Domingo, 1 Xuño de 2025

Obradoiro de percusión africana en Nigrán para despedir o ano

0

O vindeiro sábado, 30 de decembro, realizarase en Nigrán un obradoiro de percusión africana impartido por Andrés Rivero e organizado pola Escola de Música Municipal, en colaboración co Concello. Será a segunda edición deste curso, que na ocasión anterior cubriu todas as prazas que ofertaba.

O curso, de tres horas de duración, incluirá contidos de técnica, linguaxe e ritmos do djembé, instrumento de percusión da costa oeste africana. A organización facilitará os materiais necesarios, polo que non é preciso ter instrumentos nin experiencia previa para asistir.

O obradoiro terá lugar na Escola de Música Municipal de Nigrán, situada na antiga biblioteca municipal do Ceán, en horario de 11:00 a 14:00h. Ten un custe de 15 € e é preciso realizar inscrición previa, para reservar a praza, no 615 914 161 ou no correo [email protected].

Andrés Rivero – Nigrán, 1981

De formación autodidacta, investigou e formouse xunto a grandes mestres da percusión afrobrasileira, afromandinga e afrocubana como Mamady Keita, Harouma Dembelé, Mario Pam, Gabi Guedes, Marivaldo Paim, “Memeu” de Olodum, Bira Santos, Jaír Rezende, Ícaro Sá, Nei Sacramento, Dendê Macedo ou Crá Rosa, entre moitos outros, tanto en Europa como en Salvador de Baía ou Guinea Bissau.

Como músico participou en grupos como Trópico de Grelos, Perfusión ou A Companhía do Ruído, entre outros.

A súa experiencia docente comezou en 2011, impartindo talleres grupais e clases regulares en diferentes proxectos como a escola de Trópico de Grelos ou Galinké. Ten formado parte do equipo docente no Curso internacional Merza Percusión en 9 edicións desde 2012.

Desde 2020 atópase inmerso en Latexo Percusión, proxecto que dirixe tanto na súa rama artística como formativa, mentres colabora, tocando e gravando con outras formacións.

Tomiño dá o pistoletazo de saída á rehabilitación enerxética da Casa da Cultura

0

O Concello dá o pistoletazo de saída a ‘Integra Tomiño’, un proxecto transformador para o municipio que contempla a rehabilitación enerxética da Casa da Cultura e a implementación de melloras no espazo público de toda a contorna. A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, asinaron o convenio para a posta en marcha deste proxecto para o que o Concello foi quen de captar un millón de euros a través do Plan PON2030.

A través desta iniciativa, o Goberno municipal busca continuar transformando e revitalizando Tomiño ao tempo que se toman medidas para loitar contra o cambio climático, apostando pola eficiencia enerxética e a sostibilidade.

Cun investimento total de 1,3 millóns de euros, o proxecto ‘Integra Tomiño’ non só abarcará a rehabilitación enerxética da Casa da Cultura, senón que tamén permitirá a mellora e acondicionamento de todo o espazo adxacente situado diante do edificio de Benestar Social, na rúa República Arxentina e na vía situada tras a Casa da Cultura, ata o Centro de Día.

O obxectivo é a integración de equipamentos a través do espazo público para crear unha contorna cohesionada e funcional que permita conectar servizos para o uso e desfrute da veciñanza. “Grazas á capacidade do Concello de captar fondos externos seguimos levando adiante proxectos que melloran e modernizan as infraestruturas existentes e que permiten crear un espazo máis accesible e atractivo para a veciñanza”, salientou a alcaldesa.

O Porriño abre hoxe o seu Mercadillo de Nadal

Logo do acendido das luces e instalación de decorado de Nadal, o inicio da música das rondallas e outras actividades propias destas datas, quedaba por inaugurar o mercadillo de Nadal no Porriño. Será hoxe luns cando as dez casetas de madeira instaladas na Praza do Cristo abran ao público en horario e mañá e de tarde ata o domingo 7 de xaneiro, no que se ofrezan produtos artesanais, decoración, alimentación, complementos ou agasallos, entre outros artigos, todos eles relacionados co Nadal.

Nesta primeira quenda, que se prolonga ata o 27 de decembro, os dez postos son os que seguen:

  1. Rosquillas, garrapiñadas, algodón de azucre, gominolas, mazás de caramelo.
  2. Coleccionismo de Playmóbil principalmente con temática de Nadal
  3. Complementos de tela feitos a man (bolsos, chaveiros, coleteiros, accesorios de bebé, bolas para as árbores personalizadas e detalles para regalar.
  4. Accesorios feitos a aman de resina con flores naturais encapsuladas, recollidas e prensadas a man. Pendentes colares, aneis e marcapáxinas, pendentes de madeira feitos a man, serigrafiados.
  5. Artesanía en pel, madeira, produtos de entretemento infantil.
  6. Bocadillos, empanadillas, creps, doces, etc.
  7. Mel, polen, cera, xabóns de mel, velas, etc.
  8. Roupa infantil fabricada en Galicia.
  9. Dragóns moldeados con deseños propios, marcos para decoración con pezas de resina feitas a mano, diorama de pokemon con luz e sen luz, complementos relacionados coa fantasía, ovos de dragón no seu baúl, etc.
  10. Sacos térmicos, xoiería artesanal, xoiería macramé, ambientadores, tarros de cristal.

O horario de apertura dos postos será de luns a xoves e domingos, de 12.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00 horas; os venres e sábados, de 12.00 a 22.00 horas; os días 24 e 31 de decembro e 5 de xaneiro abrirán só de mañá e os días 25 de decembro e 1 de xaneiro permanecerán pechados

O programa SmartPeme da Deputación oferta esta semana catro novas accións formativas

A Deputación de Pontevedra, a través do programa SmartPeme de asesoramento tecnolóxico para pemes e persoas autónomas, oferta esta semana catro novas accións formativas enmarcadas na súa carteira de obradoiros. Estes talleres, impartidos de xeito telemático, centraranse na optimización do cociente de conversión, no copywriting, nas novas tendencias en turismo e na creación dunha páxina web profesional a través de WordPress.

As accións formativas comezarán hoxe luns, 18 de decembro ás 12:00 horas, con “CRO: Como mellorar as ventas da túa web” a cargo de Esther Garcinuño, diplomada en Ciencias Empresarias e especialista en marketing e dirección comercial. No obradoiro analizarase o cociente de conversión e ensinarase as técnicas básicas para transformar visitantes dunha páxina web en clientes.

O mércores 20 de decembro terán lugar dous cursos. Entre as 12:00 e as 13:00 Patricia Cabaleiro, postgraduada en Turismo, impartirá o taller “Copywriting para empresas turísticas” no que dará a coñecer como crear textos que vendan mellor os servicios utilizando palabras que conecten cos viaxeiros para convertelos en clientes. Pola súa banda, ás 17:00 impartirase o obradoiro “Novas tendencias en turismo: turismo petfriendly”, onde Sonia Torres, Técnica de Empresas e Actividades Turísticas, explicará as claves deste tipo de turismo que viaxa con mascotas.

Finalmente o xoves 21 de decembro, entre as 12:00 e as 13:00 horas, terá lugar o curso “Crea unha páxina profesional con WordPress II”, onde se ensinarán os pasos para crear un sitio web profesional e optimizado con este programa. Este curso será impartido por María Aller, licenciada en Publicidade e Relacións Públicas.

Samuel Merino (Pompa Boato), «Claustro, corda, comensal»

A poesía de Samuel Merino vén sempre cargada de sinceridade, de crúa e íntima sinceridade. Dende unha posición autorreferencial, debulla para nós distintos momentos da súa vida ou, para ser máis preciso, das súas vivencias, espindo así algunhas parcelas da súa propia psique. Iso non implica, obviamente, que cada verso sexa unha afirmación incuestionable, unha verdade dogmática, pero non resulta difícil atopar nos seus textos un eixo argumental máis ou menos evidente que nos devolve unha e outra vez ao propio poeta. Mesmo que se disfrace, como acontece en «Claustro, corda, comensal», un longo poema fragmentado (iso xa é marca da casa) cun fío narrativo moi claro. Intuímos que tal fío nace da súa formación teatral, o que, unha vez máis, aproxima o texto ao concepto do monólogo dramático.

A afirmación sobre o disfraz débese a que o eu poético desta peza semella non ser Samuel, senón unha muller que ingresa nun centro psiquiátrico e que nos convida a acompañala durante o tempo de estadía. Pero as referencias persoais son tan claras que resulta doado interpretar o seu papel como unha representación, simbolismos aparte, do propio autor. Dende o mesmo preludio xa advertimos algúns dos elementos que lle darán forma ao texto, como son a ausencia ou a soidade. Cando a protagonista abre a porta e nós a atravesemos canda a ela, adentrarémonos nun mundo habitado por doentes, pero tamén polo silencio, pola memoria, polo desconsolo, pola empatía, pola violencia, polas olladas perdidas e polas lembranzas. Un espazo simbolizado no propio claustro ao que alude o título do poema, que aílla á protagonista do exterior e a través do cal se nos propón achegármonos a unha cuestión tan actual e tan descoñecida como é a da saúde mental.

Como non podía ser doutro xeito, o texto está inzado de referencias a Leopoldo María Panero, o escritor que entraba e saía dos centros psiquiátricos por mor dos problemas derivados do seu ingreso no cárcere logo de participar na loita antifranquista. E non falamos só das referencias máis evidentes, como é a inclusión de varias citas súas ao longo do texto, senón tamén indirectas, como é a tendencia ao escurantismo que agroma por tras dalgúns dos versos, que semellan abeirar ese malditismo, entre nihilista e existencialista, tan característico do poeta madrileño. Esta afirmación pode levar a pensar nunha composición lóbrega e pesimista, pero a pesar da crueza dalgunhas das imaxes, o certo é que Samuel Merino é capaz de acadar un grao de calidez importante que facilita a súa lectura e axuda a empatizar de forma clara coa protagonista.

O poema está escrito cun estilo diáfano e directo, e cunha linguaxe precisa e ateigada de xiros audaces na súa capacidade expresiva e descritiva, o que nos permitirán mergullarnos na psique dese eu poético do que falabamos. O resultado é unha delicada pescuda no fondo da alma do poeta e, por extensión, da nosa propia.

Samuel Merino (Pompa & Boato)

«Claustro, corda, comensal»

96 páxinas

Redondela deseña un proxecto para dotar a praia de Cesantes de iluminación autosuficiente

0

O Concello de Redondela, en colaboración coa startup galega Himikode, da o primeiro paso para o deseño dun proxecto singular co obxectivo de impulsar a sustentabilidade e mellorar a calidade de vida de todos os residentes e visitantes do municipio.

O proxecto céntrase na renovación do sistema de iluminación da praia de Cesantes utilizando sistemas multifuncionais, e as Concellerías de Sostibilidade e Urbanismo están a estudar a súa viabilidade.

Estes sistemas integran fontes de enerxía renovable, como a enerxía eólica e solar, para garantir unha iluminación autosuficiente. Ademais, incorporan unha xestión intelixente que axusta o aceso e apagado das luces segundo as necesidades reais, reducindo así a dependencia de combustibles fósiles e diminuíndo a pegada de carbono, cunha instalación sen necesidade de obra civil. Estes sistemas poden adaptarse ás necesidades da contorna integrando sensores intelixentes que monitorizan a calidade ambiental, niveis de ruído, contaminación, temperatura ou a afluencia de persoas, entre outras cousas. Isto asegura unha contorna máis saudable, sustentable e seguro para todos.

Esta información pode coñecerse en termo real, “o que permite ao Concello comprender mellor os impactos do cambio climático e o uso que a comunidade fai da contorna”, segundo explica o concelleiro de Infraestruturas e Sostibilidade, Roberto Villar. Deste xeito “pódense planificar máis facilmente a actuacións máis axeitadas ás necesidades da veciñanza e aos visitantes”, sinala Villar.

Con este proxecto pioneiro o Concello de Redondela aspira a situarse na vangarda da innovación tecnolóxica “e demostra o seu compromiso coa sostibilidade na planificación urbana e a xestión do territorio”. O concelleiro de Urbanismo, Antonio Cabaleiro, avanza que de ser viable, este proxecto levarase a futuras obras de humanización no municipio. O obxectivo final é “adaptar estas iniciativas ás necesidades reais da poboación e os visitantes, asegurando unha contorna máis habitable para todos”, conclúe o concelleiro.

O CEIP de Barrantes organiza unha carreira solidaria pola investigación da leucemia infantil

0

O CEIP de Barrantes achega o seu lado máis solidario para recadar fondos para a investigación da leucemia infantil. O centro educativo organiza o vindeiro xoves 21 de decembro unha carreira solidaria na que o alumnado correrán polas rúas de Tomiño para doar o seu esforzo a minutos de investigación que permitan afondar en tratamentos para a cura da leucemia infantil.

O equipo directivo e docente do centro anima a todas as nais, pais, veciños e veciñas a participar nesta iniciativa e achegar o seu gran de area. A carreira, que poderá facerse correndo ou andando, comezará ás 10.15 horas e transcorrerá polas rúas do centro de Tomiño.

Trátase dunha carreira solidaria e reivindicativa para demandar máis medios para a investigación da leucemia infantil, enfermidade que cada ano se lle diagnostica a 350 nenos e nenas en España. Todas as achegas son voluntarias e serán entregadas á Fundación ‘Uno entre cien mil’, unha entidade que dende 2010 loita contra a leucemia infantil.

Concerto de Nadal a cargo do Balneario de Mondariz e a Fundación Rogelio Groba

O Balneario de Mondariz e a Fundación Rogelio Groba únense nunha iniciativa cultural moi especial, a creación dun concerto de Nadal que se estreará o 23 de decembro de 2023 e desenvolverase todos os anos no Teatro Infanta Isabel da vila termal. Unha velada musical a cargo da Orquestra de Cámara Galega que conmemora o 150 aniversario da fundación do balneario e que nace da amizade e a admiración mutua de ambos os colectivos.
Un proxecto que se xestou fai máis de tres anos da man de Rogelio Groba Otero e Amalia Gallego para crear un evento anual que emule aos grandes concertos que se realizan en Europa, en cidades emblemáticas como Viena, Baden Baden, Karlo Vivary, e en escenarios históricos vinculados á tradición termal.

Música, Auga e Arquitectura son a base deste concerto que pretende escribir un novo capítulo da historia do Balneario de Mondariz e a súa vinculación, desde facer tres séculos, coa cultura. Un total de 250 invitados a esta gala inaugural gozarán desta estrea que, ademais, inicia o 30 aniversario da recuperación de Balneario de Mondariz tras quedar toralmente destruído por un incendio en 1973.

O rescate e a recuperación dos valores culturais e artísticos que marcaron a historia de Balneario de Mondariz constitúen, xunto coa recuperación ambiental e a posta en valor da súa riqueza termal, os obxectivos prioritarios da empresa que preside, Javier Solano e dirixe actualmente, Ricardo Fuciños Cebreiro que consideran que nexos de unión como estes con Europa e os seus costumes son imprescindibles para mirar ao futuro.
Este acontecemento dará paso a un completo programa no que os afeccionados á música clásica poderán gozar grazas a H. Genzmer e o seu Sinfonietta; Ou. Respighi Aires e Danzas suite nº3, E. Elgar e o seu Serenata, así como Rogelio Groba con Catro Bagatelas.
A Orquestra de Cámara Galega estará dirixida por Rogelio Groba Otero, fillo do compositor, actual do director da Cámara Galega e impulsor da Fundación Groba, na que traballa por preservar e difundir o legado do seu pai.

Salvaterra contará cunha depuradora coa axuda da Xunta

O Consello da Xunta autorizou a sinatura do convenio de colaboración co Concello de Salvaterra de Miño para mellorar o sistema de saneamento municipal coa execución dunha depuradora e a conclusión da rede de colectores na bacía do río Mendo, que suporán un investimento de 2 M€.

O obxectivo é rematar o saneamento integral das parroquias de Leirado, Fiolledo, Soutolobre, Corzáns, Oleiros e Meder, na bacía do río Mendo, completando a rede de colectores e construíndo unha nova depuradora de augas residuais.

O Goberno galego, a través de Augas de Galicia, financiará o 80 % da actuación, achegando 1,8 M€, e o Concello porá o investimento restante, é dicir, 200.000 €.

As actuacións serán cofinanciadas pola Unión Europea a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), no marco do Plan Estratéxico da Política Común de España 2023-2027 (PEPAC) en Galicia.

No que se refire ás obrigas, a Xunta realizará a tramitación e a execución das obras, que terán un prazo de 18 meses.

Unha vez asinado o citado convenio, procederase á licitación das obras para que poidan estar en execución no segundo semestre de 2024.

Actuacións

As obras previstas inclúen a construción dunha depuradora no río Mendo, deseñada para un caudal horario punta de 118,08 m3/h que dará servizo aos 2.310 habitantes esperados no ano horizonte 2040.

Tamén se executará un colector de conexión á rede de Oleiros co fin de facer chegar á nova depuradora as augas residuais recollidas no citado núcleo.

O proxecto abrangue os correspondentes pozos de bombeo, así como as impulsións de entrada e saída de depuradora.

A Xunta, a través de Augas de Galicia, continua prestando apoio técnico e financeiro aos municipios para que poidan exercer de xeito eficiente as súas competencias de saneamento e abastecemento, proporcionando uns servizos de calidade aos cidadáns.

A Deputación transformará o núcleo máis poboado de Tomiño

0

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, visitou este venres o Concello de Tomiño para asinar coa rexedora Sandra González un convenio de colaboración enmarcado no Programa Provincial de Infraestruturas e Dotacións Singulares para a Execución da Axenda 2030 (PON2030) a través do cal o goberno provincial financiará con case un millón de euros, o 75 % do orzamento, o proxecto para a rehabilitación enerxética da casa da cultura e a mellora da accesibilidade e mobilidade peonil entre os equipamentos públicos da zona do Seixo. O Concello, pola súa banda, achega o 25 % restante, máis de  300.000 euros. Un novo exemplo de colaboración entre administracións que posibilita a transformación dunha das áreas máis poboadas deste municipio do Baixo Miño e, ao mesmo tempo, mellora os servizos e as comodidades de centros sociocomunitarios, explicou o mandatario provincial despois de asinar o acordo.

O proxecto, valorado en máis de 1,3 millóns de euros, céntrase na transformación da Casa da Cultura de Tomiño e de toda a súa contorna nun radio de acción de 200 metros. O obxectivo da intervención é a creación dun complexo cultural de referencia, eficiente, accesible, moderno, respectuoso co medio ambiente e que será complementado cunha reforma urbana centrada na mobilidade peonil, a creación de zonas de convivencia na rúa e a ampliación de zonas verdes. Para acadar este obxectivo a obra dividirase en dous focos de acción, por un lado, na Casa da Cultura procederase a rehabilitación integral da envolvente do edificio, a reforma das instalacións de ventilación e climatización, a implantación dun sistema de reciclaxe de augas pluviais para regar os xardíns, a renovación dos aseos e a mellora do illamento acústico. Mentres que nas rúas da contorna, crearase un itinerario de preferencia peonil para conectar todos os edificios públicos da zona do Seixo, reconfiguraranse os viarios, crearase un espazo de convivencia de plataforma única, con zonas de estancia e aparcamentos disuasorios; implantaranse medidas de calmado de tráfico e crearanse novas zonas axardinadas.

Segundo recolle o convenio, as obras deberán estar rematadas antes do 30 de abril de 2025. A sinatura deste protocolo entre Deputación e Concello de Tomiño realízase coa modificación das bases do programa PON2030 xa en vigor. Unha modificación que fai compatible a achega da Deputación coas subvencións doutras administracións sen que o montante concedido ao Concello polo goberno provincial se vexa reducido.

A deste venres foi a primeira visita institucional do presidente da Deputación a Tomiño e aproveitou para poñer en valor proxectos ambiciosos e transformadores que só son posibles se se tenden pontes entre administracións.   

Salvaterra e Monçao prepáranse para a San Silvestre solidaria 2023

O vindeiro 23 de decembro volta a San Silvestre Solidaria Eurocidade Monção Salvaterra de Miño, onde os habitantes da Eurocidade, así como as persoas que desexen participar, terán o seu percorrido internacional ao longo de algo máis de 5 km.

A proba senior terá lugar ás 20:30 horas con saída dende a Praza do Concello de Salvaterra e chegada á Praza Deu-La-Deu. Previamente ás 20:00 horas celebrarase a proba infantil para participantes ata os 12 anos e que consisitirá nun percorrido de dúas voltas á mesma Praza do Concello.

Para participar en ambas probas tanto infantil como senior é requisito aportar un alimento non perecedoiro para o Banco de Alimentos. As inscricións rematan o 22 de decembro na web sites.google.com/view/sansilvestre2023 aínda que tamén se poderán anotar no propio día na proba. Para facilitar a recollida de dorsais habilitarase un espazo na Biblioteca Municipal de Salvaterra denuedo o luns 18 ó venres 22 onde poderán acudir en horario de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas. Tamén poderán recollelo no mesmo día da proba.

Para facilitar o transporte dos participantes na San Silvestre haberá un autobús
que os levará de regreso dende Monção ata Salvaterra.

O Concello da Guarda asinou o convenio do Plan de Sostibilidade Turística en Destino

0

Nesta semana, o Concello da Guarda avanzou na tramitación do Plan de Sostibilidade Turística en Destino coa sinatura dun convenio que regula esta subvención.

O convenio foi asinado entre a Axencia de Turismo de Galicia e Concello da Guarda para a execución do Plan de Sustentabilidade Turística da Guarda, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resilencia, financiado pola Unión Europea-Next Generation EU e que corresponde a convocatoria extraordinaria do 2022.

Unha vez asinado este convenio solicitouse formalmente ante a Axencia de Turismo o adianto do importe total concedido, subvencionado ao 100 %. A transferencia, cun importe total de 1.000.000 €, será efectiva nas vindeiras semanas. 

Paralelamente o Concello da Guarda segue a traballar no desenvolvemento das actuacións previstas no ámbito da sostibilidade, mobilidade e a competitividade turística. Estas actuacións e as posibles modificacións serán presentadas ao Comité de seguimento coa Axencia de Turismo para a súa aprobación e así dar comezo á execución deste plan.

Arranca en Mos a tempada de rondallas co primeiro certame rondalleiro en Puxeiros

0

Este domingo, 17 de decembro, celebrarase o Certame de Rondallas do Concello de Mos desde as 16:30 horas, na Avenida de Puxeiros, Tameiga. A mosense é a primeira cita rondalleira deste Nadal, xa que será a primeira data na que as rondallas salan á rúa facendo a súa estrea nesta tempada navideña.

Para presentar o Certame déronse cita esta mañá en Puxeiros a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, a concelleira de Cultura, Sara Cebreiro, e representantes das rondallas participantes. A rexedora local mosense destacou neste senso “a importancia da tradición rondalleira no sur da provincia de Pontevedra en xeral e no municipio de Mos en particular, de ahí que sexa vital coidala, preservala, protexela e fomentala”, declarou. E salientou “o papel dos rondalleiros e rondalleiras, que traballan todo o ano para dar o mellor de sí nestas datas e incluso deixan a súa vida persoal e aos seus seres queridos nun segundo plano para alegrarnos a todos as festas”. Agradeceu “o seu labor, o seu bo facer, e que enchan de ledicia, espectáculo e boa música cada Nadal en Mos”. 

O Certame de Rondallas de Mos que terá lugar o domingo contará coa participación, no seguinte orde de:

  • Rondalla Santa Eulalia de Atios (O Porriño)
  • Rondalla de Pontellas (O Porriño)
  • Rondalla do Círculo Cultural e Deportivo Santa Eulalia (Mos)
  • Rondalla da Asociación Cultural e Social de Herville (Mos)
  • Rondalla do Círculo Recreativo e Cultural de Torroso (Mos)
  • Asociación Club Rondalla Santiaguiño de Guizán (Mos)

O pavillón municipal de Guillarei contará con vestiarios

0

O Concello de Tui continúa a traballar para mellorar as instalacións deportivas municipais e que estas conten coas condicións idóneas para a práctica deportiva. Nestes momentos está a executar obras de reforma e ampliación no pavillón deportivo en Guillarei para a instalación de vestiarios que suporán un investimento de 133.062,96 €.

En concreto os vestiarios execútanse de forma lonxitudinal na fachada sur de forma adosada ao edificio. A obra conta cun prazo de execución de 6 meses.

Coa construción dos vestiarios melloraranse as condicións para os clubs deportivos e deportistas que empregan estas instalacións municipais.

Nigrán ofrece este domingo o IV Certame de Rondallas

0

O Concello de Nigrán e o Centro Cultural Parada do Miñor ofrecen este domingo 17 de decembro desde as 10:30 horas na Alameda de A Ramallosa o IV Certame de Rondallas. Nesta participan a anfitriona, Santiago de Parada (Nigrán), a AVV Galiñeiro de Vincios (Gondomar) , Rondalla Mosteiro de Pexegueiro (Tui) e A Merced de Chaín (Gondomar).

Igualmente, como é tradición, hoxe sábado 16, desde as 9:30 horas, a rondalla de Santiago de Parada percorreu as rúas da parroquia e o día 24 o fará polas rúas de Nigrán. As rondallas son formacións musicais con gran tradición en todas as Rías Baixas e particularmente na comarca do Miñor, contando o Concello de Nigrán coa de Santiago de Parada, recoñecida precisamente co ‘Premio ao Mérito cultural Nigrán 2023’.

Máis de 2.500 persoas participaron este ano no programa Depotermal

Co regreso a casa este venres das 150 persoas que esta semana estaban a participar en Sanxenxo na última quenda de Depotermal, a Deputación de Pontevedra pon o broche de ouro a esta iniciativa da que se beneficiaron, este ano, 2.500 persoas de 57 concellos da provincia. O presidente Luis López fixo balance deste programa que “permite fomentar o envellecemento activo e favorecer o acceso a actividades de ocio saudable ao tempo que dinamiza a economía da provincia, algo prioritario para este goberno”.

O programa Depotermal desenvolveuse no último trimestre deste ano co obxectivo, tal e como explicou o presidente, de contribuír a “impulsar a creación e o mantemento de postos de traballo en períodos de menor actividade do sector turístico”. Deste xeito, das 2.500 persoas preto de 1.800 fixérono aloxándose nos establecementos termais e as restantes 700 gozando de tratamentos na modalidade diúrna, é dicir, trasladándose desde os seus domicilios.

Todas as persoas participantes eran maiores de 50 anos, xubiladas e pensionistas, ou con discapacidade igual ou superior ao 65% ou acreditación de respiro familiar que se aloxaron en establecementos hoteleiros da provincia. Alí gozaron das súas piscinas terapéuticas así como dun amplo programa que incluíu actividades de animación sociocultural, sesións monitorizadas de activación muscular e articular, tratamentos dixestivos con augas medicinais, así como actividades para mellorar a mobilidade, a circulación, combater a dor e a inflamación e reducir o estrés.

Ribadetea contará con un novo saneamento grazas á Xunta

O Consello da Xunta autorizou a sinatura do convenio de colaboración co Concello de Ponteareas para executar a primeira fase do saneamento da parroquia de Ribadetea, que suporá un investimento de preto de 1,7 M€.

O obxectivo do acordo é dotar de servizo de saneamento a toda a parroquia de Ribadetea, resolvendo os problemas detectados e eliminando os sistemas individuais que existen na actualidade.

Unha vez asinado o convenio, a Xunta prevé licitar as obras para que poidan estar en execución no segundo semestre de 2024.

En relación ás obrigas dispostas na colaboración, a Xunta achegará o 80 % do financiamento das intervencións, máis de 1,3 M€, e o Concello o 20 % restante, é dicir, algo máis de 330.000 €.

As actuacións serán cofinanciadas pola Unión Europea a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), no marco do Plan Estratéxico da Política Común de España 2023-2027 (PEPAC) en Galicia.

No que se refire aos compromisos establecidos no convenio, o Goberno galego, a través de Augas de Galicia, executará as obras, cun prazo de 6 meses, e tramitará os fondos europeos, financiando os gastos non elixibles que superen a achega municipal.

Actuacións

De xeito máis detallado, as obras comprenden a execución dunha rede de saneamento nos núcleos da Freixa, O Souto e O Eido e a conexión coa rede existente na parroquia de Ribadetea, que conduce as súas augas residuais á estación de bombeo de augas residuais (EBAR) da Freixa para posteriormente dirixilas á depuradora da Moscadeira, na parroquia de Ponteareas.

Nesta primeira fase, proxéctanse dúas estacións de bombeo novas, en Mourade e A Freixa, e a renovación dos equipos de bombeo na EBAR existente.

Coa execución deste proxecto resolveranse os problemas de saneamento da parroquia de Ribadetea, eliminando os sistemas individuais que existen na actualidade.

A poboación beneficiada polas actuacións establecidas no convenio hoxe autorizado é de 1.051 habitantes, que contarán cun servizo de saneamento eficiente e acorde ás súas necesidades.

Esta nova colaboración da Xunta co Concello de Ponteareas súmase á que xa está en marcha para a construción da nova depuradora municipal e mellora do sistema de saneamento, que impulsa Acuaes por ser unha actuación de Interese Xeral do Estado. Augas de Galicia achega a esa actuación 2,3 M€ de fondos propios.

A construción desa nova depuradora é necesaria para que o sistema de depuración poida ampliar a súa capacidade de tratamento e recibir tamén as augas residuais procedentes da parroquia de Ribadetea.

Redondela pon en marcha un novo programa integrado de emprego

0

O Concello de Redondela, un ano máis, pon en marcha un novo Programa integrado de Emprego, financiado pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e o Servizo Público de Emprego Estatal e co cofinanciamento do Concello de Redondela. O programa, cunha duración inicial dun ano, te como obxectivo acadar o 45 % de inserción laboral doa participantes. A iniciativa céntrase en promover a inserción laboral e a mellora da ocupabilidade de 100 demandantes de emprego de Redondela. Está dirixido a persoas desempregadas, con prazas reservadas especialmente para parados con discapacidade, persoas e risco de exclusión social, menores de 30 anos con ou sen cualificación, maiores de 45 anos, mulleres ou parados de longa duración, pero tamén para persoas desempregadas que non estean incluídas en ningún dos grupos anteriores.

Ao longo dos meses que dura o programa, os participantes reciben orientación e asesoramento, formación en novas tecnoloxías e idiomas, técnicas de busca de traballo e fomento da capacidade emprendedora, entre outras cuestións. A formación práctica está tamén moi presente, con prácticas profesionais non laborais en empresas. Ademais os demandantes de emprego participantes reciben ofertas de traballo emparelladas co seu perfil.

O programa conta con medidas de conciliación da vida laboral e familiar, e todas as persoas que participen terán dereito a percibir unha bolsa de 10 euros por día de asistencia. Os interesados en participar poden inscribirse no Centro de Formación A Marisma, nos teléfonos 986 40 83 88  ou 604 035 909 ou no enderezo [email protected] antes do 5 de xaneiro. A próxima semana, o luns 18 e o mércores 20, haberá reunións informativas ás 11.00 horas no auditorio da Xunqueira para todas aquelas persoas paradas que queiran asistir.

Usuarios do centro municipal de enfermidades neurodexenerativas acude a unhas xornadas no CEIP Humberto Juanes

0

O CEIP Humberto Juanes acolleu esta semana un encontro interxeneracional facilitado desde o Concello de Nigrán ante o interese da comunidade educativa por realizalo. Os protagonistas foron Celedonio Villanueva e Jesús Iglesias, ambos veciños de Nigrán usuarios do Centro Municipal de Enfermidades Neurodexenerativas situado no CEE de Panxón. Na xornada participou tamén o alcalde de Nigrán, Juan González, e acudiron a edil de Maiores, María Mayán, e de Educación, Estela Pérez.

Os octoxenarios contestaron a todas as preguntas plantexadas polo alumnado de 5º e 6º de Primaria, xa que neste curso traballan precisamente nun proxecto competencial cuxo eixo temático é o Alzhéimer. Xunto á rapazada reviviron os seus traballos como maquinista naval e condutor de Vitrasa respectivamente ou os seus recordos da escola. Ademáis, coa colaboración da psicóloga de AFAGA (entidade concesionaria deste servizo municipal) explicaron como afrontan a súa enfermidade e que tipo de exercicios realizan para ralentizar o avance da mesma. Ao finalizar o encontro, Celedonio e Jesús foron entrevistados por dous alumnos de 6º na radio escolar.

O Concello de Nigrán conta desde 2016 con este Centro Municipal de Enfermidades Neurodexenerativas de Panxón vencellado a súa política ‘Un Nigrán para todos’ e que funciona todas as tardes de luns a venres. 

A Deputación mellorará infraestruturas públicas municipais na Guarda

0

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar destinar 140.000 € para que o Concello da Guarda mellore infraestruturas públicas municipais. Con estes recursos da institución provincial o goberno local poderá reconstruír muros, pechar parcelas, reparar camiños e fontes, limpar colectores e arranxar os danos da cuberta da Casa dos Alonsos, a Casa do Concello. Trátanse, en palabras do presidente da Deputación Luis López, de actuacións que van contribuír “a prestar un mellor servizo público, a optimizar as infraestruturas municipais e a impulsar, en definitiva, unha mellor calidade de vida da xente da Guarda”.

Ao detalle, as achegas que acaba de aprobar a institución provincial permitirán reconstruír muros de contención e pechar parcelas en diferentes puntos do municipio nos que o goberno local investirá máis de 85.000 €. Ademais, repararse con 21.000 € o camiño de Brandián e, con máis de 16.000 €, executarse a limpeza do colector xeral da rede de saneamento do tramo Area Grande-A Ribeira.

Tamén está previsto no marco desta subvención provincial reparar os danos da cuberta da Casa dos Alonsos, cun investimento de 11.000 €; reparar o colector xeral EDAR nun tramo do Camiño das Tomadas, con preto de 5.000 €, e a fonte da Piollosa ou Silveira, á que se destinará preto de 2.000 €.

Entrega de diplomas en Baiona ás participantes do programa Capacitadas

0

A concelleira de Igualdade, Sheila González Martíns, e a directora do Centro Municipal de Información á Muller, Elena Otero Rodríguez, achegáronse ata o multiusos Ángel Bedriñana para entregar os diplomas ás mulleres participantes no programa Capacitadas, unha iniciativa destinada a activar o emprego entre as mulleres do municipio, realizada a través do Centro de Información á Muller.

Tratouse “dunha acción formativa gratuíta para que as mulleres baionesas prepárense para traballar en Atención ao público, un perfil bastante solicitado na localidade e na comarca”.

O programa desenvolveuse en forma de itinerario formativo cun total de 150 horas, incluíndo talleres de sensibilización en igualdade e empoderamento para o emprego con perspectiva de xénero, ata prácticas formativas non laborais en empresas, pasando pola formación teórica práctica que inclúe formación de inglés básico.

O programa vai dirixido a mulleres desempregadas ou en mellora de emprego. Todas as accións que se puxeron en marcha dentro do proxecto desenvolvéronse a modo de itinerario formativo comprendendo as seguintes fases:

  • Formación teórica en atención ao público (35 horas)
  • Inglés básico (20 horas)
  • Sesións de apoderamento para ou emprego con perspectiva de xénero (15 horas)
  • Prácticas formativas non laborais en empresas (80 horas)

O Concello de Baiona, quere mostrar o seu agradecemento á empresas que colaboraron activamente para que as mulleres participantes haxan podido desenvolver a parte práctica deste programa entre as que se atopan: Os Texanos Baiona, Kopena, Clínica Podoloxía Baidepé, Eroski, Carrefour, Dorna Sport, Albergue-Hostalería Pazo de Pías e Sprinter Nigrán.

O programa Capacitadas está subvencionado pola Deputación de Pontevedra, no marco das axudas dirixidas a concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia de Pontevedra, para o fomento da igualdade de oportunidades e a prevención da violencia de xénero.

O Porriño selecciona a 100 participantes para o seu novo programa de emprego integrado

O Concello do Porriño atópase na fase de selección de participantes para unha nova iniciativa de emprego e formación. Trátase dun Programa Integrado de Emprego dirixido a persoas menores de 30 anos desempregadas con baixa cualificación, mulleres desempregadas, persoas menores de 30 anos desempregadas cualificadas e parados de longa duración para o cal se convocan un total de 100 prazas.

Unha vez rematado o programa, en decembro de 2024, existe un compromiso de inserción laboral do 45% dos participantes, os cales ao longo de todo ano realizarán diversas accións destinadas todas elas a mellorar a súa formación e empregabilidade. “Dende o Concello poñemos en marcha unha nova ferramenta dirixida á mellora da ocupabilidade e á inserción laboral”, subliña o alcalde Alejandro Lorenzo.

Unha vez seleccionadas as persoas participantes en formar parte do proxecto, comezarase coa realización de accións de información, orientación e asesoramento para a procura de emprego. Ditas accións teñen carácter transversal a todas as actuacións do programa e consisten nun seguimento personalizado de inserción adaptado e individualizado para cada unha das persoas desempregadas.

Por outra banda, tamén se impartirá formación, coa organización de diversos cursos. De xeito complementario coas accións anteriores, levarase a cabo técnicas de coaching, intelixencia emocional e técnicas de motivación para a busca de emprego, tanto por conta propia como allea. Tamén se desenvolverán talleres nos que adestren as habilidades sociolaborais e outros que funcionen como simulacións de entrevistas.

Outras das accións a executar dentro do PIE serán a de fomento da capacidade emprendedor, prospección empresarial e obradoiros sobre mobilidade laboral. Ademais, realizarase un casamento axeitado entre oferta e demanda, recollendo a oferta existente na contorna e seleccionando as persoas candidatas idóneas para cubrila.

Unha vez feita a formación teórica e práctica, complementarase coa realización de prácticas profesionais en empresas colaboradoras baixo a supervisión dun titor.

Para a posta en marcha deste PIE, o Concello do Porriño conta cunha subvención por parte da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade de 220.000 euros, que xunto cos 55.000 euros de aportación municipal, fai unha inversión total de 275.000 euros.

A Xunta autoriza o cambio de titularidade da PO-195 ao seu paso polo concello de Tomiño

0

O Consello da Xunta autorizou o cambio de titularidade a prol do Concello de Tomiño da estrada PO-195 en Forcadela, no treito comprendido entre os puntos quilométricos 0+020 e o 1+530, incluído o seu dominio público viario.

En concreto, transfírese un treito desta vía autonómica de algo máis de 1,5 quilómetros de lonxitude, no que se que inclúe a obra de paso sobre o río do Hospital da Briña, agás os nós de conexión coa PO-552 no seu inicio e final.

Esta transferencia autorízase logo de rematar a Xunta en agosto deste ano as obras de construción dunha senda peonil ao seu paso por Forcadela, que supuxo un investimento autonómico de preto de 50.000 euros.

Esta intervención de mellora da seguridade e da mobilidade permitiu habilitar un itinerario peonil nun treito antigo da PO-552, de 390 metros de lonxitude na marxe esquerda da vía, entre o cruzamento coa PO-552, no quilómetro 0+050, e a beirarrúa existente no quilómetro 0+440.

Concretamente, habilitouse unha nova senda de formigón duns 2 metros de ancho mínimo, mantendo a calzada de dous carrís. O novo itinerario é de uso compartido, para peóns e ciclistas non deportivos.

Nesta intervención buscouse adaptar a senda á rasante existente e executouse separada por un bordo elevado uns 6 centímetros e unhas beiravías que non superan 0,5 metros na marxe sobre a que se actuou. Para acadar este obxectivo, readaptouse lixeiramente a drenaxe da plataforma, para o que se dispuxeron sumidoiros conectados ás obras de drenaxe transversal.

Ademais, como as obras de drenaxe transversal existentes estaban bastante próximas á calzada, os traballos incluíron a execución dunha pasarela de madeira que cubre a canle de rega entre os quilómetros 0+100 e o 0+120, permitindo o paso de peóns. Deste xeito, o ancho do novo itinerario vai desde 2 metros nos seus extremos coa senda de formigón, ata os 3,6 metros para permitir unha correcta ancoraxe no terreo adxacente á canle de rega.

Co cambio de titularidade, o Concello de Tomiño terá a competencia para actuar neste treito da estrada PO-195 ao seu paso por Forcadela e asume a responsabilidade da súa conservación e mantemento.

Domingo de patinaxe no concello de Covelo

0

O Club Covelo Patinaxe Artística e o Concello de Covelo convidan á veciñanza a gozar do espectáculo deportivo do Festival de Nadal este domingo día 17 de decembro. A partir das 17:30 horas, os patinadores do club exhibirán a súa habilidade, técnica e creatividade para todo o público.

Como cada ano o Club Covelo Patinaxe Artística organiza este festival para agasallar ás veciñas e veciños unha xornada de lecer e deporte na que dar a coñecer a todos os seus e súas deportistas.

O Club Covelo Patinaxe Artística ofrece a oportunidade de aprender este deporte tanto a través das escolas deportivas con adestramentos unha vez á semana; como do preclub con dous días de adestramento semanais ou no club con catro días de prácticas á semana. A súa adestradora, Antía Pimentel Gil, salienta a importancia do deporte ao longo da vida das persoas e, sobre todo, na infancia e na mocidade sendo a patinaxe unha disciplina que se pode aprender a calquera idade axeitando a intensidade a medida de cada persoa a través das tres opcións que oferta o Club.

A entrada será de balde e, como de costume, poderemos gozar dun chocolate quente durante o festival converténdose tamén nun momento para o encontro e a proximidade veciñal.

Redondela exporta o proxecto A Memoria da Estirpe a toda Galicia

0

O proxecto  A memoria da Estirpe, que ten por obxectivo recompilar testemuños orais e lembranzas das persoas maiores, naceu da man do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela, e agora vaise trasladar a outros municipios de Galicia. O programa recompila testemuños orais e lembranzas das persoas maiores para a recuperación do patrimonio lingüístico, etnográfico, visual, musical e topográfico de Galicia. A partires do traballo feito no municipio redondelán, a A Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, impulsará este proxecto noutros Concellos galegos. A través da empresa Mekané Didáctica desenvolverase en dous centros de día para maiores unha proba piloto. Será no Centro de día para persoas maiores Hispanidade, en Vigo, e o centro O Salgueiral, do Barco de Valdeorras.

O proxecto presentouse este medía aos usuarios do centro vigués nun acto no que participaron Pedro López Cadilla, director do centro Hispanidade, Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística, Antonio Acevedo Prado, director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Xurxo Martínez, técnico do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela e a alcaldesa Digna Rivas Gómez.

A rexedora manifestou a súa satisfacción “porque unha proposta creada e impulsada dende o noso Servizo de Normalización poida chegar a toda Galicia”. Rivas explicou que o proxecto naceu “poñendo a atención en dúas cuestións: a recollida e posta en valor dun patrimonio vivo nas persoas maiores, como unha parte do noso patrimonio inmaterial, pero tamén o noso propio recoñecemento a estas persoas tras vida de traballo cheas de tanta experiencia”. Xurxo Martínez sinalou que “os verdadeiros protagonistas desta iniciativa son as persoas maiores, as súas historias e vivencias”. O obxectivo é que todas esas historias poidan compartilas, a partir das gravacións, con todas as persoas que desexen coñecer ese importante legado “e facer un retrato colectivo dunha época do século XX.”

En Redondela o proxecto comezou hai dous anos no centro de Día de Cesantes e este ano nos Cortizos. A avaliación por parte de todos os participantes, traballadoras, centros e familias foi moi positiva. Destacar tamén, por exemplo que se gravou “a un dos últimos carpinteiros de ribeira da ría de Vigo, que tiña o estaleiro en Cesantes, ou tantas mulleres que nos relataron a vida familiar en contextos de desigualdade e que nos serven para decatarnos dos progresos en materia de igualdade de xénero que se lograron”, sinala a alcaldesa. Digna Rivas aproveitou tamén para explicar que o Concello de Redondela creará un fondo local de patrimonio inmaterial, a partir de todo este material recollido nos centros de día e residencias de Redondela, para facilitar a consulta a quen quixer. “Temos que mirar o deseño de como o faremos pero si quero anunciar que proporemos que este arquivo leve o nome de Dorothé Schubarth en homenaxe a esta muller e como exemplo”, afirmou a rexedora redondelá. Agradeceu que a iniciativa “fose acollida dende o principio con total entusiasmo” e agradeceu a Valentín García o feito de ter levado adiante esta idea “que estou segura que se converterá nun exemplo non só para Galicia senón para calquera país que desexe protexer a memoria da súa cultura”.

Charla sobre nutrición para afrontar o Nadal de forma saudable

0

Ás portas do Nadal multiplícanse os xantares abundantes sendo habitual resentirse pasadas estas datas. Os excesos na alimentación son frecuentes, polo que dende o Centro de Saúde da Guarda queren realizar unha charla-obradoiro para o público en xeral e dun xeito didáctico e ameno ensinar aos veciños da Guarda a cambiar certos hábitos ou xerar novas estratexias para evitar que cometamos excesos sen por elo renunciar a compartir mesa cos nosos seres queridos, que ao final é o centro do Nadal.

Así este taller intentará traballar en tres aspectos fundamentais:

  • Consellos para non perder de vista a nosa alimentación durante as celebracións
  • Estratexias para gozar da comida sen remordementos e evitar compensacións extremas
  • Aprender receitas deliciosas e rápidas descubrindo combinacións saudables e rápidas de elaborar pensadas para as celebracións de Nadal

O evento que é de acceso libre e non precisa de inscrición previa realizase en horario de tarde, ás 19h. Procurando chegar ao maior número de asistentes posibles, polo que convidamos a todos os interesados a achegarse o vindeiro martes 19 polo Centro Cultural.

Case rematada a obra de renovación da cuberta do Pavillón de Sanguiñeda

0

O Secretario Xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, visitou esta os traballos de renovación da cuberta do Pavillón de Sanguiñeda, acompañado pola alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, a concelleira de Deportes, Feli Rodríguez, o edil mosense de Urbanismo, José Ramilo, e representantes da empresa constructora.

O pasado setembro aprobábase, por unanimidade dos membros do Pleno do Concello de Mos, a transferencia de créditos do orzamento municipal para destinalos a estas melloras deportivas.

Realízase neste senso un investimento de preto de 61.000 euros en melloras de dotacións deportivas, concretamente 60.825,92 euros; dos cales 48.325,92 euros destinaranse á reforma da cuberta do Pavillón de Sanguiñeda e 12.500 euros a adquisición de material deportivo.

A reforma da cuberta deste pavillón está a piques de rematar e era moi necesaria. Suporá unha importante mellora para os usuarios do mesmo, entre eles o alumnado e comunidade educativa do CEIP Mestre Valverde Mayo.

Os traballos realizados solucionan as humidades existentes mediante a actuación na cuberta exterior, que tiña deteriorado o seu estado de conservación dada a súa antigüidade.

En canto á adquisición de material deportivo, inclúe un marcador para o campo de fútbol municipal das Baloutas, así como elementos para exercizos para o ximnasio e a piscina do Pavillón Óscar Pereiro e para o propio Pavillón de Sanguiñeda.

Dos 48.325,92 euros que se invisten na cuberta de Sanguiñeda, 38.660,73 euros fináncianse grazas a subvebción da Xunta de Galicia e o Concello asume os 9.665,19 euros restantes. Por outra banda dos 12.500 euros destinados a material deportivo, adquírese con subvención autonómica material por importe de 10.000 euros e o Concello aporta 2.500 euros.

Tras a visita ao Pavillón de Sanguiñeda, o Secretario Xeral para o Deporte participou nunha reunión informativa sobre o Bono Deporte da Xunta de Galicia, dirixida aos pais dos nenos federados, Xogade, clubes deportivos, ANPAs e público en xeral, que se celebrou no Pazo de Mos.

Mañá sábado celébrase o concerto de Nadal da Eurocidade “Nadal de Cristal / Natal de Cristal”

Mistura Vocal, Kasual Quartet, Vocalis Contrasta e o Coro da Academia de Música da Fortaleza de Valença brindarán este sábado, ás 21.30 h no Teatro Municipal de Tui o espectáculo musical “Nadal de Cristal”. A través da delicadeza do cristal e da música transmitirán sentimentos e enviarán unha mensaxe especial na Eurocidade. 

Estas catro formacións, integradas por máis de 80 persoas, serán as protagonistas do Concerto de Nadal da Eurocidade, un evento que constitúe xa un elemento máis de unión entre Tui e Valença.

A dirección técnico-artística corresponde a Eva García e Juantxo García, e a dirección musical de Aloia Martínez. Sobre o escenario estará o cuarteto de jazz Kasual Quartet coa colaboración da cantante María Joao, doce nenos e nenas do coro infantil Vocalis Contrasta, 30 cativos e cativas do Coro da Academia de Música da Fortaleza de Valenç dirixidos por Joao Azevedo e acompañados polo pianista Antonio Kent Queener e os 37 cantores e cantoras do coro Mistura Vocal baixo a dirección de Aloia Martínez.

Preto de 250 persoas mercaron xa a súa entrada para este Concerto de Nadal da Eurocidade “Nadal de Cristal”. Están á venda até o sábado a través das páxinas web tui.gal e cm-valenca.pt aos prezos de 6€ e 4,5€ até dez minutos antes do inicio.

Ponteareas recuperará o espazo público da Avenida Constitución grazas á Deputación

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e a alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, asinaron un convenio de colaboración enmarcado no Programa Provincial de Infraestruturas e Dotacións Singulares para a Execución da Axenda 2030 (PON2030) a través do cal o goberno provincial financiará con case 700.000 euros, o 75 % do orzamento, os traballos para a mellora da mobilidade e recuperación de espazos públicos na Avenida da Constitución. O Concello, pola súa banda, achega o 25 % do total (230.000 euros). A sinatura do protocolo tivo lugar este luns no Pazo provincial, durante o acto, Luis López puxo en valor o compromiso, compartido co do goberno provincial, da rexedora Nava Castro para transformar e modernizar os espazos urbanos da vila mellorando os servizos prestados á veciñanza.

A obra, valorada en máis de 925.000 euros, servirá para fomentar a mobilidade peonil e a mellora da calidade urbana da contorna da Avenida da Constitución e dos Xardíns da Xiralda. Un proxecto centrado nunha área de máis de 2.500 metros cadrados nos que se potenciarán os desprazamentos a pé ou en bici, a seguridade viaria e se porá en valor o patrimonio arquitectónico e etnográfico do espazo. Os traballos inclúen a implantación dunha plataforma única, limitar a circulación de vehículos a motor, a instalación de novo mobiliario urbano e a renovación dos servizos para a mellora da eficiencia enerxética e da xestión da auga. En definitiva, unha humanización integral para a transformación dun espazo dominado polos coches nunha área de esparexemento peonil que contribuirá a mellorar a calidade de vida dos habitantes de Ponteareas.

Segundo recolle o convenio, as obras deberán estar rematadas antes do 30 de abril de 2025. A sinatura deste protocolo entre Deputación e Concello de Ponteareas realízase coa modificación das bases do programa PON2030 xa en vigor. Unha modificación que fai compatible a achega da Deputación coas subvencións doutras administracións sen que o montante concedido ao Concello polo goberno provincial se vexa reducido.

Despois da sinatura do acordo, o presidente Luis López quixo felicitar á alcaldesa Nava Castro pola aposta por proxectos transformadores.

A Asociación de Empresarios de Redondela lanza unha campaña de eco-packaging

0

Desde a Asociación de Empresarios de Redondela lembran que mentres as grandes superficies están a cobrar á clientela tanto por bolsas como por sobres de agasallo, os pequenos comercios seguen ofrecendo o servizo de empaquetado de forma gratuíta e ademais, grazas ao apoio da Xunta de Galicia ao Centro Comercial Aberto de Redondela, ademais coa garantía de ser un empaquetado ecolóxico elaborado con produtos reciclados, impresos con tintas ecolóxicas e totalmente biodegradables.

Durante esta semana estase a realizar a distribución do material entre os comercios asociados consistente en bolsas, sobres de agasallo de distintos tamaños, etiquetas decorativas co mensaxe de Bo Nadal e pegatinas.

O comercio de Redondela mostra así unha imaxe comercial unificada cunha estética común e única de Redondela que distingue ao comercio local comprometido e aliñado cos compromisos de coidado do medioambiente.

Unha viaxe para experimentar a realidade dos campamentos saharauís

0

O Rosal xa está de volta tras a súa primeira visita aos campamentos saharauís de Tindouf, en Arxelia. A concelleira de Medio Ambiente, Benestar Social e Igualdade, Beatriz Rodríguez, regresaba con moitas sensacións e a necesidade de repousar todo o vivido da expedición á Wilaya de Bojador organizada polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade xunto coa Delegación da República Árabe Saharauí Democrática en Galicia e España e a ONGD Solidariedade Galega co Pobo Saharauí.

Unha viaxe máis curta do previsto, de apenas cinco días, na que Rodríguez e a trintena de participantes na expedición puideron coñecer de primeira man a realidade das persoas refuxiadas dos campamentos de Tindouf e os proxectos de axuda humanitaria que impulsa Galicia alí, así como visibilizar o apoio das administracións locais á causa saharauí.

“Somos conscientes de que un concello tan pequeno coma O Rosal só non pode levar a cabo proxectos de cooperación internacional, pero se todos e todas nos unimos e achegamos o noso gran de area podemos facer grandes cousas. Porque a solidariedade e a cooperación teñen que ser áreas de colaboración, non de confrontación nin de cores políticas”, salienta a concelleira, quen resalta a boa labor que realiza o Fondo Galego.

Formada en Traballo Social e Cooperación ó Desenvolvemento, Beatriz Rodríguez puido coñecer durante a súa estancia as instalacións da Media Lúa Vermella, o proxecto ‘Nadafa’ de recollida de residuos e sensibilización ambiental e outras iniciativas impulsadas por Galicia centradas no medio ambiente, visitar as escolas dos campamentos ou entrevistarse con membros da Asociación de Familiares de Prisioneiros e Persoas Desaparecidas Saharauís (AFAPREDESA), que contaron ás e aos visitantes as súas vivencias. “Escoitar as historias persoais é algo que impresiona, levan 48 anos expulsados da súa terra, e manteñen a súa loita. Gran parte das persoas que alí viven xa naceron nos campamentos e continúan coa mesma proclama e forza por un Sáhara Libre. Realmente viven unha grande inxustiza social”, destaca.

Durante a súa estancia Beatriz Rodríguez viviu cunha familia de acollida que a achegou a outra cara dos campamentos: a cultura. “Rabab e a súa filla Amuna, que foron a nosa familia acolledora eran persoas moi abertas e cultas. Amuna é a directora da Escola de Teatro e mestra na Escola de Cine. Amuna convidounos a visitar a Escola de Cine e puidemos coñecer de primeira man as súas instalacións e traballo. Alí celebran o Festival Internacional FiSahara, ao que cada ano acoden persoas de renome no mundo da cultura a nivel internacional para apoiar a causa saharauí. Mediante o seu cine pretenden entreter, transmitir coñecementos e empoderar á poboación refuxiada”, lembra a concelleira.

Unha experiencia inesquecible para Beatriz Rodríguez, que se empapou da realidade dos campamentos, nos que “manteñen un delicado equilibrio entre a loita por ter mellores condicións de vida alí e a loita pola autodeterminación e volver ás súas casas”.

Visita ao xacemento arqueolóxico dos Castros a cargo da Asociación Cultural Divulgatea

O vindeiro luns día 18 de decembro, a Asociación Cultural Divulgatea, organizará unha visita ao xacemento arqueolóxico dos Castros, situado na parroquia de Soutolobre-Lourido, no Concello de Salvaterra.

Nesta primeira visita, os estudantes de Primeiro da E.S.O. do Instituto de Ensinanza Secundaria do Barral de Ponteareas, acompañados polos seus mestres de historia, terán a oportunidade de coñecer a labor de divulgación e posta en valor que fai esta asociación en prol do patrimonio, así como ao equipo de docentes dos centros de ensino, aos que animamos a que sigan  inculcando o valor que ten o patrimonio cultural como ferramenta socioeconómica e turística.

A visita estará dirixida polo arqueólogo Francisco Manuel Herves Raigoso, director da escavación.

Estas visitas iranse extendendo aos diferentes centro de ensino que forman o Condado Paradanta, lembrando que é imposible protexer ningún patrimonio se coñece.

Unha trintena de establecementos de Tomiño participan na Ruta Nadal + Nadal

0

Arredor dunha trintena de establecementos de Tomiño forman xa parte da Ruta Nadal + Nadal, unha nova edición da campaña organizada polo Concello co obxectivo de dinamizar o comercio de proximidade e promover o consumo nos establecementos locais especial nunha das épocas do ano con maior índice de vendas.

A campaña ofrece ata 4.500 euros en premios en metálico tanto para aquelas persoas que nestas datas escollen os comercios de Tomiño para facer as súas compras como para os propios establecementos. Así, ata o 27 de decembro, a clientela que merque nos comercios adheridos á Ruta Nadal + Nadal disporán dunha urna na que depositar os seus tíckets de compra por valor de máis de 20 euros para participar no sorteo de vales de compra polo dobre do valor do tícket depositado ata un máximo de 150 euros. Repartiranse ata 3.000 euros en premios entre os compradores e compradoras.

Pola súa banda, os establecementos participantes na Ruta Nadal + Nadal compiten por ter a mellor decoración en escaparates e locais durante estas datas con elementos naturais, reciclados e sostibles, creando un ambiente agradable e atractivo este Nadal nas rúas e nos establecementos tomiñeses. Un xurado visitará os diferentes comercios para escoller á decoración máis orixinal nas modalidades de mellor escaparate e mellor local, con premios en metálico de 500 euros para os comercios que queden en primeiro posto e de 250€ para os que resulten en segundo lugar.

A alcaldesa, Sandra González, salienta o compromiso do Concello de Tomiño co comercio local e coa dinamización económica da vila e destaca a importancia deste tipo de campañas “para apoiar ás nosas e nosos comerciantes, pero tamén a toda a veciñanza. O grande éxito das edicións anteriores demostra que iniciativas como esta son un grande aliciente para dar pulo ao noso comercio e fomentar as compras nos establecementos que temos ao lado da casa”. Unha campaña que ademais de ter unha grande acollida “permite dar continuidade ás accións de apoio á economía local que desenvolvemos dende o Concello ao longo de todo o ano”.

O 27 de decembro abriranse no salón de plenos do Concello as urnas recollidas dos establecementos participantes e procederase ao sorteo dos vales de compra. Os vales premiados poderán recollerse no Concello e empregarse en calquera dos comercios e servizos participantes na Ruta Nadal+Nadal do 29 de decembro ao 5 de xaneiro.

O mesmo 27 de decembro coñecerase o fallo do xurado sobre o concurso de decoración nos establecementos e procederase á entrega de premios.

A canción do Nadal 2023 nace no Porriño

O grupo Xeración M vén de proclamarse gañador do concurso “Este Nadal canta con nós” da CRTVG e con tal motivo foi recibido no Concello do Porriño. O alcalde Alejandro Lorenzo trasladoulle os parabéns e entregoulles un pequeno obsequio como mostra do éxito logrado. “Javier, Antón, Fabio, Raúl, Javi e Mateo son boa mostra da canteira de artistas coa que conta a nosa vila e que dende o Concello sempre apoiaremos”, sinala o rexedor.

“Soará o Nadal” é o título da canción coa que este grupo de rapaces de 11 e 12 anos, alumnado da Escola de Música e Danza Maison do Porriño, gañaron este certame e que será a melodía coa que os medios públicos felicitarán as festas a todos os galegos e galegas este 2023. Así, o tema poderá escoitarse na TVG, na Radio Galega e nas redes sociais da CRTVG ao longo de todo o Nadal. Con todo dende o Concello porriñés augúranlle moito más éxito “que, sen dúbida, soará en todos os recunchos”.

O xurado, composto por Iago Pico, produtor musical de Tanxugueiras; Fernando R. Ojea, director da Área de Contidos da CRTVG; Rosa Sierra, subdirectora de Programación e Emisións da TVG; Vanessa Grela, xefa de Programación da TVG, e Tania F. Lombao, xefa de Programas da Radio Galega, destacou a calidade da peza musical e do vídeo presentado e o esforzo que hai detrás da proposta ‘Soará o Nadal’.

Na presente edición, “Este Nadal canta con nós” recibiu 33 propostas, entre as que o xurado elixiu a gañadora e cinco finalistas.

Esta é a novena edición do concurso musical da CRTVG, a cal precisamente o ano pasado gañara o grupo xuvenil Kings Kids, “os irmáns maiores” de Xeración M, alumnado  tamén de Maison, no Porriño.

Nigrán ofrece este sábado un contacontos en inglés

0

O Concello de Nigrán, dentro da súa programación de Nadal, ofrece o sábado 16 de decembro no Auditorio Municipal o contacontos en inglés ‘Santa´s Elves’, a cargo de Kids&U e con dous pases, matinal ás 11:00 horas e vespertino ás 17:00 horas.

A entrada é de balde ata completarse o aforo. Dirixido a todas as idades, ‘Santa’s Elves’ é unha aventura de Nadal chea de sorpresas e diversión. Achégase esta data máxica e os axudantes de Santa están moi preocupados, poderemos axudarlles?. Un conto en inglés para vivir o Nadal e gozar dun agradable momento en familia.

O Contacontos coincide coa apertura do ‘Mercado de Nadal Bule Bule’ na Praza do Concello, inmediatamente a carón do Auditorio.

As Neves celebra o Nadal por todo o alto

0

O Concello das Neves vén de presentar a súa ampla programación de Nadal 2023-2024, que conta cunha vintena de actividades e que ten, como principais novidades, a recuperación da presenza de Papá Noel, unha Festa de Pre-Fin de Ano e a visita dun pasarrúas cos Reis Magos por todas as parroquias deste municipio do Condado.

O alcalde das Neves, José Manuel Alfonso, deu a coñecer todas estas iniciativas no salón de plenos xunto a outros membros do goberno local destacando que “se trata dunha programación ampla, ambiciosa, na que se recuperan tradicións de antano e se incorporan outras novidades que consideramos atractivas, que está destinada a todos os públicos e que busca incrementar a participación veciñal”. Para elo, habilitarase unha carpa co obxectivo de favorecer a confortabilidade dos asistentes.

Así, tras un primeiro café-workshop, unha obra de teatro e o acendido do alumeado ornamental na pasada fin de semana, tamén se procedeu a resolver o I Concurso de Postais de Nadal, no que participaron os cativos do municipio e que tivo como gañadora a Vera Gil, de 5 anos, cuxo deseño será a imaxe deste Nadal nas Neves. Ademais, neste certame tamén se premiou a Loreny Samantha e Antía Rodríguez co segundo e terceiro galardóns e se felicitou a todos os nenos pola súa participación.

Polo demais, a programación arrancará con catro obradoiros formativos, de carácter gratuíto e que se desenvolverán os días 13, 14, 19 e 20 na Casa da Xuventude con temática sobre xestión administrativa, trámites on-line, creación de currículos, ferramentas de comunicación e búsqueda de emprego.

A continuación, o día 21 do presente mes, aparecerá Papá Noel para visitar a escola infantil, as unitarias e o colexio público e, xa ao día seguinte, fará o propio en quenda de mañá no Centro de Día e desde as 16.00 horas na Praza Maior co seu Buzón Real. Ese mesmo venres 22 tamén haberá Mercadiño de Nadal na Praza Maior, actuación da Banda de Música Popular de Rubiós ás 20.00 neste mesmo emprazamento e o mercadiño da man que ti queiras organizado por As Marondas na Casa da Xuventude, que se estenderá ao día seguinte.

O domingo 24 terá lugar a Carreira do Pavo desde as 16.00 horas coa organización da ACD San Nomedio e os talleres, neste caso de carácter infantil, volverán os días 27 e 28 de decembro e 3 e 4 de xaneiro na Praza do Mercado.

Outra das grandes novidades do Nadal 2023-2024 do Concello das Neves será a Festa de Pre-Fin de Ano, que se celebrará o venres 29 de decembro na Praza Maior a partires das 19.30 horas coa actuación de tres masas corais, o espectáculo do DJ Iván Alonso desde as 22.30 horas e, xa a medianoite, as tradicionais e adiantadas badaladas.

Por último, os Reis Magos terán o protagonismo final desta programación coa súa novidosa presenza en pasarrúas por todas as parroquias. Así, o xoves 4 de xaneiro percorrerán desde as 15.30 horas as de Setados, Vide, San Cibrán, Santiago de Ribarteme, San Xosé de Ribarteme, Cerdeira, Santa Eulalia de Batalláns e San Pedro de Batalláns. Ao día seguinte, venres 5 de xaneiro, retomarán as visitas ao rural desde as 9.00 horas a través de Taboexo, Rubiós, Tortoreos, Liñares, A Estación e, finalmente, o Centro de Día para compartir tamén a ilusión coas persoas maiores.

A presenza das Súas Maxestades nas Neves rematará este mesmo 5 de xaneiro pola tarde coa saída do seu convoi ás 16.30 horas desde o aparcadoiro da estación de servizo para percorrer toda a vila ata chegar ás 18.00 horas á Praza Maior para a tradicional entrega de agasallos aos cativos.

Diversión asegura este sábado na Guarda

0

Este sábado, no centro cultural da Guarda ás 18 horas, remata a programación do Outono Teatral da man do espectáculo infantil de humor e clown Abracadáver.

A través de Rogelio, un entrañable personaxe de ficción ao que dá vida o actor Dani Blanco, AsSircópatas preséntannos esta delirante proposta chea de sustos e bo humor. Clown, malabares, escapismo, rulo, acordeón, serrucho… darán forma a  unha terapia de choque para partirse de risa e desfacerse dos medos, unha oportunidade para vivir a experiencia do teatro en familia. En definitiva, un divertidísimo show para tódolos públicos que asegura un bo rato de diversión.

Esta proposta, incluída na programación de Outono de Teatro, serve de sorpasso á programación de Nadal que pensada nas familias, estará chea de programación participativa e divertida para as crianzas a partir do día 27 de decembro na Praza de Avelino Vicente, cuia programación xa podes consultar nas axendas da web de da app. 

Nigrán ofrece este sábado o concerto de Nadal da Coral Novos Aires

0

O Concello de Nigrán ofrece este sábado 16 de decembro ás 19:30 horas no Auditorio Municipal o concerto de Nadal da Coral Novos Aires de Nigrán e do grupo de cordas e voz Son do Val. Entre o repertorio da coral anfitriona haberá panxoliñas como ‘Noche de Paz’, ‘O neno durmía’ ou ‘Adeste Fideles’, pero tamén habaneras como ‘Si te dejo amar’. Pola súa banda, Son do Val interpretará cancións tradicionais como ‘Los Pastorcitos’ e ‘O pelo roxiño’, ‘San Amaro’ de Treixadura ou o ‘Pasodoble Simons’. O Concerto rematará coa interpretación conxunta de ambas formacións da canción ‘Para quererte tanto’.

A entrada é de balde ata completar o aforo e recolleranse alimentos non perecedoiros destinados ao Banco Municipal de Alimentos do Concello de Nigrán.

A continuación, na Praza do Concello terá lugar o concerto de ‘El hechizo de Nora’ encadrado no mercado de inverno ‘Bulebule’.

Mos prevén na cativada posibles adiccións futuras co programa Saúde na Escola de Érguete

0

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira de Educación, Julia Loureiro, achegáronse ata o CEIP de Sanguiñeda, Mestre Valverde Mayo, para visitar e compartir a experiencia coa cativada participante no programa Saúde na Escola impartido por Érguete.

Trátase dun Programa de Prevención Universal do consumo de drogas no ámbito educativo, neste caso concreto impartido en primero curso de educación primaria.

Finalidade, metas e obxectivos

Segundo explicaron as representantes municipais, Arévalo e Loureiro, os obxectivos desta iniciativa incluída no programa municipal de actividades nos centros educativos dentro do horario lectivo son “potenciar a autoestima, a capacidade de decisión, a autonomía persoal, o autocoñecementoe reforzar a asertividade como medios de potenciar a resistencia á presión de grupo. Mellorar a calidade da información do alumnado fronte ás drogas, os seus efectos e os riscos que derivan do seu uso. Reducir os niveis de experimentación do alumnado co alcohol, co tabaco e co cannabis. Corrixir os mitos que o alumnado mantén en relación co consumo das diferentes drogas. Fortalecer nos alumnos algúns recursos persoais que lles permitan manexarse. adecuadamente en situacións de grupo relacionadas co consumo de drogas. Favorecer o sentido crítico fronte á publicidade que potencia o consumo de substancias legais con argumentos de anticonvencionalismos e busca de sensacións. E favorecer alternativas de ocio saudable”.

Sesións de habilidades sociais, emocionais e afectivas

Na dinámica desenvolvida co alumnado do CEIP Mestre Valverde Mayo traballáronse as habilidades sociais nos alumnos e alumnas, a defensa ante a presión de grupo, resolución de conflitos, autocoñecemento, autoestima, capacidade de comunicación, capacidade de toma de decisións, sentido crítico, etc. Xa que interiorizar estas actitudes supón a base para poder enfrontarse a futuras situacións de risco.

O enfoque xeral dos contidos a seguir foi por un lado unha educación en valores e un enriquecemento persoal dos alumnos e alumnas, o cal lles aporta as ferramentas necesarias para enfrontarse a posibles situacións de consumo; e por outro lado unha sensibilización e información do mundo das adiccións dun xeito real e achegado a eles.

Abre o Mercadiño Solidario de Libros na Biblioteca Municipal de Tui

0

A Biblioteca Pública Municipal de Tui organiza dende onte, mércores 13 de decembro, ata o vindeiro 5 de xaneiro, o seu Mercadiño Solidario de Libros, en colaboración co departamento de Servizos Sociais do Concello de Tui.

Nestas xornadas a Biblioteca Municipal repite este mercadiño tras a exitosa experiencia dos últimos anos e ofrece preto dun milleiro de libros, escollidos entre os destinados ao expurgo, os procedentes dos seus propios fondos ou de doazóns de veciños, para que aquelas persoas lectoras interesados poidan recoller as obras que resulten do seu interese. A condición para acceder a este mercadiño é a entrega dun lote de produtos de Nadal que estarán destinados ás familias atendidas polos Servizos Sociais municipais.

Os libros ofertados son de temática moi ampla e variada, dende novelas, libros infantís e xuvenís, libros de coñecementos, de non ficción, incluso algunhas obras de consulta. Diariamente se irán incorporando novos exemplares actualizando así de modo permanente este mercadiño.

O mercadiño está aberto no horario de atención ao público da Biblioteca Municipal de luns a venres de 9 a 14 h e de 15.30 a 20.30 h e os sábados de 9 a 13 h.

A concelleira de Ensino, Cultura e Mocidade, Sonsoles Vicente Solla, que esta mañá visitou o Mercadiño, destaca que con esta actividade a Biblioteca Municipal oferta un amplo abano de libros a todas as persoas afeccionadas á lectura a cambio da entrega de produtos do Nadal cunha finalidade solidaria. Neste ano 2023 amplíase a oferta deste mercadiño solidario, tanto en espazo coma en exemplares. Engade que “é unha ocasión de achegarse para atopar algunha publicación, xa fora do mercado ou descatalogada, que deste xeito aproveita ao lector interesado e tamén á familia que recibirá os produtos de Nadal”.