Venres, 13 Decembro de 2024

O pleno de Ponteareas aproba por unanimidade o convenio de colaboración para a ampliación e reforma da depuradora

A corporación tamén decidiu que os festivos locais do ano 2022 serán o 20 de xuño e o 29 de setembro

EDAR A Moscadeira

O pleno de Ponteareas reuniuse o pasado martes para tratar distintos asuntos de importancia para a vila. Entre eles, destaca a aprobación por unanimidade do convenio de colaboración para a ampliación e reforma da depuradora do municipio. As catro forzas políticas representadas votaron a favor do acordo do Concello coa Xunta de Galicia e o Estado, que permitirá levar a cabo as obras de ampliación e reforma da estación depuradora de augas residuais da Moscadeira, dando así solución a un dos problemas históricos máis graves da vila, a contaminación do Tea e a falta de saneamento no rural.

O convenio contempla un investimento de 11,7 millóns de euros para a execución e explotación destas actuacións de saneamento e depuración, financiados ao 50% polo Estado con fondos europeos, ao 30% polo Concello e ao 20% pola Xunta. As obras tamén contemplan a mellora do saneamento, reducindo as filtracións e separando as augas procedentes da choiva que ata o de agora aumentaban o caudal que recibía a depuradora. Todas estas  actuación deberán estar rematadas en 2021.

Durante o pleno tamén se aprobaron os días festivos para o ano 2022, acordados previamente coas asociacións de comerciantes da vila, e que serán o 20 de xuño e o 29 de setembro. Outro dos asuntos relevantes que se discutiron no pleno foi a moción de urxencia presentada pola concellaría de Educación, que dirixe a alcaldesa Cristina Fernández Davila, para solucionar a falta dun traballador social no centro de educación especial Saladino Cortizo. Foi aceptada, e todos os partidos aceptaron reclamar o máis rápido posible a ocupación desta praza e tamén solicitar que ese posto non sexa amortizado nin por baixa nin xubilación, xa que é imprescindíbel no centro educativo.