Luns, 9 Decembro de 2024

Mos subvenciona a actividade extraescolar de inglés a 200 alumnos

O Concello de Mos desenvolve a segunda edición da actividade extraescolar de inglés para o alumnado mosense, tras o éxito da primeira que tivo lugar durante o curso pasado.

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira de Educación, Julia Loureiro, informaron do inicio da iniciativa e salientaron que no orzamento municipal para o vindeiro ano 2024 aprobado hai uns días en Pleno increméntase a partida xeral destinada a Educación, chegando aos 536.750,87 euros. E dentro dela a dotación económica de actividades extraescolares duplícase.

A actividade extraescolar de Inglés organízase para a obtención do Trinity por parte dos escolares que a cursen e está subvencionada polo Concello. Trátase dun programa municipal organizado en colaboración coas ANPAs.

Nestes intres atópanse xa inscritos un total de 190 escolares: No CEIP Atín-Cela 37 alumnos, no CEIP Petelos 26 alumnos, no CEIP Mestre Martínez Alonso 55 alumnos, no CEIP Pena de Francia 33 alumnos e no CEIP Mestre Valverde Mayo 39 alumnos.

A actividade lévase a cabo en cada centro escolar, mantendo o día e horario do curso pasado:

  • Luns CEIP Atín-Cela de 16.30 h a 17.30 h.
  • Martes CEIP de Petelos de 16 h a 17 h.
  • Mércores CEIP M. Martínez Alonso de 16 h a 17 h.
  • Xoves CEIP Pena de Francia de 16 h a 17 h.
  • Venres CEIP M. Valverde Mayo de 16.15 h a 17.15 h.

O alumnado divídese en función do curso no que se atope e tendo en conta a proba de avaliación que se lle fai ao comezo das clases.

Fixéronse os grupos o máis reducidos posible en función dos inscritos por curso, para ter un seguemento máis persoalizado por alumno/a. As clases teñen unha duración dunha hora e son impartidas por profesorado bilingüe, con gran experiencia e vocación. O custo da actividade é de 5 €ao mes.

Esta iniciativa está promovida polo Concello de Mos en colaboración coas ANPAs dos 5 colexios públicos mosenses: CEIPs Atín-Cela, Mestre Martínez Alonso de Castro-Mos, Mestre Valverde Mayo de Sanguiñeda, Pena de Francia e Petelos. O programa impartirase durante todo o presente curso escolar dentro das actividades extraescolares organizadas polas ANPAs que se realizan nos centros educativos.

Durante o curso prepararase ao alumnado participante para a obtención do Certificado Trinity. Os exames Trinity son probas que outorgan títulos oficiais de inglés recoñecidos mundialmente mediante o Trinity College London.

Tanto as representantes municipais, Arévalo e Loureiro, como as membros das ANPAs mosenses destacan “a importancia que o inglés ten para o futuro académico e laboral dos nosos nenos e mozos, é unha das claves para o éxito profesional e fundamental para desenvolverse en países do estranxeiro. É una ferramenta imprescindible para eles, da que queremos dotalos para que o futuro de Mos estea o mellor preparado posible”, declararon.