A concellaría de Medio Ambiente do Concello de Ponteareas, que dirixe Rosa Covelo, vén de retomar as actividades escolares sobre compostaxe impartidas dentro do Programa Revitaliza da Deputación de Pontevedra ao que está adherido o Concello ponteareán.
Esta vez, o persoal técnico do CEIDA levará os obradoiros didácticos sobre compostaxe aos rapaces de Educación Infantil do CEIP Nosa Señora Dos Remedios onde aprenderán coa actividade os bichocos e a composteca para que serve o compost, os animais implicados no proceso e a importancia de coidar a natureza.
En Ponteareas, dentro do Programa Revitaliza, levouse a cabo con éxito un proxecto piloto na Parroquia de Arcos, onde se repartiron composteiros individuais, xa que nas zonas rurais este tipo de compostaxe é a idónea. A concellería engade que tamén se está a fomentar a compostaxe no núcleo urbano coa instalación de centros de compostaxe comunitaria e adianta que está en proxecto a instalación de máis.
“É moi importante fomentar desde ben pequenos unha xestión dos residuos sostíbel e baseada nunha economía circular, onde o máis importante é reducir, logo reutilizar e, por último, reciclar”, explica a concelleira Rosa Covelo.
As actividades ofertadas para os centros educativos poden consultarse na web revitaliza.depo.gal, e consisten fundamentalmente en propostas presenciais “atractivas” para o alumnado sempre respectando as normativas sanitarias COVID.