen que pagar ata devolver os 2.769.008,52 € en facturas a proveedores que quedaron sen pagar en anos e mandatos anteriores, e que houbo que declarar en 2022 e 2023 a través de sendos Mecanismos de Pagos a Proveedores tramitados ante o Ministerio de Facenda.

Unha débeda que mensualmente hai que devolver en forma de retención a conta da participación do Concello nos Tributos do Estado. Esta devolución a día de hoxe é de 46.000 €/mes (552.000,00 €/ano), pero que se está tentando rebaixar, elaborando un Plan de Axuste e Saneamento financeiro para minorar esta devolución a 23.000,00 €/mes  (276.000,00 €/ano), ampliando o prazo de devolución.

Sumando o déficit dos principais servizos municipais (-368.568,25 €) e a devolución a Facenda (-276.000,00 € , sempre que Facenda o autorice) supoñen unha carga anual para o Concello de -644.568,25 euros.

Unha situación que sumada á carestía da enerxía e a suba dos prezos do mercado, xunto coas subidas salariais do persoal municipal, obriga a ter de actualizar a fiscalidade municipal.

Unha medida comedida que non é suficiente para poder equilibrar os gastos e os ingresos da prestación do servizos, xa que a subida repercutida podería NON CHEGAR siquera para cubrir a devolución ao Ministerio de Facenda.

ACTUALIZACIÓN DOS IMPOSTOS DO IBI, DO IAE E DE VEHÍCULOS

Este 3 de novembro o Pleno acordou a actualización do imposto do IBI (que afecta a todos os veciños que teñen vivendas, bens e propiedades inmobles) que sube en Urbana un 15% e en rústica un 10%. Ademais, sube un 20 % para os valores máis elevados en urbana en canto á súa clasificación (industrias, áreas comerciais, etc).

O imposto do IAE (de actividades económicas) increméntase en torno a un 10% en todo o conxunto.

E o imposto de vehículos (de rodaxe), paralizado dende hai case 20 anos, actualízase tomando como referencia as tarifas do Concello de Ponteareas do ano 2018.

ACTUALIZACIÓN DAS TAXAS DOS SERVIZOS DE SANEAMENTO, LIXO E AGUA

O Alcalde explicou esta mañá que o Concello subirá as taxas destes 3 servizos.

Na taxa do Servizo Municipal de Saneamento, cuns costes de 253.218,64 €, uns ingresos de 55.678,55 € e un déficit de -197.540,09 €, a subirá será dun 20 % no casco urbano. Ademáis se incorporarán as vivendas no rural que teñen o servizo pero que nunca pagaron polo mesmo e polo tanto é de aplicación a Lei que obriga a pagar pola súa prestación.

No caso do Servizo Municipal de Recollida de lixo, cuns costes de 305.252,28 €, uns ingresos de 173.716,58 euros e un déficit de -131.535,70 €, SUBIRÁ no casco urbano 1,00€/mes e nas parroquias 1,50 €/mes. Ademais, aqueles veciños que soliciten a recollida de voluminosos terán que abonar unha taxa de 10 €/recollida. Este servizo continuará sendo gratuito se o residuo se leva directamente ao punto limpo.

A taxa do Servizo Municipal de Auga cuns costes de 154.287,45 €, uns ingresos de 114.794,99 € e un déficit de -39.492.46 €, subirá tamén un 20 %, pasando dunha cuota fixa de 6 € a 7,20 €.

Con esta actualización a estimación de recaudación é de 116.402,64 € máis que sumados aos 344.190,12 euros de ingresos, ofrece unha suma de 460.592,76 € para estes 3 servizos. Con todo, os costes de prestación superan os 712.758,37 €, polo que o saldo continúa sendo negativo en -252.165,61 €.

Salvaterra recibirá á campioa de Europa de fútbol sala feminino

O venres tivo lugar a presentación, en Salvaterra de Miño, do partido amigable entre
España e Portugal que se celebrará o mércores 8 de novembro ás 19:00 horas no Pavillón
Candido Carrera da vila. Este será o segundo encontro entre as dúas grandes potencias do
fútbol sala feminino europeo xa que previamente disputarán o primeiro dos amigables
o martes 7 de novembro ás 18:30 horas na localidade de Verín logo do acordo ó que a
Real Federación Galega de Fútbol chegou cos dous concellos.

A selección española que ven de proclamarse neste 2023 campioa de Europa de fútbol
sala volta a Galicia casi catro anos despois nun dobre compromiso que está a punto de
colgar o cartel de entradas esgotadas e que poderá verse a través de Teledeporte e RTVE
Play.

A alcaldesa de Salvaterra de Miño, Marta Valcárcel, valorou que “un evento deportivo de
tal relevancia chegue a Salvaterra de Miño pondo de manifeso o auxe do deporte
femenino que agardemos manteña esa liña ascendente”.

O Rosal prepárase para celebrar o seu Mercado de Nadal

0

O Rosal prepárase para festexar o Nadal. O Concello abrirá o vindeiro luns 6 de novembro ás 09.00 horas o prazo de inscrición para participar no tradicional Mercado de Nadal, “un lugar de oportunidades para as persoas que realizan traballos relacionados coa artesanía e co deseño, un espazo que permite cada ano visibilizar o traballo e o talento creativo e innovador de artistas artesáns da nosa vila”, recorda a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

O tradicional Mercado de Nadal do Rosal abrirá as súas portas os días 2 e 3 de decembro no salón de exposicións do Concello e o público poderá visitalo de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00 horas.

Todas as persoas interesadas en participar e ter un posto no mercado deberán presentar a súa solicitude de participación no Rexistro do Concello ata o vindeiro 21 de novembro acompañada da documentación correspondente: DNI, carné de manipulador de alimentos no caso de venda de produtos gastronómicos que non teñas pasado controis de calidade, a solicitude de inscrición e unha declaración responsable.

Como é habitual, o mercado estará aberto á participación de asociacións sen ánimo de lucro, persoas produtoras e vendedoras de produtos gastronómicos (repostería, mel, queixos, marmeladas, turróns…) e persoas artesás dedicadas aos máis diversos sectores.

Establecerase un máximo de 15 postos para a celebración deste mercado que se concederán por estrito orde de entrada da solicitude. Ademais, soamente se concederá un posto por participante, que deberá traer a súa propia instalación e decoración e que deberá ser o máis atractiva posible e adaptada á temática da época de Nadal.

O Porriño acolle 40 migrantes

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, mantivo unha xuntanza co responsable da ONG Diversidades e presidente de Red Acoge, Santiago González, e a directora xeral de Red Acoge,  Lucía Maquieira, para coordinar entre ambas entidades a atención que se presta ás 40 persoas migrantes que foron acollidas no municipio e mostrar a disposición do Concello do Porriño a contribuír no que sexa preciso.

Tras a xuntanza o Concello do Porriño e a Federación Red Acoge queren trasladar o seguinte á veciñanza:

  • Agradecer á cidadanía do Porriño a súa resposta exemplar, mostrando a súa solidariedade como ten acontecido ante outras emerxencias humanitarias.
  • Salientar que o Programa de acollida a persoas migrantes conta cos recursos precisos para dar cobertura ás necesidades básicas polo que non se require de doazóns de roupa, comida ou outros enseres. No caso de detectarse necesidades concretas faríase un chamamento especificando as mesmas. Neste programa de resposta humanitaria as organizacións sociais acompañan ás persoas acollidas cunha atención integral e especializada, con acollida temporal, cobertura de necesidades básicas e equipos interdisciplinares que inclúen tradución, orientación e asistencia xurídica, atención psicolóxica e psicosocial ou asistencia sanitaria para asegurar as condicións necesarias nesta situación de emerxencia.
  • Facer un chamamento a que se respete a privacidade das persoas acollidas, non invandindo o espazo no que se atopan nin expoñéndoas públicamente. Trátase de xerar un entorno seguro sen que sexan sometidos a exposición, unha cuestión fundamental no proceso de acollida e inclusión tendo en conta o contexto de alta vulnerabilidade e violencia de quen se viu forzado a a migrar. Debemos garantizar un entorno seguro que favoreza a igualdade de trato e a condena social ao discurso que criminaliza e estigmatiza ás persoas que atravesan esta situación.

Tomiño continúa co traballo da mesa de convivencia de agro e veciñanza

0

O Concello de Tomiño continúa avanzando na convivencia de agro e veciñanza coa celebración dun encontro da mesa de traballo integrada por representantes de diferentes eidos. Trátase dunha das medidas tomadas polo Goberno municipal ante a inacción da Xunta de Galicia e o silencio das consellerías de Medio Rural e Medio Ambiente, Territorio e Vivenda a proliferación de moscas, unha problemática que afecta a moitos concellos galegos e sobre o que ten competencia exclusiva a Administración autonómica, xa que se trata dunha praga que non recoñece de límites municipais territoriais.

O Concello está a elaborar en colaboración co grupo de investigación de Bioloxía ambiental da Universidade de Vigo un estudo co que se busca detectar as especies problemáticas e valorar a orixe e as causas desta proliferación de moscas. Durante esta primeira reunión, as e os integrantes da mesa de traballo fixeron fincapé na importancia de contar cunha comunicación directa entre Concello e veciñanza a través de app Liña Verde, vía telefónica ou mesmo presencial para recadar todos os datos posibles sobre a proliferación explosiva e puntuais destas moscas.

O Concello está a realizar un seguimento do problema, que xera graves molestias na vida diaria da veciñanza afectada. Así, para a diagnose deste estudo estanse a realizar recollidas de mostras de todos os avisos rexistrados na Liña Verde para a caracterización morfolóxica e identificación dos exemplares colleitados durante as proliferacións. Ata o momento o 99% das especies estudadas polo equipo investigador son da mesma especie, a mosca común. Unha vez rematado o estudo, o Goberno municipal porá a disposición da Xunta de Galicia todos os resultados acadados para que a Administración autonómica tome as medidas que considere oportunas.

Paralelamente a alcaldesa, Sandra González, mantivo reunións con representantes da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) e coas alcaldesas de Salvaterra de Miño e Salceda de Caselas, Marta Valcárcel e Dolores Castiñeira, para intercambiar impresións sobre un problema que non é individual de cada concello senón que afecta a municipios de toda Galicia, dende Narón ata Oia. O grupo de alcaldesas propuxo á FEGAMP que faga “unha consulta a nivel galego sobre os concellos que se ven afectados por esta problemática, que intuímos que son moitos, para que a Xunta tome as medidas oportunas a este respecto”.

Redondela celebra unha xuntanza cos veciños de Chapela para dar información sobre as obras da AP-9

0

O auditorio do Piñeiral do Crego acollerá, o mércores 8 de novembro ás 17.30 horas, unha charla informativa á que están convidados colectivos e asociacións de Chapela, así como toda a veciñanza da parroquia que desexe asistir. O obxectivo desta xuntanza é darlles cumprida información sobre as obras de reposición da autoestrada AP-9 que acaban de comezar. A alcaldesa, Digna Rivas, avanzou que na reunión participarán responsables de Audasa, empresa concesionaria da autoestrada, e de Civis Global, a construtora adxudicataria das obras. 17.30 horas.

Os traballos centraranse na mellora do viario de Chapela e Trasmañó na contorna das obras de ampliación da AP-9. Ampliarase o paso sobre a autoestrada que dá acceso a San Vicente de Trasmañó, renovarase o Camiño Mouriño e realizaranse melloras no Camiño da Igrexa e Rúa Pasán. O proxecto inclúe a renovación das redes de abastecemento, a iluminación pública e dous parques infantís da zona. As obras contan cun orzamento de 2,65 millóns de euros e o prazo de execución é de 9 meses.

Comeza a programación de “Baiona lila”

0

O Multiúsos Mercado de Sabarís acolleu a presentación da programación “Baiona Lila”, a programación organizada polo Concello de Baiona, a través da Concellería de Igualdade, co gallo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, que trae consigo un mes dedicado a actividades para sensibilizar e educar contra a violencia á muller no Concello de Baiona. Ademais, o acto foi ambientado cunha performance do alumando do CPI de Cova Terreña. Tamén se inaugurou a exposición “Ti contas, ti transformas”. 

Durante os sábados deste mes haberá una actividades de concienciación tendo lugar o 25 N, o acto central  de conmemoración do día internacional contra a violencia de xénero . A praza do concello de Baiona acollerá ese sábado ás 12:00 h. Unha marcha contra a violencia de xénero e unha performance do alumnado do CPI de Cova Terreña. Previamente o sábado 11 de novembro ás 12:00 h. O Multiusos Mercado de Sabarís acollerá o obradoiro “A sexualidade nace con nós, educamos dende a infancia” imparte gabinete AMATURI dentro do Programa Móllate coa igualdade ANPA BELESAR. O sábado, 18, este mesmo espazo acollerá unha sesión dobre de cine: ás 17:00 h. Para o público infantil proxectarase “Calamity” e ás 20:00 h. Para as persoas adultas “Matria”.

O xoves 16 ás 11:00h a GalEscola de Baiona acollerá o contacontos “Entre Arrolos e Contiños” de Bea Campos.

O venres 17 a escritora Iria Misa presentará o seu libro “Unha veciña de pélicula” ás 19:30h no Multiúsos de Sabarís.

Durante os domingos deste mes de novembro haberá unha cita fixa ás 12:00 no Multiúsos Mercado de Sabarís. Os domingos estarán dedicados as crianzas con  contacontos: Así, o domingo 5, Paula Cabreira divertirá aos máis pequenos co contacontos “ A pescadora de Bagdad, as sete irmás e a balea”; o domingo 12 será a quenda de Bea Campos con “Elas contan moito”.

Os centros de ensino municipal acollerá distintas actividades: Obradoiro” Educación emocional con perspectiva de xénero” percorrerá o  martes 7 ás 9:20/11:50h.  O CEP Sabarís; o xoves 9 ás 8:50/11:20h. O CEIP Fontes;  o martes 14 ás 8:50/ 11:15h. O CEIP Belesar; o mércoles 15 8:30/11h. y 11:30/14:00h  o CPI Cova Terreña.

As regueifas, un fermoso método para aprender galego e linguaxe non sexista e non homófoba, tamén forman parte de esta programación. Baixo o lema “Regeifas pola Igualdade” o IES Primeiro de Marzo acollerán o xoves 16 e o venres 24 esta actividade. Tamén o alumnado da ESO do CPI de Cova Terreña poderá realizar esta novedosa actividade o luns día 20.

Mos subvenciona a actividade extraescolar de inglés a 200 alumnos

0

O Concello de Mos desenvolve a segunda edición da actividade extraescolar de inglés para o alumnado mosense, tras o éxito da primeira que tivo lugar durante o curso pasado.

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira de Educación, Julia Loureiro, informaron do inicio da iniciativa e salientaron que no orzamento municipal para o vindeiro ano 2024 aprobado hai uns días en Pleno increméntase a partida xeral destinada a Educación, chegando aos 536.750,87 euros. E dentro dela a dotación económica de actividades extraescolares duplícase.

A actividade extraescolar de Inglés organízase para a obtención do Trinity por parte dos escolares que a cursen e está subvencionada polo Concello. Trátase dun programa municipal organizado en colaboración coas ANPAs.

Nestes intres atópanse xa inscritos un total de 190 escolares: No CEIP Atín-Cela 37 alumnos, no CEIP Petelos 26 alumnos, no CEIP Mestre Martínez Alonso 55 alumnos, no CEIP Pena de Francia 33 alumnos e no CEIP Mestre Valverde Mayo 39 alumnos.

A actividade lévase a cabo en cada centro escolar, mantendo o día e horario do curso pasado:

  • Luns CEIP Atín-Cela de 16.30 h a 17.30 h.
  • Martes CEIP de Petelos de 16 h a 17 h.
  • Mércores CEIP M. Martínez Alonso de 16 h a 17 h.
  • Xoves CEIP Pena de Francia de 16 h a 17 h.
  • Venres CEIP M. Valverde Mayo de 16.15 h a 17.15 h.

O alumnado divídese en función do curso no que se atope e tendo en conta a proba de avaliación que se lle fai ao comezo das clases.

Fixéronse os grupos o máis reducidos posible en función dos inscritos por curso, para ter un seguemento máis persoalizado por alumno/a. As clases teñen unha duración dunha hora e son impartidas por profesorado bilingüe, con gran experiencia e vocación. O custo da actividade é de 5 €ao mes.

Esta iniciativa está promovida polo Concello de Mos en colaboración coas ANPAs dos 5 colexios públicos mosenses: CEIPs Atín-Cela, Mestre Martínez Alonso de Castro-Mos, Mestre Valverde Mayo de Sanguiñeda, Pena de Francia e Petelos. O programa impartirase durante todo o presente curso escolar dentro das actividades extraescolares organizadas polas ANPAs que se realizan nos centros educativos.

Durante o curso prepararase ao alumnado participante para a obtención do Certificado Trinity. Os exames Trinity son probas que outorgan títulos oficiais de inglés recoñecidos mundialmente mediante o Trinity College London.

Tanto as representantes municipais, Arévalo e Loureiro, como as membros das ANPAs mosenses destacan “a importancia que o inglés ten para o futuro académico e laboral dos nosos nenos e mozos, é unha das claves para o éxito profesional e fundamental para desenvolverse en países do estranxeiro. É una ferramenta imprescindible para eles, da que queremos dotalos para que o futuro de Mos estea o mellor preparado posible”, declararon.

Nigrán ofrece unha excursión a Fátima

0

O Concello de Nigrán ofrece unha excursión a Fátima (na zona central de Portugal) a fin de semana do sábado e domingo 18 e 19 de novembro cun prezo de 120 €/persoa que inclúe aloxamento en réxime de pensión completa, transporte en autocar, entradas e guía acompañante.

O periodo de inscrición é o 7 e 8 de novembro na Oficina de Turismo de Gaifar de 8:00 a 13:00 horas, tendo prioridade a veciñanza empadroada no municipio e distribuíndose as prazas por rigorosa orde de inscrición. A viaxe inclúe a excursión ao santuario, ao Palacio Busaco, ao municipio alentaxano de Aljustrel onde se atopan as casas dos pastorinhos e visita ás grutas de ‘Mira de Aire’ (as maiores de Portugal, a 15 km de Fátima).

A praza de Abastos de Tui permanecerá pechada o luns, martes e mércores polo traslado dos posto á zona frontal

0

Nos próximos días comezarán as obras de reforma da Praza de Abastos de Tui, tras ser adxudicadas nos últimos días. Durante as mesmas o obxectivo é que a execución do proxecto, que suporá unha actuación integral no espazo, poida compatibilizarse na medida do posible coa actividade de venda no propio mercado.

Por este motivo todos os postos dos praceiros de praceiras serán trasladados á parte frontal da praza, xunto á entrada pola rúa Maristas. Deste xeito concentrarase a actividade comercial nesta zona. Para levar a cabo este traslado a próxima semana a Praza de Abastos de Tui permanecerá pechada o luns 6,martes 7 e mércores 8, volvendo a súa actividade o xoves 9 xa no novo emprazamento dos distintos postos.

Deste xeito búscase compatibilizar a actividade comercial coa execución das obras, xerando ás mínimas afección aos praceiros e praceiras.

A concelleira de Comercio e Mercado, Ana Núñez, agradece aos praceiros e praceiras a súa disponibilidade, colaboración e comprensión. Explica a edil coma durante os oito meses de execución do proxecto de reforma da praza buscarase xerar as mínimas afeccións.

Covelo prepara as árbores das prazas para evitar riscos e posibles incidencias

0

O Concello de Covelo contratou os traballos de poda e arranxo de árbores nas prazas públicas para evitar riscos de caídas e posibles danos á poboación. Nos pasados días actuouse no centro urbano e ao longo destes meses proseguirase nas prazas e espazos públicos do resto dos barrios e parroquias na medida que a climatoloxía o permita.

En Galicia, a meteoroloxía adversa destes días deixou máis de 1.200 incidencias rexistradas en toda a comunidade. A páxina web de emerxencias 112 de Galicia indica unha serie de recomendacións para estes días.

Unha unidade móbil de doazón de sangue chega ao Rosal este luns 6 de novembro

0

O Rosal comeza o mes de novembro cunha nova visita dunha unidade móbil da Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS), que estará no concello o vindeiro luns 6 á disposición de todas aquelas persoas que queiran deixar a súa pinga de solidariedade.

Como vén sendo habitual, o autobús estará situado na rúa Ramón Franco número 4, diante da sucursal de Abanca, e permanecerá aberto mañá e tarde de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 21.00 horas. Todas as persoas que desexen doar sangue poderán solicitar máis información chamando ao teléfono gratuíto 900 100 828.

Poderán doar as persoas con máis de 18 anos e máis de 50 kg e deberán ir despois de almorzar se acoden pola mañá ou dúas horas despois de xantar ao mediodía se acoden pola tarde. É importante levar a tarxeta de doazón, o DNI ou un documento similar, ademais de informar ao médico en caso de estar tomando algún medicamento.

Ademais das 10 unidades móbiles que se desprazan cada día, a Axencia Galega mantén abertos sete puntos fixos nos principais hospitais galegos na procura de doazóns de sangue que despois son procesadas e preparadas para atender as necesidades diarias de milleiros de doentes os 365 días do ano. Os hospitais galegos precisan ente 400 e 500 doazóns de sangue cada día, arredor de 10.000 ao mes, para garantir a asistencia a todas as persoas que o necesitan.

Quinta sesión dos “Encontros en Familia” na Guarda

0

O próximo martes día 7 de novembro continúa na Guarda Encontros en familia coa quinta sesión “Ruptura da parella, moitas perdas e algunhas gañancias”. Nesta ocasión trataremos a importancia de saber actuar ante unha ruptura de parella e os cambios asociados ao núcleo familiar que isto provoca.

Esta proposta do Servizo de educación e apoio familiar (SEAF) pretende crear un espazo de reunión para achegar á cidadanía temas actuais que inviten ao debate e a reflexión sobre o papel da familia na sociedade actual e ao mesmo tempo ofrecer un formato máis práctico con recomendacións e orientacións ás familias, profesionais da educación e coidadores.

O obxectivo destes encontros é fortalecer as súas capacidades e habilidades parentais e de crianza, ofrecendo pautas positivas para consolidar os vínculos familiares e garantir a protección integral das crianzas e adolescentes.  

Na súa organización se tivo en conta as preocupacións e demandas das familias e profesionais do ámbito da educación e sanidade que traballan no concello de A Guarda.

En total son 7 encontros, o primeiro deles tivo lugar no mes de xuño e xunto coa presentación do cicloabordáronse temas tan importantes como a saúde mental, hábitos saudables e o tempo de ocio e familiar. A duración de cada un será de 90 minutos e estarán dirixidos por Esteban Figueirido, psicólogo especializado en terapia familiar e Beatriz Arroyo, traballadora social clínica, psicoterapeuta e tanatóloga. 

7 de novembro

  • Ruptura de parella”. Moitas perdas e algunhas ganancias.

21 de novembro

  • O acoso escolar”. Detección, prevención e intervención familiar.   

12 de decembro

  • “A afectación do duelo ás relaciones familiares”. Ferramentas e comunicación para xestionar o duelo.

Todas as charlas realizaranse os martes na Casa dos Alonsos (planta baixa do Concello) en horario de 19:30 a 21:00 horas. A entrada é libre ata completar aforo. Para máis información chamar aos teléfonos: 680 197 937 SEAF e 986 614 507 Servizos sociais.

Aprendendo a navegar na rede na sala multiúsos de Covelo

0

As persoas maiores de 50 anos aprenderon, cos profesionais de Redeia e CIBERVoluntarios.org, a relacionarse electronicamente coa administración e navegar dun xeito seguro pola rede grazas aos cursos gratuítos de iniciación a internet e administración electrónica que se impartiron na sala multiúsos do Concello de Covelo.

Co obxectivo de acurtar a fenda dixital e durante dúas horas aprenderon conceptos básicos de iniciación a internet, a realizar búsquedas de traballo na rede, redactar o seu curriculum vitae, empregar o smartphone ou a tablet ou realizar compras no ecommerce. Ademais aprenderán pasos básicos para navegar con seguridade e a realización de trámites administrativos. Tamén aprenderon ferramentas para mellorar a visibilidade do seu negocio  e a facer unha boa xestión das súas redes sociais e todas aquelas cuestións que lle sexan trasladadas.

Dende o Concello lembran que o uso axeitado de internet facilita o día a día sendo máis doado do que semella e posibilitando acceder a trámites, citas ou xestións coa administración dende a casa e a calquera hora do día.

O Balneario de Mondariz recibiu o Premio Nacional á Experiencia Turística

Balneario de Mondariz foi recoñecido nunha gala en Madrid co Premio Nacional á Excelencia Turística por tres séculos de historia termal desde que, en 1873, os irmáns Peinador fundasen a empresa e fosen declaradas de utilidade pública as súas augas mineromedicinais. Un galardón dentro da XXXII edición dos Premios Executivos que contou coa presenza de Ángel Asensio, presidente da Cámara de Comercio de Madrid, Manuel Gago, vicepresidente da Confederación Española de Directivos, a ex ministra Ana Mato, presidenta de AECEM e numerosas caras coñecidas da empresa española e sociedade madrileña.

Entre os galardoados, destacaron Vanessa Prats, vicepresidenta e directora xeral de P&G, Iberdrola, L’Oréal Group, Cupra, Michelin, Carrefour España e a Startup.Senniors. O Balneario de Mondariz non só é considerado pioneiro do termalismo nacional senón tamén un referente entre as principais vilas termais de Europa, e potenciador de destino turístico de Galicia. Sendo recoñecido o seu proxecto en diferentes premios nacionais internacionais, polas súas instalacións, equipo e innovación. Un traballo do seu presidente Javier Solano, que nestes 30 anos que se cumpren en 2024, deixou atrás o famoso incendio do Gran Hotel en 1973 que deixou a vila termal histórica no máis absoluto dos abandonos. Un proxecto de recuperación que lle valeu grandes logros e recoñecementos, entre eles “Mellor Balneario de España” nos anos 2005 e 2006, “Mellor Aloxamento de Galicia”, en 2007; e Conde Nast Traveler 2012 como Mellor Spa de España, ademais do Premio Nacional de saúde en 2017.

Na actualidade, Balneario de Mondariz está considerado como un dos motores máis importantes do rural galego que dá traballo directamente a 150 familias e ao redor de 300 familias dunha forma indirecta. Un desenvolvemento que enriquece toda a zona, sendo un exemplo de empresa que defende os recursos naturais galegos como punto de partida dunha actividade que innova en saúde, lecer, deporte e turismo.

A Deputación pecha este sábado o programa “Mouras e meigas no Castelo de Soutomaior”

A Deputación de Pontevedra pecha este sábado, 4 de novembro, o programa “Mouras e meigas no Castelo de Soutomaior” cunha actividade familiar sobre o magosto que ten xa todas as prazas cubertas. Consistirá na realización dunha ruta polo bosque do castelo para recoller castañas e pecharase coa realización dun magosto tradicional.

A actividade, na que está previsto participen 30 persoas, comezará cunha camiñada polo espazo que rodea o Castelo de Soutomaior para recoller castañas. Posteriormente, as familias elaborarán zonchos, os colares de castañas cocidos típicos desta época do ano, e tamén asarán e degustarán castañas ao tempo que vivirán as tradicións típicas do magosto galego. Se o tempo non acompaña, adaptarase a actividade de tal xeito que a ruta será substituída por un obradoiro no interior do recinto, centrado tamén nas castañas.

Co magosto, a Deputación de Pontevedra pecha “Mouras e meigas no Castelo de Soutomaior”, o programa co que espallou ao longo do ano actividades centradas no patrimonio cultural inmaterial da provincia a través dun programa dirixido ás familias con nenos maiores de tres anos. En total déronse cita 360 persoas que se achegaron aos elementos tradicionais e populares da provincia así como aos xogos e oficios artesanais. Mitoloxía popular relacionada coa Coca, o Cobregón, o Lobishome, a Galiña de Ouro, a Santa Compaña, a lavandeira, as mouras, os trasnos, os biosbardos foron algunhas das cuestións nas que se centraron os obradoiros celebrados en Soutomaior. Tamén procesos tradicionais como o de elaboración do pan ou do queixo e tradicións como os maios, as herbas de San Xoán, a vendima, o Samaín ou o magosto foron protagonistas da actividade.

Salvaterra acolle a mesa para a elaboración dunha estratexia de turismo para Galicia

A deputada de Turismo, Nava Castro, acaba de participar en Salvaterra do Miño na mesa territorializada para a elaboración da futura Estratexia de Turismo de Galicia 2024-2030. Este encontro, convocado polo Clúster de Turismo de Galicia, é fundamental, segundo indicou Castro, “para analizar as demandas do sector turístico, recompilar opinións, detectar necesidades, analizar os retos existentes e, en definitiva, construír o estado de situación dun sector, como é o turismo, que se ten convertido nun dos grandes piares económicos de Galicia”.

A deputada provincial aproveitou a ocasión para explicar que a Deputación de Pontevedra está a traballar na elaboración dun Plan Estratéxico de Turismo: “imos traballar con forza, sen descanso, para seguir impulsando e consolidando este sector e para compartir, con todo o mundo, que Pontevedra é desfrutar! Esta é a nosa vontade”.

O Rosal, sede da Liga Nacional de Futbolín

0

O Rosal convértese na sede no Baixo Miño da Liga Nacional de Futbolín. Este sábado 4 de novembro disputaranse os primeiros encontros da competición deste xogo tradicional con moita afección na comarca, que conta con dous antigos campións de España en movementos F-2 en 201, Carlos Álvarez, Sevi, e Dani Rodríguez, Tanza.

Nesta ocasión, a Liga reúne a 14 equipos con xogadores e xogadoras do Rosal, Tomiño e A Guarda que disputarán nas vindeiras semanas esta competición estatal. Segundo a Liga Nacional de Futbolín haberá premios en metálico e trofeos para os mellores clasificados e clasificadas e pases gratuítos para xogar o Campionato de España 2023 que se celebrará en Lalín os vindeiros 2 e 3 de decembro.

O Concello do Rosal apoia esta iniciativa xunto a comercios e locais de lecer do Baixo Miño, como a Cafetería Nenza Xida, Bar Troya, Pub Jota Jota, Rodrimar, Cerrajería Vintanox, O Lavado de Jorge, Nahomar Electrodoméseticos, Decoraciones Delosan ou o Spartan Team Tomiño. Forman parte así dun proxecto deportivo-cultural posto en marcha e xestionado pola Libraría e Editorial Tamuxe e que culminou coa recente creación de Planeta Futbolín, unha web especializada neste xogo.

Será precisamente na sede da Editorial Tamuxe, que conta co único futbolín profesional Presas EVO do Baixo Miño, na que se dispute esta Liga Nacional. Os primeiros enfrontamentos, abertos a todos os públicos, poderán desfrutarse este sábado a partir das 16.00 horas.

Nigrán ofrece este domingo a obra ‘Sincronizadas’

0

O Concello de Nigrán continúa co seu clásico ‘Outono de teatro’ este domingo 5 de novembro ás 19:00 horas no Auditorio Municipal coa compañía coruñesa Farándula Velutina presentando a comedia para todos os públicos ‘Sincronizadas’. A entrada é de balde ata completar o aforo. O ciclo forma parte do convenio establecido coa Federación Galega de Teatro Amador (FEGATEA).

Dúas nenas coñécense na sala de urxencias dun hospital e descobren que existe entre elas un vínculo especial. Co paso do tempo a vida vainas levando por camiños distintos, nos que teñen encontros recorrentes coa violencia, a dor, o fanatismo e mesmo a morte, pero esa conexión inexplicable manteraas unidas ata o final. Están sincronizadas.

Fegatea

A comunidade teatral galega, dentro do ámbito afeccionado, é unha das maiores do territorio español e a Federación Galega de Teatro Afeccionado, formada hoxe en día por 50 grupos das catro provincias constituídos por máis de 600 persoas, conforma na actualidade a entidade máis representativa do teatro amador galego, afianzándose ano a ano como axente cultural imprescindible para a creación de novos públicos e a promoción da cultura e a lingua galega.Dúas nenas coñécense na sala de urxencias dun hospital e descobren que existe entre elas un vínculo especial.

Máis de 150 persoas participan esta fin de semana no programa “En Ruta coa Depo”

A Deputación de Pontevedra organiza esta fin de semana tres saídas no marco do programa provincial “En Ruta coa Depo”, unha iniciativa que ofrece aos colectivos sociais da provincia a posibilidade de pasar un día de convivencia, ocio e tempo libre en lugares do territorio provincial. Neste caso, entidades dos concellos de Arbo, Sanxenxo e Vigo mobilizarán a máis de 160 persoas para coñecer as ruínas de Santa Mariña Dozo, o mosteiro da Armenteira ou pasear por Cabo Udra, entre outros espazos da provincia.

Dúas das saídas están programadas para este sábado, 4 de novembro. Así, integrantes da Asociación Cultural Evaristo de Sela (Arbo) percorrerán Cambados con paradas en lugares do concello coma o seu conxunto histórico, o Museo Etnográfico e do Viño, as ruínas de Santa Mariña Dozo, a bodega do pazo de Fefiñáns e o Museo do Muíño de Mareas da Seca. Pola súa banda o Club de Xubilados e Pensionistas de Portonovo (Sanxenxo) visitará diferentes puntos de Cangas, como Cabo Home ou a igrexa de Hío, e Bueu como o Museo Massó e Cabo Udra. Ademais, o domingo, 5 de novembro, a Asociación de Mulleres “Pedra da vella” (Vigo) fará unha ruta polo Salnés para coñecer o mosteiro da Armenteira, os muíños do Batán, o monte do Castro e, entre outros lugares de interese, o pazo de Señoráns.

A través de “En Ruta coa Depo”, a Deputación de Pontevedra está a fomentar a participación, a convivencia e a cohesión social dos colectivos sociais da provincia a través de 33 rutas temáticas nas que, en total, este ano daranse cita preto de 20.300 persoas de case 400 asociacións. Todas as prazas do programa, que conta cun orzamento próximo aos 480.000 euros, están subvencionadas pola institución provincial. Delas, 300 prazas son financiadas ao 100% co obxectivo de achegar o programa ás persoas con dificultades económicas ou en risco de exclusión social.

Redondela abordará a viabilidade das alternativas ao transporte escolar propostas pola Xunta de Galicia

0

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, e o concelleiro de Ensino, Iván Valles, reuníronse onte en Pontevedra co responsable provincial de Ensino, César Pérez Ares, e a xefa Territorial de Mobilidade, María Martínez, para trasladarlles as necesidades dos centros de ensino público de Redondela.

A rexedora local explica que, entre as máis urxentes, está solventar as deficiencias do transporte escolar nos centros de ensino como os IES Pedro Floriani e Mendiño. “O alumnado que vive nas parroquias ten serios problemas para desprazarse aos insitutos da
vila, ao non ter dereito ao uso do transporte escolar, e tampouco conta con transporte público ordinario”, informa Rivas.

Por este motivo o pasado 6 de setembro o Concello solicitou á administración autonómica
esta xuntanza. A alcaldesa sinala que existen varias alterntivas para ofrecer este servizo “pero era necesario unha xuntanza coa Xunta para estudar as diferentes opcións e comprobar a súa viabilidade segundo as necesidades que existen en Redondela”. Unha das alternativas son as liñas SIMU (Servizo de Interese Municipal), para conectar o centro da vila coas liñas de Vilar-Porto Cabeiro, Reboreda e Cesantes.

Rivas advirte que se trata dun sistema “que haberá que estudar pormenorizadamente desde o Concello para ver se cobre as necesidades dos escolares e da veciñanza, e tamén a súa viabilidade económica”. A alcaldesa anunciou que desde “xa” os servizos municipais poranse a traballar “para analizar os horarios, as rutas e prazas necesarias para os usuarios do servizo”. Outras posibilidades son o transporte a demandan ou un convenio coa Asociación de Taxistas de Redondela “nas que tamén se está a traballar”, segundo explica o concelleiro de Ensino, Iván Valles. Por outra banda, o edil sinalou tamén que o Concello “está a supervisar que a empresa de transporte escolar estea a cumprir con todos os servizos que ten contratados”.

O concelleiro de Ensino, Iván Valles, e a alcaldesa Digna Rivas trasladáronlle a Pérez Ares a súa preocupación polo caso do CEIP de Reboreda, onde unha das aulas de primaria presenta a ratio máxima de alumnos e seis deles presentan necesidades educativas especiais. Valles demandou ao xefe Territorial, como xa fixeran as familias e o propio centro, “a necesidade de desdobrar esta aula para garantir que todo o alumnado conte coa atención educativa que merece”. Os responsables locais confían en que a Consellería acceda a este desdobre, xa que o Ares “comprometeuse a estudalo a fondo” logo de explicarlle as particularidades dese alumnado.

Na xuntanza celebrada na sede da Xunta en Pontevedra, o responsable territorial de Ensino tamén se comprometeu a analizar as necesidades “máis urxentes” en canto aos problemas estruturais que presentan algúns dos colexios redondeláns. Valles trasladoulle os problemas de filtracións de auga que presentan algúns centros, fiestras en mal estado, falsos teitos que se desprenden ou o alicatado dalgúns aseos, que corren risco de desprendemento. “Trátase de colexios moi antigos, algúns con máis de 50 anos, e precisan de arranxos urxentes”.

Castañas, música, chouripán e obradoiros infantís no magosto popular e solidario de Covelo

0

Música, castañas e “chouripán”, así será o magosto popular que o Concello de Covelo celebrará este domingo a partir das 18:30 nos baixos do pavillón municipal. Os obradoiros infantís de Samaín abrirán a xornada de domingo na que as e os máis cativos crearán pedras monstrosas da man de Barafunda Animación, momento no que tamén comezará a soar xa a música das Retranqueiras de Barcia de Mera, a dos Sons do Suído e a das Pandereiteiras Serra do Suído.

A partir das 19 horas será o momento de celebrar o magosto popular que ademais será solidario e recollerá alimentos non perecedoiros para o banco de alimentos de Covelo.  Neste intre os artículos que máis se necesitan son o leite e o aceite xa que non teñen existencias, pero o banco de alimentos de Covelo agradece calquera aportación de non perecedoiros.

Un alumno do CPI Antonio Palacios resulta gañador do concurso infantil dixital de Aqualia

0

Concello de Nigrán e Aqualia fixeron pública a relación de gañadores do Concurso Dixital Infantil que este ano se convocou baixo o tema “Aqual e ODS6, Aquaventura coa Cuadrilla Sostible”, en torno ao site www.aqualiayods6.com. Así, Nael Ramilo Colmenero, do CPI Arquitecto Palacios, resultou gañador deste certame nacional e outros tres nenos do municipio quedaron finalistas, sendo Bárbara Fernández González e Carlos Prado Rodríguez, ambos do Ángel do Ángel de la Guardia, e Pablo Bello Salinas, do CPI Arquitecto Palacios. No concurso estaban chamados a participar as crianzas que estivesen a cursar 3º e 4º de Primaria de todos os colexios de Nigrán. Os premio, entregado polo alcalde de Nigrán e a responsable de Aqualia no municipio, Juan González e Marián Lago, consistíu nun cheque de 250 € en material deportivo para o gañador e tres de 30 € para os finalistas.

“Os participantes en Nigrán demostraron unha gran creatividade ao idear diferentes ecosistemas (montañas, océanos, desertos, humidais…) nos que aplicaron os seus coñecementos sobre a auga e como coidala para protexer a biodiversidade”, explican desde Aqualia. “Ao finalizar os seus debuxos e na sección ‘Retos Sostibles’, puideron definir cal é o reto co que se comprometen a diario para, con pequenos xestos cotiáns, transformar o planeta e, con iso, apoiar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, e sorprendémosnos co gran sentido da sustentabilidade que teñen os nosos mozos”, engaden.

O certame proporcionou 4.100 horas de formación dixital en sustentabilidade e consolídase así como un proxecto educativo de referencia, que xa conseguiu formar a preto de 300.000 mozos na importancia da xestión eficiente da auga e do traballo que hai detrás de abrir a billa e contar con auga de calidade. A acción enmárcase no conxunto de iniciativas que regularmente desenvolve Aqualia con colexios, institutos e centros universitarios para dar a coñecer as fases do ciclo da auga e educar nun uso e consumo máis responsable deste recurso.

Homenaxe no Rosal aos seus cabaqueiros

0

O Rosal rende homenaxe aos seus cabaqueiros. O Concello pecha as III Xornadas de Patrimonio cunha fin de semana centrada non só no traballo destes artesáns cerámicos que percorreron toda Galicia, España ou mesmo Brasil, senón tamén no que estes profesionais supuxeron a nivel económico e social para a comarca.

A doutora en Xeografía, profesora en Ensino Secundario e investigadora Ánxeles Verea Castelo será a encargada de dar o pistoletazo de saída a esta homenaxe cunha charla sobre ‘Os fomentadores da industria do barro’. Descendente dunha coñecida saga de fabricantes de Boimorto, no encontro Verea explicará como naceu a súa paixón polo coñecemento dos telleiros do Baixo Miño, destacando non só o importante papel que exerceron na construción dunha das grandes obras do século XVII, o estaleiro e arsenal de Ferrol, senón tamén o seu labor sentando as bases do nacemento de futuras industrias cerámicas en diversas zonas de Galicia ao reavivar, espallar e ensinar o oficio a moitos paisanos dos lugares a onde acudían a traballar. A propia familia da investigadora aprendería o oficio destes telleiros a finais do pasado século XIX.

Ánxeles Verea investiga dende hai anos o traballo dos cabaqueiros, un traballo que a levou a escribir o libro ‘Os desprazamentos estacionais dos telleiros do Baixo Miño: 1750-1899’, que conseguiu o XV Premio de Investigación Xesús Ferro Couselo. Nel a autora descubre datos inéditos dos telleiros da comarca e sitúa por primeira vez aos cabaqueiros como verdadeiros empresarios con capacidade económica, de xestión, asociación e de realizar investimentos.

A charla será o sábado 4 ás 11.00 horas no Centro Social Polivalente con entrada de balde. Xa o domingo 5 os cabaqueiros tomarán a Praza do Calvario a partir das 17.00 horas con demostracións do traballo destes temporeiros itinerantes que se distinguían pola súa alta calidade e o seu rendemento. A lectura do pregón será a cargo da propia Ánxeles Verea.

A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, convida a toda a veciñanza a desfrutar desta fin de semana “para coñecer unha dura actividade artesanal que deixou un importante legado cultural no noso municipio, achegándose a un dos elementos fundamentais e diferenciais da nosa historia e poñendo en valor o noso patrimonio material e inmaterial”.

O Club Xadrez Mos cumpre 10 anos de vida e celébrao nas aulas dos colexios mosenses

0

Un ano máis volta o xadrez ás aulas de Mos, este curso 2023-2024, como novidade, faino durante o primeiro trimestre de cara a que os escolares que se interesen pola actividade poidan pasar a formar parte do Club Xadrez Mos, entidade deportiva mosense encargada de impartir o taller nos 5 colexios mosenses.

Ademais coincide con que o vindeiro ano 2024 o Club Xadrez Mos cumpre o seu 10º aniversario, cunha década de traballo tras de si, que trouxo un crecemento meteórico e exponencial do clube mosense, que o levou a converterse nun dos mellores de Galicia, tanto en cantidade como en calidade de xogadores. Crecemento motivado tamén, en parte, por esta actividade que se desenvolve nos CEIPs do municipio, promovida e financiada polo Concello de Mos, dentro do Programa de Actividades durante o Horario Lectivo que desenvolve a concellería de Educación mosense. E é que, durante esta década de traxectoria, a entidade deportiva impartiu 8 edicións de ‘Xadrez nas Aulas’, iniciativa promovida e financiada polo Concello, da que saíron moitos dos xogadores do clube, e algúns deles converténdose en campións facendo podios a nivel autonómico e nacional.

“Trátase dunha actividade pioneira e exclusiva entre os concellos da área, e probablemente de Galicia”, tal e como apuntan dende a directiva do Club Xadrez Mos.

A concelleira de Educación, Julia Loureiro, explicou que os obradoiros lévanse a cabo dende hoxe 2 de novembro ata o 5 de decembro, e cada curso realizará 4 sesións. Beneficiaranse desta actividade todos os alumnos e alumnas de 1º e 2º cursos de educación primaria dos 5 colexios públicos do municipio: CEIP de Atín-Cela, CEIP Mestre Martínez Alonso, CEIP Mestre Valverde Maio, CEIP Pena de Francia e CEIP de Petelos.

O Concello de Mos leva o xadrez ás aulas co obxectivo de optimizar os procesos de aprendizaxe do alumnado, entre outros beneficios.

Esta actividade organízase por oitavo ano consecutivo. E nela, ao longo dun mes, os alumnos/ as de primeiro e segundo de Primaria reciben 4 sesións de introdución ao xadrez. Nelas descobren o taboleiro, as pezas e os seus movementos, así como a normativa básica para poder gozar dunha partida de xadrez.

O encargado de impartir a actividade, Brais Otero Nogueira, adestrador do Club Xadrez Mos, declara sobre a mesma que “é para min un pracer inmenso escoitar a eses nenos e nenas cada semana: xoguei unha partida coa miña nai, co meu avó, co meu amigo, coa miña veciña! É de moito agrado ver a ilusión coa que acollen a nosa paixón. Seguro, na gran maioría de fogares do noso Concello hai un taboleiro escondido nalgún recuncho, e grazas á ilusión destes novos xadrecistas, todos eses taboleiros recuperáronse. Sen dúbida, é a maneira de arraigar o xadrez no noso Concello, espertando o interese dos máis pequenos. Por iso, para o Club Xadrez Mos é un orgullo realizar esta actividade cada ano. É a mellor maneira de sementar a semente da nosa paixón, o xadrez, entre os veciños e veciñas de Mos. Agradecer infinitamente ao Concello e Centros Educativos a súa predisposición e total apoio para realizar levar a cabo a actividade. E por suposto, a eses futuros xadrecistas pola súa ilusión, que sen dúbida nos recarga as pilas para seguir traballando e promocionando o xadrez no noso Concello”.

O xadrez, grazas as súas características lúdicas e intelectuais, é un recurso pedagóxico apropiado para axudar a que nenos e nenas desenvolvan múltiples habilidades mentais que, sen dúbida, optimizarán os seus procesos de aprendizaxe: analizar e sintetizar, concentrarse, memorizar, solucionar e tomar decisións baixo presión, desenvolver a creatividade e a imaxinación, razoar dunha forma lóxica-matemática, e programar. Tamén se lles ensina a revaliar o seu plan cando novas realidades cambian a situación orixinal.

Estes beneficios, foron apoiados por diferentes investigacións educativas. Realizáronse estudios en varias localidades de Estados Unidos e Canadá, que mostran que o xadrez consegue incrementar a puntuación de exames estándar tanto enlinguacoma en matemáticas. Os estudos realizados en Estados Unidos, mostraron que o xadrez consegue maiores puntuacións nos tests “Watson Glaser” para a avaliación do pensamento crítico e no test de “Torrance” para o pensamento creativo.

Ademais dos beneficios relacionados co “mundo científico”, nas escolas, o xadrez axuda a construír lazos de amizade e ensina deportividade: como gañar con elegancia e a non virse abaixo ao afrontarse á derrota.

Para os nenos con problemas de axuste emocional, hai moitos exemplos onde a xadrez consigue aumentar a motivación, mellorar o carácter, a propia imaxe, e incluso a capacidade de atención. Para os nenos e nenas con TDAH, aumenta o grado de concentración e memoria, e favorece o adestramento en atención para aqueles nenos e nenas diagnosticados/as.

Soamente, esta calidade comprobada do xadrez, xustifica o intento de engadilo dentro da aula e facelo accesible a todos e todas os alumnos e as alumnas a partir dos primeiros anos.

Poñer o xadrez ao servizo da educación non só ten a finalidade de desenvolver a arte de pensar, senón tamén cultivar valores. Existe un estudio piloto sobre os beneficios do xadrez na escola como recurso educativo, demostrando que favorece a optimización dos procesos mentais (atención, memoria e procesamentos) implicados no aprendizaxe.

As Neves lanza un novo Plan de Igualdade

0

Prestar atención a un problema social tan relevante como é a desigualdade entre homes e mulleres. Este será o obxectivo do novo Plan de Igualdade Municipal de As Neves, o primeiro que se realizará con metodoloxía participativa e que arranca cunha enquisa dirixida a toda a poboación.

A finalidade desta primeira parte do Plan é analizar, con impacto de xénero, a situación actual do Concello e para deseñar posteriormente as medidas que avancen en favor da igualdade.

O Plan será unha folla de ruta que planificará con medidas, indicadores e sistemas de avaliación a política de igualdade municipal durante os vindeiros catro anos.

A primeira fase na elaboración deste Plan de Igualdade arranca cun cuestionario dirixido a toda a cidadanía, homes e mulleres que viven en As Neves, para poder elaborar un diagnóstico da situación do pobo, coñecer a realidade de mulleres e homes, contar cunha visión detallada da poboación, así como da xestión das políticas públicas en materia de igualdade e violencia de xénero.

Desagregaranse as características da poboación municipal en función do sexo para poder observar, mediante a análise das fendas detectadas, as diferencias e desigualdades nas distintas variables. Ao mesmo tempo, detectaranse as limitacións na xestión do municipio que poidan estar a provocando ou perpetuando desigualdades.

O cuestionario tamén busca identificar os ámbitos que presentan as maiores limitacións e determinar as actuacións que garantan a igualdade en aspectos tales como  o emprego, a agricultura,  o uso do tempo, a educación ou os servizos de información e asesoramento.

O coñecemento da realidade obtense, entre outras vías, mediante  a recollida de opinións e valoracións da veciñanza, que no caso de As Neves, será unha fonte primaria na obtención de información.

Ao cuestionario, cun total de 27 preguntas, poderán acceder tanto homes como mulleres a través das redes sociais e da páxina web municipal pero tratarase de difundir a través de Whatsapp. A intención é que tamén estea dispoñible en papel no centros de maiores, centros sociais, centro de saúde ou colexios, entre outros espazos públicos e privados.

O Concello pide a colaboración de asociacións, entidades, colectivos profesionais e a cidadanía en xeral para que axude na difusión en liña  deste cuestionario e así poda ser respondido polo maior número posibles de veciños e veciñas.

Cos datos que se desprendan do cuestionario realizarase unha informe diagnóstico, acompañado de mais datos secundarios e con impacto de xénero, sobre a situación real do Concello. Trátase, en definitiva, de facer un documento que contribuía a guiar axeitadamente as políticas públicas municipais.

A Xunta elimina un punto de verquido de augas residuais en Redondela

0

A Xunta eliminou un punto de  vertido de augas residuais urbanas na parroquia do Viso, no concello de Redondela, cara á ría de Vigo.

Esta achega irregular foi localizada no marco das inspeccións rutineiras de seguimento levadas a cabo polos técnicos do Programa de Control de Vertidos, dependente de Augas de Galicia, no ámbito territorial da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa, de competencia autonómica.

Os técnicos da Xunta desprazados á zona localizaron a orixe da afección nun sistema de recollida e tratamento de augas residuais asimilables a urbanas no lugar de Soutoxuste, cuxo efluente se vertía cara a un regato que desemboca na ría de Vigo.

As mostraxes efectuadas na zona reflectiron un grao de depuración insuficiente para acadar os valores de calidade exixidos para o seu vertido cara ao dominio público.

Augas de Galicia comunicoulle a situación ao Concello de Redondela para que procedese a adoptar as medidas necesarias para emendar a achega contaminante.

Nunha nova visita á zona, os técnicos da Xunta verificaron, mediante analíticas no lugar identificado previamente, que as actuacións levadas a cabo para a modificación da liña de depuración municipal permitiron a emenda do vertido.

Premios de Educación Concello da Guarda 2023

0

Un ano máis, no Concello da Guarda celebrouse a cerimonia de premiación dos estudantes máis laureados no ámbito educativo no curso 2022-2023, tanto por expediente académico como por esforzo persoal. Un acto que foi máis tarde ca anos anteriores dado o recente cambio de goberno municipal.

De acordo coas bases reguladoras, expostas na web do Concello da Guarda, puideron optar a eles, os alumnos dos seis centros educativos da vila, o CEIP A Sangriña, o CEIP Rodríguez Sinde, o CEIP As Solanas – Nicolás Gutiérrez Campo, o IES A Sangriña, o Colexio P.P. Somascos – Fundación Educere, e o Colexio Plurilingüe San Xosé da Guarda.

O acto tivo lugar este luns 30 de outubro ás 19:30 horas no Salón de Plenos da Casa dos Alonso no Concello da Guarda, un acto público ao que o novo equipo de Goberno municipal convidou a toda a cidadanía a estar presente e poñer en valor o esforzo e talento da mocidade da nosa vila no ámbito educativo e académico, nunha cerimonia na que estiveron presentes tanto o Alcalde, Roberto Carrero, como o Concelleiro de Educación, Aser Estévez, así como outros membros da Corporación municipal.

Foron agasallados por parte do Concello da Guarda un total de 28 estudantes: 10 deles de Educación Primaria, Sara Fernández Miniño e David Fernández Miniño do CEIP A Sangriña, Antía Costa Castro e Karen Costa Correa do CEIP Rodríguez Sinde, Amanda Cabanelas e Daria Koryrieva do CEIP As Solanas, Paula Durán Gómez e Sabela Mauri Cadilla polo Colexio San José, e Inés Franco Sobrino e Daniela Álvarez Lomba polo Colexio Somascos.

Outros 8 estudantes de 4º da ESO foron galardoados polo Concello: Barayan Lomba Portela e Alonso Martínez Lomba do Colexio San José, Isis González Velasco e Mario Alonso Estévez do Colexio Somascos, e Gema Peniza Rodríguez, Estela Pérez Lomba, Xiana Aldea González e  Samuel Verde Vicente do IES A Sangriña.

Finalmente, recolleron os seus premios, Adrián González Casasnovas e Rocío Martínez Villasenín entre ao alumnado de Ciclos Superiores, Laura Méndez Barbosa, Aarón Alonso Rueda e Tomás Moroño Souto, entre os alumnos de Ciclos Medios, e Pablo Coballes García, Eva Rodríguez Sánchez, José Manuel González Lomba, Iago Soler Lomba e Pablo Costas Salinas, entre o alumnado de 2º Bacharelato, todos eles do IES A Sangriña.

O cine volve ás parroquias do Porriño

O Festival de Cans e o Concello do Porriño apostan un ano máis por Cinemaldea, unha iniciativa que achegará ás zonas rurais do municipio unha selección das curtametraxes premiadas na última quenda do certame.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, Alfonso Pato, impulsor do Festival de Cans e Keka Losada, presidenta de Arela, acompañados por unha representación das asociacións culturais e veciñais participantes, presentaron hoxe a terceira edición desta iniciativa conxunta. É o terceiro ano consecutivo que se pon en marcha esta idea que busca achegar o cine e as novas e novos creadores ás parroquias, que habitualmente non teñen acceso ao cinema.

“Cinemaldea é para nós unha parte moi importante do Festival porque O Porriño, por desgracia non ten cinema e esta é unha forma de achegar o cine ás aldeas”, explicou Keka Losada, “Vemos que anos tras ano os nosos veciños e veciñas involúcranse máis tanto non só nos días do Festival senón que tamén responden máis a Cinemaldea enchendo as salas dos centros culturais durante as proxeccións. E tamén é unha forma de ampliar público e achegar o cinema galego a máis xente”.

O Concello do Porriño convidou de novo a todas as asociacións que o desexasen, a formar parte desta terceira edición. En total foron sete as asociacións culturais e veciñais do Concello do Porriño que se sumaron:  A Lagoa de Orbenlle, Os Penediños de Atios, Cultural de Pontellas, As Mimosas de Carracido, San Xurxo de Mosende, San Salvador de Torneiros e AC Cans.

Alfonso Pato explicou que, ademais do documental da XX Edición do Festival de Cans “22 Cans” de Javier Sobrado e Cris Padín, proxectaranse tamén os filmes máis premiados en Cans: “Mariví, na pel da memoria” de Coral Piñeiro e Laura Piñeiro (Premio do Xurado á mellor curtametraxe de Non Ficción/Furacáns”), “Sandwich Cat” de David Fidalgo (Premio do Público á mellor curtametraxe de Ficción e animación) e “Alicia fai cousas” de Ángel Santos (Premio Estrella Galicia do xurado á mellor curtametraxe de Ficción, Premio Crea do Xurdo á mellor Dirección, Premio AGAG do xurado ao Mellor Guión para Pablo García Canda e Ángel Santos, Premio AISGE do xurado á Mellor Interpretación Feminina para Alicia Armenteros).

Pola súa banda, o alcalde convidou a todo o mundo a achegarse aos diferentes centros culturais a disfrutar destas proxeccións e incidiu en que “tratáse de facer máis accesible o cine galego,ademais de consolidar unha programación de cine ao longo do ano que trascenda ás datas en que se celebra o certame”. Lorenzo lamentou tamén que non exista no Porriño un cinema pero apuntou “que iso é algo que dende o Concello temos presente e queremos que cambie canto antes, que a xente do Porriño poida disfrutar na súa vila dunha sala de cine”.

As proxeccións arrancarán o domingo 5 de novembro e continuarán durante as fins de semana ata o 3 de decembro.

Todas as proxeccións serán de acceso gratuíto ata completar aforo e as sesións terán unha duración aproximada de 73 minutos.

Proxeccións

  • Asociación Cultural A Lagoa de Orbenlle:
    Domingo 5 de novembro, ás 18 h
  • Asociación Cultural Os Penediños de Atios:
    Sábado 11 de novembro, ás 18 h
  • Asociación Cultural de Pontellas:
    Domingo 12 de novembro, ás 18 h
  • Asociación Cultural e Veciñal As Mimosas de Carracido
    Sábado 18 de novembro, ás 20:30 h
  • Asociación Cultural San Xurxo de Mosende:
    Domingo 19 de novembro, ás 18 h
  • Asociación de Veciños San Salvador de Torneiros
    Domingo 26 de novembro, ás 17 h
  • Asociación Cultural de Cans:
    Domingo 3 de decembro, ás 17 h

A Xunta realiza tarefas de limpeza e conservación no río Mougás

0

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, está a executar actuacións de conservación e limpeza no treito interurbano do río Mougás, no concello de Oia.

Os traballos están a desenvolverse nunha lonxitude de preto de 1 quilómetro do río, no seu percorrido polos lugares de Bragadela, A Granxa e O Porto, na parroquia de Santa Uxía de Mougás.

As tarefas céntranse na roza puntual e selectiva e na retirada de árbores e pólas caídas na canle para evitar atoamentos. Unha vez finalizadas estas actuacións, o río quedará despexado de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.

Augas de Galicia desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa e nas zonas de acceso e protección, de competencia autonómica.

Estas intervencións da Xunta contribúen á mellora dos leitos fluviais para acadar condicións naturais dos ecosistemas que favorezan os aspectos medioambientais e de uso social na contorna dos ríos.

Contacontos este domingo en Baiona

0

Un día antes de dar a coñecer toda a programación “Baiona Lila”, desvélase unha das actividades deste fin deste semana: o domingo día 5 ás 12:00 h Paula Carballeira divertirá no Multiusos de Sabarís aos máis pequenos co contacontos  “ A pescadora de Bagdad, as sete irmás e a balea”.

Esperámosvos! O Concello de Baiona, a través da Concellería de Igualdade, presenta mañá venres de novembro ás 19:30h no Multiusos Mercado de Sabarís a programación “Baiona Lila” e inaugura a exposición “Ti contas, ti transformas”.

A Deputación pecha os castelos de Soutomaior e Sobroso polo temporal

A Deputación de Pontevedra pechou os castelos de Soutomaior e Sobroso pola alerta amarela derivada do ciclón bomba “Ciarán”. Está previsto que os castelos permanezan pechados ao longo desta xornada por precaución debido a que o fenómeno meteorolóxico extremo ten xa ocasionado caídas de ramas de árbores de ámbolos dous recintos.

Para este xoves estaba previsto que o castelo de Soutomaior acollese unha visita de 35 alumnos do IES de Rodeira de Cangas, que foi xa cancelada por mor do vento e da chuvia. Para mañá o Castelo de Soutomaior acollerá a outro grupo de 36 escolares do CPR Labor de Vigo que, en principio, se mantén e valorará en función da evolución do fenómeno meteorolóxico.

Tanto o Castelo de Soutomaior como o de Sobroso teñen abertas as súas portas ao público entre o martes e o domingo. En Soutomaior as visitas teñen lugar entre as 10:00 e as 19:00 horas e en Sobroso entre as 10:00 e as 13:00 e as 15:00 e 18:00 horas.