O Concello de Tomiño continúa avanzando na convivencia de agro e veciñanza coa celebración dun encontro da mesa de traballo integrada por representantes de diferentes eidos. Trátase dunha das medidas tomadas polo Goberno municipal ante a inacción da Xunta de Galicia e o silencio das consellerías de Medio Rural e Medio Ambiente, Territorio e Vivenda a proliferación de moscas, unha problemática que afecta a moitos concellos galegos e sobre o que ten competencia exclusiva a Administración autonómica, xa que se trata dunha praga que non recoñece de límites municipais territoriais.
O Concello está a elaborar en colaboración co grupo de investigación de Bioloxía ambiental da Universidade de Vigo un estudo co que se busca detectar as especies problemáticas e valorar a orixe e as causas desta proliferación de moscas. Durante esta primeira reunión, as e os integrantes da mesa de traballo fixeron fincapé na importancia de contar cunha comunicación directa entre Concello e veciñanza a través de app Liña Verde, vía telefónica ou mesmo presencial para recadar todos os datos posibles sobre a proliferación explosiva e puntuais destas moscas.
O Concello está a realizar un seguimento do problema, que xera graves molestias na vida diaria da veciñanza afectada. Así, para a diagnose deste estudo estanse a realizar recollidas de mostras de todos os avisos rexistrados na Liña Verde para a caracterización morfolóxica e identificación dos exemplares colleitados durante as proliferacións. Ata o momento o 99% das especies estudadas polo equipo investigador son da mesma especie, a mosca común. Unha vez rematado o estudo, o Goberno municipal porá a disposición da Xunta de Galicia todos os resultados acadados para que a Administración autonómica tome as medidas que considere oportunas.
Paralelamente a alcaldesa, Sandra González, mantivo reunións con representantes da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) e coas alcaldesas de Salvaterra de Miño e Salceda de Caselas, Marta Valcárcel e Dolores Castiñeira, para intercambiar impresións sobre un problema que non é individual de cada concello senón que afecta a municipios de toda Galicia, dende Narón ata Oia. O grupo de alcaldesas propuxo á FEGAMP que faga “unha consulta a nivel galego sobre os concellos que se ven afectados por esta problemática, que intuímos que son moitos, para que a Xunta tome as medidas oportunas a este respecto”.