18.3 C
Pontevedra
Mércores, 16 de Outubro de 2024
Máis
    HomeO CondadoPonteareasPonteareas recuperará o espazo público da Avenida Constitución grazas á Deputación

    Ponteareas recuperará o espazo público da Avenida Constitución grazas á Deputación

    O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e a alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, asinaron un convenio de colaboración enmarcado no Programa Provincial de Infraestruturas e Dotacións Singulares para a Execución da Axenda 2030 (PON2030) a través do cal o goberno provincial financiará con case 700.000 euros, o 75 % do orzamento, os traballos para a mellora da mobilidade e recuperación de espazos públicos na Avenida da Constitución. O Concello, pola súa banda, achega o 25 % do total (230.000 euros). A sinatura do protocolo tivo lugar este luns no Pazo provincial, durante o acto, Luis López puxo en valor o compromiso, compartido co do goberno provincial, da rexedora Nava Castro para transformar e modernizar os espazos urbanos da vila mellorando os servizos prestados á veciñanza.

    A obra, valorada en máis de 925.000 euros, servirá para fomentar a mobilidade peonil e a mellora da calidade urbana da contorna da Avenida da Constitución e dos Xardíns da Xiralda. Un proxecto centrado nunha área de máis de 2.500 metros cadrados nos que se potenciarán os desprazamentos a pé ou en bici, a seguridade viaria e se porá en valor o patrimonio arquitectónico e etnográfico do espazo. Os traballos inclúen a implantación dunha plataforma única, limitar a circulación de vehículos a motor, a instalación de novo mobiliario urbano e a renovación dos servizos para a mellora da eficiencia enerxética e da xestión da auga. En definitiva, unha humanización integral para a transformación dun espazo dominado polos coches nunha área de esparexemento peonil que contribuirá a mellorar a calidade de vida dos habitantes de Ponteareas.

    Segundo recolle o convenio, as obras deberán estar rematadas antes do 30 de abril de 2025. A sinatura deste protocolo entre Deputación e Concello de Ponteareas realízase coa modificación das bases do programa PON2030 xa en vigor. Unha modificación que fai compatible a achega da Deputación coas subvencións doutras administracións sen que o montante concedido ao Concello polo goberno provincial se vexa reducido.

    Despois da sinatura do acordo, o presidente Luis López quixo felicitar á alcaldesa Nava Castro pola aposta por proxectos transformadores.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.