Domingo, 16 Marzo de 2025

Case rematada a obra de renovación da cuberta do Pavillón de Sanguiñeda

O orzamento da mellora ascende a preto de 50.000 euros

O Secretario Xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, visitou esta os traballos de renovación da cuberta do Pavillón de Sanguiñeda, acompañado pola alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, a concelleira de Deportes, Feli Rodríguez, o edil mosense de Urbanismo, José Ramilo, e representantes da empresa constructora.

O pasado setembro aprobábase, por unanimidade dos membros do Pleno do Concello de Mos, a transferencia de créditos do orzamento municipal para destinalos a estas melloras deportivas.

Realízase neste senso un investimento de preto de 61.000 euros en melloras de dotacións deportivas, concretamente 60.825,92 euros; dos cales 48.325,92 euros destinaranse á reforma da cuberta do Pavillón de Sanguiñeda e 12.500 euros a adquisición de material deportivo.

A reforma da cuberta deste pavillón está a piques de rematar e era moi necesaria. Suporá unha importante mellora para os usuarios do mesmo, entre eles o alumnado e comunidade educativa do CEIP Mestre Valverde Mayo.

Os traballos realizados solucionan as humidades existentes mediante a actuación na cuberta exterior, que tiña deteriorado o seu estado de conservación dada a súa antigüidade.

En canto á adquisición de material deportivo, inclúe un marcador para o campo de fútbol municipal das Baloutas, así como elementos para exercizos para o ximnasio e a piscina do Pavillón Óscar Pereiro e para o propio Pavillón de Sanguiñeda.

Dos 48.325,92 euros que se invisten na cuberta de Sanguiñeda, 38.660,73 euros fináncianse grazas a subvebción da Xunta de Galicia e o Concello asume os 9.665,19 euros restantes. Por outra banda dos 12.500 euros destinados a material deportivo, adquírese con subvención autonómica material por importe de 10.000 euros e o Concello aporta 2.500 euros.

Tras a visita ao Pavillón de Sanguiñeda, o Secretario Xeral para o Deporte participou nunha reunión informativa sobre o Bono Deporte da Xunta de Galicia, dirixida aos pais dos nenos federados, Xogade, clubes deportivos, ANPAs e público en xeral, que se celebrou no Pazo de Mos.