Luns, 28 Abril de 2025

O Concello de Nigrán promoverá os desprazamentos a pé en todo o núcleo urbano mediante a ferramenta ‘metrominuto’

Os ‘metrominutos’ serán colocados por todo Nigrán cun decálogo asociado que subliña as vantaxes de desprazarse a pé

O Concello de Nigrán dispón xa do seu ‘metrominuto’ particular como novidosa ferramenta para incentivar os desprazamentos a pé por todo o núcleo urbano da localidade (Nigrán, A Ramallosa e Panxón). Isto é un mapa sinóptico que mide distancias e tempos camiñando entre diferentes puntos e que emprega no seu deseño os códigos visuais dos planos de metro (como aceno a un dos medios de transporte máis significativos das grandes urbes, suxerindo o ir a pé como outro medio igual de valioso).

O Concello de Nigrán obtivo o seu particular mapa grazas a telo solicitado a través da rede Ágora da Deputación de Pontevedra, quedando o municipio integrado na rede ‘Ciudades que Caminan’ (asociación  internacional de diferentes administracións que busca que os peóns sexan os verdadeiros protagonistas do espazo público). Os ‘Metrominutos’ serán situados ao longo das vindeiras semanas en mupis ubicados en puntos estratéxicos, ademais de que figurarán mediante cartalería nas diferentes instalación municipais e na web. Os tempos foron calculados a unha velocidade media de 5 km/hora, o que sitúa o núcleo de Panxón a 17 minutos do centro de Nigrán, o esteiro de A Foz a 6 minutos da Ramallosa ou o Templo Votivo a 8 minutos do espazo deportivo Dunas de Gaifar.

“O obxectivo é ‘desdramatizar’ a cultura de camiñar evidenciando o pouco que compensa coller o coche para moitos desprazamentos, sendo ademais algo saudable física e mentalmente”, explica o alcalde, Juan González.  De feito, está demostrado que ao tratarse de distancias curtas e tempos breves, coa información que nos ofrece o Metrominuto nos  predispoñemos mellor a camiñar ata o noso destino, priorizando así o medio pedestre.

Ademais do propio plano ‘Metrominuto’, un decálogo asociado a él baixo o lema ‘Caminando ganamos tod@s’ subliñará as vantaxas de ir a pé: Melloras a túa saúde e a do planeta, aforras cartos, gañas tempo para pensar, reduces estrés, coidas do teu barrio, melloras as relacións sociais, das sentido ao espazo público, compras no pequeno comercio e, finalmente, evitas atropellos. Este mesmo formato de decálogo o emprega o Concello de Nigrán para incentivar as compras no comercio local e, como se pode apreciar, desprazarse a pé é  un xeito máis de apostar por este consumo sostible.

“Ao fin de todo será un activo máis do noso programa ‘Un Nigrán para todos’ porque se trata de animar a empregar o espazo público, sempre tivemos claro que os peóns teñen a máxima prioridade, e así desenvolvemos as nosas políticas ao respecto. Xa hai anos creamos rutas escolares seguras ao CEIP Humberto Juanes para que o alumnado fose camiñando e agora dirixímonos a toda a veciñanza para que comprenda que todo son vantaxes se ímos a pé a facer os recados, gañaremos en saúde e teremos un municipio máis amable para as persoas”, destaca o alcalde, Juan González.