O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), dependente da Consellería de Emprego e Igualdade, reforza a súa oferta formativa en prevención de riscos laborais coa impartición dun curso sobre técnicas e sistemas aplicables a traballos en altura para 45 persoas alumnas de ciclos de Carpintería e Moble, Deseño e amoblamento e sistemas de telecomunicación e informáticos.
O alumnado en formación, pertencente ao centro de Formación Profesional da Xunqueira, en Redondela, cursa a vindeira semana a segunda das catro edicións ofertadas –a primeira celebrouse neste recinto os pasados 31, 1 e 2 de maio e xuño, respectivamente– nos días 7,8 e 9 de xuño.
Este curso ten por obxectivo mellorar o coñecemento do alumnado de Formación Profesional sobre a prevención de riscos nos traballos en altura, con contidos enfocados nos Equipos de Protección Individual (EPI), o uso e instalación de sistemas anticaídas e sistemas de suxeición e posicionamento, entre máis carga formativa onde adquire un maior protagonismo a parte práctica.
Neste mes de xuño a Xunta impartirá, ademais da oferta da vindeira semana, outras dúas nos días 9,10 e 11 de xuño, nunha edición, e os días 14, 15 e 16 na derradeira.
Con esta oferta, o Goberno galego quere dar resposta a unha realidade que demanda máis seguridade e reforzo da prevención nunha actividade de alto risco como é a do traballo en altura. A Xunta entende así a relación entre traballo e seguridade como algo esencial no desenvolvemento de calquera actividade, incorporando a temática da seguridade laboral como eido transversal na formación das futuras traballadoras e traballadores.
Toda esta oferta de cursos é gratuíta, co cumprimento da normativa sanitaria vixente en relación á emerxencia do virus da covid-19. Así mesmo, facilítanse ao alumnado os EPI necesarios para o desenvolvemento destas xornadas.