Venres, 19 Setembro de 2025

Un Xulgado ordena ao Concello de Mos revisar a licenza dos campos de adestramento do Celta e anula a dos vestiarios

0

O Xulgado do Contencioso-administrativo número 3 de Pontevedra acolleu o recurso interposto pola Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Tameiga e revogou a licenza de obras concedida en outubro de 2019 polo Concello de Mos ao Real Club Celta de Vigo para a construción de vestiarios e instalacións auxiliares imprescindibles nos campos de adestramento situados na parroquia de Pereiras. Ademais, condenou á Administración demandada a incoar, tramitar e resolver en prazo un expediente de revisión de oficio da licenza de obra outorgada en novembro de 2018 polo Concello de Mos ao Celta para a execución dun campo de fútbol dobre de 16.576 m2 cun aparcamento de 5.500 m2.

A xuíza explica na resolución, contra a que cabe interpoñer recurso ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), que a Administración local incorreu “nun vicio de nulidade susceptible de provocar a admisión a trámite dunha solicitude de revisión de oficio como a formulada pola comunidade de montes” con respecto á primeira licenza, outorgada en novembro de 2018, “por concederse sen a aprobación previa dun plan de dotacións”. Todo iso conduce, segundo o fallo, á anulación da segunda licenza, concedida en outubro de 2019, porque estariamos ante obras “indisoluble e ineludiblemente unidas ou asociadas ás licenciadas en primeiro lugar”.

“Observadas, na súa xusta dimensión, todas as obras que se licenciaron con motivo de cada un deses dous acordos, constituirían un resultado final conxunto, un todo, que se viu licenciado/autorizado nuns termos alleos aos que esixiría a normativa urbanística de aplicación (Lei do Solo de Galicia)”. A maxistrada indica que o proxecto autorizado finalmente, como resultado deses dous acordos, “ten un alcance ou entidade moi superior ao que se entende por implantación en chan rústico dun campo de fútbol cuns vestiarios (mínimos, pequenos, necesarios para o uso da instalación orixinaria)”. Así, salienta que “encaixa, máis fácil e claramente, no que se denomina ‘equipamento deportivo’, denominación que, por outra banda, e para este caso, mesmo é a que se emprega polos solicitantes das licenzas con motivo da presentación dos planos do proxecto básico presentado para a autorización de vestiarios e edificacións auxiliares ‘imprescindibles’ e autorizado na segunda das dúas resolucións aquí discutidas”.

Dos planos dos dous proxectos autorizados polo Concello de Mos nos dous acordos, é posible deducir, segundo a xuíza, que as obras “conformarán un conxunto completo (unha unidade final, se estamos ao seu resultado) cun alcance ou entidade que resulta máis cualificable como ‘equipamento deportivo privado’ a instalar en chan rústico”.

Na resolución, a maxistrada lembra que a Lei do Solo de Galicia esixe para a autorización da execución de obras en chan rústico que encaixen na definición de ‘equipamentos deportivos’ “a tramitación dun Plan Especial de Dotacións e Infraestruturas, o que fai insuficiente, á hora de telas por correctamente autorizadas, que se lles outorgue licenza directa, sen acudir antes á tramitación do oportuno expediente destinado á aprobación dun plan especial de dotacións”.

As obras no albergue municipal da Guarda avanzan a bo ritmo

0

Na xornada do venres día 4 de xuño o alcalde da Guarda, Antonio Lomba; a concelleira de Cultura e Patrimonio, Montserrat Magallanes e o concelleiro de Turismo, Rafa Álvarez, trasladáronse ata o Albergue Municipal para supervisar as obras que se están a acometer neste espazo coa reforma e ampliación dos baños.

Estas obras realizaranse para mellorar a estancia dos peregrinos no Albergue Municipal da Guarda, onde os aseos existentes resultaban reducidos para a capacidade do albergue.

Deste xeito optouse por realizar unha ampliación dos mesmos, contando tamén cun baño accesible, durante o transcurso das obras retiraranse todos os elementos eléctricos, carpinterías, pavimentos e alicatados para realizar a súa total renovación.

As obras inclúen tamén un sistema de extracción e renovación do aire deste recinto.

Esta actuación está subvencionada a través do Plan de Obras e Servizos do Plan Concellos 2020 Liña 1 da Deputación de Pontevedra.

O Camiño de Santiago, cun forte incremento de peregrinos nos anos previos á pandemia da Covid19, propiciou que moitas persoas optasen pos pernoctar na Guarda coma primeiro lugar de entrada do Camiño en Galicia. Deste xeito no verán de 2019 o albergue chegou a estar no seu máximo de ocupación, cunha afluencia constante de peregrinos ao longo do verán. Destaca o incremento nun 70% dos peregrinos aloxados no albergue dende a oficialización en 2016 do Camiño Portugués pola Costa ata o 2019.

Cesantes, punto de encontro do primeiro bautismo de kitesurf para nenos na enseada de San Simón

0

Xornada perfecta a do domingo en Cesantes para o primeiro bautismo de kitesurf impartido polo TMKiteClub. A actividade, completamente gratuíta e aberta para nenos desde os sete anos, supuxo unha primeira toma de contacto con este deporte para un total de 30 participantes, todo un éxito de convocatoria grazas á colaboración da Concellería de Deportes do Concello de Redondela.

Voar por primeira vez unha cometa de kite, aprender a manter o equilibrio sobre a táboa e realizar unha recollida de residuos na praia foron as tres actividades principais do evento durante a mañá. O obxectivo: promover o deporte do kitesurf entre as novas xeracións, a vida saudable e a dinamización da enseada de San Simón como unha contorna perfecta para a práctica dos deportes náuticos.

“Cesantes é, sen dúbida, un dos mellores anuncios que temos nas Rías Baixas para a práctica do kitesurf, e o noso obxectivo como club é que os máis pequenos coñezan este deporte e anímense a practicalo de forma segura e nunha contorna saudable. Estamos encantados coa boa acollida que tivo a actividade e esperamos poder repetila moi pronto”, afirmaba Artur Fariñas, responsable de actividades do TMKiteClub.

O próximo evento, previo ao KiteFest e dentro do proxecto de actividades do club para este 2021, será a realización dun curso de RCP coa colaboración de Protección Civil.

Nigrán adquire 200 novos composteiros individuais para repartir entre a veciñanza

0

O Concello de Nigrán ven de adquirir 200 novos composteiros individuais para repartir gratuitamente entre a veciñanza que o solicite no  mail [email protected] ou no teléfono 986 36 50 00.

Os interesados deben estar empadroados no municipio e contar con finca ou xardín, ademais de non ter recibido outro anteriormente. Xunto cos composteiros, que comezarán a entregarse este mércores 9 de xuño, recibirán unha folla explicativa para a súa correcta xestión. A entrega realizarase segundo rigorosa orde de inscrición ata esgotarse a remesa.

O Concello de Nigrán entregou nos anos pasados outras 200 unidades entre os veciños que o solicitaron. Trátse dun obxectivo do goberno local o incentivo deste tipo de tratamento dos residuos orgánicos en cada forgar.

“É unha solución perfecta dentro da denominada economía circular e un apoio para o desenvolvemento das estratexias ODS (obxectivos de desenvolvemento sostible), polo que seguiremos repartindo máis unha vez se rematen estes”, garante o edil de Medio Ambiente, Diego García.

Obradoiro de relacións afectivo-sexuais para a mocidade de Tomiño

0

Tomiño organiza a través da Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX), o obradoiro “Así si: relacións afectivo-sexuais sans”, dirixido á mocidade adulta e á adolescencia.

A actividade será impartida por profesionais da empresa “IGUALADAS” no mes de xullo, pero é preciso inscribirse previamente, a través da páxina web do Concello (https://tomino.gal/asi-si-obradoiro-sobre-relacions-afectivo-sexuais-sans).

Entre os obxectivos principais da actividade figuran os de replantexarse (e rachar con eles) os estereotipos e roles de xénero; valorar as novas masculinidades e as diferentes formas do feminino; rexeitar a cosificación e hipersexualización dos corpos femininos, desmitificar crenzas erróneas sobre sexualidade; identificar relacións baseadas en desigualdades e comportamentos abusivos e sumisos. Tamén concienciar sobre as prácticas sexuais de risco e das ETS (enfermidades de transmisión sexual); fomentar as relacións afectivas baseadas na igualdade e nos respecto mutuo e fomentar a tolerancia á diversidade.

“Cremos que a nosa obriga, coma institución pública é contribuir a mellorar a vida das persoas; as diferenzas fannos únicas e a diversidade é un valor que suma. A este obradoiro serán benvidas todas as mozas e mozos con ganas de formarse e informarse para desfrutar das súas relacións afectivo sexuais dun xeito san”, explican dende a OMIX Tomiño.

O obradoiro terá lugar no salón de plenos do Concello de Tomiño, os días 6, 7 e 8 de xullo, en horario de mañá (de 10.30h a 13.30h).

Novo ouro no Tourism Film Festival de Turquía para “Sigue o teu instinto”

O audiovisual turístico da Deputación de Pontevedra “Sigue o teu instinto”, peza central da campaña promocional do destino Rías Baixas – Pontevedra Provincia en 2020, continúa o seu paso triunfal polo circuíto de festivais internacionais. A cinta acaba de gañar o Ouro no Tourism Film Festival Turkey 2021 dentro da categoría de produto turístico, un galardón que a institución provincial xa obtivera o ano pasado con “Fame de experiencias”, a promoción de 2019. Con esta nova distinción xa son catro os recoñecementos internacionais que recibiu “Sigue o teu instinto”, que se suman aos 14 colleitados pola súa predecesora en 2020, o que afianza os audiovisuais turísticos da Deputación entre os mellores do mundo.

O festival de Turquía, celebrado en Capadocia, premiou 30 cintas en seis categorías: cidades, países, rexións, produto turístico, servizos e vídeos de viaxe. A peza da Deputación, protagonizada pola actriz Celia Freijeiro, foi galardoada xunto a dúas cintas españolas e outros audiovisuais de Australia, Austria, Dinamarca, Grecia, Italia, Xapón, Lituania, México, Portugal, Eslovenia, Sudáfrica, Ucrania e Reino Unido .

O novo recoñecemento a “Sigue o teu Instinto”, unha obra de Esmerarte Industrias Creativas, chega apenas unha semana despois de gañar o Ouro no festival ITTF África (Cape Town). Anteriormente a cinta foi distinguida en The Golden Gate Festival (Berlin); e no Fitur Travel Video Competition (Madrid), certame no que foi recoñecida como mellor vídeo de promoción de produto turístico. A Deputación tamén acadara este último premio con “Fame de Experiencias”, co que referenda o éxito dos seus audiovisuais no principal escaparate turístico do mundo.

O festival de Turquía forma parte do CIFFT Circuit, unha prestixiosa competición  través de 14 festivais audiovisuais especializados no sector turístico na que son premiadas as consideradas mellores pezas do ano en todo o mundo. ”Fame de Experiencias” acadou 14 distincións neste circuíto en 2020, mentres “Sigue o teu instinto” avanza con paso firme para alcanzar tamén un gran palmarés internacional.

Nova oportunidade para asistir ás visitas guiadas de arte urbana e historia de Oia

0

Tras o éxito da primeira xornada de rutas turísticas de arte urbana e historia, o domingo 20 de xuño haberá unha nova oportunidade para participar nestas visitas guiadas, as cales se desenvolverán en horario de mañá e de tarde.

As diversas obras de pintura mural coas que, ao longo dos últimos anos, se teñen ido embelecendo distintos espazos públicos de Oia, son as protagonistas dunha serie de rutas turísticas organizadas polo Concello de Oia e desenvolvidas polo guía oficial especializado Borja Concheiro. O itinerario afonda sobre os detalles destas orixinais e coloridas mostras de arte urbana, elaboradas polo artista venezolano Flix, e tamén na historia local.

A ruta inclúe a visita aos dous murais de Flix na rúa Párroco Claudio Rodal Fandiño (a baixada ao Mosteiro), ás pinturas exteriores e interiores no CEIP Mestre Manuel García e ás das gradas do campo de fútbol municipal.

A primeira xornada celebrouse o sábado 15 de abril, cunha visita en horario de mañá e outra de tarde e nas que se cubriron todas as prazas dispoñibles.Tendo en conta a boa acollida da proposta, o próximo domingo 20 de xuño desenvolverase unha nova xornada con dous horarios de visitas: ás 12.00 e ás 16.30 horas.

As visitas guiadas desenvolveranse seguindo todas as normas relativas á COVID-19 e requiren inscrición previa. Para obter máis información e realizar as reservas pódese consultar a seguinte web: https://www.vigoturistico.com/primera-ruta-de-arte-urbano-concello-de-oia/  Para preguntar calquera dúbida tamén se pode contactar co Concello no teléfono 986 36 21 25.

Pintura mural en Oia

Entre 2017 e 2020 a colaboración entre o Concello de Oia, o artista Flix, o colectivo ProxectoEwa e Pinturas Proa tense materializado na realización dun total de 6 pinturas murais en diferentes puntos da localidade: dúas na baixada ao Mosteiro (nas bases da ponte sobre a que pasa a estrada xeral PO-552), outras dúas no colexio Mestre Manuel García, unha no campo de fútbol municipal e outra no lugar de Torroña.

A vontade do Concello de Oia é a de continuar esta frutífera colaboración artística, á fin de seguir embelecendo o municipio a través das orixinais e coloridas creacións de Flix.

Carlos Méixome presenta o seu libro ‘Catas na memoria. A persecución franquista no Val de Miñor’, en Nigrán

0

O Auditorio Municipal de Nigrán acollerá este venres ás 20:00 horas a presentación do último libro de Carlos Méixome ‘Catas na memoria. A persecución franquista no Val de Miñor’ (Edicións Laiovento). O autor estará acompañado polo alcalde de Nigrán como historiador especialista na Guerra Civil, o músico e siquiatra Antón Seoane e a catedrática de Xeografía e Historia Rosa Pascual, todos veciños do municipio. A entrada é de balde ata completar o aforo permitido polas autoridades sanitarias.

“Durante anos, a memoria, como un fío de Ariadna, andou a turrar de min. Xurdindo en intranscendentes conversas de boa veciñanza, nas lecturas de libros de amigos ou entre saloucos agoniados polo fogar ausente, profundando a sensación de inxustiza que comete un estado autoproclamado democrático coa cidadanía perseguida por un réxime que concentrou e expandiu todas as perversións do século pasado. Agora, co pouso do tempo, refago, reelaboro escritos sobre a persecución franquista no Val de Miñor esbozados en momentos de intensa actividade memorialista, consciente de que o labor non só non está esgotado, senón que a memoria aínda non virou en historia”, explica o autor.

Carlos Méixome

Aínda que dezán de nacenza  (Lalín, 1954), sendo un cativo levárono para O Carballiño. O oficio profesoral, impartindo Xeografía e Historia, levouno a asentarse en Vigo e despois no Val de Miñor.  Estudou Filosofía e Ciencias de Educación en Compostela. Participou, dende novo, no activismo político e cultural nacionalista. Foi colaborador do Instituto Galego de Estudos Internacionais (IGADI) publicando traballos sobre a ex Iugoeslavia, Cuba, ou Rusia… En 1999 participou na fundación do Instituto de Estudos Miñoráns (IEM) do que foi o seu director ata 2015. Ten publicado sobre cuestións de historia contemporánea. Dende 2014 mantén o blog Pé do Galiñeiro.

Dende 2005 ten desenvolvido unha ampla actividade memorialista arredor da persecución franquista no Val de Miñor e unha serie de investigacións sobre a mesma en toda a área sur da provincia de Pontevedra. É autor de varias obras entre as que destacan: ‘Textos e documentos para a Historia contemporánea de Galicia’; ‘Castelao. Unha historia do nacionalismo galego’ ou ‘Daquí ou dacolá’.

A Xunta incorpora 12 ciclos e 346 prazas novas á oferta de FP da provincia de Pontevedra

Imaxe de arquivo das reunións entre membros da Xunta sobre a FP

A Xunta publicou onte no Diario Oficial de Galicia (DOG) a oferta de ciclos de Formación Profesional nos réximes ordinario e modular para persoas adultas –presencial e a distancia– para o curso 2021/2022, que recolle 12 ciclos e 346 prazas novas na provincia de Pontevedra.

Deles, un é un ciclo de nova implantación, é dicir, que se oferta por primeira vez en Galicia e na provincia: o de grao medio en Guía no medio natural e de tempo libre. O alumnado poderá cursalo na provincia nos institutos de Poio, Plurilingüe Pintor Colmeiro (Silleda)e Plurilingüe Terra de Turonio (Gondomar)

Deste xeito, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade oferta nos réximes ordinario e modular para adultos nos centros públicos da provincia de Pontevedra 9.683 prazas en primeiro curso en centros públicos (en números moi similares ao curso anterior), en 380 ciclos e programas formativos autorizados. Delas, 7.044 forman parte do réxime ordinario –2.727 en grao medio, 3.003 en grao superior, 1.134 en FP Básica e 180 en programas formativos para persoas con necesidades específicas de atención educativa–, mentres que outras 1.689 son do réxime modular para persoas adultas –738 grao medio e 951 en grao superior–, e 950 do réxime modular a distancia –200 en grao medio e 750 en grao superior–.

A modificación da oferta nace dun proceso de diálogo coa comunidade educativa, no que as peticións foron analizadas pola Inspección educativa dos centros, tendo en conta a oferta global de Galicia en cada ciclo, a demanda do alumnado, a inserción de cada ciclo e as necesidades do tecido produtivo.

Modificacións

Ademais das titulacións de nova implantación, como é habitual a oferta de FP flutúa para adaptarse ás necesidades do tecido produtivo e ás características da poboación de cada zona, o que supón unha oportunidade laboral para os titulados. Deste xeito, o novo mapa contempla cambios en diferentes centros, a maiores das novas incorporacións en materia de FP Dual.

Os cambios na provincia son os indicados no seguinte cadro:

Réxime e modalidadeConcelloCentroGraoCicloCambio
OrdinarioPonteareasIES do BarralBásicoInformática de oficinaSupresión  
OrdinarioPonteareasIES Pedra da AugaBásicoInformática de oficinaIncorporación
OrdinarioTuiIES Indalecio Pérez TizónBásicoInformática de oficinaIncorporación
OrdinarioO GroveIES Monte da VilaBásicoServizos administrativos por Informática de oficinaCambio
OrdinarioRedondelaIES Pedro FlorianiBásicoServizos administrativos por Informática de oficinaCambio
OrdinarioMoañaIES Plurilingüe A ParalaiaBásicoServizos administrativos por Informática de oficinaCambio
OrdinarioPoioIES de PoioMedioCondución de actividades físico-deportivas  por Guía no medio natural e de tempo libreCambio. Transformación de ciclo LOXSE a ciclo LOE
OrdinarioLalínIES LaxeiroMedioInstalacións eléctricas e automáticasSupresión
OrdinarioSilledaIES Plurilingüe Pintor ColmeiroMedioCondución de actividades físico-deportivas  por Guía no medio natural e de tempo libreCambio. Transformación de ciclo LOXSE a ciclo LOE
OrdinarioGondomarIES Plurilingüe Terra de TuronioMedioCondución de actividades físico-deportivas  por Guía no medio natural e de tempo libreCambio. Transformación de ciclo LOXSE a ciclo LOE
OrdinarioA Illa de ArousaIGAFA Instituto Galego de Formación en AcuiculturaMedioOperación subacuáticas e hiperbáricasIncorporación
OrdinarioNigránIES Escolas ProvalSuperiorSistemas de telecomunicación e informáticosSupresión
OrdinarioLalínIES LaxeiroSuperiorAcondicionamento físicoIncorporación
Adultos presencialVigoIES Ricardo MellaMedioFarmacia e parafarmaciaIncorporación
Pasa de adultos presencial a adultos a distanciaPonteareasCIFP A GranxaSuperiorVitiviniculturaCambio de modalidade
Adultos presencialPonteareasCIFP A GranxaSuperiorProcesos e calidade na industria alimentariaIncorporación  
Adultos presencialVigoCIFP Manuel AntonioSuperiorHixiene bucodentalIncorporación
Adultos presencialVigoIES Audiovisual de VigoSuperiorIluminación, captación e tratamento de imaxeIncorporación
Adultos presencialNigránIES Escolas ProvalSuperiorAsistencia á direcciónIncorporación
Adultos a distanciaVigoIES de TeisSuperiorDesenvolvemento de aplicacións multiplataformaIncorporación
Adultos a distanciaVigoIES Ricardo MellaSuperiorAsistencia á direcciónIncorporación
Adultos a distanciaPontevedraIES Luis SeoaneSuperiorTransporte e loxísticaIncorporación

Calendario de admisión

O prazo de presentación de solicitudes nos réximes ordinario e para as persoas adultas –presencial e a distancia– comezará o 25 de xuño ás 9 h. e prolongarase ata o 5 de xullo ás 13 h. A matriculación da primeira adxudicación de prazas comezará o 20 de xullo ás 9 h., ata o 26 de xullo ás 13 h. A continuación, unha vez se comproben as prazas que quedaron vacantes, procederase á segunda adxudicación de prazas, cuxo período de matrícula irá do 28 de xullo ás 9 h. ao 30 de xullo ás 13 h.

Canto á FP Dual, a presentación de solicitudes será entre o 25 de xuño ás 9 h. e o 2 de xullo ás 13 h. O período de selección por parte da empresa colaboradora e do centro educativo irá do 8 ao 14 de xullo, e as persoas finalmente seleccionadas poderán matricularse do 16 de xullo ás 9 h. ao 23 de xullo ás 13 h.

No caso dos másteres de FP, o prazo de presentación de solicitudes irá do 25 de xuño ás 9 h. ao 5 de xullo ás 13 h., e o de matriculación do 20 de xullo ás 9 h. ao 26 de xullo ás 13 h. O calendario detallado pode consultarse no Portal de FP.

Aberto o prazo do campamento urbano de verán gratuíto que ofrece o Concello de Baiona

0

A Concellería de Cultura do Concello de Baiona abriu o prazo para inscribirse no campamento urbano que se celebrará no mes de agosto. A actividade é gratuíta e está destinada a menores de 5 a 12 anos. O prazo de solicitudes estará aberto do 7 ao 23 de xuño.

A concellería organiza esta actividade para ofrecer a posibilidade de que os nenos e nenas empreguen o seu tempo libre estival participando en actividades de forma organizada e planificada, a través de actividades de calidade, promovendo a corresponsabilidade, a cooperación, a educación en valores, coñecendo os espazos públicos municipais, e fomentando a convivencia entre as persoas máis pequenas.

Para a celebración das actividades establécense dúas quendas no mes de agosto: do 2 ao 13 de agosto e do 16 ao 31 de agosto. Os horarios serán de luns a venres de 10.30 a 13.30 horas e haberá 30 prazas por quenda.

Durante o campamento desenvolverase un programa de actividades de lecer e tempo libre previamente programado. Haberá distintas clases de xogos: de presentación, de cooperación, de integración…visitas a distintos monumentos, museos, prazas e praias da vila. Entre as actividades están programadas as visitas á Carabela Pinta, á Casa da Navegación, á Virxe da Roca, ao Parador de Turismo Conde de Gondomar, á Estatua de Martín Alonso Pinzón, ao monumento “Atopo entre dous mundos”, ao porto… Tamén se realizará un tramo do Camiño Portugués pola Costa, unha recollida de residuos na praia e unha festa temática cada fin de quenda, etc. A recepción dos participantes sempre terá lugar na Praza do Concello.

Os participantes deben ter entre 5 e 12 anos e unicamente optará a unha quenda, excepto no caso de que queden prazas. A solicitude pode ser individual ou múltiple (no caso de irmáns ou irmás).

As solicitudes deberán presentarse no Rexistro Xeral do Concello de Baiona ou na Sede electrónica (baiona.sedelectronica.gal), xunto coa copia do DNI ou libro de familia e a copia da tarxeta sanitaria do menor, do 7 ao 23 de xuño de 2021. Para a presentación presencial de solicitudes no Rexistro Xeral do concello é necesario solicitar cita previa chamando ao teléfono 986356779.

No caso de solicitudes presentadas pola Sede electrónica, estas poderán presentarse en calquera hora ou día durante a vixencia do prazo de solicitudes.

Os formularios de solicitude poden descargarse da sección taboleiro de anuncios da páxina web municipal (www.baiona.gal) ou ser solicitados en formato papel na oficina de Rexistro con cita previa, ou no correo [email protected]

A adxudicación de prazas será directa en no caso de que o número de solicitudes presentadas non supere ao número de prazas ofertadas. No caso de que o número de solicitudes presentadas supere ao número de prazas ofertadas, realizará mediante un sorteo público, que terá lugar o 29 de xuño de 2021 no Salón de Plenos do Concello ás 13:30 horas e con anterioridade ao sorteo, publicarase a lista de admitidos ou excluídos na web do concello (www.baiona.gal).

Os nenos e nenas que non dispoñan de praza, pasarán a formar parte da lista de espera, coa finalidade de cubrir as baixas que se poidan producir.

Máis información na Concellería de Cultura, ou no teléfono 986385925, ou en [email protected].

A Guarda pon a punto praias e sendeiros de cara á inminente tempada estival

0

O Concello da Guarda prepárase para a tempada estival coa posta a punto, limpeza e acondicionamento de diferentes espazos públicos do municipio coma as principais praias marítimas e fluviais, así coma os diferentes sendeiros e camiños de titularidade municipal de máis tránsito no verán.

Operarios municipais levan preto dun mes traballando na limpeza manual dos areais das Praias do Muíño, A Lamiña e Codesal, despois de distintas marusías invernais que as deixaron nun estado deplorable. De cara ao inminente arranque da tempada estival, realizouse esta posta a punto dunhas das praias de maior afluencia da comarca e que conta, coma é o caso da Praia do Muíño, co distintivo de Bandeira Azul e “Ecoplaya”, este distintivo recoñece o esforzo da limpeza manual das praias xa que non se emprega maquinaria que remova a area,  respectando o delicado ecosistema dunar.

Tamén se están a realizar labores nos areais marítimos de Area Grande, Fedorento e do Carreiro, á praia de Area Grande tamén foille outorgado un ano máis o distintivo de Bandeira Azul.

No caso de camiños e sendeiros, dende fai unhas semanas operarios municipais e unha empresa externa encargáronse do desbroce e acondicionamento da Senda Litoral que comunica o Porto da Guarda coa Praia do Muíño, substituíndo tamén algunhas táboas que se atopaban danadas.

A Guarda foi galardoada tamén este ano o distintivo de Sendeiro Azul para a senda que comunica as Praias de O Muíño e Area Grande.

A Xunta concede novos carnés de voluntarios ás Agrupacións de Protección Civil de Redondela e O Porriño

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, presidiu esta mañá o acto de entrega dos novos carnés de voluntarios a integrantes das Agrupacións de Protección Civil dos municipios de Moaña, Redondela, O Porriño e Soutomaior nun acto celebrado na explanada exterior do edificio administrativo.

A delegada informou que a entrega destas acreditacións enmárcase na actualización e regularización dos integrantes das Agrupacións de Protección Civil da provincia de Pontevedra, un proceso que se realiza cada catro anos.  Así, en canto ás novas incorporacións repartíronse 29 identificacións á agrupación de Redondela, 2 á do Porriño e unha á de Moaña e á de Soutomaior

A representante autonómica estivo acompañada polos alcaldes Agustín Reguera e Digna Rivas, os concelleiros do Porriño e Moaña Sergio Casal e Coral Ríos e por presidentes e outros membros destas entidades.

Tras destacar a importante labor que realizan as 33 agrupacións da provincia de Pontevedra das que acentuou a súa vocación de servizo público, pois recordou que “desde o primeiro día da pandemia xa estabades votando unha man”, Fernández-Tapias sinalou que “contan coa colaboración da Xunta tanto na entrega de achegas para o seu funcionamento como na dotación de material de primeiro nivel para as emerxencias”.

“Sodes un piar fundamental pola vosa capacidade de resposta, pero máis importante se cabe aínda pola vosa capacidade de traballo, polo que non podemos estar máis que agradecidos”, concluíu.

Comeza a execución das diferentes terrazas que conformarán o ecoparque Campo Novo no Rosal

0

As obras de creación do ecoparque Campo Novo, en viso dos Eidos, continúan o seu bo curso. A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, e a arquitecta responsable do proxecto, María Fandiño, visitaron estes días os traballos deste proxecto que suporá a transformación da zona nun espazo de convivencia para toda a veciñanza.

Tras a reforma dos muros perimetrais e o descubrimento, recuperación e integración de antigas minas de auga ao proxecto, os traballo comezan agora a enfocarse na execución das diferentes terrazas coas que contará o ecoparque e que acollerán diferentes usos: xunto a unha zona dedicada a parque infantil haberá outra para merendeiro, unha área de estar e un aparcamento.

“Xa se comeza a albiscar o principal obxectivo deste proxecto, que era diferenciar a arquitectura nova da existente”, salienta a arquitecta. Para conseguilo na execución das terrazas empregarase un formigón coloreado con árido visto, de forma que a nova intervención sexa distinta do muro perimetral xa existente. Unha vez rematados estes traballos o seguinte paso será a colocación de plantacións e vexetación e a instalación do mobiliario.

Con estes novo ecoparque “poderemos desfrutar xa dun espazo creado pensando na súa contorna e buscando unha integración total. É un exemplo máis da aposta decidida do Concello por dar prioridade á veciñanza e por impulsar proxectos de proximidade”, lembra a alcaldesa.

O proxecto contempla a remodelación da zona empregando técnicas naturais e tradicionais e incorporando especies autóctonas relacionadas coa auga, un elemento de grande importancia nesta zona do Rosal. A creación deste ecoparque conta cun orzamento de máis de 93.000 euros cofinanciados a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra e de fondos propios do Concello.

“Terra, cebada e uva” e “Bastión”, gañadores da VIII edición da Festa da Empanada de Gondomar

0

O xurado profesional distinguiu o traballo feito polo establecemento “Terra, cebada e uva” que recibiu o primeiro premio, patrocinado polo Parador de Turismo “Conde de Gondomar”. Pola súa banda a Xamonería, Tapería “Bastión” obtivo o primeiro premio outorgado polo xurado popular , converténdose así os dous establecementos nos gañadores da VII Festa da Empanada de Gondomar.

A votación popular outorgou o segundo premio deste certame a empanada elaborado por “Terra, cebada e uva”, mentres que o terceiro posto foi para a Xamonería Catro Camiños. Todos eles recolleron os diplomas acreditativos esta mañá nun acto no que participaron o alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, o presidente da Asociación de Empresarios e Comerciantes do Val Miñor, José Ángel González, e a concelleira de Comercio, Rocío Goberna.

O concurso organizado pola Asociación de Comerciantes do Val Miñor (OVALMI), coa colaboración do concello de Gondomar, desenvolveuse entre os días 20 e 23 de maio nun total de 10 establecementos nos que as persoas que degustaron as distintas empanadas depositaban os seus votos, unha colaboración que tamén se premiou cun sorteo de 4 vales de 25 euros para poder consumir en calquera dos locais participantes.

“Aos poucos imos recuperando a normalidade no sector da hostalería, que con iniciativas destas característica dá un paso máis cara a ese obxectivo, no que sempre contará coa colaboración do goberno de Gondomar”, concluíu o rexedor, Paco Ferreira.

O Concello da Guarda realiza melloras en diversos camiños do rural

0

Dende a Concellería de Vías e Obras do Concello da Guarda estanse a levar a cabo diversas obras de mellora do firme en distintos camiños de barrios do rural guardés.

Destacan as actuacións na Costa dos Soldados, Camiño do Campamento e Camiño do Sollás en Camposancos, o asfaltado do Camiño central de Salcidos e do 1º Transversal Coruto Vello, así como o Camiño de Netos, Laxes, Barreira e Castiñeira no barrio de Cividáns.

Dentro destas actuacións tamén se contempla a renovación do pavimento na Rúa Julia Vaquero e Praza de San Benito(xa executado), así como a Rúa do Moniño na Gándara

No caso da renovación do firme en Costa dos Soldados, a capa de rodadura existente atopábase xa moi deteriorada, polo que se realizou a súa reposición por unha nova, enlazando coas obras realizadas o ano pasado de mellora de accesibilidade á Praia do Muíño.

O Concello da Guarda continúa deste xeito coa mellora da seguridade vial nos camiños rurais que vertebran as distintas parroquias do concello, garantindo un espazo que reúna as condicións máis axeitadas para o tránsito de vehículos e peóns e os accesos ás vivendas.

Estes traballos contan cun presuposto de preto de  170.000€.

SmartPeme pon en marcha esta semana outros tres obradoiros online

A Deputación de Pontevedra, a través de SmartPeme, oferta esta semana tres novas accións formativas impartidas de xeito online, da carteira de obradoiros que se imparten de forma telemática. As accións dan continuidade ás de semanas anteriores, e versan sobre como mellorar a produtividade con Trello e outras aplicacións; a optimización de páxinas web para gañar visibilidade e debuxo con Onshape.

En concreto, este martes 8 impartirase o obradoiro “Mellora a túa produtividade con Trello e outras aplicacións II”, no que a posgraduada en Comunicación e Industrias Creativas Fátima Faílde introducirá outras ferramentas como Evernote, Todoist, Toggl e Slack para mellorar a produtividade.

O mércores 9, Adrián Fernández, licenciado en Comunicación Audiovisual, impartirá “Iniciación ao SEO II: optimiza a túa páxina web para gañar visibilidade”, obradoiro que tratará sobre os factores externos que afectan ás páxinas web e que inflúen no seu posicionamento para despois afondar nas mellores prácticas SEO.

Para finalizar, o xoves 10, “Debuxo con Onshape, partstudio IV”, onde Manuel Freire, experto universitario en Robótica e Impresión 3D, falará deste software de debuxo 3D na nube.

O alcalde da Cañiza inaugura a exposición fotográfica sobre o dano cerebral adquirido “Punto e Seguido”

0

O alcalde Luis Piña inaugurou a mostra fotográfica “Punto e Seguido: A vida despois do Dano Cerebral Adquirido”, acompañado de persoal da Federación Galega de Asociacións de Dano Cerebral Fegadace (unha das comisarias da obra xunto con Adaceco, Adace Lugo, Alento, Sarela e Renacer Ourense), que estará aberta ao público ata o 18 de xuño na Casa do Concello en horario de 8:30 a 15:00 horas.

A exposición está composta por un total de 37 fotografías tomadas polo autor Aigi Boga no ano 2017 nas que o autor captura instantáneas das persoas que sufren esta enfermidade nos centros que FEGADACE ten en Galicia.  

Estas fotografías revelan momentos de debate nos centros de día, traballando o razoamento,  de diversión e convivencia, expresión física e control do corpo, de traballos de potenciación das habilidades, entre outros moitos.

A exposición é unha continuidade da charla impartida o pasado 6 de maio no Concello sobre esta enfermidade.

Baiona aumenta un 68% os abonados do aparcadoiro do Aral pola rebaixa das tarifas

0

O aparcadoiro municipal do Aral aumentou nun 68% a cifra de abonados no primeiros seis meses do ano 2021 debido á ordenanza que rebaixou as tarifas, ao pasar de 221 a 372 abonos mensuais.

O aparcadoiro do Aral conta cun total de 711 prazas e, tras varios reaxustes no prezo, o goberno municipal aprobou definitivamente a rebaixa nas cotas mensuais cunha ordenanza na que se recolle unha rebaixa exclusiva para os veciños e veciñas da vila.

O abono mensual de 24 horas para todo o ano reduciuse case un 40% e pasou de 52 euros aos 32 actuais. Todo iso co fin de dar un impulso ao alugueiro de prazas entre os residentes e ofertar un servizo alcanzable a aqueles que non dispoñen de garaxe propio, como ocorre en gran parte das vivendas do centro histórico. A gran rebaixa no abono 24 h atraeu a un 70% máis de abonados nesta tarifa de xaneiro a xuño de 2021, pasando de 187 a 317 persoas.

O diúrno, que permite deixar o coche de 7.00 a 22.00 horas, custa 28 euros, mentres que as motos pagan 20 euros ao mes. O diúrno experimentou un aumento de 12% neste período. Precisamente este atractivo prezo para os vehículos de dúas rodas propiciou un aumento nos abonos do 200% pasando de 9 abonados a 27.

Aparcadoiro do Aral

O concelleiro encargado da xestión da instalación municipal, Óscar Martínez, sinala que “coa aprobación desta ordenanza o que queriamos é converter o aparcadoiro nun servizo público útil para os baioneses e baionesas”. Tamén explica que “a resposta dos cidadáns está a ser positiva e incrementouse de forma notable o uso das instalacións tras asumir reducir o concello as tarifas”.

Pola súa banda o alcalde, Carlos Gómez, indica que coa aprobación da nova ordenanza que ofrece importantes reducións nas tarifas o que o goberno baionés quixo é “ofrecer un servizo público de calidade e que beneficie o máximo posible a todos os baioneses e baionesas xa que os veciños e veciñas tiveron que afrontar unha débeda de catro millóns de euros pola mala xestión do goberno anterior”. O rexedor finaliza dicindo que “coa rebaixa de tarifas búscase que a veciñanza salga o máis beneficiada posible”.

O establecemento custou 4 millóns de euros ás arcas municipais, tal e como resolveu a xustiza tras o preito con Sofranda. O Concello de Baiona tivo que facer fronte a diversos pagos: realizou o primeiro, de 2 millóns, o pasado xullo. O segundo, de 1 millón, abonouse ao finalizar 2020 e o terceiro, o millón restante, terase que abonar antes de setembro de 2021.

Así mesmo o rexedor lembra, que “todos os veciños e veciñas do municipio poderán gozar dunha hora de aparcamento gratis todos os días do ano (tamén sábados, domingos e festivos) os doce meses do ano”.

Aberto o prazo para solicitar as axudas para actividades económicas na Guarda

0

O obxecto destas axudas é paliar o impacto económico que sufriron aquelas empresas ou autónomos que tiveron que cesar a súa actividade como consecuencia da ORDE de 26 de xaneiro de 2021, e na que  se establecían medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da Covid-19 na Comunidade Autónoma de Galicia.

Poderán solicitar estas axudas, sempre que cumpran os requisitos especificados nas bases, aquelas persoas físicas ou xurídicas, así como as comunidades de bens, sociedades civís ou outras entidades económicas sen personalidade xurídica legalmente constituídas que leven a cabo actividades empresariais que foron afectadas polos efectos da ORDE de 26 de xaneiro de 2021 pola que se establecían medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da Covid-19 na Comunidade Autónoma de Galicia.

Os gastos que poderán ser compensados a través destas axudas incluirán servizos de asesoría ou xestoría, gastos de arrendamento de bens inmobles, de electricidade, de comunicacións, pólizas de seguros ou cotas de autónomos e Seguridade Social. Poderán xustificarse todos aqueles que se teñan realizado entre o 1 de xaneiro de 2021 e o 25 de xuño, data de finalización do prazo de presentación de solicitudes. 

Cada beneficiario/a poderá recibir ata un máximo de 700 euros en función da contía xustificada.

Nas próximas semanas o Concello ten previsión de publicar as bases doutra liña de axudas, nas que os beneficiarios serán tamén os negocios locais, a través das que se podan cubrir gastos realizados en material de protección fronte á COVID-19, así como outras inversións dirixidas a adaptar ou desenvolver o negocio dentro da situación de pandemia. 

O Issga formará a 45 alumnos e alumnas de FP de Redondela sobre prevención laboral en traballos en altura

0

O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), dependente da Consellería de Emprego e Igualdade, reforza a súa oferta formativa en prevención de riscos laborais coa impartición dun curso sobre técnicas e sistemas aplicables a traballos en altura para 45 persoas alumnas de ciclos de Carpintería e Moble, Deseño e amoblamento e sistemas de telecomunicación e informáticos.

O alumnado en formación, pertencente ao centro de Formación Profesional da Xunqueira, en Redondela, cursa a vindeira semana a segunda das catro edicións ofertadas –a primeira celebrouse neste recinto os pasados 31, 1 e 2 de maio e xuño, respectivamente– nos días 7,8 e 9 de xuño.

Este curso ten por obxectivo mellorar o coñecemento do alumnado de Formación Profesional sobre a prevención de riscos nos traballos en altura, con contidos enfocados nos Equipos de Protección Individual (EPI), o uso e instalación de sistemas anticaídas e sistemas de suxeición e posicionamento, entre máis carga formativa onde adquire un maior protagonismo a parte práctica.

Neste mes de xuño a Xunta impartirá, ademais da oferta da vindeira semana, outras dúas nos días 9,10 e 11 de xuño, nunha edición, e os días 14, 15 e 16 na derradeira.

Con esta oferta, o Goberno galego quere dar resposta a unha realidade que demanda máis seguridade e reforzo da prevención nunha actividade de alto risco como é a do traballo en altura. A Xunta entende así a relación entre traballo e seguridade como algo esencial no desenvolvemento de calquera actividade, incorporando a temática da seguridade laboral como eido transversal na formación das futuras traballadoras e traballadores.

Toda esta oferta de cursos é gratuíta, co cumprimento da normativa sanitaria vixente en relación á emerxencia do virus da covid-19. Así mesmo, facilítanse ao alumnado os EPI necesarios para o desenvolvemento destas xornadas.

O Castelo de Soutomaior incorpora ao seu xardín ‘Con nome de muller’ a camelia Jimena Fernández de la Vega

A prestixiosa médica Jimena Fernández de la Vega, pioneira da xenética en España e nomeada Científica do ano pola Rea Academia Galega de Ciencias, xa dispón desde este domingo dun cultivar de camelia co seu nome no Xardín Co Nome de Muller, que a Deputación de Pontevedra creou en marzo de 2020 para homenaxear e visibilizar a mulleres referentes vinculadas á provincia. O novo exemplar, o primeiro desta orixe que se planta nun xardín público, comparte xa espacio con outras 7 camelias que levan os nomes de ‘María Vinyals’, ‘Rosalía Castro’, ‘Bella Otero’, ‘Jane Andersen’, ‘Sofía Novoa’, ‘Juana de la Vega’ e ‘Emilia Pardo Bazán’, e foi presentado onte domingo no marco da visita caracterizada ao Castelo, á que asistiu a presidenta provincial Carmela Silva acompañada de deputadas e deputados do seu goberno.

Precisamente tres mulleres, Emilia Pardo Bazán, Emilia Lluria e María Vinyals, cobraron vida este domingo da man das actrices de ‘Aguias’, e guiaron á presidenta e ás persoas visitantes que habían esgotado as prazas ata o Xardín ‘Con Nome de Muller’ onde tivo lugar a presentación da nova camelia Jimena Fernández de la Vega, que xa está rexistrada co seu novo nome por Areeiro no Rexistro da Sociedade Internacional da Camelia. Trátase dunha camelia xapónica cunha flor de tamaño grande de cor rosa  nos pétalos das filas externas, ton que vai aclarándose cara ao interior da flor, chegando ás veces incluso ao branco. A súa floración comeza a finais de xaneiro e esténdese ata maio.

Carmela Silva: “É un actode xustiza porque Jimena merece ser recordada. Este é un espazo para honrar, visibilizar é para que as nenas saiban que poden ser todo aquelo que elas queiran ser”

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, puxo en valor a figura e traxectoria de Jimena Fernández de la Vega, “que tamén foi pioneira da igualdade nos dereitos das mulleres”. Recordou a presidenta que “Jimena, xunto coa súa irmá xemelga Elisa, foron as primeiras mulleres licenciadas pola USC no 1919, representando un referente excepcional do que foi a incorporación da muller, por fin, aos estudos universitarios. Elas aportaron moitísimo á ciencia”. Carmela Silva, que lembrou que Jimena e Elisa foron as tías da primeira muller vicepresidenta dun goberno en España, Teresa Fernández de la Vega, sinalou que o feito de que Jimena entre con nome propio neste xardín con Nome de Muller, “é de xustiza porque merece ser recordada, porque este é un espazo para honrar, para visibilizar é para que as nenas saiban que poden ser todo aquelo que elas queiran ser”.

A presidenta provincial agradeceu tamén a presenza da responsable da EFA Areeiro, Carmen Salinero, no acto, “porque grazas a ela estamos nun xardín de excelencia internacional e temos todas estas variedades de camelia. Ela terá pronto unha camelia co seu nome porque o merece. Haberá moitas outras mulleres neste xardín, temos o deber de traelas á memoria”.

[su_image_carousel source=”media: 38397,38399,38400,38402,38403″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

Amais da presentación do novo exemplar, tanto a presidenta como as persoas que participaron na visita caracterizada desta mañá, seguiron o percorrido polo parque botánico que rodea a Fortaleza, coñeceron as vivencias, anécdotas e algún que outro segredo acaecido neses xardíns contados por María Vinyals, Emilia Pardo Bazán e Emilia LLuria, tres mulleres relacionadas coa historia propia do Castelo. As árbores senlleiras, o xardín francés, as sequoias, o sanatorio, a Fonte da Marquesa, ou os viñedos forman parte desta visita polo escenario testemuña de parte da historia de Galicia.

As visitas caracterizadas continúan este mes de xuño os días 13, 20 e 27; seguiran en xullo o 7, 14, 21 e 28 e no mes de agosto os dias 4, 11, 18 e 25. Tanto para estas visitas como para as teatralizadas, as prazas se poden reservar e adquirir ao través da web www.castelodesoutomaior.com

O PSOE de Tomiño reprocha ao Goberno local a falta de investimentos no comercio local e a hostalaría

0

O PSdeG-PSOE de Tomiño denunciou na última sesión plenaria da corporación, que na súa orde do día contaba cunha modificación de crédito de prego dun millón de euros, “a falta de investimentos no comercio local e a hostalaría”. Segundo a portavoz socialistas, Violeta de Santiago “debemos ser o único Concello da contorna que non inxectou nin un só euro no comercio local, un dos sectores, xunto a hostalaría, máis afectado por esta pandemia”.

Ao mesmo tempo, as concelleiras socialistas, Violeta de Santiago e Mirta Misa, acusaron ao goberno nacionalista de “vender fume malgastando 30.000 euros nunha market place que non funciona.

Logo de denunciar o reiterado incumplimento do acordo de investidura, ao terse celebrado esta sesión plenaria máis de dous meses despois da última, as concelleiras do PSdeG puxeron o punto de mira na ausencia de investimentos no turismo –”seica está pasado de moda ou que a pandemia ofrece a excusa perfecta”, afirmou Violeta de Santiago–, Formación, Conciliación, Igualdade, Normalización Lingüística ou Servizos Sociais.

As concelleiras aseguraron que, a vista dos feitos, “o Concello aposta por activar a economía das grandes empresas deixando na cuneta ás persoas”.

Por outra banda, o grupo municipal socialista cualificou de “falta de respeto non só ao noso grupo, senón ao Pleno,” o incumprimento da moción aprobada, por unanimidade, en novembro pasado que facía referencia á gravación das sesións plenarias como medida de transparencia.

O BNG do Porriño mantén a súa aposta pola contorna do río Louro

A concellaría de Urbanismo do Concello do Porriño, dirixida polo nacionalista Pedro Pereira, vén de chegar a un acordo para a compra de 20.000 m2 de terreo na contorna do río destinados a crear unha gran zona verde no Porriño. Con esta iniciativa o BNG porriñés mantén a súa aposta polo incremento das zonas verdes, algo que forma parte do modelo de vila que sempre defendeu a formación nacionalista.

O BNG lembra que na súa anterior etapa de Goberno “abrimos as sendas peonís polo Louro e agora a concellaría de Urbanismo dirixida polo nacionalista Pedro Pereira vén de investir na compra de parcelas próximas ao río como primeiro paso para recuperar un entorno de gran valor ambiental”. -Serán preto de 20.000m2 “que permitirán crear unha importante zona verde e de lecer tan necesaria para o centro urbano”.

Matadoiro

En todo o caso o BNG salienta que a recuperación integral do río Louro para a veciñanza, “non será completa mentres o matadoiro permaneza na súa localización actual. Chegou o momento de afrontar un debate de tanta importancia para o futuro do Porriño”. ç

Aseguran os nacionalistas que o desenvolvemento urbanístico do Porriño “non pode estar condicionado por unha localización que a día hoxe non atende a ningún criterio lóxico. Nin desde o punto de vista medio ambiental nin pola súa proximidade con tan importante núcleo de vivendas”.

Por este motivo, dende o BNG faise un chamamento á empresa , axentes sociais e ao conxunto das administracións públicas “para iniciar canto antes unha negociación que permita o traslado do matadoiro a un lugar máis acaído”.

O Alumnado do CEIP Manuel Rodríguez Sinde da Guarda, celebrou o Día Mundial do Medio Ambiente

0

O venres día 4 de xuño de 2021, o Salón de Plenos do Concello da Guarda acolleu fermoso acto no que o alumnado do CEIP Manuel Rodríguez Sinde fixo entrega ás autoridades locais de varios carteis nos que se amosa, en tres linguas e con debuxos, o que debe de ser un bo peregrino.

Antonio Lomba, alcalde da Guarda, amosouse moi sorprendido e interesado por esta iniciativa, dando os parabéns aos alumnos presentes, comprometéndose a colocar estes carteis nos espazos polos que circulan os peregrinos que realizan o Camiño Portugués pola Costa ao seu paso pola vila, como é a Estación Marítima, a Oficina de Turismo ou o Albergue Municipal.

Esta iniciativa nace do proxecto de Voz Natura no cal participa este centro educativo da Guarda e no que empregaron o Camiño de Santiago como fío condutor desde Bibliosinde co fin de xuntar esforzos e levar a todo o profesorado pola mesma senda.

Cómpre lembrar que A Guarda é atravesada por un tramo do Camiño  Portugués a Santiago de Compostela, polo que involucrar a toda a comunidade educativa foi doado e moi interesante. Descubrindo dúas sendas dun gran valor etnográfico e paisaxístico, o tramo que vai desde a Pasaxe pasando por Camposancos e Monte Trega; e a senda pola costa, Area Grande e as cetarias Redonda e Altiña. Visitouse o albergue de A Guarda e fíxose o tramo que pasa polo centro da vila.

A participación do alumnado na proposta de facer andainas polos diferentes tramos do camiño foi do 100 %. Dende os máis pequenos ata os maiores todos os cursos realizaron saídas para coñecelo. Os cursos de 5º e 6º de primaria fixeron un tramo en Oia e visitaron Santiago de Compostela.

A concienciación do alumnado do seu valor e a importancia da súa conservación foron os obxectivos prioritarios, fomentando a participación das familias e facendo as diferentes etapas cos seus fillos e fillas e así conseguiron un selo na súa credencial de peregrinos no Sinde.

O resultado final despois de todo o traballo realizado foi a presentación dun cartel do que debes facer para ser un bo Peregrino. Cartel que se fixo en tres idiomas, galego, castelán e inglés, e no que participou todo o alumnado do centro.

Baiona abre o prezo para que hostalaría, restauración e comercio soliciten axudas pola COVID-19

0

O Concello de Baiona vén de informar que unha vez pasados os prazos administrativos de exposición pública e para a presentación de alegacións, xa está aberto o prazo de presentación de solicitudes para os sectores do comercio, hostalaría e resturación, que serán resoltas por orde de entrada no Rexistro do Concello e que se poderán presentar a partir de mañá luns en horario de 9 h a 13 horas. Será necesaria a solicitude de cita previa no teléfono 986 356 779. O prazo de presentación de solicitudes rematará o 16 de xullo.

O Concello de Baiona aprobou unha liña de axudas aos sectores da hostalería, restauración e comercio por motivo do COVID-19, cunha contía fixa de 500 €. Con esta iniciativa, sinala o alcalde de Baiona, Carlos Gómez, o Concello “reafirma o seu apoio aos sectores da hostalaría, restauración e comercio destinando 100.000 euros do remanente de tesourería a axudas directas”. A esta medida, engade o rexedor local, “engádese a exención da taxa de terrazas, que ascendería a outros 90.000 euros”.

Con todas estas iniciativas, explica Gómez, “queremos axudar a estes sectores nesta situación complicada para que a ‘travesía’ sexa menos dificil. Amais, estas axudas contribuúen a dinamizar a economía local para que poidamos saír reforzados desta crise”.

Concello e comisión das Festas do Monte da Guarda reúnense cos representantes das Bandas Mariñeiras

0

O pasado xoves, 3 de xuño, reuníronse no salón de plenos do concello da Guarda, o alcalde, a concelleira de cultura, o concelleiro de festas e festexos populares, representantes das comisións das Festas do Monte e representantes das Bandas Mariñeiras. 

O obxecto da reunión era o de informar das conclusións das distintas reunións mantidas entre responsables municipais e a comisión de festas e valorar a opinión das bandas sobre as celebracións do sábado e domingo do Monte. Hai que ter en conta que as bandas representan directamente a máis de 2500 participantes directos no desfile e na romería e que, na actualidade, son a cara máis visible da festa.

O alcalde tomou a palabra para trasladarlle aos asistentes a dificultade de facer unha programación da festa a dous meses vista tendo en conta os cambios que se producen cada poucos días na situación sanitaria e as continuas modificacións da Xunta nas autorización de eventos,  medidas de seguridade e prevención. Antonio Lomba informou da decisión de non celebrar a tradicional tirada de fogos así como de realizar durante toda a semana eventos adaptados a situación sanitaria do momento.

A previsión nun principio é de ter polas mañás os clasicos pasarúas por todos os barrios e parroquias da localidade, organizar eventos deportivos e culturais polas tardes, e animación musical polas noites con pequenos grupos deslocalizados por distintas prazas para tentar, na medida do posible, dispersar e non centralizar a veciños e visitantes en lugares concretos.

En canto a celebración do desfile do sábado e romería do domingo os representantes das Bandas Mariñeiras presentes nesta reunión foron moi conscientes da actual situación e de que é moi complicado garantir as medidas sanitarias e a seguridade nestes tempos de pandemia. Dado que resulta imposible dar seguridade sanitaria a os participantes e público que asiste ao desfile do sábado así como as trouladas que participan na romería do domingo, tomouse a decisión de deixar en suspenso as actividades destes dous días. 

A comisión de festas comezará a traballar dende o luns 7 de xuño nas colaboracións de publicidade do libro do monte para tentar publicalo a maior brevedade posible. Asimesmo o concello ofrece a súa colaboración a comisión para a organización dos eventos, tendo en conta, sobre todo, o pouco tempo dispoñible e a dificultade de organizalos nunha situación sanitaria tan cambiante.

Arbo segue potenciando e recuperando o seu patrimonio histórico

0

O Concello de Arbo, recibe unha achega para as obras de  “Mellora de pavimentación do entorno da Capela de San Pedro ”, tras resolución de concesión de Subvención da Deputación provincial de Pontevedra na Xunta Local de data 4 de decembro de 2020, concederlle ao Concello de Arbo a través da convocatoria de subvencións para a rehabilitación e a sinalización do patrimonio histórico-cultural dirixidas aos concellos da provincia de Pontevedra para o ano 2020.

A  memoria técnica redactada polo Sr. Arquitecto Asesor Municipal, serviu de base para a petición da subvención,  e no que se fixa como orzamento da referida actuación o importe de 6.277,96€ e as obras serán realizadas por unha empresa local.

Por medio da presente intervención, ponse en valor a Capela e o seu  entorno próximo, xa  que tratase da zona máis antiga de Arbo. Retirarase o aglomerado asfáltico e colocarase pedra deixando unha franxa de quince centímetros no entorno coas paredes. Farase unha recollida de pluviais e conducirase ata o rergo existente. As obras serán contratadas e comezarán nos vindeiro mes.

Coas obras proxectadas pretendese  conservar o patrimonio municipal, recuperar a imaxe de construcións tradicionais,  e dotar de servizos adecuados ás instalacións existentes,  así como mellorar a súa funcionalidade e fomentar o seu uso e mantemento.

“Unha serie de melloras demandadas polos veciños e veciñas e que pouco a pouco o Concello esta executando para dar cumplida a súa resposta”, informa Horacio Gil “no mesmo senso, realizaronse obras de rehabilitación de varios elementos patrimoniais e emblemáticos deste concello como foron no 2017 a Ponte Románica de San Xoán, e maís recentemente o Palco de San Benito, o Muiño de San Xoán e o entorno da Capela de San Xoán”.

O Concello de Nigrán promoverá os desprazamentos a pé en todo o núcleo urbano mediante a ferramenta ‘metrominuto’

0

O Concello de Nigrán dispón xa do seu ‘metrominuto’ particular como novidosa ferramenta para incentivar os desprazamentos a pé por todo o núcleo urbano da localidade (Nigrán, A Ramallosa e Panxón). Isto é un mapa sinóptico que mide distancias e tempos camiñando entre diferentes puntos e que emprega no seu deseño os códigos visuais dos planos de metro (como aceno a un dos medios de transporte máis significativos das grandes urbes, suxerindo o ir a pé como outro medio igual de valioso).

O Concello de Nigrán obtivo o seu particular mapa grazas a telo solicitado a través da rede Ágora da Deputación de Pontevedra, quedando o municipio integrado na rede ‘Ciudades que Caminan’ (asociación  internacional de diferentes administracións que busca que os peóns sexan os verdadeiros protagonistas do espazo público). Os ‘Metrominutos’ serán situados ao longo das vindeiras semanas en mupis ubicados en puntos estratéxicos, ademais de que figurarán mediante cartalería nas diferentes instalación municipais e na web. Os tempos foron calculados a unha velocidade media de 5 km/hora, o que sitúa o núcleo de Panxón a 17 minutos do centro de Nigrán, o esteiro de A Foz a 6 minutos da Ramallosa ou o Templo Votivo a 8 minutos do espazo deportivo Dunas de Gaifar.

“O obxectivo é ‘desdramatizar’ a cultura de camiñar evidenciando o pouco que compensa coller o coche para moitos desprazamentos, sendo ademais algo saudable física e mentalmente”, explica o alcalde, Juan González.  De feito, está demostrado que ao tratarse de distancias curtas e tempos breves, coa información que nos ofrece o Metrominuto nos  predispoñemos mellor a camiñar ata o noso destino, priorizando así o medio pedestre.

Ademais do propio plano ‘Metrominuto’, un decálogo asociado a él baixo o lema ‘Caminando ganamos tod@s’ subliñará as vantaxas de ir a pé: Melloras a túa saúde e a do planeta, aforras cartos, gañas tempo para pensar, reduces estrés, coidas do teu barrio, melloras as relacións sociais, das sentido ao espazo público, compras no pequeno comercio e, finalmente, evitas atropellos. Este mesmo formato de decálogo o emprega o Concello de Nigrán para incentivar as compras no comercio local e, como se pode apreciar, desprazarse a pé é  un xeito máis de apostar por este consumo sostible.

“Ao fin de todo será un activo máis do noso programa ‘Un Nigrán para todos’ porque se trata de animar a empregar o espazo público, sempre tivemos claro que os peóns teñen a máxima prioridade, e así desenvolvemos as nosas políticas ao respecto. Xa hai anos creamos rutas escolares seguras ao CEIP Humberto Juanes para que o alumnado fose camiñando e agora dirixímonos a toda a veciñanza para que comprenda que todo son vantaxes se ímos a pé a facer os recados, gañaremos en saúde e teremos un municipio máis amable para as persoas”, destaca o alcalde, Juan González.

Arantza Portabales, «A vida secreta de Úrsula Bas»

Arantza Portabales está a piques de acadar por méritos propios (e co permiso de Lewis Carrol) o título honorífico de «Raíña vermella» das letras galegas. Con só tres novelas xa logrou unha posición dominante dentro do xénero negro (con todas as puntualizacións que lle queiramos poñer a esta categorización) baixo a premisa de que tal etiqueta non ten por que significar unha merma da calidade literaria do texto.

«A vida secreta de Úrsula Bas», a súa última aportación, ofrece intriga, misterio, detectives, verdades a medias, a eterna liorta entre o ben e o mal, unha viaxe aos recunchos máis escuros da alma humana e todos os elementos tradicionais do xénero pero, ademais, ofrece un estilo coidado e depurado, deses que resulta máis doado atopar noutro tipo de textos pretendidamente máis intelectuais ca unha simple «novela negra», a dicir dos máis puristas. E iso é indicativo de que estamos diante dunha gran escritora.

A protagonista, Úrsula Bas, é unha autora de éxito que, un día, desaparece misteriosamente. Abad e Barroso, parella policial que xa protagonizara a súa anterior entrega, «Beleza vermella», inician as pesquisas e non tardan en destapar a cara oculta da escritora, unha vida descoñecida e vencellada a un uso nocivo das novas tecnoloxías e as redes sociais. As pesquisas condúcenos a outra desaparición, varios anos atrás, que ten moitos elementos en común con esta, pero as coincidencias entre ambos casos provocan aínda máis confusión entre os investigadores.

A intriga está servida, mais con todo, e sendo esta o eixo da narración, a novela agocha moito máis. Personaxes moi ben construídas (mesmo as secundarias, ás que non sempre se lles presta a atención debida), que amosan ao lector as súas contradicións; escenas de gran crueza revestida dunha forza lírica que as fan adictivas; un ritmo crecente deseñado a base de capítulos moi curtos, que arrastran ao lector polas páxinas da novela; uns diálogos sobrios e precisos, sen exhibicionismos, e a miúdo cargados de ironía; un desenlace (¡raio co desenlace!) sobre o que non vou dar pistas, pero que fai da trama un argumento pechado… E, a maiores, unha seria advertencia sobre a lixeireza coa que nos entregamos ás redes sociais e ás novas tecnoloxías e sobre a facilidade coa que outros poden adentrarse na nosa intimidade, cando lles abrimos esa porta, sen que nos decatemos de nada.

A historia da literatura está cargada de grandes exemplos de novela negra, mais non sempre son valorados pola súa calidade literaria, senón pola trama en si. No caso de Arantza Portabales estamos diante dunha escritora que semella querer reverdecer o xénero aplicándose, e moito, en ambas facetas: a historia que se nos relata e o xeito de contala. A trama está perfectamente deseñada e dosificada para manter o interese no lector inducíndonos non só ao disfrute, senón tamén á reflexión, e a linguaxe é precisa e directa, pero agocha unha plenitude estilística que é capaz de arrastrarnos e de manternos enganchados ao relato con pasmosa facilidade. Ter unha boa historia pode ser relativamente doado, pero saber contala é un traballo teimudo e minucioso que non admite concesións. E, nese eido, a autora amósase madura e decidida, coma se quixese confirmar que non estamos diante dun artificio nin dunha estrela fugaz, senón dun caracter sólido dabondo como para agardar moitas máis alegrías.

Arantza Portabales

A vida secreta de Úrsula Bas

Galaxia

Ponteareas vivirá o Corpus todos os días do ano co primeiro museo a ceo aberto de Galicia

Poder gozar das alfombras florais os 365 días do ano. Ese é un dos obxectivos co que nacerá o Museo do Corpus a ceo aberto, o primeiro de Galicia, e que grazas á tecnoloxía converterá as rúas ponteareás nun escenario no que vivir a arte efémera de xeito sinxelo e inmersivo en calquera momento. “É unha aposta por seguir poñendo en valor o noso patrimonio cultural como elemento de interese a disposición das persoas que nos visitan, pero tamén dos nosos veciños e veciñas, catalogando o legado dos nosos antepasados”, salientou a alcaldesa Cristina Fernández Davila durante o acto de arranque da edición 2021 do Corpus, “unha celebración comedida, adaptándonos con resiliencia ao que agardamos que sexa a fin desta terrible pandemia”.

Con esta iniciativa pioneira liderada polo Concello de Ponteareas visitantes e veciñanza poderán desfrutar dunha experiencia de realidade aumentada empregando calquera dispositivo móbil e seguindo os códigos QR repartidos ao longo de todo o percorrido do Corpus. “Queremos que esta festa non quede nunha arte efémera que só se pode gozar por escasas horas, senón que perdure no tempo. Con este proxecto poñemos en valor a nosa cultura e o noso legado e ofrecemos a posibilidade ás persoas visitantes de vivir unha nova experiencia para novos tempos”, explicou a concelleira de Promoción Económica, Eva Gil.

Unha forma de facer turismo na que o visitante é o centro da experiencia “que suporá un antes e un despois para a propia festa”. “O Corpus vívese nas rúas e non podiamos crear un museo que metera este arte floral entre catro paredes”, recordou a edil. Neste museo poderá desfrutarse dos deseños de alfombras, de vídeos, entrevistas, imaxes en 360º da rúa… Un contido atractivo, orixinal e dinámico que dará protagonismo á veciñanza, acollerá contidos de gran valor social, perpetuará esta arte efémera no tempo e, á súa vez, potenciará a revitalización do comercio.   

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, recalcou a “potencialidade” deste museo como ferramenta de difusión “dunha das festas máis importantes de Galicia, non só por ser de Interese Turístico Internacional, senón tamén pola arte creada grazas ao traballo desinteresado dos veciños e veciñas”.

Novo número da revista Pregón

O acto inaugural deste Corpus 2021 tamén acolleu a presentación dun novo número da revista Pregón, que chega “cargado de ilusión, historia e flores cunha temática consolidada e nun formato máis cómodo de manexar”, como destacou o concelleiro de Cultura, Fernando Groba. Unha revista que comezou no ano 1947 como un folleto en branco e negro que foi evolucionando co tempo ata chegar a converterse “en algo identificativo do Corpus que está medito no ADN dos veciños e veciñas. Pregón é un fondo histórico e documental importante referido á vida en Ponteareas e unha revista que nos une a todos e todas”, asegurou Gonzálo Fernández, coordinador da revista.

Esta edición conta coa versión orixinal e íntegra do pregoeiro do ano 2020, o poeta Alfonso Pexegueiro, e con artigos que achegan un enfoque histórico da festa, con temas como a suspensión da procesión en 1958 por choiva, as primeiras alfombras da democracia ou o silencio das rúas que marcou a edición do ano 2020 a causa da pandemia. Ademais, tamén recupera a sección literaria e recolle as imaxes do premio fotográfico.

Recoñecemento a alfombristas e veciñanza

No acto inaugural deste Corpus 2021, no que non faltaron mencións e recoñecementos ao recentemente falecido Xosé Represas, tamén participaron José Luis Romero, representante de ABANCA; Javier Davila, membro da empresa que está a desenvolver o museo a ceo aberto; alumnado do Conservatorio Municipal de Ponteareas, que interpretou dúas pezas musicais durante a presentación; e membros da corporación municipal, así como participantes na revista Pregón.

Como peche final, a alcaldesa quixo “recoñecer o labor das nosas e nosos alfombristas, persoas que fan posible esta celebración e esta tradición que foi quen de dar a coñecer a Ponteareas por todo o mundo. Estou segura de que volverán os tempos nos que poderemos gozar desta celebración en todo o seu esplendor. E por suposto aos veciños e veciñas de Ponteareas que viven con ilusión e paixón a nosa máis distinguida celebración”.

A Xunta abrirá dúas novas aulas na escola infantil de Salvaterra de Miño no comenzo do curso 2021-2022

A Xunta de Galicia porá a disposición das familias de Salvaterra de Miño e dos municipios da contorna dúas novas aulas na escola infantil para o inicio do vindeiro curso 2021-2022. O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, acompañado da alcaldesa do concello, Marta Valcárcel, comprobou hoxe o avance dos traballos de ampliación deste centro, que pasará de catro unidades e 61 prazas a seis unidades e 82 prazas.

Perfecto Rodríguez destacou que esta actuación “vén cubrir unha necesidade que existía no concello, xa que permitirá atender a un maior número de nenos e, deste xeito, mellorar as posibilidades de conciliación das nais e pais”. De feito, coa entrada en servizo das novas aulas ofertaranse 21 prazas máis nunha escola que pechou o período ordinario de solicitude de matrícula con 55 nenas e nenos admitidos e 41 en lista de agarda.

As obras, que se iniciaron a finais do ano pasado e que están practicamente rematadas, teñen un custe algo superior aos 200.000 euros. Desta contía, a Administración autonómica achega 161.000 euros, dos cales o 80% proceden do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020. O Concello de Salvaterra de Miño asume a cantidade restante, ademais dos custes derivados da redacción do proxecto e dirección de obra.

Aulas, sala de usos múltiples e equipamento

O proxecto de ampliación do centro supón a creación, nunha edificación anexa, de dúas aulas e dous aseos, así como o aumento das dimensións da sala de usos múltiples e a habilitación dunha zona para o aparcamento de carriños. Con esta intervención a superficie útil da escola increméntase en preto de 250 metros cadrados.

Así mesmo, e coincidindo coa última fase destes traballos na escola, a Xunta ten nestes momentos en licitación o equipamento do mobiliario e material necesario para a entrada en funcionamento das novas unidades. O orzamento deste contrato ascende a case 50.000€, financiados nun 80% polo Feder, e as empresas teñen de prazo ata o martes da vindeira semana, día 8, para presentar as súas ofertas.

O contrato inclúe dotar á escola do mobiliario e dos complementos necesarios para o desenvolvemento do servizo; así como o subministro de instrumentos musicais, artigos deportivos, xogos, materiais artísticos e accesorios. Tamén contempla o equipamento de aparatos electrodomésticos.

Nigrán pecha o 10 de xuño o prazo para solicitar axudas ao segundo plan de rescate municipal á hostalería e o taxi

0

O Concello de Nigrán pecha o 10 de Xuño o prazo para solicitar as axudas do segundo plan de rescate municipal ao sector hostaleiro e do taxi (o plan é compatible co primeiro, os mesmos beneficiarios poden solicitar de novo esta axuda). O goberno local consignou a este fin 120.000 € do Remanente de Tesourería que se suman aos outros 120.000 € do primeiro plan, aos que se engadirán 60.000 € dun terceiro rescate municipal para outros sectores especialmente afectados pola crise sanitaria.

As bases deste segundo plan de rescate municipal (BOPPO número 88 e penduradas da web www.nigran.es) son máis ambiciosas cas primeiras ao incrementar de 70 € a 400 € a axuda a cada taxista empadroado en Nigrán (sendo a axuda por cada vehículo ao seu nome e independentemente da localidade onde teña expedida a licencia, a diferencia da anterior convocatoria). Por outra banda, no sector hostaleiro auméntanse o número de posibles beneficiarios dentro dun mesmo negocio. “Criterios como o empadroamento, localización do establecemento e domicilios fiscais foron revisados para poder de verdade chegar a gran maioría do sector do taxi e da hostalaría, dando así un paso máis”, resume González.

Así, segundo se contempla, as persoas beneficiarias son os autónomos ou empresas do sector hostaleiro afectados polo peche ou limitacións sanitarias de 2021 cunha axuda de 1.000 €; os desempregados sen prestación que tiveran un contrato neste sector entre o 20/10/2020 e a actualidade novamente con 750 € e, finalmente, os mencionados taxistas empadroados con 400 € por cada vehículo ao seu nome. A principal novidade na restauración é que se teñen en conta como beneficiarios tamén aos autónomos colaboradores (independentemente da localidade onde desenvolvan o seu traballo, o requerimento é estar empadroado en Nigrán) e aos diferentes socios dun mesmo negocio situado no termo municipal de Nigrán. Como no primeiro plan de rescate, as axudas son compatibles con calquera outra concedida polas distintas administracións e mesmo coas anteriores do Concello.

O Concello abre o prazo de inscrición para o campamento de verán municipal

0

O Concello do Rosal abre o vindeiro luns 7 de xuño o prazo para a inscrición para o campamento de verán municipal, dirixido a nenos e nenas de educación infantil e primaria e que se desenvolverá ao longo dos meses de xullo e agosto na Escola de Marzán con todas as medidas de prevención e seguridade.

Con esta iniciativa o Concello busca “colaborar coas familias na conciliación laboral tras o remate do período lectivo á vez que se ofrece a rapaces e rapazas actividades lúdicas e educativas coas que dinamizar o tempo libre durante o período estival”, como destaca a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

O campamento celebrarase de luns a venres en horario de 09.00 a 14.00 horas con opción a solicitar aula matinal dende as 08:00 h e saída ás 15:00 horas. Poderán solicitalo aqueles nenos e nenas empadroados no Rosal ou que os seus pais e nais ou titores legais traballen ou posúan un negocio no municipio. As persoas interesadas deberán presentar a súa solicitude ata o vindeiro 15 de xuño no Rexistro municipal do Rosal en horario de 09:00 a 14:00 horas.

Baiona reafirma o seu compromiso coa sustentabilidade participando na iniciativa ‘Un árbol por Europa’

0

O Concello de Baiona, dentro dos obxectivos da Axenda 2030, vén de adherirse á campaña ‘Unha árbore por Europa’, un xesto co que o concello baionés sela este compromiso pola sustentabilidade. O alcalde, Carlos Gómez Prado, e a concelleira de Medio Ambiente, Rosa María Domínguez Roda plantaron un árbol no parque próximo á Escola Infantil A Galiña Azul do municipio.

No lugar tamén se instalou unha placa para lembrar a adsehión a esta campaña na que se pode ler: Unha árbore por Europa: Esta árbore simboliza ou noso compromiso pola loita contra ou cambio climático. “E tempo de actuar”, Xuño 2021.

Esta campaña é un manifesto que nace por iniciativa de Equipo Europa por mor dunha proposta de David Sassoli, presidente do Parlamento Europeo. Nel todos os concellos partícipes asumen o compromiso de plantar unha árbore no seu municipio, de visibilizar a importancia do desenvolvemento sostible no ámbito local, así como de involucrar aos mozos nos procesos de toma de decisións en materia de sustentabilidade local.

Click para ampliar

Con todo, esta non é a única plantación prevista nestes días, posto que mañá sábado, ás 16:30 h, levará a cabo a plantación de numerosos exemplares. Unha actividade baixo o lema Sementando vida, deixando pegada que organizou a Concellería de Medio Ambiente e o Baíña Futbol Sala na que participarán representantes do Concello, do Centro Social e Cultural de Baíña, do grupo Ardelume, do AMPA de Fontes-Baíña, cuxo punto de encontro será o Colexio de Fontes-Baíña, e a Virxe da Roca, punto de encontro para o Baíña Futbol Sala e do AMPA de Cova Terreña, con motivo do Día Internacional do Medio Ambiente que se celebra precisamente este sábado día 5 de xuño.

“Hai que resaltar que a campaña Unha árbore por Europa ten varios obxectivos como son aumentar a conciencia social acerca da sustentabilidade no ámbito local e fomentar a colaboración entre as autoridades locais e a sociedade civil, e en especial a mocidade, á hora de promover o desenvolvemento sostible.”, sinala Rosa María Domínguez.

Tamén pretende recoñecer o papel fundamental da mocidade na consecución da sustentabilidade local, xa que o seu interese no desenvolvemento sostible, a redución das emisións de gases de efecto invernadoiro e a conservación ecolóxica fíxose patente no último ano.

“Trátase dunha campaña do equipo ‘Europa’ dentro da Axenda 2030, no que todos os concellos europeos comprometéronse a plantar unha árbore dentro do compromiso que temos para cumprir os obxectivos de sustentabilidade”, expresou o alcalde, quen recalcou que “o Concello de Baiona está moi comprometido desde hai tempo”. “Ademais, queremos concienciar aos mozos da importancia de preservar o medio ambiente, porque tristemente pasamos varias xeracións sen darlle importancia a iso”, incidiu.

Así mesmo, Carlos Gómez resaltou tamén “o bo funcionamento da campaña de concienciación ambiental que se desenvolveu durante esta semana nos distintos centros educativos do municipio. Unhas charlas divulgativas dirixidas a promover entre o alumnado a importancia da reciclaxe de residuos para o coidado do medio ambiente e a coñecer o funcionamento do punto limpo municipal. A iniciativa tivo unha gran acollida tanto entre o alumnado como entre a comunidade educativa”, conclúe.

O Centro de Información á Muller de Redondela reforza o seu servizo coa contratación dunha avogada

0

O Centro de Información á Muller de Redondela vén de reforzar o seu servizo de atención ás usuarias coa contratación dunha avogada que se incorporou ao CIM o pasado 1 de xuño. A alcaldesa e concelleira de Servizos Sociais, Digna Rivas, recoñece o atraso no proceso de contratación derivado “da complexidade dos trámites administrativos a realizar e dos tempos que marca a administración para este tipo de procesos, que están moi lonxe de ser os idóneos”.

En todo caso, é que segundo os informes elaborados polo propio CIM, no tempo en que o servizo careceu dunha letrada asignado ao mesmo “todas as usuarias que demandaron asesoramento xurídico foron debidamente atendidas”.

De feito as mulleres que solicitaron este tipo de axuda contaron, en todo momento, coa guía das dúas técnicas do servizo (axente de igualdade e psicóloga) que, en caso de dúbida contactaron cos organismos pertinentes como é o caso do Colexio de Avogados de Vigo, Instituto Galego da Vivenda e Solo e Secretaría Xeral de Igualdade entre outros.

Do informe conclúese que “a totalidade das consultas dirixidas ao servizo de asesoramento xurídico, foron atendidas e respondidas”.

“O feito que non se incorporara antes unha avogada –explica Digna Rivas– non foi debido á deixamento senón que, de non realizar os trámites tal e como marcan as normas e respectar os tempos, estariamos incorrendo nun delito de prevaricación”.

A alcaldesa e concelleira de Servizos Sociais recalcou que, “tal e como sinalan claramente os informes do servizo, o non dispoñer de avogada nese tempo, non foi impedimento para que as usuarias estiveran atendidas e recibiran resposta adecuada ás súas demandas”.

Por último, Rivas lembrou a necesidade de “ser cautelosos” á hora de facer “valoracións apresuradas” sobre un servizo que precisa dunha extrema discreción “dada a sensibilidade dos casos que se tratan e da situación na que se atopan moitas mulleres que buscan axuda no CIM”.

O Concello de Oia difundirá o seu patrimonio a través de dúas rutas guiadas

0

O Concello de Oia organiza dúas rutas guiadas no mes de xuño co obxectivo de dar a coñecer o legado cultural, natural e a beleza paisaxística do municipio. Estas dúas actividades forman parte dunha programación municipal que, ao longo deste ano, ofrecerá unha serie de propostas de lecer que combinan a actividade segura e ao aire libre (moi demandada durante a pandemia) coa divulgación e concienciación sobre o patrimonio local.

A primeira das dúas andainas desenvolverase o domingo 13 pola mañá e consistirá nun percorrido pola denominada Ruta do Mosteiro: un itinerario de sendeirismo circular sinalizado e de dificultade baixa de 8km de lonxitude. O punto de encontro será a oficina de turismo de Oia (10.00h.) e, desde aí, percorrerase os barrios do Arrabal e Chavella, o miradoiro e petróglifos da Pedreira (Santa María de Oia) e o barrio de Vilar en Pedornes, para facer a volta ao punto de partida polo Camiño de Santiago, pasando por diante do Mosteiro para chegar de novo á oficina de turismo.

A segunda proposta desenvolverase o domingo 27, cun percorrido de arredor dos 9km e de dificultade baixa no que as persoas participantes descubrirán a gran riqueza paisaxística, natural e patrimonial da Valga, na parroquia de Loureza. O punto de saída será o curro (10.00h) e, aproveitando diferentes tramos das rutas sinalizadas que hai nesta zona, pasará preto de zonas de braña, achegarase ata os muíños do río da Cal e espazos de ampla panorámica, para volver de novo ás inmediacións do curro.

As andainas inclúen guía (Amodo Turismo para Descubrir) e contarán cunha breve explicación dos principais valores naturais, patrimoniais e paisaxísticos de cada zona; concienciando sobre a importancia de coñecelos e conservalos.

As dúas actividades son gratuítas e desenvolveranse seguindo as medidas de prevención fronte á COVID-19 en vigor en cada momento. As prazas son limitadas, polo que cómpre inscribirse previamente no correo electrónico [email protected] ou nos teléfonos 986 362 125 e 639 329 493.

Con estas dúas actividades no mes de xuño ábrese a programación municipal de rutas para este ano 2021. A iniciativa terá continuidade nos próximos meses con novas propostas pensadas para achegar o patrimonio local á veciñanza e visitantes a través de actividades de lecer saudable e en espazos ao aire libre.

A Cañiza recuperará a ‘Fonte dos dous caños’ para a súa posta en valor como elemento patrimonial

0

O alcalde da Cañiza, Luis Piña, adiantou onte que que en breve iniciaránse as obras de recuperación e posta en valor da Fonte dos dous canos, traballos para os que se conta cunha subvención da Deputación de Pontevedra de 5.950,64 euros ao abeiro das bases reguladoras de subvencións para a rehabilitación e a sinalización do patrimonio histórico-cultural dirixidas aos Concellos da provincia de Pontevedra para o ano 2020.

Click para ampliar

Este acondicionamento, cun investimento total de 6.988,87 € é unha aposta pola recuperación do patrimonio histórico e cultural do municipio e ten por obxectivo evitar a perda definitiva da identidade deste espazo que xa levou varias modificacións e retirada dos elementos orixinais como os abrevaderos para beber os cabalos das carruaxes.

Unhas pinceladas de historia

A istoria desta fonte está fortemente ligada á historia da  vila e ao nacemento da parroquia da Cañiza como tal, a máis recente de todas as que constituen o municipio e que conseguiu a súa autonomía parroquial ante o Ordinario Eclesiástico de Tui nun xuízo contencioso que gañaron en sentencia do 25 de febreiro de 1815. No ano 1820 constituiuse o Concello da Cañiza como tal.

En España e tras o falecemento do Rei Fernando VII, a súa viúva a rexente Mª Cristina de Borbón ordena o 30 de marzo de 1833 que se realice o ensanche e afirmado do antigo camiño de Vigo a Benavente que se atopaba en tan mal estado que as dilixencias tiñan que subir ata Santiago para chegar a Ourense.

Máis tarde, entre os anos 1860 a 1863, sendo deputado por Vigo José Elduayen Gorriti, enxeñeiro de Camiños canáis e Portos, mandou construir e trazar a estrada hacia Ourense: Vigo-Villacastín que conectaba o porto coa Meseta (Segovia). O tránsito empezou a ser tan intenso que A Cañiza comezou a edificarse na líña que marcaba a estrada. Aquí comezou o seu progreso. Como curiosidade todas as rúas das vilas e cidades polas que atravesaba esta estrada cambiaron o seu nome por “rúa do Progreso”. Na Cañiza tamén aconteceu o mesmo modificando o nome da antiga rúa Principal por rúa Progreso.

Recuperación do patrimonio

As obras de recuperación deste espazo patrimonial pretenden mellorar o seu entorno facéndoo máis atractivo e proporcionándolle un marco á altura da fonte, para o que será necesario facer unha exhaustiva limpeza dos muros que a rodean e do chan, retirando a maleza que crece na parte superior.

Para visibilizar o lugar tamén se instalarán uns proxectores que resaltarán a beleza da fonte de noite e para mellorar a accesibilidade de mesma realizarase un rebaixe no encontro do pavimento da beirarría e do pavimento da Praza.

Deputación e Airbnb colaboran para impulsar a dixitalización do turismo rural e fomentar as viaxes sostibles

A Deputación de Pontevedra e a plataforma Airbnb van colaborar neste mes de xuño ao abeiro do programa Turistic, de SmartPeme, na organización de catro accións formativas para fomentar o emprego das novas tecnoloxías, impulsar a dixitalización do turismo no rural, fomentar as viaxes sostibles e axudar ás empresas a atender ás novas tipoloxías de persoas viaxeiras que existen na contorna dixital. Deste xeito, os días 15, 16, 22 e 23, de xuño, entre as 10 e as 11 da mañá, terán lugar webinars gratuítos a cargo da plataforma sobre a creación e optimización de anuncios de aloxamentos, actividades, visitas guiadas e experiencias. As accións, nas que xa é posible inscribirse na web de SmartPeme, van dirixidas a persoas emprendedoras, autónomas e pemes do sector turístico.

A presidenta da Deputación Carmela Silva destacou a firme a posta da institución provincial “pola dixitalización e pola intelixencia máis nun sector, como o turístico, que debe ter unha estreita relación coa tecnoloxía”. Froito desta aposta a Deputación puxo en marcha a carteira Turistic dirixida ao sector turístico e integrada en SmartPeme. “Para nós –asegurou a presidenta- é fundamental implantar os avances tecnolóxicos para impulsar o turismo, xa que se trata dun aspecto clave para ser máis competitivas/os e promover unha rápida recuperación da actividade nun contexto como o actual”.

Pola súa banda Mónica Casañas, directora xeral de Airbnb Marketing Services S.L. asegurou que “estamos vivindo un momento único nas viaxes. As persoas poden viaxar en calquera momento, viaxan a máis destinos e quédanse máis tempo. As liñas divisorias entre viaxar, vivir e traballar estanse a difuminar e en Airbnb trabállase para que as persoas anfitrioas e as comunidades locais, especialmente as que se atopan en zonas rurais, poidan beneficiarse desta nova realidade”.

A primeira das accións formativas que Airbnb vai implantar no seo de Turistic será o 15 de xuño, e centrarase na creación de anuncios de aloxamentos (inscrición en: https://forms.gle/ZggqpsoknTwbgNWo9). O 16 de xuño afondarase na creación de anuncios de actividades, visitas guiadas e experiencias nas plataformas dixitais (inscrición en: https://forms.gle/L1nAeWAXe1vPhgFY7). O 22 de xuño falarase sobre a optimización dos anuncios de aloxamentos (inscrición en: https://forms.gle/r1GqM9ZpkSuFyha56) e o 23 sobre a optimización dos anuncios de actividades, visitas guiadas e experiencias (inscrición en: https://forms.gle/93Wk3DPgQPCqoCw57). Todas as sesións, que terán lugar entre as 10 e as 11 da mañá, enmárcanse no programa ‘Airbnb rural’, que consiste en actividades de formación dirixidas a persoas anfitrioas do rural para poñer á súa disposición ferramentas para trunfar cos seus aloxamentos e experiencias e, así, favorecer o turismo nestas zonas.

Deste xeito, amais de dotar ao sector turístico de ferramentas, coñecemento e recursos sobre as viaxes e comercialización online, as accións formativas están dirixidas a favorecer ao turismo nas zonas rurais, unha das grandes demandas post-pandemia, xa que a xente busca escapadas en plena natureza, para desconectar das rutinas diarias. Segundo un estudo realizado por Airbnb, o 40% das persoas están interesadas en viaxar a lugares en plena natureza e as viaxes rurais son tendencia e representan tamén oportunidades de “ingreso extra” para as persoas que viven no rural. O mesmo estudo de Airbnb destaca que no 2019 o turismo rural representaba un 12 % das reservas na plataforma durante o verán e prevese para este verán que teñan incrementado un 22 %.

As sesións formativas nas que colaboran a Deputación e Airbnb tamén están enfocadas a mellorar a presenza dixital da oferta de aloxamentos e experiencias da provincia, así como a satisfacer unha demanda xa existente ao ser, Pontevedra provincia, un destino seguro, sustentable e cun tecido empresarial dinámico e activo, que sabe reinventarse e adaptarse aos tempos. Neste eido, a plataforma Airbnb considera que Galicia se atopa entre as rexións de España onde as persoas anfitrioas ingresaron máis recursos no verán de 2020 e, da comunidade, Rías Baixas é o destino máis popular e o máis buscado en Internet.

O programa SmartPeme dende o 2016 ata maio de 2021 ofreceu xa os seus servizos a 6.363 empresas da provincia. En total prestou 10.210 asesoramentos e realizou 1.662 obradoiros formativos nos que participaron 17.157 persoas. Durante o 2020 tiveron lugar 2.920 asesoramentos a 507 empresas e celebráronse 238 obradoiros de capacitación con asistencia de 5.874 persoas.

Airbnb, nada en 2007 en San Francisco, conta na actualidade con 4 millóns de persoas anfitrioas que compartiron os seus aloxamentos con máis de 900 millóns de persoas en todo o mundo. España é o terceiro país do mundo onde máis se emprega esta plataforma, tras Estados Unidos e Francia. En total, en 2018, entre hóspedes e persoas anfitrioas, 10 millóns de persoas empregaron Airbnb en España e estímase que o impacto directo xerado pola plataforma no noso país foi de 6.000 millóns de euros.

Tomiño únese ao ‘apagón’ para concienciar sobre o cambio climático

0

O Concello de Tomiño, no marco da conmemoración da Semana do Medio Ambiente, súmase á convocatoria lanzada polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade para este sábado 5 de xuño. A partir das 23:00 horas, o edifcio do consistorio municipal apagarase co fin de concienciar sobre o consumo enerxético.

A acción encádrase no proxecto europeo ‘People and Planet’, que implica á mocidade e aos gobernos locais na loita contra o cambio climático, e xunto con Tomiño participarán da convocatoria outros 22 concellos galegos. Aínda que o consumo eléctrico en Galicia caeu un 5,8% no ano 2020, tratouse dun descenso coxuntural debido á paralización da actividade por mor da Covid-19, de aí que cumpra seguir fomentando o aforro de enerxía para evitar o impacto ambiental que supón producila.

Tanto as institucións como a cidadanía poden tomar medidas neste senso, como empregar o transporte público ou a bicicleta, elixir aparellos de baixo consumo, programar unha temperatura racional no fogar, encher ben a lavadora e o lavalouza ou apagar as luces e dispositivos como o ordenador cando non os utilicemos.

En xeral, consumir menos e facelo dun xeito responsable contribúe a combater a emerxencia climática e, polo tanto, a protexer os ecosistemas, que é o tema no que este ano se centra o Día Mundial do Medio Ambiente, baixo o lema ‘Reimaxina, rexenera, restaura’. Ademais, o “apagón” proposto polo Fondo Galego é unha das máis de 50 actividades que se impulsarán nos concellos socios dentro do proxecto ‘People and Planet’ e que van desde accións de rúa como o flashmob e a performance ata obradoiros de cociña sustentable, debuxo urbano, exposicións virtuais, retos virais, etc. Búscase así contribuír a acadar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible fixados por Nacións Unidas e, en especial, ao ODS 13: adoptar medidas urxentes para loitar contra o cambio climático e os seus efectos.

O Fondo Galego

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 100 concellos e as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Recoñecido como axencia municipal da cooperación galega, desde a súa fundación en 1997 o Fondo Galego ten desenvolvido uns 170 proxectos en 32 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur e a Axenda 2030

Pontebike Team, no Campionato de España de Enduro

O Club de Enduro/Dh de Ponteareas, Pontebike Team, participará no Campionato de España de Enduro, que se celebrará en Mugardos, A Coruña. O Club desprazarase ata a localidade Coruñesa para participar con 8 dos seus corredores nesta importante cita.

Ismael Romero (Sub23) e Marcos Estévez (Junior) participarán representando á Selección Galega de Enduro e, ámbolos dous, esperan “dar o mellor de si e deixar Galicia no caixón do pódium”.

Outros dos corredores do conxunto Pontareano, xa se atopan preparando distintas probas de nivel, como son o Campionato Galego de Enduro, a 2ª proba do Open de España de Descenso en Burgos ou a 1º do Open de España de Enduro en Castejón de Sos.

O Club ponteareán atópase tamén a pleno rendemento organizando o Campionato Galego de Descenso que terá lugar en Ponteareas o próximo mes de xullo.

Se es amante do Enduro, Dh ou Xco, non dubides en contactar co Pontebike Team para Federarte na próxima tempada no correo electrónico [email protected] ou no teléfono 653 461 257.