16.8 C
Pontevedra
Venres, 19 de Abril de 2024
Máis
    HomeA ParadantaA CañizaA Cañiza recuperará a 'Fonte dos dous caños' para a súa posta...

    A Cañiza recuperará a ‘Fonte dos dous caños’ para a súa posta en valor como elemento patrimonial

    O alcalde da Cañiza, Luis Piña, adiantou onte que que en breve iniciaránse as obras de recuperación e posta en valor da Fonte dos dous canos, traballos para os que se conta cunha subvención da Deputación de Pontevedra de 5.950,64 euros ao abeiro das bases reguladoras de subvencións para a rehabilitación e a sinalización do patrimonio histórico-cultural dirixidas aos Concellos da provincia de Pontevedra para o ano 2020.

    Click para ampliar

    Este acondicionamento, cun investimento total de 6.988,87 € é unha aposta pola recuperación do patrimonio histórico e cultural do municipio e ten por obxectivo evitar a perda definitiva da identidade deste espazo que xa levou varias modificacións e retirada dos elementos orixinais como os abrevaderos para beber os cabalos das carruaxes.

    Unhas pinceladas de historia

    A istoria desta fonte está fortemente ligada á historia da  vila e ao nacemento da parroquia da Cañiza como tal, a máis recente de todas as que constituen o municipio e que conseguiu a súa autonomía parroquial ante o Ordinario Eclesiástico de Tui nun xuízo contencioso que gañaron en sentencia do 25 de febreiro de 1815. No ano 1820 constituiuse o Concello da Cañiza como tal.

    En España e tras o falecemento do Rei Fernando VII, a súa viúva a rexente Mª Cristina de Borbón ordena o 30 de marzo de 1833 que se realice o ensanche e afirmado do antigo camiño de Vigo a Benavente que se atopaba en tan mal estado que as dilixencias tiñan que subir ata Santiago para chegar a Ourense.

    Máis tarde, entre os anos 1860 a 1863, sendo deputado por Vigo José Elduayen Gorriti, enxeñeiro de Camiños canáis e Portos, mandou construir e trazar a estrada hacia Ourense: Vigo-Villacastín que conectaba o porto coa Meseta (Segovia). O tránsito empezou a ser tan intenso que A Cañiza comezou a edificarse na líña que marcaba a estrada. Aquí comezou o seu progreso. Como curiosidade todas as rúas das vilas e cidades polas que atravesaba esta estrada cambiaron o seu nome por “rúa do Progreso”. Na Cañiza tamén aconteceu o mesmo modificando o nome da antiga rúa Principal por rúa Progreso.

    Recuperación do patrimonio

    As obras de recuperación deste espazo patrimonial pretenden mellorar o seu entorno facéndoo máis atractivo e proporcionándolle un marco á altura da fonte, para o que será necesario facer unha exhaustiva limpeza dos muros que a rodean e do chan, retirando a maleza que crece na parte superior.

    Para visibilizar o lugar tamén se instalarán uns proxectores que resaltarán a beleza da fonte de noite e para mellorar a accesibilidade de mesma realizarase un rebaixe no encontro do pavimento da beirarría e do pavimento da Praza.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.