Sábado, 18 Xaneiro de 2025

O Concello suspende a feira do día 23 ante a grave situación sanitaria con un continuo crecemento de casos activos por Covid-19

A feira, que habitualmente celébrase os días 6 e 21 de cada mes, íase trasladar ao sábado 23 para poder pechar ao tráfico a Avenida Mendiño

Foto de arquivo da feira de Redondela

O Concello de Redondela anunciou onte a suspensión da feira que tiña que celebrarse o sábado 23 de xaneiro “ante a continua evolución de casos activos por coronavirus no municipio”. A feira que, en circunstancias de normalidade celébrase os días 6 e 21 de cada mes, tiña programado o seu cambio de data para o sábado 23. Agora, os “preocupantes datos sobre o incremento de casos por Covid-19 obrigan á súa suspensión por motivos de seguridade e de responsabilidade”.

O traslado da feira ao día 23 tiña por obxectivo, tal e como explica o concelleiro de Feiras e Mercados, Vicente Lamas, “ocupar toda a Avenida Mendiño tal e como se fixo o pasado día 6, (algo imposible de realizar nun día laborable), para que os postos poidan gardar maiores distancias entre si e evitar aglomeracións”.

Porén agora, o continuo ascenso de casos activos por coronavirus, non só en Redondela senón en Galicia, obriga á suspensión desta feira.

Pola súa banda, Digna Rivas lembra que Redondela, ao igual que moitos dos municipios da área metropolitana, “atópase en nivel de restrición máxima o que supón, entre outras cousas, o peche perimetral” polo que, aclara a alcaldesa redondelá “facer unha feira nunha situación como esta sería unha irresponsabilidade dende o punto de vista sanitario”.

A rexedora local é perfectamente consciente do trastorno que produce á veciñanza, comercio local e ambulantes, a suspensión dunha actividade “que ten un importante efecto de dinamización na economía local” pero o contacto continuo coa Consellería de Sanidade e os datos que esta aporta “obrígannos a adoptar medidas como esta que non son doadas de tomar”.

“A seguridade da veciñanza e tentar protexer a súa saúde é a máxima prioridade do Goberno local –afirma a alcaldesa– e para conseguilo adoptaremos todas as medidas precisas que recomenden as autoridades sanitarias tanto da Xunta como do Estado, por moi dolorosas que estas sexan”.

Digna Rivas fixo un chamamento a veciñas e veciños “a extremar as medidas de prevención nun momento moi complicado, con números que nos sitúan preto do mes de marzo do 2020 e que precisan da colaboración, sensatez e responsabilidade de toda a cidadanía”.