23.5 C
Pontevedra
Xoves, 28 de Setembro de 2023
Máis
    HomeUltimas NoticiasDeputación e Airbnb colaboran para impulsar a dixitalización do turismo rural e...

    Deputación e Airbnb colaboran para impulsar a dixitalización do turismo rural e fomentar as viaxes sostibles

    Carmela Silva amosou a súa firme aposta pola dixitalización e subliñou que “é fundamental implantar os avances tecnolóxicos para impulsar o turismo, ser máis competitivas/os e promover unha rápida recuperación da actividade”

    A Deputación de Pontevedra e a plataforma Airbnb van colaborar neste mes de xuño ao abeiro do programa Turistic, de SmartPeme, na organización de catro accións formativas para fomentar o emprego das novas tecnoloxías, impulsar a dixitalización do turismo no rural, fomentar as viaxes sostibles e axudar ás empresas a atender ás novas tipoloxías de persoas viaxeiras que existen na contorna dixital. Deste xeito, os días 15, 16, 22 e 23, de xuño, entre as 10 e as 11 da mañá, terán lugar webinars gratuítos a cargo da plataforma sobre a creación e optimización de anuncios de aloxamentos, actividades, visitas guiadas e experiencias. As accións, nas que xa é posible inscribirse na web de SmartPeme, van dirixidas a persoas emprendedoras, autónomas e pemes do sector turístico.

    A presidenta da Deputación Carmela Silva destacou a firme a posta da institución provincial “pola dixitalización e pola intelixencia máis nun sector, como o turístico, que debe ter unha estreita relación coa tecnoloxía”. Froito desta aposta a Deputación puxo en marcha a carteira Turistic dirixida ao sector turístico e integrada en SmartPeme. “Para nós –asegurou a presidenta- é fundamental implantar os avances tecnolóxicos para impulsar o turismo, xa que se trata dun aspecto clave para ser máis competitivas/os e promover unha rápida recuperación da actividade nun contexto como o actual”.

    Pola súa banda Mónica Casañas, directora xeral de Airbnb Marketing Services S.L. asegurou que “estamos vivindo un momento único nas viaxes. As persoas poden viaxar en calquera momento, viaxan a máis destinos e quédanse máis tempo. As liñas divisorias entre viaxar, vivir e traballar estanse a difuminar e en Airbnb trabállase para que as persoas anfitrioas e as comunidades locais, especialmente as que se atopan en zonas rurais, poidan beneficiarse desta nova realidade”.

    A primeira das accións formativas que Airbnb vai implantar no seo de Turistic será o 15 de xuño, e centrarase na creación de anuncios de aloxamentos (inscrición en: https://forms.gle/ZggqpsoknTwbgNWo9). O 16 de xuño afondarase na creación de anuncios de actividades, visitas guiadas e experiencias nas plataformas dixitais (inscrición en: https://forms.gle/L1nAeWAXe1vPhgFY7). O 22 de xuño falarase sobre a optimización dos anuncios de aloxamentos (inscrición en: https://forms.gle/r1GqM9ZpkSuFyha56) e o 23 sobre a optimización dos anuncios de actividades, visitas guiadas e experiencias (inscrición en: https://forms.gle/93Wk3DPgQPCqoCw57). Todas as sesións, que terán lugar entre as 10 e as 11 da mañá, enmárcanse no programa ‘Airbnb rural’, que consiste en actividades de formación dirixidas a persoas anfitrioas do rural para poñer á súa disposición ferramentas para trunfar cos seus aloxamentos e experiencias e, así, favorecer o turismo nestas zonas.

    Deste xeito, amais de dotar ao sector turístico de ferramentas, coñecemento e recursos sobre as viaxes e comercialización online, as accións formativas están dirixidas a favorecer ao turismo nas zonas rurais, unha das grandes demandas post-pandemia, xa que a xente busca escapadas en plena natureza, para desconectar das rutinas diarias. Segundo un estudo realizado por Airbnb, o 40% das persoas están interesadas en viaxar a lugares en plena natureza e as viaxes rurais son tendencia e representan tamén oportunidades de “ingreso extra” para as persoas que viven no rural. O mesmo estudo de Airbnb destaca que no 2019 o turismo rural representaba un 12 % das reservas na plataforma durante o verán e prevese para este verán que teñan incrementado un 22 %.

    As sesións formativas nas que colaboran a Deputación e Airbnb tamén están enfocadas a mellorar a presenza dixital da oferta de aloxamentos e experiencias da provincia, así como a satisfacer unha demanda xa existente ao ser, Pontevedra provincia, un destino seguro, sustentable e cun tecido empresarial dinámico e activo, que sabe reinventarse e adaptarse aos tempos. Neste eido, a plataforma Airbnb considera que Galicia se atopa entre as rexións de España onde as persoas anfitrioas ingresaron máis recursos no verán de 2020 e, da comunidade, Rías Baixas é o destino máis popular e o máis buscado en Internet.

    O programa SmartPeme dende o 2016 ata maio de 2021 ofreceu xa os seus servizos a 6.363 empresas da provincia. En total prestou 10.210 asesoramentos e realizou 1.662 obradoiros formativos nos que participaron 17.157 persoas. Durante o 2020 tiveron lugar 2.920 asesoramentos a 507 empresas e celebráronse 238 obradoiros de capacitación con asistencia de 5.874 persoas.

    Airbnb, nada en 2007 en San Francisco, conta na actualidade con 4 millóns de persoas anfitrioas que compartiron os seus aloxamentos con máis de 900 millóns de persoas en todo o mundo. España é o terceiro país do mundo onde máis se emprega esta plataforma, tras Estados Unidos e Francia. En total, en 2018, entre hóspedes e persoas anfitrioas, 10 millóns de persoas empregaron Airbnb en España e estímase que o impacto directo xerado pola plataforma no noso país foi de 6.000 millóns de euros.

    LIBROS

    Alberto Mancebo, «O que me quedaba por dicirche»

    Poderiamos afirmar que nos últimos meses algo se está a mover na literatura galega pola aparición de novos autores que nos sorprenden gratamente pola frescura das súas propostas.

    Antón Riveiro Coello, «Hotel Carioca»

    Antón Riveiro Coello volve a demostrar a súa rara habilidade para a construción de historias nas que xoga a mantenta coas personaxes e mais co lector.

    Branca Novoneyra, «As cunchas baleiras»

    Logo dunha longa década de escrita íntima e de reflexión, Branca Novoneyra decide facer público un novo poemario de clara vocación estética e simbólica como é «As cunchas baleiras», que ela mesma concibe como unha «antoloxía» dos versos que saíron da súa pluma ao longo de todo este tempo.