9.2 C
Pontevedra
Luns, 29 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoO RosalUnha viaxe para experimentar a realidade dos campamentos saharauís

    Unha viaxe para experimentar a realidade dos campamentos saharauís

    O Rosal xa está de volta tras a súa primeira visita aos campamentos saharauís de Tindouf, en Arxelia. A concelleira de Medio Ambiente, Benestar Social e Igualdade, Beatriz Rodríguez, regresaba con moitas sensacións e a necesidade de repousar todo o vivido da expedición á Wilaya de Bojador organizada polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade xunto coa Delegación da República Árabe Saharauí Democrática en Galicia e España e a ONGD Solidariedade Galega co Pobo Saharauí.

    Unha viaxe máis curta do previsto, de apenas cinco días, na que Rodríguez e a trintena de participantes na expedición puideron coñecer de primeira man a realidade das persoas refuxiadas dos campamentos de Tindouf e os proxectos de axuda humanitaria que impulsa Galicia alí, así como visibilizar o apoio das administracións locais á causa saharauí.

    “Somos conscientes de que un concello tan pequeno coma O Rosal só non pode levar a cabo proxectos de cooperación internacional, pero se todos e todas nos unimos e achegamos o noso gran de area podemos facer grandes cousas. Porque a solidariedade e a cooperación teñen que ser áreas de colaboración, non de confrontación nin de cores políticas”, salienta a concelleira, quen resalta a boa labor que realiza o Fondo Galego.

    Formada en Traballo Social e Cooperación ó Desenvolvemento, Beatriz Rodríguez puido coñecer durante a súa estancia as instalacións da Media Lúa Vermella, o proxecto ‘Nadafa’ de recollida de residuos e sensibilización ambiental e outras iniciativas impulsadas por Galicia centradas no medio ambiente, visitar as escolas dos campamentos ou entrevistarse con membros da Asociación de Familiares de Prisioneiros e Persoas Desaparecidas Saharauís (AFAPREDESA), que contaron ás e aos visitantes as súas vivencias. “Escoitar as historias persoais é algo que impresiona, levan 48 anos expulsados da súa terra, e manteñen a súa loita. Gran parte das persoas que alí viven xa naceron nos campamentos e continúan coa mesma proclama e forza por un Sáhara Libre. Realmente viven unha grande inxustiza social”, destaca.

    Durante a súa estancia Beatriz Rodríguez viviu cunha familia de acollida que a achegou a outra cara dos campamentos: a cultura. “Rabab e a súa filla Amuna, que foron a nosa familia acolledora eran persoas moi abertas e cultas. Amuna é a directora da Escola de Teatro e mestra na Escola de Cine. Amuna convidounos a visitar a Escola de Cine e puidemos coñecer de primeira man as súas instalacións e traballo. Alí celebran o Festival Internacional FiSahara, ao que cada ano acoden persoas de renome no mundo da cultura a nivel internacional para apoiar a causa saharauí. Mediante o seu cine pretenden entreter, transmitir coñecementos e empoderar á poboación refuxiada”, lembra a concelleira.

    Unha experiencia inesquecible para Beatriz Rodríguez, que se empapou da realidade dos campamentos, nos que “manteñen un delicado equilibrio entre a loita por ter mellores condicións de vida alí e a loita pola autodeterminación e volver ás súas casas”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.