Manifesto Miñor (MM) denunciou onte o que cualificou de “faltas de respecto continuadas cara concelleiras da oposición” ao longo do Pleno extraordinario do pasado luns o que provocou que os grupos políticos da oposición –Manifesto Miñor, BNG e PP– abandonaran a sesión. Entende MM que no exercicio da función de alcalde “existen determinadas liñas vermellas que non se poden cruzar”.
Unha das frases detonantes de toda a situación foi a dirixida polo alcalde de Gondomar á portavoz do PP, Paula Bouzós: “vostede non sabe nin o que presenta, vostede presenta o que lle escriben”. De seguido, e ante o que a formación asemblearia cualifica de “novo alarde de autoritarismo” e diante das queixas da concelleira do BNG, Manuela Rodríguez, o “apagoulle o micrófono para impedirlle facer a súa intervención”.
Entende Manifesto Miñor que “non se pode poñer en cuestión a valía dunha concelleira”. “Silenciar sistemáticamente ás compañeiras da oposición, só deixa en evidencia canto queda por loitar contra o machismo nas institucións públicas”, engade a formación que encabeza Antonio Araújo.
“Reproducir e normalizar este tipo de comportamentos prepotentes dende a institución municipal é impresentable” afirman, aínda máis cando veñen dun alcalde que se define como “socialista”. Por iso Manifesto Miñor expresa a súa solidariedade coas compañeiras agredidas e denuncian publicamente uns feitos “que non son novos”.
Asegura Manifesto Miñor que o PSOE de Gondomar, “que permite e mesmo fomenta estas salidas de ton de Ferreira, é cómplice da deriva antidemocrática e antifeminista do goberno municipal” e lamentan que tras o abandono das concelleiras e concelleiros da oposición (agás o concelleiro de Ciudadanos) do salón virtual de plenos, “as concelleiras socialistas preferiron defender ao alcalde en lugar de mostrar o seu apoio ás dúas compañeiras que se viron degradadas por comentarios e actuacións totalmente fóra de lugar”.
MM esixe do alcalde de Gondomar “unha disculpa pública polos comentarios ofensivos e a forma despótica que tivo de silenciar ás compañeiras da oposición”. Para Manifesto Miñor “calar diante do machismo non é unha opción”.