11.7 C
Pontevedra
Venres, 3 de Maio de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoO RosalHomenaxe no Rosal aos seus cabaqueiros

    Homenaxe no Rosal aos seus cabaqueiros

    O domingo os cabaqueiros tomarán a Praza do Calvario a partir das 17 h para amosar o seu traballo

    O Rosal rende homenaxe aos seus cabaqueiros. O Concello pecha as III Xornadas de Patrimonio cunha fin de semana centrada non só no traballo destes artesáns cerámicos que percorreron toda Galicia, España ou mesmo Brasil, senón tamén no que estes profesionais supuxeron a nivel económico e social para a comarca.

    A doutora en Xeografía, profesora en Ensino Secundario e investigadora Ánxeles Verea Castelo será a encargada de dar o pistoletazo de saída a esta homenaxe cunha charla sobre ‘Os fomentadores da industria do barro’. Descendente dunha coñecida saga de fabricantes de Boimorto, no encontro Verea explicará como naceu a súa paixón polo coñecemento dos telleiros do Baixo Miño, destacando non só o importante papel que exerceron na construción dunha das grandes obras do século XVII, o estaleiro e arsenal de Ferrol, senón tamén o seu labor sentando as bases do nacemento de futuras industrias cerámicas en diversas zonas de Galicia ao reavivar, espallar e ensinar o oficio a moitos paisanos dos lugares a onde acudían a traballar. A propia familia da investigadora aprendería o oficio destes telleiros a finais do pasado século XIX.

    Ánxeles Verea investiga dende hai anos o traballo dos cabaqueiros, un traballo que a levou a escribir o libro ‘Os desprazamentos estacionais dos telleiros do Baixo Miño: 1750-1899’, que conseguiu o XV Premio de Investigación Xesús Ferro Couselo. Nel a autora descubre datos inéditos dos telleiros da comarca e sitúa por primeira vez aos cabaqueiros como verdadeiros empresarios con capacidade económica, de xestión, asociación e de realizar investimentos.

    A charla será o sábado 4 ás 11.00 horas no Centro Social Polivalente con entrada de balde. Xa o domingo 5 os cabaqueiros tomarán a Praza do Calvario a partir das 17.00 horas con demostracións do traballo destes temporeiros itinerantes que se distinguían pola súa alta calidade e o seu rendemento. A lectura do pregón será a cargo da propia Ánxeles Verea.

    A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, convida a toda a veciñanza a desfrutar desta fin de semana “para coñecer unha dura actividade artesanal que deixou un importante legado cultural no noso municipio, achegándose a un dos elementos fundamentais e diferenciais da nosa historia e poñendo en valor o noso patrimonio material e inmaterial”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.