Domingo, 16 Febreiro de 2025

Charla sobre nutrición para afrontar o Nadal de forma saudable

Ás portas do Nadal multiplícanse os xantares abundantes sendo habitual resentirse pasadas estas datas. Os excesos na alimentación son frecuentes, polo que dende o Centro de Saúde da Guarda queren realizar unha charla-obradoiro para o público en xeral e dun xeito didáctico e ameno ensinar aos veciños da Guarda a cambiar certos hábitos ou xerar novas estratexias para evitar que cometamos excesos sen por elo renunciar a compartir mesa cos nosos seres queridos, que ao final é o centro do Nadal.

Así este taller intentará traballar en tres aspectos fundamentais:

  • Consellos para non perder de vista a nosa alimentación durante as celebracións
  • Estratexias para gozar da comida sen remordementos e evitar compensacións extremas
  • Aprender receitas deliciosas e rápidas descubrindo combinacións saudables e rápidas de elaborar pensadas para as celebracións de Nadal

O evento que é de acceso libre e non precisa de inscrición previa realizase en horario de tarde, ás 19h. Procurando chegar ao maior número de asistentes posibles, polo que convidamos a todos os interesados a achegarse o vindeiro martes 19 polo Centro Cultural.