23 C
Pontevedra
Sábado, 20 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaNovo ouro no Tourism Film Festival de Turquía para “Sigue o teu...

    Novo ouro no Tourism Film Festival de Turquía para “Sigue o teu instinto”

    A Deputación, que xa obtivo o galardón en 2020 con “Fame de Experiencias”, afianza os seus audiovisuais turísticos entre os mellores do mundo con 18 distincións nun ano

    O audiovisual turístico da Deputación de Pontevedra “Sigue o teu instinto”, peza central da campaña promocional do destino Rías Baixas – Pontevedra Provincia en 2020, continúa o seu paso triunfal polo circuíto de festivais internacionais. A cinta acaba de gañar o Ouro no Tourism Film Festival Turkey 2021 dentro da categoría de produto turístico, un galardón que a institución provincial xa obtivera o ano pasado con “Fame de experiencias”, a promoción de 2019. Con esta nova distinción xa son catro os recoñecementos internacionais que recibiu “Sigue o teu instinto”, que se suman aos 14 colleitados pola súa predecesora en 2020, o que afianza os audiovisuais turísticos da Deputación entre os mellores do mundo.

    O festival de Turquía, celebrado en Capadocia, premiou 30 cintas en seis categorías: cidades, países, rexións, produto turístico, servizos e vídeos de viaxe. A peza da Deputación, protagonizada pola actriz Celia Freijeiro, foi galardoada xunto a dúas cintas españolas e outros audiovisuais de Australia, Austria, Dinamarca, Grecia, Italia, Xapón, Lituania, México, Portugal, Eslovenia, Sudáfrica, Ucrania e Reino Unido .

    O novo recoñecemento a “Sigue o teu Instinto”, unha obra de Esmerarte Industrias Creativas, chega apenas unha semana despois de gañar o Ouro no festival ITTF África (Cape Town). Anteriormente a cinta foi distinguida en The Golden Gate Festival (Berlin); e no Fitur Travel Video Competition (Madrid), certame no que foi recoñecida como mellor vídeo de promoción de produto turístico. A Deputación tamén acadara este último premio con “Fame de Experiencias”, co que referenda o éxito dos seus audiovisuais no principal escaparate turístico do mundo.

    O festival de Turquía forma parte do CIFFT Circuit, unha prestixiosa competición  través de 14 festivais audiovisuais especializados no sector turístico na que son premiadas as consideradas mellores pezas do ano en todo o mundo. ”Fame de Experiencias” acadou 14 distincións neste circuíto en 2020, mentres “Sigue o teu instinto” avanza con paso firme para alcanzar tamén un gran palmarés internacional.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.