9.6 C
Pontevedra
Sábado, 27 de Abril de 2024
Máis
    HomeLouriñaMosUn Xulgado ordena ao Concello de Mos revisar a licenza dos campos...

    Un Xulgado ordena ao Concello de Mos revisar a licenza dos campos de adestramento do Celta e anula a dos vestiarios

    A xuíza destaca que a Administración local autorizou directamente as obras en chan rústico, sen tramitar antes o necesario Plan Especial de Dotacións e Infraestruturas

    O Xulgado do Contencioso-administrativo número 3 de Pontevedra acolleu o recurso interposto pola Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Tameiga e revogou a licenza de obras concedida en outubro de 2019 polo Concello de Mos ao Real Club Celta de Vigo para a construción de vestiarios e instalacións auxiliares imprescindibles nos campos de adestramento situados na parroquia de Pereiras. Ademais, condenou á Administración demandada a incoar, tramitar e resolver en prazo un expediente de revisión de oficio da licenza de obra outorgada en novembro de 2018 polo Concello de Mos ao Celta para a execución dun campo de fútbol dobre de 16.576 m2 cun aparcamento de 5.500 m2.

    A xuíza explica na resolución, contra a que cabe interpoñer recurso ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), que a Administración local incorreu “nun vicio de nulidade susceptible de provocar a admisión a trámite dunha solicitude de revisión de oficio como a formulada pola comunidade de montes” con respecto á primeira licenza, outorgada en novembro de 2018, “por concederse sen a aprobación previa dun plan de dotacións”. Todo iso conduce, segundo o fallo, á anulación da segunda licenza, concedida en outubro de 2019, porque estariamos ante obras “indisoluble e ineludiblemente unidas ou asociadas ás licenciadas en primeiro lugar”.

    “Observadas, na súa xusta dimensión, todas as obras que se licenciaron con motivo de cada un deses dous acordos, constituirían un resultado final conxunto, un todo, que se viu licenciado/autorizado nuns termos alleos aos que esixiría a normativa urbanística de aplicación (Lei do Solo de Galicia)”. A maxistrada indica que o proxecto autorizado finalmente, como resultado deses dous acordos, “ten un alcance ou entidade moi superior ao que se entende por implantación en chan rústico dun campo de fútbol cuns vestiarios (mínimos, pequenos, necesarios para o uso da instalación orixinaria)”. Así, salienta que “encaixa, máis fácil e claramente, no que se denomina ‘equipamento deportivo’, denominación que, por outra banda, e para este caso, mesmo é a que se emprega polos solicitantes das licenzas con motivo da presentación dos planos do proxecto básico presentado para a autorización de vestiarios e edificacións auxiliares ‘imprescindibles’ e autorizado na segunda das dúas resolucións aquí discutidas”.

    Dos planos dos dous proxectos autorizados polo Concello de Mos nos dous acordos, é posible deducir, segundo a xuíza, que as obras “conformarán un conxunto completo (unha unidade final, se estamos ao seu resultado) cun alcance ou entidade que resulta máis cualificable como ‘equipamento deportivo privado’ a instalar en chan rústico”.

    Na resolución, a maxistrada lembra que a Lei do Solo de Galicia esixe para a autorización da execución de obras en chan rústico que encaixen na definición de ‘equipamentos deportivos’ “a tramitación dun Plan Especial de Dotacións e Infraestruturas, o que fai insuficiente, á hora de telas por correctamente autorizadas, que se lles outorgue licenza directa, sen acudir antes á tramitación do oportuno expediente destinado á aprobación dun plan especial de dotacións”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.