Xoves, 27 Marzo de 2025

A Cañiza continúa apostando pola reciclaxe e a compostaxe

Baixo o lema de “A Cañiza, coidada e sostible”, o Concello continúa coa súa campaña de sensibilización ambiental iniciada xa nos anos 2021 e 2022 e que segue, neste 2023, centrada na compostaxe doméstica para promover a reciclaxe de residuos orgánicos no concello.

O pasado venres 15 de decembro, desenvolveuse unha nova xornada de sensibilización e concienciación ambiental sobre boas prácticas en materia de compostaxe doméstica, nunha carpa  informativa itinerante situada na entrada da Casa Consistorial.

Co obxectivo de mellorar o grao de concienciación ambiental dos veciños e reforzar e fomentar un cambio de hábitos e de comportamento en torno a reciclaxe de residuos, os monitores medioambientais da empresa ANCARIA SL captaron a atención dos nosos veciños a pé de rúa  durante toda a mañá, entregando material divulgativo que nos axudará a todos e mellorar a reciclaxe mediante a compostaxe.

As seguintes xornadas terán lugar os días 22 e 27 de decembro, en horario de mañá e no mesmo emprazamento.

#acañizacoidadaesostible conta coa colaboración coa Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia -no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia e está financiada pola Unión Europea, a través dos fondos -NextGenerationEU-

Ademais, o alcalde Luis Piña anunciou que se algún veciño desexa ampliar información sobre o procedemento de solicitude e adquisición dun composteiro doméstico, pode contactar co persoal da Biblioteca Municipal, na súa recepción ou chamando a partires das 10h da mañá ao número 986 66 30 69.

A campaña pretende impulsar un modelo de residuos baseado na compostaxe e no tratamento a quilómetro cero dos  biorresiduos municipais. A súa razón de ser é que A Cañiza cumpra cos obxectivos fixados na normativa europea, estatal e autonómica en canto a porcentaxes de residuos orgánicos recolleitos e aproveitados.