Venres, 24 Xaneiro de 2025

A Xunta autoriza o cambio de titularidade da PO-195 ao seu paso polo concello de Tomiño

O Consello da Xunta autorizou o cambio de titularidade a prol do Concello de Tomiño da estrada PO-195 en Forcadela, no treito comprendido entre os puntos quilométricos 0+020 e o 1+530, incluído o seu dominio público viario.

En concreto, transfírese un treito desta vía autonómica de algo máis de 1,5 quilómetros de lonxitude, no que se que inclúe a obra de paso sobre o río do Hospital da Briña, agás os nós de conexión coa PO-552 no seu inicio e final.

Esta transferencia autorízase logo de rematar a Xunta en agosto deste ano as obras de construción dunha senda peonil ao seu paso por Forcadela, que supuxo un investimento autonómico de preto de 50.000 euros.

Esta intervención de mellora da seguridade e da mobilidade permitiu habilitar un itinerario peonil nun treito antigo da PO-552, de 390 metros de lonxitude na marxe esquerda da vía, entre o cruzamento coa PO-552, no quilómetro 0+050, e a beirarrúa existente no quilómetro 0+440.

Concretamente, habilitouse unha nova senda de formigón duns 2 metros de ancho mínimo, mantendo a calzada de dous carrís. O novo itinerario é de uso compartido, para peóns e ciclistas non deportivos.

Nesta intervención buscouse adaptar a senda á rasante existente e executouse separada por un bordo elevado uns 6 centímetros e unhas beiravías que non superan 0,5 metros na marxe sobre a que se actuou. Para acadar este obxectivo, readaptouse lixeiramente a drenaxe da plataforma, para o que se dispuxeron sumidoiros conectados ás obras de drenaxe transversal.

Ademais, como as obras de drenaxe transversal existentes estaban bastante próximas á calzada, os traballos incluíron a execución dunha pasarela de madeira que cubre a canle de rega entre os quilómetros 0+100 e o 0+120, permitindo o paso de peóns. Deste xeito, o ancho do novo itinerario vai desde 2 metros nos seus extremos coa senda de formigón, ata os 3,6 metros para permitir unha correcta ancoraxe no terreo adxacente á canle de rega.

Co cambio de titularidade, o Concello de Tomiño terá a competencia para actuar neste treito da estrada PO-195 ao seu paso por Forcadela e asume a responsabilidade da súa conservación e mantemento.