7.8 C
Pontevedra
Luns, 29 de Abril de 2024
Máis
    HomeColaboraciónsO Meu AndelSamuel Merino (Pompa Boato), «Claustro, corda, comensal»

    Samuel Merino (Pompa Boato), «Claustro, corda, comensal»

    A poesía de Samuel Merino vén sempre cargada de sinceridade, de crúa e íntima sinceridade. Dende unha posición autorreferencial, debulla para nós distintos momentos da súa vida ou, para ser máis preciso, das súas vivencias, espindo así algunhas parcelas da súa propia psique. Iso non implica, obviamente, que cada verso sexa unha afirmación incuestionable, unha verdade dogmática, pero non resulta difícil atopar nos seus textos un eixo argumental máis ou menos evidente que nos devolve unha e outra vez ao propio poeta. Mesmo que se disfrace, como acontece en «Claustro, corda, comensal», un longo poema fragmentado (iso xa é marca da casa) cun fío narrativo moi claro. Intuímos que tal fío nace da súa formación teatral, o que, unha vez máis, aproxima o texto ao concepto do monólogo dramático.

    A afirmación sobre o disfraz débese a que o eu poético desta peza semella non ser Samuel, senón unha muller que ingresa nun centro psiquiátrico e que nos convida a acompañala durante o tempo de estadía. Pero as referencias persoais son tan claras que resulta doado interpretar o seu papel como unha representación, simbolismos aparte, do propio autor. Dende o mesmo preludio xa advertimos algúns dos elementos que lle darán forma ao texto, como son a ausencia ou a soidade. Cando a protagonista abre a porta e nós a atravesemos canda a ela, adentrarémonos nun mundo habitado por doentes, pero tamén polo silencio, pola memoria, polo desconsolo, pola empatía, pola violencia, polas olladas perdidas e polas lembranzas. Un espazo simbolizado no propio claustro ao que alude o título do poema, que aílla á protagonista do exterior e a través do cal se nos propón achegármonos a unha cuestión tan actual e tan descoñecida como é a da saúde mental.

    Como non podía ser doutro xeito, o texto está inzado de referencias a Leopoldo María Panero, o escritor que entraba e saía dos centros psiquiátricos por mor dos problemas derivados do seu ingreso no cárcere logo de participar na loita antifranquista. E non falamos só das referencias máis evidentes, como é a inclusión de varias citas súas ao longo do texto, senón tamén indirectas, como é a tendencia ao escurantismo que agroma por tras dalgúns dos versos, que semellan abeirar ese malditismo, entre nihilista e existencialista, tan característico do poeta madrileño. Esta afirmación pode levar a pensar nunha composición lóbrega e pesimista, pero a pesar da crueza dalgunhas das imaxes, o certo é que Samuel Merino é capaz de acadar un grao de calidez importante que facilita a súa lectura e axuda a empatizar de forma clara coa protagonista.

    O poema está escrito cun estilo diáfano e directo, e cunha linguaxe precisa e ateigada de xiros audaces na súa capacidade expresiva e descritiva, o que nos permitirán mergullarnos na psique dese eu poético do que falabamos. O resultado é unha delicada pescuda no fondo da alma do poeta e, por extensión, da nosa propia.

    Samuel Merino (Pompa & Boato)

    «Claustro, corda, comensal»

    96 páxinas