20.4 C
Pontevedra
Luns, 14 de Outubro de 2024
Máis
    HomeVal MiñorNigránLidl abre mañá a súa primeira tenda no Val Miñor tras investir...

    Lidl abre mañá a súa primeira tenda no Val Miñor tras investir 4,7M€ e crear 23 novos empregos

    A apertura este xoves da tenda de Lidl na rúa As Pontes de Nigrán, xunto ao Centro de Negocios e a gasolineira, supoñerá a primeira incursión da cadea na comarca do Val Miñor.

    O novo establecemento, no que traballarán unha vintena de persoas, daralle resposta á demanda de localidades como Baiona ou Gondomar, ademais do propio concello de Nigrán. Está situado nunha parcela de 4.790 metros cadrados, dos que a superficie de vendas ocupa uns 1.400 metros cadrados, con dúas plantas e unha altura total de sete metros. En total, a cadea mobilizou un investimento de 4,7 millóns de euros para a construción e o equipamento, actuacións que lles adxudicaron a empresas galegas, como a construtora pontevedresa CHS ou a enxeñería coruñesa COTECNO.

    Neste senso, a firma continúa a súa estratexia habitual tanto de apoio a provedores de proximidade como de compromiso medioambiental, xa que este punto de venda conta con plataforma fotovoltaica e iluminación LED, o que a converte nunha tenda ecosostible grazas tamén aos paneis solares instalados ao longo dunha extensión de 1.000 metros cadrados.

    Con motivo da súa posta en funcionamento, o establecemento ofertará unha degustación gratuíta de produtos rexionais aos seus primeiros clientes, que poderán acudir no horario habitual (luns a sábado de 9 a 21.30 horas) e facer uso das súas 80 prazas de estacionamento. Como xa é habitual, o alimento galego terá un papel protagonista nos lineais de Nigrán, cos queixos rexionais, o leite fresco e a cervexa Estrella Galicia como algúns dos principais alicientes de proximidade.

    Colaboración institucional

    O Xerente de Vendas da marca en Galicia, Borja Franco, agradeceu esta mañá a “plena colaboración e a axilidade nos procesos administrativos” do Consorcio da Zona Franca de Vigo e do Concello de Nigrán, cuxos máximos representantes participaron nunha visita á tenda na xornada previa á súa apertura ao público. En concreto, Borja Franco sinalou que “igual que unha vintena de persoas atoparon un aliado en Lidl para ter unha oportunidade de traballo, tamén Lidl tivo un aliado en ambas institucións”.

    Así mesmo, Franco reivindicou o decidido apoio de Lidl ao desenvolvemento económico e á dinamización do sector primario e do mercado laboral galego, “unha realidade incuestionable”. “Os máis de 1.000 millóns de euros destinados a produtores de Galicia nos últimos catro anos ou os 2.800 postos que xeramos só na provincia de Pontevedra entre emprego directo, indirecto e inducido son un termómetro perfecto da nosa alianza coa comunidade”, subliñou.

    Mentres, o alcalde de Nigrán, Juan González, sinalou que “o proxecto de Lidl afianza Porto do Molle como o gran parque empresarial de toda a área metropolitana, porque estamos a falar dunha firma de referencia no sector. A súa presenza non só conleva xerar postos de traballo, senón que xera máis recursos económicos para o Concello de Nigrán, que segue contando con este Polígono Terciario como o seu gran activo”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.