O Partido Popular de Tomiño votou en contra dos orzamentos de 2021 porque ao seu entender son “un mero documento de funcionamento para o Concello, continuísta e que non recolle as necesidades que teñen as parroquias”.
O voceiro do grupo municipal do PP, Esteban González, considera “chamativo” que o capítulo de investimentos reais que repercuten no beneficio dos veciños de Tomiño só representa o 4 % do orzamento mentre que, engade, o 87 % está destinado a persoal e gastos correntes, “destacando os 169 mil euros que destinan a soldos do Goberno”.
Cuestiona tamén o PP que o Goberno local aposte pola creación de dúas prazas na modificación da RPT, técnico de xestión e de medio ambiente, “algo que a priori non resulta tan urxente, se temos en conta a situación da Policía Local de Tomiño que, por falta de recursos, non se pode garantir un servizo diario” o que amosa, afirma González, “que a falta de policía local non é unha prioridade para este Goberno, que fai caso omiso ás denuncias e reclamacións para garantir a seguridade cidadá”.
O capítulo de investimentos —segundo o edil popular— deixa plasmado, “unha vez máis”, o abandonando das distintas parroquias. “Dos 295.000 euros que reservan, gran parte vai destinado a gastos de mobiliario dos distintos departamentos” e o denuncia que o mesmo ocorre co apoio ao comercio local, “para o que se reduce a partida de 25.000 hai uns anos, a 5.000 euros no momento que máis apoio precisan”. Para o voceiro popular, “deixan ben claro que non apostan polo pequeno comercio nin contan coa súa opinión”, e como exemplo critican que gastasen 5.000 euros nun vídeo para o día de Reis “mentres que para o concurso de mellor decoración do comercio local só se destinaron 3.000 euros”.
Para portavoz popular, outro dato que reflicte “o retroceso e regresión” na que se atopa o Goberno local é que tampouco é capaz de priorizar e ofrecer investimentos encamiñados a resolver “un dos graves problemas que teñen moitos fogares, que seguen sen saneamento”. Recorda que é unha competencia municipal para a que só destinan 30.000 euros.
Por último, Esteban González, critica que se descoñeza en que vai investir o Goberno local o Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.