A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia Primeira da Xunta vén de ampliar a alerta laranxa por vento activada para onte na Mariña de Lugo tamén ás provincias da Coruña e Pontevedra.
Segundo informa a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), o fenómeno adverso de nivel laranxa por ventos do sur e suroeste con refachos de ata 100 km/h que afectará a partir das últimas horas da tarde de onte á Mariña de Lugo ampliándose ao oeste e suroeste da Coruña e, desde hoxe, tamén se estenderá ao noroeste da provincia coruñesa, así como nas Rías Baixas e a zona do Miño en Pontevedra.
A Axencia Estatal de Meteoroloxía informa tamén dun fenómeno meteorolóxico adverso costeiro afectará ao, oeste e suroeste do litoral coruñés e na costa da provincia de Pontevedra desde hoxe, con vento do sur ou sureste forza 8 e mar combinada do suroeste con ondas de ata 6 metros. Mañá, a partir de primeira hora estenderase ao noroeste da Coruña, onde se agarda vento do suroeste forza 8.
Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos da provincia afectada; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros.
A Xunta lembra nas zonas afectadas a importancia de manterse afastados da liña de costa, isto é, de diques, rompentes, espigóns, peiraos, praias, paseos marítimos e todas aquelas zonas que poidan ser varridas polo mar, co fin de previr un eventual golpe de mar que poida arrastrar persoas ou obxectos. Tamén se aconsella extremar as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e revisar os cabos e amarres das embarcacións.
Polo que respecta ao vento, cómpre lembrar a importancia de seguir as medidas de protección como retirar os obxectos que poidan caer á rúa dende os tellados, balcóns e fiestras e evitar pasar preto de edificios en ruínas, en construción, árbores, paneis publicitarios e obxectos susceptibles de desprazarse co vento.