O CEIP Humberto Juanes acolleu esta semana un encontro interxeneracional facilitado desde o Concello de Nigrán ante o interese da comunidade educativa por realizalo. Os protagonistas foron Celedonio Villanueva e Jesús Iglesias, ambos veciños de Nigrán usuarios do Centro Municipal de Enfermidades Neurodexenerativas situado no CEE de Panxón. Na xornada participou tamén o alcalde de Nigrán, Juan González, e acudiron a edil de Maiores, María Mayán, e de Educación, Estela Pérez.
Os octoxenarios contestaron a todas as preguntas plantexadas polo alumnado de 5º e 6º de Primaria, xa que neste curso traballan precisamente nun proxecto competencial cuxo eixo temático é o Alzhéimer. Xunto á rapazada reviviron os seus traballos como maquinista naval e condutor de Vitrasa respectivamente ou os seus recordos da escola. Ademáis, coa colaboración da psicóloga de AFAGA (entidade concesionaria deste servizo municipal) explicaron como afrontan a súa enfermidade e que tipo de exercicios realizan para ralentizar o avance da mesma. Ao finalizar o encontro, Celedonio e Jesús foron entrevistados por dous alumnos de 6º na radio escolar.
O Concello de Nigrán conta desde 2016 con este Centro Municipal de Enfermidades Neurodexenerativas de Panxón vencellado a súa política ‘Un Nigrán para todos’ e que funciona todas as tardes de luns a venres.