Domingo, 15 Xuño de 2025

A Concellería de Deportes cede locais no pavillón de deportes da Marisma a catro clubs redondeláns

0

A Asociación Deportiva CAR de atletismo, o CPA Bolboreta de patinaxe artística, o Fútbol Sala Redondela e o Club Baloncesto Redondela, contan xa con locais no pavillón de deportes da Marisma. Cumpre a Concellería de Deportes do Concello redondelán, que xestiona Nacho González, unha vella reivindicación destes catro clubs que, entre os que levan xa tempo funcionando no municipio, eran os únicos carecían de locais que lles facilitaran o seu traballo.

“A nosa intención –explica González– é que todos os clubs redondeláns poidan contar con dependencias que lle faciliten o seu traballo”. Nestes momentos, tal e como sinala o responsable de Deportes, case que a totalidade dos clubs que levan tempo desenvolvendo a súa actividade, teñen locais nos que almacenar o material ou ter oficinas nas que realizar os trámites.

O certo é que Redondela, que cada día conta con máis actividade deportiva nas máis diversas disciplinas, conta con clubs de recente creación “aos que se lles buscará acomodo, pero primeiro quedaba resolver o que case poderíamos definir como unha débeda histórica cos que xa levan tempo competindo”, explica a alcaldesa Digna Rivas.

O poder dispoñer destes locais permite que os clubs aforren en alugamento de locais nos que desenvolver o seu traballo e, ao mesmo tempo e dado que ditos locais están no propio pavillón de deportes, facilita que se poida deixar o material deportivo neles e non ter que trasladalo, diariamente, dende o pavillón a outros lugares coa incomodidade que iso representa.

A cesión destes locais, engade a alcaldesa de Redondela, “responde á política que desenvolve a Concellería de Deportes de apostar polo deporte local”. Ese apoio “non só se debe traducir nas axudas que xa se prestan, senón que tamén é estar en contacto directo e permanente con eles, escoitar as súas demandas e dar resposta, o máis rápida posible e dentro das posibilidades do Concello, ás súas necesidades como, neste caso, de locais no propio pabillón”.

Aos novos clubs, que agora comezan agora ou que aínda teñen unha corta traxectoria, tanto a alcaldesa como o concelleiro de Deportes foron claros na súa mensaxe ao asegurar que “contarán sempre co apoio do Concello. En Redondela non hai deportes de primeira nin de segunda categoría hai, simplemente, deporte e deportistas de diferentes disciplinas e como tales, terán a axuda da Concellería”.

Portugal “toma nota” do Revitaliza como modelo de xestión de residuos

Representantes de Zero Associaçao Sistema terrestre sustentable de Portugal, unha fundación sen ánimo de lucro que asesora aos municipios portugueses en materia de residuos, vén de realizar unha visita á provincia de Pontevedra para coñecer de primeira man o Plan Revitaliza de compostaxe e ver a posibilidade de trasladalo e adaptalo aos municipios lusos, principalmente da zona de Fátima e o Norte de Lisboa.

Na xornada de traballo participaron o director da entidade, Paulo Locas, así como dúas persoas responsables técnicas do desenvolvemento de sistemas de xestión de residuos, Pedro Horta e Sara Correia. A entidade coñeceu do traballo que está a realizar a Deputación a raíz do informe realizado sobre o Revitaliza trala visita de Zero Waste á provincia de Pontevedra e considerou interesante afondar sobre os datos concretos, o tempo que leva en marcha a iniciativa, o persoal que se destina ao programa e tamén as condicións nas que se realiza o tratamento de quilómetro cero.

A visita comezou nas instalacións do Revitaliza cunha exposición teórica sobre cifras de implantación na provincia de Pontevedra, os resultados, os investimentos e as perspectivas de futuro, a distribución dos centros de compostaxe comunitaria e o reparto de composteiros individuais, o proceso da compostaxe e a cantidade de poboación atendida con este sistema.

Posteriormente fíxose un percorrido práctico que pasou por Moaña –coa recepción do concelleiro Odilo Barreiro- visitando os CCC da rúa Daniel Castelao , da Praza de Abastos, o de Concepción Arenal e da Praza de Lola Diz, para logo cambiar de municipio cara a Poio e coñecer o funcionamento do composteiro da Praza de Ferrreirós. Segundo explicou o persoal técnico provincial todos os CCC implantados na provincia seguen os mesmos parámetros potenciando o tratamento en o quilómetro cero.

As representantes portuguesas, que subliñaron que en Portugal apenas existen iniciativas puntuais de compostaxe, amosáronse sorprendidas polo grao de implantación e a implicación da cidadanía pontevedresa, polo que consideraron que o Revitaliza é un exemplo a seguir.

Vialia Vigo, un concepto transformador para o sur da provincia

Vialia Estación de Vigo, o espazo que cambiará o concepto de cidade e que está chamado a converterse no centro neurálxico non só da propia cidade olívica senón de toda a súa contorna, amosou onte todos os seus secretos coa inauguración oficial das súas instalacións presidida polo alcalde Abel Caballero ao que acompañaban a secretaria de Estado de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Isabel Prado de Vera; a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia, Ethel Vázquez; a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o delegado do Consorcio Zona Franca de Vigo, David Regades, entre outras personalidades.

E complexo tentar describir nunha liñas, a enormidade da obra ideada por Tom Mayne, premio Pritzker de Arquitectura no 2005 –os premios Nobel da arquitectura– e considerado por propios e estraños como o enfant terrible pola paixón coa que defende todos e cada un dos seus proxectos.

O de Mayne foi executado polo estudo de arquitectura L35 que conta actualmente con sedes en Madrid, Barcelona e París e estudos asociados en diferentes cidades de todo o mundo.

[su_image_carousel source=”media: 45861,45862,45856,45858,45855,45859,45857,45847,45846,45845,45844,45843,45842,45841,45840″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

Estación intermodal de ferrocarril e autobús, 120 locais comerciais dispoñibles –nestes momentos segundo adianta a empresa xestora de Vialia Estación de Vigo, Nhood España, cunha ocupación de preto do 100 %–, unha praza pública de máis de 30.000 metros cadrados, un aparcadoiro con capacidade para máis de 1.500 vehículos e un espectacular mirador sobre a ría de Vigo son algunhas das caracteristicas dunha obra que “que pon a Vigo no século XXI”, en palabras do alcalde Abel Caballero, e que está chamado a ser un elemento dinamizador de todo o sur de Pontevedra.

Cun investimento de máis de 90 millóns de euros, o centro comercial Vialia Estación de Vigo xerará máis de 2.000 empregos entre postos directos e indirectos, aos que se suman os case 1.000 profesionais que traballaron durante máis de dous anos na construción do espazo. Da importancia que pode ter para a dinamización do sur de Pontevedra, baste dicir que no portal de emprego creado porVialia Vigo rexistráronse ata o de agora máis de 16.000 candidatos e candidatas e 8.500 solicitudes de emprego.

“Non hai un proxecto igual a nivel nacional. É un espazo e cónico da modernidade e un referente mundial da arquitectura”, asegurou Manuel Teba, director de Nhood España, quen destacou “a gran revolución que supoñerá”. Nace este proxecto, asegurouse durante a inauguración, para transformar a cidade e a súa contorna conectando aos cidadáns co lecer, o deporte, a sustentabilidade, a cultura, a arte, a restauración e as compras.

A gastronomía, un dos eixos centrais de Vialia Vigo

No Food Court, ao aire libre, convivirán as grandes franquicias como McDonalds, Burger King, KFC, Taco Bell, Vips ou Ginos, entre outros, cos operadores locais como ‘La Pepita’, que serán unha parte esencial da identidade do centro. A oferta gastronómica a completa o restaurante Centeno, rexentado polo estrela Michelín Rafa Centeno.

Como elemento singular e característico de vialia Vigo destaca o gran faro como unha zona de xogo para nenos situada no food court cun campo cuberto de tres tobogáns o máis alto a máis de 10 m de altura.

Esta zona de gastronomía e lecer conta, ademais, como un gran escenario equipado cunha pantalla dixital de máis de 40 m² e todos os medios audiovisuais con 11 salas de cinema innovadoras na cidade con 3D, saga junior, saga Luxury e sala de xogos interactivos.

[su_image_carousel source=”media: 45853,45852,45851,45838,45837,45836,45835,45834,45833,45832,45831,45830,45829,45828,45827,45826,45825,45824,45823″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

Construción sostible e accesible

Especial fincapé faise en que o proxecto de Vialia Estación de Vigo caracterízase pola aposta pola sustentabilidade e o respecto polo medioambiente como queda demostrado polo feito de contar coa maior puntuación da certificación BREEAM, un método internacional que permite medir o grao de sustentabilidade ambiental de edificios. Ademais, o centro comercial ten o compromiso firme de despregar unha estratexia de redución continua da pegada de carbono.

Entre as boas prácticas en materia de sustentabilidade postas en marcha, destacan os sistemas de recuperación de calor para a xeración de auga quente sanitaria e para o quecemento dos locais nos meses fríos ou a instalación de sistemas de iluminación de alta eficiencia. Instaláronse tamén equipos de baixo consumo para reducir o consumo de auga potable e contadores intelixentes para controlar os consumos de iluminación, climatización, ventilación, transporte vertical, forza e auga.

O 100 % a vexetación natural, tanto do interior como do exterior do proxecto, será autóctona e con baixos requirimentos hídricos o que permitirá un aforro anual de auga de 2 millóns e medio de litros. A absorción de CO2 de todas as plantas, entre as que se atopan 10 oliveiras, será de 340 toneladas anuais.

A innovación dixital

Entre as moitas sorpresas que irán descubrindo as e os visitantes de Vialia Vigo, a bo seguro que a que máis chamará a atención son as denominadas neuronas, grandes soportes dixitais que permitirán interactuar coas persoas usuarias a través do teléfono, xesto e voces así como proporcionar diversas informacións. Juan Louro, director do centro comercial, explica a misión das neuronas “ofrecer a mellor experiencia ao cliente sorprendéndoo cunha ampla variedade de contido dinámico”. Grazas ás neuronas, engade, “podemos facer de vialia un gran museo de arte dixital”.

A geolocalización converterase nunha das principais innovacións. A través desta tecnoloxía o visitante poderá seleccionar os destinos que lle interesen para recibir instrucións sobre como chegar a eles incluíndo roteiros adaptados e recursos como a localización do coche no aparcamento.

Para estar máis preto do cidadán, envíalle a Vigo desenvolveu unha app propia App Vialia Vigo, entre cuxas funcionalidades atópase a información sobre os eventos que terán lugar no centro comercial, ofertas, chat en vivo, e pago vía app entre outras.

Gondomar aspira ao recoñecemento de 3 flores de honra por parte da Asociación “Vilas en flor”

0

Os membros do xurado recibiron as explicacións sobre a memoria desenvolvida para a ocasión, na que destaca a recente adquisición e limpeza da Casa Peralba, no concello de Gondomar, para destinar a usos sociais da veciñanza nun futuro. “Un investimento importante para o noso concello e que reverterá na mellora non só do seu aspecto se non tamén da calidade de vida dos nosos habitantes”, manifestou o rexedor Paco Ferreira.

Nesa mesma dirección a construción do novo parque canino-lúdico atendendo unha demanda social existente na maior parte das localidades como é a dotación de espazos para o uso e goce das mascotas, que neste caso completouse cun parque biosaudable. Suma Gondomar, en busca dese terceiro galardón, a mellora das zonas verdes coa inclusión de novas xardineiras ornamentais, como a que loce nas inmediacións do campo de fútbol de As Cercas.

O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, amosou a súa confianza en sumar este ano unha flor de honra máis de “Vilas en Flor” e reiterou o seu compromiso firme “de seguir traballando por facer de Gondomar unha localidade sostible e referente en materia de dinamización ambiental e paisaxística”.

O certame “Vilas en flor” está organizado pola Fundación Juan de Vega, a Asociación de Viveristas do Noroeste e a Asociación Galega de Empresas de Xardinería, e esta é a terceira edición na que participa Gondomar que o pasado ano foi distinguido con dúas flores de honra por o “gran esforzo en dixitalizar as zonas verdes” e as boas actuacións non núcleo urbano.

“Un home con lentes de pasta”, unha comedia negra para abrir a tempada teatral no Centro Cultural da Guarda

0

O vindeiro 9 de outubro chega ata a Guarda á peza teatral “Un home con lentes de pasta”, unha comedia negra que versa sobre as relacións humanas, a presión das conviccións sociais, da necesidade de contar historias, de escoitalas e de formar parte delas. Todo elo da man de múltiples influencias e mestura de xéneros que xogan entre a comedia, o absurdo, o suspense…resultando ao fin un espectáculo xenuíno e divertido pero cunha segunda capa de profundidade sobre a constante necesidade de parecer, e non tan só de ser.

A peza orixinal, escrita por Jordi Casanovas, foi estreada en Barcelona no 2010, acadando o premio da crítica Serra D’or ao mellor texto teatral, o de mellor espectáculo nos premios Time Out no 2011, o premio Mi Butaquita de mellor obra no 2014 e estivo nomeada ao mellor texto catalán nos Premios Max do 2011. Tras este percorrido e 10 anos despois, Redrum Teatro adaptou a peza para iniciar unha xira polos teatros galegos, poñendo a Alex Sampaio na dirección e na escena a actores ben coñecidos polo público galego como Sheyla Fariña (Acacias 38 ou Serramoura), Fernando González (Valeria), Guillermo Carbajo (Noiteboa, Contos do Recreo, Pratos Combinados) e Laura Míguez (María Solinha)

A función representarase na Guarda o sábado 9 de outubro ás 20:00h. Como ven sendo habitual é obrigado formalizar a reserva previa a través do seguinte enlace:   https://www.eventbrite.es/e/181675585567.

PROGRAMACIÓN CULTURAL DE OUTONO

Esta comedia é a primeira das propostas teatrais que compoñen a programación de Outono 2021 (para público adulto), que se caracteriza nesta ocasión pola variedade de xéneros e propostas. Así no mes de novembro, o día 19, a obra “Illas Desertas” da compañía tudense Artesa&Cía, romperá as conviccións do teatro cunha obra interactiva, moi contemporánea, con moito peso das novas tecnoloxías, que sen dúbida sorprenderá ao público guardés. E no mes de decembro, o venres 10, unha proposta de teatro musical que nos trasladará ao mundo das cupletistas, do cabaré e da Galicia urbana de 1921 coa obra “O Candil. Un musical galego”, da compañía coruñesa Escola Galega de Teatro Musical,

Mais non só o teatro  encherá o Centro Cultural, xa que tamén se unen propostas que nos achegan a poesía, a nosa literatura e a vangarda cultural. Tal é o caso do espectáculo “Entre o Caravel e a Rosa” que mañá venres, 1 de outubro, se representa no Salón de Actos do Centro Cultural e que indaga na figura e obra de Emilia Pardo Bazán. Ou a proposta “Algo que levar a boca”( 22 de outubro), que resucita ao Colectivo Rompente que con Antón Reixa á cabeza buscaba nos anos 70 e 80 novos modos de vangarda cultural innovando coa poesía, a imaxe a música. Sen dúbida unha proposta interesante para rescatar cara o presente eses momentos de procura de novos formatos que se dera moitísimo no tempo da Transición.

Resumo da programación

  • 1 de outubro: Entre o Caravel e a Rosa. Ás 20:30h no Centro Cultural
  • 9 de outubro: Un home con lentes de pasta. Ás 20:00h no Centro Cultural
  • 22 de outubro: Rompente: Algo que levar á boca. Ás 21:00h no Centro Cultural
  • 19 de novembro: Illas desertas. Ás 21:00h no Centro Cultural
  • 10 de decembro: O Candil. Ás 21:00h no Centro Cultural

A Xunta concede 23 cursos de formación para desempregados no Condado e no Baixo Miño

O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luis López, anunciou hoxe que a Consellería de Emprego e Igualdade vén de aprobar a celebración de 23 cursos de Acción Formativa para Desempregados (AFD) nas bisbarras do Condado e O Baixo Miño cun investimento de máis de 1,1 millóns de euros.

O representante autonómico informou desta resolución esta mañá, acompañado polos alcaldes de Mondariz e Covelo, Emilio Barrios e Pablo Castillo, no acto de clausura do obradoiro de emprego dual Medrando entre Todas/os, celebrado nas antigas escolas de Riofrío.

“Tras a recente concesión de tres novos obradoiros de emprego a Ponteareas-As Neves, Tui e A Guarda, cun investimento de case 1,1 millóns de euros, dende a Xunta seguimos apostando pola formación, pola empregabilidade e pola inserción laboral e por iso imos impulsar 23 cursos AFD no sur da provincia con case 12.000 horas de carga lectiva”, explicou o representante autonómico, que revelou que no período 2021/2022 haberá un total de 329 cursos AFD na provincia de Pontevedra cun investimento global de 14,6 millóns de euros.

Acto de clausura do obradoiro de emprego dual de Covelo e Mondariz

Deste xeito, as comarcas do Condado e O Baixo Miño disporán, nos próximos nove meses, de obradoiros de emprego en Ponteareas, Tui e A Guarda, con 60 de participantes, e 23 cursos AFD con case 350 asistentes. Así, mellorarase a empregabilidade e as oportunidades laborais máis de 400 veciños do sur da provincia de Pontevedra cun investimento de case 2,2 millóns de euros entre ambas iniciativas.

As Accións Formativas para Desempregados nas comarcas do Condado e O Baixo Miño comezarán o vindeiro mes de outubro e prolongaranse, segundo a súa carga lectiva, ata o remate da primavera de 2022. A impartición de contidos oscila entre as 53 e as 898 horas, dependendo das ensinanzas laborais, entre as que figuran programación de sistemas informáticos, ciberseguridade, xestión de microempresas, márketing e comunicación, atención ao cliente, soldadura, xestión de almacéns, extinción de lumes forestais, xestión administrativa, panadería e bolería e deseño gráfico.

As entidades que impartirán este cursos no sur da provincia son as seguintes: Seguridad Gallega Nosa Terra, Centro de Negocios Asergalicia, Asociación EFA A Cancela, Bruno Antonio Vázquez Cuntín, Escuela Profesional de Hostelería del Baixo Miño, Moba Skill Training, Jaime Pérez Martínez, Cerrajería Gándara, Concello de Tui e Informática San Benito.

Clausura do obradoiro

Polo demais, no acto de clausura oficial do obradoiro de emprego dual Medrando entre Todas/os de Mondariz e Covelo, o delegado territorial, Luis López, presidiu a entrega de diplomas e trasladou, en nome da Xunta, os parabéns aos vinte alumnos-traballadores “por aproveitar estes nove meses de formación, por mellorar a vosa empregabilidade en sectores cunha elevada saída laboral, especialmente no sur da provincia, por obter unha remuneración nestes difíciles meses de pandemia e por contribuír ao beneficio social cos servizos e infraestruturas públicos que se prestaron ao abeiro do plan formativo”.

Os participantes no obradoiro de emprego recibiron formación nos módulos de Atención Sociosanitaria e Traballos Forestais e de Xardinaría e complementaron estes coñecementos con traballos de capacitación práctica no centro de día de Mondariz e nos servizos de Axuda no Fogar de ambos municípios e tamén, no caso do segundo, co acondicionamento das zonas verdes de Cela e A Lagoa, en Mondariz, e de Souto e a Finca do Caseiro, en Covelo.

A Cañiza humanizará a rúa Antonio Facorro coa axuda da Deputación

0

A Deputación de Pontevedra concede unha axuda de 50.000 € ao Concello da Cañiza, a cal permitirá afrontar o 90% os gastos da redacción do proxecto “Humanización da rúa Antonio Facorro dende a EP-5003 que ven de Arbo ata o entronque coa N-120”. O Concello terá que aportar o 10% restante.

Segundo manifestou o alcalde Luis Piña, “o proxecto todavía non está definido. Para redactalo contarase coas manifestacións da veciñanza e en particular coas opinións dos veciños desta rúa”. “Convocaremos  varias reunións para explicar os obxectivos da rede Agora, para escoitar as opinións de todos e para interactuar ata conseguir perfilar o mellor proxecto de humanización para a rúa Antonio Facorro”.

Unha vez definidas as líneas de actuación e contando xa coa financiación para sufragar o gasto, o Concello encargará a redacción do proxecto a través dun proceso de licitación público. Será despois cando se teña que conseguir a financiación para a execución desta obra que se desenvolverá a medio e largo prazo.

A axuda conseguida polo Concello da Cañiza está enmarcada dentro da REDE de Concellos Agora polo Espazo Público da Deputación Provincial que ten por obxectivo acadar unha mobilidade  máis amable e a recuperación dos espazos públicos.

Para poder optar a esta subvención era requisito indispensable estar adheridos a esta REDE. O Concello da Cañiza adheriuse o pasado 26 de outubro de 2020.

Qué é a Rede Ágora polo espazo público

Ágora é una rede de acción institucional a prol de considerar e valorizar o espazo público como un dereito fundamental da cidadanía. Un dos seus fundamentos é que o espazo público forma parte substancial da vida das persoas como escenario natural da vida colectiva.

Os concellos adheridos á rede estamos comprometidos a realizar políticas de recuperación dos espazos públicos e a fomentar as mobilidades alternativas no término municipal.

Ágora está promovido e coordenado pola Deputación de Pontevedra a través da súa área de Mobilidade Alternativa e Espazos Públicos Urbanos e a súa finallidade é incentivar aos Concellos da provincia a adoptar decisións a prol da recuperación do espazo público para persoas e a utilización das mobilidades naturais, alternativas ás de motor.

O principal obxectivo de aquí a xuño de 2023, é que os Concellos Ágora incrementen de forma substancial o espazo reservado para as persoas, itinerarios peonís e ciclábeis.

O Concello do Porriño acorda doar 20.000 € para axudar á illa de La Palma

O Concello do Porriño doará 20.000 € para axudar á xente da illa canaria de La Palma, afectada desde o pasado domingo 19 de setembro pola erupción volcánica.

Segundo o acordo plenario adoptado na sesión ordinaria celebrada na tarde de onte, a doazón realizarase con cargo a remanentes de tesourería e depositarase na conta corrente autorizada polo Cabido da Palma.

A proposta veu do PSOE, foi exposta pola portavoz municipal socialista, Lourdes Moure. Argumentou que o Concello do Porriño “cunha historia de solidariedade que sempre o definiu, non pode quedar atrás ante esta traxedia que teñen que afrontar tantas familias”.

A proposta foi aceptada e apoiada polo BNG, PP e UDDL. Só EU SON votou en contra, cualificando a iniciativa de “oportunista”.

O pleno de Ponteareas aproba por unanimidade o convenio de colaboración para a ampliación e reforma da depuradora

EDAR A Moscadeira

O pleno de Ponteareas reuniuse o pasado martes para tratar distintos asuntos de importancia para a vila. Entre eles, destaca a aprobación por unanimidade do convenio de colaboración para a ampliación e reforma da depuradora do municipio. As catro forzas políticas representadas votaron a favor do acordo do Concello coa Xunta de Galicia e o Estado, que permitirá levar a cabo as obras de ampliación e reforma da estación depuradora de augas residuais da Moscadeira, dando así solución a un dos problemas históricos máis graves da vila, a contaminación do Tea e a falta de saneamento no rural.

O convenio contempla un investimento de 11,7 millóns de euros para a execución e explotación destas actuacións de saneamento e depuración, financiados ao 50% polo Estado con fondos europeos, ao 30% polo Concello e ao 20% pola Xunta. As obras tamén contemplan a mellora do saneamento, reducindo as filtracións e separando as augas procedentes da choiva que ata o de agora aumentaban o caudal que recibía a depuradora. Todas estas  actuación deberán estar rematadas en 2021.

Durante o pleno tamén se aprobaron os días festivos para o ano 2022, acordados previamente coas asociacións de comerciantes da vila, e que serán o 20 de xuño e o 29 de setembro. Outro dos asuntos relevantes que se discutiron no pleno foi a moción de urxencia presentada pola concellaría de Educación, que dirixe a alcaldesa Cristina Fernández Davila, para solucionar a falta dun traballador social no centro de educación especial Saladino Cortizo. Foi aceptada, e todos os partidos aceptaron reclamar o máis rápido posible a ocupación desta praza e tamén solicitar que ese posto non sexa amortizado nin por baixa nin xubilación, xa que é imprescindíbel no centro educativo.

Boa acollida do Torneo de Xadrez Concello de Oia na súa primeira edición

0

A pasada fin de semana desenvolveuse a primeira edición do Torneo de Xadrez Concello de Oia, evento que gozou dunha moi boa acollida, con preto de 40 participantes procedentes de diversos clubs galegos.

O Torneo, organizado por Xadrez Albatros e coa colaboración do Concello de Oia, desenvolveuse na tarde do sábado 25 de setembro, no CEIP Mestre Manuel García. En total, participaron 37 xogadores e xogadoras de diversos clubs galegos e de diferentes categorías (repartíronse trofeos para as de Adultos, Sub-14, Sub-12, Sub-10 e Sub-8.)

A competición transcorreu con moi bo ambiente, deportividade e cunha final moi emocionante, quedando en primeiro lugar Francisco Rego Lorenzo (categoría Adultos) do club Xadrez Laroca. Tamén destacou a actuación de Javier del Crespo Valle, de 12 anos (Xadrez Mos), xogador que foi quen de poñer en xaque a todos os adultos. O listado cos 5 primeiros gañadores está dispoñible na web de Albatros: www.xadrezalbatros.com.

A alcaldesa, Cristina Correa, quere transmitir os seus parabéns a todas as persoas participantes neste I Torneo de Xadrez Concello de Oia. Tamén traslada a súa felicitación ao Club Albatros pola boa organización do evento, do que espera que teña continuidade en vindeiras edicións.

O Museo celebrará o Día da Arquitectura 2021 cunha grande montaxe fotográfica

Imaxe de arquivo de visitantes no Museo de Pontevedra / Rafa Estévez ©

O Museo de Pontevedra vai celebrar o Día Mundial da Arquitectura 2021 que se conmemora o primeiro luns de outubro cunha actividade na que pretende implicar a cativada da provincia: unha grande montaxe mural de fotografías de fogares que fagan reflexionar sobre a importancia do deseño das casas na calidade de vida da veciñanza.

Segundo lembra a equipa do Museo, o Día Mundial da Arquitectura é unha celebración que pretende achegar a arquitectura en todas as súas dimensións á cidadanía para facer una chamada de atención sobre unha disciplina que se percibe afastada da sociedade, polo que se desenvolven en todo o mundo distintas actividades conmemorativas en entidades culturais de todo tipo.

O Museo de Pontevedra impulsa por este día unha actividade participativa para a cativada da provincia centrada na reflexión sobre o espazo doméstico, xa que as circunstancias vividas desde o 2020 levaron a moitas persoas a repensar os seus fogares e a caer na conta da importancia do espazo na calidade de vida da cidadanía.

A través da mirada da cativada, e xunto a materiais e textos aportados polos equipos de deseño, construirase un gran ‘collage’ sobre o concepto de casa e fogar. Para iso, cada pequeno e pequena participante debe facer unha fotografía con dispositivo móbil ao espazo da súa casa onde máis lle guste estar e enviala ao correo [email protected]. A imaxe deberá ir acompañada dun pequeno texto que explique as razóns da elección.

Poderá participar na iniciativa rapazada de 5 a 12 anos, sempre coa autorización das persoas responsables, e remitir os envíos antes do 1 de outubro. A exposición que se creará coa mestura das imaxes poderase visitar no primeiro andar do Edificio Castelao do Museo entre o 5 e o 12 de outubro.

Esta fin de semana xóganse en Tui as fases de ascenso a División de Honra Infantil e Xuvenil Masculino de Balonmán

0

Tui será a sede esta fin de semana das fases de ascenso a División de Honra Infantil e Xuvenil Masculino de Balonmán nas que participa o Balonmán Tui en ambas categorías.

 O Club Balonmán Tui está de noraboa, xa que volve a disputar unha nova fase de ascenso en dúas categorías, infantil e xuvenil masculino, que lle permitiría xogar na División de Honra do balonmán galego.

Esta fin de semana, o Pavillón Deportivo Municipal Novo de Tui, albergará os seis partidos, tres por categoría, que decidirán os equipos que xogarán nesta tempada 2021-2022 na División de Honra do balonmán galego.

Na categoría infantil masculina, os de Tui enfrontaramse ao SD Teucro e Garaysa Xiria, e na categoría xuvenil masculina, ao UB Lavadores e Em Abegondo.

Os horarios previstos dos partidos son os seguintes:

  • Infantil Masculino:
    • Venres 1 – 17.15 horas – Bm Tui Vs SD Teucro
    • Sábado 2 – 12.00 horas – Garaysa Xiria Vs Bm Tui
    • Domingo 3 – 10.00 horas – SD Teucro Vs Garaysa Xiria
  • Xuvenil Masculino:
    • Venres 1 – 20.30 horas – Bm Tui Vs UB Lavadores
    • Sábado 2 – 20.00 horas – Bm Tui Vs Em Abegondo
    • Domingo 3 – 12.00 horas – UB Lavadores Vs Em Abegondo

A Guarda acolle unha Formación sobre “Planificación Estratéxica Empresarial”

0

Na tarde do mércores día 29 de setembro de 2021 o Salón de Plenos do Concello da Guarda acolleu a sesión de formación sobre “Planificación Estratéxica Empresarial” enmarcada no proxecto Atlantic Culture Scape.

O Alcalde da Guarda, Antonio Lomba e o Concelleiro de Turismo, Rafa Álvarez, deron a benvida a esta sesión formativa, facendo fincapé na necesidade de promocionar e crear itinerarios turísticos ligados ao patrimonio cultural inmaterial existente no municipio.

Ao longo desta xornada os participantes traballaron conxuntamente sobre como (re)definir obxectivos empresariais, emprender iniciativas de negocio, procurar novos mercados de comercialización e deseñar plans de acción para adaptarnos aos novos tempos. Esta formación será complementada por un seguimento personalizado para aquelas empresas e asociación que o soliciten.

Este curso forma parte dun plan formativo promovido desde o proxecto Atlantic CultureScape, xestionado pola Universidade de Vigo. Levaranse a cabo diversas xornadas formativas dirixidas ao Sector Turístico e do Patrimonio Cultural co fin de fortalecer o tecido empresarial e asociativo. Realizaranse diversos cursos ao longo dos próximo meses sobre estratexias de comercialización turística.

O proxecto Atlantic CultureScape

Nos últimos anos, o elemento “inmaterial” do Patrimonio Cultural ten recibido pouca atención no Espazo Atlántico. O proxecto Atlantic CultureScape proponse abordar esta cuestión a través da identificación e valorización do desfrute de auténticas experiencias relacionadas co Patrimonio Cultural Inmaterial. Reunindo sete entidades transnacionais asociadas, o proxecto decorrerá até Setembro de 2022 e é cofinanciado polo Programa INTERREG Espazo Atlántico, a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

Inicialmente foi realizado un estudo do Patrimonio Cultural Inmaterial (PCI) en todo o Espazo Atlántico, a fin de fornecer principios orientadores para o crecemento económico sustentábel. O proxecto céntrase na protección e evolución do PCI, así como no seu desenvolvemento. A creación de produtos innovadores e dunha Ruta no Espazo Atlántico, apoiada por un programa de comercialización transnacional, fomentará un maior recoñecemento e visibilidade do Patrimonio Cultural Inmaterial. A identificación de auténticas experiencias culturais, enraizadas en cada unha das rexións implicadas, terá unha influencia significativa no número de visitantes e turistas. Así mesmo, preténdese estimular a actividade económica, creando novos negocios e aumentando o número de postos de traballo no sector servizos.

Entidades socias do proxecto

Está formado por 7 entidades e 12 organismos asociados ao longo do Espazo Atlántico. Cada socio/a lidera un paquete de traballo (PT) e, en conxunto, conforman o proxecto Atlantic CultureScape:

  1. Newry, Mourne e Conselho Distrital de Down (Irlanda do Norte).
  2. Brecon Beacons National Park Authority (Gales)
  3. Gobierno Reginonal de Cantabria
  4. Universidade de Vigo
  5. Cork Institute of Technology (Irlanda)
  6. Agencia Andaluza de Industrias Culturales
  7. Município de Rio Maior (Portugal)

A Deputación promove a formación das empresas navais galegas na Industria 4.0

A Deputación de Pontevedra vén de realizar a principal acción formativa prevista no Proxecto IN 4.0, que a institución lidera e no que participan entidades de Galicia, Euskadi, Portugal, Francia, Reino Unido e Irlanda co obxectivo de adaptar o sector da construción naval ao modelo de industria 4.0. En concreto, a Deputación acaba de impartir o curso “Xestión da innovación: o modelo da industria 4.0 nas empresas de construción e reparación naval”, deseñado por todos os socios do programa, baixo a coordinación da institución, que se encargou de desenvolver a plataforma de e-learning.

Nesta actividade participaron 30 persoas procedentes de empresas da cadea de valor da industria naval, como estaleiros de construción e reparación, fabricantes de válvulas e provedoras de servizos relacionados coa electricidade, a soldadora ou a enxeñería, e o obxectivo da acción foi proporcionarlles as habilidades e coñecementos necesarios para adaptarse á industria 4.0. Impartiu a docencia, que se desenvolveu de xeito telemático, Alejandro Balsa, enxeñeiro industrial con máis de 12 anos de experiencia en proxectos relacionados coas ferramentas tecnolóxicas e o I+D+I. Os perfís do alumnado estaban relacionados con cargos de xestión e responsabilidade, como persoas técnicas de desenvolvemento de tecnoloxías 4.0, project managers, enxeñeiros/as de proxectos e de sistemas de loxística integrados e directores/as e técnicos/as.

Este curso, como o proxecto IN 4.0, ten un carácter transnacional e despois de España agora comezará no Reino Unido, tralas formación xa iniciadas tamén en Irlanda, Francia e Portugal. Entre todos os cursos postos en marcha a nivel internacional, a acción xa conta con 347 persoas matriculadas, que agora se incrementarán coas de Reino Unido. Os coñecementos adquiridos a través desta iniciativa polo alumnado axudarán ás empresas a realizar unha análise das solucións e tecnoloxías 4.0 máis apropiadas, a diagnosticar o punto de partida para a súa dixitalización e a elixir o estilo de liderado e perfil cultural que asegure o éxito da transformación dixital, entre outros conceptos. Deste xeito, esta formación transnacional converterase nun recurso que as empresas navais poidan adaptar e utilizar en calquera momento.

A posta en marcha deste curso é unha das actividades principais do Proxecto IN 4.0, cuxo obxectivo é mellorar a competitividade das empresas do sector naval mediante a adaptación ao modelo produtivo da industria 4.0, a fin de garantir a súa continuidade nun mercado onde a innovación é un factor clave de posicionamento estratéxico. Esta iniciativa, cofinanciada polo programa europeo Interreg, está liderada pola Deputación de Pontevedra en consorcio con 10 socios de cinco países do Arco Atlántico Europeo, entre eles, tres galegos: Deputación de Pontevedra (DEPO), Bretagne Pôle Naval (BPN), Cork Institute of Technology (CIT), Fórum Oceano, Asociación Clúster do Naval Galego (ACLUNAGA), University of Strathclyde, Foro Marítimo Vasco (FMV), Pôle de compétitivité EMC2, Asociación de Industriais Metalúrxicos de Galicia (ASIME) e High Speed Sustainable Manufacturing Institute Ltd. (HSSMI).

Os logros

Ata agora, os avances do proxecto permitiron identificar as cinco tecnoloxías cun maior grao de madurez para implantarse no sector naval: a visión artificial, a realidade aumentada, a monitorización, a robotización e as plataformas colaborativas. O proxecto tamén permitiu o lanzamento da plataforma online  IN 4.0 Connect, un punto de encontro entre as empresas navais e as entidades xeradoras de tecnoloxía 4.0, que facilita o networking e o intercambio de experiencias con outros sectores. Hai inscritas xa máis de 200 empresas nesta ferramenta, procedentes dos cinco países, pero o acceso está aberto a todas as entidades que o desexen. IN 4.0 conta amais cunha serie de accións orientadas a poñer en práctica os coñecementos desenvolvidos ao longo das distintas iniciativas realizadas. Para elo desenvolveuse unha metodoloxía de autodiagnóstico baseada en 50 indicadores, que permitirá ás empresas avaliar as súas capacidades e necesidades reais á hora de escoller as mellores tecnoloxías para mellorar os seus procesos produtivos. Esta metodoloxía implementarase en dez proxectos piloto de empresas dos cinco países participantes e, no caso de Galicia, xa se están a xestar nas firmas Ibercisa e Neuwalme, co apoio de Aclunaga.

A obra Elisa e Marcela chega a Baiona dentro do programa ‘Tornar ás táboas’

0

Este domingo, 3 de outubro, a compañía de teatro A Panadaría representará a súa peza teatral Elisa e Marcela dentro da programación cultural Tornar ás taboas da Deputación de Pontevedra. O evento celebrarase no Auditorio V Centenario de Baiona.

Marcela Gracia Ibeas e Elisa Sánchez Loriga coñecéronse e namoráronse a mediados da década de 1880 na Escola Normal de mestras da Coruña. Despois, empezaron a traballar en distintas escolas de varios Concellos da zona pero sempre tentando estar o máis preto posible para poder vivir xuntas. En 1901 Elisa viaxa á Coruña, córtase o pelo, vístese con roupa de home e déixase crecer o bigote para finxir que é un home. Finalmente o 8 de xuño casan e é cando comeza o pesadelo.

A compañía A Panadaría retrata sobre o escenario esta historia de amor, sen adornos, sen artificios, teatro en estado puro onde o principal son as actrices. A dramaturxia é froito do traballo conxunto da directora da obra Gena Baamonde e as tres integrantes da panadaría, Areta Bolado, Ailén Kendelman e Noelia Castro. Un texto que narra dun modo moi sinxelo e tenro unha historia de dor, persecución e sufrimento pero sobre todo de amor.
Ademais ao longo destes anos cultivaron numerosos premios como: Mellor espectáculo, Mellor Dirección, Mellor Texto Orixinal e Mellor Actriz Protagonista (Areta Bolado) nos Premios María Casares 2018. Premio de Igualdade Luísa Villalta 2017. XIV Premio LGBT Marcela e Elisa do Colectivo ALAS. Premio do público MIT de Ribadavia 2018 e Fetega de Carballiño 2018.
A entrada do evento será gratuíta. Aforo limitado segundo orde de chegada. As portas do auditorio abriranse trinta minutos antes do espectáculo.
En todos os espectáculos manteranse as novas normativas de aforo e de distancia social marcados polos protocolos de seguridade contra o Covid-19.
Trátase dun evento organizado pola Deputación de Pontevedra e a Concellería de Cultura de Baiona.
Sinopse
Ano 1901, A Coruña. Dúas mulleres casan na igrexa de San Xurxo, unha delas vestida de home. Unha historia de persecucións policiais, fuxidas en dilixencia, cambios de identidade e informacións manipuladas. As cómicas da Panadaría presentan unha reconstrución irreverente dun suceso real. Unha comedia musical onde o verídico parece invento. Elisa e Marcela é unha historia de amor a contratempo.

A OMIX de Tomiño arranca a temporada de outono con novos cursos e actividades lúdicas

0

A OMIX de Tomiño arranca a temporada de outono ofertando novos cursos e actividades para a mocidade. O primeiro deles será un curso de técnicas de estudo, dirixido ao alumnado da ESO, Bacharelato, Ciclos formativos, Universidade, persoas opositoras e calquera profesional que desexe aprender dun xeito eficaz. O obxectivo principal da actividade é a adquisición dunha serie de habilidades e hábitos de estudo que permitan ao estudantado acadar mellores resultados, desfrutar aprendendo e economizar tempo para outras actividades. A actividade desenvolverase de xeito online entre o 13 de outubro e o 10 de novembro (coa excepción do festivo do 1 de novembro) e será de luns a venres de 19:00 a 20:30 horas. O seu prezo é de 15 euros.

O 13 de outubro tamén será a data na que se iniciará outra das actividades, o curso de Francés nivel A1.2 que será impartido de forma online por unha profesora nativa cunha metodoloxía activa e participativa que favoreza a aprendizaxe do idioma dunha forma divertida. A data de inicio será o 13 de outubro e os horarios serán todos os mércores de 20:00 a 22:00 horas. Está dirixido a un público preferente con idades comprendidas entre os 12 e os 35 anos e ten un prezo de 10 euros.

A observación do universo será a protagonista doutra das actividades ofertadas, xa que entre o 25 e o 29 de outubro terá lugar o curso de iniciación á astronomía, no que se ensinarán nocións básicas sobre a observación do ceo, a instrumentación astronómica ou manexo do Stellarium, entre outras. Está destinado preferentemente á mocidade de entre 12 e 35 anos, ten un prezo de 15 euros e terá dúas partes, unha online e outra presencial. A online desenvolverase de luns a xoves de 19:00 a 21:00 horas e a presencial será o venres de 21:00 a 23:00 horas.

Finalizará a programación de outubro a actividade “Sabios, xogos e xograres: xogos medievais para os tempos actuais”, unha amena presentación da obra lúdica de Afonso X para coñecer o legado do Rei Sabio no seu Libro dos Xogos: Xadrez, Dados e Táboas. Haberá máis de trinta taboleiros que permiten xogar a 2 ou 4 persoas simultaneamente en cada un, existindo a posibilidade de trasladar algún destes xogos ao vivo con distancias de seguridade. A actividade está organizada polo programa de normalización lingüística da Xunta de Galicia co que colabora a OMIX de Tomiño. Desenvolverase de balde o sábado 30 de outubro na Escola Obradoiro de Goián de 11:30 a 13:00.

Para inscribirse nalgunha destas actividades é preciso encher un formulario na web municipal en https://tomino.gal/.

O vial alternativo de Santa Eulalia contará con iluminación pública eficiente

0

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o tenente alcalde e concelleiro de Vías e Obras mosense, Camilo Augusto, informaron da adxudicación da obra de instalación da iluminación no vial alternativo de A Rúa en Santa Eulalia, parroquia de Mos, á empresa concesionaria que acometerá os traballos.

Obra que está financiada no 80% pola Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo.

O obxecto do proxecto é a instalación de alumeado público no vial alternativo existente en A Rúa de Mos. Este viario xurdiu como un vial alternativo, ao vial existente na zona de Santa Eulalia – A Rúa. Este vial da Rúa soportaba un gran tránsito de peóns, particularmente peregrinos, e vehículos a motor, nunha difícil convivencia que compría resolver por motivo da seguridade viaria. As obras contemplaron a explanación, pavimentación, drenaxe e sinalización dun novo viario, así como a execución de muros de sostemento, nunha lonxitude de 520 m. Este novo vial parte da estrada provincial DP-2601, onde se acometeu unha pequena glorieta, e tivo que executarse adaptándose no posible ao terreo para minimizar o movemento de terras, nunha zona de fortes pendentes. Tamén se acondicionou un treito de pista municipal existente, ata volver a chegar ao Camiño da Rúa, configurándose unha “variante” a este camiño completamente funcional. No novo vial construíuse cunha senda peonil adosada de 2,5 m de ancho.

Este vial de nova creación (a súa construcción rematou a principios do ano 2021) sitúase ao redor do Pazo dos Marqueses de Mos, e presenta unha densidade de tráfico bastante elevada debido á súa ubicación. A maiores trátase dun vial que se atopa ao carón do Camiño de Santiago, por onde pasan habitualmente miles de peregrinos ao ano, motivo polo cal se considera que debe facerse o antes posible a instalación dun alumeado público de calidade e con tecnoloxía led para procurar obter o maior aforro enerxético posible xa que este tipo de tecnoloxía reduce a emisión de contaminantes CO2 á atmosfera polo seu baixo consumo enerxético e aporta coidado ao medio ambiente.

Esta iluminación é necesaria pola seguridade vial deste novo tramo recentemente construido, debido a que durante as noites faise necesario este alumeado público. O trazado de forte pendente e unha curva existente na parte alta fan necesaria a urxente iluminación nocturna do vial co obxecto de evitar accidentes.

O modelo de iluminación a instalar é a máis apropiada para o aforro enérxetico con calidade da iluminación nas horas de tránsito, nivel do alumeado de acordo cos estándares de seguridade esixidos e prioridade ao consumo enerxético eficiente.

Para elo preténdese regular o réxime de funcionamiento dos alumeados segundo as horas, mellorar a eficacia das fontes lumínicas mediante a utilización de lámpadas máis axeitadas a cada entorno, proxectar con criterios de rendemento enerxético, limitando a utilización de luminarias de baixo rendemento, axustar as horas de funcionamiento ás necesidades reais de alumeado público en función do solpor e estudar o réxime de tarifas enerxéticas aplicables ao alumeado público.

A instalación estará dotada de columnas galvanizadas de 9m de altura, luminarias equipadas con tecnoloxía led, alimentación eléctrica trifásica e picas de toma de terra (protección da instalación). Colocaranse un total de 16 puntos de luz completos (columna, luminaria e alimentación trifásica).

A actuación que se pretende realizar é a instalación do alumeado público onde na actualidade non existe ningún tipo de iluminación. Para elo asinouse un convenio de colaboración entre a Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, e o Concello de Mos polo que a administración autonómica destina a concesión dunha axuda para a execución do proxecto denominado instalación dunha rede de luz pública eficiente no vial alternativo A Rúa de Mos.

Racionalizando e optimizando o consumo enerxético e creando as condicións seguridade vial para a circulación de peóns e vehículos mellorarase pois este novo vial de recente creación.

Orixinariamente configurado como secundario ou alternativo, cun nivel de tránsito pequeno, este vial acabou transformado nunha ruta de tránsito con elevada demanda da veciñanza da zona pero tamén dos usuarios de concellos lindeiros. Isto é causa fundamentalmente de dous factores; por unha banda, a súa proximidade a unha área recreativa empregada para actos deportivos, culturais e sociais que está a xerar numerosa circulación e, pola outra, o trazado do Camiño de Santiago, que transcorre na contorna, polo que transitan miles de peregrinos ao ano.

A instalación a acometer consiste nunha rede de luz pública enerxeticamente eficiente, baseada en tecnoloxía led, incorpora o maior aforro enerxético posible sen perda de calidade lumínica e engádelle a este proxecto a variable ambiental dado que este tipo de tecnoloxía reduce a emisión de CO2 á atmosfera, contribuíndo á protección do ambiente. Actuación financiable de conformidade cos criterios e obxectivos do Fondo de Compensación Ambiental e outras actuacións específicas de protección do ambiente.

A Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo subvenciona o 80% da instalación dunha rede de luz pública eficiente no vial alternativo á Rúa de Mos, cun orzamento total de 18.039,24 € (IVE incluído).

O festival “Algazara Danzando entre Culturas” namora a Ponteareas

De novo, como cada ano, a música tradicional de distintas culturas do mundo tivo a súa festa en Ponteareas. A última edición do festival “Algazara Danzando entre Culturas” namorou a vila con música de México, de Cabo Verde e tamén de Galicia. O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, está “moi contento cos resultados do festival”, e afirma que foi “un éxito en asistencia e en calidade musical”, que se lle debe, en gran parte, ao “gran traballo da Agrupación Folklórica Algazara para sacar adiante esta festa da música internacional”.

Tanto o Concello como Algazara explican que sacar adiante este festival este ano foi difícil. A pandemia, tal e como pasou na pasada edición, complicou moito a presencia de grupos internacionais. Por iso, decidiron apostar por agrupacións de ritmos estranxeiros, pero afincadas en Galicia. África estivo representada polo grupo de orixe caboverdiana Batuko Tabanka e México polo grupo Mariachi Vigo. Foi unha aposta distinta á dos orixes do festival, pero que tamén tivo grandes resultados. O concelleiro de Cultura explica que o éxito desta edición, pero tamén das anteriores, comeza a colocar ao festival como unha cita de relevancia para os amantes da música tradicional en Galicia, pero tamén para o público en xeral. “Estou seguro que o festival seguirá crecendo co traballo de Algazara e o apoio que sempre ofrecemos no Concello. Xa temos moitas ganas da vindeira edición”, concluíu Fernando Groba.

Lidl abre mañá a súa primeira tenda no Val Miñor tras investir 4,7M€ e crear 23 novos empregos

0

A apertura este xoves da tenda de Lidl na rúa As Pontes de Nigrán, xunto ao Centro de Negocios e a gasolineira, supoñerá a primeira incursión da cadea na comarca do Val Miñor.

O novo establecemento, no que traballarán unha vintena de persoas, daralle resposta á demanda de localidades como Baiona ou Gondomar, ademais do propio concello de Nigrán. Está situado nunha parcela de 4.790 metros cadrados, dos que a superficie de vendas ocupa uns 1.400 metros cadrados, con dúas plantas e unha altura total de sete metros. En total, a cadea mobilizou un investimento de 4,7 millóns de euros para a construción e o equipamento, actuacións que lles adxudicaron a empresas galegas, como a construtora pontevedresa CHS ou a enxeñería coruñesa COTECNO.

Neste senso, a firma continúa a súa estratexia habitual tanto de apoio a provedores de proximidade como de compromiso medioambiental, xa que este punto de venda conta con plataforma fotovoltaica e iluminación LED, o que a converte nunha tenda ecosostible grazas tamén aos paneis solares instalados ao longo dunha extensión de 1.000 metros cadrados.

Con motivo da súa posta en funcionamento, o establecemento ofertará unha degustación gratuíta de produtos rexionais aos seus primeiros clientes, que poderán acudir no horario habitual (luns a sábado de 9 a 21.30 horas) e facer uso das súas 80 prazas de estacionamento. Como xa é habitual, o alimento galego terá un papel protagonista nos lineais de Nigrán, cos queixos rexionais, o leite fresco e a cervexa Estrella Galicia como algúns dos principais alicientes de proximidade.

Colaboración institucional

O Xerente de Vendas da marca en Galicia, Borja Franco, agradeceu esta mañá a “plena colaboración e a axilidade nos procesos administrativos” do Consorcio da Zona Franca de Vigo e do Concello de Nigrán, cuxos máximos representantes participaron nunha visita á tenda na xornada previa á súa apertura ao público. En concreto, Borja Franco sinalou que “igual que unha vintena de persoas atoparon un aliado en Lidl para ter unha oportunidade de traballo, tamén Lidl tivo un aliado en ambas institucións”.

Así mesmo, Franco reivindicou o decidido apoio de Lidl ao desenvolvemento económico e á dinamización do sector primario e do mercado laboral galego, “unha realidade incuestionable”. “Os máis de 1.000 millóns de euros destinados a produtores de Galicia nos últimos catro anos ou os 2.800 postos que xeramos só na provincia de Pontevedra entre emprego directo, indirecto e inducido son un termómetro perfecto da nosa alianza coa comunidade”, subliñou.

Mentres, o alcalde de Nigrán, Juan González, sinalou que “o proxecto de Lidl afianza Porto do Molle como o gran parque empresarial de toda a área metropolitana, porque estamos a falar dunha firma de referencia no sector. A súa presenza non só conleva xerar postos de traballo, senón que xera máis recursos económicos para o Concello de Nigrán, que segue contando con este Polígono Terciario como o seu gran activo”.

A Rede Galega de Teatros e Auditorios da Xunta achega 13 funcións a Gondomar e Tui

0

Os concellos pontevedreses de Tui e Gondomar presentaron hoxe as súas respectivas ofertas culturais para este outono, dentro das que programarán 13 funcións de teatro, danza e música cofinanciadas pola Xunta de Galicia a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios. Tanto o Teatro Municipal de Tui como o Auditorio Lois Tobío de Gondomar son espazos asociados a este circuíto da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, que durante o segundo semestre do ano ofrecerá 209 actuacións dun cento de formacións artísticas en 26 localidades.

O escenario tudense será, así mesmo, a primeira parada da xira que o Centro Dramático Galego (CDG) emprenderá o 5 de novembro co seu espectáculo O charco de Ulises, dirixido por Marián Bañobre e Santiago Cortegoso. A compañía pública estreou esta produción o pasado mes de xaneiro na súa sede do Salón Teatro, en Santiago de Compostela, onde desenvolveu un primeiro período de exhibición, e regresa aos escenarios na recta final do ano para o seu percorrido por diferentes localidades galegas. 

Ambas as presentacións contaron coa participación do director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, quen incidiu na variedade e calidade da programación que se desenvolve no marco Rede Galega de Teatros e Auditorios, así como no seu importante papel á hora de dotar de continuidade e estabilidade no ámbito da distribución dos espectáculos producidos en Galicia.

Programación do Teatro Municipal tudense

No caso de Tui, o Teatro Municipal acolle nesta recta final do ano oito propostas dentro do circuíto autonómico. A súa oferta arranca con danza este mesmo venres día 1 de outubro, coa representación de Bailar agora, proposta coproducida por Marta Alonso Tejada e o Centro Coreográfico Galego, que foi ademais unha das montaxes gañadoras da última edición dos Premios de Teatro María Casares.

Tamén en outubro, o espazo tudense programa os espectáculos Aibō de Compañía Eléctrica o día 8, O mel no caduca de Ibuprofeno Teatro o día 15 e O soño dos golfiños do grupo Golfiños o día 22. En novembro será a quenda de Paula Quintas coa súa peza de danza Nina Ninette o día 12, do concerto das Tanxugueiras o día 19 e de Teatro La Canica con Orfeo o día 26. Xa en decembro, o día 3 Camerata Lírica ofrecerá La Bohème en formato concerto escenificado.

Cinco funcións no Auditorio Lois Tobío

Tanto esta proposta lírica como Bailar agora poderán verse tamén no Auditorio Lois Tobío os días 13 e 20 de novembro, respectivamente. Son dúas das cinco citas que o escenario de Gondomar programa a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios xunto con A lingua das bolboretas (9 de outubro), montaxe coa que Sarabela Teatro foi outra das compañías máis galardoadas este ano nos María Casares, Soga e cinsa de Aporía Escénica (6 de novembro) e Cartoóns de Producións Teatrais Excéntricas (21 de novembro).

Con este segundo período de programación anual e pese aos adiamentos e suspensións polo peche sanitario de primeiros de ano, a Rede Galega de Teatros e Auditorios alcanzará en 2021 as 500 actuacións de teatro, danza, música, novo circo e maxia nas catro provincias. Para o seu desenvolvemento, conta cun orzamento anual de máis de 1,6 millóns de euros, que achegan a Xunta e as preto de 40 entidades locais asociadas e que reverte directamente na contratación das compañías escénicas e bandas musicais participantes, galegas na súa meirande parte.

Éxito da representación do obradoiro de teatro veciñal no Mosteiro de Oia

0

A representación do obradoiro de teatro veciñal de Oia celebrada este sábado colleitou un novo éxito de asistencia de público, que puido contemplar nesta terceira edición unha proposta novidosa. No evento participaron 5 artistas convidadas: Mónica de Nut (canto), Elsa Pereira (danza), Silvia Penas (poesía), AveLina Pérez (teatro) e Gloria Rodríguez Gil (música), baixo a dirección de Alfredo Rodríguez (A Artística) e coa narración de Patricia Muñoz.

O pasado sábado, o Mosteiro de Oia acolleu tres pases do “6×6 punto de encontro o Arrabal. O mar tamén ten amores”, una visita dramatizada polo interior do cenobio que incluíu 5 intervencións artísticas de diferentes disciplinas.

Esta actividade, convertida nun verdadeiro punto de encontro entre alumnado, artistas, público e patrimonio; foi resultado dos traballos desenvolvidos durante o obradoiro veciñal de artes escénicas e do movemento celebrado durante este mes de setembro baixo a dirección de A Artística. 

A alcaldesa de Oia, Cristina Correa, destacou a gran calidade das artistas convidadas que participaron na edición deste ano. Ao mesmo tempo, quixo trasladar o seu recoñecemento ao alumnado e á dirección do obradoiro “pola súa implicación, o esforzo e o bo facer técnico e artístico demostrado”.

Correa tamén destacou a boa resposta do público a esta novidosa proposta cultural pese as circunstancias sanitarias actuais. Debido ás restricións da COVID-19 decidíronse programar tres pases distintos para poder contar cun maior número de asistentes e, aínda así, “as inscricións cubríronse en aproximadamente 48 horas, sendo preciso abrir unha lista de agarda”, lembrou.

Finalmente, quixo trasladar o seu agradecemento ao Mosteiro de Oia, por colaborar na iniciativa cedendo o espazo para a representación, e ao programa “O teu Xacobeo” da Xunta de Galicia.

Proxecto “6×6 punto de encontro”

O “6×6 punto de encontro o Arrabal. O mar tamén ten amores” é unha iniciativa organizada polo Concello de Oia e beneficiaria do programa “O teu Xacobeo”. A súa programación incluíu un obradoiro veciñal durante o mes de setembro, a xornada de representación celebrada o sábado e un paseo guiado de temática feminina que se desenvolveu o domingo 19 no barrio do Arrabal.

Baixo o título específico “o mar tamén ten amores”, o traballo deste ano no obradoiro de teatro buscou poñer en valor a achega das mulleres na historia de Oia e recoñecer traballos tradicionalmente invisibilizados ou pouco recoñecidos. O programa de man do evento do sábado está accesible para a súa descarga na seguinte ligazón.

O nome de Gustavo Rodríguez figura xa na rúa Olímpicos Tudenses

0

Onte tivo lugar na rúa Olímpicos Tudenses a recolocación da placa cos nomes dos deportistas tudenses que teñen participado nuns Xogos Olímpicos tras a incorporación do nome de Gustavo Rodríguez Iglesias, medalla de prata nos Xogos Paralímpicos de Tokio en Triatlón PTVI.

Foi o propio Gustavo Rodríguez, acompañado polo alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e membros da corporación municipal, e dos seus pais o encargado de descubrir a placa.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, lembrou a colocación da placa en novembro de 2012 para homenaxear aos deportistas tudenses que teñen participado nuns xogos olímpicos,  un total de oito na actualidade. Indicou o rexedor que “ogallá teñamos que redescubrir esta placa moitas veces e seguir engadindo nomes, porque iso é moi positivo”. Tivo palabras de agradecemento para Gustavo Rodríguez, e os deportistas que levan o nome de Tui en competicións tanto a nivel nacional coma internacional “nos sentimos sumamente orgullosos do seu traballo e de todos aqueles que participan no mundo do deporte, tanto os deportistas, coma das moitas persoas que de forma totalmente altruísta fan o traballo de dirixir clubs, de adestrar, que dedican moitas horas da súa vida, para que o deporte tudense estea no nivel na que está e do que nos sentimos moi orgullosos”. Gustavo Rodríguez indicaba que a placa sitúase nun punto emblemático para el “xa que aquí vimos moitas veces a nadar, e poder ver o meu nome aí é un pouco constatar un feito que aínda está recente, e que se está comezando a asimilar, que é a participación e medalla nos xogos paralímpicos”. Manifestou que para el é un “orgullo representar a Tui”  e agradeceu o apoio recibido.

A aula CeMIT de Ponteareas ofrece seis novos cursos de balde para este mes de outubro

A aula CeMIT de Ponteareas xa ten aberto o prazo de inscrición para participar nos seis novos cursos presenciais que oferta de balde para este mes de outubro.

Serán media ducia de propostas a través da que a veciñanza poderá aprender a realizar os trámites necesarios coa E-administración, iniciarse no LibreOffice, crear publicacións na nube con CANVA ou aprender sobre deseño gráfico en Software Libre. Ademais para persoas adultas a aula CeMIT porá en marcha dous cursos centrados en mellorar o manexo de móbiles Android, un para sacarlle partido á cámara do móbil e outra para aprender a usalo e configuralo.

As persoas interesadas en realizar calquera destes cursos deben facer a súa preinscrición a través do espazo da aula CeMIT habilitado na web da Xunta. O número de prazas estará restrinxido debido á situación sanitaria.

Por outra banda, durante todo este mes de outubro a Aula CeMIT estará aberta ao público polas tardes. Este venres 1 de outubro o horario será de 16.00 a 20.00 horas, mentres que a partir da vindeira semana será luns e xoves de 18.00 a 18.30 horas e todos os mércores de 16.00 a 18.00 horas.

Dende a Concellaría de Innovación e Desenvolvemento Tecnolóxico que dirixe Benito Márquez anímase a toda a veciñanza a acudir a usar a aula e a participar nestas actividades que buscan “promover a inclusión no uso das novas tecnoloxías, ofrecendo os coñecementos necesarios para que as persoas poidan desenvolverse cun ordenador ou cun dispositivo móbil, prestando especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital”.

Para máis información as persoas interesadas poden contactar a través do correo electrónico [email protected] ou chamando ou enviando unha mensaxe de whatsapp ao número 634 238 962 dentro do horario da aula.

O ‘hábitat xogable’ nas cidades, tema central do vindeiro seminario da Facultade Ágora

O papel da infancia no espazo público e a importancia de considerar o xogo libre como indicador de calidade en vilas e cidades serán dous aspectos que se abordarán este venres nun novo seminario da Facultade Ágora titulado ‘O hábitat xogable’. De maneira mixta, presencial e en liña, representantes políticos e técnicos da provincia escoitarán os relatorios do pedagogo Francesco Tonucci, a xeógrafa Marta Román, o pediatra Juan Gil, a antropóloga María Masaguer e o arquitecto Martín Barreiro.

Con esta nova xornada da Facultade Ágora continuarase o módulo ‘O medio habitable’ que hai dúas semanas tivo como protagonistas a especialistas sobre o medio urbano e a saúde da poboación, entre eles a directora de Saúde Pública da OMS María Neira, quen subliñou como deseños urbanos que fomentan a mobilidade natural e restrinxen os desprazamentos a motor inciden positivamente na vida da veciñanza.

Este venres darase un paso máis para falar da necesidade de converter as cidades en hábitats axeitados para o desenvolvemento das persoas, fundamentalmente dende o punto de vista social e en concreto dende a perspectiva da infancia. Un dos temas que se porá sobre a mesa será como a recuperación do espazo en contornas escolares é precisa para que nenos e nenas poidan desenvolverse con autonomía, mais só como un primeiro paso, sendo o obxectivo final que  vilas e cidades estean adaptadas na súa globalidade, superando os corredores ou camiños escolares.

Entre o plantel do profesorado estará en conexión en liña o pensador, psicopedagogo e debuxante italiano xa ben coñecido na cidade de Pontevedra, Francesco Tonucci, que é investigador asociado do Instituto de Ciencias e Tecnoloxías da Cognición do Consello Nacional de Investigación (CNR) de Italia e responsable do proxecto internacional ‘A cidade das nenas e dos nenos’.

Outra das profesoras da xornada, que estará no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra de maneira presencia, será Marta Román, xeógrafa que traballa como consultora en Gea21, experta en integrar a perspectiva de xénero e xeración no urbanismo, e autora de numerosos artigos e de varios libros de referencia relacionados coa situación da infancia no espazo urbano.

Tamén achegará a súa visión das cidades o pediatra Juan Gil Arrones, que é o secretario da Sociedade Española de Pediatría Social, e membro de numerosos grupos de traballo para o benestar da infancia, entre eles o Grupo Motor de “REDE SABIA” promovido polo Observatorio de Infancia en Andalucía, a Escola Andaluza de Saúde Pública e a Consellería de Saúde.

Finalmente, María Masaguer Otero e Martín Barreiro achegarán solucións de recuperación de espazos, novas formas de habitar, desprazarse e usar o territorio pola infancia postas en práctica na provincia de Pontevedra.

María Masaguer é historiadora-antropóloga,  máster en Facilitación da Aprendizaxe e a Innovación e Martín Barreiro é arquitecto-urbanista, doutor en Goberno e Proxecto do Territorio. En 2014 crearon o laboratorio de urbanismo Estudo  Rurban coa intención de poñer en práctica unha forma artesanal de facer urbanismo que lles vinculou a diferentes proxectos desde a escala estratéxica á proxectual. Na actualidade o arquitecto incorporouse ao equipo do Departamento de Espazo Público e Mobilidade da Deputación de Pontevedra, e Masaguer traballa en proxectos de investigación do CSIC– Consello Superior de Investigacións Científicas) e procesos de innovación  organizacional e cultural ( Teamlabs e  BenCuriosa).

A Facultade Ágora é unha iniciativa formativa posta en marcha polo departamento de Mobilidade da Deputación de Pontevedra co fin de facilitar o coñecemento das últimas innovacións e investigacións en materia de mobilidade e espazos públicos a representantes políticos e persoal técnico dos concellos da provincia, persoas con máxima decisión sobre o deseño do espazo público para mellorar a vida da veciñanza.

No curso están inscritas máis de 200 persoas que dende o mes de abril levan recibido formación sobre ‘O espazo público como dereito’, ‘A cidade dos 15 minutos no territorio disperso’, ‘Espazos amables, seguros e inclusivos’, ‘As persoas primeiro’, ‘O tráfico necesario’ e ‘Mobilidades alternativas’, ademais de sobre ‘Hábitat saudable e biodiverso’.

Arbo remata as obras de mellora de accesos en Merelle-Vilaseca

0

O Concello de Arbo consideraba necesaria a execución da obra de  infraestrutura rural “Mellora de accesos en Merelle – Vilaseca (Cabeiras)”, con destino ao uso ou servizo público, sen que por este concello se poideran acometer a súa execución por razóns orzamentarias.

A Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia, en uso das súas competencias, asinaba un convenio co Concello de Arbo por un importe total de 38.709,50 €. Estes fondos destinábanse á realización das obras demandas pola administración local para a mellora do camiño no barrio de Mererlle, na parroquia de Cabeiras.

“O goberno local, contemplou este proxecto que ten que ver coa dinamización da base produtiva do medio rural, co obxectivo de dignificar e mellorar a calidade de vida da poboación que reside nestas zonas e contribuír a fixar poboación”, informou o rexedor Horacio Gil.

O Concello de Arbo pretende mellorar a súa rede municipal de estradas, reparando as estradas e pistas asfaltadas, e pavimentando completamente as pistas que se atopan en terra.

Con esta actuación, o goberno arbense eigue cumprindo cos compromisos adquiridos cos veciños de Arbo,  ao tempo que mellora a seguridade viaria.

Dada a ampla superficie do  concello, e o gran número de estradas existentes, a tarefa de mantelas todas en perfecto estado é complicada, sendo necesarios proxectos de pavimentación que rexeneren completamente a rodadura nas devanditas estradas.

O camiño de titularidade municipal, atópabase pavimentado con aglomerado, pero con tramos cun avanzado estado de deterioración.

A 15k do Atlántico regresa este domingo

0

A VIII 15K do Atlántico Banco Mediolanum, que terá lugar o próximo domingo con saída en Oia e chegada na Guarda co paso polo Rosal, entra nunha nova dimensión e da un empuxón máis para o “regreso á nova normalidade deportiva”. “O deporte é saúde”, coincidiron en firmar todos os presentes no acto de presentación da proba deportiva na mañá do martes no Porto da Guarda. Serán, como é habitual, 15 quilómetros de percorrido. Ademais, organizouse unha andaina na que poderán participar 100 persoas. Doarase un euro por cada inscrito para a Asociación Bicos de Papel, a través do proxecto solidario de Banco Mediolanum. Ademais, abriuse un reto solidario na plataforma “Mi Grano de Arena” para sumar máis doazóns.

Serán 600 os participantes e aínda queda algunha praza libre. A saída terá lugar ás 11 da mañá e o protocolo sanitario que se aplicará será o de facer saídas separadas no tempo. Realizaranse en grupos e cun intervalo de 30 segundos entre eles. Serafín Martínez, director deportivo da proba, sinalou que “esta carreira está consolidada e iso é moi importante. Chegar á oitava edición non é doado e é vital o apoio que se recibe, tanto de dos deportistas como dos patrocinadores”. Tamén desvelou que o percorrido tradicional sufrirá unha lixeira modificación no tramo inicial.

As institucións públicas tamén apostaron pola 15K Atlántico Banco Mediolanum, tal e como fixeron dende a primeira edición. Cristina Correa, alcaldesa de Oia, resaltou que “a saída será nun escenario único: un mosteiro ao carón do mar. Isto xa convirte a proba en moi especial para nos”. Pola súa parte, Anxela Fernández, alcaldesa do Rosal, insistiu que “esta proba é unha gran experiencia deportiva cunha zona con parte de costa”. Pola súa parte, Antonio Lomba, alcalde da Guarda, insistiu en que “é un día para gozar e é un novo paso máis para o regreso á normalidade”.

Ivonne Pousa, manager territorial da zona norte de Banco Mediolanum, recordou os inicios da proba, cando se realizou un gran esforzo para sacala adiante: “Foi un esforzo moi importante, pero mereceu moito a pena. A filosofía mantense vixente e ademais trasladouse a outras competicións similares noutros lugares de Galicia”. Nesta edición, a través do proxecto solidario Mediolanum Aproxima, colaborarase con Bicos de Papel, asociación que axuda aos nenos oncolóxicos co fin de apoialos e axudarlles na súa reinserción escolar. Ademais, a Delegación da Fundación Mediolanum duplicará as doazóns acadadas, entre 2.000€ y 5.000€. A VIII Atlántico Banco Mediolanum, que conta co apoio dos concellos polos que transcorre a proba, da Xunta de Galicia, da Deputación de Pontevedra e Froiz, tamén ten coma un dos seus obxectivos a promoción do Camiño Portugués pola Costa, un gran atractivo turístico. Os 600 atletas farán o percorrido polos espectaculares escenarios nunha proba xa considerada como emblemática.

Nigrán invita ao escritor Bernardino Graña á inauguración da exposición biográfica ‘O home que quixo vivir’

0

O Concello de Nigrán rende este mes homenaxe mediante a exposición ‘O home que quixo vivir’ a un dos seu veciños máis ilustres: o célebre escritor galego Bernardino Graña, quen vive desde hai décadas na residencia Stella Maris de Panxón. Así, coincidindo xusto co seu 89 aniversario, onte pre-estreouse no Auditorio Municipal o documental vinculado á mostra, todo baixo a dirección e realización de Xan Leira, e coa asistencia do alcalde de Nigrán e o presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, entre outras autoridades. Sen embargo, a exposición foi aberta ao público esta mañá coa presenza do propio Bernardino, Xan Leira, o rexedor e alumnado do CEIP Humberto Juanes, quen lle cantou o ‘Cumpleaños Feliz’ e lle axudou a soprar as velas.

‘O home que quixo vivir’ permanecerá no Auditorio Municipal ata o 31 de outubro (de luns a venres, de 10:00 a 13:30 horas, e fins de semana de actividades neste espazo), e como colofón final o sábado 30 proxectarase o documental ás 17:30 horas.

“Bernardino Graña é un ilustre escritor galego que temos a sorte de ter como veciño, por iso desde o Concello de Nigrán estamos especialmente orgullosos de acoller esta exposición que lle ofrecemos como agasallo no seu 89 aniversario”, explica o alcalde, Juan González, quen avanza que desde o Concello xa se está a traballar para o ano 2022, nos seus 90 anos.

A mostra, composta por 14 roll-ups informativos, fai unha escolma por orde cronolóxica da vida e obra de Bernardino, incluíndo imaxes representativas de cada etapa. A maiores, cada visitante poderá levarse un catálogo informativo a modo de ‘xornal’ que recolle boa parte da exposición e que inclúe códigos QR con recursos de audio ou video. Finalmente, o documental ‘O home que quixo vivir’ (con localizacións para a entrevista en Panxón) a complementa. Este proxectarse o día 30 de outubro e o Concello o ofrecerá para aqueles centros educativos do municipio que o desexen.

“A obra de Bernardino Graña (Cangas, 27.09.1932) é magna. Poesía, narrativa, teatro, conferencias… Un creador e un intelectual de altura que colaborou na modernización da nosa literatura dende moitos lugares desde os que loitar. Puxo toda a súa intelixencia ao servizo do seu pobo” , reflicte a propia mostra de Xan Leira sobre o impulsor e primeiro presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega, entidade que o ven de nombrar presidente honorífico. Foi catedrático de lingua e literatura ata a súa xubilación en 1991. Desde ben mozo formou parte do Consello de Redacción da revista poética Alba. Participou tamén como articulista en La Noche e no Faro de Vigo, ademais de colaborar como ensaísta en numerosas publicacións. En 1958 participa na creación do grupo Brais Pinto. É autor dunha decena de magníficos poemarios, un destacado libro de relatos, unha orixinal novela, máis dunha vintena de salientables títulos infanto-xuvenís e preto de media ducia de pezas teatrais de relevo que merecen maior divulgación no conxunto da sociedade galega e, moi especialmente, entre a xente nova, á cal dedicou unha parte significativa da súa obra escrita na súa residencia moañesa de Tirán.

O Castelo de Soutomaior énchese coa forza das mulleres da música na gala “Descúbreas”

“Son muller, son invencible, son forte”. Os acordes e a letra do inesquecible himno de sororidade de Helen Reddy “I’m woman” soaron onte con forza na Explanada dos Plátanos do Castelo de Soutomaior, que se vestiu de gala en cor violeta para converterse no maior escenario do novo talento musical feminino da provincia. Máis de 200 persoas déronse cita no evento que puxo o broche “de diamantes” á primeira edición do programa Descúbreas, promovido pola Deputación e Regalamúsica, e no que as grandes protagonistas foron as oito mozas mentorizadas para dar os seus primeiros pasos profesionais  na música con este proxecto. O acto contou coa actuación de Guadi Galego e a participación especial de Woyza.

A gran gala de Descúbreas, conducida por Natari Rial, foi seguida no xardín do Castelo, no que se habilitou unha espectacular montaxe, por unha nutrida participación do sector cultural galego, especialmente da música, incluíndo persoas das distintas escolas da provincia e mulleres profesionais do sector, amais de representantes municipais dos concellos da provincia, deputados e deputadas provinciais e tamén representantes de diversos colectivos de igualdade, entre outras persoas asistentes.

A presidenta provincial, Carmela Silva, fixo fincapé na súa intervención nos motivos que levaron á Deputación a apoiar esta iniciativa, destinada a loitar contra a brecha de xénero existente na industria musical e a empoderar a nenas e mozas neste ámbito. “Hai datos alarmantes da infrarrepresentación –sinalou- das  mulleres neste mundo. É escandaloso. Todas as porcentaxes de participación están por debaixo do 30%, cando sen embargo as nenas e as mozas na formación musical son maioría e teñen os mellores currículos. Pero logo é moi difícil que haxa unha carreira profesional. Simplemente fago unha reflexión, dixo a presidenta provincia, vaiamos a calquera festival de música do mundo. Cantas mulleres están nos escenarios? Esa é a proba. Por iso, subliñou, naceu Descúbreas, unha gran plataforma que pretende visibilizar ás mozas, formalas e darlles espazos para que poidan construír unha carreira profesional na música”. Carmela Silva avanzou que o programa terá continuidade no 2022 aínda con máis forza. Sinalou que a Deputación manterá contactos cos Ministerios de Igualdade e Asuntos Económicos e Transformación Dixital, así como con empresas que fomenten a cultura “para que Descúbreas sume na súa segunda edición máis xente e poidamos conseguir que sexa unha plataforma máis grande, porque queremos que nola copien por todo o Estado para que as mulleres no mundo da música poidan ter máis presencia e que dentro de cinco anos poidamos dicir que as cifras melloraron moito neste ámbito”.

No evento, as oito mozas puideron presentar os videoclips dos temas que gravaron de forma profesional e comentar as súas impresións sobre a experiencia vivida. Elas son María Ferreirós (Vigo) que abriu a cita co seu tema “Marea”; Ali (Alicia Moreira, de Poio), que presentou “Culpable”; Xia (Uxía González, de Salceda) con “No me queda”; Sara Sanmartín (Pontevedra), con “20 veces más”; Inés Cortegoso (de Pontevedra), con “Batalla”; Eva Pico (Marín) con “La última canción”; Aroa Ferreiro (Vigo), co tema “Periscopio”e Law (Laura Martínez, de Vigo) con “Veni, vidi vici”.

A gala estivo amenizada pola actuación musical de Guadi Galego, que interpretou entre outros temas “Matriarcas”, o tema protagonista do primeiro vídeo colaborativo realizado no marco de Descúbreas, no que mozas de distintas escolas  de música interpretaron esta canción da artista galega. Amais, o escenario do Castelo de Soutomaior serviu para presentar o segundo dos vídeos colaborativos do programa, no que a cantante Woyza adaptou o tema “I’m woman”, de Helen Reddy, que cumpre 50 anos e gravou un vídeo coa participación tamén de mozas de distintos centros da provincia. Precisamente, a gala culminou coa interpretación deste tema a cargo das mozas participantes coa colaboración de Woyza xunto a María Pérez ao piano e Paula López ao trombón, e que se recollerá posteriormente no citado audiovisual. O traballo levado a cabo no marco do proxecto tivo o seu reflexo noutros vídeos proxectados, un sobre o resumo xeral de Descúbreas e outro titulado “Mentoring”, centrado no acompañamento das oito mozas que desfrutaron da titorización de catro mulleres referentes do eido musical a través do programa. Elas foron Patricia Hermida, xerente de Dotbeate e copresidenta do International Music Managers Forum; Raquel Seijo, xerente de Sweet Nocturna e presidenta de Festivais de Galicia; Woyza, unha das mellores voces do rap e do Rhythm & Blues e Andy González, especialista en coaching de imaxe persoal.

Comeza a segunda fase da mellora do Cemiterio Municipal de Torroso

0

Imaxe de arquivo de setembro de 2020 cando a alcaldesa, xunto co arquitecto municipal e representantes da parroquia de Torroso, supervisaban o inicio dos traballos da 1ª fase

O venres 1 de outubro comezará a segunda fase da mellora do Cemiterio de Torroso, tras ser aprobado hoxe en Xunta de Goberno o pertinente plan de seguridade da obra. Así o informaron a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o tenente alcalde e concelleiro de Vías e Obras e Desenvolvemento Urbano e Revalorización de Espazos Públicos.

O pasado mes de agosto o Concello de Mos asinaba un convenio de colaboración coa Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo da Xunta de Galicia para a acometida da segunda fase de mellora do Cemiterio Municipal de Gándara, na parroquia de Torroso.

A administración autonómica, que xa financiara a primeira fase realizada fai xustamente un ano –durante o verán de 2020-, subvenciona nun 80% esta segunda fase, cunha aportación económica de 11.650,44 euros.

A actuación proxectada para a segunda fase da mellora abrangue un conxunto de nichos con problemas de humidade e filtracións internas de auga, sendo a parte máis afectada a dos nichos en contacto co chan.

Agora actuarase nun conxunto de nichos ou panteóns diferente ao mellorado o ano pasado, polo que os traballos que se contemplan, son independentes dos xa executados o pasado verán, non gardando relación física entre eles, salvo pola natureza dos traballos e por situarse no mesmo Cemiterio Municipal.

Imaxe de arquivo de setembro de 2020

Mediante as novas obras a acometer eliminaranse por completo as filtracións no citado conxunto de nichos, realizando labores de drenaxe consistentes na recollida e evacuación das augas pluviais que chegan ao terreo e que pola súa gravidade infíltranse nos paramentos traseiros do conxunto de panteóns, así como a auga da choiva a través da cuberta. Para elo proxéctase unha única rede que comprende os tres conxuntos funerarios construídos, e estará formada por: rede principal formada por un paquete drenante que discorrerá polas traseiras dos nichos. Conexión mediante pozos de rexistro e tubaxe de PVC dos tres tramos drenantes. Arquetas sumidoiro que recollerán as augas das cubertas dos tres conxuntos de panteóns. E impermeabilización das cubertas planas das tres edificacións.

Primeira fase

Durante a primeira fase da mellora do Cemiterio Municipal de Torroso acometeuse a impermeabilización superior de outros panteóns (cuberta) mediante a drenaxe de 3 grupos deles pola parte traseira dos mesmos. Un dos grupos de 75 metros cadrados de cuberta e os outros dous de 48 metros cadrados cada un. O orzamento investido naquela primeira fase da obra ascendeu a 25.000 euros, subvencionado íntegramente tamén pola Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, que en total entre as dúas fases fai un investimento de máis de 36.000 euros nestas instalacións municipais.

Este xoves preséntase en Tui “1598: La peste en Vigo. El secreto del reclinatorio del prior” de Antonio Giráldez

0

A Biblioteca Pública Municipal de Tui acolle este xoves, 30 de setembro, ás 20.30 h, a presentación da novela “1598: La peste en Vigo. El secreto del reclinatorio del prior”, escrita por Antonio Giraldez Lomba. Esta actividade forma parte da programación “Mes da Biblioteca”.

Na presentación contarase coa participación presenza do autor, Antonio Giráldez, acompañado polo médico tudense e autor do libro sobre a “Gripe de 1918 en Tui”, Rosendo Bugarín González, xunto co responsable da editorial Elvira, Xabier Romero, e o concelleiro de Patrimonio, Turismo e Camiño de Santiago, Laureano Alonso Álvarez.

Antonio Giraldez é historiador, profesor de ensino medio, escritor e vicepresidente do Instituto de Estudios Vigueses. Neste libro, que é a súa primeira obra de ficción, recrea a cidade de Vigo e a antiga provincia de Tui no século XVI e rememora os estragos que provocou a peste nas rúas, prazas, mercados, en definitiva, na vida cotiá naqueles tempos.

Esta presentación está organizada pola Biblioteca Pública Municipal de Tui dentro do programa de actividades para os meses de setembro e outubro que agrupa baixo o nome de “Mes dos Libros”.

Argumento da novela

Sempre gocei reconstruíndo o pasado e esta vez o azar levoume a el. Husmeando nunha almoneda próxima á praza dá Constitución de Vigo, atopei a bo prezo un vello misal. Ao pasar as súas páxinas, descubrín un pergamiño encartado. Ao lelo, comprendín que era parte dun diario datado en 1598 asinado por Gregorio Servido, prior da Colexiata de Vigo.

O pergamiño daba fe dunha época aciaga a cidade e era a primeira peza dun quebracabezas que me levou a Portugal. Alí, ademais de saber de aspectos pouco coñecidos da guerra contra Napoleón, atopei a crónica máis antiga de Vigo, escrita polo prior da Colexiata e gardada celosamente nun caixón do seu reclinatorio. O reclinatorio saíra do templo mentres duraron as obras de reconstrución tras a explosión dunha polvoreira en 1813, pero nunca regresara.

Cando revivía co prior os anos de fame, guerra e peste de fins do século XVI, deime conta de que eu tamén, en 2020, estaba a ser testemuña doutra epidemia que nos azoutaba, o coronavirus.

No outono de 1598, a peste fixo estragos en Vigo e en toda a provincia de Tui. As rúas estaban baleiras, os mercados, pechados, e o Xuíz, que era como entón chamábase ao Alcalde, ordenou que nos afastásemos uns doutros. Na primavera de 2020, a consigna das autoridades tamén era que nos separásemos uns doutros e os veciños apenas saían das súas casas. Sorprendentemente, o meu testemuño parecíase moito ao que deixara escrito hai máis de catrocentos anos Gregorio Servido.

Gondomar inspeccionou máis de 13.500 parcelas recollidas no Plan Municipal de Prevención e Defensa Contra os Incendios Forestais

0

A Lei 3/2007, de 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, estipula que os titulares de terreos forestais teñen a obrigación de realizar a limpeza das parcelas máis próximas ás vivendas, antes do 31 de maio de cada ano.

Finalizado dito prazo legal, e en virtude do convenio subscrito no seu día pola Xunta, FEGAMP e a empresa pública SEAGA, ao cal está subscrito o Concello de Gondomar, dita empresa procedeu nas últimas semanas á inspección dun total de 13.500 parcelas incluídas dentro das faixas secundarias de xestión de biomasa dos núcleos definidos no PMPDCIF. Os propietarios coñecidos recibirán nos vindeiros días unha comunicación oficial para que asuman as súas obrigas e rocen, clarexen e/ou corten o arborado prohibido nas zonas revisadas.

Servizo de información con cita previa

O concello de Gondomar poñerá un servizo de información e asesoramento á disposición de aquelas persoas que reciban a citada comunicación e precisen aclarar calquera dúbida que poida xurdirlles. Para iso será imprescindible solicitar cita previa chamando ao teléfono 678 874979 ou 647 857972. Os días de atención ao público serán luns, mércores e venres de 09.00 a 12.00 horas na Concellería de Medio Ambiente.

A Illa de San Simón acolle este sábado o ciclo de conferencias ‘A música alfonsina en Galicia’

0

A Illa de Simón acollerá, este sábado 2 de outubro, un ciclo de conferencias que se desenvolverá baixo o título ‘A música afonsina en Galicia’, e que xirarán arredor da música medieval na época de Afonso X, o rei autor das Cantigas de Santa María. Os relatores serán Carlos Villanueva, Francisco Luengo, Esperanza Mara e Luciano Pérez, que se encargarán de falar sobre distintos aspectos musicais do período medieval galego.

Con esta iniciativa –que se suma a outras que se realizarán por toda Galicia para homenaxear o monarca sabio ao cumprirse o 800 anos do seu nacemento– o Consello da Cultura Galega e o Concello de Redondela retoman o convenio de colaboración asinado no seu momento polo que ambas entidades comprometéranse a impulsar actividades culturais que se concretarían en conferencias e en exposicións, actividades que estiveron detidas debido ás restricións impostas pola pandemia da Covid.

Á inauguración do acto asistirán a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, e a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, como mostra do reimpulso que estas dúas institucións queren dar ao convenio asinado no seu momento. De feito no mesmo acto adiantaranse algunhas actividades previstas para o vindeiro ano que xirarán arredor da Memoria Histórica e dunha exposición no Multiúsos da Xunqueira.

A inscrición é totalmente gratuíta e pódese facer por medio da web do Consello da Cultura Galega e, para máis información, as persoas interesadas poden dirixirse ao Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela no enderezo de correo electrónico normalizació[email protected]. As prazas son limitadas e respectaranse todas as medidas sanitarias. Compre lembrar ás persoas que vaian asistir a este ciclo de conferencias, que a saída en barco de

140 veciños de Ponteareas e As Neves recibiron formación en emprego dual dende 2015

Xa son 140 veciños de Ponteareas e As Neves os que pasaron polas aulas de formación dual da vila do Tea dende 2015. Así o afirmou hoxe a alcaldesa ponteareá, Cristina Fernández Davila, durante o acto de clausura dos obradoiros de emprego “Coidar de Nós III”, ao que asistiu xunto a concelleira de Emprego, Vanesa Fernández, a Xefa Territorial de Emprego e Igualdade de Pontevedra, Marta Mariño, o alcalde das Neves, Xosé Manuel Méndez, e a dirección do Centro de Desenvolvemento Local do municipio e do obradoiro.

Durante o acto, a alcaldesa deu aos parabéns ao profesorado e ao alumnado e afirmou estar “segura de que este obradoiro vaivos servir para facilitar a vosa integración no mundo laboral con novas saídas profesionais”. Estes obradoiros son unha mostra máis da aposta do Concello de Ponteareas pola mellora laboral e persoal da veciñanza, ademais de ser un “exemplo claro” do que supón a colaboración entre distintas administracións públicas “traballando de xeito coordinado na consecución duns obxectivos claro”, neste caso Concello e Xunta de Galicia.

A concelleira de Emprego, Vanesa Fernández, tamén aproveitou o acto para mostrar que o Concello tamén trata de ser “unha saída laboral para o alumnado do obradoiro”, e afirmou que dende 2015 se contrataron a 48 alumnos e alumnas. A edil agradeceu as palabras da Xefa Territorial cando “destacou o papel importante dos concellos la elección dos obradoiros”, e engadiu que a Concellaría “elixeos en función da empregabilidade posible que actualmente está en máis dun 90 %”. Ademais durante os últimos anos xa se realizaron sete proxectos e Ponteareas acadou unha subvención de importe superior aos dous millóns de euros.

Finalmente a alcaldesa pechou o acto desexando a todos e a todas “unha rápida oportunidade de atopar emprego e así poder aplicar canto antes os coñecementos que levades adquiridos durante todos estes meses”.

O Pazo Provincial tinguirase de verde pola concienciación sobre o desperdicio de alimentos

A Deputación de Pontevedra iluminará de verde o seu Pazo Provincial desde as 20:30 horas deste mércores 29 de setembro ata as 8:00 da mañá do xoves 20 ao abeiro do Día Internacional de Concienciación sobre a Perda e Desperdicio de Alimentos. Deste xeito a institución únese á “IV Semana contra o Desperdicio Alimentario”, que organiza a ACECOC (Asociación de Empresas do Gran Consumo) no marco da campaña “A alimentación non ten desperdicio”, na que participan preto de 700 empresas.

A través desta iniciativa preténdese sensibilizar a todos os axentes económicos e sociais da importancia de aproveitar os alimentos e evitar que se desperdicien e rematen converténdose en residuos. Deste xeito, este mércores procederase á “Marea verde contra o desperdicio alimentario” co prendido de verde de todos os edificios emblemáticos e a AECOC difundirá, ao longo da semana, as receitas incluídas no libro “Estrelas contra o desperdicio”, no que 30 chefs con Estrela Michelin cederon unha receita cuxos beneficios solidarios serán doados integramente á Federación Española de Bancos de Alimentos. Cada ano pérdense ou desperdícianse, segundo a consultora BCG, 1.600 millóns de toneladas de alimentos por valor de 1,2 mil millóns de euros, o que supón un terzo da cantidade total producida a nivel mundial. 11 persoas morrendo de fame ao minuto, mentres outras miles tiran comida. 870 millóns de persoas desnutridas no mundo. A perda de alimentos constitúe un problema medioambiental e un impacto social e humanitario que afecta directamente na sociedade. É un problema de índole internacional que fai necesaria a implicación de todos os axentes sociais e económicos para acadar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) da ONU, que establecen o reto de reducilo á metade para tratar de eliminar a pobreza extrema e a desnutrición.

A Deputación leva este sábado a Ponteareas o espectáculo ‘X Xela’

A Praza da Feira Vella será este sábado 2 en Ponteareas o escenario do espectáculo ‘X Xela’, un evento co que a Deputación contribúe ás festas de San Miguel organizadas polo Concello e co que a institución provincial pretende poñer en valor o galego e conmemorar as Letras Galegas dedicadas este ano a Xela Arias baixo o lema ‘365 días en galego’.

A asistencia ao espectáculo, que se celebrará a partir das 21 horas, é libre mais é preciso reservar entrada a través da plataforma eventbrite.es que xestiona todos os eventos con público do Concello de Ponteareas. As prazas concederanse por orde de solicitude.

‘X Xela’ é dun espectáculo multidisciplinar no que todo tratará en torno a obra da autora Xela Arias misturando tres formatos: música, poesía e fotografía. Segundo explica a deputada de Lingua María Ortega, “será un show dinámico, atractivo e 100% feminino para homenaxear a unhapoeta tan singular”.

A parte musical do evento correrá a cargo da Banda da Loba, unha formación galega que está a revolucionar a música galega coa mestura de música e literatura, que musicará poemas de Xela Arias dende formatos máis tenros ata o punk rock pasando polo country ou o bolero. A parte de fotografía tómase das imaxes de Xulio Gil, viúvo da homenaxeada e Premio da Crítica Galega con máis de corenta anos de traxectoria.

A parte poética de ‘X Xela’, comisariada por Tamara Andrés, contará con tres poetas que representan, comparten a forza e a linguaxe poética da homenaxeada: Helena Salgueiro, Estíbaliz Espinosa, e Nuria Vil, todas elas rebeldes e denunciadoras de desequilibrios que lanzarán “frases coma frechas”. “O espírito de Xela estará moi presente”, subliña a comisaria.

O espectáculo ‘X Xela’ xa pasou da man da Deputación pola praza da Ferrería en Pontevedra o pasado mes de xuño. De forma paralela, a institución provincial ten en marcha outras actividades relacionadas con Xela Arias, como a mostra fotográfica aberta no Museo Verbum de Vigo ata o 29 de outubro.

Salvaterra enquisa á veciñanza para a elaboración do Plan de Mobilidade Urbana Sostible

O Concello de Salvaterra de Miño arranca coa elaboración do seu Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS), unha ferramenta de planificación da mobilidade e que ten como obxectivos favorecer os desprazamentos e modos de transporte enerxéticamente máis eficiente; potenciar, consolidar e definir novos itinerarios peonís e en bicicleta, asegurando a seguridade das persoas;  mellorar a seguridade viaria e a accesibilidade…, en definitiva mellorar a calidade de vida dos nosos cidadáns na búsqueda dunha mobilidade o máis sustentable posible.

O PMUS é un documento que está sendo elaborado por técnicos competentes en materia de mobilidade que que será a guía de ruta das diferentes accións que o Concello realice no futuro, tendo como eixo fundamental a promoción da mobilidade a pé,  minimizar o impacto do tráfico rodado, accións en materia de seguridade viaria e a recuperación de espazos para as persoas, facendo do noso concello un municipio máis eficiente, ecolóxico, saudable e moderno

Con motivo da elaboración deste Plan, durante estes días realizaranse diversas enquisas a pe de rúa e habilitarase un enlace para que todos os veciños e veciñas poidan facer as súas aportacións a través  https://forms.office.com/r/p8PTW9mF9do.

Salceda estrea Marca Comercial

O Concello de Salceda de Caselas pon en marcha a súa propia Marca Comercial #ConSalceda a través dunha subvención da liña 2 do Plan concellos da Deputación de Pontevedra de 11.744,49 euros.

A concellería de comercio dirixida pola alcaldesa, Verónica Tourón, ven de presentar hoxe a Marca Comercial que aglutinará o tecido económico da vila, e que forma parte do proxecto de dinamización da actividade local no que traballa o concello. Na presentación estivo acompañada da tenente de alcaldesa Loli Castiñeira,  representantes de ACISA e da Praza de Abastos.

Trátase dunha iniciativa que impulsa o concello e que conta coa colaboración das Asociacións de Comerciantes da vila e das praceiras/os. Buscan fomentar o consumo local, para reiniciar a vida social e económica de Salceda, despois das consecuencias da pandemia.

“ConSalceda” ten como finalidade converterse nunha marca de referencia para dar visibilidade a todo o comercio local, a hostalería, o mercado municipal e a Praza de Abastos. Unha marca comercial que identifica Salceda a través de valores implícitos valores como o de traballar conxuntamente para por en valor “o noso”.

Tendo en conta que o comercio e a hostalaría  son a principal fonte dinamizadora e económica dun pobo, dende o concello creen que a  administración debe apostar por proxectos de apoio a estes sectores, como medida de reactivación económica. A iniciativa terá visibilidade a través de redes sociais, publicidade en medios, organización de actividades de dinamización e outras accións que se irán poñendo en marcha ao longo dos próximos meses.

Verónica Tourón, explica que “o proxecto #ConSalceda busca que unamos as forzas para reactivar o comercio de proximidade, pequenos negocios, tendas e hostalería e forma parte dun obxectivo máis amplo que é facer de Salceda un pobo cun atractivo comercial importante. Axudar ao comercio é axudarnos a nós, a toda a veciñanza”.

Obradoiros para a rapazada impulsados por AGASOL, AMTEGA e o Concello de Redondela na aula CEMIT de Chapela

0

Os vindeiros días 1 e 2 de outubro impartiranse na Aula CeMIT de Chapela (sita en Rua Manuel Rodriguez Casal nº3, 36320, Chapela – Redondela) uns obradoiros para a rapazada entre 8 e 15 anos con contidos adaptados a cada franxa de idade, promovidos pola Asociación de Software Libre Agasol e que contan coa colaboración da Concellería de Novas Tecnoloxías que xestiona Olga García Ballesteros.

Faranse dous grupos por idades cada día: De 8 a 11 anos, e de 12 a 15 anos, e as temáticas a impartir serán adaptadas en cada caso ao entendemento de cada franxa de idade.

O monitorado adapta os contidos ás características de cada grupo, introducindo cuestións como igualdade, sentido crítico ante a tecnoloxía ou o seu uso de xeito creativo, máis aló do mero consumo, a colaboración e o traballo en equipo, así como a importancia das artes como ferramenta de desenvolvemento.

Os contidos propostos para estes catro Obradoiros que se ofrecen dende o Concello de Redondela son:

  • Tarxeta micro bit: para aprender a programar de xeito fácil e divertido
  • Maching learning for kids: ferramenta para achegarnos á Intelixencia Artificial
  • Makey Makey: kit de creación interactivo para experimentar, investigar, é ideal para practicar nunha contorna real a programación con Scratch.
  • Circuitos en papel: crearemos un circuíto eléctrico co obxectivo de facer billar un LED nun papel ou tela, tamén podemos incluír diferentes sensores e actuadores e facer cómics, postales pop-up, libros luminosos, papiroflexia interactiva…

Dentro desas datas e horarios, créanse os grupos habendo 12 prazas dispoñibles por día e por grupo:

  • venres 1 de outubro de 16.00 h a 17.30 h para rapazada de 8 a 11 anos
  • venres 1 de outubro de 18.00 h a 19.30 h para rapazada de 12 a 15 anos
  • sábado 2 de outubro de 10.30 h a 12.00 h para rapazada de 8 a 11 anos
  • sábado 2 de outubro de 12.30 h a 14.00 h para rapazada de 12 a 15 anos

As matrículas faranse cunha instancia xeral nos rexistros habilitados (Presenciais en Redondela e Chapela, e telemático na sede electrónica: redondela.sedelectronica.gal) e se adxudicarán as prazas por orde de entrada das mesmas. Deberá indicarse os datos do menor, incluíndo a idade e os datos de contacto do pai/nai/tutor, e o día que lle interesa participar. Os obradoiros son totalmente de balde.

Agasol é unha iniciativa de empresas galegas de software libre que se agrupan nunha asociación non só para acadar maiores oportunidades de negocio, senón tamén para acadar unha maior interlocución entre o sector e outros axentes da economía, da administración e da sociedade, procurando un modelo de sociedade do coñocemento no que resulte clave a liberdade para mellorar os programas infromáticos e facer públicos e accesibles ese progresos.

Aparece o veciño extraviado de Gondomar

0

O veciño de Gondomar extraviado desde onte xa apareceu. A familia denunciara a súa desaparición o día anterior, chegada a noite, cando comprobaron que non regresou ao seu domicilio que abandonara sobre as dúas e cuarto do mediodía en moto, coa  motosierra.

A primeira hora da mañá, a Garda Civil montou un operativo especial para localizalo, no que se contou coa participación de veciños e veciñas que se achegaron voluntariamente, así como da Policía Local, Grumir e o 112. Tamén se empregaron drons na procura.

Pasadas as doce e cuarto do mediodía de hoxe, aproximadamente, na zona de Vilas -Morgadáns, conseguiron dar co veciño. Segundo os datos facilitados pola Garda Civil, atopárono nunha zona de difícil acceso para os vehículos, cunha ferida importante na cara que podería facerse coa  motosierra, no que apunta puido ser un accidente. Estaba débil pero consciente.

Logo de encontrado, trasladárono ao coche da Garda Civil que, tras consultar co coordinador do 112, recibiu a orde de proceder ao seu traslado ata o hospital Álvaro Cunqueiro debido á gravidade das feridas e por ser máis rápido por estar máis preto do centro hospitalario, onde se fixeron cargo deste home.

As Festas de Setembro de Ponteareas rematan con música e animación para os pequenos

Ponteareas remata este domingo as súas Festas de Setembro despois de máis de 30 propostas de balde e para todos os públicos. Dende o Concello afirman que “están moi satisfeitos coa acollida da programación por parte da veciñanza” e anímaos a asistir ás nove propostas culturais e de animación que se van celebrar dende este mércores ata o próximo domingo.

A recta final comeza mañá, festivo local, ás 11.30 horas cun pasarrúas de xigantes e cabezudos acompañados do Grupo Folclórico Naiama polo centro urbano, máis tarde, ás 13.30 h, será o lanzamento tradicional dos globos de San Miguel, ás 17 h haberá distintas actividades de animación na rúa e ás 21.00 h o grupo América pechará a xornada no aparcadoiro da Avenida Castelao.

O xoves ás 21.00 horas o parque da Feira Vella acollerá a actuación de Tanxugueiras, mentres que o venres a mesma hora pasará polo mesmo escenario Tania Veiras.

A xornada do sábado comeza ás 18.00 horas con animación nas rúas do centro urbano e remata co concerto de A banda da Loba xunto a un recital poético para festexar a obra de Xela Arias ás 21.00 h no parque da Feira Vella. O domingo as Festas rematan cunha visita guiada ás 11.30 h ao legado arquitectónico dos mestres Cerviño na vila, e co concerto de Broken Peach ás 21.00 horas no parque da Feira Vella.