Este domingo, 3 de outubro, a compañía de teatro A Panadaría representará a súa peza teatral Elisa e Marcela dentro da programación cultural Tornar ás taboas da Deputación de Pontevedra. O evento celebrarase no Auditorio V Centenario de Baiona.
Marcela Gracia Ibeas e Elisa Sánchez Loriga coñecéronse e namoráronse a mediados da década de 1880 na Escola Normal de mestras da Coruña. Despois, empezaron a traballar en distintas escolas de varios Concellos da zona pero sempre tentando estar o máis preto posible para poder vivir xuntas. En 1901 Elisa viaxa á Coruña, córtase o pelo, vístese con roupa de home e déixase crecer o bigote para finxir que é un home. Finalmente o 8 de xuño casan e é cando comeza o pesadelo.
A compañía A Panadaría retrata sobre o escenario esta historia de amor, sen adornos, sen artificios, teatro en estado puro onde o principal son as actrices. A dramaturxia é froito do traballo conxunto da directora da obra Gena Baamonde e as tres integrantes da panadaría, Areta Bolado, Ailén Kendelman e Noelia Castro. Un texto que narra dun modo moi sinxelo e tenro unha historia de dor, persecución e sufrimento pero sobre todo de amor.
Ademais ao longo destes anos cultivaron numerosos premios como: Mellor espectáculo, Mellor Dirección, Mellor Texto Orixinal e Mellor Actriz Protagonista (Areta Bolado) nos Premios María Casares 2018. Premio de Igualdade Luísa Villalta 2017. XIV Premio LGBT Marcela e Elisa do Colectivo ALAS. Premio do público MIT de Ribadavia 2018 e Fetega de Carballiño 2018.
A entrada do evento será gratuíta. Aforo limitado segundo orde de chegada. As portas do auditorio abriranse trinta minutos antes do espectáculo.
En todos os espectáculos manteranse as novas normativas de aforo e de distancia social marcados polos protocolos de seguridade contra o Covid-19.
Trátase dun evento organizado pola Deputación de Pontevedra e a Concellería de Cultura de Baiona.
Sinopse
Ano 1901, A Coruña. Dúas mulleres casan na igrexa de San Xurxo, unha delas vestida de home. Unha historia de persecucións policiais, fuxidas en dilixencia, cambios de identidade e informacións manipuladas. As cómicas da Panadaría presentan unha reconstrución irreverente dun suceso real. Unha comedia musical onde o verídico parece invento. Elisa e Marcela é unha historia de amor a contratempo.