11.6 C
Pontevedra
Domingo, 5 de Decembro de 2021
Máis
    HomeColaboraciónsO Meu AndelArantza Portabales, «A vida secreta de Úrsula Bas»

    Arantza Portabales, «A vida secreta de Úrsula Bas»

    Arantza Portabales está a piques de acadar por méritos propios (e co permiso de Lewis Carrol) o título honorífico de «Raíña vermella» das letras galegas. Con só tres novelas xa logrou unha posición dominante dentro do xénero negro (con todas as puntualizacións que lle queiramos poñer a esta categorización) baixo a premisa de que tal etiqueta non ten por que significar unha merma da calidade literaria do texto.

    «A vida secreta de Úrsula Bas», a súa última aportación, ofrece intriga, misterio, detectives, verdades a medias, a eterna liorta entre o ben e o mal, unha viaxe aos recunchos máis escuros da alma humana e todos os elementos tradicionais do xénero pero, ademais, ofrece un estilo coidado e depurado, deses que resulta máis doado atopar noutro tipo de textos pretendidamente máis intelectuais ca unha simple «novela negra», a dicir dos máis puristas. E iso é indicativo de que estamos diante dunha gran escritora.

    A protagonista, Úrsula Bas, é unha autora de éxito que, un día, desaparece misteriosamente. Abad e Barroso, parella policial que xa protagonizara a súa anterior entrega, «Beleza vermella», inician as pesquisas e non tardan en destapar a cara oculta da escritora, unha vida descoñecida e vencellada a un uso nocivo das novas tecnoloxías e as redes sociais. As pesquisas condúcenos a outra desaparición, varios anos atrás, que ten moitos elementos en común con esta, pero as coincidencias entre ambos casos provocan aínda máis confusión entre os investigadores.

    A intriga está servida, mais con todo, e sendo esta o eixo da narración, a novela agocha moito máis. Personaxes moi ben construídas (mesmo as secundarias, ás que non sempre se lles presta a atención debida), que amosan ao lector as súas contradicións; escenas de gran crueza revestida dunha forza lírica que as fan adictivas; un ritmo crecente deseñado a base de capítulos moi curtos, que arrastran ao lector polas páxinas da novela; uns diálogos sobrios e precisos, sen exhibicionismos, e a miúdo cargados de ironía; un desenlace (¡raio co desenlace!) sobre o que non vou dar pistas, pero que fai da trama un argumento pechado… E, a maiores, unha seria advertencia sobre a lixeireza coa que nos entregamos ás redes sociais e ás novas tecnoloxías e sobre a facilidade coa que outros poden adentrarse na nosa intimidade, cando lles abrimos esa porta, sen que nos decatemos de nada.

    A historia da literatura está cargada de grandes exemplos de novela negra, mais non sempre son valorados pola súa calidade literaria, senón pola trama en si. No caso de Arantza Portabales estamos diante dunha escritora que semella querer reverdecer o xénero aplicándose, e moito, en ambas facetas: a historia que se nos relata e o xeito de contala. A trama está perfectamente deseñada e dosificada para manter o interese no lector inducíndonos non só ao disfrute, senón tamén á reflexión, e a linguaxe é precisa e directa, pero agocha unha plenitude estilística que é capaz de arrastrarnos e de manternos enganchados ao relato con pasmosa facilidade. Ter unha boa historia pode ser relativamente doado, pero saber contala é un traballo teimudo e minucioso que non admite concesións. E, nese eido, a autora amósase madura e decidida, coma se quixese confirmar que non estamos diante dun artificio nin dunha estrela fugaz, senón dun caracter sólido dabondo como para agardar moitas máis alegrías.

    Arantza Portabales

    A vida secreta de Úrsula Bas

    Galaxia

    Colaboradores

    Alberto Aliaga Sola
    14 POSTS0 COMMENTS
    Ángel Covelo
    6 POSTS0 COMMENTS
    Bea Sanfa
    7 POSTS0 COMMENTS
    Manrique Fernández
    49 POSTS0 COMMENTS
    Paz de la Peña
    36 POSTS0 COMMENTS
    Ricardo Canosa Bastos
    14 POSTS0 COMMENTS
    Roberto Mera
    2 POSTS0 COMMENTS