Sábado, 26 Xullo de 2025

O Concello de Nigrán ultima un segundo plan de axudas á hostalería do municipio ante a persistencia das limitacións sanitarias

0

O goberno local de Nigrán proporá un novo plan de axudas directas á hostalaría do municipio ante a persistencia das restricións sanitarias que limitan directamente o traballo do sector. Esta nova convocatoria, na que xa se está a traballar para poder levar as bases ao pleno de Marzo, súmase á actualmente en vigor por importe total de 120.000 € con cargo ao Remanente de Tesourería e cuxo prazo de solicitude remata o 17 de febreiro (pode consultarse na web municipal e sede electrónica). O obxectivo do Concello é ofrecer novamente unha subvención directa de 1.000 € para os negocios do sector afincados na localidade e 750 € para os desempregados sen ningún tipo de prestación desde o peche forzoso de novembro.

“A situación segue a ser de extrema gravidade e o Concello de Nigrán é completamente consciente, por iso apostamos por esta nova iniciativa que o que busca é que, pasada esta situación sanitaria, os establecementos poidan seguir adiante xerando riqueza para Nigrán. Non queremos que ninguén quede no camiño porque os prexudicados seríamos todos, por iso tamén pensamos nos desempregados”, explica o alcalde, Juan González, quen esixe moito maior compromiso á Xunta de Galicia. “Non entramos  a criticar se o peche é preciso ou non, pero a administración que o decreta debería activar obrigatoriamente e de xeito simultáneo un plan de axudas potente que compense ao sector. É moi significativo que unha institución moito máis pequena e con  menos competencias, como é o Concello de Nigrán, outorgue o dobre de axudas que a propia Xunta co sacrificio que iso supón para as nosas contas. Agora mesmo hai investimentos prioritarios e outros que poden agardar, axudar á hostalaría debería ser unha urxencia para a Xunta”, incide.

Paralelamente, o goberno local levará ao Pleno ordinario do 22 de febreiro unha modificación do criterio da convocatoria en vigor para que tamén poidan beneficiarse os autónomos non empadroados en Nigrán pero con negocio no municipio, tal e como xa se contempla no caso de que as solicitudes sexan de empresas. “Somos coñecedores xa de 3 persoas nesta situación na que non caímos e o ímos corrixir porque non queremos prexudicar a ninguén; os negocios hostaleiros de Nigrán tributan no municipio e xeran emprego nel, ese ten que ser o único criterio porque o que queremos que sobrevivan todos á pandemia”, explica o rexedor, quen aclara que se abrirá un novo prazo de solicitude máis breve para darlles cabida e, en calquera caso, se resolverá todo á vez.

O Concello de Nigrán aprobou no pasado pleno de Decembro as bases da convocatoria  actual en tempo record (propuxéronse tras o peche de novembro) sendo a primeira administración municipal da área en facelo. Agora, desde o goberno local traballan xa nesta segunda convocatoria para que poidan aprobarse as novas bases no pleno de marzo. Os criterios e contías serán moi similares, sendo as persoas beneficiarias autónomos do sector afectados polas restricións que entran en vigor mañá e traballadores por conta allea empadroados en Nigrán sen dereito a ningún outro tipo de prestación e que perderon o emprego no peche total de novembro, independentemente de que o establecemento sexa ou non do municipio . No caso dos autónomos a axuda é compatible con calquera outra que establezan as distintas administracións.

Máis axudas

A maiores, o propio rexedor confirma que manterá neste ano a bonificación do 75% da taxa por terrazas (máximo permitido por lei) e, adicionalmente, continuará co plan de apoio a artistas locais mediante a súa contratación para dinamizar o comercio de proximidade e animar a programación cultural de Nigrán, especialmente durante o verán ou en festividades.             “Segundo a pandemia evolucione o Concello irá tomando as decisións correspondentes, enfocadas todas a salvar o comercio local”, explica González, quen avanza que o Concello continuará coa súa campaña para promover as compras de proximidade no pequeno comercio “como estilo de vida, non como solución transitoria mentres dure a pandemia”.

O sector da imaxe persoal de Salceda súmase á protesta estatal que reclama a baixa do IVE

A Praza do Concello de Salceda de Caselas foi escenario, onte, da protesta dos e das profesionais do sector da imaxe persoal do municipio (salóns de peiteado, baberías, salóns de estética…) que, con esta iniciativa, sumábanse á reclamación a nivel estatal da rebaxa do IVE ao 10 %.

Lembran as traballadoras e traballadores que durante esta pandemia da COVID que vai cara a un ano e sen trazas de rematar a curto prazo (Galicia está hoxe en valores superiores ao mes de marzo do 2020), “o sector demostrou que presta un servizo esencial”, tanto é así que viña recoñecido como tal no decreto do estado de alarma.

Nunha crise que aínda que afecta a todos os sectores produtivos, déixase sentir especialmente entre as persoas autónomas, “pagar o 21 % de IVE supón unha sangría para o sector cada vez máis difícil de soportar”, sinalan.

Doutra banda lembran que, só en Salceda, “somos 32 empregos directos, e dúcias de indirectos as e os que viven deste sector económico” e consideran quepagar o 10 % de IVE é unha simple cuestión de xustiza.

Compre salientar que no ano 2012, o Goberno que entón presidía Mariano Rajoy, subía o IVE para o sector dende o 8 %, que pagaban nese momento, ao 21 % o que supuxo que tiveran que pechar moitos dos negocios do sector.

Por ese motivo, todo o sector da imaxe persoal uníase onte na Praza do Concello de Salceda “para apoiar a Convocatoria estatal e reclamar o que consideramos os nosos xustos dereitos”.

O Goberno central rexeita a proposta da Xunta para a flexibilización das limitacións de mobilidade nocturna por parte das autonomías

A Xunta de Galicia vén de trasladarlle  ao Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde a súa proposta de adianto do horario do toque de queda na comunidade galega, co obxectivo de frear a expansión da Covid-19.

O conselleiro de Sanidade, volveu a insistir na conveniencia de que o goberno central poña a disposición das comunidades autónomas todas as ferramentas posibles para o control da Covid-19 segundo a situación epidemiolóxica de cada momento e que se poidan empregar a nivel de provincia, concello, área sanitaria e distrito sanitario.

No transcurso da xuntanza mantida a tarde de onte cos responsables sanitarios do conxunto de comunidades autónomas españolas e o Ministerio de Sanidade, o titular do departamento sanitario da Xunta, Julio García Comesaña, informou que o Executivo galego considera axeitada a posibilidade de que os gobernos autonómicos poidan modificar e adiantar a restrición de mobilidade horaria, así como implantar confinamentos segundo as necesidades epidemiolóxicas que presente cadanseu territorio.

A Xunta de Galicia forma parte do conxunto de gobernos autonómicos que lle trasladaron a súa petición ao Goberno central para que este permita flexibilizar as limitacións de mobilidade nocturna ou implantar confinamentos, e así poder combater o incremento de novos casos positivos rexistrados nas últimas datas, a pesares de que esta foi rexeitada polo goberno central.

Plan de vacinación

No que atinxe ao Plan de vacinación, e unha vez restablecido o subministro a niveis semellantes aos envíos iniciais, aínda que algo por debaixo destes, recuperase a programación establecida. Así, na comunidade galega, e malia o descenso no envío destas doses até o 57 % esta semana, seguiuse a manter a cadencia de vacinación.

Así mesmo, García Comesaña apuntou que a consellería de Sanidade segue a traballar co Ministerio na definición dos vindeiros grupos de vacinación. Neste senso, subliñou que de establecerse como prioritarios os grupo de poboación de maior idade, é preciso que se teña en conta a realidade demográfica de cada territorio á hora de definir os criterios de reparto das vindeiras doses. Nomeadamente, referíuse a maior porcentaxe de poboación con máis 65 anos coa que conta Galicia, respecto do conxunto do Estado.

O Concello suspende a feira do día 23 ante a grave situación sanitaria con un continuo crecemento de casos activos por Covid-19

0

Foto de arquivo da feira de Redondela

O Concello de Redondela anunciou onte a suspensión da feira que tiña que celebrarse o sábado 23 de xaneiro “ante a continua evolución de casos activos por coronavirus no municipio”. A feira que, en circunstancias de normalidade celébrase os días 6 e 21 de cada mes, tiña programado o seu cambio de data para o sábado 23. Agora, os “preocupantes datos sobre o incremento de casos por Covid-19 obrigan á súa suspensión por motivos de seguridade e de responsabilidade”.

O traslado da feira ao día 23 tiña por obxectivo, tal e como explica o concelleiro de Feiras e Mercados, Vicente Lamas, “ocupar toda a Avenida Mendiño tal e como se fixo o pasado día 6, (algo imposible de realizar nun día laborable), para que os postos poidan gardar maiores distancias entre si e evitar aglomeracións”.

Porén agora, o continuo ascenso de casos activos por coronavirus, non só en Redondela senón en Galicia, obriga á suspensión desta feira.

Pola súa banda, Digna Rivas lembra que Redondela, ao igual que moitos dos municipios da área metropolitana, “atópase en nivel de restrición máxima o que supón, entre outras cousas, o peche perimetral” polo que, aclara a alcaldesa redondelá “facer unha feira nunha situación como esta sería unha irresponsabilidade dende o punto de vista sanitario”.

A rexedora local é perfectamente consciente do trastorno que produce á veciñanza, comercio local e ambulantes, a suspensión dunha actividade “que ten un importante efecto de dinamización na economía local” pero o contacto continuo coa Consellería de Sanidade e os datos que esta aporta “obrígannos a adoptar medidas como esta que non son doadas de tomar”.

“A seguridade da veciñanza e tentar protexer a súa saúde é a máxima prioridade do Goberno local –afirma a alcaldesa– e para conseguilo adoptaremos todas as medidas precisas que recomenden as autoridades sanitarias tanto da Xunta como do Estado, por moi dolorosas que estas sexan”.

Digna Rivas fixo un chamamento a veciñas e veciños “a extremar as medidas de prevención nun momento moi complicado, con números que nos sitúan preto do mes de marzo do 2020 e que precisan da colaboración, sensatez e responsabilidade de toda a cidadanía”.

A Eurocidade Tui-Valença contará con novo equipamento para ás distintas actividades organizadas

0

Os eventos culturais e deportivos organizados dentro do calendario de actividades da Eurocidade Tui-Valença, contarán desde este ano cun novo equipamento que mellorará a imaxe e a operatividade nestas actividades.

Trátase de catro carpas de 3×3 metros, unha carpa inchable de 9×4 metros, unha carpa inchable de 4×4 metros, dous arcos de saída/meta de 5×3,5 metros e outro de 7×4 metros, así como 12 bandeiras publicitarias. Este material, adquirido polo Concello de Tui, foi cofinanciado nun 75% polo Programa Operativo INTERREG V-A 2014-2020, no marco do proxecto Eurocidade Valença-Tui Unicidade.

As concellerías de Cultura e Deporte do Concello de Tui e da Cámara Municipal de Valença levan traballando dende finais do ano pasado na programación da axenda Eurocidade 2021, nun ano no que a meirande parte dos eventos deportivos previsto concentraranse no segundo semestre, agardando que as condicións sanitarias permitan a súa realización.

A Deputación leva un programa de contacontos sobre os ‘Tesouros humanos vivos’ do Miño ás escolas da raia

A Deputación de Pontevedra, a través do departamento de Cooperación Transfronteiriza dirixido por Uxío Benítez, comezará a vindeira semana un programa contacontos sobre os ‘Tesouros humanos vivos’ do Miño dirixido ás escolas da raia. Alumnado de entre 6 e 11 anos de Arbo, Crecente, A Guarda, O Rosal, As Neves, Salvaterra, Tomiño e Tui gozará de varios espectáculos infantís ao abeiro da iniciativa de recuperación do patrimonio no marco do programa Smart Miño. 

O CEIP Antonio Carpintero de Arbo e o Manuel Sieiro de Crecente acollerán o martes 26 a primeira das actividade de contacontos realizadas por Polo Correo do Vento. O mércores continuará o itinerario no Colexio Padres Somascos da Guarda e no CPI Manuel Suárez Marquier de O Rosal, e na vindeira semana a actividade chegará aos colexios de As Neves, Salvaterra, Tomiño e Tui.

O programa de contacontos está enmarcado dentro da iniciativa ‘Tesouros humanos vivos’, un traballo de recuperación e posta en valor da memoria cultural galego-portuguesa no territorio do val do río Miño que busca dar a coñecer entre a rapazada, dun xeito lúdico e divertido, os saberes existentes a ambas beiras do río.

Segundo asegura o deputado de Cooperación Transfronteiriza Uxío Benítez, os contacontos buscan chegar á cativada miñota e aumentar os seus coñecementos sobre a cultura e patrimonio da zona, xa que a identidade que antes se transmitía de pais a fillos está agora en perigo por falta de relevo xeracional e tamén pola forma de vida actual. “Non podemos permitir que todo ese patrimonio intanxible se perda. Hai que facer por manter ese saber nas familias e tamén nas escolas ”, subliñou.

Coñecementos como as técnicas de pesca tradicional, os traballos artesanais, os contos e lendas e mesmo as variedades dialectais que desde tempos inmemoriais se transmitían de xeración en xeración, serán algúns dos asuntos que se aborden nestes contacontos ilustrados.

O colectivo Polo Correo do Vento será o encargado de realizar esta actividade mesturando a narración oral e a ilustración. Enrique Mauricio relatará distintas biografías dos Tesouros Humanos centrándose no lugar no que se realiza o contacontos ao tempo que Carlos Taboada realiza un mural relacionado coa historia.

O obxectivo da actividade é poñer en valor as biografías homenaxeadas e afondar na idea do río Miño como unión de cultura, cunha proposta na que os nenos e nenas interaccionan co conto e co debuxo.

Esta iniciativa estaba previsto que se desenvolveseno curso pasado, sendo finalmente adiada debido a suspensión das clases por mor da pandemia da Covid-19. Retómanse agora estas actividades que se realizarán nas escolas na última semana de  xaneiro e primeira de febreiro, respectando as medidas sanitarias impostas polo coronavirus. Estaba previsto ademais que os contacontos se achegaran a diferentes localidades portuguesas da raia, quedando pendente a súa realización para próximas datas.

Trátase dunha actividade enmarcada no proxecto Tesouros Humanos Vivos do proxecto Smart Minho que desenvolve a Deputación de Pontevedra co cofinanciamento do 75 % do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional que busca documentar o noso patrimonio inmaterial e a súa posta en valor, así como a súa transmisión ás novas xeracións evitando así a súa desaparición.

Para iso realizouse un traballo de campo de máis dun ano xunto coa asociación Ponte… nas Ondas! que entrevistou ao redor de 15 persoas do territorio miñoto galego portugués, a maioría delas de máis de 70 anos, e nun dos casos chegando ata os 99. As entrevistas foron gravadas e documentadas e estarán á disposición de todo o mundo no canal de youtube do smartminho (https://cutt.ly/ojeC3xD) así como nas diferentes redes sociais do proxecto para  garantir a súa divulgación e transmisión. Na mesma liña está prevista a edición dun libro infantil neste primeiro trimestre do ano para promover este coñecemento.

Ponteareas proxecta unha EDAR (Estación Depuradora de Augas Residuais) en Moreira para máis de 4.600 habitantes

O Concello de Ponteareas comunicou a contratación do proxecto da nova depuradora a ubicar na parroquia de Moreira cunha capacidade para máis de 4.600 habitantes.

Esta nova EDAR está prevista no Plan Director de Saneamento redactado en 2018 EDAR, distinta da prevista a realizar polo Estado na Moscadeira para substituir á actual con maior capacidade. A depuradora de Moreira dará servizo ás parroquias de Moreira, San Mateo de Oliveira, Fontenla, Nogueira, Cristiñade, Guláns, Santiago de Oliveira, San Lourenzo de Oliveira, Cumiar así como os lugares que “verten” hacia o río Uma ou os seus afluentes como sucede en determinados lugares das parroquias de Arcos ou Angoares.

O goberno do BNG-PSOE explica que esta actuación é o primeiro paso do obxectivo de dotar de sistema de saneamento a máis de 4.600 veciños destas 10 parroquias, o seguinte e para a súa execución en paralelo é a construción dos primeiros tramos dos colectores de saneamento para que a nova EDAR de Moreira entre en servizo por fases con aproximadamente un terzo da capacidade total para cada unha delas, ata completar no ano 2025 a conexión de todas as fases. O caudal de deseño da nova EDAR é de 1000 m3 ao día.

A realización deste contrato supón unha revolución para grande parte das parroquias de Ponteareas que actualmente non dispoñen de conexión de saneamento. Un paso máis no cumprimento dos compromisos asumidos diante dos veciños polo actual goberno municipal. Esta actuación permitirá dar solución a unha necesidade básica que ata agora nunca se abordou con seriedade e rigor para dar unha solución viable e definitiva. Ponteareas camiña no cumprimento da súa estratexia de futuro e dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostíbel (ODS 2030).

O Plan Director de Saneamento marca o sistema xeral de saneamento e as súas previsións para os vindeiros anos. O Plan está cuantificado en máis de 40 millóns de euros para dar servizo aos case 8.000 veciños que a día de hoxe carecen deste servizo básico.

O Concello informa tamén que está iniciada a tramitación diante da Confederación Hidrogáfica para os correspondentes permisos, en cumprimento dos parámetros de calidade esixíbeis pola Directiva da Unión Europa para cumprir as condicións de vertido ao río Tea.

Financiamento

O goberno local contempla que esta actuación poida recibir financiamento dos novos fondos europeos de reconstrución a través do Ministerio para la Transición Ecológica e o Reto Demográfico por ser un dos investimentos que, a priori, encaixarían nos obxectivos dos novos fondos ao tempo que permiten satisfacer unha necesidade básica. O goberno priorizou o encargo deste proxecto para poder presentalo á convocatoria de axudas no momento que estea aberta.

A Deputación investirá 1,5 millóns de euros no impulso dun “modelo turístico intelixente, dixital, sostible e adaptado ás demandas dos turistas “

“Temos unha nova moi importante no campo do turismo”, destacou Carmela Silva ao informar da recente licitación do programa Tourist Inside que, cun orzamento de 1,5 millóns de € (900.000 € financiados por red.es a través do Fondo Social Europeo e 400.000 € da Deputación), vai impulsar “un modelo turístico intelixente, dixital, innovador, sostible e adaptado ás novas demandas das e dos turistas”. Xunto a esta iniciativa, para a que as empresas poden presentar ofertas ata o 10 de marzo, o goberno provincial está tamén avanzando no Plan Estratéxico de Turismo, con mesas temáticas que terán lugar a vindeira semana, e revalidando a súa aposta pola calidade con xornadas de sensibilización sobre o SICTED (Sistema Integral de Calidade Turística Española en Destinos) que terán lugar a comezos de febreiro. Súmanse ademais, novas experiencias á oferta do Castelo de Soutomaior para seguir consolidando o espazo “como foco de atracción turística”.

Con Tourist Inside, “vaise transformar o turismo na provincia mediante o emprego das TIC e as ferramentas da dixitalización, impulsando o avance dixital da xestión e dando un salto de calidade adaptándose ás necesidades das persoas viaxeiras e dos axentes turísticos”. Vanse modernizar as oficinas da rede Info Rías Baixas, con mesas interactivas, welcome centers, servizos multimedia ou a creación de puntos virtuais. Tamén se implantarán servizos con aplicacións móbiles e unha forte aposta polo marketing en liña e a optimización dos portais web, así como sinais dixitais e controis da sustentabilidade ambiental. Ademais, Tourist Inside porá a disposición do sector ferramentas tecnolóxicas como o servizo de escoita activa, plataformas open data, cadros de mando integrais e unha plataforma de interoperabilidade para manter viva a información e optimizar a promoción dos produtos turísticos. Finalmente, o proxecto contempla a posta en marcha dun proxecto piloto de “praia intelixente”, con ferramentas dixitais para xestionar a auga, o tráfico, o lixo ou os aforos.

A Deputación está tamén a avanzar no novo Plan Estratéxico de Turismo coa organización das mesas temáticas telemáticas previstas entre o 27 e 29 de xaneiro. Nestas mesas, que serán un total de doce, participarán personalidades relevantes en cada unha das temáticas e afondarase nas estratexias de xeración de contidos turísticos, na innovación aplicada á promoción turística, nas estratexias de comercialización e de interacción co turista en destino, na xestión do dato turístico, na dixitalización das pemes turísticas, na accesibilidade universal, na sustentabilidade e economía circular, na mobilidade turística nos destinos, na gobernanza turística público-privada, na Axenda 2030 e nos protocolos sanitarios e na mellora da percepción da seguridade sanitaria.

A presidenta tamén informou das xornadas de sensibilización para fomentar a incorporación de novas empresas ao Plan de Calidade de Turismo Rías Baixas, encamiñado á obtención do distintivo do SICTED. Estas xornadas, o 3 e 10 de febreiro afondarán sobre o sistema de calidade, os beneficios de sumarse á iniciativa, a metodoloxía a seguir, os compromisos que se deben cumprir, así como a formación que se vai impartir para conseguir este distintivo de calidade. “Temos xa a máis de 300 empresas para revalidar e acadar o distintivo do SICTED o que nos converte nun destino de excelencia e referente en canto a calidade turística: somos a provincia de toda Galicia con máis distintivos e a pesar das dificultades de 2020 pechamos o ano con 303 entidades distinguidas ás que dende Turismo Rías Baixas asesoramos, formamos e avaliamos”.

Novidades no Castelo de Soutomaior

Carmela Silva tamén detallou o “forte pulo” que se lle vai dar neste primeiro trimestre de ano ao Castelo de Soutomaior, “que contribuirá a seguir consolidando este espazo como foco de atracción turística”. A presidenta explicou que se van impulsar novas iniciativas relacionadas coa camelia, “a raíña de inverno nas Rías Baixas”, para enriquecer a visita ao Xardín de Excelencia Internacional que tamén ten o Selo Observer®. En concreto, vanse lanzar “experiencias sensoriais” a carón da camelia que irán da man dunha nova plantación de ata 20 exemplares de camelia de té que permitirá organizar visitas guiadas, guías divulgativas para escolares e actividades para valorizar a futura colleita deste produto. Amais, seguindo coa liña iniciada en marzo de 2020 coa posta en marcha do xardín de camelias con nome de muller –que conta xa cos exemplares María Vinyals, Bella Otero, Rosalía de Castro e Jane Andersen-, plantaranse dúas novas especies: a camelia Sofía Novoa, de cor rosa medio, e a camelia Juana de Vega, branca e rosada. Silva tamén adiantou que neste ano no que se cumpre o centenario do pasamento de Emilia Pardo Bazán estase tamén iniciando o proceso para ter “unha flor de camelia co nome desta insigne muller”, que formará tamén parte do xardín.

Xunto a estas iniciativas, estase tamén a traballar na conservación do Castelo con obras que superan os 100.000 € centradas na cuberta e na fachada (rematarán a mediados de febreiro), na instalación de tubaxes e na reconstrución dun tramo de muro de acceso.

A alcaldesa de Tomiño lamenta que a oposición use o Sergas para facer política nunha situación grave da pandemia

0

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, amosa a súa incredulidade ao enterarse por unha publicación da oposición de que o Sergas continuará co cribado no municipio. Na tarde de onte, o Partido Popular de Tomiño realizaba un comunicado en Facebook alegrándose da decisión tomada pola Xerencia da Área Sanitaria de Vigo de trasladar un dispositivo do Sergas ao concello para continuar coa detección de casos de Covid-19, onde citará aos máis de 600 que non puideron asistir na primeira convocatoria.

Esta publicación colleu por sorpresa á rexedora, que non tiña notificación algunha de que se tomara tal medida, e lamenta que o PP use institucións coma o Sergas para “xogar ao partidismo” nun contexto de pandemia tan grave como o actual.  “É verdadeiramente penoso que o goberno municipal se teña que enterar dunha decisión de carácter institucional con tanta importancia como esta a través da oposición. É unha evidencia moi clarificadora do uso partidista que o Partido Popular fai das institucións nas que opera, comunicándose con portavoces do seu partido antes que co goberno municipal, que xa tiña solicitado antes esa información”, declarou.

González sinala ademais a “deslealdade institucional” que isto implica co Concello de Tomiño, e lamenta que o Partido Popular de Tomiño empregue o uso de información administrativa interna do Sergas sobre un asunto tan grave para facer política e “colgarse medallas”. “Se o que pretende o líder da oposición é transmitir que foi grazas a el que o Sergas vai rematar o cribado no municipio lamentamos que non teña o mesmo éxito para conseguir fondos para a biblioteca, servizo que a Tomiño lle corresponde por dereito, ou para mellorar o deficiente estado no que se atopa a Atención Primaria no municipio”, afirmou a alcaldesa.

A Xunta outorga 38.544 horas anuais máis de axuda no fogar para dependentes aos concellos de Ponteareas, Arbo, Crecente e As Neves

A Consellería de Política Social vén de aumentar o investimento no Servizo de Axuda no Fogar (SAF) para a atención de persoas dependentes en toda a comunidade, a partires deste mesmo ano, en 10 millóns de euros. Ao abeiro desta medida, catro concellos das bisbarras do Condado e A Paradanta van dispoñer de 38.544 horas máis cada exercicio.

O Concello de Ponteareas vai ser un dos grandes beneficiarios da alza do orzamento do SAF para dependentes de toda Galicia no presente exercicio, que chegará ata os 83,6 millóns de euros, xa que vai recibir o maior incremento desta prestación en toda provincia posto que recibirá 34.764 horas máis por ano, un 65,6%, ata alcanzar as 87.744.

Ademais da capital da bisbarra, Política Social tamén vai conferir outros incrementos desta teleasistencia a outros tres municipios desta zona. Así, Crecente vai dispoñer, dende este mesmo ano, de 1.620 horas máis; Arbo contará cunha alza de 1.608; mentres que As Neves incorporará un total de 552 ata situarse por riba da barreira das 20.000 unidades de atención por exercicio.

A delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro, informou desta concesión aos alcaldes e concelleiros de Servizos Sociais dos catro concellos beneficiarios desta zona nunha reunión telemática celebrada na xornada de hoxe. Na mesma explicoulles que este incremento do SAF determinouse de oficio por parte dos servizos técnicos da consellería aplicando o criterio da lista de agarda de cada un dos municipios para poder atender a máis usuarios, especialmente na actual situación polos efectos sociais da crise sanitaria da Covid-19.

En total, na provincia de Pontevedra vanse beneficiar desta medida un total de 32 concellos, que gozarán en conxunto dun incremento de 463.000 horas anuais de atención a dependentes ata chegar a case 2 millóns por exercicio, o que supón un ascenso do 30,5% nestes territorios.

Incremento do SAF para dependencia nas bisbarras do Condado e A Paradanta
ConcelloHoras 2020Incremento% IncrementoHoras 2021
Ponteareas52.98034.76465,6%87.744
Crecente13.1401.62012,3%14.760
Arbo17.7121.6089,0%19.320
As Neves19.8125522,7%20.364

Tras a xuntanza, Luisa Piñeiro destacou a “absoluta implicación” da Xunta de Galicia coa atención ás persoas en situación de vulnerabilidade, “con especial fincapé nas que sofren dependencia, que son as que se atopan máis desamparadas, sobre todo coa crise da covid-19, e que precisan que o Goberno galego estea ao seu lado, polo que ese é o noso compromiso e o que estamos a facer con este forte incremento da teleasistencia”.

Máis fondos para dependencia

Finalmente, revelou que unha das grandes reivindicacións do executivo autonómico co Goberno de España na cobertura económica da dependencia estase comezando a conseguir, xa que o Estado incrementará en 45 millóns a súa partida global para a dependencia en Galicia, alcanzando os 141 millóns de euros. “A cifra segue a ser insuficiente e incumpre a normativa, xa que fixa o 50% para cada administración e ata a data a Xunta poñía 304 millóns e o Estado os 96 restantes, o que nos impedía aumentar a dotación aos concellos. Pero en todo caso, é un avance despois de moito insistir e nos permitirá atender un pouco mellor as constantes demandas dos municipios, aos que ata agora non podíamos darlles máis horas porque o Estado só aportaba o 24% dos 400 millóns de euros que precisa cada ano toda a atención da dependencia en Galicia, na que o SAF xoga un papel importante pero non exclusivo”, concluiu a delegada territorial.

As obras do mercado do Rosal, a bo ritmo

0

A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, visitou o mercado municipal acompañada dos arquitectos responsables da súa reforma e de concelleiros para comprobar a evolución das obras desta primeira fase, que arrancaban a semana pasada co obxectivo de recuperar un edificio emblemático dos anos 50 e converter a praza de abastos nun espazo vivo que dinamice o núcleo urbano económica e socialmente.

“Estamos en plena execución da fase 1 destas obras que son exemplo da aposta clara do Concello polo local, promovendo actuacións que fagan o  noso comercio máis atractivo e competitivo”, salienta a rexedora. Neste sentido, por exemplo, o novo mercado contará por exemplo cun novo posto en formato tenda de conveniencia co que fomentar o produto de proximidade. Por outra banda, o Concello xa está a traballar na segunda fase da reforma, que fará fincapé nesta aposta polo local e pola calidade seguindo os estándares de Mercado de Excelencia que marca a propia Xunta.

Tras a visita ás obras, os arquitectos do mercado municipal mantiveron unha reunión de traballo co equipo responsables da redacción do proxecto da Praza do Calvario co obxectivo de abordar as obras de xeito coordinado, sobre todo en traballos relacionados con cuestións como as subministracións. “Abordamos o proxecto de reforma da praza e a execución da obra do mercado non só como cuestións puntuais, senón  como unha reformulación de toda a contorna, como unha nova forma de pensar os espazos públicos e recuperalos para as persoas”, recorda Ánxela Fernández.

Os traballos de reforma do edificio terán un prazo de execución de menos de tres meses e un custo de máis de 207.000 euros que irán a cargo do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, dunha subvención de Agader e de financiamento propio do Concello.  Mentres duren as obras, os praceiros e praceiras seguirán ofrecendo os seus servizos na Escola Simón de Mazo, remodelado e acondicionado polo Concello para adaptalo á nova actividade.

A educación con emoción, crítica e igualitaria, eixos da VI Semana da Educación de Tomiño

0

Tomiño vén de presentar a xa tradicional Semana da Educación, un evento que celebra xa a súa sexta edición. O evento vai dirixido tanto a persoal docente e educador como a pais e nais que procuren formarse en diferentes aspectos relacionados co mundo da educación, onde cada ano imparten conferencias distintas personalidades de relevancia en distintos ámbitos. “Educar con emoción, aprender con paixón” é o título desta edición, que se celebrará entre os días 8 e 11 de febreiro.

Para inaugurar as xornadas Tomiño, o luns 8 contará coa presenza de Octavio Salazar, catedrático de Dereito Constitucional na Universidade de Córdoba, investigador e activista, amplamente recoñecido polos seus traballos sobre igualdade de xénero e novas masculinidades, polos que recibiu varios premios. Tamén é autor de varias obras literarias e colabora habitualmente con medios escritos como eldiario.es, The Huffington Post ou Público, entre outros. Na súa conferencia Salazar falará da importancia dunha educación paritaria, que incorpore a perspectiva feminista, e da necesidade de desenvolver programas específicos de intervención coa mocidade.

A xornada do martes estará protagonizada pola educación musical e os beneficios de transmitila a través da emoción. Será impartida por Almudena González, Profesora Superior de Violonchelo e Música de Cámara polo Conservatorio Superior de Tenerife. É doutora e Premio Extraordinario de Doutoramento 2016 pola Universidade da Lagoa. É autora de artigos de investigación en revistas internacionais con índice de impacto e participa de forma habitual en congresos nacionais e internacionais sobre música e cerebro. González explorará a importancia das emocións musicais no ámbito educativo e a súa relación coa neurociencia, destacando a importancia que ten a unión destes dous campos de coñecemento para proxectar novos camiños posibles tanto dentro da aula como no ámbito familiar.

O relatorio do mércores será impartido por Marta Peirano, destacada xornalista e investigadora especializada no mundo da cultura e a tecnoloxía. É fundadora do xornal ADN e foi xefa da sección de Cultura e Tecnoloxía en eldiario.es sendo nos dous últimos anos adxunta á dirección. En 2019 publicou “El enemigo conoce el sistema”, un ensaio sobre o capitalismo de vixilancia onde conecta a nosa adición ao móbil coa industria de extracción de datos e o seu papel como ferramenta de control e manipulación de masas, que vai xa pola súa novena edición. Na súa conferencia, Peirano falará da importancia de combater a desinformación nas redes sociais, un problema crecente nos últimos anos, analizando as ferramentas que temos para combatela.

O xoves fechará as xornadas Alberto Soler, licenciado en psicoloxía e especialista europeo en Psicoterapia (EuroPsy). É a cara visible do videoblogue de divulgación Píldoras de Psicología, que conta con máis de 240.000 persoas seguidoras e miles de reproducións diarias tan só en YouTube. É colaborador do programa Ser Saludable na Cadea Ser, do proxecto Xestionando Fillos, e profesor na Escola Bitácoras. A súa conferencia levará o título Normas, límites, premios e castigos, e nela falará sobre a importancia destes conceptos e que peso darlles para educar aos nosos fillos con grandes doses de amor, agarimo e respecto.

Este ano, debido á pandemia da Covid-19, o evento será retransmitido por streaming a través de Zoom e calquera persoa poderá acceder á videoconferencia de balde. Non será preciso inscribirse, só o terán que facer aquelas persoas que queiran un certificado de asistencia, e poderán facelo a través dun formulario na web municipal. Cómpre destacar tamén que as xornadas contarán con interpretación simultánea en lingua de signos para garantir tamén a inclusión das persoas xordas. Todas as conferencias serán retransmitidas á mesma hora nos seus respectivos días, ás 19:00. Para máis información, os interesados poden enviar un correo a [email protected], [email protected] ou visitar o apartado “Semana da Educación” na web municipal.

Desde a Concellería de Educación convidan a todas as familias a participar destas xornadas, un evento tradicional xa na programación municipal que procura servir de apoio para a educación dos fillos e fillas, contando coa visión de importantes expertos e figuras de relevancia en distintos sectores profesionais.

Ligazóns para as videoconferencias

[su_image_carousel source=”media: 28934,28936,28935,28933″ crop=”5:4″ captions=”yes” link=”lightbox” autoplay=”0″]

Nigrán establece só apertura mediante cita previa do roupeiro municipal mentres duren as restricións máximas

0

O Concello de Nigrán establece deste esta mesma semana e mentres duren as restricións máximas a apertura do Roupeiro Municipal só mediante cita previa no 986365000 ou no mail [email protected].

Asemesmo, recolleranse achegas urxentes a través da Oficina de Información Cidadá da Casa do Concello (de luns a venres de 10:00 a 13:00 horas) pese a que, preferentemente, se pide que se realicen as doazóns na propia instalación cando pasen estas medidas extraordinarias de contención da Covid-19 para evitar agora mesmo desprazamentos e contactos innecesarios (rógase non deixar bolsas na porta). O Roupeiro, situado ao carón do IES Val Miñor na rúa Paradellas, é un servizo creado no ano 2009 e único na área de Vigo polo seu carácter municipal, ofrecéndose prendas a calquera persoa independientemente do municipio onde resida e non sendo preciso ningún tipo de xustificación da necesidade.

“Trátase de extremar ao máximo os protocolos para protexer a saúde dos usuarios e das propias voluntarias que atenden o Roupeiro. As peticións de fora veranse limitadas ao haber peches perimentrais pero o servizo seguirá funcionando para todo aquel que precise roupa, desde o Concello facilitaremos a entrega”, explica o alcalde, Juan González.

A Fundación La Caixa e a Escola de Fútbol Denis Suárez, xuntas polo deporte e a infancia

Responsables da Fundación La Caixa visitaron as instalacións do campo de fútbol do Penedo Redondo en compaña de representantes da Escola de Fútbol Denis Suárez ademais de pola alcaldesa, Loli Castiñeira, o concelleiro de Deportes e o arquitecto municipal. Miguel Capón, director da Escola, exerceu de anfitrión na visita guiada ás instalacións para que as persoas responsables da fundación coñecesen de primeira man a realidade da Escola.

O obxectivo da visita é a posta en marcha dun convenio de colaboración coa Escola de Fútbol Denis Suárez, no que esta participará como entidade prestadora do servizo dentro do programa CaixaProInfancia, dirixido a familias con menores en situación de pobreza e exclusión social.

O convenio xurde despois dos contactos realizados entre a escola e a fundación, nos que se puxeron de manifesto a similitude entre os valores de ámbalas dúas entidades, e foise materializando despois de diversas reunións mantidas en Vigo e Madrid. 

A propia alcaldesa, Loli Castiñeira, expuxo o potencial de Salceda para proxectos dirixidos á infancia, tendo en conta a elevadísima taxa de natalidade do municipio (unha das máis altas de Galicia), así como a excelente ubicación pola cercanía con cidades como Tui e Vigo, e incluso con Portugal. Así mesmo, por medio do arquitecto municipal amosáronse os proxectos de ampliación das instalacións deportivas coa futura construción dun novo campo de fútbol 8 e posibilidade de novas instalacións na zona deportiva da Comunidade de Montes de Budiño, situada a pouco máis de cen metros de distancia, e incluso coa da parroquia de Soutelo, o que completaría un futuro triángulo que ofrecería novas oportunidades á comunidade deportiva de Salceda.

Hoxe rexístranse 900 casos máis activos por coronavirus en Galicia

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 14.975, deles 3.839 son da área da Coruña, 1.273 da de Lugo, 2.107 da de Ourense, 1.195 da de Pontevedra, 2.776 da área de Vigo, 2.593, da de Santiago, e 1.192 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 132 están en UCI, 696 en unidades de hospitalización e 14.147 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 63.317 persoas curadas, rexistrándose 1.550 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 1.272.189.

O número de doses de vacina contra a Covid-19 administradas é de 59.124. A Xunta continúa a traballar desde a máxima coordinación interdepartamental e co Ministerio de Sanidade, tamén mantendo o contacto con todos os axentes socioeconómicos de Galicia. Neste senso, Sanidade reitera que segue alerta actualizando todas as medidas e recomendacións e en vixilancia permanente.

Os datos de centros residenciais de servizos sociais corresponden aos que achegan con carácter diario os propios centros.

Os datos de escolas infantís e centros de ensino non universitario corresponden aos rexistrados diariamente a través da Central de Seguimento de Contactos, os propios centros e as xefaturas territoriais.

Uso do 061 para casos graves e emerxencias e o 900 400 116 para dúbidas

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

Sinalar, ademais, que o Sergas ten a disposición da cidadanía a páxina web https://coronavirus.sergas.gal/ na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.

Rexistro de viaxeiros no 881 00 20 21 e obrigatoriedade do uso da máscara

Lémbrase que as persoas que visiten Galicia nas vindeiras datas e procedan ou estivesen, durante os 14 días previos á súa chegada, nalgún dos territorios con alta incidencia epidemiolóxica incluídos na listaxe publicada no Diario Oficial de Galicia, deberán facilitar os seus datos de contacto ao Servizo Galego de Saúde, ben a través do teléfono 881 00 20 21 ou ben a través do formulario da web do Sergas.

Ademais, reitérase o carácter obrigatorio do uso da máscara tanto en espazos abertos como pechados, poñendo especial énfase na súa utilización nos locais e establecementos comerciais e de hostalería.

Recomendacións

Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade volven  reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe.

Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.

É importante tamén procurar unha axeitada ventilación dos espazos interiores optando preferentemente por espazos abertos e tratando de evitar aglomeracións.

Non se debe esquecer o mantemento da distancia de seguridade, o uso axeitado da máscara e atender ás restricións específicas que se poidan establecer en cada comarca ou concello.

Continúa a alerta laranxa por vento e temporal costeiro na provincia de Pontevedra

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia Primeira da Xunta vén de ampliar a alerta laranxa por vento activada para onte na Mariña de Lugo tamén ás provincias da Coruña e Pontevedra.

Segundo informa a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), o fenómeno adverso de nivel laranxa por ventos do sur e suroeste con refachos de ata 100 km/h que afectará a partir das últimas horas da tarde de onte á Mariña de Lugo ampliándose ao oeste e suroeste da Coruña e, desde hoxe, tamén se estenderá ao noroeste da provincia coruñesa, así como nas Rías Baixas e a zona do Miño en Pontevedra.

A Axencia Estatal de Meteoroloxía informa tamén dun fenómeno meteorolóxico adverso costeiro afectará ao, oeste e suroeste do litoral coruñés e na costa da provincia de Pontevedra desde hoxe, con vento do sur ou sureste forza 8 e mar combinada do suroeste con ondas de ata 6 metros. Mañá, a partir de primeira hora estenderase ao noroeste da Coruña, onde se agarda vento do suroeste forza 8.

Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos da provincia afectada; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros.

A Xunta lembra nas zonas afectadas a importancia de manterse afastados da liña de costa, isto é, de diques, rompentes, espigóns, peiraos, praias, paseos marítimos e todas aquelas zonas que poidan ser varridas polo mar, co fin de previr un eventual golpe de mar que poida arrastrar persoas ou obxectos. Tamén se aconsella extremar as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e revisar os cabos e amarres das embarcacións.

Polo que respecta ao vento, cómpre lembrar a importancia de seguir as medidas de protección como retirar os obxectos que poidan caer á rúa dende os tellados, balcóns e fiestras e evitar pasar preto de edificios en ruínas, en construción, árbores, paneis publicitarios e obxectos susceptibles de desprazarse co vento.

Redondela asegura que as obras da PO-250 que realiza a Xunta “non resolven os problemas desta estrada” e non teñen en conta as peticións municipais

0

“As obras que se realizan na PO-250 Redondela-Pazos por parte da Xunta de Galicia non resolven os graves problemas que ten esa estrada e se perde a oportunidade de facer unha reforma de calado”, afirmou hoxe a alcaldesa Digna Rivas ao valorar uns traballos que comezaron hai unha semana sen que, tal e como se acordara no seu momento, houbera unha xuntanza previa para estudar as melloras propostas polo Goberno local.

Para a alcaldesa redondelá, que os responsables da Xunta acudiran ao inicio das obras acompañados polo exalcalde e concelleiros do PP, sen tan sequera avisar ao Concello ou á Alcaldía de Redondela, supoñen “unha falta clara de lealdade institucional”. Rivas lembrou que o Concello sempre actuou co resto das administracións, “co máximo respecto e a maior lealdade dende o convencemento de que o benestar da veciñanza, está por encima de calquera consideración partidista”. Actitudes como esta, engadiu, “non son só unha falta de respecto á institución municipal, senón a toda a cidadanía a quen o Concello de Redondela representa”.

O Goberno local teme que, co inicio destes traballos e sen que se teñan en conta as melloras que sobre ese treito incluído no casco urbano, propuña o Concello “se estea desaproveitando unha extraordinaria oportunidade para solucionar, definitivamente, os graves problemas de seguridade viaria que reviste esa estrada tanto para os e as viandante coma para os vehículos”.

A pouca información que, sobre estes traballos, ten o Concello, “conseguiuse tras as insistentes chamadas da Alcaldía aos responsables de estradas da Xunta e, aínda así, posuímos agora información incompleta e en ningún lado consta que se vaia facer caso das recomendacións trasladadas polo Goberno local á Xunta”, matiza a rexedora local.

No mes de maio do 2020, explica a concelleira de Urbanismo, María Castro, un informe técnico do Concello de Redondela remitido á Xunta de Galicia “detallaba algúns dos problemas desa estrada” facendo referencia, entre outros moitos, ao mal estado do firme o que supuña “un problema grave para unha estrada que rexistra un enorme volume de circulación de vehículos lixeiros e tráfico pesado”.

Nun escrito posterior, a alcaldesa de Redondela insistía sobre a necesidade “urxente” de mellorar a seguridade viaria e daba conta da “perigosidade” que revestía esa vía para os peóns que, pese á antedita alta densidade de tráfico conta “con beirarrúas que, nalgúns treitos, apenas acadan os 90 cm”.

Noutros escritos do mes de outubro e novembro, o Concello pedía a Xunta de Galicia actuacións concretas como a creación dunha zona segura de velocidade máxima de 20 km/h (como no resto do casco urbano) amais de “actuacións para o calmado de tráfico tan sinxelas como a instalación de pasos de peóns elevados, sinalización lumínica e mellora da sinalización tanto horizontal como vertical”. A estes problemas “xa de por si graves para a seguridade viaria da zona”, engadíase a existencia de un muro semiderrubado que supuña un perigo para a integridade das e dos viandantes.

Se ben a reconstrución do antedito muro con perigo de derrubo, era unha das demandas do Goberno local redondelán, “traballos que deberían estar feitos hai meses por tratarse de obras imprescindibles para a seguridade viaria –aseguran María Castro e Digna Rivas– as obras deberían incluír as demandas do Concello sobre actuacións encamiñadas a mellorar a seguridade viaria, tanto de peóns como de condutores e condutoras”.

O alumnado de Ponteareas aprende a importancia da compostaxe a través de obradoiros didácticos

A concellaría de Medio Ambiente do Concello de Ponteareas, que dirixe Rosa Covelo, vén de retomar as actividades escolares sobre compostaxe impartidas dentro do Programa Revitaliza da Deputación de Pontevedra ao que está adherido o Concello ponteareán.

Esta vez, o persoal técnico do CEIDA levará os obradoiros didácticos sobre compostaxe aos rapaces de Educación Infantil do CEIP Nosa Señora Dos Remedios onde aprenderán coa actividade os bichocos e a composteca para que serve o compost, os animais implicados no proceso e a importancia de coidar a natureza.

En Ponteareas, dentro do Programa Revitaliza, levouse a cabo con éxito un proxecto piloto na Parroquia de Arcos, onde se repartiron composteiros individuais, xa que nas zonas rurais este tipo de compostaxe é a idónea. A concellería engade que tamén se está a fomentar a compostaxe no núcleo urbano coa instalación de centros de compostaxe comunitaria e adianta que está en proxecto a instalación de máis.

“É moi importante fomentar desde ben pequenos unha xestión dos residuos sostíbel e baseada nunha economía circular, onde o máis importante é reducir, logo reutilizar e, por último, reciclar”, explica a concelleira Rosa Covelo.

As actividades ofertadas para os centros educativos poden consultarse na web revitaliza.depo.gal, e consisten fundamentalmente en propostas presenciais “atractivas” para o alumnado sempre respectando as normativas sanitarias COVID.

Zona Franca realizará un plan estratéxico da Cañiza e a súa contorna con accións concretas para tomar decisións de futuro

0

O Consorcio da Zona Franca poñerá en marcha o desenvolvemento dun plan estratéxico sobre A Cañiza e a súa contorna. O delegado do Estado, David Regades, asinou onte un acordo co alcalde da Cañiza, Luís Piña, para realizar este traballo de análise, que permitirá establecer os mecanismos necesarios para a toma de decisións.

O traballo comezará cun diagnóstico estratéxico con toda a información e datos obxectivos do municipio e a súa contorna. Non só analizarase a economía, o tecido empresarial e a situación social ou tecnolóxica, senón tamén a repercusión da crise do covid. A información sintetizarase nunha matriz DAFO, cun informe final que incluirá cada sector, áreas económicas e o futuro potencial que ten A Cañiza e a súa contorna e a súa repercusión no desenvolvemento económico na súa área.

O delegado de Zona Franca, David Regades, explicou que “o alcalde me pediu que fose un proceso participativo e por iso non só estará a visión dos expertos, senón que tamén vai participar a economía da Cañiza para recompilar opinións, percepcións e ideas de axentes e entidades público-privadas relevantes sobre a situación actual e os retos futuros”. Tamén se estudarán casos de éxito, modelos similares no mundo, “para traer eses exemplos nacionais ou internacionais que poidan ser inspiradores”.

Con todo iso farase un plan operativo coas actuacións e instrumentos que se deben implementar, coas accións xerais para A Cañiza e a súa área de influencia. Finalmente poñeranse sobre a mesa as propostas de colaboración, instrumentos públicos ou axudas públicas que se poden poñer en marcha para desenvolver todas as ideas, que serán tamén no ámbito público-privado.

David Regades engadiu que “todo este proceso terá a súa propia folla de roteiro para que non quede nun documento, senón que se converta en realidade. O alcalde insistiume que moitos estudos quedáronse no tinteiro, así que se elaborarán unha batería de indicadores para avaliar as accións emprendidas e tomar medidas concretas”. Xunto a todo iso haberá un comité de seguimento desde Zona Franca, onde estará persoal do Concello da Cañiza, para a supervisión dos traballos.

O alcalde, Luís Piña, agradeceu a David Regades o acordo e mostrouse “moi ilusionado porque é algo extraordinario, porque é unha implicación de Zona Franca que vai máis aló do habitual. É a primeira vez na historia que unha entidade como o coloso de Zona Franca implícase cun Concello como A Cañiza”. Piña resumiu que se trata de “xerar actividade económica no noso territorio, porque temos moito futuro”.

Tui pecha as instalacións deportivas municipais ante a situación epidemiolóxica

0

O Concello de Tui no día de onte pechar as instalacións deportivas municipais ante a situación epidemiolóxica no municipio e as últimas medidas adoptadas pola Xunta que suspende toda a competición deportiva federada autonómica. Deste xeito todas as instalacións municipais, pavillóns deportivos, campos de fútbol, centro municipal de piragüismo e de remo, centro interfederado, e pistas de tenis de Areas permanecerán pechadas dende hoxe e até novo aviso.

O concelleiro de Deportes, Rafael Estévez, explica que só os deportistas de alto nivel poderán seguir adestrando nestas instalacións, tendo en conta a nova normativa que entrará en vigor ás 00 h do xoves, 21 de xaneiro, en vigor en Galicia.

O BNG amosa o seu apoio ás reivindicacións dos salóns de peiteado e barberías para a rebaixa do IVE

O BNG vén de amosar en Ponteareas o seu apoio ás reivindicacións do sector dos salóns de peiteado e barberías, que teñen convocadas mobilizacións para este mércores nas que reclaman que se rebaixe o IVE até o 10 %, tal e como leva reclamado o Bloque nos últimos anos.

A través do seu deputado no Congreso, Néstor Rego, o BNG xa presentou unha emenda ao proxecto de Orzamentos Xerais do Estado 2021 na que reclamaba que se devolva o sector de beleza, barbería e a estética ao IVE reducido de 10% ao seren un servizo de primeira necesidade.

“En 2012 o Goberno do Partido Popular, presidido por Mariano Rajoy, decidiu incrementar o IVE, provocando que os salóns de peiteado que pagaban 8 % de IVE por seren considerados servizos esenciais, pasaran a pagar 21 %. O mesmo aconteceu coa estética, que pasou de 16 % a pagar 21 % de IVE”, lembran dende o Bloque.

Neste sentido, o BNG afirma que “esta suba até 21 % no ano 2012 debía ser temporal, polo que a maioría dos profesionais asumírona sen que iso repercutise no prezo final para as e os clientes. Neste contexto actual de pandemia, no ano 2020 os salóns de peiteado tiveron unha caída na facturación que na maioría dos casos supera 50 % en comparación co ano pasado”

“A actual situación fai que moitos pequenos negocios se vexan afectados pola crise causada pola COVID19 e está a provocar que a capacidade de supervivencia de moitos salóns de peiteado se encontren en perigo”, indica o BNG. “Coa rebaixa do IVE, facilitaríase que estes locais continuaran abertos e puidesen seguir pagando impostos, evitando desta forma que aumentase a economía somerxida no sector. Ademais, serviría como medida de fomento do consumo e permitiría unha suba na recadación” subliñou a formación nacionalista.

Acompañando a petición da rebaixa do IVE, o BNG presentou tamén outra emenda aos Orzamentos Xerais do Estado en que se reclamaba a creación dun plan de axudas específico para o rescate de pequenos negocios e autónomos, do cal este sector podería verse beneficiado.

O Bloque afirmou que seguirá traballando “para que poidan saír adiante todas estas medidas que dende o BNG impulsamos e que PSOE e Podemos non quixeron incorporar aos orzamentos do Estado”.

Mos mellora a seguridade viaria en Tameiga, Torroso e Cela e acondiciona o paseo do Louro, na Pesqueira, co investimento dun millón de euros da Deputación

0

A Deputación está a investir un millón de euros na mellora da seguridade viaria nas parroquias de Tameiga, Torroso e Cela e o acondicionamento do paseo do Louro, na zona do parque da Pesqueira, en Mos. As dúas actuacións, encadradas dentro do Plan Concellos, foron visitadas hoxe pola deputada de Igualdade e Cultura, Victoria Alonso, e o deputado de Réxime Interior e Facenda, Carlos Font, acompañados da alcaldesa, Nidia Arévalo e o concelleiro de Obras. As e os representantes institucionais, que subliñaron os froitos desta colaboración institucional, comprobaron os resultados das obras que puxeron fin aos problemas para o tránsito peonil e rodado na contorna da urbanización de San Eleuterio, en Tameiga, así como os novos equipamentos de lecer que poñen en valor o parque da Pesqueira, situado no paseo do río Louro.

Victoria Alonso subliñou que trátase de dúas obras amparadas no modelo da Deputación para a transformación sostible da provincia, creando e mellorando equipamentos e servizos públicos en prol da calidade de vida da veciñanza. A deputada destacou que Deputación de Pontevedra é, arestora, “sinónimo de transparencia e trato equitativo a tódolos concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes con financiamento regrado e achegas transformadoras, goberne quen goberne”. Máis aínda, destacou que o Plan Concellos converteuse en garantía de avance, “ata o punto de que é imposible viaxar pola provincia se atoparse con carteis do máis ambicioso plan da historia da institución provincial”. “Durante estes cinco anos”, explicou a deputada, “Mos ten recibido máis de 7 millóns e medio de euros que utilizou non só para obras, senón para actividades socioculturais e contratar a un total de 60 persoas paradas nos seus sucesivos plans de emprego”. “O Plan Concellos dá moita vida e permite aos gobernos municipais estar preto da cidadanía”, concluíu.

Pola súa banda, Nidia Arévalo destacou que con estas dúas obras remátase un ciclo do Plan Concellos da Deputación, “un ciclo moi importante que dende o Goberno local decidimos enfocar cara obras de humanización, porque no rural non só hai que falar de asfalto, senón tamén de humanizar, porque hai lugares, barrios e zonas onde está a igrexa, o campo de fútbol ou a escola e onde, por tanto, se congregan moitas persoas”. Destacou que en Mos hai moito costume de saír a camiñar e as obras realizadas na contorna da urbanización de San Eleuterio responden a esta demanda social. “Agora co Plan Concellos estamos a piques de comezar a humanización de Guizán, que xa está adxudicada, e así abrir un novo ciclo”. “Estou moi contenta de que teñamos optado pola liña das humanizacións porque sempre é un acerto dar á xente a posibilidade de comunicarse con seguridade”, rematou.

Nova zona de xogos de auga no parque da Pesqueira

Coas obras realizadas no parque da Pesqueira incrementouse substancialmente a oferta de servizos de lecer tanto para as crianzas como os maiores. Púxose en valor o paseo do río Louro, onde se corrixiron algúns desgastes motivados polo uso e a erosión, e afrontouse o acondicionamento das catro zonas dedicadas á praza de xogo e descanso, parque de elementos biosaudables, zona de mesas para comer e, finalmente, a área de xogos de auga. Nesta última zona instaláronse elementos cos modelos “seta” ou similar, “choiva”, chorro e efecto túnel. Todo o ámbito embeleceuse tamén con parterres de plantas e flores..

En canto á mellora da seguridade viaria en Tameiga, a actuación centrouse na contorna da urbanización de San Eleuterio. Creouse un itinerario peonil seguro que dá continuidade ao que xa existía na estrada Tameiga-Pereiras, ao Oeste, e chega á Ermida de San Eleuterio, onde se continúa polo camiño da Levantada, ata a vía de servizo da A-55, en dirección Norte. A beirarrúa conta agora cun ancho mínimo de 1,80 metros de ancho, garantindo así a seguridade do tránsito peonil entre as vivendas e os equipamentos existentes (o campo de fútbol, a ermida de San Eleuterio ou a Escola Infantil). Aumentouse tamén o ancho da calzada naquelas zonas con estreitamentos perigosos, previa escavación e construción de muros. Finalmente instalouse nova iluminación eficiente, drenaxe e mellorouse a sinalización.

Estas actuacións concretas na zona de San Eleuterio, valoradas en máis de 210.000 euros están enmarcadas dentro dun proxecto global do Plan Concellos que inclúe tamén as obras en marcha nas parroquias de Torroso e Cela cun orzamento global para este proxecto moi próximo aos 850.000 euros.

A Deputación de Pontevedra leva investidos en torno a 7,5 millóns de euros en Mos dende o ano 2015, cando se produciu o cambio na institución provincial. Desta cantidade, 4,8 millóns corresponden á área de Cooperación e débense, case na súa totalidade a actuacións encadradas no Plan Concellos. Neste mesmo ano, 2021, o Concello de Mos terá ao seu dispor un orzamento doutros 966.009 euros (6.000 euros máis que o anterior) con cargo ao plan.

Ao longo de 2020, Mos xestionou 7 obras do Plan Concellos, entre as que destacan a mellora da seguridade viaria nas parroquias de Guizán e Tameiga (preto de 320.000 euros), ampliación da rede de saneamento integral en Louredo-Guizán e Cela (case 250.000 euros) e obras en instalacións deportivas municipais (40.000 euros). En total, leva executadas 24 obras financiadas pola Deputación, fundamentalmente destinadas á mellora da seguridade viaria, saneamentos, humanización de rúas, e mantemento e mellora de equipamentos.

Manifesto Miñor acusa ao alcalde de Gondomar de “faltas de respecto continuadas” ás concelleiras da oposición

0

Manifesto Miñor (MM) denunciou onte o que cualificou de “faltas de respecto continuadas cara concelleiras da oposición” ao longo do Pleno extraordinario do pasado luns o que provocou que os grupos políticos da oposición –Manifesto Miñor, BNG e PP– abandonaran a sesión. Entende MM que no exercicio da función de alcalde “existen determinadas liñas vermellas que non se poden cruzar”.

Unha das frases detonantes de toda a situación foi a dirixida polo alcalde de Gondomar á portavoz do PP, Paula Bouzós: “vostede non sabe nin o que presenta, vostede presenta o que lle escriben”. De seguido, e ante o que a formación asemblearia cualifica de “novo alarde de autoritarismo” e diante das queixas da concelleira do BNG, Manuela Rodríguez, o “apagoulle o micrófono para impedirlle facer a súa intervención”.

Entende Manifesto Miñor que “non se pode poñer en cuestión a valía dunha concelleira”. “Silenciar sistemáticamente ás compañeiras da oposición, só deixa en evidencia canto queda por loitar contra o machismo nas institucións públicas”, engade a formación que encabeza Antonio Araújo.

“Reproducir e normalizar este tipo de comportamentos prepotentes dende a institución municipal é impresentable” afirman, aínda máis cando veñen dun alcalde que se define como “socialista”. Por iso Manifesto Miñor expresa a súa solidariedade coas compañeiras agredidas e denuncian publicamente uns feitos “que non son novos”.

Asegura Manifesto Miñor que o PSOE de Gondomar, “que permite e mesmo fomenta estas salidas de ton de Ferreira, é cómplice da deriva antidemocrática e antifeminista do goberno municipal” e lamentan que tras o abandono das concelleiras e concelleiros da oposición (agás o concelleiro de Ciudadanos) do salón virtual de plenos, “as concelleiras socialistas preferiron defender ao alcalde en lugar de mostrar o seu apoio ás dúas compañeiras que se viron degradadas por comentarios e actuacións totalmente fóra de lugar”.

MM esixe do alcalde de Gondomar “unha disculpa pública polos comentarios ofensivos e a forma despótica que tivo de silenciar ás compañeiras da oposición”. Para Manifesto Miñor “calar diante do machismo non é unha opción”.

O PP de Tomiño celebra o traslado dun dispositivo do Sergas para seguir co cribado no centro de saúde do municipio

0

O portavoz do PP de Tomiño, Esteban González, celebra a decisión da Xerencia do SERGAS de trasladar, a petición dos populares, o cribado poblacional para detectar casos de Covid-19. Segundo sinala o concelleiro popular, a Xerencia da Área Sanitaria de Vigo comunicoulle por chamada telefónica na mañá deste martes “que mañá mércores trasladarán a centro de saúde de Tomiño un dispositivo do SERGAS para seguir co cribado poblacional”.

Neste cribado serán citadas todas aquelas persoas, máis de 600, que non puideron asistir no primeiro cribado ao ter que desprazarse ao hospital Alvaro Cunqueiro.

Esteban González agradece “a boa disposión” do xerente do SERGAS, Javier Puente, “pola boa intención, colaboración e polo esforzo que conleva; coa única finalidade de dar seguridade ante esta situción crítica”.

A Biblioteca Municipal de Tui presente nas redes sociais para promover a lectura

0

Dende o pasado luns 11 de xaneiro, coincidindo coa celebración do “Día dos usuarios das bibliotecas”, a Biblioteca Municipal de Tui comezou a súa presenza no ámbito das Redes Sociais abrindo os seus perfís en Facebook, Instagram e Twitter na procura de mellorar a súa comunicación co seus usuarios, cos afeccionados á lectura e, en definitiva, coa cidadanía en xeral.

O obxectivo é promover a lectura como un eficaz e deleitoso instrumento de educación, cultura, información e lecer e informar sobre o funcionamento deste servizo público de carácter cultural que garante o acceso de todos os cidadáns á información e á cultura.

Para a concelleira de Ensino e Cultura, Sonsoles Vicente, o obxectivo é informar aos nosos seguidores e compartir o noso gusto pola lectura. Por tanto dende a presenza da Biblioteca Municipal nas redes sociais é unicamente para informar da súa oferta e das propostas de lectura para todas as idades así como daquelas noticias e actividades, especialmente de dimensión local, que entendamos de interese.

Podes seguir á biblioteca municipal tudense nas seguintes ligazóns:

Novo remolque de emerxencias para Protección Civil do Rosal

0

Membros da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil do Rosal acudiron hoxe martes 19 en Vilaboa, acompañados polo concelleiro Germán Fernández, para recoller o novo remolque entregado pola Xunta ao abeiro das subvencións para equipamentos de emerxencias. Trátase dun remolque con características especiais idóneo para intervencións nos incidentes provocados por inundacións e temporais e para desprazarse por aquelas zonas do Rosal que contan con rúas e vías máis estreitas.

Este novo equipamento axudará a mellorar a capacidade das intervencións da agrupación, que soamente no ano 2020 participaron en 116 operativos, máis dun cento no municipio rosaleiro e 15 no concello de Oia. Ademais da participación como asistentes ou para control de afluencia en eventos, durante todo o ano os voluntarios e voluntarias desempeñaron tarefas tan dispares e necesarias, como a asistencia en accidentes de tráfico ou domésticos ou en problemas con animais soltos, a axuda á veciñanza en distintas parroquias, a colaboración no reparto de alimentos ou máscaras, a entrega de ordenadores ou material escolar ao alumnado ou incidencias por lumes ou temporais, entre outros. O Concello quere poñer en valor o gran labor que realizan estes voluntarios e voluntarias no municipio, de vital importancia neste ano de pandemia, e agradecer todo o traballo realizado para atender aos veciños e veciñas no día a día.

Gondomar conta cun punto limpo renovado pola Deputación para a reciclaxe dos residuos eléctricos e electrónicos

0

A Deputación de Pontevedra levou a cabo as obras de acondicionamento e adaptación do punto limpo de Gondomar para a xestión e reciclaxe dos residuos eléctricos e electrónicos, nas que a institución provincial investiu un orzamento de 35.307 euros. Grazas a estes traballos, que  se enmarcan no proxecto ESTRAEE, a veciñanza conta xa cun espazo totalmente renovado no que depositar, para a súa reciclaxe, todo tipo de electrodomésticos, aparellos informáticos ou televisores, entre outros. Deste xeito a veciñanza de Gondomar gaña un novo servizo para depositar o seu lixo electrónico, un tipo de residuo especialmente contaminante e cuxo crecemento estamos a ver de xeito preocupante. Os deputados provinciais Santos Héctor e Iria Lamas visitaron este novo espazo de reciclaxe, no seu percorrido estiveron acompañados polo alcalde de Gondomar, Francisco Ferreira, e o concelleiro de Medio Ambiente, Brais Misa.

No punto limpo de Gondomar, situado no lugar de Hervillás (parroquia de Vincios), habilitouse máis polo miúdo un edificio para almacén e reutilización dos residuos, dotado con gaiolas e estantes para o correcto tratamento deste tipo de aparellos e cinta xa con transpaletas, máquinas para o movemento dos palés que foron entregadas  pola Deputación.  Doutra banda, instalouse iluminación e tamén un sistema de protección contra incendios e paneis indicativos. As actuacións completaranse proximamente coa dotación dos sistemas informáticos de acceso e seguridade para mellorar a xestión do ecocentro.

Este punto limpo de Gondomar está aberto de luns a xoves en horario de 16 a 19 horas e os venres e sábados de 9 a 13 horas. Ademais, hai servizo de recollida a domicilio previo aviso no teléfono 900 1o7 382.

O proxecto ESTRAEE (Estratexia Sostible Transfronteiriza para a Xestión dos Residuos de Aparellos Eléctricos e Electrónicos) conta cun orzamento total de 2.145.000 euros e ten por finalidade impulsar no espazo transfronteirizo Galicia-Norte de Portugal a xestión de residuos de aparellos eléctricos e electrónicos (RAEE). Está soportado ao 75% polo fondo FEDER, que achega algo máis de 1,6 millóns de Pontevedra. A Deputación e o resto dos socios achegan os 536.381 euros restantes. Esta iniciativa permite o cumprimento da normativa europea e española sobre o tratamento do lixo tecnolóxico adaptando os nove puntos limpos da provincia: Meaño, A Guarda, A Lama, Gondomar, Nigrán, Mancomunidade do Morrazo (Bueu, Cangas e Moaña), Ponteareas, Silleda e Vilagarcía de Arousa. Nestas nove obras invístese un orzamento de 618.000 euros.

O refraneiro popular galego revoluciona as redes sociais do Concello de Ponteareas

O vídeo sobre o refraneiro popular que creou e subiu a Concellaría de Cultura o venres pasado alcanzou xa 11.000 persoas, leva case 5.000 reproducións e foi compartido por 111 persoas.

A iniciativa que xurdiu, no mes de novembro, da Concellaría de Cultura para fomentar o coñecemento e compartir entre o departamento e a cidadanía estas doses de sabedoría ancestral popular, comeza a coller forza nas redes sociais. No mes de novembro, apenas foi unha imaxe con algúns refráns; en decembro, xa se converteu nun vídeo con algúns máis sobre o mes de Nadal; e, en xaneiro, achegou unhas fotografías das mañás de xeada que ilustraron de maneira gráfica os ditos.

“Comezou como unha actividade pequena para ir mantendo a programación cultural nestes tempos complicados para a actividade presencial e comeza a se converter nunha das nosas iniciativas máis secundadas dos últimos meses” comenta o concelleiro de Cultura Fernando Groba Bouza.

“O segredo do éxito deste pequeno vídeo, cremos que foi a combinación, por unha banda, da xenialidade das mostras de lingua cheas de sabedoría atemporal e, por outra, da fermosura das paisaxes brancas das que falan moitas delas e que xa botabamos de menos nos nosos invernos por mor do cambio climático e do quecemento global” revela o nacionalista.

Fernando Groba convida a enriquecer aínda máis esta iniciativa comentando e aportando na seguinte ligazón da páxina de facebook Cultura e Turismo Ponteareas https://www.facebook.com/visitponteareas/videos/849088042320351

Preto de 600 aspirantes realizaron hoxe a oposición a prazas de auxiliar administrativo na Deputación

Cun operativo de seguridade sen precedentes celebrouse hoxe o primeiro exercicio das probas para cubrir 8 prazas de auxiliar administrativo/a na Deputación de Pontevedra. A convocatoria, á que se presentaron un total de 589 aspirantes, tivo lugar no recinto feiral de Vigo (IFEVI), onde, por primeira vez, foi necesario alugar dous pavillóns diferentes.

A Deputación elaborou un detallado protocolo que ten a autorización da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, que completou e deu o visto bo á realización dunhas probas que requiriron dun operativo sen precedentes e da reserva dos pavillóns números 4 e 5 do recinto feiral vigués. A institución provincial, que reserva o IFEVI para os procesos máis multitudinarios, nunca tivera a necesidade , ata o de agora, de dobrar o espazo.

O operativo que hoxe se puxo en marcha incluíu tamén o acceso por 5 portas diferenciadas, todas elas con persoal de control, para evitar colas e aglomeracións, así como a sinalización no chan de tódalas vías de circulación. Finalmente, regulouse un procedemento de información polo miúdo sobre as normas de seguridade de obrigado cumprimento antes da entrada e do comezo das probas de cada unha das quendas.

Os exames comezaron ás 8.30 horas e celebráronse durante boa parte da mañá, diante da necesidade  de repartir ás persoas aspirantes en cinco quendas diferentes, cun máximo de 120 por cada unha delas.  Quedaron sentadas en mesas de 2,20 metros de longo, con dúas persoas por mesa, situadas a carón de cada extremo e na mesma orientación. Á vez garantiuse unha separación ampla entre tódalas mesas, así como a súa completa desinfección con produtos especializados entre cada unha das quendas. O protocolo inclúe tamén un rexistro completo de tódolos asistentes, e o número de asento ocupado, que será conservado durante un mes.

O proceso selectivo que comezou hoxe  (inclúe dúas probas máis) está destinado a cubrir 8 prazas de auxiliar-administrativo/a na Deputación polo sistema de concurso-oposición ao estar encadrado dentro do Plan de Estabilización aprobado no ano 2018 para a consolidación de emprego e a redución da temporalidade na institución. O Plan de Estabilización implica, entre outras cousas, a celebración de 118 procesos selectivos para a cubrir un total de 257 prazas correspondentes ás Ofertas Públicas de Emprego de 2017, 2018 e 2019, obrigando a un gran despregue de traballo nos servizos de Persoal.

Por motivos de seguridade, diante da pandemia, as probas con ata 10 aspirantes estanse celebrando no salón de actos do Edificio Administrativo, as máis numerosas no salón de actos do Museo e, cando é preciso, no edificio da Escola de Cantería. Cando o número de persoas aspirantes supera as 60 utilízase o Instituto Feiral de Vigo. No marco das medidas aprobadas na Deputación para combater os efectos da pandemia, as persoas diagnosticadas con covid19, as que estean en illamento ou corentena ou as que teñan síntomas compatibles teñen o dereito, en función do principio de igualdade no acceso ao emprego público, de solicitar unha segunda convocatoria.

A Xunta colabora con Concello de Mos na adquisición dun novo vehículo destinado ás labores ambientais da Policía Local

0

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, puido ver esta mañá acompañada pola alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, e o Xefe da Policía Local, Gerardo Álvarez,  o novo vehículo da Policía Local do Concello de Mos co que poder levar a cabo as súas funcións relacionadas coa preservación do medio ambiente.

A Xunta destinou máis de 31.800 euros a través do Fondo de Compensación Ambiental á adquisición deste vehículo ECO, que permitirá aos axentes da Policía ambiental do concello, realizar tódalas actuacións relacionadas co coidado do entorno como a investigación das denuncias relacionadas cos residuos sólidos urbanos ou as queimas e verteduras incontroladas.

Trátase ademais dun vehículo de consumo eco, é dicir, de maior eficiencia enerxética, o que reduce os custos de mantemento, ao mesmo tempo que contribúe ao obxectivo do concello de loitar contra o cambio climático coa redución das emisións de dióxido de carbono.

O Goberno galego dá así resposta á demanda do concello para ampliar a frota a Policía Local empregada nestas tarefas. A colaboración da Xunta co municipio de Mos neste proxecto enmárcase no Fondo de Compensación Ambiental, no que o Goberno galego investiu un orzamento de 12,5 millóns de euros na convocatoria de 2020, dirixidos a melloras ambientais nos concellos galegos. En concreto, ao incremento da eficiencia no aproveitamento dos recursos enerxéticos renovables, da sustentabilidade, da biodiversidade e do uso recreativo e educativo dos recursos de Galicia.

No marco deste fondo, a Xunta tamén apoiou o ano pasado en Mos cunha axuda de 25.000 euros as obras de drenaxe no cemiterio municipal da Gándara-Torroso para recoller e evacuar a auga e evitar filtracións nos panteóns. Ademais, ao abeiro da Orde de Infraestruturas de uso público,  á que a Xunta dedicou 4 millóns de euros o ano pasado, o municipio recibiu outra achega de 33.800 euros para crear un parque infantil e de biosaludables no centro cultural de Abrente, na parroquia de Troncoso.

O investimento da Xunta no concello de Mos a través destas liñas de axudas superou en 2020 os 90.700 euros e nos últimos anos máis de 946.400 en melloras ambientais e de infraestruturas co obxectivo de mellorar os servizos municipais e a calidade de vida da cidadanía.

Tomiño farase cun camión con guindastre para continuar implantando o plan de compostaxe

0

Tomiño continúa coa implantación do plan de compostaxe no marco do Revitaliza, impulsado pola Deputación de Pontevedra. Estando previsto que no primeiro trimestre do ano conclúa xa o reparto dos composteiros individuais e a instalación dos comunitarios, o Concello decidiu levar a cabo a adquisición dun camión dotado con guindastre.

O vehículo servirá para prestar servizo na recollida dos restos de poda que a veciñanza poderá depositar nos Puntos Verdes, que constituirán puntos de intercambio de materia orgánica situados nas distintas parroquias e que se irán habilitando nos próximos meses. A partir da trituración deses restos da poda crearase obterase o estruturante preciso para os composteiros e poderá ser recollido polos veciños e veciñas neses mesmos puntos para que o poidan usar nos seus.

A compra do camión foi adxudicada á empresa Volvo Group España, SAU, por un valor de 126.445,00 euros, que correrán a cargo da subvención recibida polo Concello da Deputación de Pontevedra para este plan.

Segundo a concelleira de Medio Ambiente, Ana Belén Casaleiro, despois de consultar co persoal municipal que se adica a labores de mantemento e loxística, decidiuse comprar un camión o máis grande posible e con guindastre —o modelo escollido conta cunha carga útil de 6.509 kg— co fin de que sexa versátil e se poida empregar para outras necesidades do concello. “Isto débese tamén a que en Tomiño, en vez de comprar unha trituradora para a poda grande que manexara o persoal municipal, apostamos pola compra de varias trituradoras pequenas que os veciños poidan pedir prestadas para fabricar o seu propio estruturante na casa. Desde o Concello ademáis habilitaremos un curso de formación para que os usuarios interesados saiban como utilizalas”, comenta a concelleira.

Continúa o aumento do número de casos activos por coronavirus en Galicia, hoxe rexístranse 14.075

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 14.075, deles 3.533 son da área da Coruña, 1.210 da de Lugo, 1.960 da de Ourense, 1.145 da de Pontevedra, 2.596 da área de Vigo, 2.507 da de Santiago, e 1.124 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 114 están en UCI, 664 en unidades de hospitalización e 13.297 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 62.859 persoas curadas, rexistrándose 1.536 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 1.260.359.

O número de doses de vacina contra a covid-19 administradas é de 58.055.

A Xunta continúa a traballar desde a máxima coordinación interdepartamental e co Ministerio de Sanidade, tamén mantendo o contacto con todos os axentes socioeconómicos de Galicia. Neste senso, Sanidade reitera que segue alerta actualizando todas as medidas e recomendacións e en vixilancia permanente.

Os datos de centros residenciais de servizos sociais corresponden aos que achegan con carácter diario os propios centros.

Os datos de escolas infantís e centros de ensino non universitario corresponden aos rexistrados diariamente a través da Central de Seguimento de Contactos, os propios centros e as xefaturas territoriais.

Uso do 061 para casos graves e emerxencias e o 900 400 116 para dúbidas

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

Sinalar, ademais, que o Sergas ten a disposición da cidadanía a páxina web https://coronavirus.sergas.gal/ na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.

Rexistro de viaxeiros no 881 00 20 21 e obrigatoriedade do uso da máscara

Lémbrase que as persoas que visiten Galicia nas vindeiras datas e procedan ou estivesen, durante os 14 días previos á súa chegada, nalgún dos territorios con alta incidencia epidemiolóxica incluídos na listaxe publicada no Diario Oficial de Galicia, deberán facilitar os seus datos de contacto ao Servizo Galego de Saúde, ben a través do teléfono 881 00 20 21 ou ben a través do formulario da web do Sergas.

Ademais, reitérase o carácter obrigatorio do uso da máscara tanto en espazos abertos como pechados, poñendo especial énfase na súa utilización nos locais e establecementos comerciais e de hostalería.

Recomendacións

Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade volven  reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe. Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.

É importante tamén procurar unha axeitada ventilación dos espazos interiores optando preferentemente por espazos abertos e tratando de evitar aglomeracións.

Non se debe esquecer o mantemento da distancia de seguridade, o uso axeitado da máscara e atender ás restricións específicas que se poidan establecer en cada comarca ou concello.

Detido un veciño do Porriño por violencia de xénero

Policía Local e Garda Civil detiveron a un home de 51 anos, veciño do Porriño, por presunto delito de violencia de xénero. A vítima, a súa muller de 53 anos, presentaba un forte golpe na cabeza e ingresou no Hospital Alvaro Cunqueiro, en Vigo cun traumatismo cranial.

Os feitos aconteceron na pasada madrugada. Ás 4:10 horas da madrugada de hoxe, a Policía Local recibiu unha chamada que avisaba de que unha muller estaba a ser agredida pola súa parella no domicilio común, nunha parroquia do concello do Porriño.

A intervención conxunta de Policía Local e Garda Civil acadou auxiliar á vítima e deter ao agresor que foi trasladado ás dependencias da Benemérita para a instrución das dilixencias e posta a disposición xudicial.

O Concello de Nigrán facilita os seus espazos verdes ao centro Juan María para un curso de mantemento de zonas axardinadas

0

O Concello de Nigrán facilita os seus espazos verdes para a realización de prácticas laborais do alumnado do CEE Juan María como parte do curso ‘Limpeza Vial e Mantemento de zonas axardinadas’. Un total de 7 persoas mozas con discapacidade intelectual iniciaron hoxe esta actividade formativa dirixida a mellorar a súa empregabilidade no marco do Programa Operativo POISES 2014-2020- ‘Uno a Uno-Ano 2020’.

O curso consta de 366 horas e se extenderá ata o 23 de abril, combinando a formación teórica (201 horas) coa práctica matinal (165 horas) en zonas verdes do Concello de Nigrán e o camping de Playa América, onde irán rotando.

“Desde o Concello de Nigrán consideramos que é o noso deber como administración facilitar todos os medios para a realización deste tipo de actividades formativas. Nos xa sabemos de primeira man que son os mellores traballadores porque os temos contratados para o mantemento das beirarrúas en Porto do Molle”, explica o alcalde, Juan González.

O proxecto busca fomentar as capacidades e competencias persoais, sociais e laborais destas 7 persoas co obxectivo de que desenvolvan unha actividade profesional da que obterán a súa correspondente acreditación final. Ao mesmo tempo, preténdese que adquiran competencias de cara á busca de emprego, acceso, e mantemento do mesmo, para o que contan con módulos formativos específicos.

O PP de Tomiño lamenta que os orzamentos “sigan sen recoller as necesidades das parroquias”

0

O Partido Popular de Tomiño votou en contra dos orzamentos de 2021 porque ao seu entender son “un mero documento de funcionamento para o Concello, continuísta e que non recolle as necesidades que teñen as parroquias”.

O voceiro do grupo municipal do PP, Esteban González, considera “chamativo” que o capítulo de investimentos reais que repercuten no beneficio dos veciños de Tomiño só representa o 4 % do orzamento mentre que, engade, o 87 % está destinado a persoal e gastos correntes, “destacando os 169 mil euros que destinan a soldos do Goberno”.

Cuestiona tamén o PP que o Goberno local aposte pola creación de dúas prazas na modificación da RPT, técnico de xestión e de medio ambiente, “algo que a priori non resulta tan urxente, se temos en conta a situación da Policía Local de Tomiño que, por falta de recursos, non se pode garantir un servizo diario” o que amosa, afirma González, “que a falta de policía local non é unha prioridade para este Goberno, que fai caso omiso ás denuncias e reclamacións para garantir a seguridade cidadá”.

O capítulo de investimentos —segundo o edil popular— deixa plasmado, “unha vez máis”, o abandonando das distintas parroquias. “Dos 295.000 euros que reservan, gran parte vai destinado a gastos de mobiliario dos distintos departamentos” e o denuncia que o mesmo ocorre co apoio ao comercio local, “para o que se reduce a partida de 25.000 hai uns anos, a 5.000 euros no momento que máis apoio precisan”. Para o voceiro popular, “deixan ben claro que non apostan polo pequeno comercio nin contan coa súa opinión”, e como exemplo critican que gastasen 5.000 euros nun vídeo para o día de Reis “mentres que para o concurso de mellor decoración do comercio local só se destinaron 3.000 euros”.

Para portavoz popular, outro dato que reflicte “o retroceso e regresión” na que se atopa o Goberno local é que tampouco é capaz de priorizar e ofrecer investimentos encamiñados a resolver “un dos graves problemas que teñen moitos fogares, que seguen sen saneamento”. Recorda que é unha competencia municipal para a que só destinan 30.000 euros.

Por último, Esteban González, critica que se descoñeza en que vai investir o Goberno local o Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.

Galicia, entre as nove comunidades autónomas que superan os 40 doantes por millón de habitantes, tres puntos por riba da media nacional

O Servizo Galego de Saúde acadou, no pasado ano, unha cifra de 110 doazóns de órganos e mantivo en 328 a cifra de transplantes de órganos nos seus hospitais, uns datos moi destacables, tendo en conta a actual pandemia de Covid. Así mesmo, resulta especialmente salientable o feito de que o número de transplantes de corazón feitos en Galicia foi o máis alto a nivel nacional, e o número de transplantes de pulmón foi o mais alto en Galicia desde que comezou o programa no ano 1999 e o segundo do Estado.

Estes datos foron dados a coñecer hoxe, en rolda de prensa, na que estivo presente o director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal Viñas; a directora da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), Marisa López García; e a coordinadora autonómica de transplantes, Encarnación Bouzas Caamaño.

Do total de transplantes, 141 foron de ril; dos cales 17 procedían de doante vivo, 103 de fígado, 2 de páncreas, 29 de corazón e 53 de pulmón. Salientar que, desde que se realizou o primeiro transplante, no ano 1981, ata o 31 de decembro de 2020, xa se levan feitos en Galicia un total de 8.623 transplantes de órganos.

Transplantes de órganosAno 2019Ano 2020
Ril176141
Fígado115103
Páncreas22
Corazón2029
Pulmón4153
Total354328

Os resultados do ano 2020 poñen de manifesto o enorme traballo dos nosos profesionais sanitarios xa que, pese a estar na primeira liña de loita contra a covid, seguiron traballando na procura de doazóns e, polo tanto, transplantes para os nosos doentes.

Doadores de órganos

O número de doadores de órganos cadáver en Galicia situouse en 110 (71 na provincia da Coruña, 7 na de Lugo, 7 na de Ourense e 25 na de Pontevedra); dato que supón que haxa unha taxa 40,7 doantes por millón de habitantes, tres puntos por riba da media nacional.

No que atinxe ás causas de morte dos doantes, os motivos principais foron os accidentes cerebro vasculares (65%), seguidos da encefalopatía anóxica por parada cardíaca, e dos traumatismos cráneoencefálicos por accidentes non de tráfico, sendo a porcentaxe de doadores por accidente de tráfico de tan só un 5,5 %. Con respecto á idade media do doador, foi de 60,7 anos.

Deste xeito, desde o ano 1981, data do inicio do programa de transplantes en Galicia, ata o pasado 2020, en Galicia téñense rexistrado preto dos 3.000 doantes de órganos.

Índice en descenso

A porcentaxe de negativas familiares situouse o pasado ano nun 19,7 %, o que confirma a tendencia descendente das mesmas, a pesar do pequeno repunte producido. Así mesmo, salientar que, actualmente, en Galicia 118.006 persoas teñen a tarxeta de doador de órganos. Destas, 2.184 son novas tarxetas rexistradas no 2020 pola Coordinación de Transplantes de Galicia de ADOS.

Polo que se refire á doazón de medula ósea, salientar que Galicia rexistrou 928 novos doadores. Deste xeito, Galicia conta con 12.458 doadores rexistrados. Hai que destacar o número importante de rexistros pese ás limitacións debidas á pandemia de Covid.

Programa educativo

Doutra banda, sinalar que a Coordinación de Transplantes de Galicia realizou 52 charlas a escolares no curso académico 2019-2020, para fomentar a doazón, e nas que tomaron parte un total de 2.487 escolares. Así mesmo, desenvolveuse o Plan Proxecta: Educando en Valores, que abrangueu a 575 escolares e 26 docentes.

Ademais, fallouse, no pasado curso escolar, o V Concurso Universitario de Curtametraxes sobre doazón e transplante de medula ósea, e o II Concurso de Carteis relacionado coa Doazón e os Transplantes para estudantes de 1º e 2º de ESO.

Actividade formativa

A Coordinación Autonómica de Transplantes de ADOS continuou a realizar, ao longo do pasado ano, o programa de formación especializado en doazón e transplante de órganos para os profesionais do sistema público de saúde de Galicia, mediante o desenvolvemento de seminarios de comunicación de malas noticias no proceso de doazón con formación a 63 profesionais sanitarios e cursos sobre proceso de doazón e transplantes, onde xa levamos formados a máis de 1.700 profesionais en 104 cursos.

Salientar, ademais, unha xornada sobre intervención xudicial en doazón de órganos en asistolia controlada, onde participaron integrantes do colectivo xudicial, médicos forenses, membros dos comités de ética asistencial, coordinadores de transplantes e responsables das unidades de coidados intensivos e urxencias, así como o terceiro curso de doazón e transplantes para MIR de primeiro ano en todos os hospitais galegos, e no que tomaron parte máis de 200 profesionais.

O Servizo Galego de Saúde e a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) queren facer un recoñecemento público aos doadores e ás súas familias, pola valentía, a fortaleza e a xenerosidade que amosan neses momentos difíciles. Tamén queren agradecer ao conxunto da sociedade e dos profesionais dos hospitais galegos, xa que son os que posibilitan que as cifras de transplante se manteñan en Galicia.

Gondomar, Mos, Nigrán, O Porriño, Arbo, A Cañiza, As Neves, Crecente, Mondariz e Salceda de Caselas no nivel máximo de limitacións

O Comité clínico  que fai seguimento da evolución da Covid-19 en Galicia vén de acordar, na súa reunión de onte, elevar ao  nivel máximo as restricións aos concellos de Vigo e Pontevedra, logo da revisión da evolución epidemiolóxica da Covid-19 en toda Galicia.

O nivel máis elevado de resticións implican o peche no interior da hostelaría, deixando así aberto o 50% da capacidade das terrazas ata as 18:00 horas.

Así mesmo, o Comité clínico decidiu tamén subir ao nivel máis alto de restricións  outros 54 concellos da nosa comunidade autónoma dos que 12 están na área sanitaria da Coruña e Cee; 3 na de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos; 5 na de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras; 5 na de Pontevedra e O Salnés; 10 na de Vigo; 10 na de Santiago de Compostela e Barbanza e 9 na de Ferrol.

Estes concellos son, na área coruñesa, Betanzos, A Laracha, Sada, Abegondo, Cabana de Bergantiños, Corcubión, Coristanco, Dumbría, Muxía, Oza-Cesuras, Sobrado e Vilasantar. Na área sanitaria de Lugo son Burela, Cervo e O Vicedo e na área ourensá, Celanova, Porqueira, Ribadavia, Trasmiras e Vilar de Santos. No referido á área de Pontevedra os concellos que soben ao nivel máis alto de restricións son A Lama, Catoira, Forcarei, Meis e Moraña.

En canto a área sanitaria de Vigo, márcanse máximas limitacións tamén nos concellos de Gondomar, Mos, Nigrán, O Porriño, Arbo, A Cañiza, As Neves, Crecente, Mondariz e Salceda de Caselas. Na área sanitaria compostelá colócanse no nivel máis alto de restricións  Ordes, Teo, A Baña, Negreira, Padrón, Rois, Dodro, Touro, Arzúa e Silleda, mentres que na área de Ferrol, engádense ao grupo Cariño, Cedeira, Cerdido, Mañón, Moeche, Mugardos, Neda, San Sadurniño e Valdoviño.

Tras sumar estes 56 concellos, Galicia pasará a ter 116 municipios no nivel máximo de restricións, o que supón un 72% do total da súa poboación.

Gonzalo Caballero propón un fondo extraordinario de 100 millóns de euros para que os concellos poidan facer fronte á COVID-19

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, sinalou este luns que cómpre que o presidente da Xunta acuda ao Parlamento a explicar as restricións que vai tomar para frear a propagación da covid e as medidas que, nos eidos económico e social, vai poñer en marcha para “protexer aos galegos e ás galegas” fronte a esta terceira onda.

“Arranca o período de sesións e xa non hai escusas: é necesario que Feijóo compareza”, defendeu o líder do PSdeG, consciente de que “non se pode dilatar máis” esa intervención no Parlamento á vista do aumento dos contaxios, da presión asistencial nos hospitais galegos e das dificultades para os negocios e para a cidadanía en xeral. “Todos estamos moi preocupados”, recalcou.

Ademais, Gonzalo Caballero subliñou que esa comparecencia de Feijóo ten que vir acompañada “dun novo plan económico para defender Galicia fronte aos efectos da terceira onda da covid”. E é que, como dixo, as previsións económicas “mudaron” porque “a Xunta non prevía” a intensidade dos rebrotes tralo Nadal, e urxe “rectificar as eivas da planificación económica para 2021”.

“Se deixamos pasar o tempo, imos chegar tarde e mal, tanto para defender a saúde como para defender a economía”, advertiu o dirixente socialista, quen comprometeu que “niso imos traballar todos” e que o PSdeG “mantén a súa man tendida” ao presidente da Xunta para “falar e buscar acordos” ante “o semestre tan complexo” que vén por diante.

En paralelo, ante “o debate gratuíto” aberto polo PP en torno ao estado de alarma, Gonzalo Caballero criticou “a estratexia de confrontación e de pimpampum contra o goberno de España que marcou Pablo Casado e que está a seguir Feijóo”.

“É momento de responsabilidade, e pedímoslle a Feijóo que deixe esa estratexia de escapismo para non ter que explicar os erros da súa xestión e a ausencia de medidas para apoiar á hostalería, aos comercios e aos autónomos”, subliñou o responsable do PSdeG.

Cooperación cos concellos

Ademais, Gonzalo Caballero criticou que a Xunta tamén estea “confrontando e vilipendiando” aos concellos de Galicia, aos que reduciu os fondos a pesares de que o goberno galego recibiu máis cartos que nunca do goberno de España.

“A Xunta recibe 1.100 millóns de euros extraordinarios pero recórtalle aos concellos”, reprobou esta “navallada ao municipalismo”, e chamou á “cooperación” e a “tomar medidas a carón das administracións locais”.

Precisamente por iso, o voceiro do PSdeG no Parlamento reclamou á Xunta un fondo extraordinario, dotado cun mínimo de 100 millóns de euros, a repartir entre os concellos de Galicia “con criterios obxectivos” para que poidan financiarse á hora da loita contra a covid.

Sobre todo, como dixo, porque os concellos están a asumir as limpezas dos centros escolares, o aumento de horas das policías locais, o incremento do servizo de atención no fogar (SAF) e moitas outras tarefas.

Ao respecto do SAF, Gonzalo Caballero subliñou que “a Xunta anuncia máis horas pero son os concellos os que pagan” e lembrou que o goberno galego só aporta “nove euros” por cada hora a pesares de que o seu custe é “o dobre”.

Javier Losada informa que Policía Nacional y Guardia Civil suman 1.281 dispositivos de control en Galicia desde la entrada en vigor das últimas medidas sanitarias

O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, informou que no últimos tres días os Corpos e Forzas de Seguridade do Estado despregaron en Galicia un total de 1.281 dispositivos de seguridade nos que se identificaron a 22.439 persoas e controlado 16.069 vehículos.
Javier Losada explicou que, desde a entrada en vigor das novas restricións á mobilidade e os contactos sociais aprobados pola Xunta de Galicia, a Garda Civil e a Policía Nacional han sumado 512 propostas de sanción na Comunidade. Esta cifra supón que só un 2,2% do total de persoas identificadas incorría nalgunha sanción relacionada coa normativa antiCovid. O delegado do Goberno reiterou o alto grao de cumprimento que se observa entre a cidadanía á que traslada o seu agradecemento pola comprensión que está a manifestar #ante medidas que restrinxen os seus desprazamentos e actividades e que teñen un ben común, que é a contención da pandemia.

Nestas tres xornadas, a Policía Nacional efectuou 184 controis nos que identificou a identificou 6.716 persoas. A Garda Civil despregou 1.097 controis nos que identificou a 15.723 persoas. En canto a vehículos, a Policía controlou 4.435, mentres que o Instituto Armado fixo o mesmo con 11.634.

En canto ás propostas de sanción, 336 proceden da Garda Civil e 176, da Policía Nacional.
Javier Losada lembrou que as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado continúan a súa intensa actividade fronte á COVID, con controis e dispositivos que se modulan en función da evolución das restricións sanitarias e da propia pandemia. Son os CECOR provinciais e autonómico os encargados de realizar o seguimento das disposicións e adaptar os medios e dispositivos policiais ás necesidades de cada provincia.

Finalmente, o delegado do Goberno lembrou á cidadanía que é necesario actuar con cautela e seguir as indicacións facilitadas polas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado que, neste e o resto de casos, están para axudar á poboación.

A Deputación de Pontevedra redobrou en 2020 a aposta pola comunicación dixital coa cidadanía

As canles dixitais da Deputación de Pontevedra, tanto nas súas páxinas web como nas súas principais redes sociais, rexistraron en 2020 grandes datos de visitas e audiencia, cun crecemento exponencial que non só consolidan, senón que redobran a súa aposta dixital na súa relación coa cidadanía da provincia. A Deputación ten unha ampla presenza na contorna dixital e o rendemento acadado neste período vén confirmar o alto interese que xeran os seus contidos e actividades entre os concellos e a poboación. Ademais, no obxectivo prioritario por impulsar os novos modos de relación coa cidadanía, a sede electrónica aumentou o seu uso nun espectacular 63%.

A web da Deputación rexistrou en 2020 preto de 400.000 usuarios e usuarias únicas (398.315)  e superáronse o millón de sesións (1.055.206). Xeráronse máis de 2,59 millóns de páxinas vistas, o que significa que os usuarios e usuarias pasaron, de media, por preto de 3 páxinas cada vez que visitaron a páxina web da Deputación. No caso da web de Turismo Rías Baixas, 2020 supuxo o seu récord histórico de visitantes, preto de 300.000 persoas usuarias (285.329) que se conectaron á web un total de 356.289 veces e visitaron 585.336 páxinas (unha media de 1,6 páxinas vistas en cada sesión).

A Deputación de Pontevedra tamén gañou un importante número de seguidoras e seguidores nas súas redes sociais. No caso de Twitter o incremento foi do 25% en dous anos, xerando 2734 seguimentos máis e, en canto ao perfil en Facebook, a audiencia medrou nun 17% con 2115 seguimentos novos. Tamén, nesta rede, o alcance medio das publicacións mellorou nun 5%.

Do mesmo xeito, cómpre salientar a mellora dos datos das principais canles de Turismo Rías Baixas: un 16% máis de alcance das súas publicacións en Twitter (onde a audiencia medrou un 13% en 2 anos, con 3183 seguimentos máis), e un 28% máis de alcance en Facebook (con 2926 seguidoras e seguidores novos, un 13% máis) malia as restricións á mobilidade.

Espectacular incremento do 63% da sede electrónica

A mellora e impulso das canles dixitais da institución provincial para a relación coa cidadanía, unido ás novas necesidades que coa pandemia se fixeron máis patentes, supuxeron un grande incremento de tramitacións electrónicas. 119.357 usuarios e usuarias visitaron a sede electrónica da Deputación en 2020, o que representa un aumento do 63% (en 2019 foron 73.050). Se xa esta porcentaxe de incremento é alta, máis o son no caso das páxinas visitadas e das sesións abertas. De 888.447 páxinas vistas en 2019, pasouse a 1.829.250 en 2020: un incremento do 105,8%. En canto ás sesións abertas, o incremento é aínda máis notorio xa que se pasou das 160.311 sesións de 2019 ás 364.396 sesións de 2020: isto supón un 127% máis que no ano anterior.

Do mesmo xeito, o Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra tamén tivo unha gran demanda ao rexistrar un incremento do 3,3% de persoas usuarias (de 229.117 a 236.762) xerando máis de 2 millóns de páxinas vistas durante 2020.

Máis de 100.000 impactos en decembro coas campañas

As campañas online da Deputación de Pontevedra postas en marcha no mes de decembro, para pór en valor as mulleres da provincia, fomentar a igualdade desde o berce e promover o consumo de produtos e comercios locais, xeraron máis de 100.000 impactos en Facebook, Twitter e Instagram

A Deputación impulsou a adquisición de xogos e xoguetes non violentos e non sexistas a través de “Xogando aprendemos a vivir”, que puxo o foco na importancia de fomentar a corresponsabilidade nos coidados desde cativos e cativas. Tamén ligada ao Nadal estivo unha nova edición de “Elas son a forza do Nadal”, na que salientamos o labor das mulleres produtoras e comerciantes da provincia á hora de garantir que tivésemos produtos de calidade nas nosas mesas durante as festas. No caso de “Agora máis que nunca non perdamos a proximidade”, seguindo a estela anterior, fomentamos a compra en comercios locais e a escolla de produtos de proximidade e de temporada. E, en último lugar, a campaña “Dillo con flores” puxo o foco nun sector moi afectado pola pandemia: o da planta ornamental e flor cortada do Baixo Miño, co que a Deputación se comprometeu desde o primeiro momento fomentando o seu consumo e creando un selo propio de orixe co que distinguir este produto nos puntos de venda.